Souto
Clara Iglesias Cortizo
- CORTEGADA: procede do latín tardío CORTICATAM, á súa vez derivado do latín vulgar CORTEM, e este, do clásico COHORTEM. Seguramente faría referencia a unha explotación agrícola ou gandeira pechada: a palabra corte no latín vulgar da Gallaecia tomou o significado, aínda vixente na actualidade, de “lugar pechado, normalmente para gardar o gando”.
- ENVIANDE: trátase dun topónimo derivado do nome dun antigo posesor. Procede do sintagma VILLAM IUVENANDI, xenitivo do antropónimo latino IUVENANDUS.
- O MONTILLÓN DE ABAIXO / O MONTILLÓN DE ARRIBA: deriva do latín MONS-MONTIS, “monte, montaña, rocha”. É interesante neste topónimo a acumulación de dous sufixos aumentativos: xunto co habitual -ón (cabeza>cabezón), aparece o engadido -ill-, resultando así -illón. Un caso semellante a este na toponimia é o de Castrillón (concellos de Baralla e Becerreá) e tamén se dá no léxico común, como é o caso da palabra pontillón.
- SAN TORCADO: alude ao santo chamado Torcado, derivado do latín TORQUATUS, que significa “o que leva o colar celta chamado torque”.
- A SOMOZA: deriva do latín SUB MONTIA, é dicir, “debaixo dos montes”. Fai referencia á situación orográfica do lugar.
- SOUTO: do latín SALTUM, que significaba “salto, desfiladeiro, pasteiro con bosque” e posteriormente adquiriu o significado de “monte poboado de castiñeiros”.
- TORREBOREDO/*TERREBOREDO: trátase dun caso conflitivo no que respecta á propia forma do topónimo. Segundo o Nomenclátor oficial, o nome da aldea é Torreboredo; mais, na opinión dos veciños do lugar, non é esta a forma verdadeira, senón Terreboredo, tal e como aparece en grande parte da súa documentación privada. No Catastro de Ensenada e no Dicionario de Madoz recóllese a forma Terreboredo, mais no tombo do mosteiro de Aciveiro aparece Torreboredo en foros do século XVI. Sexa como for, o segundo elemento do topónimo é claro: reboredo, derivado da forma ROBURETUM do latín vulgar, abundancial en -ETUM (despois -edo), de ROBUR, “carballo”. A primeira parte é tamén de significado obvio: ou ben é terra, do latín TERRAM, é dicir, “terra de carballos”; ou ben torre, do latín TURREM. Neste caso, quizais habería que pensar que reboredo designa non unha carballeira, senón un individuo apelidado así, é dicir, “torre dun tal Reboredo”.
Souto (Santo André)
Manuel Reimóndez Portela
Por este nome é coñecida a parroquia desde tempos que se perden na lembranza.
Pola súa situación pertence a freguesía á zona chamada da Montaña, que forma con Codeseda, Liripio, Ribela, Arca e Sabucedo.
LINDES: linda ao norte coa parroquia de Nigoi, polo sur con Campolameiro e Quireza de Cerdedo, polo leste con Codeseda e polo oeste con Arca e Cuntis e parte de Caldas.
Por razón alfabética do seu nome ten o posto 44.
Polo que atinxe á súa superficie ten o posto 2 con 1.760 hectáreas. Ten 550 habitantes de feito; na actualidade os habitantes son 308.
Componse dos seguintes lugares:

Comunicacións: cruza a parroquia a estrada PO-222 de Codeseda a Campo Lameiro camiño a Pontevedra por Souto, a Somoza e a Toxeira. Unha pista arranca dende o cruceiro da Costa da Bouza, que cruza os lugares, cruza o río Umia e pasa ademais polo lugar de Nodar de Arca, Cruceiro, Amarelle e Parafita de Nigoi, e, cara ao sur para chegar a Montillón de Abaixo e dende alí a Montillón de Arriba pola dereita, seguindo volve esgallar á dereita para Cortegada (que chaman moitos Cortegade), onde houbo Cortellos e pola esquerda chega a Enviande e San Trocado.
Outra pista arranca de Souto cara ao norte ata chegar á igrexa seguindo a ponte de Souto, que atravesa, indo despois como camiño cara a Torreboredo.
Actualmente hai un desvío na fonte do Arnado cara ao leste e para seguir ata Abragán, onde enlaza coa estrada Codeseda-Sebil, xusto no linde da parroquia de Souto con Codeseda.
Nesta parroquia non se fixo a concentración parcelaria polo que o resto son camiños veciñais e moitos pola grande extensión de monte cara aos Montillós e polas montañas que a rodean polo sur. Estase a abrir unha pista, dende o monte do lugar da Somoza cara ao monte veciñal.
Pode ser que o Camiño Real viñese por San Torcado e Eviande a Souto, e de alí a Torreboredo seguindo cara A Estrada polo Moucho de Vinseiro.
O importante camiño desde Codeseda, por Souto, A Lama,a Campo Lameiro, era o camiño dos arrieiros; sobre este camiño que cruza Terra de Montes fálanos X.M. Martínez Oca en "Dos Camiños de arrieiros aos Pazos da Ulla".
HIDROGRAFÍA: sen dúbida o principal río que atravesa a parroquia polo sur é o Umia, un río xa aquí amplo e maino, nun doado camiño de pouca pendente para achegarse a Caldas de Reis cara á ría e o leito do mar. Ten de particularidade que aquí divide a parroquia deixando cara ao norte a Torreboredo que pertence a esta parroquia aínda que a cruce o Umia.
O regueiro que lle segue por importancia é o Regueiro de Montillón que, formándose preto do cume do Cádavo (nace na fonte do Cabalo), un terreo cheo de herba, case que chan e lamuguento, descende serra abaixo entre San Trocado e Enviande pola dereita e os Montillóns pola marxe esquerda para chegar a Souto e pasar a verter as súas augas ao Umia, abaixo da ponte Nodar. Máis pequeno é o regato de Enviande uníndose ao chamado río de Montillón (vertendo as súas augas neste) na ponte de Aldea de Abaixo, nome que tamén leva Montillón de Abaixo.
Pequeno tamén é o regato da Xesteira, nace preto do Umia, ao que vai dar.
O regato de Porta Cancelos ou Piorneda entre Montillón de Abaixo e Souto e vai ao Umia arriba da ponte da Paradola.
E o regato de Acebeda, que linda con Cuntis polo oeste da parroquia e vai ao Umia e San Paio.
Entre Codeseda e Souto hai o chamado "regueiro do Soutiño", que na parte alta divide estas parroquias; na parte baixa introdúcese de cheo na parroquia de Souto, deixando o linde interparroquial, por onde se chama Axariña; baixa polos Montiños, Os Ollares e xúntase onde lle chaman Os Portaimós cun regueiro que vai das Quintas de Codeseda por Campos, facendo un remanso, que acabará xuntándose co Umia na lendaria poza da Zapateira.
PONTES: na estrada Codeseda-Campo Lameiro atópase a pontella de Portacancelas e despois a da toxeira preto deste lugar e remata a de Acebedo.
No río Umia temos a do Portón, a de Nodar foi modificada (engadíndoselle beirarrúas e vigas para ampliar a rodaxe), a de Paradola e a de Souto.
No río de Montillón está a de Montillón de Abaixo, a da Fonte de San Bieito, a das Brañas e a das Cabras.
A ponte de Souto foi desfeita por unha enchenta e repuxérona de novo colocándolle unha pedra con inscricións que tiña a ponte vella e que di: "ESTE PUENTE SE CONSTRUYÓ POR DISPOSICIÓN DEL ALCALDE LICENCIADO. D. CAIETANO TABOADA SOUTELO. AÑO 1817".
FONTES: son importantes: a do Cabalo, onde nace o río de Montillón, polo mesmo monte está rechamante a fonte de Meniña, a da Golguiña, a de Cortegada, a da Xesteira, a fonte de San Bieito (onde ían montar o santo), a das Caras Novas, a de Casal, a de Souto, a de Montillón de Arriba, que tamén a chaman fonte Barrenta, a do Regueiro de Braña, a da Ponte de Toxeira, a de San Paio, onde houbo unha capela. En Souto a de Pontecancelas e en Souto de Arriba a das Brañas.
OROGRAFÍA: Souto é unha parroquia con características especiais, polo norte na mesma ribeira do Umia non chega aos 300 metros no Cádavo, o Outeiro dos Cregos, a Serra Grande, a Chan das Lagoas...unha verdadeira serra, dominante coma ningunha da redonda, chea de poesía, paisaxe, vida animal e traxedia da mesma clase onde se impón a lei do máis forte.
Subimos unha tarde con don Belisario, sensible a estas cuestións e magnífico guía. Atacamos os montes polo baixo oeste chegando aos Outeiros, alí ao pé duns penedos onde estivo unha cruz que deixou o seu sinal na peneda máis alta onde levaban a San Bieito en procesión, un novenario, para pregarlle que deixase de chover, enfiamos despois un camiño retorcido e malo, o que deixabamos a miúdo para gañarlle as voltas, a subida empinábase a cada paso, algunha leira, que sementaron de froito branco, monte baixo. Toxeiras pequenas, uns campos e poucas camposas, crúzanse outros camiños que rodean a montaña pola súa aba, seguimos subindo, entramos nun camiño menos estreito, malo e pasamos a outro cheo de herba e croios e ollamos os primeiros sinais dunha fauna que se enseñorea do monte, forzadas feitas polo porco bravo máis sinais e despois o "gasto" dun lobo, outros sinais de porcos e seguindo, de súpeto, unha costela, e outra e outra máis, brancas coma a pura neve, e outros ósos, vértebras, anacos de columna vertebral e o seu remate ben conservado o anaco derradeiro dos osiños do rabo, todo iso imaxe viva na lembranza duns días e noites de loita sen cuartel por seguir vivindo... un poldriño sen experiencia saíra da manada, corretea rideiro cheo de afáns de liberdades e horizontes novos de alta montaña...adiante novos ósos e uns carreiriños estreitos e cheos de recobecos por onde pasan as manadas de bestas bravas do curro de Sabucedo, unha tras outra enfiando sempre polos mesmos vieiros cercando o terreo de cada eguada. E novos sinais, plumas de paxaros, "gasto" de coellos e lebres, un escampado nuns campos, e noutro máis aínda o recente sinal da terra sen herba onde as bestas "toman a cebada" (revólcanse os cabalos dando tombos dun lado e doutro e cheos de pracer)... e subindo por costas xa moi pinas ata chegar ao cume...os cumes mellor dito,dunha longa e forte montaña sen árbores cuberta de herba e toxo baixo roído polas bestas e as vacas que alí viven en liberdade e as grandes sorpresas. O outeiro das Catro Pedras, a Pedra Sanguiña, os marcos de deslinde con Campo Lameiro ou Cercedo ou Cuntis algún cunha cruz e unha chan longuísima e sorprendente, chan das Lagoas, chea de auga polo inverno, non mirando a moi lonxe non nos decatamos que nos atopamos no mesmo cume dunha grande montaña.
Foi unha tarde de agosto con sol e forte calor cando empezamos a subir, chegando preto do cume apareceu unha néboa, foise facendo máis mesta e arriba rematamos por non vernos a poucos metros, a néboa humedeceunos a pel e encheunos de frío e Belisario decidiu baixar comoa antes, volvemos pola ourela leste do monte cara a Cortegada, ata que pouco a pouco foi aclarando o ceo, e envolveunos unha morniña de calor que agradecemos moito e despois de enfoscarnos nun novo camiño, propio para cabras, chegamos á dita Cortegada e a Montillón de Arriba xunto á mesma capela de San Bieito. Consello: é moi fermoso subir o monte en cuestión e paga a pena, aínda que debe facerse coa seguridade do bo tempo ou levar a Belisario.
PAISAXES: son fermosísimas aquí as paisaxes da mesma ribeira do Umia, con magníficas camposas e merendeiros, e moito máis arriba deste o cume da serra do Cádavo nun bo día, con boa visibilidade pode ollarse ata Cambados, Pontevedra, ría de Arousa polo oeste e polos outros aires o Pico Sacro, ou Santiago, ou terras de Melide e mesmo da provincia de Ourense.
MÁMOAS: houbo unha onde lle chaman A Mámoa, preto da ponte do Saltiño onde a entrada desta, e do lado de abaixo, xa non se atopan restos.
PEDRAS: os Outeiros de Catadoiro, conxunto de pedras ao SO de Montillón de Arriba, do que xa falaremos, a Pedra Sanguiña no máis alto da serra do Cádavo e alí pretiño os catro outeiros tamén chamadas As Catro Pedras; son catro pedras grandes, poida que de cinco metros de alto coa particularidade que sorprende da súa beleza ao presentárense como unhas moi grandes esferas un pouco sumidas na terra, non sendo a de máis abaixo e algo máis ao leste que é a máis feita; bastante preto unhas das outras sendo un conxunto digno de admirar. Preto delas, un marco cunha cruz que nos deslinda con Cuntis. O Outeiro dos Cregos cos seus penedos. Dignas de ollarse.
Pedras a subliñar son os cruceiros e conta cos seguintes:
1 Situación: parroquia de Souto, no cemiterio, a carón da igrexa desta parroquia.
Descrición: plataforma: dous chanzos. Pedestal: cuadrangular, borde superior redondo. Columna: octogonal, comenza e remata cadrada, coas iniciais I.H.S na súa cara lateral dereita. Capitel: pirámide cuadrangular invertida. Cruz: latina, lisa, de bordes redondos, sen figuras. Altura: uns tres metros.
Inscricións: soamente I. H.S na cara lateral dereita da parte superior da columna.
Conservación: boa
Tradición: un máis dos cruceiros propios dos cemiterios ou adros das igrexas.
Propiedade: pública.
2 situación: parroquia de Souto, moi preto da igrexa, nun cruce de camiños.
Descrición: pedestal: unha gran pedra irregular. Plataforma: non a ten. Columna: octogonal, comenza e remata cuadrangular.
Capitel: non ten cruz: latina, lisa, bordes rombos, sen figuras. Altura: uns dous metros.
Inscricións: mon se observan.
Conservación: mala
Tradición: cruceiro nun cruzamento de camiños, de paso para a igrexa.
Propiedade: pública
LENDAS: onde lle chaman Outeiro con dous grupos de pedras na pedra do grupo máis ao leste, o máis alto, aparece aínda na pedra do cume o sinal de ter cravada alf unha cruz, cousa que lembran os veciños... pois aquí traen os de Montillón a San Bieito cando vai mal tempo para que arraie o sol...vén o cura con veciños, todos en procesión os nove conseguintes días seguidos dun novenario, reza o cura, rezan os veciños pedindo que se vaia "o novenario", con iso coidan de esconxuralo.
Cando os veciños desexan que chova levan o San Bieito tamén en novena e móllano na fonte do seu mesmo nome... hai tempo que non se atreven a mollalo moito xa que nunha ocasión choveu tan forte que lles arroiou todas as leiras, entón os maiores traspasáronlles máis ben o asunto aos rapaces dicíndolle, que lle mollen soamente os pés cun pano mollado... por se cadra.
Un ano non chovía, a auga precisábase moito e o cura propuxo que se celebrase outra novena máis... xa que a auga estaba moi "dura"... din os veciños que se emborrachaban moitos e matábanos e tirábanos ao río Umia alí preto. Por iso decidiron desfacer a capela e a pedra foi para facer parte da igrexa de Arca, e a súa campá pequena foi desta capela.
Había un cruceiro na bocaponte esquerda da ponte do Umia, que vai cara a Torreboredo, desaparecido nos anos '70 '80.
FONTE DO CÁDAVO: trátase dunha fonte moi nomeada preto do cume do Cádavo nun terreo lamuguento, pois daquela auga non se pode beber xa que por debaixo pasa unha viga de alcatrán. Tamén no Cádavo a cen pasos ao nacente da mesma fonte do Cádavo hai un tesouro oculto.
No mesmo Cádavo no couto da Galla está soterrado un pendón de ouro.
Na mesma fonte do Cádavo aparécense as meigas ás doce da noite o día de San Xoán e mais día de San Paio, veñen con angazos de restregar o trigo ou o liño e acométenlle a cantos ven.
Os veciños téñenlle medo e ninguén se atreve a ir alí ese día ás doce da noite.
Os TOMBOS DE SOUTO: hai tempo apareceu un cura novo en Souto (viña en compañía dunha sobriña súa), e morreu cedo; di a súa lápida "JESÚS LORENZO PASEIRO, falleció en Souto el día 11 de agosto de 1910, a los 33 años de edad. Rdo. de la parroquia de San Pedro de Campañó".
Rdo. de sus padres y hermanos. D.E.P.
Despois de morto a súa sobriña seguiu vivindo na parroquia e levaba os visitantes, que chegaron a ser moitos, ao adro da igrexa e alí facíanlles dar uns tombos enriba dunha lousa, con iso quitábanlles os malos espíritos e mais as meigas. Ademais dos tombos daban voltas á igrexa e despois facíanlles soprar moi fortemente polo buraco da pechadura da porta xa que no alento se lles ían as meigas para dentro da igrexa.
Os veciños de San Torcado vendéronlle o San Bieito (imaxe de pedra que aínda aparece nunha fornacina no frontis da capela en Montillón de Arriba) aos deste lugar por unha taza de miúdo (millo miúdo). Entre sorriso e burla cóntano os veciños... segundo quen.
HISTORIA: recolle no ano 1607 Jerónimo del Hoyo:
"San Andrés de Souto, anexo a San Miguel de Arca. Tiene esta feligresía 30 feligreses. Los frutos todos a la cura que valdrán sin los de San Miguel de Arca, su cabe^a, quarenta cargas de pan. Presentación también según dicen, de la casa de Goldar, la fábrica tiene de renta dos ferrados de centeno".
Catastro de Ensenada: no capítulo dedicado a este catastro e onde corresponde o couto de Tabeirós atópanse os datos desta parroquia que son moi interesantes (anos 1747-50).
Pascual Madoz, dinos no seu dicionario (1846-1850):
"Souto (San Andrés): feligresía de la provincia de Pontevedra (5 y 1/2 leg.) partido judicial de Tabeirós diócesis de Santiago (5) ayuntamiento de La Estrada (1). Situada a la izquierda del río Umia con libre ventilación y clima sano. Tiene 175 casas en las aldeas de Cortegada, Enviande, Montillón de Abajo, Montillón de Arriba, Santocarte, Somoza, Souto y Torreboredo. La iglesia parroquial (San Andrés) es aneja de la de San Miguel de Arca en la aldea de Montillón de Arriba hay una ermita dedicada a San Benito. Confina NO con la matriz; E. Codeseda, S y O en el monte Cádavo. El terreno es de inferior calidad y abundante de aguas. Produce maiz, centeno, patatas, algún trigo, lino, legumbres y pastos, se cría ganado vacuno, de cerda y lanar. Caza de liebres, conejos y perdices. Y pesca de anguilas, truchas y otros peces. Industria: la agricultura, molinos harineros y cantería. Población: 17 vecinos con 850 almas."
Nomenclátor del Arzobispado de Santiago (1883), os datos deste nomenclátor correspondentes a esta parroquia atópanse nos da paroquia de Arca.
No ano 1924 tiña censados 946 habitantes.
Dinos Álvarez Limeses no ano 1936:
"Souto (San Andrés). Dista 33 kilómetros de Pontevedra y 13 de La Estrada y limita al N. con Arca. Con Quireza en Cercedo, al E. con Codeseda y al O. con Cequeril en Cuntis".
Entidades: Cortegada con 43 habitantes, Enviande 98, Montillón de Abajo 96, Montillón de Arriba 167, San Trocado 94, Somoza 107, Souto 205 y Torreboredo 136 que hacen un total de 946 habitantes para los que existen tres escuelas, una mixta desempeñada por maestro en Torreboredo y dos unitarias en Montillón.
Su principal monte es el Somoza y la riegan varios arroyos y el río Umia. El terreno es de mediana calidad. La cruza la carretera de Codeseda a Pontevedra por Campo por la que hay servicio diario de correo. Tiene siete molinos harineros y una taberna. La Iglesia fue construída en 1833 y sus principales fiestas son la del Corpus Christi, La Saleta, San Antonio, Nuestra Señora del Carmen y San Andrés".
IGREXAS
Igrexa de Souto: ten unha portada de arco alintelado percorrido de molduras planos, doselete, ventá debaixo dun semicírculo. Remata a fachada con pináculos nos extremos e espadana central de dobre van. Nos muros laterais tamén ventás debaixo de semicírculos. A sancristía, ao norte ten cornixa moldurada en bóla, cabeceira con contrafortes angulares. Ventá de dobre ábsida con moldura plana acadada e derramada ao exterior.
Séguense a facer ampliacións no cemiterio, substituíuse o tellado da igrexa. Ademais, substituíron as bóvedas, que antes eran sollado de madeira e agora son de formigón. Tamén se substituíu o sollado de madeira do coro por un de formigón.
Segundo Álvarez Limeses esta igrexa foi feita no ano 1833. p. 551.
Dinos Bango Torviso: Arquitectura románica en Pontevedra. 1979. p. 249
Un retablo de Sta. Salomé de Santiago atópase nesta igrexa. Orega Romero "El Barraco". Historia del arte gallego. Madrid 1982. p. 638.
Dinos Bango Torviso " arquitectura románica en Pontevedra"1749-p. 249.
FREDENANDUS PRESBITER FECIT FONTS ET RESTAU RAVIT ECLESIA VCABULA SANTI BENEDICIT IGREXA DE SOUTO. VEXETACIÓN E PEDRA
Capela de San Bieito en Montillón de Arriba. Souto: ten unha portada de arco alintelado recercado de moldura, unha fornacina de arco semicircular e un óculo, na fornecina hai unha imaxe policromada, posiblemente do século XIV-XV, que parece corresponder coa de San Nicolás. Esta é a imaxe que orixina a lenda que lle dá nome á aldea de San Torcado. Di que os veciños de Montillón fixeron por esta imaxe un pagamento simbólico dunha taza de miúdo. Remata o conxunto en pináculos e espadana central de dobre van con decoración de placas.
Xa nos deixou dito Bouza Brey "pila Bautismal con epígrafe en Montillón" Compostelanum V-XII Nº 4 Oct. Dcbre. 1967-p 651-652.
"En su interior nos ha llamado la atención una interesante pila bautismal de granito, construída con una sola piedra cuadrada de unos 80 cm. De lado, la cual anque carente de ornamentación ostentaba una inscripción grabada todo a lo largo del borde que hemos leído así:
FREDEMANDU PR: FECIT FONTS: ET RESTAURAVIT: ECLA: VOCABULA : ST: DICI., la cual inscrición restituimos desenvueltas las abreviaturas.
FREDEMANDU (S) (PRESBITE) R. FECIT FONS ET RESTAURAVIT E (C) CL (ESI) A VOCABULA S (ANC) (I) AEN (E) DICT (I):"
O sea el prebítero Fernando hizo la fuente y restauró la iglesia llamada de San Benito. Se trata de un epígrafe medieval. Por la regularidad de los caracteres y otros detalles puede ser la mitad del siglo XII".
Houbo na parroquia un convento chamado de San Paio cunha media ducia de frades de Armenteira; xa dixemos dito que se desfixo e a pedra pasou á igrexa de Arca.
Onde lle chaman Pao Ramiro, en San Torcado houbo unha capela que facía de linde ás posesións de duque Patiño... un destes duques, que tiveron moitas posesións, en Galicia e o norte de Portugal, viña a pé cos seus criados e apoderábase das terras segundo os veciños de Souto, e nunha ocasión corrérono a pedradas... non volveu.
Dinos Couceiro Bugallo: "Como parroquia eclesiasticamente constituída, a noticia máis antiga que me consta é que foi rexentada por frei Pedro de Roade, ao redor do ano mil cincocentos, sendo este abade encomendeiro do mosteiro de Aciveiro, cando este se atopaba xa na decadencia. (Decadencia do mosteiro mais do Cister). Con todo, por dereitos atávicos, pertence á xurisdición de Armenteira, xunto coa súa veciña Arca, coa que linda polo norte e mais polo solpor. Tamén por esta veira, de Norte a Sur, e dende Arca ata o monte que chaman Campo das Cruces (803 m), ou A Conla, linda con Caldas de Reis. Polo sur con Campo Lameiro e mais con Cerdedo. Polo leste con Sabucedo e mais con Codeseda. Con esta última tamén un anaco polo norte, pola Cabana, a Axariña, regueiro do Soutiño e o río Umia. Economía baseada na agricultura, practicamente de subsistencia, gandería do mesmo xeito, e cada día menos, da riqueza forestal. Foi das derradeiras parroquias en incorporar as melloras rurais promovidas no ano 67. Das únicas que se beneficiou foron:
A construción de dúas escolas, en Torreboredo e Montillón, e mais o avío dun renque eléctrico de distribución, cara a Montillón, dende o transformador de Souto (ano 70, aprox). Debemos apuntar o refugamento dos propios parroquianos, por falla absoluta de información ao caso".
FESTAS: a do patrón Santo André celébrase o 30 de novembro, por iso din os de Souto:
"Se vas ao Santo André de Souto, vés no outro" o Carme o 1 de decembro, celébrase ademais A Saleta o 19, e ao día seguinte o Santo Antón.
E San Bieito de Montillón, o 21 de marzo, e outro no verán.
A antiga romaría de san Bieito era moi importante, viñan romeiros e xantaban nos arredores da Carballeira de...
INDUSTRIAS: non ten industrias a parroquia. Teñen os seguintes muíños (moitos non moen):
No río Montillón: o de Parga, o de Cortegade, dous nas Freixas, dous onde a fonte de San Bieito, tres onda a ponte da Aldea de Abaixo, o da Nogueira, os dous na costa da Bouza.
No regueiro de Enviande ten o muíño de Panizo, dous en tras da costa, o da ponte de Soutiño, o das Veigas e outros no regueiro de Souto. O da ponte de Souto levouno unha enchenza, practicamente todos en desuso. Nas Barcias do Umia (que se conservan aínda topónimos), moitos destes muíños proceden de antigos batáns de liño, con tradición de confección de sombreiros de palla.
COMERCIO: En Souto non teñen comercios pero si teñen dúas tabernas en Montillón de Arriba e unha na Toxeira.
A coñecida "Casa Verdura" en Montilón de Arriba, preto da capela de San Bieito a carón do campo da festa, é coñecida polos seus cocidos ao xeito tradicional, acudindo xentes de moi diversos lugares.
CENTROS CULTURAIS: hai unha antiga escola en Torreboredo, recentemente rehabilitada que se usa para actos culturais e sociais.
Hai unha escola unitaria de primaria en Montillón.
ENSINO: os nenos en idade escolar poden ir á escola de Montillón de Arriba no prescolar ou "párvulos". Despois van ao CEIP Cabada Vázquez, e de alí poden pasar a Formación Profesional ou aos institutos de A Estrada.
Noutros tempos houbo en Montillón dúas escolas, dinos Pedro Varela é un "local Escuela Curros Enríquez" indicativa de D. José Cortés que está emprazado no Arnado de Souto...e un sindicato antes sociedades de Agricultores". A escola foi chamada "A Escola Laica" feita de boa cantería no Arnado de Abaixo, con achegas dos veciños emigrados na Arxentina, tal escola (lonxe das casas) case que non chegou a impartir ensino.
"En 10 de marzo de 1880 fué creada la escuela incompleta de Souto, hay Escuela Nacional servida por un Maestro que actúa en Torreboredo".
DEPORTES: a caza e a pesca son doados nesta parroquia, a primeira nos montes tan externos desta e a pesca nos regatos e, sobre todo, no río Umia.
O campo da Xeira (campo da festa de Souto) foi habilitado e, ademais das festas, é un sitio de lecer para os nenos.
SANIDADE: hai centro médico e farmacia en Codeseda mais na actualidade o servizo sanitario atópase na vila da Estrada, onde ademais teñen ambulatorio, algunhas especialidades e médico de garda.
ECONOMÍA: en canto á economía, servizos etc... viven moito mellor, aínda que non teñen feita a concentración das terras e por iso non acadaron os beneficios que iso conleva.
Cóntanos Pedro Varela "La invasión Francesa dejó en Souto recuerdos sangrientos. En 22 de diciembre de 1810. Dentro de la parroquial iglesia de San Andrés de Souto hiciéronse el entierro honras de Miguel Caramés, marido de Benita Fernández, de Montillón de Abajo. Lo mataron los franceses en Santa Cristina de Vinseiro en el ataque de La Rocha. En 20 de Febrero de 1811. En la iglesia de Souto se hicieron los funerales de Ramón Iglesias, marido de Ángela Fragoso, de Torreboredo. Murió en el hospital de la ciudad de Rodrigo herido por los Franceses".
TOPONIMIA MENOR: ten moitos e importantes chamadeiros, só citamos os Outeiros, o Portón, Acevedos, San Paio, San Bieito, Pao Ramiro, os Montes Cregos, o Cádavo, os Catro Outeiros, a Pedra Sanguiña, O Campo do Cabalo, a Fonte do Cabalo, Outeiro da Galla, Balafonte, Fonte da Meniña, Chan das Lagoas, Galla de Parga, Curro dos Porcos e Devesa e Viveiro (do rei) na Raxeira.
PLANTÍOS REAIS: o Catastro de Ensenada dinos:
"Dehesa y Viveiro Real. La Dehesa sita en el Monte de Arnado de Arriba. Cabida treinta y quatro ferrados dehesa primera calidad... L. Vega de Latizada, p. Dehesa del puerto de Salto, N. Vega de Rajeira, M. Dehesa de Domingo Pillado.
El Bivero se halla inmediato a dicha Dehesa. Cavida dos ferrados de dehesa, primera calidad cerrado sobre si".
TELEFONÍA: por cable.
TURISMO RURAL:
"Casa de Garrido" no lugar de Souto. Ten 5 habitacións dobres e pódese alugar completa. Tlfn: 986S84208
PERSOAS SOBRANCEIRAS
José Cruceiro Bugallo (1963). É técnico de acabado industrial e luthier. Gaiteiro autodidacta, é estudoso do solfexo e harmonía musical. A través do estudo da música tradicional (no seu cariz máis enxebre), entrou en contacto co mundo etnográfico. É instrutor dende o ano oitenta, aproximadamente cando cofundou "Airiños da Baiúca", grupo do I. de Bacharelato da Estrada. Dende aquela, colaborou na fundación como ensinante en moitos grupos e organizacións de ámbito músico-cultural. Compuxo varias pezas para gaita e canto. Ten publicado a "A Casa Grande" e "Irma e Clara". Publicou en 2004 "O meu brado mainiño" (Ed. Fervenza).
Xosé Couceiro Núñez, mestre destacado, titular da Escola de Souto, nº 1 Torreboredo, moi coñecido na parroquia e arredores. Cursou estudos eclesiásticos antes de dedicarse ao ensino.
Os irmáns José e Manuel Fariña Verdura, avogado e mestre afincados na Estrada.
Xosé A. Garrido, párroco de Dúas Igrexas (Forcarei) e máis tarde cura en Santa Margarita (Venezuela).
RURALCENTRO: o proxecto "aestradadixital" situou un centro en Montillón, no que se dá acceso libre e gratuíto a Internet.
*Os nomes da Estrada; ed. Fervenza, 2018

Souto*
Pedro Varela
Esta parroquia está situada nas inmediacións do Cábado. Ten 167 cabezas de familia e 906 habitantes e dista da Estrada uns doce quilómetros por termo medio.
A antigüidade da freguesía é moita, segundo os documentos que examinamos, mais non podemos meternos na aventura de sinalala: o arquivo parroquial data do ano 1650.
Lugares: Cortegada, San Torcado, A Somoza, Enviande, Montillón de Arriba, Montillón de Abaixo, A Toxeira, Souto e Torreboredo.
Souto xa sabemos que significa “campo poboado de castiñeiros”. Cortegada é denominación castelanizada que vén decortellada en galego, é dicir, “cortes ou cortellos” (cabanas en que se acubillaban as ovellas e cabras que durante o día pacían naqueles extensos montes). San Torcado, é dicir, San Trocado (“cambiado”): trátase de San Bieito, cuxa imaxe estaba antes no lugar que nos ocupa; pero, un ano de fame, os veciños cambiáronllelo aos de Montillón por unha insignificante cantidade de millo miúdo. Sobre A Somoza afirman algúns historiadores que, pola súa raíz grega, significa “porción” ou “anaco”. Debemos ter en conta tamén que quizais, por estar un tanto afastada das demais da parroquia, aparece a raíz so, e que cando se fundou ao mellor denominárona Somoza, palabra composta de so e moza, por ser nova.Enviande, “vía para andar”, por ser o camiño apropiado para saír daquelas paraxes montañosas, e trasladarse a outras.Montillón, diminutivo de monte. A Toxeira, “lugar onde hai toxos”. Torreboredo, Torre de Boredo: fortaleza que alí houbo co nome do señorío a que pertencía.
Lindeiros: norte, Nigoi e Arca; sur, Concello do Campo Lameiro; leste, Codeseda e Quireza; e oeste, Cequeril de Cuntis.
Por termos desta parroquia pasa a estrada de Codeseda ao Campo; as demais comunicacións consisten en camiños antigos e mais as pontes e pontóns chamados: de Souto, da Toxeira na estrada, o de Fragoso, o de Montillón, o de Cortegada, o de Enviande, outro entre Fragoso e Souto e outro entre Souto e Xubrei.
Baña esta parroquia o río Umia, e no lugar de Souto hai dous regatos con que se fertilizan varios terreos; en Montillón aparece o regato de Fonte do Cabalo, que nace no pico do Cábado, e después de regar algunhas veigas desemboca no río por termos de Arca. Tamén se utiliza para o rego o riíño de Enviande-Penizas que nace nos Queimados e desemboca no regato de Fonte do Cabalo á beira da ponte de Montillón.
O 10 de marzo de 1880 foi creada a escola incompleta de Souto, hoxe escola nacional atendida por un mestre que exerce en Torreboredo.
En Montillón funcionan dúas escolas, unha de nenos e outra de nenas, que se deben ao xeneroso e moi ilustrado fillo de devandito lugar, D. Darío Caramés, Inspector Xefe de Ensino Primario en Bilbao.
O local de escola «Curros Enriquez», iniciativa de D.José Cortés, está situado no Arnado, en termos de Souto. Hai tamén nesta parroquia un sindicato, antes sociedade de agricultores, que tivo días de enorme loita na que se distinguiron pola súa valentía os directores dos elementos asociados.
Abundan en Souto os canteiros e carpinteiros que saen do país para traballar polos seus oficios. Como as laboriosas formigas, buscan durante o verán para comer no inverno.
No eclesiástico: esta parroquia é filial ou anexo de Arca; ten por patrón Santo André e o curato está clasificado de entrada.
A igrexa parece do século XVI, é regular e ten unha espadana con dúas campás.
En Montillón hai unha capela a San Bieito que, como a igrexa, ten espadanas e dúas campás. Foi modificada e aumentada en distintas ocasións e rematada en 1700. Resulta un edificio bastante vistoso. Había en termos da parroquia, a mediados do século XVII, un convento chamado de San Paio no que habitaban unha media ducia de frades procedentes de Armenteira. Deste edificio só se conservan algúns vestixios dos muros; a pedra foi aproveitada na torre da igrexa de Arca. En San Torcado, punto de Pau Ramiro, houbo unha capela que limitaba os dominios do duque Patiño; dela só se conservan restos.
Festas anuais: Santo André, o 30 de novembro; a Saleta, o 19 de setembro; o día seguinte de Santo André, o Carme; San Bieito, o 21 de marzo e 11 de xullo; as Ermidas, o primeiro domingo de agosto; o Carme, o primeiro domingo de xaneiro; a de Santo Antonio, variábel.
As rendas procedentes do convento de San Paio pasaron ao duque Patiño, que era o señorío máis coñecido na localidade; hoxe os foros que tiña están redimidos.
En sesión do concello de data 22 de xullo de 1847 faise alusión aos danos que os animais salvaxes causan nos montes de Souto e outros.
Nunha paraxe inmediata a Torreboredo, coñecida por Cantiño, terreo brañal, dise que había unha aldea que se afundiu e parece que se atoparon alí, non hai moito tempo, restos de construcións, como ladrillos, anacos de vigas, etc.
No monte do Cábado hai bestas bravas; dúas mandas: a do cabalo negro e a do cabalo castaño.
Na parroquia que describimos hai cartería, estanco de tabacos e algúns establecementos comerciais. También hai un practicante, D. Manuel Caramés.
Non faltan incautos que por tradición falan dun pendón de ouro enterrado no Cábado, no punto coñecido por Coto da Galla, e mais de outro tesouro agachado polos mouros a cen pasos ao nacente da Fonte do Carballo, también no Cábado. En ambos os sitios a inocente credulidade fixo traballos de escavación en busca do tesouro cobizado, mais sen resultado favorábel.
A invasión francesa deixou en Souto recordos sanguentos. Copiamos: “22 de decembro de 1810. Dentro da parroquial igrexa de Santo André de Souto fixéronse o enterro e mais as honras fúnebres de Miguel Caramés, marido de Benita Fernández, de Montillón de Abaixo. Matárano os franceses en Santa Cristina de Vinseiro, no ataque da Rocha”. “20 de Febreiro de 1811. Na igrexa de Santo André de Souto fixéronse os funerais de Ramón Iglesias, marido de Ángela Fragoso, de Torreboredo. Morreu no hospital de Ciudad Rodrigo ferido polos franceses”.
* A Estrada, 1923. Ed. 2017