A Estrada*
Pedro Varela Castro

DEDICATORIA
Aos estradenses da lexión de emigrantes e, moi singularmente, aos que constitúen as asociacións de «Hijos de La Estrada» establecidas en Cuba e Bos Aires, dedico este humilde traballo.
En mil ocasións demostraron eses bos patriotas que, canto máis lonxe se atoparon, máis se acentuou o seu amor cara a esta terra de encanto e ben merecen por iso probas de consideración.
A que eu lles rendo é insignificante porque non alcanzou cousa mellor pero leva en si un bo desexo e un saúdo afectuoso.
O autor
PRÓLOGO
Revolvendo cartapacios para satisfacer esixencias profesionais saltaron á miña vista documentos e datos de tal modo relacionados co pasado e co presente da bisbarra da Estrada que me fixeron concibir a idea de escribir esta obriña.
Non hai territorio, grande ou pequeno, ilustre ou ignorado, que non ofreza inesgotábel campo de investigacións e curiosidades dignas de publicar; e, a pesar de que unha publicación desta índole acometida por min é empresa temeraria, atrévome a ela contando coa benevolencia dos lectores e reforzado por aquel refrán que di: «fai máis quen quere que quen pode».
Sen pretensións ridículas e só co afán de achegar un gran de area á obra histórica, xeográfica e estatística que nos tempos modernos é de necesidade en toda poboación, por modesta que esta sexa, recollín cantos datos puiden, ata obter un conxunto tan heteroxéneo que resulta difícil bautizalo acertadamente. A Estrada chamarémoslle, aínda que non sexa con toda a propiedade desexábel.
Na miña peregrinación por estas aldeas e algunhas cidades próximas, a onde fun levado polo entusiasmo de reunir material, atopei non poucos inconvenientes, pero tamén tiven a protección decidida de moitas persoas, entre elas a maioría dos señores curas párrocos da contorna, que me auxiliaron moi eficazmente cos seus arquivos.
Aínda que pouca utilidade se vai obter do meu labor, teño a esperanza de que servirá dalgunha distracción a moitos estradenses; e, se ademais acada as honras de elemento de información para evitar que en dicionarios e historias escritores de renome sigan a ocuparse da Estrada como de cousa insignificante, dareime por moi satisfeito
Poño especial interese en non ferir susceptibilidades nin ocasionar molestias a ningunha persoa, gardando consideración a todos os organismos, pois non podendo resultar este traballo de grande atractivo por ser meu, debe levar, sequera, o selo da imparcialidade e da boa fe.
E abonda de prólogo.
Pedro Varela Castro
PICO SACRO E CASTELO DE CIRA
Fóra dos límites deste distrito, pero próximos a eles e bastante ligados ao pasado do noso territorio municipal, están o famoso Pico Sacro e o castelo de Cira, que mereceron páxinas amenas de ilustres escritores galegos e, moi singularmente, do insigne López Ferreiro
O PICO
O Pico Sacro, de importancia indiscutíbel na historia rexional, representa para os estradenses, aínda que se levanta en terras de Vedra, algo propio. Cando regresamos de Silleda, de Forcarei ou de Cuntis, ao remontar as estribacións do monte de San Sebastián, alcanzar os límites de Codeseda ou ascender ao Castro Loureiro, xorde á nosa vista a maxestosa atalaia natural, producíndonos unha impresión de alegría porque nos anuncia que estamos a entrar na bisbarra querida dos nosos lares; e parece que nos anima, nos defende e nos guía.
Divísase tamén dende Santiago o elevado Pico, monte Ilicino ou das aciñeiras, onde en épocas remotas tiña asento un dos centros máis considerábeis da superstición druídica. O Pico Sacro é un dos lugares máis estreitamente unidos á translación do cadáver do patrón das Españas que, entrando dende o mar pola boca do Ulla, foi conducido por Atanasio e Teodoro, discípulos do Apóstolo, ata os dominios da rica e poderosa raíña Lupa, quen, en principio, temerosa de caer en desgraza con Filotro, legado do emperador romano, non quería consentir o enterramento nas súas posesións, que se estendían a un e outro lado do Sar; máis tarde, observando que os touros, a pesar da súa bravura, se deixaban xunguir tranquilamente para conducir en carro a arca pétrea na que os restos do Santo estaban depositados, deu o consentimento e converteuse ao cristianismo. Os nosos paisanos conservan o dito de: «boi bravo, vente ao carro, que o manda o Apóstolo Santiago».
Aínda hoxe conta o vulgo que nas entrañas do monte Sacro, que os suevos prohibiron ferir co arado por estar consagrado aos seus deuses, está o palacio da raíña Lupa.
Cóntase tamén, e escribiuse, que os discípulos de Santiago derrubaron o ídolo dedicado á serpe que había no monte Ilicino (tradición compostelá do século IX de que se fai cargo a epístola de San León).
O Pico foi habitado, segundo algúns historiadores, polos suevos, os romanos e os árabes e alí prestaban xuramento aos seus reis.
O bispo de Iria, Sisnando I, fundou o 1 de setembro do 904 o mosteiro de San Sebastián do Pico Sacro (López Ferreiro, Historia de la Iglesia Compostelana, Apéndice XXVI).
O mesmo bispo, por escritura de 914, fixo abondosa doazón a ese mosteiro, figurando nela Lamis (Lamas) e Codesión (Codeseda). O propio mosteiro obtivo en 1090 un privilexio especial do rei Afonso VI, co gallo das queixas que lle presentara o padre Velasco contra varios señores feudais que non deixaban en paz aos monxes.
Por orde do célebre arcebispo D. Diego Xelmírez, foi edificado un castelo nas cristas do Pico Sacro, para asediar coas súas tropas ás da raíña Dona Urraca, establecidas en Santiago e en Cira. Houbo por fin un arranxo e quedou a raíña posesora definitiva desta última fortaleza, que pertencera durante algún tempo ao prelado.
Desaparecido o primitivo castelo do Pico, edificou outro en 1473 Juan Rodríguez del Campo, de acordo co arcebispo D. Alonso III, para manter en continua alarma os da fortaleza de Cira, que ocupaba o conde de Altamira. Para realizar esta segunda obra derrubouse unha capela dedicada a Santiago e mais o mosteiro de San Sebastián, de fins do século IX, que estaba no cumio. O novo castelo debeu tomalo o de Altamira, como se deduce de que o 19 de xuño de 1478 lle fose notificado que debía devolvelo ao arcebispo.
Constituída en Santiago o ano 1418 a formidábel liga das Irmandades ou Xermanía Galega, co mariscal Pedro Pardo de Cela(1) á fronte, lanzaron o berro de «Deus fratesque Gallaecia!», «abaixo as fortalezas!»; e caeron moitas, entre elas a do Pico Sacro, pero debeu ser restaurada máis tarde, por canto nunha lista das do arcebispado, feita o ano 1626, figura o devandito castelo do Pico, «feito de pedra moi ben labrada e a porta a unha pica de altura, polo que non se pode entrar nela sen escaleira».
La Fuente, na súa Historia general de España, indica o seguinte: «Dise que era frecuente en Galiza, ao labrar a terra, que se enredase o arado en grosos anacos de ouro e que había nas súas fronteiras un bosque sagrado ao cal era prohibido aplicar o ferro». E todo fai pensar que o bosque sagrado é o monte Ilicino, monte do Pico Sacro, poboado de aciñeiras en pretéritas idades. Justino fala tamén do monte Pico Sacro, dicindo que prohibiran ferilo co arado por estar consagrado aos deuses.
En canto ao terreo, dinos o Sr. Murguía: «unha das rochas máis dignas de estudo pola extensión e forma que presenta é a que constitúe o Pico Sacro, consistindo nun fermoso cuarzo completamente branco e medio cristalizado, que arranca dende a base, para dilatarse máis alá do Ulla en dilatado cristón». Segundo outros historiadores, o terreo é volcánico e non falta quen supoña que en épocas prehistóricas houbo un volcán no Pico, atribuíndo a iso as grotescas galerías e pozos que houbo no monte; outros din que se trata dunhas minas abertas para a explotación de metais e ata corre a versión de que as explotaban os frades de San Xoán da Cova. Por último, pensouse que aquelas cavernas ben puidesen ser do home primitivo ou troglodita; pero hoxe, á vista do observador, só aparece unha bóveda e as paredes zumegando auga; ao fondo, unha irregular abertura e, axiña, o burato, que non se sabe cando remata, pois, botando por alí pedras, óese como van tocando os lados, pero non acadan o final. O vulgo pensa que chega subterraneamente a San Xoán da Cova
Cara ao ano 1680, fundou D. Pedro Valdés unha capela e unha pequena hospedaxe na aba do Pico, no lugar de Folladáns, parroquia de Vilanova.
Entre os montes sagrados doutros tempos, un dos que máis fama conserva é o Pico Sacro: aínda agora algúns devotos, o día da Festa de San Sebastián, axeonllados no cumio, pronuncian en alta voz estas tradicionais palabras: «Pico Sagro, Pico Sagro, líbrame do mal que traio».
Os do Ulla teñen o gran barómetro no Pico, pois cando se cobre de brétema é sinal de chuvia próxima: «cando o Pico cobre o capelo, meniñas da Ulla, poñede o mantelo».
Sorprendente e fermoso en extremo é o panorama que en moitas leguas á redonda se admira dende aquelas alturas.
O CASTELO
Este castelo aínda está en pé e dista pouco, augas arriba, do estreito de San Xoán da Cova. Levántase na parroquia de Cira e era unha estratéxica fortaleza para a seguridade das terras de Santiago, como fera e vixiante atalaia sobre un empinado camiño na marxe esquerda do Ulla, no punto en que a este ofrece o tributo das súas augas o río Deza. Foi edificado en tempos do arcebispo Xelmírez por D. Bermudo Suárez e alí estivo despois o mesmo Xelmírez prisioneiro da raíña Dona Urraca. Esta, máis tarde, habitou o castelo, de onde saíu cun exército por terras de Tabeirós, aínda que máis tarde se dirixiu nun cambio rápido de rumbo ao Pico Sacro para atacar as forzas do prelado, pero non se efectuou a batalla porque dunhas conferencias previas xurdiu a paz.
Preso D. Bermudo, cedeu o castelo á raíña para liberarse da prisión. Ela vendeuno despois a Xelmírez en 150 marcos de prata, ou sexa, 1200 onzas tamén de prata. Quedou así a fortaleza en poder daquela como empréstito, mentres o adquirente ou o seu sucesor na Sé non a pedisen. E no testamento da mencionada raíña ordenábase que se restituíse á Igrexa de Santiago porque ela tiña en feudo o devandito castelo. O seu descendente D. Alfonso VII obrigou a cumprir esa cláusula ao cabaleiro Juan Díaz, quen o entregou a Xelmírez.
Nunha bula do papa Anastasio IV, datada o 8 de abril de 1154, confírmanse as posesións da Igrexa compostelá e, entre elas, o castrum de Ciria (Ciria). Chegou o célebre castelo a poder de Lope Sánchez, Vasco de Caldas e García Muñíz e, o 17 de xuño de 1457, Lope Pérez fixo ao arcebispo «preito homenaxe»(2) no mesmo castelo.
Despois o prelado Fonseca ofreceu a López de Moscoso a man da súa irmá D.a Aldonza e en arras, a pertiguería maior e o feudo do castelo de Cira. Máis tarde estivo en poder dos condes de Altamira e hoxe pertence á familia dos duques de Sesa.
Que é agora o castelo de Cira? Unha obra morta, inútil, de estorbo; cuarteada, desmantelada. Ao pé dos seus rexos muros, por dentro e por fóra, aniñan as animalias; arriba os mouchos, as curuxas e outras aves rapaces e de mal agoiro, que cos seus berros estridentes e lúgubres parecen expiar culpas horrendas dos lobos feudais que posuíron a fortaleza
SAN XOÁN DA COVA
Ao final dunha das estribacións de tan notábel monte, cara ao nacente, preto da Ponte Ulla, río arriba e entre cantís de elevadísimas rochas, está o afamado paso ou estreito de San Xoán da Cova, onde a auga adquire enorme profundidade e forma o que os naturais do país chaman pozo de San Xoán da Cova. Á dereita do estreito existe un oco entre altas e amarelentas penas, ao que dá acceso unha escaleira feita a pico na rocha natural e unha porteliña aberta tamén na rocha. Nese oco estaba emprazado o mosteiro de San Xoán da Cova; e verdadeiramente non puideron os monxes escoller sitio máis a propósito para a meditación e o recollemento, pois o individuo que alí entra ten que sentir que se afasta do resto dos mortais pasando a rexións de misterio e soidade.
O Sr. Ortiz Novo di: «Impoñente é o lugar; ábrese o desfiladeiro e ao pé das inxentes rochas dorme o Ulla terso e azul».
O mosteiro debeu ser edificado no século IX. O arcebispo D. Pedro Helías diplomouno con privilexio no ano 1141 e restaurouno, xa que pasara a mans de persoas segrares que o tiñan mal coidado. Unha destas doou a súa parte á catedral e o resto quedou dividido entre dúas familias: unha, a dos irmáns Velázquez ou Vázquez; e a outra, a dos irmáns Martínez. O cóengo D. Pedro, con García Velázquez, copropietario das herdades do convento, foi autorizado con outros clérigos e leigos para facer vida santa alí, segundo a regra de Santo Agostiño, cos privilexios de tempos do bispo Sisnando I. Engadiu o arcebispo que, se daquel lugar chegase a desaparecer a comunidade relixiosa, debía quedar a cargo do prelado e mais do cabido restablecer a regra monástica. O pontífice Anastasio IV, en bula do 8 de abril de 1154, confirma o mosteiro de San Xoán da Cova. E aínda se conserva o texto dunha doazón que o 10 de decembro de 1165 lle fixeron o arcebispo D. Martín e o cabido compostelán, da ermida de San Sebastián sita na illa de Louxo (hoxe A Toxa) na desembocadura do Umia.
D. Vasco de Bitre, bispo de Sebaste, foi por moito tempo administrador do convento e nel debeu rematar os seus días.
En 1462, D. Juan Arias del Villar, vicario do arcebispo D. Alonso de Fonseca, uniu ao mosteiro a parroquia de San Pedro de Vilanova. Entre os bens que ao convento pertencían, figura un aforamento do casal de Reboredo por tres rapadas de pan, un cesto de cereixas e outro de uvas. Tamén tributaban algunhas igrexas da nosa bisbarra para o mesmo convento.
O Sr. López Ferreiro, na súa Historia de la Iglesia Compostelana, copia dun documento antigo o seguinte: «Día domingo 18 do mes de febreiro de mil cincocentos setenta e un: foi tan grande a enchente de augas no Reino de Galiza e arcebispado de Santiago que creceron os ríos máis que nunca, pois nin os vellos se lembraban de cousa tal e destruíu moitas pontes e caeu o mosteiro de San Xoán da Cova na ponte do Ulla».
Así pereceu o convento e non volveu ser levantado.
Por tradición dise que o estreito foi aberto polos frades; que antes o curso do río era outro, e que formaba en todo o val de Cira un enorme lago. Isto último ten algunha base, pois no devandito val, a pouco que se afonde na terra, atópanse pedras labradas pola auga. Talvez en San Xoán da Cova houbese un salto e a acción continua do líquido no transcurso dos séculos fose socavando o terreo ata abrir paso, ou quen sabe se ten que ver con iso o do historiador que, ao tratar do labor dos romanos en Hispania, di que foi tan fondo que torceron a canle dos ríos.
A aba esquerda do estreito, menos importante que a dereita, corresponde ao noso distrito, parroquia de Castro.
En Santa María Madanela da Ponte Ulla hai unha cruz antiquísima, de acibeche e moito mérito, que din que procede do convento de San Xoán da Cova.
CURIOSIDADES ANTIGAS DO TERRITORIO ESTRADENSE
Tanto o Sr. Murguía como outros historiadores galegos afirman que esta terra é pródiga en recordos antigos e prehistóricos.
Apenas hai unha parroquia onde non se levante un castro co segredo do seu primitivo obxecto e o dos feitos que presenciou en idades pretéritas, porque sobre o particular nada se escribiu en definitiva nin foi posíbel que se puxesen de acordo as persoas máis doutas nesas materias.
Supuxeron algúns que os castros eran templos en que os celtas rendían culto á súa divindade; outros, que eran fortes feitos polos galegos para defenderse dos romanos; outros, que foran construídos para refuxio dos cristiáns cando a invasión sarracena; outros coidan que son túmulos, monumentos prehistóricos de carácter funerario, montículos en forma de mamas, mámoas ou medorras. Domina neles o carácter de recinto fortificado e están dispostos, ao parecer, para agrupárense os homes contra as invasións da cobiza allea. Dise tamén que estiveron habitados militarmente ata a Idade Media, e aínda algúns ata os albores da Moderna. Parece que varios se aproveitaron durante a guerra da Independencia, con fosos e contrafosos parapetados. Xustino, historiador latino do século II ou III da era cristiá, xa fala de fortes teas empregadas nos castros para gorecérense dos temporais a xente que os ocupaba.
O padre Sobreira nunha carta orixinal que se garda na Real Academia da Historia di: «cheguei a sospeitar outro xénero de orde que é como unha orde circular ao redor dunha bisbarra. Ás abas da terra de Soutelo de Montes vexo que forman círculo os castros de Escuadro, Moalde, Castrovite, Oca, Ancorados, Olives e Godoi, que tamén están en combinación cos que cobren o camiño de Soutelo á Estrada e Sanlés». Será Santiago? Talvez «Salnés».
Non faltan no noso chan mámoas, medorras ou modorras e tampouco faltan túmulos que presentan un recinto formado por dúas pedras chantadas que se unen polo seu vértice ou por tres pedras en igual disposición (véxase na descrición da parroquia de Arca o que se atopou desfacendo unha mámoa no monte Arnado).
No Museo Arqueolóxico de Pontevedra hai unha lápida procedente de Guimarei, no eido da Torre do Marqués de Aranda, con esta inscrición:
……………………………………………….
N............................................................................................................ O
PO MA
R CE LLE
AN. XXVI
Véxase como a descifran: «Antonio(?) dedicou este monumento a Marcela, morta aos 26 anos de idade».
Hai no mesmo museo outra lápida procedente dun terreo de D. Luis Pereira, xunto ao outeiro de Ana Dona, no sitio da anterior igrexa de Paradela, con esta inscrición:
D. D. M. A.
COLV P
ATA. A N
... LIX
O significado é: «aos deuses Manes de Colupata, morta aos 59 anos de idade».
No extremo superior ten o contorno da cabeza con indicacións groseiras dos ollos, nariz, boca e orellas.
No Museo de Santiago hai outra lápida remitida por D. Marcial Valladares, procedente de Berres, cuxa inscrición é:
D.M.S
VRBANI
LA-AV (LA-AV)
NORVM
XXV
O significado: «aos deuses Manes de Urbanila, morta aos 25 anos».
Na igrexa de Orazo tomou o Sr. López Ferreiro para a súa Arqueología Sagrada unha inscrición xeroglífica, co seguinte significado:
Era MCLIIII Kalendas Mart(inus)
Nós vimos na mesma igrexa outras inscricións tamén xeroglíficas, cuxo significado non puidemos obter a pesar dos esforzos postos en práctica e das consultas realizadas.
VÍAS ANTIGAS
Esta bisbarra na antigüidade viuse cruzada por vías moi importantes. De distintos antecedentes e indicios racionais resulta que a cuarta vía militar romana do itinerario de Antonino, despois de pasar Pontecesures e percorrer os ásperos montes de Confurco e Requeixo, seguía a anfractura do terreo ata San Miguel de Barcala e Couso e pasaba o río Ulla por Ponte Vea. A vía principal, segundo o Sr. López Ferreiro, seguía o curso do citado río por Herbón e Carcacia ata Reis e Teo, bifurcándose no lugar do Vilar e dirixíndose un ramal a Baños de Cuntis pola Estrada (Strada), despois de atravesar o mesmo río polo punto de Vellegia (Ponte Vea). Deste punto partían dous ramais, un a Cuntis, por Couso, San Xurxo e Santo André; e o outro á Estrada, a Montes, ao Carballiño, Partovía, Ourense, Chaves, e ata o Douro.
Unha inscrición romano-pagá achada na bisbarra de Trasdeza, distrito de Silleda, parroquia de Graba, encabezada coas palabras «Laribus vialibus» (“deuses dos camiños”) é testemuña da vía secundaria, ramal daquela principalísima arteria da civilización e do dominio romano na Galiza, ou grande vía militar terrestre de Braga a Lugo e Astorga, que corría pola indicada bisbarra. Ese ramal viña polo Foxo Corbelle, cruzábase na Estrada co de Ponte Vea a Montes e marchaba aos Baños de Cuntis e Caldas por Asorei.
Outras vías de consideración eran: a que de Montes pasa por Pardemarín, Lamas, Rubín, Pica, Ribeira e Ponte Sarandón a Santiago; e a que de Lalín pasa por Salgueiros e San Miguel de Castro, que saía á Ponte Ulla.
TORRE DA BARREIRA
En épocas pretéritas e nas terras da Ulla, alá na parroquia de Riobó, alzábase un castelo coñecido por Torre da Barreira, fortaleza antiga moi discutida, que merece algunha páxina nesta obriña.
O Sr. López Ferreiro na revista, Galicia Histórica, descríbea así: «Unha das antigas construcións atribuídas pola fantasía popular á famosa familia dos Churruchaos é o castelo ou torre da Barreira. O caso é que a célebre familia, como non fose por incidencia, nada tivo que ver con esta fortaleza; pero na opinión do vulgo todos os castelos desta terra cuxa orixe era descoñecida ou que encerraban algo de misterioso, foran obran dos Churruchaos».
«A Torre da Barreira foi por moito tempo como a capital da bisbarra de Tabeirós, ou Taberiolos, como dicían no latín da Idade Media. Esta terra, dende principios do século XII, pertencía á Igrexa de Santiago; primeiro por doazón da raíña Dona Urraca no ano de 1115 e logo por privilexio de don Afonso VII, que confirmou e ampliou esta doazón permutando coa Igrexa compostelá toda esta terra de Tabeirós polo castelo do Faro (A Coruña)».
«Non é o noso propósito seguir todas as vicisitudes que dende esta época pasou a Torre da Barreira; abonda apuntar que en varios casos os arcebispos de Santiago cederon en empréstito, non en feudo, esta fortaleza coa extensa bisbarra que dela dependía, a algúns dos máis poderosos magnates galegos, que como gran favor ambicionaban a súa posesión. O noso principal obxecto neste momento é facer unha lixeira descrición de cal era o seu estado hai uns trinta anos (hoxe hai 50), antes de que o egoísmo da nosa época tratase de utilizar os seus materiais até o punto de borrar case por completo da superficie a súa iconografía, ou sexa, as liñas que trazaban a súa forma e a súa planta».
«Levantábase noutro tempo a disputada fortaleza na parroquia de San Martiño de Riobó, anexo de San Cristovo de Remesar (partido xudicial da Estrada) sobre un pequeno outeiro encrespado de penas e rodeado case por todas partes do río Bo. A súa planta era a dun rectángulo, ou máis ben trapecio, cuxos dous lados maiores, medidos interiormente, daban vinte e dous metros de longo. Dos dous lados menores, o que miraba ao leste, medido tamén pola parte de dentro, tiña catorce metros de longo; e o oposto, quince metros e medio. Os muros tiñan preto de dous metros de espesor».
«Os catro ángulos estaban reforzados por catro contrafortes; os dous do lado do leste, de forma cuadrangular e en sentido diagonal; e os do lado do poñente, constituídos por dous cubos ou torreóns de planta circular».
«A porta de entrada non se abría normalmente nun dos muros, senón nun corpo saínte que a protexía e que comunicaba co edificio por medio doutra porta practicada na planta baixa».
«A vivenda señorial, que constaba de tres andares, estaba nun ángulo do patio que pechaban os muros exteriores e tiña catorce metros de longo por catro e medio de ancho. O espesor das paredes alcanzaba preto dun metro».
«O outeiro que servía de base á fortaleza estaba minado en todas direccións por camiños subterráneos que ían dar ao río. Algún deles era de tales proporcións que permitía o paso a carros ou bestas de carga».
«A construción, no estado en que chegamos a vela, podía remontarse a principios do século XVI, ao tempo dos arcebispos D. Alfonso de Fonseca II, ou D. Alfonso de Fonseca III. Non demos achado esculturas ou inscricións polas que puidésemos precisar a data da súa edificación».
«A fins do século XIV a posesión desta fortaleza foi obxecto dunha grande controversia entre o arcebispo compostelán Don Juan García Manrique, e o conde de Trastamara, D. Pedro Enríquez, neto de D. Afonso XI, fillo do Infante D. Fadrique. Pola súa esposa, Dona Isabel de Castro, pretendía o conde a posesión desta casa forte e a de Castro de Montes; as cales tivera, ao que parece, en empréstito polos arcebispos de Santiago, o seu sogro D. Alvaro Pérez de Castro.»
«Xa no ano 1384 o rei D. Juan I librara unha provisión para obrigar o seu primo, o conde D. Pedro, a facer entrega ao arcebispo compostelán das dúas fortalezas da Barreira e de Castro de Montes, coas súas respectivas terras. O conde foi eludindo o cumprimento da real provisión ata que, estreitado polas urxentes xestións do arcebispo D. Juan, se achantou a someter a cuestión a unha arbitraxe. Nomearon árbitros e compoñedores: o arcebispo, ao célebre partidario de Henrique II, Fernán Pérez de Andrade “o Bo”; e o conde, a Juan Rodríguez de Biedma, con facultade de tomar como terceiro, en caso de que entre si non concordasen, a Lope Gómez de Lira. Outorgouse o poder en Medina del Campo a 24 de novembro de 1388, sendo testemuñas D. Alfonso Enríquez, irmán do conde; Juan Freire de Andrade e Fernán Díaz de Rivadeneira, sobriños de Juan Pérez; Frai Juan Arias, abade da Caridade; o licenciado Diego Martínez de Bonilla e o tesoureiro da Igrexa de León Sancho Díaz de Reinosa.»
«Reunidos os dous árbitros en Medina del Campo, a 10 de decembro do referido ano, pronunciaron en favor do arcebispo a sentenza que pode verse na nosa colección diplomática, número XII.»
O famoso guerrilleiro e señor feudal, Arias Pérez, apoderouse do castelo de Tabeirós e, facéndose forte alí, non quixo recoñecer por rei a Afonso VII. O Arcebispo Xelmírez encargouse de rendelo empregando unha máquina chamada “gato”, coa que socavou os muros da fortaleza, que non era outra máis que a Barreira.
A D. Fadrique, duque de Arjona, fillo do Conde D. Pedro, dáballe en encomenda o arcebispo de Santiago, no ano de 1420, a casa forte da Barreira, como a tivera o seu pai.
Vasco Pérez, inquedo señor feudal deste país, apoderado do castelo da Barreira no ano de 1340, meteu nel homes desalmados e dispostos a cometer toda clase de atropelos, e así convertiuse a fortaleza en gorida de ladróns que tiña aterrada a bisbarra. O arcebispo D. Martín, para desfacer ese niño de delincuentes decidiu dirixir el mesmo as operacións: cercou o castelo, construíu unha grande bastida (torre móbil de madeira) e comezou a abater os defensores da torre; mais, estando nisto, recibiu orde do rei D. Afonso XI para que levantase o cerco. Despois continuaron na posesión da fortaleza os arcebispos de Santiago (López Ferreiro, Historia de la Iglesia Compostelana, tomo IV).
Na autorización dada á vila de Caldas polo arcebispo de Santiago D. Rodrigo de Luna, no ano de 1455, para celebrar dúas feiras e un mercado mensuais, ordénase ao alcaide do castelo da Barreira, que ampare e defenda aos que vaian contratar.
No ano 1526 fíxose unha lista de fortalezas e casas do arcebispado, en pé unhas e outras deterioradas; nesa lista aparece a fortaleza da Barreira.
O 29 de abril de 1581 foi nomeado Garda das Casas Arzobispais e Torres da Igrexa Compostelá, á que estaba anexa a Torre de Barreira, o deán D. Baltasar López Gallo.
Ao chegar o arzobispo D. Rodrigo de volta dunha expedición ordenada por Henrique IV e entrar na diócese, atopou con que a cidade de Santiago lle pechaba as súas portas, permanecendo fieis, entre outras, a fortaleza da Barreira.
En acta de visita do cardeal Hoyo, no ano 1608 e seguintes, aparece esta nota: «Fortaleza da Barreira: está no Xulgado de Tabeirós nun burato case cercado do río. Está xa polo chan.»
E toda a importancia da tan discutida e cobizada torre da Barreira veu a parar en nada: foi abandonada e o transcurso dos anos deu con ela en terra, empregándose os materiais en distintas construcións, especialmente na igrexa de Codeso.
Ensínanos o Sr. López Ferreiro que a terra de Tabeirós pertencía á Igrexa de Santiago a principios do século XII, circunstancia de interese nesta obriña; pero, como coa mesma terra concorreron outras a formar o Concello da Estrada, consignaremos que tamén estas pertencían á mesma Igrexa.
E fundámonos en que a doazón da raíña Dona Urraca se fixo cando o territorio de Santiago (que despois se foi ensanchando ata comprender as sete novenas partes de Galiza) tiña un «radio de 24 millas; polo oeste, ata o mar; e polo leste, ata o río Iso, que pasa próximo á Arzúa». Tales foron os confíns que sinalou aquela raíña nun diploma do 13 de xuño de 1120, e tal é a orixe da bisbarra que pisamos, abranguida en tan remotos tempos dentro dos confíns apuntados.
Servos foron os nosos devanceiros da Igrexa compostelá cando esta enchía o mundo co seu esplendor. Pouco a pouco e por diversas causas, o dominio foise extinguindo e del só queda un leve recordo na historia; tan leve que nin sequera se salvou o "bodo", voto ou cantidade de froito que os fieis pagaban ao Apóstolo Santiago e que consistía en medio ferrado de gran.
A ESTRADA DENTRO DAS DISTINTAS DIVISIÓNS ANTIGAS E MODERNAS
Cando a Península estaba dividida polos Romanos en Citerior e Ulterior, a nosa bisbarra pertencía a esta última parte, e ao Convento xurídico Lucense.
Distintas denominacións tiñan os habitantes de Galiza, que se lles aplicaban segundo os puntos onde estes moraban. Aos ocupantes do territorio abranguido entre o Ulla e o Lérez, que eran os nosos antepasados, chamábaselles Cilenos ou Celenos. Os mesmos romanos en tempos de Augusto dividiron a Península nas provincias Bética, Lusitania, Tarraconense, Cartaginense e Gallaecia (Galiza), sen menoscabo para as outras divisións ou denominacións. Parece que, cando esta división se realizou, a capitalidade estivo en Betanzos.
Na obra moderna dun historiador rexional e na parte dedicada a describir unha importante vía romana, lemos: “de Caldas por Cuntis a Asorei, continuando por Strada (Estrada), cuxo nome indica ben claramente unha vía, e entraba, abandonando o territorio dos Celensis (Pontevedra) no dos Tamaricos ou Presamarcos (Coruña) salvando o río Vía ou Ula (Ulla) por Pons Vellegia (Ponte Vea)”.
Houbo despois os antigos reinos e máis tarde as rexións, que conservaron os seus foros ata 1640, en que o conde-duque de Olivares pensou en centralizar o poder. Galiza sufriu varias divisións interiores; tiña cinco provincias a principios do século XVI que eran Santiago, Lugo, Ourense, A Coruña e Pontevedra. A Estrada pertencía á de Santiago. No último terzo da mesma centuria houbo sete provincias: Santiago, A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui. A Estrada continuou pertencendo a Santiago. En 1820, Galiza quedou reducida a unha soa provincia con capital na Coruña e entón, como é natural, a ela pertenceu o noso territorio. As Cortes extraordinarias de 24 de setembro de 1821 a 14 de febreiro de 1822 fixeron a división do territorio nacional en 49 provincias, correspondendo catro a Galiza, ou sexan, as actuais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Ese novo arranxo non comezou a rexer ata 1833, ano dende o que somos, ademais de estradenses, pontevedreses.
Pola constitución dada en Bayona por Bonaparte, dividíase a nosa rexión en catro departamentos: o do Tambre, capital A Coruña; o do Miño Alto, capital Lugo; o do Sil, capital Ourense; e o do Miño Baixo, capital Tui. A Estrada pertencía a este último.
Arranxos e combinacións posteriores determinaron que en Pontevedra se establecese unha Audiencia Provincial que é coñecedora dos sumarios criminais que se tramitan no noso Xulgado Instrutor e nos de toda a provincia; e na Coruña, unha Audiencia Territorial, que coñece en apelación todos os preitos de Galiza. Nesa mesma Audiencia funcionan tribunais de exames para procuradores e secretarios de xulgados municipais e fanse os nomeamentos de xuíces e fiscais tamén municipais.
No eclesiástico pertencemos os estradenses á Diocese e Arcebispado de Santiago, provincia da Coruña.
Para efectos electorais, cando se trata de eleccións de senadores (parte electiva), designa o noso municipio catro compromisarios que votan en Pontevedra. E para deputados a Cortes hai unha demarcación especial que comprende os concellos da Estrada, Silleda, Forcarei e Cerdedo.
A ESTRADA NA GUERRA DA INDEPENDENCIA E REVOLUCIÓNS E GUERRAS CIVÍS POSTERIORES
A nosa bisbarra foi, naqueles infaustos tempos da invasión francesa, campo de varias accións guerreiras, porque os naturais do país, inflamados de amor patrio, se opuxeron valentemente ás ambicións napoleónicas.
Revisados os arquivos parroquiais, puidemos asegurarnos do número aterrador de mortos na contenda. Apenas hai freguesía en que o libro de defuncións correspondente a 1809 non estea a verquer sangue.
Na descrición das parroquias apuntamos algúns datos concretos da horríbel traxedia. Por iso deixamos de facelo neste capítulo de conceptos xerais.
No devandito ano saquearon os franceses Caldas de Reis, as aldeas do partido da Estrada e incendiaron a vila de Cuntis.
A Xunta de Defensa titulada «de Tabeirós» fíxose célebre polo seu acerto e ousadía. Na tarde do 17 de marzo do ano antedito, o famoso guerrilleiro D. Bernardo González (Cachamuíña) chegou á Ponte Ledesma dende Aciveiro con 600 homes e enviou ao reitor D. Pedro Sánchez en unión de Frai Pedro Romero a tratar coa Xunta para inutilizar as barcas do Ulla coa fin de restar medios ao inimigo, se pretendía cruzar o río, e as barcas foron inutilizadas. O día seguinte, 18, reuníronse en Ponte Cira e conferenciaron sobre a defensa do territorio os representantes das tres xurisdicións, Deza, Trasdeza e Tabeirós, tomando acordos de excelente resultado e que deron que sentir ás tropas invasoras.
En sesión do Concello en data de 15 de agosto de 1836, fíxose pública a nova Constitución do Estado; e o 14 de setembro do mesmo ano deuse conta dun Real Decreto para a mobilización da Garda Nacional, comprendendo a todos os individuos de 18 a 49 anos. Estábase en plena revolución.
En sesión da mesma Corporación, en data de 17 de novembro de 1838, tratouse de que os facciosos invadían o país; e no 8 de decembro seguinte, acordouse enviar do forte da Estrada, portas, madeiras e ferraxes para o do Foxo, onde había un importante destacamento de tropas.
O 6 de febreiro de 1839 chegaran as cousas a tal extremo por aquí, que a municipalidade consignou en acta da sesión, esta nota: «país desgraciado, digno de mellor sorte».
O 9 de marzo seguinte, infórmase de que o Xefe Militar ordenaba que os quintos se acollesen á protección do forte do Foxo para non ser apresados polo rebelde José Barcia; e o 16 seguinte tratouse da renuncia presentada por D. Francisco Bergueiro, capitán da Garda Nacional.
O 11 de maio do mesmo ano de 1839, tratouse da incursión do “cabecilla” Villanueva o día 4 anterior polos Baños de Cuntis e outros puntos e tamén de que os facciosos ás súas ordes mataran no monte de Penarada o pai de Gregorio Soto de Ouzande. Tamén se consignou en acta que o comandante do forte do Foxo, divisando unha partida de facciosos no monte de San Sebastián, saíu perseguíndoa ata Dornelas, onde a atacou e causoulle moitas baixas.
O 15 de xuño, tamén de 1839, trátase da derrota sufrida pola partida de facciosos que dirixía Souto de Remesar e acórdase poñer o feito en coñecemento do xefe político da provincia, que era D. Lorenzo Varela Sarmiento.
O 29 do mesmo mes acórdase cumprir ordes do Capitán Xeral da Rexión encamiñadas á reorganización da Milicia Nacional en cada cabeza de cantón e a repoñer a fortificación desta vila. O 4 de xullo seguinte deuse conta no Concello do pagamento de subministracións ás forzas de Castrovite e trátase da anormalidade excepcional por que estaba a atravesar o país; alúdese ao nomeamento de D. José Fermín Muro para Xefe Político da provincia e á actuación do Comandante Xeneral D. Antonio Llorente.
O 31 de agosto dá coñecemento a municipalidade da fuga do pretendente á Coroa, e da disolución do seu exército. O 14 de setembro inmediato ordénase que, en proba de gozo e alegría polo convenio de Vergara entre Espartero e Maroto, se boten as campás ao voo en repique xeral, por todas as parroquias do distrito, de once a doce da mañá do seguinte día 15.
O 16 de xaneiro de 1840 acórdase a entrega da Casa Forte da Estrada ao Comandante das tropas, por non telo verificado D. Mariano Paseiro.
O 2 de marzo seguinte empréndese a reorganización da Milicia Nacional acordando celebrar eleccións de comandante e oficiais, na Consolación, O Foxo e A Gándara para o 1º, 2.° e 3º batallón, respectivamente.
O 17 de decembro do mesmo ano 1840, sinálase a Casa de Sangro (Casa Grande de Figueiroa) para cuartel dun destacamento de forzas militares; e o 22 seguinte arrendouse a Felipe Trigo unha casa terreña para cuartel.
E non curados aínda das calamidades ocasionadas pola guerra carlista, atopámonos en 1846 coa denominada «Revolución Galega » que estalou en Lugo ao berro de: "viva a liberdade! Viva a raíña libre e constitucional! Abaixo a camarilla e o ditador Narvaez! Abaixo o sistema tributario! "
Desta revolución tamén lle tocaron as súas salpicaduras ao noso Distrito.
O brigadier Cendreras fixo o 11 de abril o seguinte itinerario para as súas tropas: «Carballiño, Soutelo de Montes, A Estrada, Sarandón, Santiago». Parece que despois variou de rota.
No Ulla estivo coas súas forzas o 12 do mesmo mes o tenente xeneral D. Francisco Puig Samper e o 22 chegaba tamén á Ulla o coronel Chinchilla coas súas. Da ponte do devandito lugar apoderouse Solís, xefe revolucionario. Tamén o xeneral Cuncha pasou por alí.
Ás 10 da mañá do 26 dese mes de abril, chegou á Estrada o xeneral Rubín, procedente de Soutelo de Montes; mais, en vez de seguir a Santiago, como estaba acordado, dirixiuse a Cuntis, sen que tivese explicación ese cambio de rota. Ao seu xeito de proceder debéronse a derrota de Montouto e os martirios de Carral.
En sesión do Concello, en data de 7 de setembro de 1856, acordouse crear un arbitrio por cada cabeza de gando que entrase nas feiras para atender os gastos da Milicia Nacional.
O 23 de marzo de 1860 alude a corporación municipal á vitoriosa toma de Tetuán polas nosas tropas e acórdase adquirir unha placa co nome do heroe, duque de Tetuán, denominando «Praza de O´Donell” en fronte da casa de D. José Vila.
O 26 de marzo de 1873 tratou a municipalidade dunha axitación popular local dirixida por D. Manuel Caramés, e consígnanse grazas moi expresivas para o presidente do Comité republicano D. Serafín Pazo.
O 24 de decembro do mesmo ano, procedeuse ao alistamento para a Milicia Nacional, e o Concello, con tal motivo, constituíse en sesión permanente.
O 2 de xaneiro de 1885 deuse conta en sesión da mesma Corporación da proclamación da Monarquía na persoa do príncipe D. Alfonso XII.
CONCELLO DA ESTRADA
A SÚA ORIXE E VICISITUDES
O territorio que está comprendido dentro do perímetro do Concello ou Distrito da Estrada pertencía antes ás antigas xurisdicións e coutos de Tabeirós, Vea, Codeseda, Viso e Veiga e Oca. .
Desgraciadamente, no arquivo municipal só se conservan datos dende o ano 1836.
Sabido é que as xurisdicións non estaban determinadas con precisión; senón que variaban a medida que eran máis ou menos fortes e perdían ou gañaban terreo os señores feudais que dominaban nelas sen atribucións regulamentadas. Por iso só en liñas xerais podemos tratar esta cuestión.
Aparecía Tabeirós á cabeza con xulgado de 1.a instancia, cuxas facultades acadaban Codeseda, Viso, Veiga e Oca. Vea tiña o seu xulgado independente.
Tabeirós comprendía as parroquias de Remesar, Riobó, Agar, San Pedro, San Tomé, Curantes, Olives, Rubín, Lamas, Pardemarín, Ribela, Souto, Arca, Nigoi, Parada, Vinseiro, Cereixo, Guimarei, Callobre, Moreira, Barbude. Paradela, Ribeira, Berres, Orazo, Loimil, Cira, Dornelas, Piñeiro, Sabucedo e arrabaldos.
Aparece despois un señorío en Piñeiro e levouse esta parroquia e a de Dornelas cos lugares de Castrovite e Besteiros, que actualmente son de Orazo. Loimil pasou a depender do castelo de Cira. .
Formouse o actual Concello, que era antes denominado de Cereixo, cando se fusionaron as xurisdicións e coutos de referencia.
Cada unha destas xurisdicións ou coutos tiña o seu Concello; e en sesión do de Tabeirós, en data de 8 de xullo de 1836, tratouse de que o xefe político de Pontevedra, «tendo en conta as circunstancias en que por desgracia se acha o partido xudicial» deixaba cesante ao alcalde D. Juan Loimil, nomeando para substituílo ao ordinario D. Francisco Fraga, a quen se entregou a vara. Tamén nomeou primeiro tenente a D. Juan da Vila; 2°, a D. Gabriel Gómez e Procurador Xeral a D. Cayetano Sotelo.
Este alcalde, tenentes e procurador, constituíronse en Moreira, lugar da Pica, en agosto do devandito ano e deron posesión aos rexedores D. Francisco Alvárez e outros.
O 14 de novembro seguinte reuníronse, tamén na Pica, o presidente da «cabeza de Partido”, D. Francisco Fraga; o rexistrador decano de montes D. José Carbón; o alcalde de Codeseda, D. Ignacio da Vila; o do Viso, D. Antonio do Pazo; polo de Vea, D. Francisco Rodríguez; e o Procurador Xeral da Veiga e Oca, D. Manuel Gambino, para acordar o número de homes que proporcionalmente á súa poboación debía facilitar cada Concello co fin de atender a defensa nacional.
Reunidos o 30 de decembro de 1836, D. José Juan Rodríguez Martínez, presidente de Vea; D. Andrés García, en representación do couto de Codeseda; D. José Cortés, presidente da Veiga e Oca; D. Antonio Dopazo, presidente do Viso; D. José Carbón, en representación do Concello de Montes; e D. Francisco Fraga, alcalde de Tabeirós; procederon ao reparto extraordinario para atender os gastos da Xunta de Armamento e Defensa.
En todas estas xuntas víñase tratando, tamén, de acordo co xefe político provincial D. Miguel del Pino, da fusión das xurisdicións en concellos novos e máis nutridos.
Por fin, o 1.° de xaneiro de 1837, reunidos na Estrada os individuos que formaban o Concello de Tabeirós, deron posesión aos electos para o de Cereixo, que resultou da fusión das xurisdicións de Veiga e Oca, Viso, Codeseda e Vea, coa referida de Tabeirós; quedando o novo e potente Concello constituído nesta forma: alcalde 1.°, D. Manuel Otero; 2.°, D. Francisco Fraga; rexedores, D. Nicolás de Castro, D. Jacobo García, D. Antonio do Pazo, D. Juan Blanco, D. Manuel López, D. José Cortés e D. Francisco Gestoso; procurador xeral, don Cayetano Sotelo Losada.
Compoñían o novo Concello as mesmas cincuenta e unha parroquias que compoñen o actual; a saber(3):
O 7 de xaneiro de 1837 xa non puido celebrar sesión a corporación por falta de número; o cal nos demostra que vén de antigo o mal que perdura, da pouca ansia dos concelleiros. Daquela a Casa Consistorial radicaba en Cereixo, lugar de Pernaviva.
O 10 de xaneiro do mesmo ano aínda celebrou sesión o Concello de Tabeirós, presidindo o tenente alcalde D. Juan da Vila. Tratouse só de asuntos relacionados coas 26 parroquias de que o Concello se compoñía antes da fusión e na acta déixase translucir algo de arrepentimento por fusionarse.
O 14 de xaneiro de 1837, o Concello Constitucional de Cereixo celebrou sesión na casa de Mariño da aldea da Estrada. Esa casa é hoxe propiedade de D. José Puente e radica na rúa da Peregrina.
O 28 de xaneiro do mesmo ano, celebrou unha nova sesión o Concello e no encabezado da acta lese: «na casa nomeada de Mariño do lugar da Estrada, onde por mor das circunstancias, celebra as súas sesións o Concello, etc. Fuxindo os concelleiros da revolución carlista, tiveron que retirarse de Cereixo.
Na sesión antedita, dáse conta das exposicións dirixidas á Deputación; unha, de D. Fernando Beado e don Fructuoso Dorelle, pedindo que «prosiga» o Concello de Vea; e a outra de D. Juan Antonio de la Vega e D. Cayetano Sotelo para que se subdivida o Concello de Cereixo noutros e se forme especialmente un en Orazo. Tales proposicións foron informadas favorabelmente.
A distribución que propoñían D. Juan Antonio de la Vega e D. Cayetano Sotelo, abrangue estes extremos: Concello no Foxo Corbelle con capital de Partido, comprendendo as parroquias de Rubín, Lamas, Pardemarín, Olives, Curantes, Agar, os Ancorados, Remesar, Callobre, Cereixo e Vinseiro, cunha poboación de 925 veciños.; Concello da Estrada, composto das parroquias de Ouzande, Guimarei, Figueiroa, Matalobos, Toedo, Santeles, Aguións, Lagartóns, Tabeirós e Somoza, con 770 veciños; Concello de Orazo, composto das parrroquias de Orazo, Loimil, Oca, Arnois, Castro, Cira, Dornelas, Piñeiro, Lamela, Cervaña e Moalde, con 1.004 veciños; Concello de Vea, composto das parroquias de S. Xurxo, Frades, Sta. Mariña e San Miguel de Barcala, Couso, Cora, Sta. Cristina, S. Xiao, Santo André e Baloira, con 767 veciños; Concello de Berres, composto das parroquias de Berres, Ribeira, Paradela, Barbude, Moreira e Riobó, con 582 veciños; Concello de Codeseda, composto das parroquias de Codeseda, Sabucedo, Liripio, Ribela, Parada, Nigoi, Arca e Souto, con 945 veciños.
A distribución proposta foi aprobada pola corporación o mesmo día 28 de xaneiro de 1837 e comunicouse á Deputación Provincial e ao xefe político para que tamén lle prestasen a súa aprobación.
En sesión do 9 de xullo do ano citado acórdase «promulgar a Constitución decretada polas Cortes.»
O 2 de agosto seguinte acórdase o arrendo dunha casa para cárcere.
O 6 de xuño de 1838, o Concello celebra sesión «na vila da Estrada», na casa de D. José Vila. Esta casa pertence hoxe a D. Pedro Campos.
O 4 de agosto inmediato a corporación consigna en acta que está demostrada a demasiada extensión do Concello e que debido a iso non se pode gobernar, insistindo nas súplicas á superioridade para que se subdivida segundo a proposición do deputado D. Juan Antonio de la Vega e ameazando con presentar a renuncia en masa para o caso de non obter un resultado favorábel.
O 31 de agosto de 1839 trátase da aprobación de contas dos extinguidos Concellos de Tabeirós, Viso, Codeseda, Oca e Veiga, correspondentes aos anos de 1830 a 1836 e acórdase examinar as do Concello de Vea.
O 14 de novembro presentouse no concello D. José María Risel, comandante do destacamento da Estrada, pedindo explicacións sobre o arresto do rexedor D. Ramón Torres, e a corporación consigna en acta: «que para evitar todo desgusto co devandito comandante que se quere introducir en atribucións que non lle competen, ofrecendo publicamente á autoridade municipal arrestos, paus e outras vexacións, trasládase por de pronto o punto das sesións do Concello a outro fóra da Estrada, por non ser posíbel sufrir tales atentados.»
O 16 de novembro, por proposta do alcalde D. Gabriel Gestoso, acórdase por 8 votos contra 2, trasladar o concello ao Foxo-Corbelle, fundándose na falta de liberdade, pola introdución nas súas funcións doutras autoridades de distinta índole. Os dous votantes en contra, D. Juan Tanoira e D. Domingo Castelao, opinaron que o traslado debería facerse para Cereixo.
O 28 de novembro tomouse novamente o acordo de trasladar as oficinas municipais ao Foxo, aínda que de xeito interino. Instaláronse na casa de Rosendo Cid, alugada por un real diario.
O 6 de febreiro de 1840 acordouse utilizar para casa-cárcere a que tiña a antiga xurisdición de Tabeirós en Callobre.
En sesión do 9 de abril seguinte deuse a coñecer que o alcalde de Vedra pretendía poñerse de acordo co da Estrada, para poñer por conta dos dous Concellos as barcas de Sarandón.
Noutra sesión, con data de 9 de xullo, discutiuse unha reclamación do xuíz de 1ª instancia indicando a necesidade dun novo local para cárcere, co obxecto de separar as mulleres dos homes, e acordouse que aquelas pasasen á prisión da antiga xurisdición de Vea.
En sesión do 15 de xullo do ano antedito, deuse coñecemento do plano confeccionado para Casa Consistorial, feito polo técnico D. Domingo Lareo.
O 17 de setembro seguinte o Concello suspende a sesión en virtude do acordo que puxo seguidamente en práctica, de marchar todos reunidos á Estrada para, di a acta, “dar os vivas ordenados á Constitución”. O mesmo día nomeouse unha Xunta provisional directiva «por consentimento do pobo e da Milicia Nacional de Tabeirós”, que tomou o acordo da destitución completa do Concello de Cereixo e procedeu ao nomeamento dunha nova municipalidade interina, encargándose da alcaldía D. Manuel Otero, de Ribeira; da primeira tenencia, D. Manuel do Pazo, de Ouzande; e da depositaría, don José Andújar, de Lamas. Tamén acordou a Xunta erixir un monumento á nova Constitución na praza e solicitar para o Concello a designación de “Concello da Estrada”. O 14 de outubro foi nomeado representante deste partido ante a Xunta Provincial, D. Domingo Fontán, de Santa María de Portas, en substitución de D. Pedro Iglesias San Gil.
O 5 de novembro dirixiuse unha exposición á Rexencia do Reino para que continuase en Pontevedra a capitalidade da provincia que Vigo lle discutía.
O 16 de xaneiro de 1841 acordouse que cada un dos veciños do Concello plantase cada ano un número determinado de carballos e castiñeiros para a repoboación forestal; e obrigábase tamén a estivadar nos montes e sementar piñeiros.
O 23 de xaneiro deuse coñecemento de que a Deputación aprobara a denominación de Concello da Estrada, que lle dera a Xunta directiva do Partido, en vez da de Cereixo que tiña antes; e ratificouse a instalación na que hoxe é a nosa vila. Todo iso púxose en coñecemento do xuíz de 1.a instancia de Tabeirós para que tamén adoptase a mesma denominación en canto ao xulgado.
O 11 de marzo acordouse a requirimentos do xuíz, e con intervención dos Concellos de Cercedo e Forcarei, a construción da casa-cárcere.
O 26 de xuño insístese en que conserve Pontevedra a capitalidade da provincia e apróbase o proxecto da Casa Consistorial e cárcere, feito por D. José Nieto.
O 15 de xullo deuse conta dun comunicado da Deputación Provincial, aprobando o remate para construír o edificio do consistorio no prezo de 22.095 reais.
O 20 de setembro procedeuse ao nomeamento de fieles de fechos ou escribáns para a toma de posesión dos bens seculares. .
O 14 de outubro acordouse, a petición do xuíz instrutor, que seis nacionais cun sarxento ou un cabo, prestasen servizo de garda no cárcere.
O 31 de marzo de 1842 resolveuse favorabelmente unha moción do procurador primeiro, en que interesaba a división do Concello noutros, por entenderse que dada a enorme extensión do actual non podía servirse debidamente.
O 25 de abril tratouse da necesidade de activar a construción do novo cárcere por canto a capela destinada aos reclusos estaba ruinosa. O contratista contestou que as obras remataran. A capela era a da Peregrina, existente nun terreo que o Concello posúe na avenida da Fonte.
O 4 de xuño deuse conta dunha moción do procurador primeiro propoñendo que o territorio se dividise en catro Concellos: un na Estrada; outro nas Gándaras de Vea; outro no Foxo; e outro en Parada.
O 24 de xuño de 1843 acorda o Concello adherirse a unha Xunta de Goberno constituída en Pontevedra.
O 9 de setembro desígnanse as mesas para eleccións de deputados a Cortes e senadores, establecéndose unha na Gándara, outra na tenencia, outra en Sobrado, outra en Oca e outra na Estrada.
O 31 de outubro o xuíz de Lalín, D. José Crespo, comisionado polo goberno de provincia, disolveu o Concello e nomeou un novo.
O 26 de abril de 1844 acórdase que sirvan de pesos e medidas os potes(4) de costume que viñan utilizándose de antigo, «debendo valerse para as confrontacións dos que poidan ter veciños de probidade.»
O 28 de setembro propuxo o xuíz de 1.a instancia que se deixase baleiro o cuarto do carcereiro para recluír alí a D. Manuel Otero, procesado como comprendido na rebelión do 2 de novembro anterior. Despois mandárono a Mahón.
O 5 de abril de 1846, a corporación tivo que abandonar a vila porque a invadira unha comisión e forzas dos pronunciados procedentes de Santiago. Na Estrada actuaba unha Xunta local revolucionaria da que era presidente D. Joaquín Barros e vogais D. Juan Pasarín, D. Manuel Pazo, D. Juan Rey López e D. Juan Pereiro.
O 25 de agosto de 1848 acordouse activar o expediente incoado co fin de dividir o territorio en varios concellos.
O 11 de decembro acórdase tomar medidas contra o cólera que facía estragos no país.
O 28 de outubro de 1853 designouse a Benito Durán, da Somoza Fiel Almotacén para conferir potes (medidas e pesos).
O 7 de setembro de 1855 faise constar que cando este Partido non tiña, alá polo ano 1848, representante na capital de provincia, por renuncia de D. Manuel Gómez, aumentóuselle a cota provincial en case o dobre, sen base nin razón ningunha.
O 26 de xaneiro de 1856 foi nomeado Fiel Contraste Municipal D. Manuel Ferreirós.
O 4 de agosto, funcionando de Gobernador o Comandante Xeral da provincia, destituíu o Concello e nomeou un novo.
O 30 de setembro, tendo en conta o enorme aumento de poboación do Distrito, elevouse a 23 o número de concelleiros.
O 5 de agosto de 1859, a audiencia da Coruña ordena a construción dun novo cárcere.
O 11 de xullo de 1862, o Concello contribúe para a construción do ferrocarril da Infanta Isabel, de Santiago a Carril.
O 31 de maio de 1865 faise constar que unha enchente arrasou as colleitas e derrubou varias pontes, entre elas as de Nogueira, Cereixo, Amarelle, Canizas e Entrerríos.
O 17 de novembro, deuse conta dunha solicitude do marqués de San Miguel das Penas en que pedía que se lle adxudicase o camiño da Ponte das Donas.
O 28 de xuño faise alusión á valente xornada das nosas tropas nos mares do Pacífico o 2 de maio anterior e consígnase en acta este parágrafo: «A historia deste Municipio reclama a páxina máis gloriosa que lle pertence; o brasón máis grande de que se acha en descuberto, como xusto premio aos heroes desta terra que souberon enaltecer o pavillón español en augas do Pacífico. Os estradenses, a quen a fortuna conduciu sempre aos postos de máis perigo detrás das glorias nacionais, non omitiron a súa presenza en África, en Trafalgar e tantos outros puntos, alí onde os chamou a Patria. Os fillos da Estrada, que cos demais galegos, formaban un número proporcionalmente moito maior que os das demais rexións, prepararon o camiño da súa gloria ao inmortal almirante D. Casto Méndez Núñez, heroe do Callao. Este Concello, cheo de lexítimo entusiasmo, disponse a recibir nos seus brazos, cando regresen da viaxe grandiosa, aos militares, fillos do distrito; e, por se a fortuna deparase que desembarque nas costas de Galiza o insigne Méndez Núñez desígnase unha comisión composta do presidente e cantos concelleiros o queiran acompañar para que en nome do pobo da Estrada, lle renda homenaxe de admiración e gratitude.»
O 6 de marzo de 1868, trátase en sesión dos beneficios que prestan ao país os deputados D. José Varela Cadabal, D. Salustiano Sanz e D. Ramón María Villar, para manter a capitalidade xudicial desta vila, «dubidosa e en perigo».
O 1 de outubro seguinte presidiu a sesión D. Serafín Pazo, comisionado pola Xunta Local de Defensa; e despois de dar conta da constitución do goberno provisional, recibiu xuramento de D. Benigno Fraga, quen o prestou ofrecendo defender a soberanía nacional e as liberdades públicas, pasando á alcaldía.
O 16 de outubro, acórdase adherirse ao goberno provisional que resultou do alzamento de setembro e felicitar os “ilustres patricios” que o compoñían, entre eles o galego D. Antonio Romero Ortiz. .
O 4 de xuño de 1869 acórdase enviar un comisionado á capital de provincia para asistir ao acto de promulgar a Lei Fundamental decretada polas Cortes Constituíntes.
O 7 de xuño de 1870 tívose coñecemento de que o gobernador enviaba unha compañía do rexemento de Guadalajara para restablecer a orde nesta bisbarra e protexer o cobro de impostos.
A sesión do 20 de xullo seguinte foi presidida por un delegado do Gobernador Civil.
O 3 de xullo de 1871 tratouse da conta de gastos realizados nos festexos da coroación de D. Amadeo I.
O Concello, en sesión do 14 de xaneiro de 1874, consignou en acta o seguinte acordo: «felicitar ao poder executivo da República e ao digno capitán xeral de Castilla la Nueva polo acerto e actividade con que contrarrestaron as funestas esixencias da demagoxia e ofrecer a máis leal e decidida cooperación para o sostemento da orde e intereses sociais, encargando ao Sr. Presidente que faga presente ao poder executivo, por conduto do Gobernador, os sentimentos desta municipalidade.»
O 23 de xuño de 1874 foi disolto o Concello polo Gobernador Provincial.
O 2 de xaneiro de 1875 deuse coñecemento á corporación da proclamación da monarquía na persoa do príncipe D. Alfonso XII.
En La Gaceta de Madrid, correspondente ao día, mes e ano que se citará, inseriuse o seguinte decreto: «Querendo dar unha proba do meu Real aprecio á vila da Estrada polos seus distinguidos antecedentes e constante adhesión á monarquía, veño en conceder ao seu Concello o tratamento de Ilustrísimo. Dado en Palacio, a 14 de setembro de 1878. -ALFONSO.»
O 6 de novembro de 1878 o Concello consignou en acta o seguinte: «informados de que D. Waldo Alvarez Ínsua, natural desta vila, director de El Eco de Galicia en Cuba, se acha defendendo con afán a toda proba os dereitos e intereses dos seus paisanos e de Galiza, cos seus fundados e ilustrados artigos na prensa, acordamos por unanimidade felicitalo demostrándolle agradecemento pola altura en que deixa o país natal.»
O 6 de xullo de 1881 acordouse adquirir 25 medallas gravadas co escudo do Concello para usar a corporación nos actos oficiais.
O 21 de novembro de 1883 trasladáronse as oficinas municipais para a praza Principal (hoxe de Ramiro Ciorraga) casa que habita na actualidade D. Jesús Durán. Esta casa estaba destinada a enfermaría do cárcere e oficinas do xulgado, e foi cedida polo Partido en permuta pola planta alta da casa-cárcere que o mesmo Partido cedeu ao Concello.
27 de marzo de 1884: o goberno provincial suspende a don Eliseo de Silva no cargo de alcalde.
9 de abril: declárase que non está legalmente adquirida a casa para onde foi trasladado o Concello e acórdase restituílo ao seu antigo local dos altos do cárcere.
O 30 de setembro de 1885 acordouse a construción dos locais para expender carnes.
O 30 de novembro acórdase a celebración dun acto fúnebre pola morte de Don Alfonso XII.
O 9 de xullo de 1892 alúdese á recente supresión dos subalternos de Facenda.
O 18 de febreiro de 1893 deuse coñecemento de que fora concedido a D. José Riestra López o título de marqués e acórdase festexar o acontecemento.
O 4 de maio de 1895 foi declarado fillo predilecto de sistrito o mesmo marqués de Riestra.
O 31 de xullo de 1896 foi adxudicada a D. José Puente Núñez a construción dunha nova Casa Consistorial.
O 24 de setembro foi autorizado o alcalde para adquirir o soar en Carballiño de Bedelle, onde está emprazada a casa do concello.
Sendo designado para formular o proxecto da casa o arquitecto D. José Franco Montes, presentou os planos o 18 de xuño de 1904 e o 7 de agosto de 1908 encargouse da construción do edificio o contratista D. Juan Fontán.
DECRETO
Ministerio da Gobernación. -«Querendo dar unha proba do meu Real aprecio á Vila da Estrada, decido concederlle ao seu Concello o tratamento de Excelencia--Dado en Palacio a 16 de abril de 1912- ALFONSO. -O Ministro da Gobernación, Antonio Barroso y Castillo.»
O 4 de decembro acordouse ceder ao partido a parte alta da casa-cárcere.
O 6 de marzo de 1916 foron trasladadas as oficinas municipais e as do Xulgado Instrutor e o Municipal para o novo edificio. Máis tarde instaláronse tamén alí o laboratorio, o Arquivo Notarial e o Rexistro da propiedade.
Chegou o noso Concello en 1856 ao número de 23 concelleiros; en 1881 xa tiña 25 e hoxe consta de 26. Iso dá idea da súa grande importancia. Santiago só ten 25 e Pontevedra, 24. É o municipio da Estrada, entre os rurais, o maior de España; a corporación elixe, entre os concelleiros, un para alcalde e seis para tenentes; ten o seu correspondente secretario, co soldo de 8.000 pesetas; oficiais, tres ou catro; catro médicos titulares; veterinarios inspectores de carnes e substancias alimenticias e inspector de hixiene pecuaria; un porteiro; cinco municipais e un xefe; un varrendeiro; un practicante e un xefe do laboratorio.
Na casa do Concello hai un retrato en pintura de Isabel II ao que se lle atribúe moito mérito artístico; está perforado, e cóntase que foi dun balazo en tempos de revolución.
Velaquí unha breve recensión do noso Concello, que ten pouca historia por ser moderno, pero que está á cabeza dos da súa clase debido á grande importancia do seu territorio e enorme poboación.
Nota: asegúrase que a institución municipal en España foi un legado romano; e algúns considérano de tal transcendencia que non recoñecen outro organismo dentro do Estado. Os nosos concellos gozaban antigamente de grandes atribucións, mais fóronlles moi minguadas en 1844, despois da caída da raíña D.a María Cristina. Agora parece que se tende a dotalos dun réxime autónomo, pois chegouse ao convencemento de que así é indispensábel para ben da nación.
VALES
Algúns xeógrafos consideran composto o territorio estradense de tres vales; o do Ulla, o de Vea e o de Tabeirós; e entre estes distribúen as 51 parroquias do distrito, coma se puidese haber val sen montaña ou esta estivese totalmente deshabitada; cousa que non sucede na nosa bisbarra. Por iso, considerando moi ambigua ou deficiente tal distribución, consideramos máis racional e proveitoso facer unha división por zonas:
ULLA BAIXA: composta das parroquias de Arnois, San Miguel de Castro, Riobó, Berres, Oca, Moreira, Paradela, Barbude e Ribeira.
“Terra-xardín, poética e marabillosa é esta doce terra, esta frondosa e fértil bisbarra que o Ulla baña”. Así se expresou un poeta abraiado ante aquela fermosura natural. E en verdade que é para admirar: os forasteiros que a visitan entusiásmanse e cántanlle louvanzas. Deixémolos e vexamos como se expresan algúns:
«Cega a nosa retina tanta beleza xeórxica, incríbel; é un amábel canto pintoresco sobre o cal a man dun deus-poeta se abriu para derramar e deixar caer un derroche de galas e marabillas de que están sementadas esas paraxes de égloga. Isto debe ser o paraíso dos musulmáns, exclamamos, como no País Azul»; en semellantes vales deberan as hurís presentar aos homes o delicioso néctar da inmortalidade».
Na Ulla Baixa, esa terra mimosa e pródiga, crece a vide para render un viño moi rico; non é refractaria á laranxeira, alí campa o limoeiro, recóllense marmelos, pavías e toda clase de froitas de óso, abundando a cerdeira; obtéñense moi boas peras e mazás, o rico amorodo e suculentos legumes e hortalizas; tamén se recolle millo en abundancia, patacas, liño e algún trigo e centeo; a gandaría consiste principalmente en vacúa e de seda, non faltando algunha cabalar: hai moitas aves de curral. Con todo iso abastécese a praza da Estrada e outras.
A zona da Ulla Baixa, especialmente no corazón constituído polas freguesías de Arnois, Riobó, Berres e Ribeira, está salpicada de quintas de recreo ou pazos, que dan á paisaxe aspecto de señorío e nobreza.
O Sr. López Ferreiro na súa Historia de la Iglesia compostelana dinos que o viño que se repartía antigamente aos seus ministros era o que chaman ullao, ulianum, ou do Ulla.
O Rei D. Fernando II concedeu á mesma Igrexa no ano 1165, a 3 de setembro, a terra de Illam, Ulla.
O Padre Seguin na súa Historia de Galicia, páxina 213, alude ás fértiles terras do Ulla.
A influencia que o medio xeográfico exerce sobre o espírito humano ten manifestacións evidentes nesta zona, onde a xente, especialmente do xénero feminino, é afábel, tenra e mimosa. ,
Como o chan é fértil e produtivo, viñeron a subdivisión (ou minifundio) e o apiñamento da poboación: o “ullao” cunha casiña, unha viña e unha horta, xa se considera feliz; pero iso da estreiteza ten os seus inconvenientes e determina a emigración a outros países, onde o emigrante non pode esquecer o seu precioso recanto natal e sofre de morriñas ata que volve.
ULLA ALTA: composta das parroquias de Loimil, Orazo, Remesar, Agar, Ancorados, San Pedro e Ancorados, San Tomé.
Boa terra é tamén a destas parroquias, aínda cando está en segundo lugar con respecto á da Ulla Baixa; e a xente, algo máis adiñeirada en xeral, é tamén máis escrava e forte no carácter; emigra moito e dedícase no país á labranza e distintos oficios.
Obtense nesta zona bastante viño, pero menos que na anterior e de inferior calidade; en cambio, como os labradores teñen máis folgura territorial, recollen máis millo, patacas, centeo e trigo; tamén teñen boas froitas, hortalizas e legumes, aínda que non compitan coas da Ulla Baixa; en gandaría son máis ricos, tanto na vacúa, coma na cabalar e de seda.
Camiño de Silleda adiante, ao chegar á Rocha, no punto da Espiñeira, impresiona o cadro encantador que ofrecen Agar, os Ancorados, Remesar, etc. Un forasteiro ilustre, admirando a fermosura do panorama, exclamou: “Parece un xardín inglés!”... E paréceo, en efecto, polas aliñacións das leiras e o verdor purísimo daqueles campos zarrapicados de casiñas brancas onde semella que sempre reina a felicidade. E como presidindo esa grandeza, máis alá do río Ulla, manso, tranquilo e prateado, elévase o Pico Sacro de lendas mil; e case no cumio, como diadema arxentina, como raíña e señora sentada no seu trono, reloce a capela de San Sebastián.
VEA BAIXA: composta das parroquias de Santa Cristina, San Xiao, Santo André, San Xurxo, Baloira, Cora e Couso.
Á zona da Ulla Baixa segue en encantos e fermosura esta rica zona de Vea, digna tamén de admiración: a campía é primorosa, abundan os legumes, as hortalizas e as froitas, especialmente a mazá; obtense bastante viño, moito millo, patacas e algún centeo e trigo; tamén se obtén liño.
Hai pouco asociáronse uns cantos veciños da bisbarra co fin de explotar a sidra, e enviaron un dos socios a Asturias para estudar o modo de estableceren a industria.
Un dos medios de vivir con que conta a veciñanza é a cría e invernado do gando mular: as mulas de Vea gañaron sona moi merecida nas feiras da contorna.
A xente, como a da Ulla, é afábel e mimosa por influencia do terreo, o cal non lle resta valor, porque o acreditaron escribindo páxinas gloriosas na Guerra da Independencia coas súas célebres alarmas. Legísima na súa obra, Héroes y mártires gallegos, dedica parágrafos moi laudatorios aos antepasados da bisbarra. Copiamos: «os paisanos de Vea ás ordes do P. Frai Miguel de Pego atacaron varias veces en marzo e principios de abril (1809) aos franceses que de Santiago se dirixían á Ponte Vea. Nesa época os mesmos franceses queimaron a vila de Cuntis da que só ficou a casa dos baños, chamada da Virxe, e mais unha caseta. O valor daqueles denodados campesiños obrigou os invasores a deixar libre o paso da ponte.» Na páxina 84 da devandita obra, lese: «faise constar o patriotismo da xurisdición de Vea, Baños(5) e Penaflor(6); os naturais do país fixeron a súa primeira posición nas montañas da Bragada e, visto isto polos franceses, non se atreveron a pasar o río Ulla, deixando na cabeza da ponte un destacamento de 80 a 100 homes que, abatidos polos nosos, tivo que retirarse. Despois os paisanos cortaron a ponte para que os franceses tropezasen con ese inconveniente se novamente trataban de pasar. En Couso houbo un serio combate no que morreron unhas sete persoas».
Outro escritor di: “os habitantes de Vea son os descendentes daqueles valentes que formaron as célebres e valorosas alarmas levantadas polo clero da bisbarra en contra dos franceses invasores de 1809. Timbres gloriosos nos anais do arciprestado!”. Solidarios destes feitos ilustres dos seus maiores, aqueles organizadores, sumamente íntegros, aínda que estrategos modestos, considéranse os herdeiros de hoxe daquela lexión heroica mandada polo P. Francisco Miguel Pego e os párrocos nomeados pola Xunta, e que fixo fronte á aguia altiva do Sena e aos seus famosos mariscais.”
Ao describir a parroquia de Couso, tivemos en conta os datos do libro de defuncións en campaña e atopamos con que alí morreu un español, cuxo nome e demais circunstancias non puideron descubrirse, polo que pasou á tumba sen identificar. Teñen pois os de Vea o seu soldado descoñecido a quen levantar un monumento deses que se puxeron de moda despois da Gran Guerra.
O 21 de agosto de 1162, o Cabido de Santiago vendeu ao priorado de Sar,catro agros, un deles na vía de Velegiam (Vea). Ao ser consagrada a igrexa de Sar polo arcebispo don Diego Xelmírez, erixiuna en parroquia sinalándolle territorio propio dende a vía Francorum (Rúa de San Pedro) ata a vía "pro ad Velegian" (camiño da Ponte Vea).
O mesmo Xelmírez puxo revisores e xuíces especiais na cidade e nos diversos distritos da terra de Santiago, entre eles o de Vea.
O cardeal Hoyo, en acta de visita que xirou en 1608 e seguintes, consigna: «Vea: o xulgado de Vea ten 400 vasalos - vale ao xuíz que pon o arcebispo, 50 ducados».
Moito se divagou en canto á etimoloxía da palabra Vea, que varios dos nosos antepasados escribían con “b”, se ben os latinos a escribiron sempre con “v”, deste modo xeralmente, Veha, que equivale a camiño carreteiro.
Parécenos acertada a opinión dos que sosteñen que Vea significa “vía”: no transcurso do tempo foise pasando do "i" ao "e", din. Ademais, está fóra de toda dúbida que por Vea houbo unha moi importante vía romana e outras secundarias que se viron moi concorridas polas peregrinacións a Santiago. Só nos confunde algo que Vea con "v" pode significar “baixo, terreo de fondal”, e isto responde ás condicións topográficas da localidade.
Por tradición dise que Vea adquiriu a súa denominación do apelido dun xeneral ao que o rei lle cedeu este territorio, por ter gañado nel unha grande batalla. Dise tamén que ese magnate tiña catro fillos, André, Xiao, Xurxo e Cristina e que estes, á morte do seu pai, dividiron as terras e crearon cadansúa freguesía, que son as actuais de Santo André, San Xiao, San Xurxo e Santa Cristina.
Segundo un recibo que vimos, os de Vea aínda satisfacían o ano 1818 os tributos en Santiago, por medio do procurador xeral D. Manuel López. O mesmo ano era alcalde da xurisdición D. Manuel Lorenzo, de San Xiao. En 1836 continuaba recadando as contribucións Manuel López. O 8 de marzo de 1838, Sebastián Revolo, de San Miguel de Cora, pagou á administración de rendas decimais de Santiago, como arrendatario dos dezmos e primicias de San Xurxo de Vea, a cantidade de sete mil reais, froitos do ano anterior.
En tempos de revoltas interiores houbo en Vea a 4.a e célebre compañía de fusileiros que mandaba o capitán D. Bernardo Lapresa e da que era tenente D. Juan Miranda e subtenentes D. Benito Miranda e D. Julián Miranda.
«Xente de Vea, Deus a dea» é dito popular.
D. Faustino Ulloa, sendo recadador de contribucións, expresábase así: "cando veñen os de Vea énchenme a ucha!" Disto infírese que os de Vea son podentes, bos pagadores e que están sobrecargados de impostos.
A paisanaxe dedícase á agricultura e á emigración para as Américas.
VEA ALTA: composta das parroquias de Santeles, Aguións, Toedo e Matalobos.
O territorio destas parroquias, con non ser malo resulta algo inferior ao de Vea Baixa e a produción é, tamén por conseguinte, algo inferior, singularmente en viño, hortalizas, legumes e froitas; en gandaría non hai diferenzas se excluímos a mular.
Na mesma proporción que os produtos da terra e as súas condicións de fertilidade e clima, pode dicirse que está o carácter da xente, máis forte na montaña que no val. Os de Vea Alta, como os de Vea Baixa, dedícanse con especialidade á agricultura e a emigrar para as Américas.
BARCALA: composta das parroquias de San Miguel e Santa Mariña de Barcala e Frades, situadas alá nos confíns de Valga e Cesures, un pouco afastadas da Estrada. Por razón das distancias os veciños desta zona comercian principalmente na devandita vila de Cesures e en Padrón; e ese trato frecuente caracterízaos tanto no seu modo de ser coma na fala, que se distingue por un abuso extremado do “s”(7). Difiren notabelmente dos demais habitantes do distrito, sen que por iso queira dicirse que é peor ou mellor xente.
O terreo que habitan, xeralmente montañoso, inflúe tamén no carácter fosco e pouco comunicativo que neles se observa. Dedícanse á agricultura, da que obteñen un regular produto, e á emigración para as Américas. Obteñen millo, centeo, trigo, patacas, hortalizas, legumes e algunhas froitas. Dada a enorme extensión dos montes que os rodean, teñen bastante gando: vacún, cabalar, lanar e cabrún; en canto ao de seda, están en proporción cos demais habitantes do país estradense.
ZONA DE TABEIRÓS: composta das parroquias de Tabeirós, Nigoi, Parada, A Estrada, Guimarei, Ouzande, Somoza, Callobre, Lagartóns, Cereixo e Vinseiro.
Xa sabemos que Tabeirós era a capitalidade dunha das máis importantes xurisdicións reunidas hoxe no Concello da Estrada. Resúltanos imposíbel indicar, nin sequera aproximadamente, os séculos que tiña de antigüidade cando a fusión se realizou, pero si aseguramos que non eran poucos.
Nun documento procedente de S. Martiño de Santiago e que existe na Biblioteca da Universidade, aparece que, alá polo ano 1096, os condes D. Ramón e Dona Urraca fixeron un cambio dando a vila de Pastoriza en troca doutras en Escuadro, Xestoso e Tabeirós. En bula do Papa Pascual II, datada o 21 de abril de 1110, confírmanse as posesións de Taberiolus (Tabeirós) a favor da Igrexa compostelá. O rei D. Afonso VII deu ao arcebispo D. Diego Xelmírez en permuta o dominio de Taberiolus (Tabeirós) polo castelo do Faro e outras pertenzas na Coruña. Cando D. Vasco de Ulloa casou con D.a Inés de Moscoso, levou á Casa de Altamira varias pertenzas en Tabeirós. O Sr. López Ferreiro na Historia de la Iglesia Compostelana dinos que este arcebispo mandou derrubar varios castelos e entre eles o de Reneta que D. Fernando, fillo do conde de Traba, fixera levantar en Tabeirós. Foinos imposíbel descubrir o punto en que o devandito castelo estivo emprazado, a pesar dos medios postos en práctica. Sería no lugar de Raletia da parroquia de Remesar?... Alí parece que houbo unha fortaleza. En bula de Anastasio IV, datada o 8 de abril de 1154, confírmanse as posesións da Igrexa Compostelá e entre elas aparece “Tabeirolos cum ecclesia et possesionibus quas ibi habetis”(8). Alexandre III, en bula do 20 de marzo de 1178, confirma tamén os privilexios e posesións da devandita Igrexa, entre elas Taberiolis, con territorio, igrexas e mosteiros. No testamento do arcebispo D. Juan Arias, datada o 20 de abril de 1266, faise unha doazón que di: «la cazalia que habemus in taberelis»(Tabeirós). O cardeal Hoyo, en visita xirada o ano 1608 a distintas xurisdicións consigna: “Tabeirós: este xulgado de Tabeirós co de Ribadulla e Pico Sacro ten 1400 vasalos. Pon xuíz o arcebispo e vale 2.000 reais”.
De todo o consignado dedúcese que o nome desta zona é coñecido de antigo e, se ademais temos en conta a opinión xeralmente sustentada de que Tabeirós é metátese de Tabelarios, que vén dos antepasados que escribían en taboíñas enceradas, cómpre retrotraer a antigüidade do lugar a aqueles tempos en que aínda non se coñecía o papel. (Permítasenos consignar que o significado talvez sexa “tabelarios”, pero que a metátese non a vemos clara).
O Sr. Murguía na súa Historia de Galicia (p. 14) dinos que entre as medallas tesalonianas de Seguin, vese unha que presenta a figura dun home cun martelo na man esquerda e na dereita cunha chave; a inscrición é Kabeiroc e esta palabra responde á de Caaveiro en Galiza e aínda a Tabeirós. Por outra parte, o padre franciscano Frei Atanasio López, moi douto nestas cuestións, opina que a etimoloxía de Tabeirós (Tabeiroos en galego antigo) debe buscarse en beira, ribeira; e que talvez queira significar “pobo de ribeira”(9).
As condicións do chan, especialmente no val, son boas e a produción consiste en bastante millo, patacas, centeo, trigo, hortalizas e legumes, algún viño e froitas. A xente, respondendo á lei do medio xeográfico, sen ser tan melosa como a do Ulla, é comunicativa e de carácter nada extremado. Dedícase á agricultura e a distintos oficios, predominando os canteiros, albaneis e carpinteiros; a emigración ás Américas resta moitos brazos, tamén saen algúns a Cádiz, especialmente de Callobre, e naquela cidade andaluza adoitan ocuparse en fritir peixe. Os de Parada e algúns de Nigoi e Tabeirós adoitan ir a Franza os veráns de cada ano.
ZONA DA MONTAÑA: comprende as parroquias de Codeseda, Liripio, Ribela, Arca, Souto e Sabucedo.
O terreo, como o título da zona indica, é montañoso, e algo menos produtivo que o do resto do país; a extensión dos montes permite aos habitantes ter bastante gando vacún, cabalar, lanar e cabrún; tamén o teñen de seda.
É esta zona onde máis xente de oficio existe: como as solícitas abellas, saen en emigración andoriña, a traballar durante o verán para comer en inverno e, por regra xeral, reúnen diñeiro.
A produción do chan consiste principalmente en millo, patacas, centeo e trigo. Predomina o tipo louro, máis ben de talle baixo que alto; e a necesidade de saír frecuentemente do país en grande numero, dálles certo carácter de axilidade e soltura, propia, como eles din, do que anda mundo, por todo isto resultan moi tratábeis. Para América tamén marchan algúns.
ZONA DE PARDEMARÍN: comprende as parroquias de Pardemarín, Lamas, Rubín, Olives e Curantes.
A paisaxe difire pouco da da zona de Tabeirós, se ben os oficios escasean e a xente dedícase á agricultura e á emigración para América, case exclusivamente. A produción do terreo, carácter e psicoloxía do pobo, poden igualmente equipararse aos dos habitantes de Tabeirós, se ben obteñen maior cantidade e calidade de herba, que secan nos amplos prados que posúen.
LINDEIROS
Os lindeiros do territorio estradense, en liñas xerais, son: norte, río Ulla, que o separa da provincia da Coruña; sur, os concellos de Cerdedo e Forcarei; leste, o de Silleda e oeste, os de Cuntis e Valga.
PERÍMETRO
Por R.D. do 30 de agosto de 1889 mandouse determinar con precisión os límites de cada concello: os da Estrada quedaron fixados deste xeito:
Liña divisoria entre A Estrada e Silleda: partindo do río Ulla en Adoufe, (parroquia de San Miguel de Castro), a liña vai separando de Cira en dirección ás presas de Rasedo (término de Dornelas); atopándose cun regato polo que segue, augas abaixo, dividindo herbeiras do mesmo lugar de Rasedo e Souto de Leiras ata unha pena en que hai gravada unha cruz; toma despois a dirección noroeste por un muro que pecha herbeiras e toxeira de Rasedo, separando da denominación Carballeira de Leiras, e case en recta, segue aos campos de Leiras pola coñecida Toxeira Redonda, descendendo despois a un regatiño próximo formado por augas que baixan de Ansamonde; marcha seguindo a corrente ata un marco antigo e deste a un camiño próximo, punto de Casavella; segue ao leste ata un muro de peche do Agro de Leiras e divide de toxeiras de Piñeiro; da esquina leste do mencionado Agro corta herbeiras dos Muíños por unha antiga división de lousas ata a antiga corredía que pasa polo fondo dos Matiños e na mesma dirección chega ao regato do Cubelo onde existe outro marco; de aquí diríxese ao sur polo devandito regato ata que, separándose deste, continúa dividindo toxeiras de Lamela por un muro moi antigo, ata o campo de San Marco, e de aquí a un marco antiquísimo situado no camiño real vello que conducía de Santiago a Ourense.
Liña divisoria entre A Estrada e Forcarei: comeza nas Baiucas ou Campo das Santas, Pena dos Muros, onde antigamente había un cruceiro; vai ao Serrón de Pereira; marcha atravesando a estrada de Vilapouca a Pontevea, ao penedo de Pereiriña; segue ao lugar da Graña de Cabanelas e, deste punto, a Suagranxa de Morgade; diríxese ao alto de Rapadoiro onde serve de marco unha pena que ten unha cruz gravada a pico; de aquí ao alto de Lagoela e a Mamuíña, despois a Barbán, beiras do camiño de Quintillán a Liripio; baixa ao río no punto de Outeiro do Castro ou Porto e Poza do Castro; río arriba vai ata Outeiro do Fachó e ao alto da Trigueira, a Portecelos, pena de Tras da Tomba, a Marco Frende, onde existe un marco antigo preto do camiño de Carrás; de aquí a Cruz do Couto, Couto do Campo do Camiño dos Carrás; Pena dos Reis; Couto Moruño; a unha granxa de Olives; Mamoa de Boi Morto e Outeiro de xunto ao Campo da Lagoa; ata unir o último punto da divisoria con Silleda.
Liña divisoria entre A Estrada e Cerdedo: Comeza coto dos Aguillóns de Montouto, límites do Concello do Campo, e marcha en liña recta a outro coto que está ao norte, dando vista ao Marco de Carracedo, onde na pena máis alta se gravou unha cruz; chega a un marco antiquísimo do mesmo Marco de Carracedo que figura na divisoria das xurisdicións de Montes e Codeseda; vai á Espiñeira, a un cruceiro no antigo camiño de Soutelo a Pontevedra: pola Armonda determínase con marcos bastante avultados que se van divisando dun a outro; dende Carracedo toma a dirección noroeste, seguindo polo camiño referido, tamén marcado, e marcha ao Marco do Aceal, baixada do monte da Espiñeira para Sabucedo, ao Couto Alto dos Pozos e ao Outeiro da Carballa, onde foi gravada unha cruz nunha pena; pasa ao marco de Retortoiro; ao marco de Novás; á Granxa de Sabucedo, á Fonte de San Lourenzo e á Pena Taboaza no Monte das Baiucas, onde comeza a divisoria con Forcarei.
Liña divisoria entre A Estrada e Campo Lameiro: partindo do coto ou pico do Cádavo, punto marcado, marcha á Poza da Lagoa, onde hai unha pena sinalada cunha cruz; segue á Serra Grande, onde hai outra pena con outra cruz gravada, e alí principia a cordilleira; marcha á punta de Gallas de Paramilleiro, o pico máis elevado e ben coñecido cunha cara cortada en forma de paramento; e remata no pico de Aguillón ou Rega da Herba, pena sinalada cunha cruz, onde comeza Cerdedo.
Liña divisoria entre A Estrada e Cuntis: dá principio nunha pena (Pedra Mona); marcha ao Campo da Besta, sinalada con fitos de pedra; vai a unha pena sinalada cunha cruz polo paramento sur; segue á Pedra da Aguia e aos Outeiros das Tres Lagoíñas, formado por un grupo de penas e sinalado o máis alto cunha cruz; continúa ao Outeiro do Castelo das Tres Lagoíñas e chega a Pedra Lobeira, onde hai unha pena sinalada cunha cruz; marcha á Pedra da Raposiña, onde hai un marco; chega a Ameán, a outro marco e a unha canle que divide o monte de Santo André de Vea e un terreo do Conde de Ximonde; pasa ao alto de Fonte Cavada entre o monte de Santo André de Vea e Loureiro de Abaixo; chega ao regato da Fonte das Meigas; ao Outeiro do Prado, por un muro que pecha o monte de Santa Baia de Matalobos; monte da Casa da Cruz pola base dun cruceiro e ao lado dun muro que pecha o terreo da casa de José Souto; á fonte da Area, onde hai un marco antigo e cónico; ao campo do Espiño, punto sinalado con outro marco igual ao anterior; ao regato da Poza; ao Chan da Quenlla, congostra de Ferreiros á Somoza; monte de Pé do Muíño e o regato de Golbada, Galla dos Sistos, que se distingue por un grupo de penas, sinalada a máis alta cunha cruz; a unha canteira do alto da Broteira; a Pena do Sarrapio, onde se colocou un marco; ao Outeiro da Caíña, pena máis avultada; ao Outeiro do Recantiño; ao regato de Porto San Paio, Acevedo, Carballo da Boulla e Porto do Cádavo, rematando no Outeiro dos Cregos, onde principia o Concello do Campo.
Liña divisoria entre A Estrada e Valga: parte do punto Pedra Mona (Pedra de Ninomol), límite antigo entre os concellos de Valga, Cuntis e A Estrada; marcha polo monte Xesteiras á penedía chamada Pena de Arriba; ao outeiro da Trigueira, onde se marcaron as iniciais E. V.; a un marco antigo contiguo a un muro alto de pedra que pecha o piñeiral do Agro de Vilariño; ao Agro de Vilariño; ao Outeiriño; ao Agro de Soutelo, entre os termos de Requián, A Estrada e Valga; polo camiño de Beado ao Agro de Cochón e aos outeiros de Casalpaio e Portela, onde se colocou outro marco tamén coas iniciais E. V.; segue polo monte de Cochón ao outeiro de Regueira Vella ou de Caldeirón, a Pedra da Mina, marco coas mesmas iniciais; á suba do monte de Barreiriña; Revolta Vella; fonte das Barreiras; Pedra Furada, Redonda e Grande, e a Pedra da Besta entre Valga e Padrón.
Liña divisoria entre A Estrada e Padrón: comeza no punto chamado Longras de Abaixo, lugar de Bandín, nas proximidades do río Ulla, onde existe un antigo marco; marcha en liña recta a outro marco situado na Regueira Cova; diríxese de norte a sur cara a un terreo murado que foi viveiro do estado e, partindo deste punto chamado Pozos do Redondo, diríxese á Pedra Redonda no cumio da costa do Cabalo; en liña recta segue á fonte de San Xoán; a Pedra Longa; a Fonte Salgueira; a un marco de pedra situado na beira do Camiño Francés; a Pedra Furada no alto das Barreiras, onde remata esta divisoria.
Liña divisoria entre A Estrada, Vedra e Teo: o río Ulla que separa da provincia da Coruña. É salientábel que, aínda que existe unha divisoria natural e inconfundíbel, como é o referido río, ofrece dificultades e dúbidas a circunstancia de que a capela de Gundián, situada na parte de acá, en contacto coa parroquia de San Miguel de Castro, fronte a San Xoán da Cova, pertence, polo menos para efectos eclesiásticos, a Santa María Madanela da Ponte Ulla, distrito de Vedra. O mesmo sucede co lugar de Bandín, correspondente á provincia da Coruña para efectos civís; e á freguesía de San Miguel de Barcala no noso distrito, para o eclesiástico.
VÍAS DE COMUNICACIÓN
Sabido é que as vías de comunicación son elementos esenciais para a riqueza dos pobos. A Estrada está ben comunicada en relación con outras bisbarras, pero nada lle sobra e moito precisa aínda.
A estrada máis antiga que temos é a de Santiago a Ourense, que dende Ponte Ulla percorre no noso distrito as parroquias de Arnois, Oca, Loimil e Orazo. Despois fóronse construíndo outras, segundo veremos máis adiante.
A ponte de Bedelle estaba en execución alá polo ano 1855, e a ela alude a sesión do Concello datada no 7 de setembro do mesmo ano.
Noutra sesión, datada o 26 de xaneiro de 1866, trátase da taxa e abono de terreos para o camiño de primeira orde da Pica á Barca de Sarandón.
O 19 de abril de 1856 acórdase a cavadura do camiño da Estrada a Silleda.
O 21 de maio de 1860 acordou o Concello pedir unha axuda de 60000 reais á Deputación para estradas e outras obras en proxecto, baseándose en que este Concello é o que máis contribúe da provincia en «diñeiro e en sangue».
A sesión municipal do 31 de xullo ou agosto do mesmo ano alude á ponte do Regueiro, en construción.
O 5 de abril de 1861, ocupouse a Corporación municipal da construción da vía da Estrada a Ponte Vea, e do estudo do camiño de Montes.
O 27 de setembro de 1865 tratouse do exame das obras dos camiños de Soutelo a Ponte Vea.
O 26 de setembro de 1866 acordouse acudir ao Estado en petición de que rematasen as estradas de Carril a Silleda e de Cesures a Vea, pois había varios anacos feitos pero sen enlace.
O 4 de decembro de 1868 don Benito María de Oca e don Luis Rodríguez Seoane, conseguiron da Deputación recursos para construír a estrada de Cuntis á Estrada.
O 5 de marzo de 1869 o mesmo D. Benito María de Oca conseguiu unha subvención para a vía da Estrada a Ponte Vea; e o 9 de abril seguinte outra para arranxar as pontes de Cereixo, Pernaviva, os Vilas e Lamas.
O 28 de maio de 1870, o deputado a Cortes D. Pedro Mateo Sagasta comunica recomendar eficazmente a construción da estrada desta vila a Silleda.
O 19 de xaneiro de 1874 deuse conta dunha solicitude que pretendía que a estrada a Silleda, en construción, pasase polo Foxo.
O 16 de xaneiro de 1884 o Concello ocúpase do Ferrocarril Central.
O 16 de marzo de 1888, trátase do Ferrocarril Central de Monforte a Caldas como mellora importantísima para esta bisbarra.
O 8 de outubro de 1892 acordouse pedir aos deputados da circunscrición apoio para o ensanche da Ponte Vea.
O 31 de xullo de 1896, o Gobernador Civil pide facilidades a este Concello para a construción do ferrocarril de Pontevedra, Barro, Cuntis, A Estrada, Silleda, Lalín e Rodeiro; pero é hoxe o día en que aínda non se levou á realidade.
Resumindo: as comunicacións, deixando á parte as pontes que temos, pois delas trátase noutros capítulos, son as seguintes:
Estradas do Estado: hai a da Estrada a Santiago, que pasa por Toedo, Baloira, Santa Cristina e San Xurxo de Vea, e Couso; a de Chapa a Carril, pasando por Matalobos, A Estrada, Lagartóns, Callobre, Rubín, Agar e Orazo; a da Estrada á Ponte Ulla, pasando por Aguións, Barbude, Paradela, Ribeira, Berres e Arnois; a de Baloira a Cesures, que comprende parte de San Xiao e San Xurxo de Vea e os Barcalas; a de Santiago a Ourense, que, despois de pasar pola Ponte Ulla, percorre termos das parroquias de Arnois, Oca, Loimil e Orazo; a de Pontevedra a Codeseda, que pasa por Souto.
Estradas provinciais: a de Vilapouca á Estrada, pasando por Codeseda, Nigoi, Tabeirós e Guimarei; a de Callobre a Ponte Ledesma, pasando por Moreira, Berres, Riobó, Oca, Arnois e San Miguel de Castro; a de Santiago a Cuntis, pasando polo Souto de Vea, San Xurxo e Santo André.
Camiños en proxecto: o Concello da Estrada acudiu aos concursos III e IV de camiños veciñais e pontes económicas, que deben construirse con subvención do Estado, encargándose tamén este da súa conservación. Foron aprobados segundo a Gaceta de Madrid e o Boletín Oficial da provincia, os seguintes:
Da Estación Agronómica á vila da Estrada; de Ouzande á Estrada; do quilómetro 17 da estrada de Campo a Codeseda ao quilómetro 26 da provincial de Vilapouca a Ponte Vea; do quilómetro 20 da estrada de Santiago á Estrada e a Santeles: do quilómetro 4 da provincial de Callobre a Ponte Ledesma ao quilómetro 6 de Estrada a Ponte Ulla; da estrada de Chapa a Carril, quilómetro 11 á igrexa de Pardemarín; do quilómetro 14 de Chapa a Carril ao lugar de Somoza en Olives; do quilómetro 19 da provincial de Vilapouca a Ponte Vea á Devesa en Sabucedo; de Chapa a Carril, quilómetro 21, á provincial de Vilapouca a Ponte Vea, quilómetro 12; ponte económica sobre o Ulla en Sarandón. .
Con estes camiños e algúns outros ideados para próximos concursos, non queda mal o país. E se, por fin, chegase a ser un feito o Ferrocarril Central, proxectado hai moitos anos, que constitúe unha urxente necesidade e que parece esquecido polos nosos gobernantes, intensificaríase a riqueza e A Estrada adquiriría en poucos anos un desenvolvemento incalculábel.
Séntese, en canto aos camiños rurais carreteiros, a necesidade de regras fixas para a súa conservación e anchura. O seis de xuño do ano 1500 reuníronse en Santiago os procuradores representantes das provincias galegas e acordaron en xunta xeral sinalar o ancho de 14 pés aos camiños que se fosen abrindo e arranxar os que xa existían, por prestación persoal. Dende entón, que nós saibamos, non volveu tratarse desa cuestión importante.
RÍOS PRINCIPAIS
Os ríos máis importantes da nosa bisbarra son tres, por esta orde:
Ulla, que nace en Fonte Ulloa, partido de Chantada, provincia de Lugo, e percorre os termos de Agolada, Carbia, Silleda, A Estrada, Valga, Catoira e Carril, desaugando suavemente na ría de Arousa. O curso é duns 120 quilómetros e nel ten como tributarios ao Furelos, Pambre, Estanque, Arnego, Deza, Riobó, Liñares, Vea e outros regatiños e regueiros.
Entre os ríos máis caudalosos de Galiza, ocupa o Ulla o segundo lugar, pois o primeiro corresponde ao Miño e o terceiro ao Tambre; pero para a historia rexional e a da Igrexa compostelá hai que lle conceder lugar preeminente: as súas augas foron sucadas, un día xa moi afastado, pola barca que conduciu os restos mortais do Patrón das Españas; unha das principais vías romanas seguía o curso do río Ulla dende as Torres do Oeste (Turris Augusti) por Herbón e Carcacía ata Reis e Teo, bifurcando no lugar de Vilar e dirixíndose un ramal aos Baños de Cuntis pola Estrada (Strada), despois de atravesar o devandito río polo sitio en que hoxe ten a ponte de Vellegia (Ponte Vea); e outra vía chamada francesa, baixaba da parte de Lalín a Chapa, Salgueiros e Ponte Ulla, pola que circulaban nutridas e constantes peregrinacións a Santiago: de todo iso dedúcese a preeminencia apuntada.
A pesca é abundante e riquísima no noso río: o bo salmón, lampreas, troitas, zamborcas , anduriños e escalos, que saboreamos frecuentemente nas nosas mesas, de alí proceden.
O Padre Flórez en España Sagrada, di que ao río Ulla lle chama Ptolomeo via e que nas edicións antigas de Pomponio Mela aparece co mesmo nome «en vez de Ulia ou Ulla». Noutras obras históricas faise constar que Mela xa o coñecía por Ulla. Hai quen sostén que debera chamarse Ula por crelo derivado de Uva que en vasco significa “auga”. E dáse o caso de que en Rusia, afluente pola esquerda do caudaloso Dwina, no gob. de Witelesk, hai outro río que tamén se chama Ulla.
Na revista Galicia Diplomática, tomo 1.º, páxina 99, lese:
«O río Ulla, case descoñecido no seu principio é ao rematar o seu curso un dos máis populares do país galego, non só polo seu caudal de augas senón pola importancia do traxecto que percorre. Pero se deixamos a un lado estas consideracións para miralo baixo o aspecto histórico, entón si que podemos asegurar que ningún outro río da rexión viu realizar ás súas inmediacións tantos feitos importantes como tiveron lugar nas que do seu nome toman o de Ulloa e Ulla, alta e baixa. Ten a súa orixe preto de Monterroso e este nome recórdanos a coloración dada polo sangue verquido nas batallas que en tempos dos reis de Asturias se deron naquel punto, nas diversas guerras civís que encheron de sangue o chan galego.»
O Sr. Ortiz Novo, nun artigo publicado no Compostelano, dedicou ao río famoso, dende terras do Ulla, este parágrafo saturado de entusiasmo: «E atravesando o verdor dos campos risoños e fértiles, dos prados fecundos e vizosos, das prolíficas hortas, dos xardíns desbordantes... cruza o río, (o Río Grande), cuxas augas tranquilas, prácidas, azuis, semellan un espello que reloce ao sol».
Aumentan a importancia do río Ulla as pontes que o cruzan, pontes de César segundo o Sr. Murguía. No noso territorio había tres; o do Ulla, o de Sarandón e o de Vea. En canto aos dous primeiros, sabemos que os derrubou o enorme temporal do 18 de febreiro de 1571, que derrubou tamén o mosteiro de San Xoán da Cova. O do Ulla foi levantado despois e cóntase que «era de difícil reconstrución polos obstáculos que alí ofrecía o río e que quen finalmente o reedificou foi un humilde construtor de carros do país, burlando os malos agoiros dos que, créndose únicos posuídores da ciencia, ignoraban que sobre os alicerces está o xenio que os crea.»
Hoxe a Ponte Ulla é unha fermosa ponte moderna por onde pasa a estrada do Estado de Ourense a Santiago. Está situada entre Arnois e Santa María Madalena de Vedra.
A ponte de Sarandón non foi reconstruída. Consérvanse restos dos estribos e alicerces dos machóns sostedores dos seis arcos que tiña. Estaba entre Ribeira e Sarandón e o lugar de onde arrancaba, da parte de acá do río, denomínase Ponte; alí había unha capela das que antigamente era costume levantar ao lado das pontes de importancia.
O vulgo culpa a Pedro Madruga, señor de Soutomaior, do derrubamento da ponte de Sarandón.
A Ponte Vea está en pé, presta servizo e por ela pasa a estrada da Estrada a Santiago. Conserva moito da súa arquitectura primitiva e o escritor D. Ramón Barros Sivelo, na súa notábel obra, Antigüedades de Galicia descríbea deste xeito: «A elegante Ponte Vea: esta fábrica composta de seis luces de medio punto, consérvase en bo estado de servizo, sen que sufrise máis modificacións que correr os peitorís sobre a liña do pavimento, deixando fóra deles os ángulos dos machóns. Esta profanación imposta pola arte moderna non é necesaria, atendendo á solidez da fábrica; as súas dimensións son 80 metros 15 centímetros de lonxitude entre estribos, por dez metros 8 decímetros de altura no centro e dous metros cinco decímetros de ancho entre peitorís».
Está situada entre as parroquias de Couso e Reis, antiga vía “pro ad velegiam”, que pode significar “da ponte derrubada” ou “punto de pescar”.
Umia: río que xorde en Fillois, ao oeste do monte Chamor, concello de Forcarei. Despois de superar os límites do devandito distrito vaise nutrindo dalgúns regueiros e percorre parte do noso territorio por Liripio, Ribela, Codeseda, Arca e Souto, pasando ao de Cuntis, Caldas e Val de Salnés para desembocar na Ría de Arousa.
En Segade, preto de Caldas, forma unha fermosa fervenza cunha grande balsa ao pé; as súas augas son minerais, en gran parte, e abundantes en troitas e escalos.
Liñares: a confluencia no Sallás, lugar de Pernaviva, parroquia de Cereixo, dos regatos do Pego Negro que xorde na Somoza e mais o que baixa de Curantes dá orixe ao río Liñares, que marcha entre os termos de Lagartóns e Callobre servindo de liña divisoria para Moreira e Aguións; limita tamén a Barbude por un lado, e o mesmo a Santeles, e desemboca no Ulla por Paradela. É abundante en troitas e ten saltos aproveitábeis como son os das dúas empresas de luz eléctrica desta vila.
FEIRAS E MERCADOS
En 1836, ano ao que alcanzan os datos seguros que posuímos sobre este asunto, celebrábase a feira de fin de mes na Estrada e outras tamén mensuais no Foxo, Pena, Pica, Renda e Codeseda. Asemade houbo, antes e despois do antedito ano, as do Viso, A Consolación, Souto de Vea, San Vicente, Campo-Redondo, Bemposta, San Xiao de Vea e algunha outra. Na maior parte delas cobrouse a sisa, xeralmente por medio de arrendatarios. O chamado “dereito de sisa” consistía na rebaixa de certa cantidade en favor do erario público, que se facía nos pesos e medidas na venda de xéneros para o consumo do pobo. Tamén as alcabalas constituían unha especie de sisa, pois en virtude delas pagaba o vendedor ao fisco un tanto por cento da venda. Cobráronse ata xuño de 1839, ano en que se declararon caducadas. Había outro imposto chamado “pesillo”, consistente en catro maravedís por cada libra de liño e la.
Por acordo da Corporación municipal, en data de 7 de outubro de 1859, deuse orde de trasladar para A Estrada a feira anual que viña celebrándose no Viso. A execución daquel traslado resultou sanguenta, pois amotínaronse os veciños de Lagartóns contra os da Estrada e librouse unha verdadeira batalla campal, na que resultaron varios feridos e perdeu a vida Manuel Rey, veciño daquela parroquia.
O 30 de decembro do mesmo ano, D. Francisco Salgado, D. Cándido Barros e D. José Benito López, ofrecen ao Concello terreos nas inmediacións da vila para a celebración da devandita feira, que foron aceptados, e acordouse poboalos de arboredo. O 6 de abril de 1860 acordou o Municipio denominar eses terreos co nome de “Feira de Santa Lucía”, por estar próximos á capela do mesmo nome (antes capela da Peregrina). Na sesión do día de referencia deuse conta de que varios veciños pedían autorización e sitio para edificar alpendres no novo campo da feira. No mesmo acto o Síndico, alegando que o lugar da feira mensual se achaba en malas condicións, propuxo o seu traslado para o da anual.
No antedito 6 de abril acordouse a creación dun mercado nesta vila para celebralo o segundo sábado de cada mes.
O Concello, en sesión do 5 de abril de 1861, acordou celebrar unha feira anual os días 9 e 10 de novembro.
O 28 de outubro de 1864 trátase da construción dun celeiro; e o 27 de outubro do ano seguinte, tamén se acordou construír unha praza de abastos.
O 8 de novembro de 1866 acordouse que as feiras da Estrada se fixesen extensivas á venda de porcos, bestas e toda clase de gando.
O 26 de febreiro de 1869 acórdase celebrar a feira de Pascua no campo de Santa Lucía.
O 22 de decembro seguinte acórdase a celebración das feiras de Campo Redondo, os días 9 e 25 de cada mes.
O 27 de marzo de 1872 acórdase trasladar as feiras mensuais e anuais para o sur da vila, nun terreo de D. Enrique Gómez. Este traslado non puido consolidarse e foise pensando en establecelas definitivamente no sitio actual.
O 4 de setembro do mesmo ano créase un arbitrio pola entrada de gando e froitos nas feiras do distrito.
O 21 de novembro de 1877 acórdase a creación doutra feira nesta vila, para celebrala, con toda clase de mercadorías e gando, os días 16 de cada mes.
O 22 de febreiro de 1889 trátase de establecer un imposto sobre feiras e mercados.
O 21 de xaneiro de 1891 acórdase que as dúas feiras mensuais se fagan extensivas a toda clase de gando.
O 20 de setembro de 1899 trátase novamente da construción dunha praza de abastos.
O 22 de marzo de 1902 acórdase a creación dunha feira para celebrala na Estrada os días sete de cada mes con toda clase de gandos e artigos. Celebrábanse nesta data mercados os sábados.
O 24 de abril de 1914 comezou a celebrarse outra feira nesta vila, sen autorización municipal porque non o conseguiron naquel tempo os organizadores; pero en 1916 a Corporación emendou o defecto.
Temos, pois, na Estrada, catro feiras mensuais moi importantes: a do 7, a do 16, a do 24 e a de fin de mes. E como o peixe grande come o pequeno, tamén estas puxantes feiras comeron ou remataron con outras da bisbarra e cos mercados dos sábados. Son de moita sona na súa especialidade as dúas anuais a base da compra-venda de cabalarías e bestas, que veñen efectuándose, unha o martes de Pascua (“martes de mulas” que di o vulgo) e outra chamada de San Martiño, o 13 de novembro.
Resumindo: quedan actualmente no distrito as feiras referidas no anterior parágrafo; as de bastante consideración de Codeseda, que teñen lugar no 2.° e 4.° domingo de cada mes; a non menos importante do día 1 e do 15 no Foxo.
Nota: é merecente de grato recordo o fillo desta vila, D. Severino Trigo Brañas, polo entusiasmo que puxo na creación e afianzamento dalgunhas desas feiras.
AUGAS NOTÁBEIS
Hai no termo municipal da Estrada mananciais de augas medicinais en abundancia, distinguíndose como máis notábeis os seguintes:
Parroquias de Codeseda e Cora: sulfurosas frías.
Parroquia de Callobre: sulfurosas termais.
Parroquias de Loimil e Tabeirós: ferruxinosas carbonatadas.
O manancial de Codeseda xorde en términos do lugar de Barro, áchase case totalmente obstruído por acumularse sobre el terras e entullos, a penas é coñecido na localidade, aínda que se di que antigamente si o era moito.
O de Cora, no lugar de Vilacriste, non está debidamente coidado, a pesar de que aínda concorre algunha xente a utilizar as súas augas para determinadas afeccións. Perderon estas augas moito da súa antiga sona. Dise que a mediados do século pasado un xesuíta enfermo de herpes curou o seu mal en Vilacriste, na aba do monte, coa auga mineral de tres contiguos mananciais. O principio predominante do líquido é o sulfuro sódico, e á mesma clase pertencen as augas da Ponte Vea. O xesuíta obtivo rápida e total curación e dende entón adquiriron renome os devanditos mananciais. Deles Taboada Leal escribiu: «A concorrencia é anualmente de 350 a 400 doentes atraídos polos bos efectos que producen. Se se executasen as melloras necesarias duplicaríase, polo menos, o número de concorrentes, xa pola situación amena e pintoresca da localidade, xa polas boas e próximas vías de comunicación. As augas úsanse xeralmente como bebida medicinal para combater enfermidades do tubo dixestivo e afeccións do fígado. Tamén son moi eficaces para a curación dos herpes e outras erupcións cutáneas.
O de Callobre, situado na marxe dereita do río, nas inmediacións da ponte do Viso, vese anualmente invadido polas augas que o inutilizan totalmente. O Concello, en sesión do 5 de setembro de 1841, declarou que sobre o río do Viso, na parroquia de Callobre, había unha fonte mineral moi boa, acordou atendela e con esta finalidade mandou construír alí unha arqueta de cantería. Desa arqueta, se é que chegou a existir, nin sinais quedan.
O de Loimil, no término do lugar da Igrexa, adoita utilizarse bastante; no entanto, nada se fai pola súa conservación e limpeza.
O de Tabeirós, no lugar de Sandán, pode considerarse completamente esquecido e é mágoa porque non carece de importancia se se ten en consideración que un médico de tanta sona e intelixencia como foi D. Serafín Pazo Cumbraos aconsellaba con moita frecuencia aquelas augas aos pacientes.
En xeral pode asegurarse que un abandono inconcebíbel impera nun asunto dunha importancia como o das augas medicinais da localidade. E quen sabe se algún dos mananciais referidos é de tanta valía como os que gozan de fama e constitúen un elemento de riqueza noutros pobos.
Ben merecía a pena ocuparse diso con decisión e fe.
TEMPERATURAS MEDIAS
O territorio estradense goza de temperaturas agradábeis por non ser extremadas. Leamos: sete graos en inverno, doce en primavera, catorce en outono e dezasete en estío. Claro está que nos fondais do Ulla e Vea aperta máis a calor e non baixa a sete graos o frío; e que nas montañas de Ribela, Liripio, Codeseda, Souto e Frades acontece o contrario. Por iso escribimos baixo o concepto de temperaturas medias.
O distrito está situado na 2.a das tres zonas en que divide a provincia Augusto E. de Lorenzana, e por conseguinte non excede de 200 metros sobre o nivel do mar. Enténdase isto tamén por termo medio, pois nos vales non chega a altura a tanto e é maior nas montañas.
POBOACIÓN
Segundo o último censo, a poboación de feito alcanza 25.741 e a de dereito, 28.827; pero como sempre hai deficiencias neses traballos, ben pode asegurarse que o Distrito ten 30.000 habitantes, e con tendencia a aumentar, como pode verse do seguinte cadro comparativo dun quinquenio tomado do Rexistro Civil.
Ano Nacementos Defuncións
1919 638 448
1920 606 484
1921 579 414
1922 588 393
1923 601 372
Totais 3012 2011
PRODUCIÓN
Toda clase de cereais, fabas e outros legumes, patacas, nabos, hortalizas, froitas verdes e secas, viño e augardente; gando vacún, cabalar, mular, asnal, de seda(10), lanar cabrún; aves de curral. Abundan as colmeas na parte montañosa; tamén abunda a caza menor de lebre, perdiz, coello, paspallás, torcaza, rula, arcea e parrulo; algunha maior de xabaril, raposa e marta. O arboredo consiste en moitos piñeiros e carballos, non poucas cerdeiras, nogueiras, ameneiros e outras variedades; aínda nalgunhas paraxes sobrevive o castiñeiro á horrorosa epidemia que dalgúns anos a esta parte arrasou soutos enteiros, minguando notabelmente a riqueza do país. A exportación consiste en grandes cantidades de madeira de piñeiro e dalgunhas outras; tamén millo, faba, cebola, viño, ovos, gando, galiñas, xamóns, etc.
Esta terra non é refractaria ao tabaco: vimos algunhas plantacións, sen dicir onde por non actuar de denunciantes, que coidadas por prácticos, non só produciron boa folla para picadura, senón que, habilmente envoltas, as fumamos en puros co pracer de quen fuma un bo habano.
Ademais das xa citadas, hai por aquí outras moitas aves e paxaros, sendo moi abundantes: a pomba, pega, pega marceña, merlo, pardal, cuco, corvo, andoriña, birrio, tordo, calandra, xílgaro, picamadeiros, moucho, estorniño, curuxa e algunhas variedades de aves rapaces.
Os nenos teñen o seu vocabulario especial para denominar certas aves e paxaros, e darémolo a coñecer en parte a título de curiosidade: ave dos pitos, lagarteiro, cuco, curuxa, moucho, rula, pega rabelán ou rabilonga, pedreiro, laberca, pieira, galo, escribideira real, pepito sangrador, paparrubio, carrizo, picafollas, chasco, maceirote, subidor, pimpín, xirín, verderol, lavandeira, peto, pardal, papuxa, etc.
OROGRAFIA
Montes máis notábeis:
Distínguense como máis notábeis nesta bisbarra, os montes de Seoane entre Vinseiro e Parada; o da Cruz entre Tabeirós e Arcos; o de Paradela entre Nigoi e Codeseda; o do Arnado entre Nigoi e Arca; o de Toedo e Santeles; o de Feáns, entre Barcala e Frades; Costa de Cabalo en S. Miguel de Barcala; Espiñeira, entre Codeseda e Quireza; Quintas entre Codeseda e Sabucedo; A Rocha entre Olives, Curantes e Silleda; Castrovite entre Orazo e Piñeiro, e Zoo, entre A Somoza e o concello de Cuntis.
Extensión superficial:
A extensión superficial do Distrito é de 294,64 quilómetros cadrados segundo datos oficiais.
LABORATORIO MUNICIPAL
Os laboratorios municipais foron creados en 1908 por Decreto que asina o Sr. La Cierva, daquela Ministro da Gobernación. As realidades económicas da maior parte dos municipios non permitiron que estes centros de investigación, análise e desinfección funcionen normalmente, senón en moi contados sitios.
A misión que cumpren os laboratorios é transcendental, aínda funcionando sen grandes medios e en ambiente pouco propicio. O servizo de matadoiros estalles encomendado en canto son dependentes destes centros os veterinarios que interveñen na inspección de carnes e orde interior dos macelos públicos. As análises de leites e as multas que polo laboratorio se impoñen aos falsificadores deste produto son a causa de que a penas establecidos se note unha melloría enorme nas calidades do artigo. Nesta vila conseguiuse ben pronto a desaparición da venda dos leites de calidade dubidosa. Todos os demais produtos da alimentación, así como as bebidas e as augas potábeis, teñen a súa garantía na existencia destes centros; o mesmo pode dicirse dos abonos químicos e das desinfeccións.
O Laboratorio da Estrada é, quizais, o único en España montado debidamente en vilas desta categoría, grazas á intelixencia, constancia e desprendemento do farmacéutico don José Martínez Pereiro, que foi, en realidade, quen o fundou e dirixiu algúns anos moi sabiamente; pero ausentouse desta vila e actualmente non hai director. Conta o Laboratorio co material que determina o R. D. de creación; áchase instalado na Casa do Concello e ocupa dúas dependencias boas e con abundante luz.
ALCALDES
Dende 1836 ata os nosos días señores tiveron a vara os seguintes señores:
1836 D. Juan Loimil.
1836 D. Francisco Fraga.
1837 D. Manuel Otero.
1838 D. Joaquín M.a Gómez.
1839 D. Gabriel Gestoso.
1840 D. Joaquín M.a Gómez.
1840 D. Manuel Otero.
1840 D. Manuel do Pazo.
1841 D. Manuel do Pazo.
1842 D. Ramón M.a Otero.
1843 D. Manuel Otero.
1843 D. Diego Peña.
1843 ao 49 D. Eusebio Paseiro Codavid.
1850 D. Francisco Oca.
1851 D. Ignacio Porto.
1852 D. José M.a Nieto.
1853 D. José M.a Nieto.
1854 D. José M.a Nieto.
1855 D. Juan García Fernández.
1856 D. Julián Paseiro (interino).
1856 D. Gabriel Gómez.
1856 D. Juan García Fernández.
1857 D. Julián Paseiro.
1858 D. Joaquín Porto.
1859 D. Benito M.a de Oca.
1861 D. Juan García Fernández.
1865 D. Andrés Silva Castroverde.
1867 D. José Badía Martínez.
1868 D. Benigno Fraga Vázquez.
1869 D. Manuel Pazos Rodríguez.
1872 D. José M.a Nieto.
1873 D. José M.a Villar Rey.
1874 D. José M.a Nieto.
1875 D. Juan García Fernández.
1877 D. Gumersindo Otero García.
1881 D. Eliseo de Silva.
1884 D. Juan García Fernández.
1886 D. Gumersindo Otero.
1887 D. Eliseo de Silva.
1888 D. José Otero.
1890 D. Jenaro Otero.
1891 D. Ramón M.a Otero.
1894 D. Ramón M.a Otero.
1895 D. Laurentino Espinosa.
1901 D. Manuel Cajide.
1904 D. Jenaro Otero.
1906 D. José Otero Carbia.
1914 D. Jesús Durán Taboada.
1916 D. Ramiro Ulloa Villar.
1917 D. Pedro Varela Castro.
1920 D. José García Pichal (interino).
1922 D. Antonio Valenzuela (idem).
1922 D. Jesús Duran (id.).
Pode asegurarse que algúns terían chegado ao cargo se os nomeamentos continuasen facéndose por R. O., pero unha sabia disposición ditada hai uns seis anos puxo couto a este abuso, deixou malparados a moitos caciques e restableceu un dereito tan legal e lóxico como o de que os pobos, en uso da súa libérrima vontade, nomeen os alcaldes que lles prouguer.
Non habemos de ocultar, non obstante, que arrebatada esa arma ao caciquismo, adoita apelar a outra peor, que é a de valerse das Comisións Provinciais para facer e desfacer coas eleccións de concelleiros, ao efecto de ter número na constitución dos Concellos e nomear alcalde a capricho.
Dende que escribimos este capítulo até que entrou en máquina, xa se observou novamente a tendencia fatal dalgúns gobernos a nomear alcalde de R. O.
SECRETARIOS DO CONCELLO
1836 D. Juan de Otero, de Santa Mariña de Ribeira.
1837 D. Ramón M.a Cobián (interino).
1840 D. Juan Rivadulla García.
1841 D. Juan M.a Pereiro e D. Manuel Pérez, de Callobre.
1843 D. Manuel Luces.
1848 D. Juan García Fernández (interino) e D. Gabriel Gómez.
1856 D. Vicente Andión (interino), D. Andrés Silva Castroverde (interino), D. Gabriel Alvárez, D. Manuel Alvárez, D. Manuel Fondevila (interino) e D. Francisco Javier Barros (interino).
1857 D. José Vicente Andión. .
1859 D. Francisco Javier Barros (interino) e D. Manuel Mariño Barreiro.
1870 D. Máximo Araujo Gómez.
1884 D. Basilio Sánchez, interino e D. Manuel Otero Vinseiro.
1885 D. Indalecio Fernández de Quevedo(interino).
1886 D. Máximo Araujo Gómez, Secretario actual.
MÉDICOS
Conta o Distrito con moi intelixentes galenos, á cabeza dos cales está o Dr. D. José Araujo Luces, Subdelegado e Forense. Os demais son: D. José Otero Botana, titular da zona da capital; D. Juan Penas Carbia, titular de Santeles e parroquias do contorno; D. Manuel Leyes Pose, titular da zona de Codeseda; D. Jenaro Otero Ulloa, titular da zona de Ribeira; don Manuel Nodar Magán, residente en Ribeira; D. Juan Penas Touceda, en Santa Cristina de Vea; D. Francisco Verdura, de Arca e don José Leira, de Parada.
Hai ademais un practicante que reside en Souto e que se chama D. Manuel Caramés Quintana.
FARMACÉUTICOS
Temos na vila tres boas farmacias: a do Subdelegado e Xefe do Laboratorio municipal, D. José Martínez Pereiro; a de D. Segundo Santos (fillo) e a de D. José M.a Carbón Mosteiro. .
Dende que escribimos este capítulo ata que entrou en prensa tivemos que lamentar a ausencia do Sr. Martínez Pereiro que se estableceu en Maella, partido de Caspe, provincia de Zaragoza.
VETERINARIOS
Tampouco está mal representada a clase veterinaria: actúan na capital D. Evaristo Pereiras e D. Angel Méndez; en Toedo está establecido D. José Ríos; en Vinseiro, D. Jesús Carbón e en Penaporrín, D. Antonio Pereiro.
ARCIPRESTADOS
Vea: pertencen a este arciprestado as parroquias de Cora, Frades, Matalobos, Toedo, Santeles, Baloira, Vea Santo André, Vea Santa Cristina, Vea San Xurxo, Vea San Xiao, Barcala San Miguel, Barcala Santa Mariña e Couso.
Ribadulla: pertence a este arciprestado a parroquia de San Miguel de Castro.
Piloño: a este arciprestado pertencen as parroquias de Orazo e Loimil.
Tabeirós: as demais parroquias do distrito pertencen ao arciprestado de Tabeirós.
Estes catro arciprestados son da diócese de Santiago, antes Diócese Iriense.
Antes do concordato de 1851, a diócese de Santiago estaba distribuída en 5 distritos; un administrado polo deán, e os outros por catro arcediagos. Tabeirós correspondía ao arcediagado de Salnés.
SOCIEDADES DE AGRICULTORES
Alá polo ano 1903, algunhas persoas de bo criterio, entre as que sobresaía o defunto notario D. Miguel Losada, iniciaron a asociación dos labradores deste Concello. En 1905 funcionaban algunhas entidades con bastante entusiasmo; pero, por enredárense demasiado en cuestións políticas e preocupárense pouco dos problemas agrarios, sufriron sensíbeis quebrantos que as deixaron moi malparadas. No entanto, a semente estaba no suco, dérase o primeiro paso cara á emancipación e nos corazóns latexaba o desexo de continuar a campaña labrega. De Lavadores chegaban noticias confortadoras; un grupo de denodados campesiños facíase célebre alí enarborando o estandarte redencionista e paseándoo con singular valentía por aqueles agros. De entre ese grupo destacou o simpático e venerábel Chinto Crespo que veu percorrer os campos estradenses a fins de 1911 e en 1912, realizando unha verdadeira propaganda; houbo múltiples mitins e conferencias. Asistiu a algún deses actos e deixouse oír a xove e entusiasta propagandista Elena Estévez. Completou ese cadro de grandiosa actividade o culto e elocuentísimo cura de Beiro, D. Basilio Alvárez, a quen en ocasións acompañaron Lustres Rivas e López Aydillo. Pensouse nun xefe de altura, nun deputado a Cortes que no Congreso expuxese o programa agrario e o defendese con calor; ese xefe foi D. Manuel Portela Valladares, quen, invitado oportunamente, veu á Estrada e foi obxecto dunha acollida e dunha manifestación de cariño tan grande como nunca se presenciara nesta vila.
El Eco de La Estrada, órgano das Sociedades Agrarias, lideraba naquel tempo unha valente campaña contra o caciquismo local e provincial; as masas labregas engrosaban dun modo sorprendente e o movemento redencionista chegou a adquirir proporcións xigantescas, causando a admiración de propios e estraños: Joaquín Núñez de Couto non foi alleo a eses traballos.
Como o número de sociedades e sindicatos era moi avultado, para uniformar a marcha e proceder de común acordo, redactouse un regulamento e constituíuse a famosa “Federación Agrícola” da Estrada, Silleda, Forcarei e Cercedo, cuxos estatutos, despois de non poucos traballos e desgustos, foron aprobados polo Goberno Civil o 9 de agosto de 1913.
O novo organismo resultou dunha eficacia sorprendente; empezou o seu labor con actividade, abnegación e fe, acurralando de tal xeito o caciquismo, que o puxo ao bordo do precipicio. É de recordar o feito insólito da prohibición establecida entre os asociados en canto a comerciar coa vila, por non secundar esta na desexada medida as aspiracións dos agrarios; durante o mes de maio de 1915, a paralización pode dicirse que foi absoluta: nin unha feira, nin un mercado puido celebrarse; faltaron os legumes, faltou o leite, faltou todo, menos o tesón das sociedades, tesón que non foron quen de atepedar nen os alardes de forza armada nen os encarceramentos do presidente da Federación, señor Señarís Junquera, do secretario Sr. Baloira Gañete e doutros moitos.
A fins do mes referido, mediante xestións do comercio que estaba en perigo, chegouse a unha transacción, baseada na supresión do déficit, e na promesa da máis estrita xustiza nas eleccións municipais que se achegaban. Cesou o boicot e nas rúas da Estrada, que se viran case desertas durante 30 días, rexurdiu a animación.
En novembro do mesmo ano foron proclamados polo artigo 29 da Lei Electoral, concelleiros coa clasificación de agrarios, os señores D. Ramiro Ulloa, José Varela, Juan Peiteado, Jenaro Pena, Manuel Blanco, José Rodríguez, Benigno Quesada, Claudio Baloira, Juan Manuel Rodríguez, Felipe García, Marcelino Vilas, José Señarís, Manuel Couceiro e Pedro Varela, que, cos elixidos anteriormente D. José Porto e D. Manuel Sanlouzáns, constituíron unha respectábel maioría encargada do goberno do Municipio en xaneiro de 1916. O agrarismo vencera aquí mediante a súa firmeza, demostrada moi especialmente no memorábel día 16 de maio de 1915, ao ser detido no campo de Lagartóns o Sr Señarís.
Para conmemorar esa data e a vitoria obtida, levantouse no mesmo campo unha columna triunfal coroada por unha piña que simboliza a unión agraria; unha reixa de ferro fabricada gratuitamente polo acreditado artista D. Manuel Amigo de Oca, encerra o monumento que leva estas catro inscricións labradas en pedra: «Unión agraria estradense. Aquí se consolidó» «Fraternidad, agrarismo, democracia y libertad» «La Federación agraria en conmemoración del 16 de mayo de 1915» «El Labrador es el Rey de la Naturaleza».
Había que descubrir o monumento e fixar «o día dos agrarios» e, con este fin, preparouse unha festa para o 16 de maio de 1916, que pola excepcional importancia que tivo hai que salientar.
Con milleiros de follas voantes distribuídas oportunamente neste concello e na comarca, convocouse ao agrarismo. El Eco de La Estrada non cesou, durante os tres meses anteriores á festa, de facer un chamamento en regra e, para completalo, tirou un extraordinario o 24 de abril. Entre orlas, primeira plana e grandes caracteres, líase “Grandes festas. Loor aos perseguidos. A Federación agraria, en conmemoración do 16 de maio de 1915, celebrará o mesmo día de 1916, no campo de Lagartóns, as festas máis grandes que Galiza recorda. Agrarios! A presenciar o descubrimento do primeiro monumento que se levanta en España como símbolo de unión e de triunfo labrego. Saudemos aos mártires que sufriron os rigores da prisión loitando polo goberno do pobo, polo pobo”.
Contiña o mesmo extraordinario do Eco uns artigos saturados de entusiasmo e o programa da festa que era aproximadamente como segue:
“Ás seis da mañá, disparo de seis bombas dende o local de cada sociedade federada; ás oito, misa en Lagartóns; ás nove, entrada das sociedades no campo, por grupos cos seus estandartes despregados e acompañados por bandas de música. Á cabeza da comitiva entrará a moza elixida polas compañeiras da súa zona, e seguirana as designadas polas sociedades, agrupadas cada unha ao seu estandarte e ás músicas graduadas.
Grupo do Ulla: compóñeno as sociedades de Orazo, Loimil, San Miguel de Castro, Amois, Oca, Ancorados, Pardemarín, Callobre, Moreira, Berres, Ribeira e Paradela-Barbude (presidenta, Felisa Brea Marque de Rubín coas súas damas de honra).
Grupo de Vea: componse destas sociedades: Santeles, Aguións, Toedo, Baloira, Vea Santa Cristina, San Xiao, Santo André, San Xurxo, Couso, Cora, os Barcalas e Matalobos (presidenta, María Luisa Armadáns).
Grupo da Montaña: compoñen este grupo as sociedades de Cereixo, Vinseiro, Lagartóns, Guimarei, Parada, Ribela, Arca, Souto e Somoza (presidenta, Rosalía Torres Villaverde coas súas damas de honra).
Os tres grupos entrarán no campo con intervalos de dez minutos; a directiva da Federación estará constituída na tribuna onde recibirá as presidentas e as súas damas, obsequiándoas con ramos de flores e adornándoas con moñas cintadas en que aparecerán inscricións alusivas ao acto”.
Esta parte do programa cumpriuse ás mil marabillas: amenceu o día arelado, 16 de maio de 1916, con toda a fermosura dunha mañá espléndida de primavera e moi axiña comezou a chegar, atronador, de todos os recantos do Concello, o ruído das bombas disparadas polas sociedades. Era a chamada ao Exército Labrego, que deu o resultado apetecido: observouse decontado un movemento inusitado, os camiños e vereas enchéronse de persoas que se dirixiron aos puntos sinalados para a formación dos grupos e ás nove entraban estes, nutridísimos, graduados, no campo de Lagartóns, coas súas músicas, gaitas e estandartes. Foi un momento emocionante, indescritíbel, só superado cando o alcalde, D. Ramiro Ulloa, descubriu o monumento, porque entón o entusiasmo acabou de desbordarse; milleiros de persoas aplaudían freneticamente, as músicas e gaitas executaban as máis alegres composicións e no ambiente resoaba a dinamita. O mesmo alcalde pronunciou despois un discurso alusivo á festa e rematou a recepción. Houbo profusión de premios para traxes típicos do país e outros; para bailadores con castañolas; para os postos de comidas e bebidas máis artísticos e orixinais; para os gaiteiros que mellor executaron a “Alborada” de Veiga e a Muiñeira; para as merendas máis farturentas e colocadas con máis arte sobre a herba; e outros moitos. Tamén houbo concurso escolar, que resultou moi lucido, e sorteáronse numerosos obxectos.
Chegou a hora de comer e apareceu o enorme campo de Lagartóns cuberto de brancos manteis, en torno dos que se foron reunindo familiares e parentes do xefe de cada casa; coméronse de moi boa gana suculentos manxares e bebeuse a máis non dar, mentres unha verdadeira invasión de músicos de menor contía, cegos, coxos e outros ambulantes, buscaban o codelo de pan coas súas ripiosas e mal medidas coplas; todo era lecer e alegría.
Do Concello da Estrada só faltaron as persoas imposibilitadas e aquelas materialmente precisas nos domicilios. De Lalín, Silleda, Carbia, Vedra, Teo, Cesures, Padrón, Caldas, Cuntis, Pontevedra, Barro, O Campo, Cerdedo e Forcarei houbo moita xente. Dá idea de cal sería a concorrencia o feito de que unha persoa ben coñecida se afastou pola mañá dos seus familiares e non foi quen de atopalos até a noite.
Pola tarde os numerosos músicos e gaiteiros fixeron as delicias da multitude. Desenvolveuse este magnífico festival sen unha soa nota discordante.
Foi, sen dúbida ningunha, o acontecido en Lagartóns o 16 de maio de 1916 o acto desa índole máis grande rexistrado na Galiza. Debeuse o resultado á boa marcha da Federación e á comisión organizadora composta dos señores D. Claudio Baloira, José Brea, Manuel Fernández, Gumersindo Iglesias e Benigno Fraga.
Un xornal publicaba por aqueles días un artigo que contiña, entre outros, este parágrafo: «Viaxeiro! Cando pases polo Campo de Lagartóns, ao pé dunha columna que se levantará maxistralmente alzando ao ceo a piña simbólica da unión campesiña, párate e descúbrete, non para deixar unha esmola, porque o único que se pide é un bo corazón, senón para dedicar un recordo mental aos que sufriron pola causa redentora, e admirar a súa constancia. E se non es agrario, se non figuras nas lexións honradas dos teus veciños, fuxe, porque ese monumento tanto glorifica e perpetúa a actuación dos bos, como serve de baldón para os malvados.»
A Federación declarou festa agraria o 16 de maio de cada ano.
El Eco de La Estrada publicou despois unha revista luxosa dedicada ás festas que quedan salientadas e dela distribuíronse miles de exemplares porque tivo moita aceptación.
O 16 de maio de 1917 repetiuse a festa en Lagartóns e, se ben estivo moi concorrida, non revestiu aquela grandiosidade do primeiro ano.
O número de entidades agrarias durante o período álxido do agrarismo chegou a ser moi respectábel. Reuníanse na Federación as de Pardemarín, Ancorados, Oca, Berres, Callobre, Cereixo-Vinseiro, Ribela-Parada, Codeseda, Souto, Aguións, Lagartóns, Cora, San Xiao, Santa Cristina, San Xurxo e Santo André de Vea; Arnois, Castro, Orazo-Loimil, Riobó, Paradela-Barbude, Moreira, Guimarei, Somoza, Matalobos, Toedo, Sabucedo, Nigoi, Santeles, Baloira, Couso, Frades, Santa Mariña e San Miguel de Barcala.
Presidiron a Federación: en 1913, D. Antonio Camino; en 1914 e 15, D. José Señarís; en 1916, D. Ignacio Vilas Carbón; 1918, D. José Louzao; 1919, D. José María Barreiro; 1920, Señarís; 1921. 22, D. Antonio Fernández; 1922, D. Erundino Bergueiro; 1923, D. José Campos, presidente actual. Despacharon a secretaría: primeiro, D. Pío Losada; despois, o Sr. Baloira Gañete; despois, o Sr. Ríos Eiriz, D. José Otero Abelleira, D. Bernardo Mato e actualmente, D. José Paseiro.
A Federación tivo o seu esplendor e despois a súa decadencia; como sucede coa temperatura, despois da calor vén o frío; e as causas do frío social foron varias: os elementos principais do rexurdimento agrario local pasaron ao Concello e, «mal se aras, boi, mal se non aras»: ora, sostíñase que os concelleiros do agrarismo debían asistir ás sesións daquela entidade; ora, que non debían facelo, porque a súa presenza coartaba liberdades; chegouse a dicir que a presenza dalgúns era unha coacción e, cando non aparecían por alí, eran acusados de abandono, de inconsecuentes, de pouco entusiastas, de fachendosos cos seus cargos e outras cousas parecidas. Isto produciu a uns concelleiros decepción e aburrimento; outros, menos escrupulosos, responderon co afastamento e o desdén. Con opinións enfrontadas e falta de freo para as susceptibilidades, non podía reinar o concerto: o «divide e vencerás» actuaba con todas as súas fatais consecuencias, tanto na Federación coma no Concello. Así se ía gastando o agrarismo municipal, como se gastan sempre os que gobernan, por bo desexo que teñan de acertar.
As masas populares teñen esixencias, case sempre lexítimas; pero cando non as ven satisfeitas adoitan reflexionar pouco nos motivos. Todas as culpas recaen nas corporacións municipais, aínda que estas se esforcen en servir o pobo e non se repara en que dende un concello non se fan leis e hai que cumprir, en cambio, as que dimanan de Madrid, que non sempre son acaídas. Ademais os nosos labradores, desconfiados de antigo, recean sempre dos gobernantes, sobre todo cando por intereses partidarios se explota esa innata desconfianza.
O Concello agrario da Estrada non se librou deses inconvenientes e tropezou tamén co problema grave de non ter protección nas alturas, pois, dado o seu matiz de independencia, foi ollado con desconfianza e receo.
A todos eses males houbo que engadir os desgustos ocasionados por algúns intransixentes, ávidos de satisfacer caprichos e verse a última hora invadidas as sociedades por elementos sen entusiasmo e pouco escrupulosos, moitas veces enviados con consignas disolventes. Ía aparecendo unha especie de caciquismo no seo de cada entidade, cancro que as corroía e aniquilaba; pero agora parece que os verdadeiros agrarios se decatan do perigo e tenden a reorganizarse. Xa veremos se non reinciden nos seus erros e se procuran, como é de desexar, non perder o tempo en nimiedades para empregar todas as enerxías en cuestións como estas:
1.a: Acabar co analfabetismo procurando a maior perfección posíbel no ensino elemental e que nas escolas se impoña como obrigatorio un curso de Agricultura; 2.a: Difusión do emprego de novos sistemas de cultivo e apeiros ou máquinas de labranza; 3.a : Selección de sementes e gando, estimulando os gandeiros con concursos ben organizados; 4.a :Procurar a apertura de novas vías de comunicación, especialmente o Ferrocarril Central tantas veces ofrecido; 5.a : Creación de Caixas rurais de aforros e empréstitos, seguros de gando e colleitas e cooperativas de consumos. Todo isto sen esquecer a resolución dun problema que pola súa transcendencia merece capítulo especial:
REDENCIÓN DE FOROS
O foro só é coñecido na Galiza, Asturias e León; e descoñecido, por conseguinte, nas demais partes de España. Suponse moi fundadamente que o contrato do foro data da Idade Media, cando, donos de extensos territorios, os señores que axudaron aos reis na loita da reconquista e os mosteiros que os adquirían por devota doazón, «de montes a fontes e dende a folla da árbore ata a pedra do río», pensaron facelos produtivos.
Os antigos magnates non se contentaban co goberno de tal ou cal comarca, senón que, consentidos polos monarcas, facíanse donos das terras que reconquistaban, tomándoas coma propias, sen dar participación ás tropas. No sacrificio e nas penalidades da guerra, a peor parte levábana os labregos que regaron os campos co seu sangue; os loureiros e o botín eran só para o señor, que daba a lei.
Desta orixe ilegal da propiedade deriváronse enormes males que aínda hoxe, a pesar do transcurso dos séculos, se están a sentir. Hai que agradecer aos lexisladores de Cádiz que aboliran os señoríos xurisdicionais e borraran os ditados de señor e de vasalo, facilitando a liberdade da terra.
Mediante o contrato de foro entregábanse aos cultivadores aqueles mesmos terreos que eles axudaran a reconquistar; mais temporalmente, de ordinario pola vida de tres señores reis e 29 anos máis, coa condición de revertilos despois ao dono do directo dominio con todas as melloras, sen dereito a indemnización ningunha aos colonos, que ademais debían contribuír cun imposto, pagadoiro xeralmente en especie, cada ano, pena de comiso. Por se todo iso fose pouco, reservábase o dono o directo dominio, o dereito de tenteo en caso de venda e o de percibir o laudemio que consistía na quincuaxésima parte do prezo, na vixésima, a décima e aínda na quinta algunhas veces. Aos foros seguiron os subforos, que todos os galegos saben, desgraciadamente, en que consisten.
Cando as vidas dos tres señores reis transcorreran e o prazo de moitos foros pasara, cando os campos, antes incultos, se poboaran, grazas ao traballo humano, de árbores, plantas e froitos, varios donos do directo dominio expulsaron dos seus fogares innumerábeis familias que, botadas das terras que os seus pais e avós fixeran frutíferas, percorrían os camiños en cuadrillas, levando das mans os meniños famentos e clamando contra a avaricia. Con iso empezou o calvario dos nosos antepasados e tamén a emigración; unha xigantesca loita social que se facía cada día máis encarnizada, ata que o Consejo de Castilla decidiu na súa célebre Orde do 10 de maio de 1763 que se librase despacho «para que a Audiencia da Galiza fixese suspender os preitos, demandas e accións que estivesen pendentes neste territorio e outros do reino sobre foros, sen permitir despoxos, pagando os demandados e foreiros o canon e pensión que entón e até aquela data satisfixeran. Ínterin que por S. M. e a consulta do Consejo se resolvese o que for do seu agrado.» Tan nobre como atrevida disposición, apesar de ditarse con carácter de interinidade, continúa en vigor.
Para agravar máis o peso dos foros, viñeron os minifundios, subdivisión excesiva da propiedade inmóbel, que algúns chaman pulverización do chan. Como consecuencia dos minifundios chegou a división e subdivisión das cargas que resultan, nalgúns casos coñecidos nesta bisbarra, dunha verdadeira ridiculez: hai algún anaco de terreo gravado con un ou dous céntimos de cuartillo en gran, hai parcela tasada nun real. Na parroquia de Orazo vimos un terreo dividido entre herdeiros, forma un trapecio e na base superior houbo a imposibilidade de colocar marcos… porque non cabían!, e houbo que botar man dunhas variñas de salgueiro.
Esas divisións e subdivisións, despois de transcorridos algúns anos, ofrecen dificultades para determinar cales son os terreos suxeitos á pensión foral e quen os pagadores. Como, ademais, nos perceptores hai xeralmente a tendencia a oprimir e nos foreiros a non pagar, chega o prorrateo xudicial con todas as súas desastrosas consecuencias, que pode repetirse de dez en dez anos. Os gastos a que dá lugar cada procedemento desta clase exceden moitas veces o valor do foral prorrateado e o anaco de terra que o labrador miraba con cariño chega a serlle aborrecido como causa da súa ruína. E isto ocasiónano leis desacertadas.
Teñen dereito a promover o prorrateo, tanto o dono do dominio directo como calquera dos do útil e déronse casos en que algún empregado de xustiza de mala fe, á caza de negocios, se valeu, con ofrecementos, do máis desgraciado dos pagadores para entrar naquel xuízo e arruinar unha comarca.
Para que o prorrateo estivese revestido de todos os males, non carece do de castigar o labrador máis laborioso e favorecer o máis lacazán, posto que a repartición da pensión eféctuase a base do valor actual da fincabilidade, de onde resulta que o foreiro que máis capital e máis traballo impuxo, máis renda paga, e viceversa.
No acto de aprobar o prorrateo elíxese cabezaleiro ou colector ao maior pagador, que ten o encargo de cobrar por menor a cada un dos co-foreiros e a obriga de pagar por enteiro ao dominio directo. Estas “cabezalarías” causan horror aos nosos paisanos polas graves continxencias propias do cargo; co transcurso do tempo os terreos vanse facendo descoñecidos; tamén se van facendo descoñecidos os levadores; destes, algúns abandonan o país deixando inculta a súa terra, xa sexa para buscar en país estranxeiro o pan que lles falta no seu, xa fuxindo da inxustiza, e así aparecen dificultades para o cobramento e o desgraciado cabezaleiro ten que cubrir as cotas falidas.
A facultade atribuída ao dominio directo de poder dirixir a reclamación da renda total contra un, dous, catro máis ou menos dos pagadores, constitúe unha verdadeira calamidade. Ao amparo desa xurisprudencia estanse a cometer iniquidades sen conto.
Primitivamente os moradores reguengos ou foreiros estaban obrigados a pagar hogazas luctuosas, gayosas, maníadigo, colecta, pertiguería, fosadaría, e outros pechos. A hogaza consistía nun saco de trigo ou centeo de sesenta puños, e outra de cebada, oito diñeiros e unha galiña(11).
Os foros son perturbadores, restos aínda dos antigos señoríos, do feudalismo e da vasalaxe. Hainos tan ridículos que dan noxo: unha libra de cera; unha pela de manteiga; un cuartillo de mel; un día de malla, etc., dan idea de pequenez nos perceptores primitivos. Dinnos que na Ulla hai unha escritura de constitución dun foro, mediante a cal se impoñía ao foreiro a obriga, todos os días que o amo permanecese por alí, dunha cunca de papas para o can de caza. E podía darse o caso de que o pobre labrego non tivese para alimentarse e tivese que dar aquela fariña, que non podía faltar para as papas do can.
Isto, lectores, é ignominioso; irrita. En asembleas e congresos, en mitins e conferencias, dende hai moitos anos, vénse clamando, sen conseguilo, pola redención de foros. Se fose en Cataluña, habían conseguila ben pronto.
Sigamos os redencionistas traballando con tesón e fe, en tan interesante cuestión, que algún día se ha impoñer a xustiza contra todos aqueles que non queren a liberdade da terra porque leva consigo a liberdade das persoas.
A ESTRADA MILITAR
Das distintas organizacións, reorganizacións e movementos militares que até o presente se observaron neste país, aparece como de máis relevo o que vén a seguir:
Había en 1838 tres destacamentos do exército: un no forte da Estrada, do que era comandante D. José Troncoso de Almansa; outro, en Castrovite, cuxo comandante era D. Antonio Orcajo. Deses destacamentos era xefe D. José Alvizna.
Tiña, ademais, a demarcación tres batallóns organizados da Garda Nacional que se reunían, o primeiro, na Consolación; o segundo, na Castañeira e o terceiro, na Gándara. Os xefes e oficiais designábanse anualmente por votación popular e os alistados como nacionais dedicábanse ás súas faenas habituais, salvo os días en que estaban ocupados nalgún servizo de armas ou que asistían ás reunións prefixadas para revistas, instrucións e ordes.
En 1839 era Capitán da Garda Nacional D. Francisco Bergueiro; antes fora D. Francisco Rial.
En 1840 foi Comandante do primeiro Batallón D. Ramón Torres, do segundo D. Juan Ramón López e do terceiro don Juan Tanoira.
A partir de mediados deste ano foise desorganizando a Garda ou Milicia Nacional e, cando dela só o recordo quedaba, no ano 1854, recibíronse ordes de formala novamente, sendo elixidos: Capitán da 1.a Compañía, D. Felipe R. Sánchez Núñez; primeiro Tenente, D. Domingo Couñago; 2.° D. Silverio Tato; Capitán da 2.a Compañía, D. Luis Rosende; primeiro Tenente, D. José Terceiro; 2.° Tenente, D. José Blanco; Capitán da terceira Compañía, D. José Durán Sanjiao; primeiro Tenente D. Ramón Constenla; 2.° Tenente, D. José Louzao; Capitán da 4.a Compañía, D. Manuel Casal; primeiro Tenente, D. José González; e 2.° Tenente, don Francisco Garrido; Capitán da 5.a Compañía, D. Manuel Otero; primeiro Tenente D. Manuel Pazo e 2.° Tenente, D. Jacobo Rivadulla.
É de advertir que no ano 1841 foron retirados os destacamentos da Estrada, Foxo, Corvelle e Castrovite.
Disolta por segunda vez a Milicia Nacional, tivo lugar a reorganización, de Orde Superior, no ano 1873, e formáronse dous batallóns: o da Estrada e o do Foxo, comprendendo o primeiro as parroquias de Aguións, Arca, Baloira, os Barcalas, os catro Veas, Codeseda, Cora, Couso, Figueiroa, Frades, Guimarei, Lagartóns, Matalobos, Nigoi, Ouzande, Santeles, Somoza, Souto, Tabeirós e Toedo. O segundo batallón comprendía as restantes parroquias do concello.
En 1882, cando desaparecera por terceira vez a Milicia Nacional, instaláronse na Estrada, na casa de D. José Otero, na Travesía de Vea, os cadros dos batallóns do Depósito e Reserva, quedando despois, en 1889 un rexemento de Reserva. Foi coronel D. Rafael Bicada por eses tempos.
En 1905, despois de pasar algúns anos sen que na Estrada houbese organización militar ningunha, pois os Batallóns de Depósito e Reserva e o Rexemento de Reserva se disolveran, foi creada unha Caixa de Recruta e outro Batallón de Reserva. Diso tratou o Concello en sesión de 11 de febreiro.
A esa Caixa correspondían os Concellos de Barro, Caldas, Campo Lameiro, Carbia, Catoira, Cerdedo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Agolada, Lalín, Moraña, Portas, Rodeiro, Silleda, Valga, Carril, Vilagarcía, Vilanova, Villaxoán, que pasaron a depender de Pontevedra para os efectos de Recrutamento e Reserva. E o que antes se denominaba Batallón de Reserva é agora Demarcación de Reserva, que ten o persoal seguinte: un comandante, catro capitáns, dous tenentes, un cabo e un soldado.
A Caixa ten un comandante, dous capitáns, un tenente, un sarxento, un cabo e un soldado.
É xefe das dúas entidades un Tenente Coronel.
Dende a instalación do Batallón de Reserva e Caixa de Recruta, en 1905, houbo na Estrada os seguintes Tenentes Coroneis Comandantes Militares:
1905-1906: D. Pascual Cánovas Carrillo.
1907: D. Miguel de Castro Arizcun.
1908-9 e 10: D. Ricardo García Longoria.
1911-12: D. Cristino García González.
1913: D. Heliodoro Sánchez Herrera.
1914: D. Leonardo Gomilla Gamundi.
1915-16-17 e parte do 18: D. Alfonso de la Encina Verea.
1918: D. Ricardo Cabrinety Navarro.
1919: D. Francisco Ruiz Moure.
1919 a 23: D. Antonio Leardy de los Santos Reyes e D. Pablo García Yarte.
A Estrada é cabeceira para a Garda Civil e aquí reside o Tenente, Xefe de liña. A demarcación comprende as parroquias do Distrito, a excepción das de Codeseda, Arca, Souto, Ribela e Liripio, que corresponden ao posto de Forcarei.
A liña comprende A Estrada, Forcarei, Cerdedo, San Xurxo de Sacos, Barro, Campo Lameiro, Caldas, Cuntis, Portas, Valga e parte de Catoira.
Tanto a demarcación como a liña son enormes, demasiado extensas: só a Garda Civil, coa súa proverbial resignación, amor ao Instituto e forza de vontade, pode resistir o ímprobo traballo que supoñen.
Non sabemos, con certeza, cando foi establecido o posto desta vila, pero debeu de ser moi pronto, despois de creado o Corpo polo Duque de Ahumada en 1844.
A Caixa de Recruta e a Demarcación de reserva son de moita vantaxe para a vila, xa polo que supón o persoal permanente, xa polas concentracións anuais que prestan grande animación e movemento por espazo de quince ou vinte días; xa tamén polo diario ir e vir de individuos que precisan de requisitos e documentos naquelas oficinas.
E non pecharemos este capítulo sen dedicar un sentido recordo ao que foi Tenente Coronel, Comandante Militar D. Alfonso de la Encina, que pola súa cortesía, gran corazón e o cariño que profesaba á Estrada, chegou a gañar o afecto respectuoso de todos, sendo a súa morte, acontecida en 1918, lamentada e chorada por moitos. O mesmo cabe dicir de D. Pascual Cánovas que, despois de retirado, se estableceu aquí entre nós.
A EMIGRACIÓN
É este concello un dos da provincia en que máis intensidade adquiriu a emigración ás Américas, e iso trae inconvenientes e ten as súas vantaxes.
Ao elemento de forza formado pola puberdade e a idade viril lévao xeralmente a suxestión do éxodo máis alá destes campos, para dedicarse a un traballo mellor remunerado; pero con mingua prexudicial de brazos e esforzo no chan natal, onde dá mágoa presenciar o sacrificio de mulleres, vellos e nenos ante o agro consumidor de enerxías e aberto ás inclemencias do tempo. Oh!, esas pobres mulleres, verdadeiras heroínas, torradas en labor duro e impropio do seu sexo, que teñen en múltiples casos necesidade de levar a dirección da casa, son dignas de compadecer. Oh!, eses pobres vellos que nos últimos días da súa existencia, co peso dos anos, despois de loitar tenazmente na bigornia da vida, cando debían descansar, aínda podemos ver cavando, curvados sobre o rego, suxeitos ao último elo da cadea da súa escravitude; son dignos de lástima. Oh!, eses pobres rapaces sometidos ás maiores torturas, que cando se deberan nutrir ben, xogar e educarse, teñen que deixar de ir á escola para andar co gando, carrexar herba, leña e facer outros traballos, en detrimento da cultura e do desenvolvemento físico. Todos eles merecen conmiseración!
Tales son os inconvenientes da emigración, agravados coa circunstancia de que, mentres aquí a terra non produce por falta de traballo e as industrias non se desenvolven na medida debida, máis alá dos mares os nosos compatriotas, debido a un esforzo tenaz, van unindo o seu nome ao desenvolvemento económico daquelas Repúblicas.
A medalla ten o seu anverso e é este. Os fillos da Estrada, por regra xeral, aínda que se ausenten, deixan preso o seu espírito na terra natal; evocan o lugar en que viñeron ao mundo, sofren esa nostalxia ou sentimento patriótico que leva o nome enxebre de morriña e volven, moitos despois de xirar a cantidade necesaria para a compra dos bens en que, antes de emigrar, traballaron. Case todos acaban por levantar, entre os casaríos vetustos, as casiñas modernas e brancas de que están salpicadas as nosas aldeas. Estas construcións, suxeitas a regras novas de adianto e hixiene, serven de chamada e estímulo para que se vaian cambiando os vellos alxubes por outras urbanizacións máis salubres e bonitas; de xeito que hoxe non existe xa, para as persoas máis encopetadas da vila, o temor de ter que quedar a comer ou pasar a noite en calquera parte do concello, pois en todas as parroquias se atopan cuartos aseados, camas limpas e ben postas e mesas en que se serven con delicadeza os bos manxares e o bo café. E así vai penetrando, grazas aos americanos, a civilización no pobo rural.
Os que volven “viron mundo”, como din eles, pulíronse adquirindo unha cultura, se cadra non moi esmerada, pero si aceptábel, e propágana entre os seus familiares e veciños, o cal redunda en beneficio xeral.
Claro está que a regra ten excepcións, (aínda que moi poucas, por certo, nesta comarca) e consisten en que regresa algún farfallán “cunha morea de terras na Habana”, estrañándose de que na Estrada non haxa tranvías eléctricos, telégrafo permanente e outras lindezas; e atordándonos con infinidade de ripios, galicismos e vicios de dicción que dan noxo. Pero sigamos a falar dos outros, dos bos pode dicirse, dos que saíron do país co san propósito de conquistaren gloria, de buscaren fortuna ou de liberárense; dos que se souberon redimir nas fraguas dun traballo honrado, e redimiron tamén os seus pais, as súas esposas e os seus fillos, glorificando o mesmo tempo o eido natal, porque eles merecen a nosa profunda consideración.
Os americanos, como se lles chama polo común, teñen outra virtude e é a dun entusiasmo grande pola instrución primaria: así obsérvase que no país funcionan varias entidades alentadas por eles, co plausíbel fin de educar a infancia.
É o da emigración amplo campo para dar renda solta á pluma; pero preferimos dar un corte ao entusiasmo, ante o temor de molestar demasiado aos lectores, rematando por recordar que a comarca debe aos emigrantes moito diñeiro e non pouca cultura.
SOCIEDADES EN AMÉRICA
O espírito de asociación está de tal modo enraizado na xente desta terra que non só constitúe sociedades nela, senón que alá, na emigración, as colonias estradenses de Cuba, Bos Aires e Montevideo, agrúpanse en entidades legalmente constituídas coa denominación honrosa de Fillos do Concello da Estrada, para fins tan altruístas como os de protección ás sociedades federadas do Concello, ao ensino e ao socio necesitado.
Datan esas agrupacións do ano 1915 e ao que subscribe cabe a satisfacción da iniciativa.
Estando por aquí o malogrado e entusiasta D. Manuel Señarís, encargouse na Habana de conducir e facer a distribución de múltiples exemplares dunha folla impresa invitando os estradenses a asociarse: o resultado non puido ser máis satisfactorio, posto que ao pouco tempo funcionaba, e segue funcionando con éxito crecente, a entidade daquela Illa. Iguais follas distribuíu en Bos Aires D. Antonio Cajaraville, que obtivo un éxito completo.
Son hoxe as sociedades de Fillos da Estrada en Cuba e Bos Aires, organizacións puxantes e fortes; teñen fondos abundantes e parecen dispostos, de común acordo, a levantar no país un edificio grandioso para o ensino, protección e socorro que, ao prestar un servizo incalculábel na comarca, perpetuará a memoria de tan bos patriotas.
Os de Montevideo, menos fortes por ser poucos, axudarán canto poidan á obra proxectada.
Tamén en América hai outras sociedades dos fillos de distintas parroquias desta bisbarra, cuxo plausíbel e principal obxecto é a instrución.
PARTIDO XUDICIAL
O noso Partido Xudicial comprende o Concello da Estrada (capitalidade) e os de Forcarei e Cercedo.
Lindeiros: norte, río Ulla, separando da provincia da Coruña; sur, os partidos de Pontecaldelas e Carballiño; leste, partido de Lalín e oeste, o de Caldas de Reis.
A extensión superficial é 524,71 quilómetros cadrados, dos cales 78,41 corresponden a Cerdedo e 151,66 a Forcarei.
A poboación consiste en 44.488 habitantes de dereito; deles 9.900 son de Forcarei e 5752 de Cerdedo.
Ten o partido as seguintes estradas:
O Concello de Cercedo ten a súa capitalidade no quilómetro 622 da estrada de Barbantiño a Pontevedra e a súa situación xeográfica é 42°-31 ´- 35" latitude norte , e 4o 39' 40" oeste do meridiano de Madrid, e do de Greenwich 8° 20' 55". Consta de oito parroquias, que son: Castro, Cercedo, Figueiroa, Folgoso, Pedre, Parada, Quireza e Tomonde.
O de Forcarei ten a capitalidade no punto de Cotaredo, quilómetro 10 da estrada de Vilapouca a Ponte Vea e a súa situación xeográfica é de 42°-35' 20' latitude norte e 4°-37' -10" lonxitude oeste do meridiano de Madrid e do de Greenwich 8°-18'-25". Consta de doce parroquias, que son: Aciveiro, Castrelo, Dúas Igrexas, Forcarei, Madalena, Meavía, Millerada, Pardesoa, Pereira, Presqueiras, Quintillán e Ventoxo.
XULGADO DE 1ª INSTANCIA
Antiga era a existencia do xulgado de 1.a instancia de Tabeirós, cando en 1840 foi nomeado xuíz D. Mariano Feijóo Taboada e tentou instalarse na Consolación; pero aqueles veciños, temerosos da xustiza, puxéronlle inconvenientes para encontrar local, indicándolle ao mesmo tempo (sen dúbida para afastalo de alí), como máis adecuado para vivir e actuar o punto da Estrada, onde comezaban a constituírse algunhas casas confortábeis. E nesta localidade iniciou o Sr. Feijóo a residencia do xulgado o mencionado ano, se ben continuou denominándose Xulgado de Tabeirós.
O 23 de xaneiro de 1841, a Corporación municipal acordou dirixirse e dirixiuse ao xuíz para que suprimise a denominación de Tabeirós e adoptase o de “A Estrada”, como acababa de adoptala o Concello.
O 3 de setembro de 1869, tívose coñecemento de que S. A. o Rexente do Reino, dispuxera que o Xulgado de Tabeirós se chamase a partir deste momento, Xulgado da Estrada.
Houbo aquí os seguintes xuíces:
ESCRIBÁNS
Houbo varios, como é natural, e entre eles citaremos a don José M.a Paseiro, D. Francisco Oca, D. Manuel Santamarina, o Sr. Andújar, D. Francisco Antonio Alvarez, D. José M.a Brafias, D. Julio Cejador, D. José Gila e D. Eliseo de Silva, que aínda actúa.
CRIMINALIDADE
A pesar da grande importancia do Partido xudicial pola súa extensión e poboación, é o Xulgado Instrutor un dos de “entrada” en que menos causas criminais se rexistran, e iso honra aos habitantes.
XULGADO MUNICIPAL
Antes de 1870 fora Xuíz de Paz 1.°, D. Manuel Pazo; id. 2.°, D. Francisco Villar; id 3.°, D. José Villar Rey; suplentes, D. Francisco Trigo, D. Ignacio Porto e D. Antonio Paseiro.
Noutras ocasións foron: Xuíz de Paz 1.°, D. Benito M.a de Oca; Xuíz de Paz 2.°, D. José Badía, de Tabeirós; Xuíz de Paz 3.°, D. Antonio Leira, de Vinseiro; Xuíz de Paz 4º, D. Juan Brey, de Oca. Suplentes: Eugenio Díaz, de Santa Cristina de Vea; D. Jacobo Pena, de Cereixo e D. Juan Manuel de Lagos. Carecemos doutros datos anteriores ao ano citado.
Despois de organizados os Xulgados municipais, desempeñaron o cargo de Xuíz os seguintes:
1871-72: D. Eusebio Andújar Paseiro. Suplentes D. José María Nieto, D. Juan García Fernández e D. Eugenio Díaz Vázquez.
1873: O mesmo xuíz. Suplentes D. José Fraga Vázquez e don Saturio Sáenz Torres.
1874: Xuíz, o mesmo, D. Eusebio Andújar.
1875: O mesmo. Suplente, D. Saturio Sáenz.
1877: D. Luis Pastor Sieiro Gayoso. Suplente, D. Camilo Pereira Freijenedo. .
1879: O mesmo Xuíz. Suplente, D. Cándido Barros.
1881-83: Xuíz, D. Cándido Barros. Suplente, D. Jacobo Rodríguez. ,
1883-85: O mesmo. Suplente, D. Andrés Vázquez.
1885-87: Xuíz, D. Luis Pastor Sieiro. Suplente, D. Ramón Constela Carbón.
1887-89: D. Cándido Barros. Suplentes, D. José Salgado e don Julián Cervela Malvar.
1889-91: Xuíz D. Manuel Otero Vinseiro.
1891-93: O mesmo.
1893-95: O mesmo. Suplente, D. Julián Cervela.
1895-97: O mesmo. Suplente, D. Benjamín Lois e Lois.
1897-99: Os mesmos Xuíz e Suplente.
1899-1901: Os mesmos.
1901-03: Xuíz, o mesmo. Suplente, D. José Paseiro.
1903-05: Os mesmos Xuíz e Suplente.
1905-07: Os mesmos.
1908-09: O mesmo. Suplentes, D. Manuel Ballesteros Curiel e D. José Martínez Pereiro.
1910-12: Xuíz, D. Manuel Otero. Suplente, D. José Martínez.
1912: Xuíz, D. Marcelino Trigo Brañas.
1913: O mesmo. Suplente, D. Vicente Refojo.
1914: Xuíz, D. Camilo Pereira Freijenedo.
1914-18: D. Marcelino Trigo Brañas. Suplente, D. Vicente Refojo. '
1918: D. Ramón Paseiro Bravo. Suplente, D. Jenaro Otero.
1919-21: D. Jenaro Otero Vinseiro. Suplente, D. Vicente Refojo.
1921: D. Marcelino Trigo. Suplente, D. Vicente Refojo.
FISCAIS
1870-71: D. Manuel Cajide Deza. Suplente D. Andrés Pereira de la Torre.
1872- 81: O mesmo. Suplentes, D. Cándido Barros e D. Saturio Sáenz.
1881-85: D. José Salgado. Suplente, D. Benigno Losada.
1885-87: D. Manuel Otero Vinseiro. Suplente, D. José Sanmartín Porto.
1887- 99: D. Eusebio Andújar Paseiro. Suplentes, D. Saturio Sáenz, D. Manuel Constenla Caramés e D. Ángel Villar.
1899-03: D. Manuel Cajide.
1903-09: D. Manuel Ballesteros Curiel. Suplente, D. Eduardo Cajide.
1909-11: D. Eduardo Cajide.
1911-12: D. Marcelino Trigo. Suplente, D. José Varela.
1912-16: D. José Paseiro. Suplente, o mesmo.
1917: D. Ramón Paseiro Bravo.
1918: D. Camilo Pereira.
1919: D. José Paseiro.
SECRETARIOS
1871-86: D. José Ciorraga Mozo. Suplente, don Basilio Sánchez Núñez.
1886- 1919: D. Juan Ciorraga Soto. Suplentes, don José Fumega Rodríguez, don Silvestre Veiga López, don José María Barros, don Emilio Paz.
1920: D. Camilo Pereira Freijenedo, que desempeña o cargo actualmente. Suplente, don Emilio Paz.
En virtude da Lei de Xustiza municipal, de data 5 de agosto de 1907 establecéronse os Tribunais municipais con funcións determinadas e presididos polo xuíz; pero non dan tan bo resultado como se propuxo o lexislador, pois os dous adxuntos, leigos case sempre, unhas veces por apatía, outras por falta de coñecementos e outras debido a ocupacións de máis remuneración, cóidanse pouco das cuestións xudiciais e non asisten ás actuacións, quitando moi contados casos en que o fan para resolver sen a preparación desexábel.
Os xuíces son tamén os encargados do Rexistro Civil, creado pola Lei do 17 de xuño de 1870.
NOTA. -Despois de escrito o anterior, foron suprimidos os Tribunais municipais.
AVOGADOS EN EXERCICIO
Exercen a Avogacía neste Xulgado, os seguintes Letrados: D. Camilo Pereira Freijenedo, D. Benjamín Lois y Lois, don Carlos Cajide Ciorraga e D. Arturo Otero Ulloa. De propósito colocamos á cabeza a D. Camilo Pereira, que é o decano.
PROCURADORES
Están adscritos como Procuradores neste mesmo Xulgado: D. Jesús Durán Taboada, D. Antonio Neira Cardama, D. Manuel Castedo e D. Pedro Varela.
PERITOS
Hai os agrícolas D. Juan Manuel Rodríguez Seijo e don Benito Vigo Munilla. En canto á competencia destes dous profesionais, pode dicirse que sería difícil encontralos mellores na provincia.
O agrimensor D. Faustino Villaverde Brea, de Orazo, distínguese pola súa laboriosidade e acerto e inspira grande confianza na zona onde opera. D. Juan Carballeda non carece de mérito. O tamén agrimensor don Juán Cajaraville, de Cora, excelente persoa, dedícase pouco á profesión por preferir outras ocupacións. En tal profesión abundan moito os prácticos; entre eles distínguense, por traballar moito e adquirir bastantes coñecementos, don José Paz, de Olives; don Manuel Calvelo e don Felipe Calvelo, de Vea.
REXISTRO DA PROPIEDADE E LIQUIDADORÍA DE DEREITOS REAIS
As antigas contadorías de Partido foron establecidas o 12 de maio de 1769. A da Estrada non comezou a funcionar ata 1840. Antes de 1840 rexistraban Forcarei e Cercedo, en Pontevedra; as Barcalas e Frades, en Padrón e todas as demais parroquias da Estrada, en Santiago.
Estas contadorías tiñan as funcións que hoxe teñen os rexistradores en vilas que non son cabeza de provincia; só que actuaban con máis irregularidades e imperfeccións.
O Rexistro da propiedade estableceuse aquí o 1 de xaneiro de 1863 e tivo á fronte os funcionarios propietarios seguintes:
Don Manuel Luces Relova, que tomou posesión o 4 de xaneiro de 1864; don Salustiano Pérez Mercadillo; don Wenceslao Folgueras; don José Utrilla y Utrilla, posesionado en 15 de xullo de 1889; don Matías Rocha Torres, posesionado o 22 de abril de 1898; don Jenaro Cavestani, posesionado o 21 de maio de 1898; don Manuel Fidalgo Lugo, posesionado o 14 de agosto de 1899; don César Rey Feijóo, Rexistrador actual.
Houbo algúns interinos en distintas épocas.
NOTA: Os nosos paisanos confunden frecuentemente o pagamento de dereitos á Facenda co Rexistro, non obstante tratarse de dúas cousas distintas. Descoñecen, pero convén que vaian sabendo que nas vilas onde non hai oficinas de Facenda, teñen ao seu cargo os rexistradores a liquidadoría; e por iso, como a liquidadores se presentan os documentos de compra-venda, troco e demais análogos de trasmisión, feitos no país, dentro de trinta días hábiles, para pagar o establecido sen incorrer en multa nin demora. O prazo para presentar os contratos feitos en América ou outro país estranxeiro é de sesenta días tamén hábiles. Se se trata de transmisións por herdanza, o termo elévase a seis meses.
“Xa rexistrei", adoitan dicir cando o que fixeron só foi liquidar.
Por desgraza, no noso país rexístrase moi pouco, dando esa apatía lugar a múltiples preitos. O Rexistro consolida a propiedade; é, din algúns, o último sacramento para asegurar o adquirido, e sen el os propietarios nunca poden estar tranquilos.
ESCRIBÁNS E NOTARIOS. FE PÚBLICA
A continuación, por orde alfabética, relaciónanse os Escribáns e Notarios sucesores, cuxos protocolos existen no arquivo xeral desta vila:
Acontecía que os descendentes deses escribáns antigos herdaban o protocolo como se herda outra cousa calquera e uns herdeiros conservábano; outros vendían as escrituras matrices aos interesados que as querían comprar; outros dispoñían deses vellos papeis para os fogueteiros; e non faltou quen o dedicase á lareira ou á cociña cando a leña non ardía ben.
En Cira, dentro dun bocoi, conxuntamente con calzado e trapos vellos, vimos un protocolo do que sacamos unhas cartas forais moi importantes.
No arquivo notarial de referencia hai tamén os protocolos procedentes de Montes e algún outro.
VILA DA ESTRADA
É, indubidabelmente, a vila da Estrada unha das máis bonitas e modernas de Galiza; a súa existencia data “de onte”, como adoita dicirse en linguaxe familiar.
En 1836 non pasaba dunha aldea, tan modesta que só contaba con catro ou seis casas diseminadas, figurando como máis importantes as de D. José Vila, a de Mariño e a de D. Bonifacio Silva, hoxe reformadas e pertencentes respectivamente a D. Pedro Campos, herdeiros de D. José Puente e herdeiros de D. Miguel Losada.
Xa sabemos que, de antigo, dúas vías importantísimas se cruzaban na Estrada, facendo o punto moi concorrido e apropiado para que a poboación se estendese: o cruzamento tiña efecto, aproximadamente, no centro da que é hoxe Praza de Ramiro Ciorraga. Pola vía da parte de Montes circulaban con frecuencia nutridas peregrinacións portuguesas que ían orar ante a tumba do Apóstolo, Patrón das Españas, e abeirábanse para descansar nuns soportais adxacentes á capela advocación do Espírito Santo, que nas inmediacións do cruzamento se levantaba.
Á importancia das vías cruzadas, máis antigas que a aldea, e talvez aos peregrinos procedentes de Portugal, se debe o nome que leva a nosa vila, cuxo significado é “rúa”.
En varios puntos de Galiza, á vía ou camiño cuberto de estrume ou toxo para esterco, chámaselle estrada ou estrado.
Os portugueses por “rúa” escriben Estrada, os italianos, Strada; os ingleses, Street; os alemáns, Strasse e os latinos, Strata.
Os referidos camiños servían de divisorias ás parroquias de Ouzande, Guimarei e Figueiroa. Correspondía á primeira o territorio comprendido entre os lados do ángulo formado polas actuais rúas de Bedelle ou Serafín Pazo, e Peregrina; á segunda, o que é agora beirarrúa sur da rúa de Riestra e Ulla, a partir da desembocadura da rúa de Bedelle na Praza; á terceira, a beirarrúa norte da referida rúa de Riestra e Ulla a partir da mesma desembocadura.
O 8 de abril de 1836, o Sr. cura párroco de Guimarei, ao inscribir a defunción de D. Fernando Lorenzo, consigna que o cadáver se achou no camiño público do lugar da Estrada, término daquela parroquia; e o mesmo di en canto aos cadáveres de D. Eduardo Otero e D. Gonzalo Arén.
O Concello, en sesión do 28 de xaneiro de 1837, consignou: «na casa nomeada de Mariño do lugar da Estrada, etc.» Daquela había unha muralla ou forte improvisado onde agora está a casa da praciña que pertence a D. Manuel Constenla. Mellorada esta pequena fortaleza, acordouse en sesión do 15 de novembro de 1839, colocarlle portas. O destacamento desta viliña tiña o seu cuartel na casa de D. Bonifacio Silva.
Pode decirse que foi na sesión municipal do 17 de setembro de 1840, de acordo cunha Xunta provisional Directiva que acababa de nomearse, cando se puxeron os alicerces desta vila ao propoñer que o Concello levase para o sucesivo o nome de Concello da Estrada. Tamén se propuxo que no punto máis céntrico do entón pequeno poboado, se levantase un monumento dedicado á Constitución do Estado. E o monumento levantouse nun punto que actualmente comprende a Praza de Ramiro Ciorraga e consistía nunha columna, cunha placa metálica en que se lía: «Constitución 1840». Tiña, ademais, lateralmente gravadas en pedra, estas outras inscricións:
El cuerpo municipal
fija este punto en su historia
para perpetua memoria
del siete de abril fatal.
A un porvenir venturoso
consagra este lateral:
digno es pueblo tan leal
de paz, justicia y reposo.
Estaban dedicados estes sentidos versos á memoria dos liberais D. Fernando Lorenzo, D. Eduardo Otero e D. Gonzalo Arén, fusilados na Estrada polos carlistas o día 7 de abril de 1836. Compuxéraos o daquela cura de Ouzande don Juan Manuel Fontenla.
Un recordo deses sucesos sanguentos é o noso escudo municipal, no que resalta un anxo chorando sobre a tumba dos sacrificados.
O Xulgado de 1ª instancia, que non tiña residencia fixa e viña funcionando na Consolación e noutros puntos, estableceuse definitivamente na Estrada o devandito ano de 1840 e, reunido aquí co Concello, atraídos os seus elementos polo importante cruzamento de comunicacións, foron factores de moita importancia para o desenvolvemento da poboación.
A fortaleza da Estrada, o forte de defensa a que aludimos, mandouse demoler en 30 de outubro, tamén de 1840.
En 1841 o Concello funcionaba na casa do procurador D. José Vila del Pino, que mereceu o ditado de fundador desta vila. Non había Casa Consistorial propia, pero xestionábase a súa construción, que se viu rematada en 1842. Neste mesmo ano arruinouse a capela do Espírito Santo, que era antiquísima, e o 17 de setembro acordouse aplanar a praciña de fronte do cárcere e poñerlle árbores.
O 11 de xaneiro de 1843, acordou a Corporación municipal retirar os restos da capela do Espírito Santo, dando isto motivo a resentimento do seu propietario, que era o Sr. de Sangro.
O 27 de abril do ano indicado, D. Juan Ramón López solicitou autorización para fabricar unha casa contigua a esta pequena praza situada ao leste da antiga Casa Consistorial. A praciña estaba no lugar da travesía que comunica a rúa da Peregrina coa de San Lourenzo, pasando polo lado norte da casa de D. Camilo Pereira, e nela había uns carballos seculares dos que non se conserva ningún.
Na acta da sesión do Concello, en data tamén de 27 de abril de 1843, alúdese ao desenvolvemento da poboación e consígnase que vai adquirindo carácter de vila.
En 1856 estaba en construción a igrexa actual, que se fixo en parte por prestación da veciñanza. Os de Figueiroa loitaban neses tempos por reedificar a súa, que perecera nun incendio, provocado, segundo se di, polos da Estrada co obxecto de apropiarse da capitalidade parroquial.
O 16 de decembro de 1857, os veciños da vila pediron ao Concello que acordase o derrubamento dunha caseta propiedade de D. Miguel do Porto, de Figueiroa, que existía fronte á igrexa acabada de construír. E cando esta se abriu ao culto foi clausurada a capela dedicada á Peregrina que había ao lado do cárcere, pasando á propiedade de D. Benito María de Oca, coa advocación de Santa Lucía.
Uns vinte anos transcorreran dende que A Estrada era unha aldea, cando o 8 de xaneiro de 1859, tendo en conta o desenvolvemento da poboación, acordou a municipalidade dar ao barrio de Bedelle o nome de rúa da Consolación, comezando a numerala nas casas de D. Francisco Trigo e D. Francisco da Riva; púxose tamén título a outra rúa, a do Ulla, empezando nas casas de D. José Vilas e D. Felipe Trigo; a da Peregrina, empezando na casa de D. José María López e D.a María Ignacia Cadavid; a da rúa da Igrexa, empezando na casa de D. Francisco Trigo e D. Manuel Otero; a da travesía de Vea, empezando na casa de D. Benito Lafuente e D. Francisco Gestoso.
No ano 1859 tómase a decisión de demoler o monumento levantado á Constitución. Varios veciños da vila opuxéronse, acudiron ao Concello e conseguiron, tras unha dura contenda, que a lápida e inscricións se colocasen na fachada da Casa Consistorial, pasando os demais materiais a obras de mellora da Igrexa.
O 18 de abril do mesmo ano, acordouse urbanizar a praza pública, que naquel tempo estaba en grande parte dedicada a canteira; e tamén se acordou mellorar a praciña de fronte á Casa do Concello (casa do Concello antiga).
Por RD do 6 de xullo do devandito ano de 1859, concedeuse a esta poboación o título de villa(12) e, en consecuencia, acordouse non permitir a construción de edificios nin a reforma dos xa existentes sen coñecemento e licenza da autoridade local. Tamén se mandou derrubar os alpendres e telladiños que había diante dalgunhas portas; prohibíronse as reixas e balcóns que sobresaísen máis de pé e medio da liña das casas no piso principal, un pé no segundo, e medio no terceiro; e mandouse encalar todos os edificios.
O 6 de abril de 1860 tomouse o acordo de cambiar o título de “Travesía de Vea” polo de: “Entrada do Val de Vea”. O campo da feira foi denominado «Feira de Santa Lucía da Estrada», por estar ao lado da capela do mesmo nome.
O 20 dese mesmo mes de abril creouse na vila unha estafeta de 7ª clase.
O 28 de setembro seguinte, estando a Corporación municipal reunida, presentáronse varios veciños ofrecéndolle a súa cooperación para introducir melloras na vila.
O 27 de outubro de 1865, a Xunta de Sanidade propuxo o derrubamento dalgúns alpendres ou cubertos da fronte das casas.
O 20 de xullo de 1866, recibiuse devolto do Goberno Civil, sen aprobar, o proxecto para a construción das casas escola desta vila.
O 16 de xuño de 1869, acordou o Concello a creación dunha banda de música e a súa correspondente subvención.
O 3 de setembro, deuse conta de que SA o Rexente do Reino mandou que o antigo xulgado de Tabeirós levase no sucesivo o nome de xulgado da Estrada.
O 21 de outubro de 1870, foi designado D. Vicente Novoa para director da banda musical.
O 17 de maio de 1872, D. Juan Pasarín deu conta ao Concello de ter rematadas as obras do matadoiro; e o 8 de agosto do mesmo ano disolveuse a banda de música.
Segundo a distribución que se facía da provincia nun decreto publicado na Gaceta de Madrid coa data de 17 de xuño de 1874, a esta vila correspondíalle un Tribunal de Partido.
En sesión do Concello en data de 10 de marzo de 1880, acórdase a creación dunha escola de párvulos para A Estrada.
O 28 de novembro de 1883 acordouse poñer a balaustrada da praza principal.
O 16 de xaneiro de 1884, a Corporación municipal acorda pedir para esta vila unha Escola de Artes e Oficios coa súa biblioteca, e unha subvención para o Hospital Municipal.
Por estes tempos foi demolida a capela da Peregrina ou de Santa Lucía, coa protesta dos veciños de Ouzande, que alegaban o seu dereito a ela baseándose en que fora construída con fondos da súa parroquia. .
En sesión da Corporación municipal en data de 9 de febreiro de 1887, acordouse non autorizar a construción de casa ningunha dentro do casco da vila, sempre e cando non alcanzase dous pisos.
Alá polo ano 1892, había na Estrada «A Lira», agrupación coral subvencionada polo Concello.
O 13 de setembro de 1895 acordouse pedir para esta vila un xulgado de ascenso.
En sesión do Concello, en data de 26 de marzo de 1898, foi nomeado D. Agustín Iglesias director da banda de música que acababa de crearse.
O 22 de abril de 1899 deuse conta á Corporación municipal dunha proposición de D. Camilo Pardo para establecer a iluminación pública por electricidade, e tamén das xestións de D. Miguel Nine en canto á adquisición do terreo do Calvario e Revillas para localización da nova Igrexa.
O 20 de maio do mesmo ano pediuse ao Sr. de la Vega de Armijo unha zona militar para esta vila. E o 4 de outubro de 1905 acordouse ceder ao Partido os altos da Casa-Cárcere.
Queda feita unha breve recensión da orixe e desenvolvemento desta vila. Tratarémola agora no seu ser e estado actual.
Oficialmente o casco de poboación é: dende a casa de Manuela Souto (a Xorda) ata a de Celestino Esmorís, de oeste a leste; e dende a de Antonia Pan á de Aurora Baños, en Bedelle, de norte a sur.
O casco real é máis amplo debido a novas edificacións.
Situada a vila nun outeiro ou elevación do terreo, con amplo horizonte e desaugadoiros polo norte, sur e leste, resulta ventilada e limpa: a súa exposición ao nacente, permite que a bañen os primeiros raios do sol, influíndo nas condicións hixiénicas; e todas esas vantaxes reunidas, fana moi sa. Así se explica a afluencia de xente á Estrada, especialmente no verán, para repoñer a súa saúde e, como isto case sempre se consegue, vai adquirindo cada día maior fama de punto climatérico de excepcionais condicións. É esta unha vila ideal, aínda que pequerrechiña; tan pequeniña que só aparece no padrón oficial con 258 cabezas de familia e 1810 habitantes (son datos de hai máis de dez anos, polo que debemos supoñer que estas cifras aumentaron, cando menos nun terzo).
Áchase a vila aos 42° 40'35" de latitude norte, e a 40º, 45’,30" ao oeste do meridiano de Madrid, e do de Greenwich a 8°26'45".
As temperaturas regulares que se rexistran na localidade son de 7 graos no inverno, 14 no outono, 12 na primavera e 17 no verán. Disto dedúcese que imperan os termos medios, tan apropiados para os individuos de saúde quebrantada. A altura de 287 metros sobre o nivel do mar, tampouco é extremada e, se a iso engadimos que abunda o arboredo, está todo dito.
Esta vila elegante e alegre produce unha grata impresión ao forasteiro, que sempre atopa hospitalidade entre os estradenses, xente de seu atenta e compracente.
Dúas prazas, a de Ramiro Ciorraga e a praciña do Mercado, serven de esparexemento e recreo nas horas de lecer. Na primeira, que é o corazón da vila, eféctuase o cruzamento das estradas de Vilapouca a Pontevea e de Chapa a Carril. Nestas estradas, vías de moito tránsito, están as rúas máis importantes: a do Mercado; a Peregrina, se entramos polo oeste, é dicir, da parte de Cuntis ata o centro daquela praza; seguindo ata o leste, as de Riestra, Ulla e a avenida de Fernando Conde, en liña prolongada, constituíndo as tres unha zona que pola súa aliñación e latitude resulta espléndida e ben merecía levar o nome único de Rúa Real Principal. Na outra estrada, tamén en liña, temos as rúas de San Lourenzo e San Paio. Entre as rúas da Peregrina e do Mercado, desemboca a Travesía de Vea, continuando a avenida da Fonte. Da Travesía parte a rúa da Igrexa, que sae á praza de Ramiro Ciorraga. Da rúa de San Paio arranca outra nova, que enlaza coa de Vega de Armijo, conducindo á igrexa nova. Á Praza Principal dá acceso a antiga rúa de Bedelle, hoxe de Serafín Pazo e, enlazando esta coa de Riestra, está a de Justo Martínez, que conduce á Casa do Concello. Hai outra rúa aínda sen nome, que enlaza as da Peregrina e San Lourenzo.
Barrios: o Novo, o do Cruceiro, o de Bedelle, o da Feira, o da Baiuca. Da Estrada parte unha estrada nova á Ponte Ulla.
Edificios públicos: temos a Casa do Concello, obra nova que honra a nosa localidade, no que teñen cabida as oficinas municipais, as dos Xulgados Instrutor e Municipal, o Rexistro da Propiedade, o Arquivo notarial e o Laboratorio. Leva en construción máis de vinte anos unha igrexa fermosa, que tamén daría importancia á localidade se algún día chegásemos a vela rematada. Outros edificios a destacar son: a casa do cárcere que pola súa antigüidade deixa bastante que desexar e mais a igrexa vella que, aínda que está ben conservada, non reúne outras condicións; especialmente nótase a falta de capacidade para unha vila dos habitantes e categoría da nosa.
Para espectáculos públicos acaba de inaugurarse o Salón Novidades, propiedade de D. Manuel Constenla, de moi boas condicións.
A Caixa de Recruta, a Demarcación de Reserva, o Cuartel da Garda Civil e as escolas de primeiro ensino están en edificios particulares de cuxos alugueres se ocupa o Concello.
A edificación urbana do dominio privado está en auxe e conta A Estrada cun bo número de casas moi vistosas e confortábeis.
Comercio: esta vila é un grande centro comercial con establecementos de verdadeira importancia, como son: en ultramarinos, os de Esmorís, Bastida, Felipe Mato, Ismael Fernández, Nogueira, etc.; en ferraxaría, os de Sanmartín, Constenla e Brea; en louza e cristal, o de Alcobre e o de Matalobos; en moblaría e paquetaría, o de Consuelo Lorenzo; en moblaría, o de Barros; en peletaría, Muñíz, Ferrín e Carbón. Aquí, na nosa vila, confecciónanse traxes con tanto gusto e delicadeza como nas cidades inmediatas, diso ofrecen testemuño os Varelas, Casagrande, Andrés Gómez e Borrajeros. Hai boas barbarías como son a de Beiras, a de Enrique, a de Benito e algunha outra. Tres carnizarías abastécennos de rica carne, e son a de Gumersindo, a de D.a Olivia e a de Durán. Tres cafés están abertos ao público, o do Pintor, o de Pena e o de Vila. Abundan as casas de hóspedes, contándose entre elas as dos Constenlas, a de Mato, a do Pintor, a de Diego, a de Julio, a de Emilio Paz, etc.; existen dúas sombreirarías, a de Pío e a de Saturnino.
Industria: a nosa vila conta, dende o ano 1900, con iluminación eléctrica, grazas á pericia e tenacidade de D. Camilo Pardo que, con non demasiados medios, levou a cabo esa importante obra, coa que se beneficiou el e beneficiounos a nós. O fluído é aproveitado, ademais, en muíños e serradoiros. O salto está situado entre Aguións e Barbude, no río Liñares.
Outra fábrica de luz eléctrica acaba de inaugurarse: está o salto entre Aguións e Moreira e procede a auga do mesmo río Liñares. Pertence a unha sociedade na que figuran don Maximino Sanmartín, D. Manuel Saborido, D. Benigno Porto e algún outro. Ten tamén muíños.
Camiño do cemiterio atópase a fábrica de curtidos do Sr. López Juanatey e máis alá, no termo de Figueiroa, o serradoiro de D. Francisco Valcárcel. Hai tamén a fábrica de gasosas de D. José María Pena.
Servizo de automóbiles: hai servizo diario de automóbiles a Pontevedra, Lalín, Santiago, Forcarei e Portas. Unha forte compañía, «La Estradense», na que figura como principal factor D. Pedro Campos, dedícase a cubrir as liñas entre os tres primeiros puntos, cos seus coches que saen da Estrada para Pontevedra e Santiago das oito ás nove da mañá e regresan ás cinco da tarde para dirixirse a Lalín. Outro coche, «La Montañesa», sae tamén ás cinco da tarde para Forcarei, de onde regresa á mañá seguinte. Ás tres e media da tarde marcha «El Aguila» para Portas, levando o correo, e retorna ás dez da noite. «La Iberia», dunha sociedade de Lalín, percorre a liña da devandita vila a Pontevedra, e de Forcarei a Santiago.
Prestan tamén servizo por aquí os camións automóbiles de Carballeda, de Esmorís, o de Castro, que conduce peixe, e outros varios.
De aluguer hai catro bos automóbiles da sociedade Nogueira-Brey, dous de Manuel Nodar, un de Manuel Durán, dous de Pena e un de Francisco Sueiro.
Hai unha boa fotografía dos irmáns Campinas.
Os de Vigo hónrannos todos os veráns enviando aquí, como punto escollido, as súas colonias escolares, das que é protector altruísta D. Fernando Conde.
A excelencia das augas desta vila está por riba de toda ponderación.
Cosmopolitismo: pola súa condición de vila moderna, a poboación da Estrada é de esencia cosmopolita. Son moi contadas as persoas de mediana idade que naceron aquí. De Noia procede D. Miguel Nine; do Carballiño, D. Camilo Pereira; de Lalín, D. Segundo Santos; de Rodeiro, D. Maximino Araujo; de Silleda, D. José Martínez; de Ponteareas, D. Camilo Pardo; de Carballo, D. Manuel Leyes; e así outros varios.
Se a procedencia inflúe, como sosteñen moitos, no carácter e condición das persoas, ben poden atribuirse ao cosmopolitismo da Estrada as disputas e diverxencias que se observan entre os seus habitantes e que tanto conspiran en prexuízo de todos; porque a vila avanza, pero con mellor harmonía, sen dúbida avanzaría máis.
As distancias aproximadas desta localidade aos puntos máis importantes da contorna son: a Santiago, estación do ferrocarril, 25 quilómetros; a Portas, estación tamén do ferrocarril, 26 quilómetros; aos Baños de Cuntis, 9 quilómetros; a Silleda, 24 quilómetros; a Lalín, 35 quilómetros; e outros 35 a Pontevedra.
"Xa es algo, vila da Estrada!...
Onte non eras nada ".
TRAÍDA DE AUGAS
O 7 de agosto de 1843, a Corporación municipal acordou construír unha fonte no centro da vila e para os gastos estableceu un portádego na Ponte Vea, polo cal debía pagar cada transeúnte a pé catro maravedís, oito os que ían a cabalo e dezaseis os carros.
O 27 de novembro de 1847 a Corporación municipal acordou construír unha fonte na Praza Principal, hoxe praza de Ramiro Ciorraga, onde daquela non había ningunha.
En sesión do 3 de novembro de 1865 tratouse da necesidade de repoñer unha fonte que fora de servizo público e que naquel momento estaba atoada, na horta de D. Francisco Trigo.
O 22 de setembro de 1880 acórdase apropiarse desa mesma fonte, que se indica que estaba situada ao sur da Casa Consistorial e comprendida nun cerramento feito por D. Francisco Trigo e D. José Álvarez.
En 1888 a Deputación acordou subvencionar cun 50% a traída de augas.
O 20 de outubro de 1894 faise constar en sesión do Concello o remate das obras das fontes que se surten con augas traídas de Penarada. Esas fontes son a da praza de Ramiro Ciorraga e a que está inmediata ao cárcere. A fonte de Santo Antonio na rúa de San Paio ou estrada de Santiago, foi rematada o 5 de febreiro de 1901. E a da rúa de Riestra, despois.
Temos, ademais desas catro fontes, a famosa de Leicures e non é aventurado asegurar que poucas poboacións deben de gozar de augas tan ricas e saudábeis como as nosas.
Por iniciativa do Concello e co fin de utilizar os beneficios dun RD de 1914, en virtude do cal subvenciona o Estado os abastecementos de augas, sempre que o custo non exceda da suma de 80.000 pesetas, fixo un estudo o enxeñeiro D. Manuel Espárrago e tramitouse o oportuno expediente, que está actualmente agardando a que confronten o proxecto os da División Hidráulica.
Sería a traída de augas unha das melloras máis importantes, porque ademais de contribuír ao aumento das boas condicións de hixiene e limpeza que xa adornan A Estrada, redundaría en beneficio do erario público, pois podería cobrarse un tanto mensual aos veciños que instalasen os correspondentes canos para ter constantemente auga nas súas casas. Se se chegase a construír a praza de abastos, contaríase co líquido necesario para lavala diariamente, podería dirixirse o suficiente caudal ao matadoiro e aínda dispoñer do necesario para establecer lavadoiros públicos.
TELÉGRAFO
O 16 de xaneiro de 1884 acordou o Concello pedir unha estación telegráfica para esta vila.
O 22 de abril do ano seguinte renovouse a petición por medio do deputado a Cortes D. Antonio Cantero.
O 31 de marzo de 1886 trátase en sesión municipal das dificultades con que se tropeza para establecer o telégrafo por falta de medios pecuniarios.
O 30 de marzo de 1887 insístese na petición do telégrafo.
O 27 de xullo de 1888 reprodúcese a petición.
Por fin foi concedido o telégrafo en outubro de 1889 e instalouse o ano seguinte, no mes de marzo, na casa de D. Ángel Rodríguez, hoxe propiedade do seu fillo D. Juan Manuel.
O 2 de agosto de 1899, foi trasladado o telégrafo para a casa de D. Bernardino Otero, na rúa do Mercado, estrada de Cuntis. De alí pasou a unha casa inmediata de Gumersinda Graña e irmá, onde se encontra actualmente.
TELÉFONO
Sendo Deputado Provincial o distinguido letrado D. Prudencio Landín, propuxo a instalación do teléfono en toda a provincia e o proxecto foi aprobado por aquela Corporación e polo Estado; contribúen os Concellos para tan importante mellora, sendo de esperar que pronto poidamos gozala, pois nalgúns puntos xa disfrutan dela.
O Sr. Landín é digno de aplauso pola iniciativa e interese que puxo para que se realizase a obra.
Houbo teléfono para comunicarse dende esta vila con Codeseda, pero foi destruído por motivos que, aínda que se ignoran, desde logo non poden merecer louvanza.
Actualmente hai teléfono para comunicarse con Cereixo, propiedade de don Manuel Nogueira.
Está de máis dicir que na Estrada hai administración de correos cun oficial do corpo á fronte e un carteiro ás ordes deste.
SOCIEDADES DE RECREO E OUTRAS
O Casino é a Sociedade de recreo máis antiga da Estrada. Foi organizada nunha reunión celebrada o 28 de marzo de 1895 a convite de D. Saturio Sáenz, D. Eusebio Andújar, D. Julián Cervela, D. José Utrilla, D. José Otero, D. Faustino Ulloa, D. Maximino Araujo, D. Francisco Rodríguez, D. Sebastián Couceiro, e D., Manuel Otero Vinseiro. Tivo como primeiro Presidente ao Rexistrador D. José Utrilla; en 1896 presidiuno don Eliseo de Silva; en 1897, D. Miguel Losada; en 1898, D. Manuel Otero; en 1899, D. Manuel Leyes; en 1900, D. José Otero; en 1901, D. Faustino Ulloa; en 1902, D. Jesús Durán; en 1903, D. Manuel Otero; en 1904, D. José Otero; en 1905, D. Severino Trigo; en 1906, D. José Araujo; en 1907, D. Segundo Santos; en 1908, D. José Araujo; en 1909, D. Miguel Nine; en 1910, D. Francisco López Quintana; en 1911, D. Segundo Santos; en 1912, D. Miguel Nine; en 1913 e 14, D. Ramiro Ulloa; en 1915, D. Severino Trigo; en 1916, 17 e 18, D. Francisco Portela; en 1919 e 20, D. Antonio de Valenzuela; en 1921 e 22, D. José Campos, e actualmente, D. Pedro Varela.
O Ximnasio: cando a Sociedade Casino estaba no seu apoxeo e tiña próspera vida, xurdiron entre os socios desavinzas e fondas querelas en que andaban mesturadas rivalidades políticas e, como consecuencia de todo iso, déronse de baixa varios daqueles que fundaran en 1907 a nova entidade de que estamos a ocuparnos.
Tivo o Ximnasio dende a súa fundación os seguintes presidentes: ano de 1907, D. Manuel Fidalgo; 1908 e 09, D. Jesús Durán; 1910 e 11, D. Juan Ciorraga; 1912, D. Eduardo Cajide; 1913, D. Miguel Losada; 1914, D. Alfonso de la Encina; 1915, D. Manuel Fidalgo; 1916, D. Juan Ciorraga; 1917 e 18, D. Benito Vigo; 1919, 20 e 21, D. Carlos Cajide; 1922, D. Camilo Pardo.
Tanto o Casino como o Ximnasio vanse sostendo. Teñen bos salóns, billar e outros medios de distracción. Unidas esas dúas sociedades, podería formarse unha soa de moita importancia, o cal redundaría en beneficio da Estrada: habería facilidades para acoller moitos forasteiros que no verán veñen gozar do noso saudábel clima e aínda se poderían organizar festas para atraer maior número. Da sociedade única partirían iniciativas e mesmo recursos para subvencionar a música, un orfeón ou algo así que, ademais de ser útil, daría idea de progreso. E non podería partir tamén de aí unha decidida xestión para conseguir a tan desexada escola de Artes e Oficios e a construción do edificio para a graduada? Coidamos que si.
Círculo Mercantil: alá polo ano 1915 as organizacións agrarias do distrito crearon dificultades ao desenvolvemento do comercio da vila e ante iso os comerciantes asociáronse fomentando o Círculo Mercantil de protección mutua. Esa entidade tivo como presidentes a D. Manuel Lois, D. José Escariz, D. Vicente Refojo, D. Andrés Gestoso e D. José Franco. Disolveuse en 1920.
Fillos da Estrada: no lugar que antes ocupaba o Círculo Mercantil estableceuse a delegación da sociedade «Hijos de La Estrada» residentes en Cuba, cuxa finalidade é basicamente protexer os emigrantes. Presidírona D. Maximino Matalobos e D. Francisco Villar, sendo hoxe o seu presidente D. José Constenla.
Oficios Varios: ten o seu domicilio nesta vila a sociedade de Oficios Varios, composta principalmente de canteiros e carpinteiros. O seu obxecto é defender os intereses dos obreiros.
Exploradores: houbo unha boa tropa equipada e instruída; pero, cando menos se pensaba, disolveuse.
Tamén houbo sociedades venatorias de caza e pesca, pero actualmente non as hai.
“TABACALERA”
A administración da “Tabacalera” nesta vila estivo varios anos a cargo de D. Domingo Paseiro; despois foi nomeado administrador D. Ramiro Ulloa; sucedeu a este D. Manuel Otero Vinseiro, e actualmente adminístraa D. Andrés Varela.
LOTARÍAS
Temos administración de lotarías dende hai uns dez anos; está ao cargo de D. Ramiro Ulloa Villar.
EXPLOSIVOS
Despáchanos D. Domingo Paseiro e D. Manuel Constenla.
BANCA
Ten tamén a banca a súa representación nos Sres. Ulloa, Otero e Lacalle; e non falta o xiro postal a cargo do administrador de correos.
Recentemente instalouse aquí unha sucursal do Banco de Vigo.
RECADACIÓN
A recadación de contribucións do Estado tívoa varios anos a casa de Ulloa. Hoxe desempeña o cargo D. José Paseiro Andión.
PRENSA PERIÓDICA
Houbo na Estrada, alá polos anos 1906, 1907 e 1908, dous semanarios titulados Voz del Pueblo e El Estradense, que pertencían a outros tantos grupos políticos. Enleáronse esas publicacións nunha campaña sañuda, rivalizando na aldraxe e na insidia e ensarillándose en contendas ruíns de personalismos e vidas privadas. Foron uns feitos de triste recordo, dos que se recolleron moitos odios, aínda non extinguidos de todo.
Dende 1912 a 1919 publicouse outro semanario, El Eco de La Estrada, órgano das sociedades agrarias, que tivo nos primeiros anos bastante aceptación. Deixou de publicarse debido á carestía do papel e tamén porque ía pasando de moda.
En 1919, e durante algúns meses, repartiuse por aquí, os días de feira, un xornal titulado Estradense, coa filiación de rexionalista. Morreu, como morren sempre nestas poboacións pequenas, as publicacións que non teñen máis fin que o da política.
Actualmente temos El Emigrado, que tamén se publica os días de feira. Pertence aos “cubanos”, como adoita chamarse aos fillos deste país que emigraron a Cuba. Por agora mantense bastante independente e, se continúa así, terá vida próspera.
Tamén temos El Eco Estradense pois, aínda que suspendeu a tiraxe por algún tempo, non é dubidoso que a continúe.
El Eco Estradense imprimíase en imprenta propia da empresa e El Emigrado tírase na «Postal-Hita», do administrador de correos desta vila.
PROCURADORES XERAIS E DEPUTADOS A CORTES
1834-36: D. Antonio Montenegro.
1834-40: D. Francisco Lorenzana, marqués de Vilagarcía.
1844-46: O mesmo.
1834-35: D. José Valladares.
1836: D. Benito Fernández Pereira.
1836: D. Pedro Piñeiro y Cárdenas.
1836: D. Juan Alvarez Mendizábal.
1836-43: D. Domingo Fontán.
1836-39: D. Cristóbal Falcón.
1836-37: D. Ramón Maquieiro.
D. Hipólito Otero.
1841-43: O mesmo.
1854-56: Ol mesmo.
1836-37: D. Antonio Rubín.
1837-46: D. Diego Ballesteros.
1854-64: O mesmo.
1838: D. Antonio de la Vega.
1838-40: D. Pedro María Fernández Villaverde.
D. Ramón López Vázquez.
1839-46: D. Florencio Rodríguez.
1839: D. Pío Pita Pizarro.
1840: D. Antonio Alcalá Galiano.
D. Luis Armero.
1841-42: D. Manuel Otero.
1836: D. Antonio Arias Seoane.
1841: D. Pedro Miranda.
D. Manuel Barros.
1843: D. Juan María Fontenla
D. José Valladares
D. Ramón Buch
D. Esteban Areal
D. José Ulloa Pimentel.
1844-45: D. Manuel Gómez Díaz.
1846-50: D. Francisco Tames Hevia.
1851-53-54-57-58: Q. Joaquín Ozores Valderrama.
1878-80: D. José Elduayen.
1859-64: D. Francisco María Valdés y Mon. .
1863-65: D. José María Fernández de la Hoz.
1864-65: D. Juan Armada Valdés, Marqués de Figueroa.
1866-67: D. Casto Méndez Núñez.
1869: D. Hipólito Otero.
1870: D. Pedro Mateo Sagasta.
1871-73: D. José Montero Ríos.
1872: D. Benito María de Oca y Gil.
1872-73: D. Francisco Pereira García.
1873: D. Justo Martínez.
D. José Riestra López. '
1876-80: D. Emilio Gutiérrez de la Cámara.
1879-90: D. José Riestra López.
1884-85: D. Antonio Cantero Seirullo. •
1891-93: Marqués de la Vega de Armijo.
1893-95: D. Rafael Gasset Chinchilla.
1896: D. Francisco de Federico Martínez.
1898: D. Marlín Rozales Martel.
1899-1901: Marqués de la Vega de Armijo.
1901- 1902: D. Victor Brugada y Panizo.
1903-1907: Marqués de la Vega de Armijo.
1908-1916: D. Raimundo Riestro Calderón.
1916, ata os nosos días: D. Vicente Riestra Calderón.
Así resulta dos datos que temos. Pensamos que dende 1834 non houbo por esta bisbarra máis Procuradores Xerais nin máis Deputados a Cortes que os anotados; pero non podemos aseguralo dun modo categórico. Se algún nos quedou no tinteiro, a culpa sería súa por non deixar no país labor beneficioso ou algunha obra pública que perpetuase a súa memoria.
DEPUTADOS PROVINCIAIS
Segundo os datos obtidos, representaron este distrito na Deputación provincial os seguintes señores:
1838: Felipe Constenla Garrido.
1839: Manuel Gómez Díaz.
1840: Manuel Otero e Jacobo García.
1847: Manuel Gómez Díaz.
1848: José María Louzao.
1852-57-58: Marcial Valladares.
1868: Salustiano Saez, Ramón Villar Ulloa e José Varela Cadaval.
1868: Cándido Barros, Benito M.a de Oca e Serafín Pazo, suplente.
1871: Cayetano Taboada e Francisco Pereira García.
1872: Cayetano Taboada, Benito M.a de Oca e Francisco Pereira.
1873: Cayetano Taboada.
1877: Francisco Pereira García.
1878: Francisco Pereira García, Agustín Porto Loimil e Julián Paseiro.
1884: Rafael González Besada e Antonio Taboada Iglesias.
1884: Miguel Nine Novais e Baltasar Fernández Prado.
1888: Antonio Blanco Rodríguez, Camilo Pereira Freijenedo, Miguel Nine e Gumersindo Otero.
1889: Ramón Blanco Rodríguez.
1892: Rafael González Besada, Camilo Pereira Freijenedo, Miguel Nine e Gumersindo Otero.
1896: Gumersindo Otero, Camilo Pereira, Miguel Nine, e Antonio Domínguez Fociños.
1901: Gumersindo Otero, Miguel Nine, Cesáreo Vázquez e Antonio Domínguez Fociños.
1905: Os mesmos de 1901.
1909: Felipe Ruza, Amalio Taboada, Gumersindo Otero e Miguel Nine.
1913: Miguel Nine, Felipe Ruza, Gonzalo Otero e Amalio Taboada.
1917: Miguel Nine, Felipe Ruza, Francisco Riestra e Ramiro Ulloa.
1921: Miguel Nine, Ramiro Ulloa, José Bueno e Benjamín Lois.
A actuación das Deputacións provinciais está en tea de xuízo e hai un bo sector de opinión partidario de que se supriman.
PARROQUIAS
Sabido é que nos lendarios tempos da organización de Galiza, en canto unha familia se establecía en calquera parte do territorio, levantaba a igrexa. A continuación, facíase nela claustro, e así reuníanse os poboadores baixo unha mesma torre. Deste xeito foron xurdindo as parroquias que serviron de base aos antigos concellos de que son lembranza os actuais.
O sentimento dos nosos paisanos cara as súas parroquias é fortísimo; tratar de alteralas sería perigoso porque o tomarían como un atentado sacrílego e non o tolerarían pacientemente, como xa demostraron en moitas ocasións. Para eles a freguesía é algo tan propio, tan íntimo, tan familiar, que o amor e respecto que lle profesan merece toda clase de acatamentos. Ten que ser así, pois o aldeán vén ao mundo ligado estreitamente á súa igrexa parroquial, onde recibe as augas do bautismo; onde se confirma; onde asiste, aínda nos brazos da nai, ás primeiras misas; onde inicia as súas primeiras comuñóns; onde oe as primeiras exhortacións do párroco e a onde se dirixe estreando os primeiros traxes da infancia para asistir á festa do Patrón?... Xa adolescente, con outros da súa idade, divírtese na romaxe local onde espertan os seus primeiros amores; ten moza; con frecuencia, casa; reúnese despois no adro, á saída da misa, con outros casados a comentar as noticias de actualidade, o prezo do gando, o estado das colleitas, a orde da alcaldía, etc. No cemiterio descansan os restos dos seus devanceiros, ou talvez dalgúns dos seus fillos… Todo iso vai determinando na súa alma un sentimento tal de fonda e relixiosa veneración cara á parroquia, que xamais se extingue.
A organización parroquial no civil consistía antigamente nun “mordomo” e tantos “celadores” como lugares. Deses mordomos son reminiscencia os actuais alcaldes de barrio, con facultades tan restrinxidas aquí entre nós que case resultan irrisorias. Tamén son chamados pedáneos, institución antiquísima que nos legaron os romanos, imaxe e semellanza dos iuris pedaneus que eles teñen na súa patria; e parece que os denominaban así porque xuraban o cargo en pé. Os árabes teñen un funcionario moi semellante, o Cadí; e os gregos, o Dieteto.
Polas razóns apuntadas ao comezo deste tema coidamos conveniente describir con separación as 51 parroquias que comprende o termo municipal, incluíndo os datos que puidemos adquirir en canto a antigüidade, fundación, lugares, significado dos nomes que estes levan e demais antecedentes e curiosidades que estimamos dignos de publicar. Seguidamente, e por orde alfabética, atopará esa descrición o curioso lector.
AGAR
Á caída do monte da Rocha ou de San Sebastián atópase a parroquia de Agar que, coas de Remesar e os Ancorados, forma un grupo ideal. Ten 73 cabezas de familia e 348 habitantes distribuídos no seu territorio. Dista da Estrada uns dez quilómetros por termo medio, que poden percorrerse por estrada ata o Foxo e dende este punto queda pouca distancia ao centro parroquial.
Agar é metátese de agra, significado que convén á condición eminentemente agrícola da localidade. Puido derivarse o nome do latín ager, “agro, campo”; ou do grego agros. Tamén nos trae á memoria aquilo de que os árabes ou mouros que invadiron a Península Ibérica foron chamados agarenos, como descendentes de Abrahan e da súa escrava Agar.
Lugares: Penalobeira ,O Outeiro, Sorribas, O Souto, Pepe, A Pedreira, A Revolta, Valiñas, A Lagoa, O Río, A Pena, Gueifas, Aminde, Gonxar e Paraxó(13).
O lugar de Penalobeira debe o nome a estar situado nun lugar penedío, alto e internado no monte da Rocha ou de San Sebastián, onde é máis que de supoñer que abundaron os lobos. Tanto foi así que o noso Concello, en actas de dúas sesións (unha do ano 1847 e outra de 1848) consigna que “os lobos causan enormes danos en Agar”. A denominación de Outeiro non precisa aclaración: ninguén ignora que vén da súa situación elevada nun outeiro, cuíña ou lomba. Sorribas, punto inferior ás ribas ou ribadas que se observan no terreo. O Souto, monte poboado de castiñeiros. Pepe é o nome do fundador ou primeiro aforante: aínda hoxe é moi coñecido o foral de Pepe (Xosé). Dos lugares de Revolta, A Pedreira, A Lagoa, O Río e A Pena non cómpre dicir cousa ningunha. O de Valiñas vén do diminutivo valiños, “muros pequenos”. Gueifas é abreviatura de Regueifas. Cóntase que Aminde debe a denominación ao apelido ou alcume do fundador. Paraxó ou Paraxe, punto de parada ou albergue; sosteñen algúns que Paraxó, por compoñerse de para e xo, vén das voces que os habitantes de antano daban ás eguas salvaxes, bestas bravas que baixaban da Rocha, para que se parasen ou detivesen e non arrasasen as sementeiras; outros din que Paraxó vén de “parexo” co lugar do Río, por estar inmediatos e compoñerse de dúas casas cada un. A denominación da Pena denuncia a súa orixe sueva.
Lindeiros: norte, Remesar; sur, Curantes; leste, Orazo; e oeste, os Ancorados.
Vías de comunicación: a estrada de Chapa a Carril está establecida polo extremo sur desta parroquia. As demais comunicacións consisten en camiños ordinarios.
Hai un regato chamado da Serra, que nace no punto de Orosa (Orazo) e desemboca no río de Remesar, no punto de Vilanova, despois de fertilizar terreos do lugar de Gonxar e Valiñas.
O 7 de abril de 1811 tivo lugar o enterro de Juan Nogueira, asistente do Tenente de Administración D. Francisco Miguez; morrera na enfermaría de San Sebastián a consecuencia da invasión francesa. O 26 de agosto de 1812 celebráronse os funerais de Domingo Antonio Albela, morto en Cádiz, a onde fora levado, prisioneiro das hostes de Napoleón. O mesmo sucedeu con Domingo Antonio Bascuas.
A parroquia de Agar foi invadida tamén polos carlistas, segundo consta, entre outros antecedentes, na acta da sesión municipal, de data de 24 de agosto de 1839. Desa invasión aínda falaban con terror, hai poucos anos, os anciáns da localidade. De Agar era Pedro González, que morreu o antedito ano, pelexando como soldado en Bilbao.
O Concello da Estrada, en sesión do 14 de xuño de 1856, alude a unha escola de instrución primaria, acabada de crear para a parroquia que nos ocupa. Hoxe non teñen escola alí.
Edificios importantes: A igrexa parroquial, ben situada nun lugar dende o que se domina un dos máis fermosos panoramas da bisbarra, é de construción antiga, con mestura de distintas ordes arquitectónicas, entre as cales non falta o románico-bizantino; cara ao sur ten unha cruz trevoada envolta nunha circunferencia. Houbo unha capela á Esperanza nun campo que aínda hoxe se chama da Esperanza, dentro dos termos do lugar de Sorribas.
No eclesiástico: Agar ten por patroa a Santa Mariña, o curato é de entrada e pertence á Coroa; o persoal consiste nun cura. En 1706, D.a Benita Mondragón, viúva de D. Antonio Romero, fundou a capelanía de Santo Ildefonso, do que deu fe o escribán D. Antonio Suárez de San Pedro de Ancorados. A confraría do Sacramento data do ano 1665; a de Santa Bárbara de 1748 e a de San Roque de 1640. Celébranse anualmente festas: á Patroa o 18 de xullo; o 19, o Corpus; o domingo seguinte, o Carme; a Esperanza, o domingo seguinte do de Pascua; e outras menos importantes.
A freguesía tivo por padroado a capela de Santa Cruz ou de Mondragón, incluída na basílica santiaguesa, que fundou e construíu o cóengo D. Juan de Mondragón, familiar dos Marqueses de Santa Cruz de Ribadulla, o ano 1522.
O arquivo parroquial alcanza ao ano 1610.
Os de Agar reciben o correo polo Foxo.
Non vos queixedes, meniñas
que de Agar sodes nativas,
quixeran as ablaíñas
ser tan ledas e garridas(14).
AGUIÓNS
Parroquia de 64 cabezas de familia e 335 habitantes, situada á esquerda do río Liñares e distante da Estrada dous quilómetros e medio aproximadamente.
En canto á antigüidade e nome desta freguesía, temos o testamento do arcebispo D. Paio Raimundez, datado o 17 de xuño de 1154. Neste texto denomina a esta parroquia “Santa María de Argiones”, cuxo significado equivale a “terra de camorristas ou revoltosos”, segundo opinións moi autorizadas.
Nós expoñémolo así con rigorosa fidelidade, sen ánimo ningún de molestar; e aínda entendemos que para os de Aguións, xente nin máis boa nin máis mala que a do resto do concello, non é ofensivo aquel significado, pois nada ten de particular que antigamente se suscitasen por alí polémicas e cuestións, como se suscitaban noutros varios sitios, resoltas xeralmente con razón e valentía.
Lugares: Os Cebados, O Preguecido, O Codeso, A Aldea Grande, O Outeiro e A Frieira(15).
O primeiro dos devanditos lugares distínguese pola súa fertilidade, e debido a iso os veciños, antigamente, dedicáronse á cría e engorde de bois, que vendían cebados e de aí a súa denominación. O de Codeso debe o nome ao cutissum, planta de raíz vivaz, moi coñecida xeralmente e abundante naquelas paraxes. Frieira vén da humidade ou frialdade que ocasionan os regueiros e brañas que rodean o casarío.
Lindeiros: norte, río Liñares, que separa de Paradela e Barbude; sur, A Estrada; leste, Lagartóns e Moreira; oeste, Toedo e Santeles.
Vías de comunicación: a vía da Estrada a Ponte Ulla e camiños veciñais, a ponte Nogueira, a ponte Canizas, e o pontillón de Barcia. A ponte vella de Nogueira fora mandada construír en virtude de sesión da Corporación municipal en data de 18 de xuño de 1840.
Bañan os termos desta parroquia o río Liñares e o regato de Barcia.
Carecen os de Aguións de escolas de primeiro ensino. O ministerio aprobou o expediente para a creación dunha escola mixta. Funciona en Aguións unha sociedade de agricultores.
No eclesiástico: Ten por patroa Santa María, o curato é de entrada, presentación do conde de Ximonde e outros; a igrexa é regular e ten no exterior un letreiro que di: «año D.M.D.C.C.X.C.I.I.» Antes dese ano había unha capela no lugar do templo actual. A primeira visita do libro de fábrica data do ano 1673. No mesmo libro lese que o cura tratou de reedificar a capela, para o que intentou persuadir ao presenteiro, pero este non accedeu e tivo que facerse a obra con fondos da parroquia.
Na casa do Preguecido, señorío de Ramiráns, hai unha capela, advocación de Nosa Sra. do Carme, pechada ao culto actualmente.
O señorío de Ramiráns foi concedido por título de Alfonso XII o ano 1875.
Festas anuais: a Patroa, o 15 de agosto; San Roque, o 16; o domingo próximo, o Sacramento; e ao seguinte, o Carme. O domingo que segue ao 13 de xuño celébrase o Santo Antonio.
Na Historia de la Iglesia Compostelana consigna o Sr. López Ferreiro este dato curioso: «A Fernando Álvarez, ano 1607, encargou Gabriel Carbón, mordomo da igrexa de Santa María de Aguións, unha manga de cruz bordada sobre veludo carmesí e catro figuras en redondo coas súas tarxetas perfiladas de seda formadas de ouro de Milán, cortaduras de raso de cores nos frisos e corpo da manga perfilada e formado todo de seda, coas imaxes de San Xoán, San Pedro e San Pablo. A Nosa Señora co neno Xesús nos brazos; os demais cadros e cortadura bordados de seda de cores con ramos e follaxe.»
A fábrica de luz eléctrica propiedade de D. Camilo Pardo está en termos da parroquia que describimos.
Hai un terreo entre Codeso e Aldea Grande chamado Veiga do Crego, a labradío, e dise que alí estivo a igrexa: labrando a terra apareceron un capitel antigo e materiais de construción.
A casa que na Aldea Grande posúe Jesús Rey e que se chama Casa do Frade, fíxoa un exclaustrado.
O 15 de abril de 1809 foi asasinado polos franceses o presbítero D. José Vaamonde.
Aos de Aguións distribúelles a correspondencia o peón de Ribeira.
(Despois de escrito o anterior comezou a funcionar unha escola nacional mixta en Aguións).
ANCORADOS, SAN PEDRO
Parroquia de 84 cabezas de familia e 394 habitantes, distante da Estrada uns 9 quilómetros.
Ancorados, segundo algunhas opinións, vén de acorados, “enlamados” debido ás moitas augas que durante os invernos se reúnen naqueles terreos de depresión. Nós coidamos, con coñecemento do terreo, que vén de ancos: “cóbado, revolta ou curvatura do chan”, por ser así a condición topográfica do terreo.
Lugares: Ribas Pequenas, San Pedro, Malata, Ventosela, O Barro, Ribas Grandes, Mamoela, Pousadela, O Foxo e A Pena(16).
Ribas Pequenas debe o seu nome a estar situado nunha altura pouco pronunciada; así como Ribas Grandes o debe a estar máis elevado; Malata, aldea malita, mal acondicionada, como efectivamente sucede; Ventosela, moi exposto aos ventos, especialmente do norte; Pousadela, diminutivo de Pousada. Foxo (véxase o que se consigna en canto a este lugar ao describir a parroquia de Rubín, posto que se trata dunha aldea que pertence ás dúas freguesías).
Lindeiros: norte, San Tomé e Riobó; sur, Callobre e Rubín; leste, Agar e Curantes e oeste, Moreira, Berres e San Tomé.
Vías de comunicación: camiños rurais e o pontillón de Carreirés entre San Pedro e Ventosela.
Baña esta parroquia o regato de Ponte Carreirés que nace en Ventosela e desemboca en Riobó, fertilizando os lugares de Ventosela e San Pedro.
O ensino primario consiste nunha Escola Nacional, situada no Foxo e atendida por unha mestra. Os veciños teñen unha Sociedade de Agricultores.
No eclesiástico: xa se comprende que o patrón é San Pedro. A parroquia ten como anexo á de San Tomé e para o curato, que é de entrada, presenta o convento de Santa Clara de Santiago. A igrexa é do século XII ou XIII e foi restaurada en 1756. Aínda se conservan ruínas dunha capela que houbo no lugar de San Pedro, dedicada a Santa Clara.
Festas anuais: a do patrón, o 29 de xuño; a dos Remedios, o día 30; o Socorro, o domingo seguinte; Corpus, no seu día propio; as Dores, o terceiro domingo de setembro; o Carme, o domingo seguinte ao das Dores; o Santo Cristo, o domingo que segue á Pascua do Espírito Santo.
Nas inmediacións da igrexa houbo, en tempos antigos, un convento de monxas de Santa Clara, e de aí lle vén á institución o dereito de presentar cura.
Outras particularidades: tamén houbo preto desta igrexa unha torre forte que era propiedade de Antonio Sanmartín de Bayón e que a fixo desaparecer haberá uns 25 ou 30 anos.
No lugar de Ribas funcionou moito tempo un aparato mazadoiro de liño, que consistía nunha grande roda de pedra coa súa correspondente montaxe, movida por forza animal.
Esta parroquia foi moi castigada pola invasión francesa. No libro de defuncións do arquivo existe a seguinte nota: «Os oito mortos que seguen son os que foron fusilados e degolados polo exército francés, por levantarse o Reino de Galiza e defenderse valentemente contra a forza do tirano; non quixo admitir por rei nin prestar obediencia ao intruso Xosé Bonaparte.»
«O 20 marzo 1809 foi degolado Juan Porto, cando era vello e estaba enfermo. Era marido de Manuela de Pazos, do lugar de Ventosela; este e os sete máis foron asasinados na tarde de mesmo día e coa mesma roupa coa que se atoparon.»
«Francisco Rodríguez, veciño do lugar de Ventosela, foi asasinado e enterrado na parroquia de Santa Baia de Pardemarín por encontrarse alí pedindo esmola no momento do tránsito da tropa francesa».
En 1720 actuaba como escribán nesta parroquia D. Nicolás de Ortega.
Os de Ancorados reciben o correo polo Foxo.
ANCORADOS, SAN TOMÉ
Parroquia de 68 cabezas de familia e 244 habitantes, que dista da Estrada uns nove quilómetros.
En canto ao nome da freguesía, atémonos ao dito respecto á principal, ou sexa San Pedro.
Lugares: O Castro, San Tomé, Tutén, Gontén e Brei(17). O nome de Castro débese a estar inmediato a un campamento ou fortaleza antiga que alí hai. De Tutén, como non veña da deusa Tutelina que gardaba as colleitas, ou de Tutanos, Deus que defendía a xente, non sabemos outra cousa. Tampouco puidemos acadar datos fiábeis respecto ao significado ou etimoloxía da palabra Gontén. Brei responde ao apelido do fundador.
Lindeiros: norte, Riobó; sur, Ancorados San Pedro; leste, idem. e Agar; oeste, Berres.
Vías de comunicación: camiños rurais antigos.
Baña esta parroquia un regato, continuación de Carreirés, co que se fertilizan algunhas herbeiras.
No eclesiástico: San Tomé é anexo de San Pedro e para o curato presentan as monxas de Santa Clara de Santiago como sucesoras dos bens que tiñan os frades terceiros de Santa María a Nova (despois Colexio da Compañía).
Do arquivo parroquial tomamos ao pé da letra estes datos: «Cinco foron os asasinados violentamente polo tirano francés o 20 de marzo de 1809». Hai unhas partidas que din: “o 20 de marzo de 1809 mataron, de forma brutal e cruel, a Jacobo Baloira, veciño do lugar de Castro, así como tamén no mesmo día aos seus compañeiros”. “O 13 de setembro de 1839 deuse sepultura a un home chamado Domingo Moa, veciño de San Lourenzo de Vilatuxe, bispado de Lugo, lugar de Moa, alcaldía e partido de Lalín, que foi executado pola tropa daquel cantón, no campo do Foxo de Corbelle, acusado de faccioso. Ata que expirou, foi asistido espiritualmente por tres señores sacerdotes da mesma parroquia e un misioneiro dos exclaustrados de Santo Antonio de Herbón”.
ARCA
Parroquia situada no Arnado, que ten 115 cabezas de familia e 760 habitantes. Dista da Estrada un dez quilómetros, oito dos cales poden percorrerse pola estrada de Vilapouca a Ponte Vea.
Non podemos aventurarnos a fixar a data da creación desta freguesía por falta de datos precisos: o arquivo parroquial parte do ano 1649 en que foi inscrita a defunción de Juan da Ponte; e outras fontes de información non temos.
Verea Aguiar, na súa notábel Historia de Galicia, insinúa que o nome de Arca vén do grego Arcas, rei de Arcadia, neto de Licaon. Outros sosteñen que procede das aparicións de sepulturas cadradas construídas con lousas en buratos a pouca profundidade, da época neolítica, que non son escasas no chan galego e que están relacionadas coas medorras, medoñas ou mámoas.
No caso que nos ocupa, parece máis axeitada a segunda das opinións porque, precisamente, hai na parroquia o lugar de Arcapedriña, que debe o nome a atoparse alí unha arca de pedra de grandes dimensións coa súa correspondente tapadeira. Esa arca, que aínda recordan moitos veciños, foi destruída por Manuel Fraga hai algúns anos.
Compoñen a parroquia os lugares de: Arcapedriña, Casa da Reguiña, Agro Maior, O Cruceiro, O Outeiriño,A Amarelle, A Abeleira, A Penela, Casa da Poza, Casa da Poroxa, O Carballal, Casa das Caseiras, Bustelo, Nodar, Xustín e A Goleta(18). En canto ao primeiro, xa sabemos que adquiriu o seu nome da arca pétrea alí atopada; o segundo, do alcume que tiña unha muller que habitou a única casa de que consta o lugar; o de Agro Maior, chámase así porque alí hai un importante agro; o do Cruceiro, dun cruceiro antigo que aínda existe; O Outeiriño, diminutivo de outeiro. En canto á Amarelle, cóntase que o seu fundador procedía, como é natural, doutro punto e que despois da fundación tivo perdas cuantiosas de familiares e gando; desesperado, retornou ao lugar da súa procedencia, onde comezaron a consolalo, convencérono de que debía volver á Amarelle e acompañárono alí. Ao chegaren, vendo que tiña vizosas as colleitas, dixéronlle: a este lugar hai que amalo por bonito e produtivo e o fundador contestou: "amareino se non me acontecen máis desgrazas nel". De amareino veu amareille; e de amareille, amarelle. Tamén pode vir de Marelle, que en vasco parece significar “lindeiro”. O nome de Abeleira vén do arbusto que se chama así. A Penela, dunha pena. Casa da Poza, de estar nun burato ou depresión natural do terreo. Casa da Poroxa debe o seu nome ao alcume dunha muller que o habitou. Carballal, aos carballos que alí abundan. En canto a Nodar, hai a crenza tradicional de que chegaron a ese lugar uns estranxeiros pedindo pousada; os habitantes non os entendían nin aqueles a estes e, por conseguinte, a petición non era atendida; finalmente, un dos forasteiros dixo: “aquí non dar”, e de aí o nome que leva o lugar. Hai tamén quen, con algunha diferenza, atribúe o acontecido a un escribán. O Sr. García de la Riega na súa notable obra, Galicia antigua, indica que Nodar, procede do grego e significa «recén esfolado». De xustiño, reducido, veu xustín, por supresión; e esta palabra foi castelanizada converténdoa torpemente en Justín(19). Con respecto á Goleta hai quen afirma que anteriormente se chamou Soleta, de solita, “soa, afastada”; e verdadeiramente afastado está este lugar.
Lindeiros: norte, Nigoi e A Somoza; sur, río Umia e Souto; leste, Souto e Nigoi; oeste, concello de Cuntis.
As comunicacións desta parroquia consisten en camiños antigos e nalgunhas pontes e pontillóns, a saber: o de Nodar, Paradela e Portón sobre o Umia; sobre os regatos, a ponte do Regueiro, Maceiriña e Moimenta, Salgueiro, Feal, Agudela e Pontiña. Está aprobado polo Estado o proxecto de construción dun camiño que, partindo da estrada de Codeseda ao Campo, en termos de Souto, cruce a parroquia de Arca e saia en Nigoi á outra estrada.
Baña a parroquia de Arca, o río Umia e mais os regatos de Reboiras, Brañiñas, Piornos, Zudres, Castro e Canles.
O 14 de xuño de 1856 foi dotada a parroquia dunha escola de primeiro ensino; o 10 de marzo de 1880 creouse a escola incompleta. Hoxe hai unha escola nacional servida por un mestre. As escolas «Curros Enríquez», de que se fala noutro lugar, esténdense á parroquia de Arca.
Edificios importantes: a igrexa parroquial, moderna, das mellores do país, ten polo leste un grande rótulo que di: «Reinando Isabel II, siendo Pontífice Pío IX y Arzobispo Compostelano el eminentísimo Cardenal García Cuesta. Hizo este templo en 1864 e 1865 D. Andrés Díaz y Rodríguez, párroco 25 años y canónigo despues en Lugo y en Santiago, Caballero de Carlos III y Capellán de honor de S. M.»(20) Ten o edificio unha boa torre con dúas campás grandes e unha pequena. O adro está moi ben cercado e dálle acceso polo leste unha escaleira semicircular moi airosa. Antes desa igrexa houbo outra, construída no século XVI, que se foi arruinando cos anos. No lugar do Carballal existe a capela da Ascensión, construída no século XVII. Houbo tamén outra capela dedicada a San Pedro, no monte de San Paio, cerca do río Umia, que se desfixo cando se construíu a igrexa actual, debido ás moitas liortas que se producían o día da función entre a mocidade da contorna; tanto era así, que nunha desas pelexas, un mozo caeu ao río cando fuxía e faleceu afogado. Dende ese día clausurouse a capela e suprimiuse a festa anual. Percorrendo Arca, chama a atención o número de cruceiros de pedra co que nos atopamos a cada momento.
No eclesiástico: o curato é de entrada; ten un cura, D. José Porta Mosteiro, e un coadxutor, D. Antonio Rodríguez. O Patrón é San Miguel e corresponde a esta freguesía, como anexa, a de Santo André de Souto. Presenta D. José María Bermúdez.
Festas anuais: a de San Miguel, o 29 de setembro; a da Ascensión, no seu día propio; San Antonio, o 26 de decembro, polo lugar da Amarelle; Corpus, o 8 de maio por conta dos casados; e algunha outra menos sonada.
Outras particularidades: os montes de Arca son abundantes en boa pedra de cantaría ou granito. Os principais edificios da Estrada foron feitos con materiais desa procedencia. En Arca abundan os canteiros e carpinteiros; moitos deles traballan no Arsenal de Ferrol e outros saen a gañar os seus xornais a distintos lugares, mesmo a Franza.
É xenerosa esta terra en recordos antigos, prehistóricos algúns. Ademais da arca de pedra xa mencionada, temos coñecemento de que en Portón, nun terreo de Juan Canabal, apareceron unha sepultura de pedra labrada, unha coroa e unhas botellas; no monte da Espiñeira, nun punto coñecido como Lagoa, hai unha chaira onde os veciños aseguran ter visto un altar de sacrificio labrado en pedra, coa canle típica para correr o sangue, a almofada de apoio para a cabeza da vítima, e ao lado da base, un burato, tamén labrado na rocha natural, onde o sangue caía para ser queimado. Nas penas da contorna había signos e letras soltas feitas a pico; pero, debido á superstición, foron desaparecendo. Interesante resulta tamén o castro Perroño, cunha eira espléndida na parte superior: alí apareceron muíños de man e cacharros de cociña, é dicir, cerámica antiquísima; tiña o castro polo oeste unha gabia ou boca enorme con fornos e carbón, que actualmente vai desaparecendo por obstrución; a xente estaba na crenza de que dentro había encantos, e achegábase a aquela paraxe con receo. Parece que os habitantes do castro se dedicaron na antigüidade á explotación de minerais, que son abundantes no chan de Arca. O Sr. Murguía dinos que, ao desfacer unha mámoa no monte Arnado, se acharon dúas pedras de once cuartas de longo colocadas formando túmulo, como un dolmen construído ao revés. No noso poder temos unha moeda de cobre, de feitura trapezoide, coas catro puntas recortadas; é indubidabelmente moi antiga, segundo algúns, de tempos dos romanos e foi atopada por D. Manuel Eirín no punto da Pedreira, que pertence á parroquia que describimos.
O cura de Arca, D. Andrés Díaz Rodríguez, conducindo uns cantos paisanos, incorporouse ás filas carlistas. Pouco despois de seren vencidos os revolucionarios foi condenado a morte. A sentenza debía executarse en Pontevedra; mais, por solicitude do condenado, permutouse por Santiago, cidade a onde o reo debía ser conducido. A demora que supuxo o traslado proporcionou o tempo e a oportunidade para xestionar e conseguir o indulto. Poucos anos despois volveu o Sr. Díaz Rodríguez ao seu curato e desempeñouno ata que o nomearon cóengo. No río Umia, no termo de Arca, realizouse o estudo para un salto de auga denunciado por D. Manuel Portela Valladares(21). Antigamente había alí uns batáns dos que aínda se conservan ruínas.
Aínda quedan nesta parroquia recordos dos antigos impostos: na casa, hoxe de José Cortés, cobrábase o décimo. O marqués de Aranda e o duque Patiño eran os señoríos máis coñecidos por alí.
En Arca hai un médico, D. Francisco González Verdura; cartería, estanco de tabacos e algunhas tabernas.
ARNOIS
Alá no confín da nosa zona da Ulla está a parroquia de Arnois, que consta de 155 cabezas de familia e 682 habitantes. Dista da capital do distrito uns 13 quilómetros por termo medio.
Afirman algúns historiadores que a palabra Arnois, como Arnoia e outras semellantes, proceden do celta, e que significan “viño”; e iso ten, no caso que nos ocupa, todas as probabilidades, pois sabido é que a parroquia de Arnois está situada no corazón da Ulla, terra de moita vide. Murguía di que provén do sánscrito arna (“río”); Santiago Gómez búscalle orixe no vasco ardo ou ardao (“viño”) e di que tamén en antigo galego chamaban ao viño arnois ou arnoia.
Da antigüidade desta freguesía pode xulgarse polos seguintes datos: o arcebispo D. Pedro IV no seu testamento de marzo de 1214 fai doazón ao Cabido de Santiago de metade da freguesía de San Xiao de Arnois. A outra metade doouna D. Pedro Muñiz Tacón, e esta doazón foi confirmada máis tarde polo Papa Honorio III. En 1230, na data de 25 de xaneiro declárase que son do cabido as viñas que fixo a raíña Dona Teresa en Arnois e «as que se plantaron cos maravedís do rei de Portugal». .
Lugares: O Cercido, Veiga, Os Bieites, O Regueiro, A Costa, A Granxa, Igrexario, Cacharela, San Xiao, A Carballeira, Calvario, A Raigada, O Bruñido, Silva, Riamonde, Ribadulla, Valboa, Horros, Golmas, Moimenta e Os Tiguillois(22).
O lugar do Cercido, que pertencía a San Miguel de Castro, foi agregado a Arnois o 8 de maio de 1876. Cacharela quere dicir “lugar situado nun terreo de pouco fondo, que presenta capas de pedra de escasa consistencia, ou pedrolo”. Calvario, de raíz grega: “estreiteza”: A Raigada: “arraigada, firme, con raíces”. O Bruñido: pode significar esta palabra “lustroso, puído, claro”, e non deixa de axeitarse a iso o lugar de que falamos; pero tamén pode vir a denominación de “abruños”, ameixas silvestres que abundan por alí. Riamonde adquiriu o nome dun regato que pasa por aqueles termos: “río do mundo”, traducen algúns e quizais non lles falte razón. Ribadulla: “sobre ou enriba do Ulla”. Horros: “hórreos”.
Lindeiros: norte, regato do Unxido, separando a parroquia de Castro; sur, o río Bo, separando de Riobó e Berres, e unha presa que tamén separa do lugar de Basteiros en Riobó. Leste, regato da Grela, que deslinda Arnois de Oca; oeste, o río Ulla.
Vías de comunicación: pasan por Arnois a estrada estatal de Santiago a Ourense e a provincial de Callobre a Ponte Ledesma; as demais vías consisten en camiños veciñais e as pontes do Ulla e Unxido. A vía da Estrada á Ponte Ulla por Paradela e Ribeira está bastante adiantada. Da Ponte Ulla propiamente dita, a metade corresponde á parroquia que describimos e a outra metade a Santa María Madanela, distrito de Vedra, partido de Santiago, que na antigüidade tivo concello, o cal usaba un curioso selo en que se lía: «María Magdalena llipontis Ulla infili grasia Sea.»(23)
Ademais do río devandito, bañan esta parroquia os regatos do Unxido, que nace en Castro, no punto coñecido como Pena da Miralda; o do Calvario, que nace en termos da Cruz do lugar do seu nome; o de Barreira, que nace na Rocha.
O 14 de xuño de 1856, en sesión da Corporación municipal, apróbase a creación da escola de primeiro ensino de Arnois. E teñen aqueles veciños unha escola nacional servida por un mestre. Tamén funciona alí unha sociedade de agricultores con seguro de gando.
A expensas da parroquia estase a construír un edificio para o ensino.
No eclesiástico: o curato é de entrada, ten un párroco; a presentación pertence ao Cabido. O Patrón é San Xiao. A igrexa é boa e, a xulgar polos seus caracteres e polo que resulta do arquivo, parece que foi construída no século XIII; hai dentro do templo dúas fermosas capelas, con altares tamén fermosos nos que predominan as ordes oxival e bizantina. Unha das capelas está dedicada a Santa Paderna, nobre dama natural desta freguesía, cuxas cinzas se conservan nunha arca ou sepulcro de cantaría, do século IX ou X. Esta capela foi restaurada en 1885.
Festas anuais: a do Patrón, San Xiao, o 7 de xaneiro; a Concepción, en maio; o Santísimo, en xuño; Santa Paderna, o domingo seguinte ao 19 de outubro; as Neves, o domingo seguinte ao 5 de agosto.
Nos Horros está a capela das Neves, sinxela e reducida, sen que ofreza especialidade ningunha. D. Eliseo de Silva, en Ribadulla, nun terreo seu unido á casa, ten outra capela, dedicada á Virxe de Granada. Na tenza da Veiga hai outra capela en ruinas que foi advocación de Santiago.
Outras particularidades: a tenza da Veiga data de moi antigo, posto que a habitaba, xa en 1546, representando ao Cabido, o cóengo D. Gerónimo de Córdoba. Este, coa mesma representación e no devandito ano, deu en foro o lugar do Bruñido. Despois, esta tenza foi vendida polo Estado en virtude das leis desamortizadoras e adquiriuna D. Francisco Javier Barros, da Estrada; actualmente pertence a D. José Colmeiro.
Dábase o nome de tenzas a certas porcións de terra e lugares que se sacaban a poxa entre os cóengos e beneficiados da Igrexa e adxudicábanse ao mellor ofertante con certos dereitos e atribucións no eclesiástico e civil, podendo os tenceiros presentar curas para as parroquias, poñer xuíces e escribáns e cobrar certos tributos e servizos.
O casal da Vila dos Horros foi traspasado o 16 de abril de 1450 ao Cabido de Santiago por Juan Alonso de Moimenta, «con todos as súas herdades, coutos, leiras, viñas, casas, prados, devesas, labradíos e montesíos.»
Antes da data citada xa existía o lugar de Moimenta, posto que unha herdade situada neste lugar foi doada o 8 de maio de 1187 por Pedro Muñiz Tacón e a súa esposa María Peláez á Igrexa de Santiago.
No lugar da Carballeira existe o «monte do Calvario», cuxa denominación data do ano 1760, en que se celebrou alí unha misión dirixida polo Padre Frai Francisco Antonio Colmeiro, quen deixou como recordo catorce cruces de madeira duns tres metros de alto cada unha, colocadas polo monte a conveniente distancia unhas de outras, de tal xeito que eran utilizadas para o Viacrucis que practicaron os fieis ata o ano 1830, en que as cruces comezaron a desaparecer debido aos temporais.
Na casa de D. Eliseo de Silva hai dúas camas que datan do século XVII; e un oratorio portátil do ano 1600 que, pola súa notabilidade, figurou na exposición de Santiago. Tamén posúe o devandito señor un magnifico relicario de prata do ano 1700 e ornamentos sacerdotais aínda en bo uso de finais do século XVII; do mesmo século ten un reloxo moi curioso e ben conservado.
No terreo dos Horros arraiga unha sobreira secular, tan corpulenta que nunha abertura que ten no tronco debida á vellez, métese unha rosquillera os días de festa para vender dende o interior as súas rosquillas. Esa árbore foi incluída na relación enviada ao goberno para o cumprimento do Real Decreto sobre Parques Nacionais.
Na parroquia que estamos tratando ten o seu asento o Couto dos Castros, fortaleza antiga onde houbo unha casa famosa coñecida por Vila de Moimenta. José Couto Remesar fixo escavacións no Couto e atopou feluxe, muíños de man, cimentación de muros, cazolas de cerámica antiga e unhas pulseiras de ouro. Frai Juan R. Legísima na súa notábel obra, «Héroes y mártires gallegos», na páxina 47, cita o cura de Arnois defendendo valentemente, á fronte dos seus fregueses, a independencia nacional ameazada por Napoleón. Este mesmo sacerdote asistiu á gloriosa acción de Ponte San Paio, á reconquista de Vigo e á de Compostela, cunha partida que levaba o nome de «Cruzada».
En Balboa, nas inmediacións do cruzamento das estradas de Santiago a Ourense e de Callobre a Ponte Ledesma, existe unha fábrica de serrar madeira, propiedade de Eugenio Brey; e moi preto hai un establecemento comercial e cartería.
Santa Paderna de Arnois foi nai de don Sisnando, bispo de Iria, e co seu esposo, o conde D. Hermenegildo, fundou no ano 952 o mosteiro de Santa María de Sobrado.
A este respecto di o Sr. López Ferreiro na súa Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago: «É posible que dona Paterna se retirase, para mellor recollemento, a algunha das solitarias igrexas ou conventos que posuía nas súas terras, por exemplo na Ulla, e non é de todo inverosímil que sexa a Santa Paterna de Arnois».
BALOIRA
Parroquia de 31 cabezas de familia e 173 habitantes, que dista da Estrada uns 7 quilómetros.
Baloira, en lingua rexional, significa “vara longa”, que se utiliza para sacudir as castañas; e é posible que antes se denominase Baloiras a parroquia que nos ocupa, por tratarse dunha localidade abundante en arboredo e ramaxes que adquiren considerable lonxitude.
Lugares: Baloira, Montoiro, O Cerdeiral, Cruces e O Agriño(24).
Montoiro equivale a “montículo”, “lugar nunha pequena altura próxima ao monte”. Cerdeiral debe o seu nome á abundancia de cerdeiras que alí había cando se fundou o casarío, e que aínda hai na actualidade. Cruces débeo a uns camiños de importancia que de antigo se cruzan alí. Agriño é un diminutivo de agro.
Lindeiros: norte, Santa Cristina de Vea; sur e oeste, San Xiao; leste, Toedo e Matalobos.
Vías de comunicación: a estrada de Vilapouca a Ponte Vea pasando pola Estrada, camiños veciñais antigos e mais a ponte chamada “de Baloira”.
Baña o territorio parroquial o regueiro que denominan “de Lavandeira”. .
Os veciños desta freguesía non teñen escola propia; pertencen ao distrito escolar de San Xiao. Hai na localidade unha asociación de agricultores.
No eclesiástico: Baloira estivo unida a Matalobos ata o ano 1867, en que quedou reducida a unha simple capela, e en 1875 restituíuselle o Santísimo Sacramento e demais atribucións que hoxe goza como anexo de San Xiao. Ten unha igrexa antiga e regular. Non hai moitos anos que desapareceu unha argola de ferro da porta deste templo. En tempos pasados, se algún delincuente alcanzaba a devandita argola, quedaba eximido da pena.
Festas anuais: a do Patrón, o Divino Salvador, que se celebra o 6 de agosto; o día seguinte, a do Santísimo e a de Santa Lucía o primeiro domingo de maio.
En termos desta parroquia, lindando coa estrada, hai dous establecementos comerciais.
Reciben o correo por Souto de Vea.
BARBUDE
Lindando con Paradela, sobre o río Liñares, está a parroquia de Barbude, que ten 50 cabezas de familia e 219 habitantes. Dista da capital do distrito uns 5 quilómetros.
Houbo un tempo, segundo documentos oficiais antigos, en que a parroquia que nos ocupa se chamaba Barbudo; despois por corrupción pasou a chamarse Barbude e hoxe por supresión escríbese Barbud. O nome primitivo adquiriuno dos Castros do Barbudo, que hai alí e que son famosos. Segundo a crenza que aquelas xentes van trasmitindo de xeración en xeración, dominaba en tales castros un home corpulento con longas barbas. Aínda hoxe, a pesar do transcurso dos anos e da extracción de moita pedra do cinto de defensa, presenta bo aspecto a fortaleza. A parte superior consiste nunha área circular, que chaman «Eira dos Mouros». No monte de San Martiño, onde o castro está situado, había catro penedos coa superficie labrada rudamente e escavados pola base, de xeito que amosaban uns ocos aos que se lles viña chamando «Fornos dos Mouros».
Barbude consta dos lugares de Trasmonte, San Martiño, As Carballas de Arriba e As Carballas de Abaixo.
A parroquia linda, polo norte, con Paradela e Ribeira; sur, Aguións; leste, Moreira; oeste, Santeles.
Vías de comunicación: a estrada do Estado da Estrada a Ponte Ulla e camiños veciñais antigos. Entre Aguións, Santeles e Barbude corre o río Liñares; a presa de Pina tamén discorre, en parte, por termos desta parroquia.
Os veciños de Barbude están inscritos na Sociedade de Agricultores de Paradela e pertencen ao mesmo distrito escolar.
No eclesiástico: Barbude é anexo ou filial de Paradela; ten por patrón a San Martiño, e existe alí unha capela, advocación do mesmo Santo, que, ao parecer, foi construída no século XII. O seu estilo é románico-bizantino.
Festas anuais: a do San Martiño e mais outra, a do San Lázaro, inaugurada recentemente.
Asegúrase que esa parroquia foi dominio dos frades de San Martiño de Santiago, e que a cambiaron á Sra. Dona de Paradela, para agregala a esta freguesía.
Fillo de Barbude foi o escribán D. Porto Carbón; da súa familia quedou D. Bernardo Eyo. Tamén foron de alí D.a Carmen Varela, D.a Petra Romero e o distinguido avogado que desempeñou os cargos de alcalde e xuíz municipal da Estrada, don Joaquín Porto; fillo deste é o mestre de primeiro ensino D. José Porto Romero.
Reciben o correo por Ribeira.
BARCALA SAN MIGUEL
Parroquia de 85 cabezas de familia e 378 habitantes, situada na aba do monte coñecido por Costa de Cabalos, a 15 quilómetros da Estrada aproximadamente.
En canto ao significado ou etimoloxía do nome desta parroquia, atémonos ao dito ao describir a de Santa Mariña, a súa filial.
Lugares: Retorta, Souto; Casa do Frade, Bumio, Paraño e Cimadevila(25).
Lindeiros: norte, río Ulla e Couso; sur, Santa Mariña; leste, San Xurxo; oeste, Herbón.
Vías de comunicación: camiños antigos e as pontes de Souto, Quintas e Paraño.
Baña esta parroquia o mesmo regato que cruza o territorio da súa compañeira, Santa Mariña.
No eclesiástico: ten por filial a Santa Mariña, por patrón a San Miguel; o curato é de entrada e presentan varios leigos.
A igrexa resulta regular. Hai por separado dúas capelas: unha ao Carme en Paraño; e outra á Mercede en Bandín, lugar da provincia da Coruña para efectos civís, e de San Miguel no eclesiástico.
Festas anuais: a do Patrón, o 8 de maio e 29 de setembro; a Mercede o 24 de setembro; a do Carme, variábel.
En sesión do Concello de data de 22 de xullo de 1847 faise mención dos males que os animais salvaxes causan nos montes de Barcala.
Hai na localidade unha cartería de recente creación.
BARCALA SANTA MARIÑA
Alá preto de Cesures e Padrón, a uns 16 quilómetros da Estrada, na aba do monte Teáns, está a parroquia de Santa Mariña de Barcala, que consta de 51 cabezas de familia e 236 habitantes.
Segundo o célebre historiador galego Verea e Aguiar, a denominación Barcala foi tomada do cartaxinés Amilcar Barca ou da familia Barcina. Outros historiadores aseguran que é palabra celta, con raíz bar, que significa “cume”, “cumio”. Por outra banda, se Barcala se escribiu nalgún tempo con “v”, como vimos en documentos antigos, atopámonos coa raíz var do grego, que pode significar “auga”, circunstancia moi de ter en conta porque por alí corre o caudaloso Ulla. Por último, cabe supoñer que Barcala veña das barcas ou barcazas, empregadas para cruzar este río.
Lugares: Igrexa e Trasande.
Lindeiros: norte, San Miguel de Barcala e San Xurxo de Vea; sur Frades e o Concello de Valga; leste, San Xurxo; oeste, Herbón e Requeixo.
Vías de comunicación: a estrada de Boimorto a Carril e mais camiños antigos: Hai unha ponte na devandita estrada.
Baña esta parroquia un regato que nace en Requián e desemboca no Ulla.
O ensino primario consiste nunha Escola Nacional servida por mestre, que xa funcionaba en 1856, a cargo do habilitado D. Francisco Antonio Iglesias.
No eclesiástico: Barcala ten por patroa a Santa Mariña; é filial de San Miguel e presentan para o curato varios leigos. A igrexa é reducida e moi antiga.
No punto coñecido por Caeiro, existe unha capela dedicada a San Xoán.
Festas anuais: a de Santa Mariña, o 13 de xullo; a de San Xoán, o 24 de xuño.
En sesión do Concello de data do 22 de xullo de 1847 alúdese aos danos que os animais salvaxes ocasionaban nos montes de Barcala.
Entre esta parroquia, Frades e Valga hai o «Campo da Armada», onde, segundo tradición, se librou unha grande batalla cando a guerra da Independencia. Despois dese campo hai o de Mouro Morto, próximo ao monte de Caldeirón.
Reciben o correo por San Miguel.
BERRES
É esta parroquia unha das máis importantes do noso concello. Consta de 177 cabezas de familia e 864 habitantes; está situada na zona da Ulla e dista da Estrada uns 9 quilómetros.
O nome de Berres (ou Berros) vén, segundo varias opinións, de berrar; e iso ten a súa explicación: polos límites da parroquia corre o río Ulla, non hai por alí ponte ningunha, e os dunha e outra banda comunícanse a berros, pois só así se pode facer ordinariamente. Tamén podía significar, pola súa raíz vasca “cousa nova”, pero non atopamos isto tan aplicábel ao caso como o anterior.
Para ter idea da antigüidade desta parroquia abonda asegurar, como podemos facer, que dependeu do mosteiro de San Xoán da Cova, desaparecido no ano 1571. O arquivo parroquial só chega ao 3 de xaneiro de 1669, data do bautismo de Alberto Ferradáns.
Lugares: Rocaforte, Berres, Celeiróns, A Igrexa, Mato, A Mouteira, Pazos, O Pereiro, Porto, Rabuñado, A Ribeira, Servide, Ulla, Vilancosta, Vilasusán e Vista Alegre(26).
Entrando en consideracións en canto á etimoloxía ou significado das denominacións que leva cada un destes casaríos, atopámonos con que o de Rocaforte está situado sobre unhas rochas moi duras e resistentes; respecto ao de Berres, xa queda dito o que podemos dicir; Celeiróns é aumentativo galego de celeiros, covas ou adegas que abundan moito na localidade; con respecto ao da Igrexa, sobran comentarios; Mato vén de matogueira, terreo cuberto de matas, arbustos, etc. Mouteira é en galego o mesmo que marco e vén de mouta; Pazos, pazos ou casas nativas; O Pereiro vén de pereira, árbore froiteira abundantísima na Ulla (neste caso débese o nome ao fundador ou primeiro aforante que tamén se chamaba Pereiro); Rabuñado, “rabuñado co arado”; Ribeira, “beira do río”; Porto e Servide levan por nomes os apelidos dos seus fundadores; do río próximo recibe a súa denominación o lugar de Ulla; Vilancosta, “vila en costa”; Vilasusán, antes Vilafusán, onde se facían antigamente fusos de fiar, aínda hoxe se fan por alí. Por outra parte temos un documento antiquísimo en que se le, Vilasubsán, coincidindo esta denominación coa situación en punto baixo, do casarío.
Lindeiros: norte, o río Ulla e o Riobó; sur, Moreira e Ancorados San Pedro; leste Riobó e Ancorados San Tomé; oeste, Ribeira, cun regatiño no medio.
Vías de comunicación: a estrada de Callobre a Ponte Ledesma, camiños veciñais antigos e as pontes de Xestoso sobre o Riobó, entre esta parroquia e Arnois. Tamén hai un pontillón no camiño real entre Vilancosta e Ribeira.
Bañan o territorio de Berres: o río Grande ou Ulla; o de Riobó; o regato que serve en parte de división con Ribeira e que se une con outro que baixa do lugar de Marque (nesta última parroquia), tomando despois o nome de río de San Vicenzo. Para atravesar o río hai algunhas barcas particulares de servizo deficiente, unha delas autorizada para o lugar da Ribeira en sesión do Concello en data de 27 de xullo de 1839.
O ensino primario consiste nunha Escola Nacional servida por mestre. En sesión do Concello de data de 31 de outubro de 1856, alúdese á escola de Berres e ao mestre D. José María Carbón. Antes dera clases alí D. Ramón Payo, de Orazo. Foi aprobado o expediente polo Ministerio para a creación dunha escola de nenas na localidade. Hai unha sociedade de agricultores con seguro de gando.
No eclesiástico: Berres ten por patrón a San Vicenzo; o curato é de entrada e pertence á Coroa para efectos do nomeamento de cura; antes fora do padroado do priorado de Santa María a Real de Sar. Ten, ademais do párroco, un coadxutor. A igrexa é boa e relativamente moderna; veu substituír outra que se arruinou por ser moi vella; desta procede a base dunha columna de orde xónica colocada sobre unha das paredes do lavadoiro que hai na horta da reitoral e na que se le: «Ano de 1133». Nunha casa do lugar do Pereiro hai unha pedra de bo tamaño cunha inscrición xeroglífica que non puidemos descifrar; din que procede do templo antigo. Na fachada do actual hai un letreiro que di: «San Vicente de Berres. Año 1741».
Ao lado da estrada, nun punto pintoresco, destaca a elegante capela do Amparo, construída hai poucos anos no sitio doutra máis reducida e que se foi arruinando debido á acción do tempo.
Festas anuais: San Vicenzo, o 22 de xaneiro; o Amparo, no último domingo de xullo e o 30 de outubro; Corpus, o domingo seguinte; San Silvestre, o 31 de decembro; Santo Antonio, o día seguinte de San Vicenzo; a continuación, o Rosario; San Xosé, o Domingo de Pascua.
Ten graza o que din aqueles paisanos en ton cómico, e que imos consignar: «Cortándolle o rabo ao gando o día da festa de San Silvestre non mosca en todo o ano».
Outras curiosidades: en termos do lugar de Porto, á beira da estrada, hai unha fábrica de serrar madeira, movida a vapor, que pertence á sociedade «Porto Neira e Compañía». Sufriu incendios que a reduciron a cinzas en dúas ocasións, pero foi restaurada.
Teñen os desta parroquia unha industria moi curiosa e estendida pola localidade, que é a de tornear. Os torneiros de Berres son sonados en moitas leguas á redonda; eles fan cos seus aparellos especiais o torneado en madeiras para camas e outros mobles, fabrican billas para os barrís en grande cantidade; moldean e preparan o punteiro, o rouco, a palleta, e demais elementos da típica gaita galega; fan fusos de fiar, etc. Distínguense nesas operacións Antonio García Barros, José Bernárdez, Ramón Fernández, Ruibal, Ferradáns, Francisco Louzao (ten un salto de auga que utiliza para mover o aparato) e outros.
O Sr. Murguía na súa Historia de Galicia di que en Berres viu o mineral chamado "asbesto", como continuación do que tamén se observa en Campo Marcio (Campo de Marte, campamento romano), localidade rica en curiosidades mineralóxicas pola súa estraña formación. Ese campo xa sabemos que está inmediato á Bandeira.
No lugar de Vilancosta está a casa señorial de D. Laurentino Espinosa, que foi alcalde da Estrada e é hoxe xuíz municipal de Moaña. Procedía esa mansión do Excmo. Sr. D. José Valladares, tenente xeneral do exército, e herdouna D. Marcial Valladares, ilustre galeguista, distinguido poeta e académico da lingua, que publicou varias obras, entre elas, o ano 1884, o importante Diccionario Gallego. A distinguida poetisa dona Avelina Valladares escribiu na casa de Vilancosta os seus notábeis traballos literarios e os seus versos amenos, inspirada cos asuntos da paisaxe ullá.
Os de Berres celebraron, haberá uns seis ou sete anos, unha Festa da Árbore moi importante, na que tomou parte activa o noso amigo D. Claudio Baloira.
Na Mouteira, á beira da estrada, hai tres establecementos comerciais e cartería.
CALLOBRE
Á dereita do río Liñares, nunha bonita paraxe, está a parroquia de Callobre, que consta de 135 cabezas de familia e 615 habitantes. Dista da Estrada uns seis quilómetros.
A antigüidade da freguesía non podemos determinala, pois os datos do arquivo parroquial, principal fonte de que dispoñemos, só se retrotraen ao ano 1686, É o chamado «Libro de bautizados, casados e defuntos», aberto polo párroco D. Antonio Blanco Portomarín coa partida de bautismo dun fillo de Domingo do Couto e Elena Montoiro. Outro dato dinos que esta parroquia xa existía en 1679, ano en que o escribán Núñez Monteagudo no lugar da Ponte de Santa Mariña de Ribeira, deu fe dunha escritura por medio da cal Anselmo da Hermida e Alberta Amiga, a súa muller, de San Miguel de Moreira, venden a herdade do Nabal, extramuros do lugar de Pousada, freguesía de San Martiño de Callobre, a Gregorio Touriño, da mesma freguesía. Con outros documentos deste último ano citado, demóstrase non só a existencia de Callobre con anterioridade á data do libro parroquial máis antigo, senón tamén que xa se chamaban como hoxe se chaman algúns lugares daquela localidade; que había entón escribán alí e se pagaban foros.
Consta a parroquia que nos ocupa dos lugares de: Os Loureiros, Figueira, Pousada, Friamonde, Coruxa, Nogueira, O Vilar, Casiña, A Aldea Grande, O Outeiro, A Riba, Cimadevila e Vilafruxil(27).
A orixe, significado ou etimoloxía da palabra Callobre, segundo opinións autorizadas é «vila». O Sr. Murguía dinos que «a terminación -obre é do celta e consérvase pura en bastantes nomes de Galiza, como Callobre». Non falta quen sostén que Callobre significa “rúa”, e pode suceder que sexa así.
A denominación dos lugares de Nogueira, Figueira e Loureiros ten orixe arbórea; os do Vilar, Cimadevila e Vilafruxil poden chamarse, con algo de liberdade, “viláns” e ademais, en canto ao último, cabe supoñer que nalgún tempo se tería chamado Vilafrugal, de vila e froita. O da Riba debe o seu nome a estar en situación alta; o da Aldea Grande á súa magnitude; o de Coruxa, á ave deste nome; o de Pousada, a que alí adoitaban parar os camiñantes antes de existir a estrada; Friamonde significa “punto frío”, ou talvez “frío do mundo"; Outeiro, altura.
Lindeiros: norte, Ancorados San Pedro; sur, Cereixo e Rubín; leste, Rubín; oeste, Lagartóns e Moreira. Hai en partes río interposto.
Cruza esta parroquia a estrada do Estado de Chapa a Carril, dándolle a importancia que é de supoñer; as demais comunicacións consisten en camiños ordinarios do país, con algunhas pontes e pontóns, como son os de Liñares e Viso, entre Lagartóns e Callobre; e o de Friamonde. A ponte do Viso comezou a construirse en 1861.
O río Liñares separa esta parroquia, en parte, das de Lagartóns e Cereixo; deste río derívase a importante presa de Valiñas, cuxas augas fertilizan moitos terreos. Tamén se deriva a auga que serve de forza motora á fábrica de serrar e cepillar madeiras que, inmediata á ponte Liñares, ten D. José Porto Louzao. Polo territorio de Callobre corre o regato da Fervenza, do que D. Manuel Torres Agrelo aproveita un salto para a súa fábrica de serrar e tornear. Este regato ten a súa orixe na parroquia de Curantes e desemboca no río Liñares por termos do Mollarrabo. Nun punto inmediato ao castro de Callobre hai un salto natural ou fervenza moi curiosa formada polo mesmo regato.
Non está descoidada a parroquia que describimos en canto a instrución primaria, pois hai escolas nacionais de nenos e nenas. Tamén cartería, estanco de tabacos e algúns establecementos comerciais.
En termos de Callobre, nas inmediacións da ponte do Viso, encóntrase o nacemento das augas medicinais de que se trata noutro lugar desta obra.
Edificios importantes e casas señoriais: a igrexa, de moderna construción, (mediados do pasado século), limpa e alegre, situada en punto pintoresco e terminada por unha espadana con dúas campás. O adro é espazoso e no seu recinto está o cemiterio construído recentemente a expensas dos emigrados callobreses de Cuba e Arxentina e dos veciños da parroquia; destaca alí o panteón (que, aínda que non é artístico, si é vistoso), propiedade da herdeira de D. Manuel Martínez. A cruz parroquial é de prata e ouro, moi artística, dominando nela o estilo gótico. Na faixa do friso lese: «Esta cruz se hizo siendo Rector de S. Mn. de Callobre D. Ignacio Manuel de Gayoso -1726». A casa reitoral é de construción sólida e ten amplos salóns con fiestras desde as que se contempla un panorama espléndido formado polas ribeiras do Liñares e limitado en parte polo Arnado e os montes de Arca e Xesteiras.
Fronte á estrada e preto da igrexa está instalada a casa escola, edificio feito hai poucos anos con fondos do vecindario mediante a iniciativa e dirección da Sociedade de agricultores que alí funciona e ten establecido o seguro «de gando».
Merece mención a casa dos Cervelas, chamada también de Baliñas, unha das de más antigo avoengo da comarca: a súa orixe pérdese nos tempos da Reconquista, pois os seus primitivos fundadores distinguíronse loitando contra o poder mahometano que despois do Guadalete invadira a Península Ibérica. Algúns historiadores aseguran que a Casa de Cervela é filiación da grande, antiga e ilustre Casa de Cervera, que en Aragón e Cataluña foi sempre condecorada cos cargos e dignidades principais daqueles reinos; outros queren derivala da de Cervia, unha das nove primitivas nobres de Cataluña; outros, da de Cervadelos, en Portugal. Sexa como for, hai que convir en que a Casa de Cervela é das más antigas e ilustres de por aquí, a pesar do tempo e do desleixo dos seus posuídores, que ocultaron a súa orixe e méritos. O brasón desta casa consiste nun escudo de armas en campo de ouro; unha árbore verde e, ao pé do seu tronco, unha cerva dando de mamar á cría; morrión ou celada con plumas, de perfil, mirando á dereita. Correspondeu a D. Juan Cervela, nado na freguesía de San Miguel de Albarellos, en Pazos de Arenteiro, a mediados do século XVI. Un dos seus sucesores, D. José Vázquez Cervela, foise para Madrid en 1786, entrou na Casa Real para a furrilería e chegou a desempeñar o cargo de Aposentador Maior da S. M. Fernando VII, quen o condecorou coas cruces de “Honor y Fidelidad” e a de Madrid. Obtivo tamén a distinción «Flor de Lis de Francia» e o título de “Caballero Noble Hijo Dalgo”, segundo resulta da executoria da Real Cancillería de Valladolid, conseguida en xuízo contraditorio coa Xustiza, Concello da Corte e Fiscal Real, o 27 de decembro de 1826. Actualmente a casa de Cervela está representada pola Sra. D.ª Visitación Lira, viúva do que foi notábel avogado, D. Julián Cervela. O edificio, de pouca aparencia polo exterior, está situado nun lugar delicioso, en termos de Vilar, nas inmediacións do río Liñares, xunto á ponte que comunica esta parroquia coa de Lagartóns. Hai, unida á Casa, unha capela advocación de San Bieito, hoxe pechada ao culto. Ao carón, loce unha sobreira corpulenta e milenaria, que causa admiración. D. Ramón Cervela cantouna en fermosísimas estrofas no ano 1851, con dedicatoria para a poetisa ullá D.ª Avelina Valladares.
Da composición poética entresacamos:
“Yo te envío mi saludo
arpa de las tempestades
que exhalas mis ansiedades
en tu ronco diapasón.
Gigante de los mil brazos
recuerdo de los titanes
que cantas los huracanes
con solemne entonación.
Salve, ¡oh, árbol!, que tus años
tal vez por tus hojas cuentas
[…]”
Dise que o delincuente que se acollía á casa señorial de Valiñas quedaba exento de pena.
No eclesiástico: Callobre ten por patrón a San Martiño; o curato é de entrada, presentación de D. Melchor de Sangro, e foi mixto do extinguido mosteiro cirterciense de Monfero e do Condado de Alminia. O persoal consiste nun párroco. Celébranse anualmente estas festas: a de San Martiño, o 11 de novembro; a de Santa Margarida, o 20 de xullo; e algunha outra menos importante.
Outras particularidades: o Concello da Estrada, en sesión de 6 de febreiro de 1840, acordou, por falta de local apropiado na vila, utilizar a casa do cárcere que tiña en Callobre a antiga xurisdición de Tabeirós.
Á beira da Aldea Grande érguese un castro antigo cunha planicie na parte superior. Outro castro algo menor existe en Friamonde.
Desta parroquia procedía a familia dos Paseiro, que ocuparon os cargos públicos do distrito na primeira metade do pasado século; un dos seus descendentes, D. Domingo Paseiro, aínda existe; outro, chamado D. Julián, foi médico notábel e director do lazareto de San Simón.
As hordas napoleónicas invadiron a parroquia de Callobre e, como o veciño Francisco Diéguez observou que roubaban canto podían, meteu nun saco o diñeiro e mais outros efectos que tiña, cargou con el ao lombo, colleu un pau na man e fixo correr os franceses ata a Rocha…, aínda que eles ían detrás!
O dito corrente de que: «xente de Callobre nin rica nin pobre», dá idea do estado económico do vecindario desta parroquia en relación co das do resto do Concello.
NOTA: con gusto facemos constar que nos auxiliou eficazmente na reunión dos datos anteriores D. Manuel García Barros, distinguido mestre de Instrución primaria. Súa é también esta:
OUTRA NOTA: nunha ocasión traballaba un home a xornal con outros varios e, á hora da comida, ao darlle o caldo, dixéronlle: “pan telo” (que xa tiña pan). E desde aquel momento ao aludido chamóuselle Pantelo; a este vocábulo o uso engadiu un n, transformándoo en Pantenlo; e absorbeu de tal xeito o apelido que hoxe ninguén coñece a familia nas súas varias ramificacións máis que por ese nome, que consideran xa como propio.
Hai na localidade establecementos comerciais e unha cartería a cargo de D. Salvador Souto.
CASTRO
Alá no confín nordés do concello, a uns 15 quilómetros da Estrada, está a parroquia de Castro, que se compón de 116 cabezas de familia e 573 habitantes.
Deu orixe ao seu nome un castro ou fortaleza inmediata ao lugar máis antigo e da mesma denominación.
A freguesía é, abofé, unha das máis antigas da comarca: a raíña Dª. Urraca no ano 1115, doou á Igrexa de Santiago a de San Miguel de Castro, «os seus servos e o seu carácter e o dereito de poñer alguacil e demás atribucións señoriais» (López Ferreiro, Historia de la iglesia compostelana, tomo III). Pero aínda hai outros datos, como veremos más adiante, que demostran o histórico da freguesía.
Lugares: Castro, San Miguel, Adoufe, Constenla, Prado, O Seixo, Bouzada, Ponte, Lagos, A Cova, A Alberguería, Nogueiriñas e A Silva(28).
En canto aos nomes que levan estes lugares, só ofrecen curiosidade os de Adoufe e A Alberguería por ser pouco comúns. Do primeiro ben pouco puidemos saber, únicamente a versión estendida e sen fundamento serio, de que alí houbo un escribán, que “deu fe”. Do segundo, pódese afirmar que alí se albergaban moitos peregrinos que ían a Santiago, e de aí, Alberguería.
Lindeiros da parroquia: norte, rio Ulla; sur Oca e Loimil; leste, Cira e oeste, Arnois e Ponte Ulla.
Vías de comunicación: a estrada provincial de Callobre a Ponte Ledesma e mais camiños rurais. Para pasar o río hai as barcas de Noente en Adoufe, de servizo público; e as particulares de Cacho, de Carrocha, de Santa Mariña, de Conde, dos Camiños e a de Sesto.
Os de Castro son ribeiráns do Ulla; bañan a parroquia os regatos de San Miguel (en Adoufe), o das Regas que vai á tenza da Veiga; o de Fontao, que nace en Castro e vai a San Miguel; o de Serra entre Castro e Cira.
O 14 de xuño de 1856 foi creada a escola de San Miguel de Castro, hoxe escola nacional atendida por mestre. Grande parte daqueles veciños pertencen a unha Sociedade de agricultores creada no localidade.
O 8 de maio de 1876 suprimiuse a escola de Castro e agregouse á de Arnois, no lugar de Cercido.
No eclesiástico: Castro ten por anexo a Cira; o curato é de entrada e pertence á coroa. Ten a freguesía por Patrón a San Miguel. Antes presentaba o mosteiro de San Paio de Santiago. A igrexa é unha das más antigas da diócese. O Sr. López Ferreiro, autoridade nestas materias, calcula que datará dos séculos VII ou VIII, e conserva a arquitectura primitiva. Á entrada do presbiterio hai un arco de ferradura apoiado sobre dúas columnas con fermosos capiteis de puro estilo románico; en 1783, o célebre escultor José Ferreiro fixo por encargo do conde de Altamira o retablo maior desta igrexa, pola cantidade de 4650 reais, atendendo ao deseño que deu Fr. Plácido Caamiña, mestre de obras do mosteiro de San Martiño de Santiago; ese deseño foi revisado en Madrid por D. Ventura Rodríguez, director de arquitectura na Real Academia de San Fernando. Ten o retablo un admirábel relevo que representa a loita de San Miguel. O estado de conservación da igrexa é moi malo. O señor López Ferreiro na Historia de la Iglesia Compostelana, tomo 7.°, título 2.°, páxina 390, consigna: «moi interesantes eran, indubidabelmente, polo menos desde o punto de vista iconográfico, os frescos con que pouco despois de 1520 foi decorada a vetustísima igrexa rural de San Miguel de Castro. Os muros desta pequeña igrexa, de estrutura completamente bizantina, tal como se usaba nos séculos VI e VII, achábanse na súa totalidade cubertos de pinturas recentemente descubertas polo seu celoso párroco Sr. Coto Ortigueira. Nestes inestimábeis cadros víase vivamente representada a vida, paixón e morte do Noso Señor Xesucristo. Era a Biblia posta á vista e alcance dos rudos montañeses daquela comarca».
Lemos tamén «o cura, Sr. Coto Ortigueira, descubriu máis tarde na zona superior varias pasaxes da vida de Santa Catalina, a súa disputa cos doutores, o seu martirio e a condución do seu corpo ao monte Sinaí; sobre o paso que dá ao presbiterio, o Xuízo Final.»
Tamén nos di o Sr. López Ferreiro: «desde fins do século XV a maior parte das igrexas viron cubertas as súas paredes de pinturas que representaban os martirios da relixión cristiá. Diso ofrece un curioso exemplar a igrexa de San Miguel de Castro.»
No punto coñecido polo Seixo, existe a capela de Nosa Señora da Angustia, fundada polos fregueses cos restos doutra capela que houbo na Alberguería, dedicada a Santiago, e que servía de albergue aos peregrinos.
Festas anuais: San Miguel o 26 de setembro; ao domingo seguinte ao 14 de xuño, o Carme; o Socorro, o 30 de setembro; San Antonio, o primeiro domingo despois do 13 de xuño; San Roque, o domingo seguinte ao patrón; na capela, o primeiro domingo después do 23 de abril; San Alberte, en agosto.
Unha das ladeiras do estreito de San Xoán da Cova está nesta parroquia; no castro ou campamento antigo que lle dá nome, dise que estivo a capela de Gundián. E a propósito desta capela debemos sinalar o estraño que resulta a súa pertenza a Santa María Madalena de Ponte Ulla, concello de Vedra, partido de Santiago, provincia da Coruña; a pesar de atoparse máis para acá do río e de ser este a natural divisoria entre aquela provincia e a nosa.
Entre Castro e Cira hai un punto coñecido por Atán, e conta o vulgo que debe o nome a que alí «ataban os mouros que habitaban o castro aos cristiáns que collían»: aínda hoxe este lugar conserva mala fama e inspira temor aos campesiños cando pasan por cerca. Atán en vasco significa “porta”.
Unha familiar dos Infanzóns de Oca contraeu matrimonio cun veciño de Adoufe.
Dominaba na parroquia a tenza da Veiga cos seus foros; tamén dominaba (e aínda domina algo) o marqués de Santa Cruz.
Hai na localidade unha cartería.
CEREIXO
Parroquia de 75 cabezas de familia e 410 habitantes, que dista da Estrada uns catro quilómetros por termo medio.
Cereixo é unha árbore froiteira moi coñecida e abundante na localidade, da que derivou o nome que leva a freguesía.
Lugares: Constenla, Señoráns, Quintas, Vilapouca, San Xurxo, Pernaviva, Mollarrabo, Os Piornos, Viso de Abaixo e Viso de Arriba.
O significado, orixe ou etimoloxía das denominacións destas aldeas é a seguinte:
Constenla: costa de pouca consideración en que está establecida a aldea. Señoráns, é dicir “señoróns” ou “señoríos”, pois alí, na antigüidade houbo pazos ou casas soarengas pertencentes a persoas poderosas. Quintas: punto onde se facía o alistamento antigamente, ou ben, quinta parte dos produtos que correspondían ao señor ou aos señores de Señoráns. Vilapouca, é dicir, «pouca vila», “pequeno casarío”. Cóntase de Pernaviva, por tradición, que había ao pé de Penacoba (Lamas) unha casa illada en que vivían tres famosos ladróns, coñecidos por “os de Rei”, e que a xustiza os fixo aforcar e despezar, seguindo os costumes de tempos remotos, para exhibir os seus membros colgados nos puntos de maior tránsito, cun rótulo en que se lía o motivo da execución; aconteceu que unha das pernas daqueles malfeitores foi colgada preto da confluencia dos ríos Curantes e Pego Negro e do cruzamento dos camiños de Pardemarín e o real de Soutelo de Montes á Estrada e, como semellaba que a tal perna se movía, impulsada polo vento, non faltou quen exclamase: «Perna-viva!...», e de aí o nome do lugar. Os Piornos debe o seu nome a que era un lugar en que abundaban as xestas. Viso, do latín visum, “boa vista”; non falta tamén quen asegure que Viso vén de veihsa, palabra dos godos, que significa “aldea”, “burgo”.
Lindeiros: norte, Callobre e Lagartóns; sur, Tabeirós e Vinseiro; leste, Vinseiro e Lamas; e oeste, Guimarei.
Vías de comunicación: unha estrada municipal que, partindo da do estado de Chapa a Carril, cruza a parroquia, dirixíndose, por Vinseiro, cara aos límites do Concello de Forcarei; os indispensábeis camiños rurais; as pontes de Cereixo e Pernaviva (construída a primeira en virtude de acordo municipal de data 6 de febreiro de 1840), e os pontillóns de Mollarrabo e Valiñas.
Ríos: bañan esta parroquia o Pego Negro, que nace na Somoza, compoñente do Liñares, co que baixa de Curantes, a reunirse no punto do Sallás, no lugar de Pernaviva.
Regatos: o de Constenla, que xorde en Frende; o de Mollarrabo, que ten orixe en Ouzande e desemboca no Liñares; e o de Larín, que nace en Fonte Piñeiro de Vinseiro e desemboca no Pego Negro.
O ensino primario está a cargo dun mestre nacional, que actúa en Quintas. Esta escola xa funcionaba en 1856, ano en que era mestre D. Manuel Rodríguez, de Aguións.
Hai na localidade unha asociación de agricultores, que ten a súa sección para seguro de gandos.
No eclesiástico: Cereixo é anexo de Vinseiro e ten curato de presentación da coroa e varios leigos. A igrexa resulta boa, despois dos arranxos e modificacións que se lle practicaron; ten dúas torres iguais, nova unha e ambas as dúas moi elegantes; a súa construción data da primeira metade do século XIX. Antes había no sitio unha capela dedicada ao patrón San Xurxo.
Festas anuais: a do patrón, San Xurxo, o 23 de abril (famosa en moitas leguas á redonda, pois até da Maía concorren romeus e devotos do Santo, con agasallos e ofrendas); a do domingo seguinte, chamada da Carne (tamén moi importante e de utilidade para a Igrexa, porque son moitos os xamóns, lacóns, cacheiras e peteiros de porco que se reúnen e poxan con requisitos tradicionais de gran curiosidade e entretemento; a da Angustia, ao domingo seguinte; a do Belén, ao domingo seguinte; e a de San Antonio, o 13 de xuño.
O actual Concello correspondía a Cereixo. Estivo instalado en varios puntos da parroquia, entre eles Señoráns e Pernaviva e levou o mesmo nome de Cereixo, até 1840, en que se lle deu a denominación de Concello da Estrada.
A parroquia dá un bo continxente de emigrantes, especialmente para Cuba, e hai que dicir na súa honra que resultan activos, competentes e aproveitados, ao extremo de que viaxando pola freguesía, obsérvase ben axiña un estado de adianto, cultura e benestar nos casaríos, urbanizados e luxosos.
Desta parroquia son: D. Manuel Nogueira, o noso querido amigo, que nas súas posesións de Quintas ten un fermoso garaxe e taller para os excelentes automóbiles que posúe; os Matalobos, distinguidos e cultos; o camarada Loureiro, incansábel traballador pola redención da súa terra; o director de El Emigrado, Sr. Otero Abelleira, moi útil, moi formal, todo un galego ben preparado; e outros moitos.
En Pernaviva hai establecementos comerciais e a parroquia conta con cartería.
Deixamos para o final unha nota amarga: o 21 de marzo de 1809, as aguias do Sena estenderon as súas negras ás sobre Cereixo, cubrindo a parroquia de loito. Opuxéronse os veciños con audacia e grande patriotismo á invasión francesa, perecendo na contenda, esburatados a balazos, Jacinto de Prado, marido de María de Porto; Ricardo Louzao; Luís Trigo, marido de Dominga Matalobos; Juan Louzao, marido de Dominga Nodar; Jacinto Trigo; Mateo Constenla; Ángela Riveira; Rosa Rivadulla e Manuela Riveira.
CODESEDA
Á caída do monte Arnado está a parroquia de Codeseda, de indiscutíbel importancia; como que é un dos coutos resumidos no actual Concello da Estrada; dista desta vila uns dez quilómetros e conta coa respectábel poboación de 267 cabezas de familia e 1504 habitantes.
O significado do nome que leva é «codeseira» (lugar abundante en codesos, cítisos, plantas de raíz vivaz, moi coñecidas no país).
A freguesía é das más antigas da comarca. Xa antes de fundarse o Bispado de Santiago (más tarde Arzebispado), no século IX ou principios do X, Sisnando, bispo de Iria, menciona nunha escritura “Codesión” (Codeseda), como tributaria para o mosteiro de San Sebastián de Pico Sacro; e, ao armarse cabaleiro en Compostela o rei D. Afonso VII, no século XII, doou ao seu leal partidario, Munio Pérez Tacón, o mosteiro e igrexa de San Xurxo de Augas Santas ou Codeseda, en Tabeirolos (Tabeirós). Así resulta dun tombo rotulado: «Posesiones y anexiones, folio 109; tenencia de Codeseda» (arquivo da catedral compostelá).
En bulas do Papa Anastasio IV e de Alexandre III, datadas o 8 de abril de 1154 e o 20 de marzo de 1178, confírmanse os privilexios e posesións da Igrexa de Santiago, entre os cales estaban a igrexa e mosteiro de Codeseda. No testamento de Dona Urraca Fernández, filla do conde Don Fernando Pérez de Traba, en 1237, menciónase Codeseda. O Sr. López Ferreiro, na súa famosa obra Historia de la Iglesia Compostelana, consigna: «o 23 de abril de 1410, celebrando cabido no Tesouro da Igrexa de Santiago, baixo a presidencia do Arcebispo D. Lope, vista a pobreza do convento de monxas beneditinas de San Xurxo de Codeseda, onde naquel momento só moraban a abadesa Dona Teresa Arias e a monxa Inés Rodríguez, despois de prudente e razoada deliberación, uniu o devandito convento, cuxa provisión pertencía á Mitra, á Mesa Compostelá, para que as rendas que del procedesen, se distribuísen entre os beneficiados que asistisen a matíns, aínda que coa obriga de deixar as dúas monxas congrua suficiente para vivir no mosteiro».
O convento estaba instalado nun edificio que aínda existe e que se denomina «Casa da Tenza». Subsistiu o mosteiro até principios da décima sétima centuria.
Lugares de Codeseda: Abragán, Fragoso, Os Currelos, Xubrei, Monteagudo, Insuela, Fornos, As Quintas, Barro, Devesiña, A Sagrada, A Devesa, Fontenlo, O Codesal, Filgueiras, Marcenlos, O Outeiro, A Agrela, Bugalleira, As Bouzas, O Coto, A Portela, Vilaboa e Campos(29).
A título de curiosidade imos dedicar unhas liñas ao significado ou etimoloxía dos nomes dalgúns deses casaríos, sen esquecer que moitas veces débenos a casos estraños e fortuítos. Por exemplo, Abragán, que parece que equivale a “grande abertura entre montañas”, ben pode ter por orixe da súa denominación outras causas. En canto a Fragoso, xa pode dicirse, con algo máis de seguridade, que se chama así por estar situado en terreo desigual, cheo de malezas e matogueiras. Respecto dos Currelos, pódese supoñer, debido á súa raíz vasca e a xulgar por varias opinións, que significa “ouro” ou “terreo produtor de ouro”; pero parécenos más atinado pensar que o nome é derivado de “curro”, superficie non cultivada, pechada sobre si mesma, en círculo. Xubrei, “enxurrada, arroiada, auga barrenta ou suxa, xurro, zurro”. Insuela, “ínsua pequena, illa”. Fornos, cun significado evidente. Quintas, punto onde se facía o alistamento antigamente ou quinta parte dos produtos, que correspondía ao señor; xa en tempos de Xelmírez pagáronlle a quinta parte da presa collida coas galeras construídas ás súas expensas, en Iria (Padrón). Barro, en terreo barrento. Devesiña, diminutivo de devesa. O lugar da Sagrada debe o seu nome ás beneditinas que pertenceron ao mosteiro.
Fontenlo, denominación alusiva a fonte pequena. O Codesal, “codeseira, terreo onde abunda o codeso”; o nome desta aldea reforza o significado que aplicamos a Codeseda. Filgueira, “lugar ou sitio abundante en fentos ou fieitos”. De Marcenlos nada podemos dicir con seguridade: virá de Marco Marcelo, grande capitán romano que por aquí andou?; así o di Frei Felipe da Gándara, da orde de Santo Agostiño, no seu nobiliario «Armas y triunfos de Galicia», nunha escritura do ano 1587 outorgada perante o escribán Xoán de Morgade. Chámaselle “Marcelos” e o mesmo noutra de 29 de xuño de 1637 ante Agustín de Castro. O Outeiro, situado nunha altura. A Grela, sería Grelo nalgún tempo?; neste caso significaría “gromo do nabo". Bugalleira, “terra de bugalla”, herba do pobre que florece en maio. As Bouzas, “terreo de moita maleza ou matogueira”. A Portela, de porta, “pasadizo dunha a outra parroquia, xurisdición ou concello”. Con Vilaboa e Campos non cansaremos a atención dos lectores.
Lindeiros: norte, Ribela e Parada; sur, Quireza e Sabucedo; leste, Ribela e Quintillán; e oeste, Arca e Souto.
Vías de comunicación: as estradas de Vilapouca a Ponte Vea, pasando pola Estrada; e a de Codeseda ao Campo; as pontes: da Pedra, a de Barro e os pontillóns da Devesiña, do Codesal e Regueiriño, Abragán, Fragoso, Campos e As Quintas. Hai ademais os indispensábeis camiños rurais.
Bañan esta parroquia o río Umia e o regato de Campos, que nace nas Quintas e en Insuela.
O ensino consiste nunha escola nacional de nenos e outra de nenas. Xa en 1856 había escola en Codeseda, a cargo de D. José Castro Cortés.
Os labradores da localidade teñen unha Sociedade e un Sindicato agrarios.
No eclesiástico: Codeseda ten por patrón a San Xurxo; o curato é de entrada, presentación do Cabido; está servido por un cura e un coadxutor. A igrexa é boa, con dúas torres moi elegantes. Na Agrela existe unha capela, advocación a Nosa Señora de Guadalupe; hai en Monteagudo outra Capela a San Brais e en Quintas a de San Roque.
O cóengo Sr. Del Hoyo, Visitador da Arquidiócese polo arcebispo D. Maximiliano de Austria, nas súas «Memorias del Arzobispado de Santiago», manuscrito do Arquivo da Mitra Compostelá, no folio 458, fixo a copia dunha interesante inscrición relativa á fundación da Igrexa de Codeseda «cuxas letras están escritas en dúas pedras xunto á porta colateral da Epístola». A devandita igrexa é románica e ten unha magnífica ábsida, do mellor de Galiza no seu estilo, segundo opinan os intelixentes.
Festas anuais: San Xurxo, o 23 de abril; o Carme, o 24 do mesmo mes; ao día seguinte, San Xosé; Corpus, no seu día propio; San Antonio, o 13 de xuño; San Roque, o 16 de agosto; o primeiro domingo de outubro, o Rosario; Nosa Señora de Guadalupe, o 8 de setembro; Santa Lucía, o 13 de decembro; os Reis, o 6 de xaneiro; San Mauro, o 15 do mesmo mes; e San Brais, o 3 de febreiro.
Outras particularidades: unha peste que asolou varias comarcas no mes de outubro de 1567 invadiu tamén Codeseda, causando enormes danos.
A mediados de 1600, estando nesta parroquia o arcebispo Sr. San Clemente, nomeou ao bispo de Osiry, fuxido de Irlanda, Arcediago da Raíña na Igrexa Compostelá.
En acta da sesión do Concello, con data 12 de decembro de 1839, consignouse que os carlistas, en número de trinta, ao mando do líder Villanueva, invadiron a parroquia, cometendo varios excesos, entre eles o de mallar sen compaixón nun veciño inocente.
O mesmo Concello, levantando acta da sesión de 22 de xullo de 1847, alude aos males que os animais salvaxes causan nos montes de Codeseda. A propia Corporación, o 27 de xullo de 1860, acordou a reparación da ponte de Abragán, sobre o Umia. O 12 de outubro seguinte, a instancia de D. Juan García, o ensanche da feira a expensas da leira Trigueira. O 14 de outubro de 1864, o arrendo dos estercos da aludida feira, comisionando para levalo a efecto a D. Juan García e outro. En sesión de dita Corporación, en data de 17 de marzo de 1885, fálase do ensanche considerábel dado ao campo da feira; aclárase que viñan celebrándose feiras os segundos domingos de cada mes e acórdase a creación doutra para celebrala os cuartos domingos. Esas feiras aínda existen e son de bastante afluencia e importancia; constitúen unha fonte de riqueza para a localidade e debido a elas, principalmente o lugar da Sagrada, onde se realizan, vai adquirindo aspecto de vila.
De Codeseda foron D. Juan García e D. Cayetano Taboada, persoas distinguidas e podentes; sucedeu ao primeiro a súa filla única, D.ªAnuncia García, esposa do avogado e deputado provincial D. Benjamín Lois. O Inspector Provincial de Hixiene Pecuaria, D. José García Buela, también procede de Codeseda. De alí era médico, en 1890, D. Manuel Moreiras Balado; despois, en 1893, foi D. José Valentín Cobián; e é actualmente, D. Manuel Leyes Posse.
Hai nesta parroquia varios establecementos comerciais e cartería.
CORA
Na zona de Vea, cara o río, está a parroquia de Cora, que consta de 117 cabezas de familia e 485 habitantes. Dista da Estrada uns 10 quilómetros por término medio.
Cora, segundo o Sr. Murguía, é nome céltico, cuxa partícula inicial significa “promontorio”, “altura verde”, “lingua de terra”, e pregoa a orixe da nosa raza. Máis acertada parécenos para esta parroquia a opinión do Sr. Verea e Aguiar, afirmando que Cora procede do grego e significa “monte” ou “río”; porque, efectivamente, monte non falta e o río existe. Pero también pode suceder que Cora veña de acorar, “abafarse, sufocarse”, non poder respirar nos profundos relanzos do caudaloso Ulla que baña a freguesía e no que é notorio que pereceron moitas persoas afogadas. Por outra banda, temos na nosa lingua a palabra corga ou corgo, que leva a mesma raíz que Cora e significa “poza” ou “laga”; e quizais non sexa atrevido supoñer que de aí vén o nome da freguesía de que falamos.
Lugares: Sieiro, Carbia, Piñeiro, Barro, Cora e Vilacriste.
Sieiro, por ter raíz grega, pode significar “cribo”. Vilacriste significa, indubidabelmente, Vila de Cristo, denominación que lle deron uns frades que houbo na localidade hai moitos anos, tantos que xa en 1348 o Arcediago de Raíña lega no seu testamento, ao Cabido de Santiago, o casal de Vilacriste.
Lindeiros: norte, río Ulla; sur, Santa Cristina de Vea; leste, Santeles; e oeste, Couso e San Xurxo de Vea.
Vías de comunicación: camiños rurais en mal estado, excepto o chamado da Gándara, que foi arranxado e quedou, na súa maior parte, ben; a ponte de Cora; a Ponte Nova, en Vilacriste; e dous pontillóns en Sieiro. Tamén hai neste lugar unhas barcas para cruzar o río, que son de Manuel Cora e facilitan o paso para as feiras de Lestedo, Santiago e outros puntos.
No ano 1856 xa había nesta parroquia escola de ensino primario, á fronte da cal estaba D. Francisco Conchas. Hoxe teñen aqueles veciños escola nacional servida por un mestre.
Funciona también alí un sindicato agrícola, con seguro de gandos, que data do ano 1903.
Xa queda indicado que o río Ulla corre polos límites de Cora. Bañan tamén o territorio desta parroquia os regatos de Vilacriste, que nace no monte Xesteiras e desemboca no devandito río polo punto de Resollo; e o de Cora, que xorde na Torre de Santa Cristina, pasa a devesa do Rei e también desemboca no Ulla. Con ambos os regatos fertilízanse varios terreos.
En canto á antigüidade da freguesía, puidemos obter o seguinte dato: o ano 1276 otorgou testamento D. Gonzalo Ruíz de Bendaña e nel figura, como testemuña, Arias Moogo, clérigo de San Miguel de Cora.
No eclesiástico: o curato é de entrada; ten un cura. Até mediados do século XVII, Cora foi anexo de Santa Cristina de Vea; eran os racioneiros de Sancti Spiritus os encargados de atendela espiritualmente e para iso tenían vicarios, postos pola mesma orde; o último que houbo foi D. Ramón Calvo, que tomou posesión en febreiro de 1850 e finou en 1869; despois servírona curas. O patrón é San Miguel e actualmente a presentación pertence á Coroa. A igrexa é un edificio de escasa importancia entre os da súa clase.
Festas anuais: San Miguel, o 29 de setembro; o día seguinte, San Antonio; o domingo seguinte, o Carme; a Concepción, o 8 de decembro; e o Sacramento, o segundo domingo de xullo.
Outras particularidades: En Vilacriste hai un importante manancial de augas medicinais, do que se falou noutro lugar.
A parroquia de Cora sufriu, como outras varias, os rigores da invasión francesa a principios do século pasado. Desde o monte de Pías a Vilacriste, libráronse dúas importantes batallas. Nunha delas morreu un xastre de Parada, chamado Carlos Díaz. A maior parte dos veciños abandonaron as casas, levando o gando para unha leira oculta ao pé do río, pois todos os animais que os franceses atopaban ao seu paso e que lles servían para aproveitarlles a carne ou para o tiro, levábanos, co obxecto de alimentar a tropa e de arrastrar os vehículos con elementos de guerra.
No século pasado, a maior parte da nuda propiedade(30) de Cora pertenecía á familia compostelá, oriúnda de Algeciras, que tiña o seu escudo na fachada da casa de Bacariza de Santiago. Un deses familiares era D. Severino Ballesteros del Mazo y Francá.
No lugar de Cora, na casa que hoxe é propiedade de José Varela López, estivo o cárcere da xurisdición de Vea; despois pasou ao lugar da Torre, na casa que actualmente pertence aos herdeiros de Miguel Porto. Dos presos coidaban os veciños, por quenda. Unha casa do propio lugar de Cora, de que son donos Manuel Francisco Touceda e outros, parece que serviu de residencia a uns frades. Ben preto hai uns labradíos que conservan a denominación de Agro do Frade.
También pertence aos termos da parroquia, un illote no río, no que houbo unha fortaleza coñecida antigamente co nome de “Torre dos mouros”, e dela aínda se conservan os alicerces. A cantería labrada do forte pasou a servir de material de construción para algunhas casas de Cora. Ao pé do illote ten o río unha profundidade enorme e a fantasía popular di que se comunicaban subterraneamente os habitantes da Torre cos do Pico Sacro. Por tal torre pagábase renda ao marqués de Monte Sacro, e un ano de fame, o de 1852, como os de Cora non puideron pagala, anticipouna Francisco Touceda, e así constituíuse en dono do dominio útil. O illote ten uns tres ferrados de extensión superficial, está poboado de árbores e chámanlle hoxe Torre da Ínsua.
Aínda non hai moitos anos que pagaba a parroquia de Cora a Santiago máis de cincocentos ferrados de renda. O marqués de Monte Sacro cobraba moita, e a el sucedeuno D.a María Balbanera Izquierdo y Zárate, esposa do marqués de Figueroa.
Os de Cora reciben o correo por Souto de Vea.
COUSO
Lindando coa Ponte Vea, camiño de Santiago, encóntrase a parroquia de Couso, con 70 cabezas de familia e 353 habitantes. Dista da capital do distrito uns doce quilómetros.
Couso (cautes en latín), significa “rocha”, “penedo”, “fragueiro”. Tamén era Couso, un cabo consagrado a Saturno. Couso en castelán é coto.
Da antigüidade desta parroquia algo pode xulgarse polo Arcediago de Raíña, D. Nuno González de Bendaña que, no seu testamento, outorgado o ano 1348, legou ao cabido de Santiago herdades na freguesía de Couso, gañadas a Alfonso Domínguez.
Lugares: Fontenlo, Barco, Couso, Maíndo, Sequeiró e O Castro(31).
Fontenlo ou fontenla, “fonte pequena”, da que se deriva o nome deste lugar. Barco, paraxe inmediata ao río, onde había unhas barcas para cruzar este. Maíndo, antes maínzo, “terreo apropiado para esa planta gramínea”. Sequeiró, antes Sequeiro, “de secaño ou seco”. O Castro recibiu o nome da antiga fortaleza que aínda existe alí.
Lindeiros de Couso: norte, río Ulla; sur, San Xurxo de Vea e San Miguel de Barcala; leste, Cora; e oeste, tamén San Xurxo de Vea e San Miguel de Barcala.
Vías de comunicación: a vía do Estado da Estrada a Santiago cruza a parroquia que nos ocupa; hai os indispensábeis camiños rurais e a famosa Ponte Vea, metade da cal pertence a Couso. Trátase dunha fermosa ponte romana con seis arcos, que tivo un papel importante durante a guerra da Independencia; houbo necesidade de cortala para que as tropas de Napoleón non puidesen pasar o río, inutilizándolle un arco, que foi reposto no ano 1822. O 4 de maio de 1843 o Concello ordeou unha nova recomposición e levouna a efecto en 1845 Manuel Touceda.
Ten esta parroquia escola nacional servida por un mestre e unha sociedade de agricultores.
No eclesiástico: O curato é de entrada, servido por un párroco; ten por patroa Santa María; presentan o convento de Belvís e varios leigos. A igrexa primitiva, situada no punto da Xesteira, era de malas condicións, teito moi baixo e unha soa fiestra moi pequena; roubábana con frecuencia e, a tal extremo chegou o escándalo, que en certa ocasión os ladróns non só levaron efectos depositados no interior, como o copón, senón que cargaron coa campá. En 1781 foi autorizado o párroco don Francisco Javier López Acebedo para construír a nova igrexa, co beneplácito das monxas de Belvís, e comezou a obra. Ao ter feito o presbiterio, en 1782, o párroco trasladou o Santísisimo e mais as imaxes; a totalidade do templo rematouse en 1848. Componse da capela maior e dúas laterais, sancristía, corpo principal e torre, con bóveda de cantaría e arco de medio punto. É regular e de bo aspecto, aínda que a súa arquitectura nada ten que admirar.
Festas anuais: Santa María, o 15 de agosto; e o Rosario, o día primeiro de outubro.
No arquivo parroquial existen datos do século XVI, dos cales parece deducirse que a freguesía foi fundada, a principios do XIV, por un individuo casado, que tivo tres fillos: un varón e dúas mulleres; estas profesaron no convento de dominicas de Belvís (Santiago) e o varón casou en Cora, onde o seu pai tiña bens de fortuna. A dous fillos dese descendente do fundador de Couso comínaselles, nunha visita, para que recompoñan a igrexa en unión do convento.
Outras particularidades: os franceses, que teimaban en pasar o río Ulla pola ponte, asasinaron: o 12 de febreiro de 1809, a Francisco Balado, marido de Antonia Estévez, do lugar de Couso; o mesmo día, Pedro de Otero, marido de María de Pazos. Hai outra partida de defunción no arquivo parroquial, que literalmente di: «En 13 de febreiro do ano 1809, dentro desta parroquial igrexa de Santa María de Couso, deuse sepultura, nunha de tres reais, a un cadáver incógnito que se encontrou morto no campo ou sitio onde estaba pelexando cos franceses. O seu aspecto: mediana estatura fraco, calvo e con dentamia e, para que conste, asínoo =ut supra= Juan Ortega».
En Sequeiró hai un cruceiro antigo, de mérito artístico, á beira do que pasaba a vía que era chamada vulgarmente «Camiño francés», de Santiago a Cuntis. Por Barco, Vilacriste e a Gándara, pasaba o camiño real da Estrada a Santiago.
En Maíndo existe a casa señorial, procedente do conde de Ximonde, co seu correspondente escudo no exterior. Unha filla dese Conde, Dª Gumersinda Puga, contraeu segundas nupcias co que foi catedrático da Universidade de Santiago, D. Jesús Nóvoa; dese segundo matrimonio houbo unha filla, actual esposa do Comandante de Infantería D. Salvador Lissarrague Molezún, que actualmente disfruta desta propiedade de Maíndo. No río teñen eses señores unha canle ou pesqueira, onde recollen con frecuencia saborosas troitas, anguías e outros peixes.
O castro inmediato ao lugar do mesmo nome e próximo también ao río, ocupa un punto estratéxico, e pénsase que estivo destinado a controlar o paso por alí en tempos de guerra. Non moi distante, existe no río unha canle ou pesqueira de comuneiros.
Non falta xente, especialmente da Estrada, que en días de lecer fai excursións á zona de Vea, para merendar troitas en Ponte Vea, que son famosas.
Os de Couso reciben o correo polo Souto de Vea.
CURANTES
Parroquia de 99 cabezas de familia e 540 habitantes, situada na aba oriental do monte da Rocha ou de San Sebastián e distante da Estrada uns 10 quilómetros.
Conta a tradición que na localidade houbo outra freguesía de distinto nome e que, despois de suprimida, aquelas xentes non deixaron de reclamar a constitución da actual, fundándose sempre en que xa tiñan “cura antes”; e a iso atribúese o nome de Curantes. Mais, por outra banda, atopámonos con que na parroquia hai o antiquísimo lugar de Esmorís, denominación que provén, segundo o Sr. Murguía, do culto a Esmoum, deus da medicina, ao que se encomendaban os enfermos para “curar antes”, e non falta quen opine que niso tivo orixe a palabra Curantes.
Lugares: Pousada, Esmorís, Sinteiro, A Barreira, Cortes, Curantes Novo, Curantes Vello, O Porto, A Nogueira, As Pereiras, San Martiño e O Fieitoso.
Lindeiros da parroquia: norte, Agar, Orazo e Moalde; sur, Olives; leste, Moalde; e oeste, Rubín e Lamas.
Vías de comunicación: camiños rurais e pequenas pontes, unha entre Curantes Novo e Curantes Vello; dúas en Pousada; a de Retorta entre Sinteiro e As Pereiras, e outra no Foxo dos Lobos. Polo territorio da parroquia había un antigo camiño que utilizaban os arrieiros para transportar viño do Ribeiro a Santiago e paraban en Pousada moitas noites; de aí o nome do lugar.
Bañan Curantes os regatos de Ponte Retorta, que xorde en San Martiño e desemboca en Rubín; e o de Pontillón, que nace na Nogueira e incorpórase ao anterior, no punto de Serrao.
No eclesiástico: Curantes ten por patrón a San Miguel; o curato é de entrada e pertence á Coroa. Antes era padroado do mosteiro de Acibeiro, fundado en 1135 por Afonso VII. A igrexa, que resulta bastante boa, é moderna. En Pousada hai unha ermida en ruínas, que estivo dedicada a Nosa Señora da Paz.
Festas anuais: San Miguel, o 29 de setembro; San Roque, o 30; Corpus Christi, no seu día; San Antonio, o domingo seguinte ao 13 de xuño; ademais de algunha outra variable.
Na casa que hoxe é de José Suárez, houbo un cóengo. Aínda presenta o edificio aspecto señorial. Na parte superior existe unha estatua de pedra, de aspecto estraño e grotesco, que semella a figura dunha muller coas mans na cabeza: o vulgo chámalle “a Nugalla de Recarei. En Esmorís, na casa de Brea, dise que también houbo uns cóengos.
Os de Curantes teñen cartería.
A ESTRADA
Ao describir a vila sinalamos o número de habitantes, que é o que tamén corresponde á parroquia cos seus casaríos diseminados de Figueiroa de Arriba, Figueiroa de Abaixo, Rodeiro, Regueiro, O Pedregal, Vilabrasil e Vilar(32).
Linderos: norte, Aguións, Santeles e Toedo; sur, Ouzande e Guimarei; leste, Guimarei, Lagartóns e Aguións; e oeste, Ouzande e Matalobos.
No eclesiástico: nun incendio no ano 1855 quedou completamente destruída a igrexa de Figueiroa, feito que aproveitaron os estradenses para apropiarse da capitalidade municipal. Con este fin, apresuráronse a construír a actual igrexa da vila. Finalmente, conseguiron o seu obxectivo en 1859 despois de non poucos incidentes e enfrontamentos. Extinguida a freguesía de Figueiroa, quedaron os veciños deste punto dependendo da Estrada. Ouzande, a pesar dos intentos de anexión, foi manténdose independente ata 1869, data en que tamén pasou a depender da Estrada, como acontece hoxe. É o noso patrón San Paio, cuxa festividade se celebra o 26 de xuño de cada ano. O curato, presentación do marqués de Santa Cruz e outros, é de termo, e está servido por un distinguido párroco, D. Nicolás Mato Varela, e por un coadxutor.
FRADES
Parroquia de 61 cabezas de familia e 287 habitantes, distante da Estrada uns 13 quilómetros por termo medio. Está situada na aba oriental do monte da Bragada, desde onde se enxerga un grande panorama que comprende todo o val de Vea ata os confíns de Santeles, e a nosa vila.
Uns frades instalados antigamente na localidade deron o nome á freguesía, que nada ten de moderna, aínda que, en canto a datas de antigüidade, só podemos dicir, por falta doutros datos, que en 1640 xa figuraba como filial de San Xurxo de Vea.
Lugares: Frades, Requián, Chaín, Casalpaio, Subión de Arriba e Subión de Abaixo, O Vilar e Vilariño.
Pescudando en canto á orixe ou significado do nome destes lugares, diremos que Requián procede do latín e significa “descanso” ou “lugar de descanso”, onde descansaban os frades fundadores da parroquia. Chaín ten raíz celta: chaan, “outeiro”, e efectivamente, a aldea ocupa un outeiro. Casalpaio, “casa de Paio”, fundador do lugar, segundo cartas forais. Subión, “en subida ou costa”, como así se observa; aínda que non falta quen opine que é palabra vasca e que significa “cobra”, é dicir, lugar onde abundan eses réptiles asubiantes.
Lindeiros: norte, San Xurxo de Vea e Santa Mariña de Barcala; sur, monte de Portela (Cuntis); leste, San Andrés de Vea; e Oeste, o Concello de Valga.
Vías de comunicación: consisten en camiños rurais antigos e malos. Un pequeno regato sen nome especial baña esta parroquia.
En sesión do Concello, con data de 22 de xullo de 1847, trátase dos males que os animais salvaxes causan nos montes de Frades.
No eclesiástico: xa sabemos que é filial de San Xurxo. Ten por igrexa unha verdadeira perla, non de moita capacidade, pero de puro estilo gótico-románico, datada no século XII. Está moi ben aseada e conservada e ten dous rosetóns típicos ou propios daquela arquitectura notábel. Interiormente os arcos oxivais dan ao edificio un carácter suntuoso; as columnas iguais, da orde composta, no centro; as de capiteis desiguais, también da orde composta na tribuna e presbiterio, forman co resto da edificación un conxunto admirábel. Á esquerda do altar maior lese: «se hizo este altar por devoción de los feligreses de esta parroquia contribuyendo con una grande parte don Ignacio Rey». Á dereita do mesmo altar tamén se le: «Se pintó este altar por devoción de D. Ignacio Rey y Sra., residentes en Cádiz, San Fernando, siendo cura D. José Calviño, 1895».
Festas: Santa María, o 15 de agosto; a Presentación, o 21 de novembro; os Milagres o 28 de agosto; a Piedade, o 29 seguinte.
Noutros tempos, segundo opinión xeral, Frades foi independente de San Xurxo. No adro, acantoada, hai unha antiquísima pila bautismal, talvez en uso naquela época. No ángulo que forman as paredes de sur e leste, á altura do peito dunha persoa de regular estatura, hai unha pilastra con orificio de entrada e saída, que tiña por obxecto, segundo vulgarmente se di, facilitar o amarre dos ramais das cabalarías das persoas importantes mentres oían misa.
En Requián hai a capela dos Milagres, sen que ofreza más especialidade que a de ser vetusta e antiquísima.
Dominaban nesta parroquia os señoríos de Novoa, antes Condado de Ximonde; e o marqués de Castelar.
O Concello, en sesión de 15 de marzo de 1856, tratou do nomeamento de D. Francisco Antonio Iglesias para mestre de Frades e Barcala.
Os de Frades reciben o correo por Souto de Vea
GUIMAREI
Parroquia lindante coa Estrada, de 146 cabezas de familia e 788 habitantes.
Uimarei, Vimarei e Vimarey; destes tres modos vimos escrito en documentos antigos o nome da freguesía, e iso serviunos de base para deducir o significado, que é: “punto ou localidade de vimieiros, onde abundan os vimbios”. De bimar ou binar (dar segundo labor ás terras) también puidese vir Guimarei ou Bimarei.
Lugares: A Torre, A Painceira, A Costa, Algalia, Outeiro, Campos, Gudín, A Cruz, San Xiao, Xerlís, A Torrevella, O Cogoludo, Rial, A Devesa, Veiga de Abaixo e A Cardavella(33).
Os foros do lugar da Painceira teñen todos millo miúdo e paínzo, o cal demostra que o terreo produce esa gramínea, e de aí o nome do casarío. O significado de Algalia é, “posterior”, “baixo”, aplicábel ao caso. Torrevella, por unha torre que alí houbo. Rial está ao pé dun regato. Cardavella, “onde a vella cardaba la”.
Deixamos para último lugar A Torre, que ten a súa importancia histórica, porque a tal torre ou fortaleza antiga aínda está en pé e o mesmo a casa señorial que lle deu orixe. «Da casa de Vilar de Paio Muñíz en Corneira, arciprestado de Barcala, era o ilustre señor D. Melchor Mosquera de Sotomayor Villar y Pimentel, señor da casa de Guimarei, do couto do Viso e Cruz de Merza, administrador xeral pola súa Maxestade da Real Fábrica de Salinas de Galicia, mordomo más antigo que foi do Serenísimo D. Juan de Austria». O mesmo D. Melchor, en decembro de 1692, outorgou carta foral, titulándose dono e señor da Torre de Guimarei, couto e xurisdición do Viso. Aínda se conservan no escudo colocado sobre a porta principal, dúas inscricións que din: «Villar». En tempos antigos aquela mansión señorial debeu ser moi importante, a xulgar polos vestixios de extensas edificacións que se ven sobre o terreo. Cóntase que todo iso o incendiou Pedro Madruga, nunha das súas andanzas, co afán de que só quedase en Galiza a súa casa de Soutomaior para servir de residencia real; e como existen sinais do incendio, o conto non vai descamiñado do todo, aínda que puido ser casual o lume ou debido a outros motivos. Molina, célebre escritor de asuntos galegos, asegura que os Irmandiños derribaron varias fortalezas e puido ser unha delas a de Guimarei. A edificación ou casa actual é relativamente moderna, moi sólida, de planta baixa e teitos abovedados con pedra labrada. A torre, aínda que carece de teito, consérvase bastante ben, debido ao perpiaño con que está construída. Os muros teñen sete cuartas de groso; a base é un rectángulo que se achega moito ao cadrado; a súa altura é duns 15 metros; ten seteiras por todos os lados e na parte superior, en cada ángulo, a figura dun canón en pedras saíntes, detalle demostrativo de que a obra foi feita xa entrada a Idade Media, despois do invento da pólvora e armas de lume. A casa e terra que a rodea están dedicadas hoxe a Estación Agronómica e pertencen ao marqués de Aranda e de Guimarei, señor de Rubiáns, que posúe outros terreos e cobra foros na contorna. O título de marqués de Guimarei foi outorgado por Felipe V no ano 1716 e o de señor de Rubiáns, por Carlos III en 1761.
Linderos da parroquia: norte, Lagartóns e A Estrada; sur, Tabeirós e A Somoza; leste, Cereixo e oeste, A Estrada e Ouzande.
Vías de comunicación: a estrada de Vilapouca a Ponte Vea pola parte oeste, e a de Cereixo por nordés; camiños rurais; a ponte de Xerlís e os pontillóns da Algalia, Ousendes, Sanlouzáns, Zarabeto, A Torre e A Devesa. O Estado aprobou o proxecto dun camiño desde A Estrada á Torre.
Bañan o territorio os regatos de Ínsuas, que xorde no Zarabeto e o de Ponte Nova ou Xerlís, que nace na Somoza. Tamén vén da Somoza a auga da presa xeral que constitúe unha riqueza para Guimarei e deu lugar a un sonado preito.
Aínda que esta parroquia é de grande importancia, está abandonada en canto a instrución primaria, pois non ten ningunha escola: foron aprobados polo Ministerio os expedientes para crear unha de nenos e outra de nenas, pero o momento non dá chegado. Os labradores están asociados agrariamente mediante un sindicato e teñen seguro de gando.
No eclesiástico: esta freguesía ten por filial á Somoza, por patrón a San Xiao; hai un cura e un coadxutor; o curato é de entrada presentación do marqués de Aranda, señor de Rubiáns e de Guimarei. A igrexa é espazosa aínda que de pouca altura, e presenta sinais de ter sido reformada con engadidos entres ou catro épocas distintas. Sobre a porta lateral do norte lese: «M. D. C C I X». Polo leste, hai esta inscrición: «Anno Domine MDCCCLX—Aedificans aedificavi sacrarium hoc habitaculum tuum, Domine, ut exaudias orationem mean et dixit bene ficiste erit nomen meum ibi in aeternum. Parocho D. Dominico Antonio Núñez»(34). Polo mesmo punto leste e tamén polo frontis, hai escudos do marqués de Guimarei, que fixera a igrexa primitiva no lugar da Torrevella; despois de arruinarse ese templo, construíron outro nun terreo, hoxe herbeira, de D. Manuel Sanjiao, próximo á igrexa existente. O cardeal Payá, nunha visita que fixo á parroquia, ordeou que se queimase a primeira capa de herba que nacese no terreo onde estiveron a igrexa e o cemiterio, para que non a comese o gando. En cada unha das catro esquinas do mesmo terreo, colocouse unha cruz de madeira, pero actualmente ningunha delas existe. Nos libros parroquiais consta que, como a devandita igrexa estaba moi próxima á presa xeral, pola parte inferior a filtración das augas prexudicábaa de tal modo que houbo necesidade de clausurala en 1709. A actual foi construída por Andrés de Fontaíña, mestre de cantaría, veciño de Pedre, por 6000 reais de vellón; a obra durou desde o 21 de marzo de 1708 e inaugurouse o día 6 de agosto de 1709, sendo cura D. Feliciano Fernández de Boán. Eran tempos de fame, nos que custaba 25 reais o ferrado de millo e 18 o de centeo, prezo enorme para aquela época. Tamén nos libros parroquiais consta: «no adro da igrexa parroquial de Guimarei a 8 de abril de 1836, deuse sepultura ao cadáver de D. Fernando Lorenzo, que se achou no camiño público do lugar da Estrada, en termos da devandita parroquia; enterrouse na 4ª fileira e última polo fondo, formando liña recta coa esquina do corpo da igrexa, e marcouse cunha cruz feita a pico». «En virtude de que Dª Ramona Arén, viúva, pediume licenza para transportar á parroquia de San Martiño de Riobó por medio de D. Antonio Paseiro, boticario da Estrada como o manifesta a súa carta a data de hoxe, os cadáveres do seu marido e do seu irmán D. Eduardo Otero e D. Gonzalo Arén, que tamén se acharon no camiño da Estrada en termos desta parroquia de Guimarei; en efecto, concedínlla e leváronos, e para que conste asínoo como cura párroco, a 8 de abril de 1836, Domingo Antonio Núñez».
Os tres señores a que aluden estas actas aquí incluídas, foran fusilados polos carlistas o 7 de abril do referido ano.
Festas anuais: San Xiao, o 7 de xaneiro; o día seguinte, o Rosario; o terceiro domingo do mesmo mes, Santa Lucía; Santa Polonia, o luns de Carnaval; as Flores, o último domingo de maio; San Antonio, o 13 de xuño; San Ignacio o 30 de xullo; as Dores, o terceiro domingo de setembro; San Roque, o día seguinte; o Corazón de Xesús, festa movíbel, no día correspondente de cada ano; o Sacramento, o 6 de agosto; San Ramón, o 28 do mesmo mes.
Outras particularidades: No lugar da Algalia hai unha capela, advocación de San Ildefonso, fundada polo Cóengo Racioneiro de Santi Spíriti de Santiago, D. Alonso Martínez de Barcia no ano de 1706.
Umarei (Guimarei) foi doada a Santiago por Fernando II.
En 1706 fundouse o vínculo da casa de Cobas por D. Alonso Calvelo de Castro e a súa esposa Dª Josefa de la Fuente. Tamén eran vinculares as casas dos herdeiros de Soto no Outeiriño, e a de D. Benito Gómez, en Xerlís; e distinguíase a que hoxe pertence a Badía, procedente de D. Juan Andújar, Cabaleiro Maestrante de Ronda.
A Casa de Veiga de Abaixo, hoxe de Ventura Bermúdez, dise que procede dun personaxe morto pola Inquisición.
O Concello, en sesión de 21 de setembro de 1877, acordou a creación dunha feira no punto da Cruz, para celebrala os días 19 de cada mes; debeu ter pouca vida, pois apenas queda recordo dela na localidade.
Á parroquia que nos ocupa agregáronlle o lugar de Xerlís, hai uns 50 anos.
Na parte inferior da casa reitoral, vese a fonte de San Ignacio, que foi bendicida polos padres xesuítas Santos e Conde, co gallo dunha misión; e perdura o costume de bendicir as augas o día do santo nun pío feito expresamente, para despois levárenas os devotos para as súas casas con fins relixiosos.
En Sanguiñeiro, nun terreo situado fronte á casa do peón de camiños, encontrou Juan Campos, de Rial, os alicerces dun forte muro e mais un muíño de man.
Na Fervenza existe o punto coñecido por “Pozo dos Mouros”, notábel pola súa profundidade. As augas, discorrendo por entre uns penedos, caen alí desde unha enorme altura. Hai uns 35 anos, unha mole de pedra socavada pola corrente descendeu ao precipicio causando un ruído espantoso que se sentiu en toda a parroquia. O vulgo di que a ese pozo levaban os mouros as súas cabalarías por un subterráneo, desde o Castro, para abeberalas. O tal Castro é o que existe inmediato á estrada de Vilapouca a Ponte Vea, en termos do lugar de Outeiro. Por outra banda, hai que ter en conta que mouro en galego significa tamén “negro”, e neses pozos parece ennegrecida a auga debido á profundidade.
En Xerlís había en 1712 un escribán, D. Baltasar Gómez de Castro, sucesor doutro, D. Benito Gómez do Vilar, que actuaba en 1681.
Pola independencia nacional, cando foi a invasión francesa pereceron Jorge do Campo, José Touceda, Jacinto do Porto e Fernando Piñeiro.
Hai en Guimarei algúns establecementos comerciais e cartería.
__________________________________________
LAGARTÓNS
Parroquia de 75 cabezas de familia e 339 habitantes, que dista da Estrada uns tres quilómetros.
Lagartóns é aumentativo de lagartos, réptiles da orde dos saurios, moi abundantes na localidade.
Lugares: O Viso, Os Tatos, Monte, O Outeiro, Ouzamerxe, Lagartóns, Boáns, A Batalla, Os Bolos, Portosenín, Os Chapurros, O Sisto, e Trasdomuro(35).
Viso é voz xermánica, segundo D. José de Santiago, e vén de veihsa, “aldea” ou “burgo”; tamén significa “altura”, “eminencia”, “punto ou lugar despexado desde onde se enxerga moito terreo”. Se atendemos ao latín temos que visum significa “altura”. Os Tatos debe o nome ao apelido dos fundadores ou primeiros aforantes. Boáns, bon ou bo. A Batalla, campo onde se librou unha acción de guerra hai moitos anos, pois xa se atopa a denominación en documentos do século XVI. En canto aos Chapurros, ou Chaparros, séntalle ben o nome, por canto a localidade distínguese por estar moi poboada de árbores e matogueira. O Sisto é de supoñer que veña de sesto, sesteo, é dicir, “punto apropiado para durmiren os animais á sombra das árbores”.
Linderos: norte, Moreira e Aguións; sur, Cereixo e Guimarei; leste, Callobre; e oeste, Guimarei e A Estrada.
Vías de comunicación: a estrada de Chapa a Carril pasa por termos desta parroquia. Hai os obrigados camiños rurais; e también a ponte do Viso, entre Lagartóns e Callobre; o Liñares na estrada, entre Lagartóns e Callobre; a Ponte Vella, entre Lagartóns e Moreira; a do Fouleiro, na mesma divisoria; o pontillón, que comunica co lugar de Vilar de Callobre; outro no lugar do Monte que comunica con Cereixo; o do Mollarrabo e o da Pinguenla para comunicar con Guimarei.
Bañan esta parroquia o río Liñares e mais o regato do Pontillón, que vén de Ouzande por Guimarei.
O ensino primario está a cargo dun mestre nacional, que funciona no lugar dos Tatos.
No eclesiástico: Lagartóns ten por patrón a San Estevo; o curato é de entrada e presenta o marqués de Aranda e Guimarei. En canto á antigüidade da freguesía só sabemos gue xa existía no século XV. A igrexa antiga estaba no Outeiro, e fora fundada por D. Bartolomé Barbeito; mais, por ser moi reducida e estar deteriorada, ordeou o prelado, co gallo da visita do ano 1729, o traslado da pía bautismal e demais para a capela de Santa Cruz do Viso, sobre a que se levantou o templo actual. A casa reitoral é nova e está situada nun punto ameno e pintoresco. Non esqueceremos as delicias da súa horta onde, cando recollemos estas notas, gozamos de exquisitas froitas, grazas á amabilidade do párroco D. Buenaventura Pena Martínez, que fixo do terreo un verdadeiro verxel. Era o mes de agosto e alí vimos os restos dun plantío de leituga, bos melóns, sandías, pementos, remolacha, cenoria, azafrán e outras mil curiosidades en legumes e hortalizas.
No libro de defuncións puidemos observar que o 12 de maio de 1838 se fixeron os funerais de Santiago Barcala de Ouzamerxe, morto ao servizo das armas no sitio de Bilbao en decembro de 1837.
Festas anuais: San Estevo, o 26 de decembro; o 27, a Concepción; San Eleuterio, o terceiro domingo de maio; o Sacramento, o primeiro domingo de setembro; Santa Cruz, o 3 de maio; e algunha outra de menos importancia.
Outras particularidades: no lugar dos Tatos hai un campo enorme chamado Gandarón, poboado de carballos, onde está colocado o monumento agrario e onde se celebra a festa de San Eleuterio. Tamén se realiza allí a feira anual de Pascua; mais o Concello, en sesión de 7 de outubro de 1859, acordou trasladala para A Estrada, dando lugar o tal traslado a un levantamento da parroquia, de sanguentas consecuencias, pois perdeu a vida Manuel Rey e houbo varios feridos. Moi preto do devandito campo hai un terreo pechado sobre si, no cal, mediante o pago dunha cantidade determinada segundo as cabezas de gando, se metían as cabalarías para pacer e estar recollidas.
Os de Lagartóns recollen o correo na Estrada.
LAMAS
Parroquia de 56 cabezas de familia e 340 habitantes, que dista da Estrada uns 9 quilómetros.
Lamas, “barro” ou “bulleiro”, tal é o significado do nome que leva a freguesía desde tempo inmemorial. Pensa o Sr. Murguía que as localidades de Lama, Lamas ou os seus derivados, foron asento de poboacións lacustres, anteriores en moitos anos ao cristianismo. Lamis (Lamas) xa aparece en 914 como tributaria para o mosteiro do Pico Sacro nunha escritura do bispo Sisnando de Iria.
Lugares: Sequeiros, Sobrado, Fontecova, Penacova, Lamas, O Carballal e Riamonde(36).
Sequeiros, “punto seco, falta de humidade no terreo”; Sobrado, “cuarto na casa de labradores”; Fontecova, fonte nunha cova que, efectivamente, existe. Riamonde, preto do regato, “río do mundo”, pois adoitan desbordarse as augas alí, anegando boa extensión de terreo.
Lindeiros: norte, Rubín; sur, Pardemarín; leste, Olives e oeste, Vinseiro.
Vías de comunicación: camiños rurais, e as pontes de Guillufe, Sobrado e Sanlouzáns. Por Lamas pasa o trazado dun camiño, cuxo proxecto aprobou o Estado.
Bañan esta parroquia dous regatos que descenden de Pardemarín, chamados de Parada e Mesadoiro. Esta freguesía está incluída no Sindicato Agrícola de Pardemarín, con local propio en Sequeiros.
No eclesiástico: é filial de Rubín, como foi noutro tempo Rubín de Lamas; ten por patrón a San Breixo, presentando para o curato D. Vicente Valderrama. Á confraría de San Ignacio, fundada por un xesuíta, pertencían o Rodo e outros bens, hoxe da familia Andújar. Ese xesuíta fundou tamén a cofraría da Concepción, alá polo ano 1836. En Riamonde hai unha capela, advocación de Nosa Señora do Rosario, que xa existía en 1654 segundo os libros do arquivo parroquial. A igrexa é de regular tamaño e bo aspecto.
Festas anuais: San Breixo e as Dores na capela de Riamonde o 8 de setembro. Tamén a Peregrina en agosto.
No ano 1840 foi concedida a Cruz de Isabel II ao veciño de Lamas José Requeijo.
No lugar de Sobrado está a casa señorial dos Andújar.
En Sequeiros hai dous establecementos comerciais e está situado o local do Sindicato Agrícola de Pardemarín.
LIRIPIO
Na vertente occidental do monte das Mámoas, no confín sueste do concello, está a parroquia de Liripio, que dista da Estrada uns 13 quilómetros e componse de 63 cabezas de familia e 485 habitantes.
Un historiador rexional asegura que o nome de Liripio procede do grego e que significa “rio”; por Liripio corre o Umia: deberase a iso a denominación?.... Pode ser que si.
Lugares: Xestás, Quinteiro de Arca, Carballo, A Canda, A Igrexa, Portela e Cabanelas(37).
Xesta xa sabemos que é unha planta moi común no noso país, sobre todo na parte montañosa, como a parroquia que nos ocupa. Quinteiro é o mesmo que curral, “espazo ao descuberto con muro que o circunda”. Carballo, árbore abundante na localidade. Canda, ganda, gándara: “chaira”. Portela, derivado de porta, “pasadizo dun punto para outro por unha depresión do terreo”. Cabanelas, diminutivo de cabanas, chozas que alí houbo para recoller o gando polas noites.
O Concello, en acta da sesión de 14 de xuño de 1856, acordou a creación dunha escola de ensino primario en Liripio; hoxe os pais de familia teñen, para a educación dos seus fillos, unha escola macional servida por mestra.
Lindeiros: norte, Castrelo; sur, Ribela; leste, Quintillán e oeste, Sabucedo e Codeseda.
No eclesiástico: Liripio depende ou é filial de Ribela, presentación alterna ao cabido e á coroa; e ten por patrón a San Xoán. A igrexa é regular e antiga. En Cabanelas hai unha capela a Santa Luísa.
Festas anuais: San Xoán, o 24 de xuño; San Brais, o 3 de febreiro, Santa Lucía, o luns de Pascua.
Outras particularidades: a parroquia é das máis afastadas da vila e non moi coñecida, debido, sen dúbida, ás malas comunicacións. Está situada ao pé dunha serra e do monte más elevado da comarca, onde no inverno se ve a neve con frecuencia. Abunda moito a caza, especialmente de pelo (coellos e lebres).
As campás de Liripio teñen, di o vulgo, unha virtude especial para disolver as tronadas. En canto ameazan os tronos, comeza o repique e, a través dos anos, vaise conservando esta copla:
Campaniñas de Liripio
Cando empezás a tocar,
Nin que forás un feitizo;
Vais´a tronada pr’o mar.
Os de Liripio reciben o correo por Ribela.
LOIMIL
Parroquia de 62 cabezas de familia e 328 habitantes, que dista da Estrada uns 12 quilómetros.
A freguesía, pola súa fundación, pertence a tempos moi antigos. O significado do nome que leva, pola súa raíz vasca, equivale a “país húmedo” ou “lameira”, como en realidade, así é.
Lugares: Loimil do Carballo, Chenlos, Loimil da Igrexa, Riomao, O Outeiro, As Carballas, Os Casares, A Sobreira e Penaporrín(38).
Lindeiros: norte, Dornelas, San Miguel de Castro e Cira; sur, Remesar e Orazo; leste, Orazo e Dornelas e oeste, Oca.
Vías de comunicación: a estrada de Ourense a Santiago pola parte norte do territorio; un bo camiño aberto desde Penaporrín ás inmediacións da igrexa, iniciado e dirixido polo celoso párroco D. José Fariña Garabán; camiños veciñais antigos e os pontóns de Riomao e Costedo.
Bañan a parroquia os regatos da Barcia e Riomao; o primeiro pasa polo eido da casa reitoral, únese co segundo que baixa de Currelo (Orazo) e, unidos, marchan á horta do pazo de Oca.
No eclesiástico: Loimil ten por filial a Orazo. A patroa é Santa María e o curato, que é de entrada, pertence á Coroa. Riomao, “río malo”, foi soar, en tempos antiquísimos, do mosteiro de San Salvador e Santa Maria. Ningúns vestixios se conservan do edificio. En canto ao demais, só sabemos que o pontífice Anastasio IV, en bula do 8 de abril de 1154, e Alejandro III, noutra bula do 20 de marzo de 1178, confirmaron os privilexios da Igrexa Compostelá sobre outras igrexas, terras e mosteiros, encontrándose entre estes o de Riomao. A igrexa de Loimil é antiga e nela resalta o estilo románico bizantino, só desnaturalizado coa espadana, que é moderna. A sancristía fíxose en 1725, a tribuna en 1736, o incensario en 1762. En 1747 roubaron a cruz e os cálices da igrexa, pero ao pouco tempo restituírono todo. Antes do templo actual houbo o primitivo nas Tres Sobreiras do Salgueiro, punto do Agriño, onde aínda aparecen vestixios.
Preto da igrexa houbo a capela da Concepción, fundada polo cura D. Rosendo Vaamonde por medio do testamento que outorgou en 1690 perante o escribán Andrés de Nodar. En 1860, sendo cura o célebre D. Ramón Valenzuela, a capela referida foi modificada e aumentada, pasando a ser a da Saleta, que actualmente se conserva.
Festas anuais: a patroa, Santa María, o 15 de agosto; o 16, San Roque; Corpus, o domingo seguinte ao 15 de agosto; a Saleta, o 19 de setembro; o domingo seguinte, o Carme; o 8 de decembro, a Concepción.
Á beira da estrada hai algúns establecementos comerciais e unha cartería en Penaporrín.
Teñen os veciños reunida unha respectable cantidade para construír un local escola, xa iniciado; débese esta mellora á suscrición entre os veciños e mais os fillos da parroquia residentes en América, e moi singularmente á iniciativa e dirección do párroco.
MATALOBOS
Nas estribacións do monte da Cruz, a uns tres quilómetros da Estrada, está situada a parroquia de Matalobos que consta de 68 cabezas de familia e 329 habitantes distribuídos en aldeas.
Os datos de que dispomos para xulgar da antigüidade da freguesía son os seguintes: sabemos que dependeu do mosteiro de San Xoán da Cova, destruído o 18 de febreiro de 1571; e a bula de Clemente VII, con data de 25 de marzo de 1521, librada para a fundación do Colexio Maior de Fonseca, na que aparece como tributaria dita freguesía.
Debido ao moito monte que había, e aínda hai na localidade, abundaban os lobos por alí e con frecuencia os paisanos organizaban batidas para matalos; de aí a denominación da parroquia.
Lugares: Igrexa, Santa Baia, Matalobos, Fonte Piñeira, Rúa, Rosendes, Moldes, Guendos, A Brea, Río dos Sapos e A Graña(39).
Esculcando sobre o significado dos nomes máis raros destes lugares, sácase a consecuencia de que Fonte Piñeira é o mesmo que “fonte do piñeiro”, é dicir, unha fonte que alí hai, á beira da cal arraigaba un piñeiro corpulento; Rúa vén de terse fundado o casarío á beira da vía ou camiño real antigo; Rosendes ten a mesma denominación que o apelido dos fundadores, sendo de advertir que o tal apelido abunda moito na localidade; Guendos, na antigüidade sería gandos; Brea pode vir da resina dos moitos piñeiros que houbo en Matalobos, tamén significa esa palabra “lenzo moi basto” e, nalgunhas localidades da rexión, brea é o mesmo que “malleira” e brear, o mesmo que zoscar, é dicir, “maltratar de obra”. Brea en celta significa “vestido fermoso”, pero coidamos como máis axeitado ao caso o significado de “verea”, vocábulo que ten orixe ibérica ou céltica, pois precisamente polo lugar había unha gran vía que está desaparecendo. Graña, antes greña, “maleza”, que non é difícil que abundase por alí.
Lindeiros: norte, Toedo e San Xiao de Vea; sur, Arcos de Furcos; leste, A Estrada e Toedo; e oeste, San Andrés e San Xiao de Vea, e Portela.
Vías de comunicación: a vía da Estrada a Cuntis, camiños veciñais antigos, a ponte do Río dos Sapos e o pontillón da Graña. O proxecto do Ferrocarril Central comprende a parroquia que nos ocupa; tamén está en proxecto un vial da Estrada á igrexa de Matalobos.
Corren polos termos da parroquia dous regatos: o mencionado Río dos Sapos e o da Graña.
O ensino primario consiste nunha Escola Nacional servida por un mestre. Aqueles labradores teñen unha asociación agraria con seguro de gandos.
No eclesiástico: patroa, Santa Baia; curato de presentación alternativa entre a Coroa e o Marqués de Santa Cruz; é de entrada e ten por anexo Toedo. Na antigüidade tivo por filial á do Divino Salvador de Baloira. A igrexa foi edificada no ano 1595; antes había soamente unha capela aedicada a San Bieito e Santa Baia, situada no campo chamado dos Cruceiros.
Festas anuais: a patroa, o 10 de decembro; San Bieito, o domingo seguinte ao 11 de xullo; San Eleuterio, o domingo de Pascua do Espírito Santo; o Rosario no segundo de outubro; e outras menos sonadas.
Sufriu a parroquia de Matalobos dun modo enorme os horrores da invasión francesa, a principios do século pasado. Nos libros de defuncións do arquivo parroquial pode lerse o seguinte: o 5 de marzo de 1809, a de Andrés Rosende, esburatado a balazos; o mesmo día as de Francisco e Juan Sueiro, Gregorio Sueiro, Bonifacio Carbia, Jacobo Rivas, Juan Balado, Domingo Antonio Diéguez, Alonso Chedas, Jacobo da Ponte e o seu fillo de 14 anos Juan da Ponte; Francisco de Neira, Domingo de Carbia, Valentín Carbia, Jacobo de Chedas, Francisco de Souto, Leandro de Souto, Diego de Graña e María Collazo; o día 11 do mesmo mes e ano inscribiuse a defunción de Sinforosa de Chedas; e o día 14 a de Francisco de Souto; todos vítimas das balas inimigas. O 9 de abril de 1809 también foi asasinado polos franceses o presbítero D. Francisco Rivas.
Sobran os comentarios para esta páxina horrenda de sangue e sacrificio; limitémonos a sinalar que o citado día 5 de marzo de 1809, foi tal a carnizaría en Matalobos que, segundo deixou escrito o párroco daquela data, «por non caber os cadáveres dentro da igrexa houbo necesidade de enterrar fóra os de dous descoñecidos que se pensa que eran de Tabeirós».
Cóntase que os franceses, ao pasar pola Cruz, camiño de Cuntis, colocaron a súa bandeira nun alto, pero os de Matalobos substituírona decontado pola nosa; feito que deu orixe aos sucesos sanguentos de que se fixo mención. Aquelas pobres xentes sentiron rebulir nos seus peitos o amor patrio; pero, por carecer completamente de armas, foron asasinados sen defensa.
En termos do lugar de Santa Baia hai un castro ou campamento antigo que non ofrece ningunha singularidade. No mesmo lugar distínguese a casa de Valenzuela, á beira da cal arraiga un carballo secular de enormes dimensións.
Dominaban pola parroquia, cos seus foros, os señoríos de Sangro e do Preguecido.
MOREIRA
Parroquia de 105 cabezas de familia e 497 habitantes, que dista da Estrada uns 5 quilómetros. Está situada nun outeiro á dereita do río Liñares.
En canto á antigüidade da freguesía sabemos unicamente que non é pouca: o arcebispo D. Xoán Arias no seu testamento, datado o 20 de abril de 1266, fai doazón do casal de Moreira. Na bula de Clemente VII, con data de 25 de marzo de 1525, aparece como tributaria esta parroquia para o Colexio Maior de Fonseca, da Universidade de Santiago.
Os barrios habitados polos mouros durante o seu fugaz e accidentado dominio en Galiza, foron chamados mourarías, das que se pensa que derivan as denominacións de Mourente, Moureira e Moreira. No noso caso ben pode acontecer que a freguesía deba o seu nome a ser aquela comarca fecunda en amoras de silveira, contra a opinión dos que o derivan de moreira, árbore de cuxas follas se alimenta o verme da seda, descoñecido na nosa rexión.
Lugares: A Devesa, Moreira Nova, Moreira Vella, O Outeiro, A Pía, A Pica, Sestelo, Vilagude, Vilafruxil e Ponte Nogueira(40).
A Pía: non encaixa mal esa denominación a este lugar por estar situado nunha depresión do terreo onde a auga se encharca con facilidade, mais parece que adquiriu o nome dunha grande pía de pedra que alí se atopou hai moitos anos. A Pica (ou pico), debe a súa denominación a estar situada nunha altura ou picouto. Sestelo vén de sesta, “punto sombreado para acubillar o gando nas horas calorosas do estío”. Vilafruxil, “lugar abundante en froitas”.
Lindeiros: norte, Berres; sur, Callobre e Lagartóns; leste, Callobre e San Pedro de Ancorados; e oeste, Aguións e Barbude.
Vías de comunicación: a estrada de Callobre a Ponte Ledesma; camiños veciñais antigos; a Ponte Nogueira, a Ponte Vella e os pontillóns de Fouleiro e Canizas.
Bañan a parroquia o río Liñares e o regato de Ponte Canizas.
O ensino primario consiste nunha escola nacional servida unha por mestra.
Hai en Moreira unha sociedade de agricultores.
No eclesiástico: Moreira ten por patrón a San Miguel. O curato é de entrada, pertenceu ao mosteiro bieito de San Martiño Pinario e hoxe pertence á Coroa. A Igrexa, de regular importancia, ten unha ábsida románico-bizantina, e o demais fíxose no século XVII.
Festas anuais: San Miguel, o 29 de setembro; Santo Domingo, o 4 de agosto; San Roque, o 30 de setembro; o Sacramento, o primeiro domingo de outubro; San Antonio, o cuarto domingo de xuño.
En 1836 funcionaba en Moreira, no lugar da Pica, o Concello da Estrada.
En termos da parroquia, no punto coñecido por Pinarzas, está o salto e fábrica da nova empresa de luz eléctrica que ilumina A Estrada.
NIGOI
Parroquia de 90 cabezas de familia e 471 habitantes, distante da Estrada uns 8 quilómetros por termo medio.
O dato más importante que coñecemos para xulgar a antigüidade desta freguesía é unha escritura do ano 1480, outorgada no Campo da Batalla de Lagartóns, por Agustín Brea, de Santa María de Nigoi e un veciño de Vinseiro.
Lugares: Constenla, O Pazo, A Carballeira, A Silva, Escarís e Parafita41. Escarís, pola súa raíz vasca, significa, “húmido”, condición que non lle falta á localidade. Parafita era denominada antes Parafeita ou Parrafeita.
Lindeiros: norte, Tabeirós; sur, Codeseda e Arca; leste, Parada e oeste, monte do concello de Cuntis.
Vías de comunicación: a estrada de Vilapouca a Ponte Vea e camiños veciñais antigos. Por Nigoi debe cruzar un camiño cuxo proxecto foi aprobado polo Estado, que sae da estrada de Codeseda ao Campo, para acabar en termos da parroquia que describimos, na estrada de Vilapouca a Ponte Vea.
Funciona en Nigoi unha escola nacional atendida por unha mestra, situada nun edificio propiedade do vecindario, cómodo e novo. Teñen os labradores unha sociedade agraria de poucos bríos.
No eclesiástico: o curato é de entrada, presentación do marqués de Santa Cruz. A patroa é Santa María. A igrexa é antiga, sen ningunha cousa notábel. Antes de construírse, había a uns 40 metros de distancia, unha capela adicada á Virxe da Piedade, na que só se celebraba misa algunhas veces, polo que os veciños de Nigoi acudían á de Codeseda. Reuníanse para iso os domingos e días de festa de gardar, a toque de buguina, nun punto determinado de antemán: por iso chamábanlles “buguinos”.
Houbo un cura que, perseguido por cuestións políticas, fuxiu do país vestido de paisano e despois viviu en Madrid de taberneiro. Cos dereitos que tiña devindicados e lle pertencían fíxose o corpo principal da igrexa, hoxe moi deteriorada. Do arquivo parroquial só se conservan documentos a partir do ano 1728, en que era cura D. Carlos Ignacio Soto. A casa reitoral ten nove hectáreas de terreo, a labradío, herbeira, carballeira e toxeira. Dise que parte dese terreo o legaron dúas mulleres sen descendencia do lugar de Sar, hoxe pertencente a Tabeirós e que antes era de Nigoi.
Outras particularidades: en 1668 aforou o marqués de Santa Cruz a José Pazo, o lugar que leva o mesmo nome que o apelido do seu fundador. O canon consistiu en trinta ferrados de centeo e dous capóns. En 1726, aforou o mesmo marqués a Alonso Varela e Ángel Picallo o lugar de Constenla, en cinco ferrados de centeo anuais, ademais dos 31 que viñan pagando con anterioridade.
No agro de Pazos, situado a 200 metros do lugar deste nome, aparecen con frecuencia efectos de construción e cerámica antiga. Alí encontrou o veciño Manuel Bergueiro García un enorme cacharro de barro e unha culler también de barro. Cóntase que no devandito agro houbo na antigüidade unha aldea.
Cando foi a invasión francesa, levaron as tropas de Napoleón un becerro da casa de Domingo Antonio Brea, conducírono ata a Consolación, onde o deixaron despois de bater nel cos sabres. Un rapaz de nove anos, fillo do dono do animal, asustado, escapou cun pan nunha cofia e ocultouse nun barranco, de onde non saíu ata que se lle acabaron esas provisións.
A casa de Capelle, hoxe de Benito Porto, considérase como a máis antiga da localidade.
OCA
Consta esta parroquia de 100 cabezas de familia e 475 habitantes: dista da Estrada uns 12 quilómetros por termo medio.
En canto á antigüídade da freguesía, pode asegurarse que non é pouca, considerando que dependeu do mosteiro de San Xoán da Cova, desaparecido en tempos remotos. Hai outro dato que contribúe á afirmación e é un xuro do ano 1574, mediante o cal Oca foi desmembrada da terra de Santiago. Dise que o nome que leva a parroquia corresponde ao apelido dun famoso guerreiro expulsado de Toledo en tempos turbulentos e que veu establecerse no lugar: chamábase Oca, descendente de Olca, señor de 28 localidades españolas, que axudou a Escipión a destruír os cartaxineses. En Toledo hai os sonados montes de Oca, dos que tamén se conta que deben o nome ao caudillo Olca. Don José María Moar dinos outra cousa, segundo veremos máis adiante.
Lugares: Rendo, A Praza, Castrotión, O Sisto, Igrexa, Vista Alegre, O Outeiro, O Pinal, Goleta e Abelao(42).
Rendo vén, ao parecer, de renda: “terra aforada e suxeita a un dominio señorial” ou “punto onde se cobraba o canon”. Castrotión posibelmente debe o seu nome ao castro que existe nas proximidades, aínda que hai quen afirma que antes se chamaba Castación ou Castración, punto onde se castraba, pois de antigo teñen no lugar posto de sementais (cabalos e garañóns). Abelao, por ter a raíz abe, que é vasca, pode significar “bosque”, pero é máis probábel que veña de abela, “álamo negro”, árbore que abunda por alí.
Lindeiros: norte, Castro e Arnois; sur, Loimil e Remesar; leste, Loimil e oeste, Riobó e Arnois.
Vías de comunicación: a estrada de Ourense a Santiago e a de Callobre a Ponte Ledesma; os pontóns de Chancelas, Abelao e Outeiro, e outros menos importantes; sen que falten os indispensábeis camiños rurais.
Fertiliza parte desta parroquia o regato da Presa Nova, Subatán ou das Damas, que nace en Orazo, entra na horta do pazo e sae á Agra de Oca.
En canto a instrución primaria, xa en 18 de xaneiro de 1856, alude a corporación municipal ao nomeamento do mestre don Ramón Barreiro. Agora a escola é mixta atendida por unha mestra, que exerce nun edificio moderno lindante coa estrada.
Teñen os de Oca unha sociedade de agricultores, alma mater de todas as da Ulla, con dúas seccións especiais, unha para seguro de gandos e outra cooperativa de consumos. Deu calor e vida a esa asociación a figura venerábel de D. Manuel Amigo, irmán de D. Ramón, médico célebre. Puxo D. Manuel todo o seu entusiasmo e non pouco diñeiro na empresa social, con esta máxima edificante: «todo por e para o agricultor». É este home tan excelente artista que o premiaron en varias exposicións; os labradores débenlle o invento dunha cultivadora especial para o millo que aforra e economiza moitos brazos e tempo.
No eclesiástico: o curato é de entrada; pertence á Coroa; antes pertenceu ao priorado de Sar, e pagaba oito fanegas de froito para a fortaleza da Barreira. No pazo hai con frecuencia capelán. O patrón é San Estevo. A igrexa non pasa de regular, e ten unha inscrición que di: «año de 1629, por el varón Oterna». Don Blas Vázquez de Cancela fundou na igrexa unha capela ao seu santo. A capela do pazo chama a atención pola súa elegancia e as súas torres, todo modelo de escultura; está adicada a San Antonio. En Castrotión vense as ruínas doutra capela que foi dos infanzóns Quiñones de León e Figueroa e estivo adicada á Anunciación. Pertencíanlle os lugares do Outeiro e outros (ano 1574-13 xuño).
Festas anuais: San Estevo, San Roque, Nosa Señora do Carme, a Concepción, Nosa Señora de Lourdes, San Brais e Corpus Cristi. Na capela do pazo celébranse dúas: unha a San Antonio e outra ao Sagrado Corazón de Xesús.
Outras particularidades: No ano 1672 actuaba en Oca o escribán D. Andrés Nodar.
Vexamos o que di D. José María Moar no Compostelano de Santiago con data 17 de abril de 1920: «Casas galegas de avoengo. O pazo de Oca: preto do outeiro de Teón, un dos que forman círculos concéntricos ao natural mirador da reitoral de Lagartóns, na Estrada, encóntrase Oca. O fillo de Darío de Persia, Oco, se habemos de crer na ciencia do brasón, dá nome a esta freguesía de San Estevo. Os Ocas descenden daquel príncipe. D. Alvaro de Oca veu de Galiza en tempo de Juan II, casou con D.ª Constanza de Ribadeneira e fundaron o pazo e soar de Oca, actual propiedade dos marqueses de Camarasa, título con grandeza de España desde 1543, e tamén marqueses de Puebla de Parga e condes de Riela e de Castrojerís. Polos Gayoso Sevilla está emparentada con eles a importante dama galega D.ª Leonor Flórez y Suárez de Deza, esposa do avogado santiagués, residente en Madrid, D. Antolín Pazos Viéitez, irmán político de D. Paulino Otero, e que acaba de solicitar a concesión nobiliaria, en nome de devandita dama, do Marquesado de San Miguel das Penas e Condado de Amarante, antiga e señorial alianza de quen era o mencionado pazo... O Condado de Amarante data de 1648 e o Marquesado de San Miguel das Penas de 1719. Con razón foi chamada «Versalles de Galiza» esta señorial mansión. A súa fachada principal componse de planta baixa de seis ocos cadrados de luz, e planta alta, con sete fiestras; a central dá a un amplo balcón. Na esquina, como proa de inxente navío, está a torre ameada, de cinco ocos a este lado. Dentro, vense vastas salas onde, ao noso paso, tremen arcaicas consolas e caen brasonadas cortinas. A fachada oposta dá ao xardín. Hai na planta baixa, achaparrados porches con bancos de pedra e case todo o primeiro andar ilumínao unha serie longa de altas e anchas fiestras sobre balaustrada de pedra, isto dá a esta planta o aspecto dunha extensa galería que foi balcón. A capela contigua é de dúas torres, tamén balaustradas, dun corpo, é de cruz grega. Sobre a porta hai un balcón, e encima dúas imaxes de pedra, a inferior nun nicho. Corren a ambos os dous lados soportais, cubertos tamén de balconada. Na parte superior da fachada principal campan, en dous escudos, as armas de ambos títulos. A un extremo pende unha piadosa cruz de madeira, en recordo dunha misión... Venérase na capela un San Antonio, que é unha preciosidade, esculpido en Roma; e mais os Sagrados Corazóns e a Virxe de Lourdes... O estanque grande co seu illote de flores e a súa glorieta; o patio posterior do pazo coa súa arcaica fonte de pedra, rodeada de verdes e frondosos macizos; o outro estanque; a fermosa avenida dos tileiros, na súa parte inferior enlazados por sebes de buxos e mirtos, dan a esta residencia un aspecto de Petit Trianon... O río de Oca, aflúente do Ulla, e o regato das Donas borboriñan como falándonos de príncipes e damas. Ao carón desta avenida están os labradíos; no lado oposto, o pomar ameno...Queredes coñecer variedades de frutais? Ide alí e na súa sazón atoparedes neste verxel virxiliano e edénico o agre poncidre; a toronxa de pel máis grosa, chea de pequenos vultiños; o albaricoque, o pexegueiro cargado; as mazás perazas, repinaldo, pero morado, e mazá forna; as peras pardais, as anxiñas, as urracas encarnadas, as xoaneiras, as couxo da dona, as santiagueñas, as pardas de inverno, as bergamotas, as “papo de perdiz”... Ameixas? Hainas melosas de Dona Claudia, verdiñais, de xema, de mirabel, as redondas, as ambruíñas, os fatóns... Cereixas? Atoparédelas pedresas e garrafais. Tamén hai guindaleiras preciosas... E uvas? Desde a rara de cereixa dura ata «o vencellao».
Saíde ao xardín, contiguo ao patio posterior... Nadaredes literalmente nun océano de flores. Alí adoitan agruparse e entrelazarse o cinamomo multifloro de bíblico e exquisito perfume, as palmeiras, os tulipáns e heliótropos, o algarrobo e a néspera do Xapón, os diópiros, as dráceras, welligtonias... toda unha riqueza floral, toda unha manda magnífica de amor!.... Querédesvos extasiar ollando a violácea amatista, o xacinto de Ceilán, rival do circón, o záfiro branco, o translúcido ópalo, a incolora telesia, o topacio rosa do Brasil e granates sirios, orientais e de Bohemia? Si? Pois achegádevos aos dous estanques e ás fermosas fontes que hai entre a horta e o pazo, e todas estas pedras finas veredes saír dos surtidores cando o sol os fere; florescencias múltiples e fosforescencias máxicas dun espumoso océano de luz!... Ben di o pobo no seu cantar:
Cando no palacio de Oca,
a tardiña ao sol fachea,
parece un navío de ouro
que ao pé da costa fondea!..
Á ampliación do pazo de Oca non foron alleos os Condes de Benavente que, nunha parede lateral que se ve desde o patio, fixeron colocar unha pedra labrada coa figura dunha man en realce, indicando co índice unha inscrición que di: «Prosiga 1746».
O Concello da Estrada, en sesión do 4 de novembro de 1885, acordou propoñer que se declarasen fillos adoptivos da provincia a D. Manuel Fernández Hinestrosa y Santisteban e á súa esposa a señora María de la Encarnación Gayoso y Téllez Girón, marqueses de San Miguel das Penas e a Mota.
Cando por aquí se acorda saír ao campo a pasar un día de lecer con amigos ou familiares, o primeiro que se pensa é dirixirse a Oca, lugar que con frecuencia é visitado por numerosos excursionistas, atraídos polas belezas da paisaxe e a fermosura do pazo.
En tempos, algo afastados xa, houbo na parroquia unha fábrica de curtidos. No lugar de Renda observouse hai anos un fenómeno estraño que tivo moi intrigados aos veciños: nas árbores próximas ao casarío, víase nas noites escuras unha luz opaca e azulada, conducida por unha sombra, que ía aumentando e pasando dunhas árbores a outras; cando unha persoa se achegaba, o fenómeno desaparecía. O vulgo coidou que era un animal de ollos moi brillantes, unha alma en pena, e chamáronlle “lunferna”.
No lugar de Castrotión pasou algunhas tempadas o célebre xornalista D. Alfredo Vicenti.
O 27 de febreiro de 1878 comezou a facerse unha feira no punto da Valiña, con aprobación do Concello, que tamén autorizou o 4 de xaneiro de 1882 a creación dun mercado a celebrar os luns de cada semana na Praza de Oca. Actualmente non existen nin a feira nin o mercado.
En termos desta parroquia hai unha fábrica de serrar madeira, da Sociedade Barcala, Liste e Ruibal, que se move no inverno por forza hidráulica e no verán a vapor.
Na Praza hai panadarías e establecementos comerciais con estanco de tabacos.
OLIVES
Parroquia de 71 cabezas de familia e 340 habitantes, situada na vertente occidental do monte de San Sebastián, e distante da Estrada uns dez quilómetros.
Olives vén de oliva, oliveira. Por alí tivo que abundar esa clase de árbores; aínda se ven varias na actualidade.
Lugares: A Viladafonso, Pazos, A Somoza, Fraiz, Fieitoso, e unha casa nova na Caniza(43).
Viladafonso ou Vila de Afonso, do fundador ou primitivo aforante do lugar, que levaba ese nome. Sobre A Somoza véxase o que en canto ao significado desa palabra sinalamos ao describir a parroquia do mesmo nome. Fieitoso, terreo de moitos fieitos ou fentos.
Vías de comunicación: camiños antigos e malos e as pontiñas de Santa Lucía entre Pazos e a Igrexa, outro en Pazos para se comunicar con Parada de Pardemarín, e o de Laxes entre Viladafonso e Pardemarín. A Olives irá un camiño vecinal cuxo proxecto foi aprobado polo Estado.
Lindeiros: norte, Curantes; sur, Pardemarín; leste, montes de Seoane e Escuadro; oeste, Lamas.
Bañan a parroquia que nos ocupa dous regatos: un que nace no monte de Pazos e desauga en Lamas e outro que ten orixe en Fraíz e pasa a Curantes, no punto de Ponte Retorta, e después a Pousada; con ambos réganse varios terreos.
En 1856 era mestre de Olives, D. Vicente Prieto, natural de Agar; en 1858 xa o era D. Manuel Barcala. Hoxe teñen aqueles pais de familia para instruír os seus fillos unha Escola Nacional servida por unha mestra, que funciona en Pousada.
No eclesiástico: Olives ten por filial Pardemarín e por patroa, Santa María; o curato é de entrada, presentación de varios leigos; antes presentaba Gómez de Xerliz, sucedendo ao padroado do dono do Casar de Pazos. A igrexa é regular; foi reedificada en 1829 e 1830; ten unha boa torre composta de dous corpos. Dise que a igrexa primitiva estaba no Castro. Os datos más antigos do arquivo parroquial chegan ao ano 1696.
Festas anuais: a patroa, o 15 de agosto; o Anxo, o primeiro domingo de setembro; Santa Lucía, o 13 de decembro; San Antonio, o 17 de xaneiro.
Outras particularidades: en Olives, no lugar da Viladafonso hai un castro sen ningunha particularidade especial. Olives e Curantes teñen unha meritoria sociedade pro-instrución, fundada polos fillos desas parroquias residentes en Cuba; reuniron algúns fondos e proxectan a construción dun local para o ensino.
Entre Olives e Seoane de Forcarei, alá na altura do monte está a Lagoa Sacra. Trátase dunha lagoa moi notábel, duns vinte ferrados de extensión, que presenta en todo o seu perímetro vestixios de murallas. Cóntase que se librou nas inmediacións unha grande batalla e que os cadáveres foron lanzados ao lago; por iso o amurallaron despois para evitar profanacións e denominárono «Lagoa Sacra». No inverno hai alí moitos parrulos.
ORAZO
Alá, cara a nordés, fronteiriza con Silleda, e a uns 15 quilómetros da Estrada, está a parroquia de Orazo, composta de 147 cabezas de familia e 748 habitantes.
O significado da palabra Orazo, se atendemos á súa raíz vasca or-, pode ser un aumentativo de can, como canzazo; porque or é o mesmo que can en euskera. Se nos fixamos nas condicións especiais da localidade e algunhas opinións que debemos atender, Orazo vén de areazo, da area que, cando as choivas son torrenciais, adoita baixar dos montes altos que limitan a parroquia por leste e sur, cara o val onde están os principais casaríos e a igrexa. Esta crenza reafírmase coa circunstancia de que, elevado nun outeiro destes montes está o lugar de Orosa, antigamente Areosa, segundo puidemos comprobar en documentos remotos, e cuxo nome responde ás condicións do terreo.
A antigüidade desta parroquia é moita, segundo veremos. A raíña Dª Urraca, no ano 1115, doou á igrexa de Santiago a de Orazo “cos seus servos e o seu carácter, o dereito de poñer saión ou alguacil e demais atribucións señoriais». Nun título expedido no século XV a favor do bacharel Álvarez mándase dar posesión das parroquias de Orazo e Castrovite. Na bula de Clemente VII, no ano 1525, día 25 de marzo, aparece como tributaria esta parroquia para o colexio maior de Fonseca. Doutro documento do ano 1794, autorizado polo escribán Agustín Varela Vaamonde, aparece que Orazo pertence á Xurisdición e Coto de Piñeiro de Balanzuela.
Lugares: Besteiros, Castrovite, Barro, Sobreira, Silva, Vendexa, Baldarís, Currelo, Vilanova, A Igrexa, Pazos, O San Lois e Orosa(44).
Aínda hoxe, no lugar de Besteiros, que chaman indebidamente Basteiros, abundan as bestas e hai algún arrieiro con recua. O lugar de Barro debe o seu nome á condición barrenta do chan. O de Sobreira débeo á abundancia desa árbore por alí. Silva é planta moi común en Galiza. Baldarís é o mesmo que “baldío”. Currelo, se atendemos á súa raíz vasca, significa “ouro”; pero mellor nos parece quedar co significado galego que se deriva de curro, “terreo pechado sobre si”, pois isto axéitase ben á condición do casarío. Orosa ten raíz grega e nesa lingua equivale a palabra a “marco” ou “límite”, mais xa deixamos dito que, en realidade, vén de areosa.
Deixamos para comentar en último termo o lugar de Castrovite, “castro de boa vista”, que foi nalgún tempo punto de etapa e de posta, pola importancia histórica que ten. Foi parroquia en tempos pretéritos e a súa igrexa, como a de Orazo, doada pola raíña Dª Urraca no ano 1115 á igrexa de Santiago, «cos seus servos e o seu carácter, o dereito de poñer saión ou alguacil e demais atribucións señoriais». Compoñíase esta freguesía dos lugares de Castrovite, Besteiros, Quitimil e Rosedo. En vida da famosa raíña galega Dª Urraca, celebrouse un concilio en Castrovite, ao que asistiron os notábeis Arias Pérez, Pedro Gudesteiz, Xan Díaz, Paio Gudesteiz e outros, co bispo de Santiago D. Diego Xelmírez, «onde, despois de longa discusión, quedaron moi amigos e xuraron e perxuraron que nunca xamais habían de faltar ás palabras que se deran e promesas que se fixeran, porque todo o reino de Galiza estaba revolto; uns querían por rei ao actual emperador Afonso VII, que era un neno; e outros, por ir contra o conde de Traba, pretendían que non debía haber outro rei que Dª Urraca ».
Do ano 1508 é unha escritura por virtude da que o rexedor Juan de Otero dá en foro a Gonzalo Soutelo, por dúas rapadas de centeno (a rapada equivale a dous ferrados e medio de Ávila), a oitava parte do lugar de Besteiros, correspondente á freguesía de Castrovite e San Xiao de Piñeiro.
En 1535, Álvaro Neto vende o lugar de Besteiros da Devesa a Juan de Otero, devanceiro do conde de Amarante. No 30 de xullo de 1537, o señor do Coto de Piñeiro, estando no lugar e aldea de Besteiros, freguesía de Castrovite, dá posesión a Andrés González do referido lugar, perante o escribán Antonio Gómez. O 22 de novembro de 1564, foi cedida a cuarta parte do lugar de Besteiros da Devesa, freguesía de Castrovite, por Álvaro Neto, a María de Neira. No último terzo do século XVI foi disolta ou extinguida a freguesía de Castrovite; tanto é así que no ano 1605, a 15 de novembro, López Teara, perante o escribán Juan Paseiro, fai cesión en favor do rexedor Juan de Neira, de unha rapada de centeo en Besteiros, parroquia de Orazo. Tamén por outra escritura do ano 1674 se demostra que Besteiros se incorporou á parroquia de Orazo. Unha vez demostrado que, ao desaparecer a freguesía de Castrovite, pasou este lugar a Orazo, diremos agora que Besteiros correu a mesma sorte; que Rosedo foi agregado a Dornelas e que Quitimil foi incluído na parroquia de Lamela.
Na revista Galicia Diplomática, con data de 20 febreiro de 1884, trátase da cruz parroquial de Castrovite e dedícaselle unha extensa recensión que, en síntese, di: «a antiga e primitiva cruz da extinguida parroquia de Castrovite é unha alfaia de cobre que conta preto de sete séculos de antigüidade; mide de altura 60 centímetros e 33 de ancho; nos paus do globo tiña pedras preciosas de dous centímetros de diámetro (hoxe non as ten); mostra aínda manchas do seu antigo dourado ao lume; ten desperfectos que fan case imposíbel unha restauración de tan curiosísimo monumento. Cantas xeracións viu pasar para nunca volver esta muda testemuña de varios séculos! Ela subiu aos castelos e entrou nas humildes casoupas; ela recorda a Idade Media coas súas funestas guerras señoriais, as andanzas lutuosas dos nobres e as revoltas dos Irmandiños.»
No inventario que se realizou o ano 1621, nos efectos correspondentes á freguesía de Orazo, xa consta anotada esta cruz.
O castro, inmediato ao casarío de Castrovite, é dos más notábeis do país; vese desde longas distancias como un cono truncado, coa súa capeliña na chaira. Levántase nas inmediacións da estrada de Ourense a Santiago, nun punto estratéxico desde o que se domina moitísimo terreo; tiña enormes fosos e cintos de fortificación, dos que aínda se conservan restos que testemuñan a súa antigüidade e importancia, como tamén son proba do antigo da obra, os arcaicos ladrillos atopados alí. Pénsase que foi unha posición moi vantaxosa para o célebre arcebispo D. Diego Xelmírez, que se ocupaba moito dela, pola súa proximidade ao castelo de Cira e debido a estar inmediata á liña divisoria da diócese de Lugo e do Condado dos Dezas.
Lindeiros: norte, Dornelas; sur, Curantes; leste, Piñeiro, Lamela e Cervaña; e oeste, Agar, Remesar e Loimil.
Vías de comunicación: a estrada de Santiago a Ourense pasa pola parte norte da parroquia, e a de Chapa a Carril pola parte sur. Saíndo da primeira, entre Castrovite e Besteiros, arrinca un ramal que chega ás proximidades da igrexa, obra do finado D. Faustino Ulloa; case do mesmo punto parte outra ramificación para o lugar de Besteiros, obra de D. Faustino Villaverde. Completan as comunicacións camiños rurais e os pontillóns de Barro e Vendexa.
Corre por Orazo un regato que xorde en Miroi e baixa por Baldarís, Vendexa e Silva.
En canto a instrución primaria, contan aqueles pais de familia cunha escola nacional atendida por un mestre. Foi aprobado no ministerio o expediente para a creación dunha escola de nenas. O Concello, en sesión de 10 de marzo de 1880, creara a escola incompleta de Orazo-Loimil. Os labradores teñen unha sociedade agraria.
No eclesiástico: Orazo tivo por filial a Dornelas, ata o ano 1553, en que se separaron. Hoxe é filial de Loimil, cuxo arranxo parroquial comezou a rexer o 1 de xullo de 1869. O curato dependeu do prior e cóengos regulares de Santo Agostiño de San Xoán da Cova, fronte a Gundián, ata o 21 xullo de 1463, en que se uniu ao Priorado de Sar, sendo prior Vasco Fernández, provisor, Juan Arias, e arcebispo, D. Alonso de Fonseca; actualmente é padroado da Coroa. A igrexa data do século XII; dela é unha inscrición que o señor López Ferreiro anota no seu Arqueología Sagrada, e que, en síntese, di: «Era MCLIIII, Kalendas Martinus(45)». Sufriu o templo varias reformas: en 1640 mandouse pechar a fiestra de atrás; o ano seguinte serraron a nogueira para o altar maior, que se fixo en 1642 e custou esta talla 302 reais; en 1684 alongouse a igrexa; o coro levantouse en 1705. En 1794 entraron os ladróns pola subida á torre e roubaron todas as alfaias do templo. Á beira do altar maior hai un letreiro que di: «Este retablo se hizo en el año 1642. Se doró en 1644. Se restauró en 1911.» O patrón de Orazo é San Pedro.
Separadas da igrexa existen dúas capelas; unha a de Santa Mariña, no castro de Castrovite; e outra a de San Lois, que deu nome ao lugar. Esta é antiquísima, tanto como que pertenceu ao priorado de San Xoán da Cova. Pola comarca estendeuse a crenza de que na de Santa Mariña, debaixo do altar principal, había un tesouro enterrado. A ese convencemento debeuse que, en xaneiro de 1920, entrasen uns ladróns polo tellado e levantasen parte do altar; abriron unha profunda foxa e atoparon un rústico monumento formado por dúas ou tres pedras de bo tamaño, unha especie de túmulo, dolmen ou sepulcro. Os curiosos exploradores deixaron sobre o devandito altar unha nota que dicía: «respectouse todo coma se fose noso».
Festas anuais: San Pedro, o 29 de xuño; San Antonio, o día seguinte; Corpus, o domingo seguinte; o Carme, o domingo seguinte; Santa Lucía, en maio; as Flores, o domingo seguinte; Santa Mariña, en xullo; San Lois, o 25 de agosto.
Outras particularidades: No lugar da Igrexa hai unha casa señorial que foi construída polo cura licenciado D. Bernardino Grove y Carrera, finado no ano 1758; herdou o inmóbel a súa irmá Dª María, quen contraeu matrimonio con D. Gabriel de la Vega, natural de Val de Hoz (Santander); tiveron dous fillos: D. José, que foi médico destacado no Hospital de Santiago, e D. Juan, famoso avogado que escribiu unha atinada obra de Dereito Civil, foi xuíz de Lalín desde 1820 a 1823, morreu en 1838 e sempre foi moi querido e respectado por cantos o trataban. Traballara moito para crear o Concello de Orazo e sufriu o desgusto de ver a súa casa incendiada polos franceses. Hoxe esa propiedade pertence aos herdeiros de Dª Juana Villar Ulloa, que foi esposa de D. Faustino Ulloa, finado cando era célebre xefe da política local. Un deses herdeiros é o deputado provincial D. Ramiro Ulloa. Herdáraa Dª Juana do seu pai, un boticario de Lalín, que a comprara aos herdeiros de de la Vega.
Volvendo ao dos franceses que incendiaron a casa de D. Juan, temos a obriga de consignar que non pararon aí as súas atrocidades: o 1.° de maio de 1809 mataron a Domingo Liste, do lugar de Besteiros, estando no prado da Laxe; tamén mataron a Francisco de Orosa, igualmente veciño de Besteiros; a Simón Colmeiro, de Castrovite; a María Josefa Rey, do lugar da Igrexa e a Jacoba Rey, de Vendexa.
Tamén padeceu a parroquia de Orazo unha invasión dos facciosos o 24 de agosto de 1839 e, para evitar esas incursións, enviouse no ano 1840 un destacamento de tropas que estaba instalado na casa de Ricardo Carbón, de Castrovite. Xa antes, o 20 de agosto de 1836, sendo Capitán Xeral de Galiza don Manuel de Lastra, acampara en Castrovite unha columna de operacións para opoñerse ao rebelde Gómez.
Nesta parroquia existe a curiosa industria de fundición de campás a cargo de D. José Liste Villanueva. Alá polo ano 1835, chegou á localidade D. Pedro Hontañón, fundidor ambulante, natural de Santander, e en Orazo detívose unha longa tempada para cumprir con varios encargos; auxiliouno no traballo Juan Liste Pereiras; foise afeccionando este á fundición e, cando tiña trinta anos de idade, montou o seu taller, á fronte do cal estivo ata que faleceu en 1909 e sucedeuno na industria o seu fillo, o actual campaneiro José Liste Villanueva. As campás que se constrúen en Orazo teñen lexítima fama pola súa resistencia e sonoridade. O sino pequeno da igrexa parroquial ten unha inscrición que di: «Me hizo Hontañón en Santiago, año 1848»; o mediano tamén o fixo Hontañón en 1839; e o maior é obra de Liste.
Por acordo do Concello, en data de 9 abril de 1840, deuse orde aos do lugar de Besteiros de que concorresen a pagar as contribucións a Piñeiro. O mesmo lugar foi, hai uns 50 anos, agregado a Dornelas para efectos eclesiásticos; mais os veciños, dando unha verdadeira proba de enteireza, opuxéronse e, despois dunha loita tenaz, chegaron a conseguir que o vicario capitular S. V. Dr. D. José María Canosa deixase sen efecto a disposición. A corporación municipal en acordos dos anos 1872 e 1873 apoiou aos de Besteiros nas súas lexítimas pretensións.
O Concello, en sesión de 10 de marzo 1892, autorizou a creación dunha feira, a celebrar o sete de cada mes, no punto de Riazós; hoxe non existe.
Da familia dos Paio houbo en Orazo un sacerdote e un mestre, haberá uns 60 anos, que tiñan un colexio importante na Vilalén, local que actualmente ocupa a sociedade agraria. Para o lugar de Currelo e casa de Requeixo foi en matrimonio unha descendente dos infanzóns de Oca.
Houbo un casarío, que desapareceu, entre Orosa e Rabo de Gato, no punto do Agro de Lamas, polo que aínda cobran rendas os Valenzuela. También en Miroi, cerrada do marqués, houbo outro casarío do que aínda se conservan vestixios.
Sosteñen os de Orazo que na fonte de San Paio, que está á beira do camiño que comunica o lugar da Igrexa con Vendexa, apareceu a imaxe de San Paio que se venera no templo parroquial.
Na localidade hai unha música moi ben afinada, que goza de sona en toda a contorna. Tamén hai cartería.
A xente desta parroquia vense distinguindo desde os tempos antigos pola súa unión e laboriosidade. Os mozos de distintas xeracións deron evidentes probas de valentía cando eran fustrigados nesas batallas campais que tanto fixeron desmerecer as nosas típicas romarías.
OUZANDE
Á caída dun outeiro do Monte da Cruz está a parroquia de Ouzande, que consta de 70 cabezas de familia e 378 habitantes.
Antigamente chamábase Auzande, e talvez se deba a diferenza a que os galegos fixeron do au latino, ou.
Parece que en latín bárbaro, Ouzande ou Auzande significaba “alá, andando até máis adiante”.
Lugares: Alemparte, O Formigueiro, Topete, O Redondo, Aldea de Abaixo, Picoto, O Castro, Penarada e As Cachopas(46).
Alemparte componse de alén e de parte, equivalendo o composto a “máis alá”, “do outro lado”, “desa parte”. Do significado do Formigueiro, O Redondo, Aldea de Abaixo e O Castro, non cómpre ocuparse. Topete é dimidutivo de tope, que significa “sobresaínte”, “superior” ou “elevado” e precisamente nunha elevación está o casarío. Picoto vénlle de estar situado nun outeiro ou pico. Cachopas chámanse os anacos de trontro de árbore con raíces que quedan na terra despois da tala. É de supoñer que os habería no lugar cando se fundou.
Lindeiros: norte, A Estrada; sur, A Somoza; leste, Guimarei e oeste, Arcos de Furcos.
Vías de comunicación: camiños rurais antigos. Está en proxecto un camiño do estado desde a Estrada á Igrexa.
Teñen os pais de familia unha escola mixta atendida por unha mestra.
No elesiástico: Ouzande foi freguesía independente e aínda tivo a de Aguións unida na antigüidade. En 1869 pasou a ser filial da Estrada. O patrón é San Lourenzo, e presentan para o curato o marqués de Santa Cruz e outros. A igrexa, de puro estilo románico-bizantino, ocupa un punto pintoresco desde o que se admira un panorama fermosísimo. Sobre a porta lateral, hai un letreiro que di «año de 1781»; e responde á data dunha reforma; polo leste vese o escudo de Santa Cruz. No camposanto existe un cruceiro que descansa sobre un pedestal antigo no que se le: «Anno MDCIXVVIII-A costa del Rector». Sobre a porta do cimeterio, labrada en pedra e realce, hai unha caveira á que segue esta inscrición: «Como me ves, te verás en breve. R.I.P. 1874». Na capela do Socorro, pendente do altar, consérvase un precioso coiro de Córdoba(47). Inmediato á igrexa pola parte do nacente, á beira do camiño, levántase un cruceiro coa seguinte inscrición: «Propiedad de D. Ángel Rodríguez, su mujer e hijo D. Juan Manuel-1892».
Festas anuais: San Lourenzo, os días 10 e 11 de agosto; o Socorro, o segundo domingo de setembro; e o Santísimo, sen día fixo.
Antigamente as parroquias de Ouzande, Aguións e Lagartóns sorteábanse para dar un quinto ao exército.
Dominaban na localidade os señoríos de Santa Cruz, Sangro, Torre de Guimarei, marqués de Canillas, e tamén o de Soutomaior.
Moitos dos naturais do país dedicábanse, como os seus veciños da Somoza, a cardar la.
O Concello, en sesión de 19 de agosto de 1859, autorizou a división do monte de Ouzande entre os habitantes.
Antonio de Ponte rendiu o seu tributo de sangue á patria, posto que morreu pola súa independencia, canda a invasión francesa de principios do século pasado.
E non pecharemos esta descrición parroquial sen adicar un párrafo á memoria do célebre D. Ángel Rodríguez, o cereiro de Ouzande, famoso en toda a comarca pola súa bonhomía, influencia e posición. Ao falecer, hai uns 23 anos, deixou un oco difícil de encher entre os tipos rexos e de valor, exemplo da raza galaica.
PARADELA
Por onde desemboca o río Liñares no caudaloso Ulla, ocupando unha lomba con exposición ao oeste, está a parroquia de Paradela, que ten 71 cabezas de familia e 306 habitantes. Dista da Estrada uns sete quilómetros por termo medio.
Pénsase que a fundación da freguesía data daqueles famosos tempos en que os reis de Galiza dependían dos césares romanos.
Dominou na comarca unha señora feudal a quen se debe a denominación de Paradela, que antigamente era Paradadela, onde moraba ou acostumaba parar ela; o uso foi suprimindo a sílaba da. Tamén as denominacións dos lugares Pena da Dona, Ribeira da Dona e Vila da Dona, demostran o antigo poderío daquela señora sobre estes lugares. Os ladrillos singulares que se descobren de cando en vez por alí e os sepulcros de pedra labrada tamén descubertos foron testemuñas de idades de ferro, soga e coitelo.
Compoñen esta parroquia os lugares das Covas, Ribeiradona, A Aldea Grande e Igrexa.
Lindeiros: norte, río Ulla; sur, Barbude; leste, Ribeira e oeste, Santeles.
Cruza esta parroquia a vía do estado da Estrada a Ponte Ulla; as demais comunicacións consisten en camiños antigos e as pontes de Paradela e Regueiro das Covas.
Por termos de Paradela corren os ríos Ulla e Liñares, e o regato de Covas. Fertilízaa, nunha grande extensión, a importante presa de Piñeiro, que ten uns cinco quilómetros de lonxitude. «Segundo escritura outorgada o 2 de febreiro de 1709 perante o escribán D. Manuel Vázquez, o notábel cura enxeñeiro D. Adrián Rodrigo de Leis, e os veciños Miguel Besteiro, Mateo Martínez, Domingo Carbón e Miguel de Sisto, executaron con D. Francisco Escudero, mestre canteiro, veciño de Santo Tomé de Quireza, que tamén estivo presente no acto, a confección dunha presa de auga do río do Viso (río Liñares), debaixo do muíño de Trasmonte, chamado de Salgueiro, pola cantidade de trescentos ducados de vellón, dezaseis fanegas de pan, catro moios de viño, e ademais os homes de traballo até terminar a magna obra, de facer e arranxar en forma a dita presa de auga até traela arriba da casa reitoral por todo o monte entre penedos e precipicios, etc.»
Outro famoso cura de Paradela, D. Manuel Bermúdez de Castro, avogado e teólogo distinguido, fundou unha Obra Pía, con bens e rendas propias para dote de doncelas e escola pública de nenos de ambos os sexos. Consistían os dotes en 500 ducados e asignábanse 250 aos mestres; había estatutos que se cumprían rigorosamente e autorizaban os recibos as agraciadas, os seus maridos e os sacerdotes encargados da instrución. Desa Obra Pía incautouse o estado e pechouse o libro correspondente no ano 1861 polo párroco Licenciado D. Francisco González García.
No ano 1839 era mestre de Paradela D. Juan Gabriel de Silva. O 18 de xaneiro de 1856 foi nomeado D. Melitón da Vila. Actualmente hai unha escola nacional servida por un mestre. También funciona alí unha sociedade de agricultores.
No eclesiástico: o curato é de entrada, padroado da Coroa; ten un distinguido cura, D. Javier Luces, célebre artista. Pertence á freguesía, como filial, San Martiño de Barbude. Santa María é a patroa de Paradela.
Festas anuais: o 15 de agosto, Santa María; os Desamparados, o domingo seguinte.
O único edificio público que hai en Paradela é a igrexa parroquial, que ten sobre o lintel da porta lateral esta inscrición: “MDCCLXXVII”. Sábese que con posterioridade a esta data (1777) foi reformada e ampliada. O libro más antigo do arquivo data do ano 1624 e obsérvase nel que a Igrexa tiña moitos bens, foros, dereitos, hipotecas, censos, etc. Antes o templo estaba no punto da Cacharrela, nun terreo chamado Albiño, que pertence a D. Manuel Durán, en termos do lugar da Igrexa. Alí atópanse restos do edificio cando se afonda na terra. Entre os escombros apareceu unha cruz grega e o año, o cal fai supoñer que o antigo edificio se remontaba ao século XII da era cristiá.
En tempos da invasión francesa pasaron pola ponte de Paradela uns cantos soldados de Napoleón, preguntando por Taveiro (Tabeirós); amotináronse os veciños, mataron un deles e botaron o cadáver ao río; os demais soldados fuxiron.
PARADA
Á caída do monte Arnado, distante uns 8 quilómetros da Estrada, está a parroquia de Parada, que conta con 114 cabezas de familia e 670 habitantes.
En canto á orixe do nome, circula como verídica a versión de que o debe a unha parada de sementais que alí hai desde tempos remotos.
Lugares: Parada, As Vilas, Picáns, Fermil, Eiriz, Os Muros, Paredes, Vilademeus e Tugudín(48).
Lindeiros: norte, Vinseiro; sur, Codeseda; leste, Ribela; oeste, Nigoi e Tabeirós.
Vías de comunicación: Camiños antigos e malos e mais a pontiña chamada Ponte do Cirurxián. Precisamente, esta parroquia é unha das máis mal comunicadas, apesar de non estar lonxe da estrada de Codeseda á vila. Régana os regatos da Cerqueira, que xorde en Vilar de Ribela; e o Zon. Do río Umia derívase a importante presa de Leira coa que se fertiliza unha boa extensión de terreo.
Hai unha escola nacional atendida por un mestre e unha sociedade de agricultores.
No eclesiástico: Parada é filial de Tabeirós, presentación do Cabido, e ten por patrón a San Pedro. A igrexa é regular, de perpiaño, estilo renacemento.
A casa de Leira ten unha capela adicada ao Santo Anxo da Garda. Foi fundada por D Manuel de Leira no ano 1600.
Festas anuais: San Pedro, o 29 xuño; ao seguinte día, San Antonio; Santa Lucía, o 13 de decembro.
Outras particularidades: entre Parada e Ribela hai un castro moi ben situado, desde o que se domina unha enorme extensión de terreo. Ten, como moitos da súa clase, unha planicie na parte superior á que os de Ribela chaman “Coroa”, e os de Parada, “Eira dos Mouros”. Aínda conserva o castro os alicerces dun bo cinto de defensa.
No monte de Parada, entre Fermil e Picáns, apareceu unha lápida cunha inscrición atribuída aos celtas. Supoñemos que foi parar a Pontevedra, de onde trouxemos notas que aparecen noutro lugar deste libro.
No oco dun penedo, preto da igrexa, na veiga denominada Bicada, encontrou o veciño Manuel Magán unhas ferramentas antiquísimas, cuxo paradoiro non puidemos pescudar.
De Parada foi D. Felipe Constenla, capitán do exército. En sesión do Concello de data 11 de febreiro de 1841, D. Ramón Constenla, sobriño de D. Felipe, deixou coñecemento de que este fora fusilado polos carlistas na madrugada do 4 de xaneiro de 1839, despois de incendiárenlle a casa onde vivía, no lugar de Fermil.
En Vilademeus estaba a taberna da Sisa, que se fixo célebre.
En 1726 actuaba en Parada o escribán D. Francisco Nodar Branco.
PARDEMARÍN
Cara a oriente, a uns nove quilómetros da Estrada, nas estribacións dos montes que forman cordal co da Rocha, está situada a parroquia de Pardemarín, que consta de noventa cabezas de familia e 444 habitantes.
Par-de-marín; “ao par de Marín”; é dicir, “xunto a” ou “á beira de Marín”. Así resulta descompoñendo o nome da parroquia na forma que acabamos de facelo; pero deseguida xorde a dificultade de que Marín é algo que se relaciona co mar, e o mar non está preto desta parroquia. Vexamos, a falta de mellores argumentos, se son aceptábeis os seguintes: Pardemarín serviu de asento a unha das famosas vías antigas, que frecuentaban as peregrinacións a Santiago (aínda se conservan, especialmente no Rodo, restos de calzadas seculares) e eses peregrinos, procedentes da parte de Montes, cando alcanzaban a altura que domina o territorio que estamos a describir, atopábanse cun espectáculo sorprendente: á esquerda, lonxe, pero que parece cerca por un fenómeno especial da visión, o mar; e, á dereita, máis preto, sobre Olives, a Lagoa Sacra, unha lagoa de consideración. Cóntase que debido a iso adxudicaron a esta paraxe o nome que nos entretén quizais demasiado.
Lugares: Castro, Parada, O Mesadoiro, Castrelo, Golfariz, Brea, Piñeiro e Rodo.
Divagando en canto ao signicado ou etimoloxía dos nomes máis estraños destas aldeas, atopámonos con Parada que se debe, sen dúbida, a que foi punto onde os peregrinos e outros camiñantes paraban para descansar ou pasar a noite; tamén paraban no Mesadoiro, que non é moi dubidoso que veña de mesón, por esa circunstancia. Castrelo é un diminutivo de castro, e alí houbo un deses campamentos ou fortalezas antigas, de pequeno tamaño. Golfariz, “profundidade”, “labirinto”, “sitio perigoso para o tránsito”, e todo isto responde perfectamente ás condicións do lugar. Rodo o mesmo pode vir da calzada con cantos rodados, que da difucultade de rodar por alí, debido ao accidentado do terreo. O máis probábel é que veña de rodeo por supresión de letras.
Lindeiros: norte, Olives e Lamas; sur, Vinseiro e Ribela; leste, Meavía (de Forcarei) e oeste, Vinseiro e Lamas.
Vías de comunicación: camiños antigos; ata a igrexa chega o proxecto dun camiño que parte do Sol na estrada de Chapa a Carril, e foi aprobado polo estado. Pontóns, os de Parada, Golfariz, Brea e Mesadoiro.
Bañan esta parroquia os regatos de Parada e Mesadoiro. Nace o primeiro nos montes de Parada e o segundo en Mesadoiro e Golfariz. Ambos os dous desembocan en Lamas.
Teñen os pais de familia para o ensino primario unha escola nacional atendida por un mestre, que actúa nunha casa feita a expensas dos fillos da localidade residentes en Cuba e Bos Aires.
O 6 de xaneiro de 1906, uns cantos veciños entusiastas desta parroquia e doutras das inmediacións reuníronse no domicilio de Jacobo Castro e designaron a José Riamonde e Antonio Frende para confeccionar uns estatutos que deron orixe á Sociedade Agraria de Santa Baia de Pardemarín, previa aprobación ante o Goberno Civil con data de 11 de febreiro daquel ano. Esa entidade serviu de estímulo para que se fosen constituíndo outras no distrito, até chegar ao gran movemento agrario. Despois transformouse no famoso Sindicato de Pardemarín, que comprende esta parroquia e as de Lamas, Curantes, Olives e Rubín, formando un núcleo potente que, entre outros adiantos, ocupouse reiteradamente e dun modo encomiábel, dos concursos escolares, tan útiles para a instrución infantil.
No eclesiástico: Pardemarín ten por patroa Santa Baia e é anexo de Olives. O curato é de entrada, presentación de varios leigos. A igrexa resulta bastante boa. Antes exercía o padroado o dono do casal de Mesadoiro.
Festas anuais: Santa Baia, o 10 de decembro; San Roque, o 16 de agosto; San Antonio, en xuño; San Xosé, o 19 de marzo; o Carme, o domingo seguinte ao 16 de xullo.
Outras particularidades: o arquivo parroquial remóntase ao 10 de febreiro de 1597, ano en que finou Rodrigo de Limia, cando era cura D. Andrés de Nodar. O 29 de abril de 1707 foi aprobada convenientemente a confraría do Monte Carmelo por Frei Pedro de Frutos, mestre en Sagrada Teoloxía pola Universidade de Salamanca, catedrático nela e provincial das dúas Castillas; ten esta confraría unha bula especial do papa Clemente, outorgada sendo cofrade e presidente de honra o rei Felipe V.
No Couto, no camiño real antigo, límite dos Concellos da Estrada e Forcarei, hai un cruceiro moi deteriorado, pero de indiscutíbel mérito artístico. Serviu de guía aos peregrinos que se dirixían a Santiago, cidade que comeza a avistarse desde alí vindo do sur; tamén se ve desde aquelas alturas unha enorme extensión de terreo, os montes de Cuntis, Carral, Negreira, Padrón, Pico Sacro e o mar.
Nos montes de Pardemarín abunda a caza, principalmente de lebre, coello e perdiz. Neles hai un punto denominado Casa dos Mouros.
Hai unha cartería na localidade.
REMESAR
Parroquia situada na aba occidental do monte da Rocha, que se compón de 76 cabezas de familia e 339 habitantes, distando da Estrada uns nove quilómetros aproximadamente.
Lugares: A Aldea Grande, O Rego, A Rabeta, O Outeiro, A Devesa, Vilasusán, Lagoa, A Fonte Soutelo e Vilanova(49).
Lindeiros: norte, Oca e Loimil; sur, os Ancorados; leste, Agar e Orazo e oeste, Riobó.
Vías de comunicación: Camiños rurais antigos, e as pontiñas de Coruxeira, Codorneiro, Devesa e Rego.
Bañan esta parroquia os regatos de Coruxeira e Codorneiro, que se reúnen en Penelas e marchan a Riobó. Pasan tamén polos límites do territorio de Remesar, os arroios de Chancelas ou Badoucos, e o de Lagoa, en Vilasusán.
No eclesiástico: Remesar ten por filial a Riobó e por patrón San Cristovo. A igrexa é do século XII ou XIII e o curato é de entrada, presentación do marqués de Camarasa; antes padroado do mosteiro de Sar.
Festas anuais: San Cristovo, o 10 de xullo, e outras variábeis de pouca importancia.
Inmediato á igrexa hai un castro ou campamento antigo onde foi atopado non hai moito tempo un muíño de man.
Da casa aristócrata de Vilanova foi o coronel do Rexemento Provincial de Pontevedra (1803) D. Andrés Reguera Mondragón. Ultimamente pasou o dominio desa mansión a D. Floriano Arias como sucesor de Dª Silveria Reguera.
RIOBÓ
Parroquia de 94 cabezas de familia e 453 habitantes, situada a uns dez quilómetros da Estrada, na zona do Ulla.
Deu nome a esta freguesía o río que a cruza, coñecido de moi antigo por Riobó, “río bo”.
Lugares: Os Besteiros, As Cancelas, O Río, Barcia, A Mota, San Martiño, Tamallancos, Portecelo, A Pena, Casaldorido e Casa do Monte(50).
En canto ao nome do lugar de Besteiros, atémonos ao dito do que leva o mesmo nome na parroquia de Orazo. Cancelas e “pechadura de leiras” son a mesma cousa. A proximidade ao río deu nome ao lugar que se chama Río. Barcia quere dicir “maleza ou breixeira situada nunha lomba” e a esa situación responde o lugar en cuestión. Mota significa “terreo alto” e, certamente, nunha altura está o casarío que así se denomina. Tamallancos quere dicir “anacos de terreo separados por cortes ou quebraduras naturais”. Portecelo deriva de portelo: “porta ou abertura de entrada a leiras rústicas”. Casaldorido pode derivar de Casaldorado e debe a súa denominación, segundo parece, a que dada a súa especial exposición e a condición das edificacións, por un fenómeno especial da luz solar, vese desde algúns puntos o que semella unha cor dourada.
Lindeiros: norte, Arnois e Oca; sur, Ancorados e Remesar; leste, Remesar e Oca; e oeste, Berres.
Vías de comunicación: a estrada de Callobre a Ponte Ledesma e camiños rurais. Na estrada está a ponte de Riobó e tamén hai varios pontillóns: Barcia, Portecelo, Lamas (entre a Pena e Remesar) e Pardiñeira (entre San Martiño e Pena).
O Concello, en sesión de 5 de agosto de 1859, acordou a execución das obras do pontón de Riobó.
Bañan o territorio desta parroquia o río xa mencionado, bo pola utilidade que reporta á agricultura e á industria, que xorde na Cruxeira de Remesar e desemboca no Ulla. Tamén o regato da Galiñeira, que vén de Ancorados e desemboca no Riobó, no lugar da Mota, e o de Trigueira.
O ensino primario consiste nunha escola nacional atendida por unha mestra. Os labradores teñen un sindicato agrícola con seguro de gandos.
No eclesiástico: Riobó é anexo de Remesar e ten por patrón San Martiño. O curato é presentación do marqués de Camarasa; antes presentaban alternativamente o marqués e os veciños do lugar de Barcia, despois do mosteiro de Sar. A construción da igrexa corresponde ao século XIII.
Festas anuais: San Martiño, o 11 de novembro; ao seguinte día, as do Rosario; ao outro, o Carme; San Brais, o 3 de febreiro.
Outras particularidades: en termos desta parroquia, nun lugar á beira do río, levantábase a famosa Torre da Barreira, da que se falou noutro lugar. Do edificio só quedan algúns cimentos; a pedra dos muros foi empregada na igrexa de Codeso.
Na Mota, nun dos puntos máis pintorescos do país, radica a casa señorial dos Otero. Aínda lembramos a D. Ramón Otero, persoa destacada, que desempeñou varias veces o cargo de alcalde do noso concello; e ao seu fillo D. Gumersindo, que tamén foi alcalde, deputado provincial e gobernador de Ourense. A viúva Dª Dolores García representa hoxe a casa, xunto cos seus fillos D. Gonzalo Otero, ex-deputado provincial, e D. Martín Otero, concelleiro. Ten esa familia unha capela na quinta.
Da Mota foron tamén D. Francisco e D. Benito Oca, escribán o primeiro e xefe político do distrito o segundo.
Rexen os Otero unha fábrica de papel procedente de D. Bonifacio Silva, que xa funcionaba en 1843 e posúen outra fábrica de serrar, moldear e tornear. Antigamente houbo nese sitio fábrica de curtidos.
De Riobó, do lugar dos Besteiros, eran fillos aqueles notábeis artistas que fixeron os retablos da capela das Ánimas de Santiago. Non lles desmereceu D. Antonio García, gañador de varios premios en exposicións de Madrid, Santiago e outros puntos, onde presentou máquinas agrícolas da súa invención, así como instrumentos musicais. Distínguese tamén o seu fillo D. Joaquín como grande artista, diplomado na exposición de Santiago o ano 1909, pola construción dunha preciosa gaita con combinacións de metal branco e marfil.
RIBEIRA
Consta esta parroquia de 108 cabezas de familia e 794 habitantes, e dista da Estrada uns nove quilómetros.
Ribeira leva este nome por estar á beira do río que por alí corre.
De moi antigo vén a fundación desta parroquia, pero non podemos concretar a data por falta de datos precisos.
Lugares: A Ponte, A Ribeira, O Piñeiro, O Pazo, Baltar, San Vicente, Constenla, Marque, Barbude, Vilanova e Vilar.
O lugar de Ponte tomou o nome da ponte de Sarandón; en canto aos da Ribeira, O Pazo, San Vicente, Vilanova e Vilar, non cómpre dicir nada. Sobre Baltar non falta quen opine que significa “altura”, e nesa situación está o lugar que nos ocupa con relación aos demais da parroquia; Constenla está en costa, aínda que pouco pronunciada; Marque, antes Marqués, territorio dominado por un señor con título nobiliario.
Lindeiros: norte, río Ulla e Berres; sur, Moreira e Barbude; leste, Berres e oeste, Paradela.
Vías de comunicación: a vía do estado da Estrada a Ponte Ulla; camiños rurais antigos, a ponte chamada Ponte Nova e as barcas de Sarandón, propiedade dos Otero. Estas barcas teñen a súa historia e antigüidade: o 7 de maio de 1839, o Capitán Xeneral da Rexión concedeu o uso dunha barca en Sarandón a D. Manuel Otero; o 21 de xaneiro de 1841 acordou o goberno que se respectase a D. Hipólito e a D. Manuel Otero na propiedade da barca referida; en 1845 o xefe político da provincia mandou reter os dereitos que se devindicaban pola barca da ponte de Sarandón; o 25 de xaneiro de 1855 son declaradas as barcas de propiedade de D. Manuel e D. Hipólito Otero e acórdase poñelos en posesión delas. Todo isto consta nos libros de actas do Concello. O Estado aprobou a construción dun camiño da Pica a Sarandón, cruzando a parroquia que nos ocupa, e tamén unha ponte económica sobre o río, partindo do lugar de Ponte, onde estaba a antiga. Na actualidade esta desapareceu case na súa totalidade, só se conservan restos dos estribos e a cimentación dos seis arcos que tiña. A destrución desa ponte data de moi antigo e o pobo impútalla a Pedro Madruga, señor de Soutomaior; pero pode asegurarse que en realidade se debeu a unha riada producida o 18 de febreiro de 1571.
Os de Ribeira non contan con escolas de ensino primario e verdadeiramente non se explica, pois teñen indiscutíbel dereito a educárense e poboación suficiente para que o estado os atenda. O Ministerio aprobou o expediente para crear alí unha escola de nenos, pero o asunto é que non acaba de establecerse. Funciona en Ribeira unha sociedade de agricultores con seguro de gandos.
No eclesiástico: o curato é de entrada e sérveo un párroco. Ten por patroa Santa Mariña. Presenta actualmente o Excmo. Sr. don Ramón Gutiérrez de la Peña y Quiroga, e antes fixérao a capela de Alba. A igrexa é bastante boa, con arquitectura do Renacemento. En Constenla, no punto de San Vicente, hai unha capela, advocación do mesmo santo; foi trasladada para ese lugar no ano 1778, o 5 de abril; antes estaba nunha lagoa do lugar de Marque. Tamén existiu outra capela de San Antonio no lugar de Vilar e foise arruinando até desaparecer. Houbo a de San Bieito no lugar de Ponte, fundada polo licenciado D. Benito Campelo e a súa esposa Dª Ana de Castro, nun terreo que hoxe pertence a Dª Laura Luces.
Festas anuais: Santa Mariña, o 18 de xullo; o Sacramento, o día seguinte; San Bieito, en xaneiro; os Milagres, en setembro; San Antonio, o 13 de xuño; San Roque, o día seguinte de San Antonio.
De Ribeira procedían D. Manuel e D. Jenaro Otero, avogados e persoas moi distinguidas e estimadas.
RIBELA
Parroquia de 104 cabezas de familia e 654 habitantes, que dista da Estrada uns dez quilómetros.
Está situada sobre o Umia do que, por conseguinte, é ribeirá; e de aí vén o nome de Ribela.
Lugares: Entrecastrelo, Vilar, Sesto, A Aldea Grande, Pumares, Guitón, Trabadela Carracedo e A Igrexa(51).
Entrecastrelo debe o seu nome a estar situado entre o castro de Parada e Ribela, e outro castro ao que, por ser máis pequeno, lle aplicaron o diminutivo de Castrelo. Vilar vén de vila. Sesto debe proceder de sesteo, punto de sombra apropiado para sestear ou pasar a sesta o abundante gando que había, e a aínda hai, polos montes do contorno. Pumares é o mesmo que pomares; “bosque de árbores froiteiras, maceiras ou outros de pebida”. Jitón, Xitón, Chitón: punto recóndito ou silencioso; tamén pode ser un aumentativo de chito, estaca viva que adoita afincarse nalgúns terreos para que, despois de arraigar e brotar, poida servir de sinal entre distintas herdades, ou de pechadura de terreos(52). Trabadela pode moi ben ser un diminutivo de traba, corda ou solta que se pon nos pés ás bestas, para que non poidan afastarse ou subir os muros. Carracedo vén de carrasca, planta do monte abundante por alí.
Lindeiros: norte, Vinseiro; sur, Liripio e Codeseda; leste, Meavía de Forcarei; e oeste, Parada e Codeseda.
Vías de comunicación: camiños antigos e malos; de feito, é unha das parroquias máis mal comunicadas do distrito. Cruza o territorio o río Umia, sobre o que hai unha ponte para pasar duns lugares a outros. Báñana tamén os regatos seguintes: o de Carracedo, que xorde en Sesto; o de Trabadela, que nace na Agrela de Codeseda, e outro que ten orixe no referido lugar de Sesto. Con estas augas fertilízanse varios terreos.
A ponte de Ribela, entre Carracedo e Sesto, Trabadela e Guitón, fíxose ou foi reconstruída en virtude de acordo do Concello de data 13 de abril de 1S60. En Trabadela hai un pontillón.
O 14 de xuño de 1856 creouse a escola de Ribela, hoxe escola nacional, atendida por un mestre.
No eclesiástico: ten esta freguesía por filiais Meavía e Liripio e por patroa Santa Mariña. Está atendida por un cura e un coadxutor e o curato é de ascenso, presentación alterna do Cabido e a Coroa. Ten unha igrexa regular, e celébranse anualmente as seguintes festas: a da patroa, o 18 de xullo; o día seguinte, a do Carme; a da Concepción, o 26 de decembro; Santa Filomena, o 10 de xaneiro; San Antonio e San Roque, por carnaval.
Da igrexa parroquial de Ribela, o cóengo cardeal del Hoyo, copiou no seu manuscrito, que se garda no Arquivo da Mitra, unha inscrición existente sobre o altar maior coa data da fundación da igrexa (ano 1158). Este preclaro sacerdote, que co seu talento ilustrou durante algún tempo a cátedra de Sagrada Teoloxía na Universidade Pontificia de Santiago, foi dos más amantes propulsores da súa querida aldea natal, en cuxo camposanto ten a súa sepultura por mandato expreso.
Outras particularidades: entre Entrecastrelo e Parada hai un castro notábel que aínda conserva vestixios de recintos fortificados.
En Sesto radica unha casa con escudo, hoxe da familia dos Ballestero, e procedente dos Gil.
Hai cartería na localidade.
RUBÍN
Parroquia de 162 cabezas de familia e 713 habitantes, que dista da Estrada nove quilómetros aproximadamente.
A principios do século XII, Dª Maior, esposa do cabaleiro Luzo Arias, doou á Igrexa de Santiago a metade dunha granxa preto de Ponte Ulla e mais a aldea de Ruvinum (Rubín), e o seu esposo ratificou estas declaracións (López Ferreiro, Historia de la Iglesia Compostelana, tomo III).
Disto sacamos dúas consecuencias: en primeiro lugar, que Rubín xa existía a principios do século XII; e, en segundo lugar, que o nome procede do latín e significa “viño vermello, viño tinto, terra que produce ese viño”.
Lugares: O Bede, A Pena de Arriba, O Foxo, Agrelo, Os Vilas, Amarelle, A Bemposta, A Pena de Abaixo, Berbigueira, A Braña, O Barro, Pazos e Os Balseiros(53).
Bede, pola súa raíz vasca, significa, segundo algunhas opinións, “baixo”, “depresión do terreo”; e, efectivamente, non ocupa este lugar unha situación de altura con relación aos demais da parroquia; pero, con todo, vese ben desde distintos sitios, e escribíndoo con v, como fan moitos, pode significar o mesmo que viso. Foxo ten relación con lume, punto onde se acendían fogueiras convocando a reunións, xeralmente con fins guerreiros(54). Agrelo é diminutivo de agro. Bemposta, ben posta, “aldea ben situada”. Balseiros deriva de balsas, “presas para a auga”.
Lindeiros: norte, San Pedro de Ancorados; sur, Lamas e Vinseiro; leste, Curantes e Olives e oeste, Callobre.
Vías de comunicación: o vial da Estrada a Silleda pasando polo Foxo; camiños veciñais antigos; a Ponte Nova que comunica con Vinseiro; o pontillón de Veiga da Braña, entre Rubín e Berbigueira; outros dous no regato de Curantes.
Bañan esta parroquia os regatos de San Breixo e Curantes, que se reúnen en termos de Rubín.
O 18 de xaneiro de 1856, era mestre do Foxo D. Bonifacio Paseiro, veciño de Callobre; e de Rubín, en 1869, D. Maximino Paseiro Vidal. Actualmente non hai alí escola pública de ensino primario, aínda que foi aprobado polo Ministerio o expediente para a creación dunha de nenos. Está comprendida esta parroquia no importante Sindicato Agrícola de Pardemarín, que ten local propio en Sequeiros. Tamén os de Rubín teñen un bo edificio na Bemposta, destinado para escola e construído a expensas dunha benemérita entidade pro-instrución creada na Habana o 2 de decembro de 1906.
No eclesiástico: Rubín ten por filial Lamas e por patroa Santa María. O curato é de entrada, presentación de D. Vicente Valderrama. Hai un cura e un coadxutor. Antes da igrexa houbo unha capela fundada polo Sr. Valderrama; o templo actual é de regular aspecto, pero no interior bastante deteriorado. En fronte do adro existe un cruceiro con esta inscrición: «Año 1740—Juan Pereiras y su mujer María de Bascuas—Devoto». Dise que este cruceiro estivo no lugar dos Balseiros. O arquivo parroquial só alcanza a 1648, en que era Rubín anexo de Lamas. Nesa data o lugar de Berbigueira pertenecía á fábrica. No Foxo existe unha capela de bastante amplitude e de sólida construción, na que se venera a Nosa Señora da Regra e a San Antonio.
Festas anuais: Santa María, o 15 de Agosto; San Roque, o día seguinte; a Concepción, o domingo seguinte; o Carme, o 24 de xuño; San Campio, o día seguinte da Ascensión; San Antonio, no Foxo, o 13 de xuño.
Outras particularidades: No Foxo, que foi un punto estratéxico, había un forte cando foi o derradeiro intento dos carlistas; aínda na actualidade a casa á que estaba encostado, leva o nome de Casa do Cantón, e conserva unhas seteiras con reixas de ferro próximas á terra. É propiedade de Francisco Villar e Juana Blanco de Ancorados. Para esa mesma casa, antes de Rosendo Cid, trasladou o Concello as oficinas municipais, en virtude de acordo de data 19 de novembro de 1839. O 22 de setembro de 1855 tamén autorizou a corporación o crear unha feira no Foxo os días 13 de cada mes. En sesión de 15 de febreiro de 1861 decidiuse a construción da ponte de Barro. O 10 de marzo de 1865 determinouse solicitar ao goberno que eximise da venda a “Dehesa Nacional” en que se celebraba a feira.O 8 de novembro de 1866, acordouse que nesta feira se puidese realizar a venda de toda clase de gandos. O 26 de maio de 1871 comezaron novas xestións municipais para evitar que o campo da feira, “Dehesa Nacional”, pasase a propiedade particular. A mesma Corporación municipal, o 20 de novembro de 1872 acorda a creación da cartería do Foxo. Era mestre alí en 1874 D. Juan Romero e notario en 1880, D. Manuel Seane del Río. De novo, o 14 de xullo de 1884, o Concello ocúpase da “Dehesa Nacional” ou campo da feira, opoñéndose á súa venda. O 19 de novembro de 1898 acórdase crear unha feira para o Foxo, que se celebraría os días 15 de cada mes.
Hoxe realízanse no Foxo as feiras do 1.° e 15 de cada mes, a primeira, bastante importante e a última, menos concorrida.
No Foxo hai bos establecementos comerciais, sobresaíndo os de D. Manuel Villar e o do seu pai D. Juan Antonio. Tamén hai cartería.
SABUCEDO
Parroquia situada máis alá de Codeseda, ao principio do val de Quireza, que dista da capital do distrito uns 16 quilómetros. Consta de 58 cabezas de familia e 303 habitantes.
A época de fundación da freguesía pertence ao terreo do descoñecido. Existe a crenza tradicional de que a Sabucedo se estenderon os primitivos habitantes de Quireza —antes Crieza ou lugar de cría de gandos—, e comezaron construíndo alí unhas cabanas para gorecerlos; mais, por outra banda, sabemos que a parroquia pertenceu na antigüidade á xurisdición ou couto de Codeseda e máis tarde a Tabeirós, mentres que Quireza foi sempre da xurisdición de Montes.
Hai quen opina que o nome de Sabucedo vén do culto ao deus pagán Sabaznis. Don Afonso VII, o 13 de maio de 1133, fixo doazón á Catedral de Ourense, dun couto en que inclúe a aldea de “Castro Saxuzo” e, ao ser traducido o orixinal latino (ata entón inédito) por verdadeiras autoridades na materia, chamaron a Castro Saxuzo, Castro de Sabucedo; e saxuzo en latín bárbaro e tamén en castelán arcaico, significa “pedregoso”.
Podería derivar Sabucedo do adxectivo latino sabuletum, “terra sabulosa, areosa”? Talvez, porque a freguesía que nos ocupa está situada nun terreo que ten esas características.
Para efectos civís non ten a parroquia máis lugares que o de Sabucedo.
Lindeiros: norte e oeste, os lugares de Vilaboa e Portela, Barro e Quintas, pertencentes a Codeseda; polo leste, Cabanelas de Liripio; e polo sur, distrito de Cerdedo.
Vías de comunicación: Camiños rurais antigos. O Estado aprobou o proxecto de construción dunha estrada que desde a parroquia sae á de Vilapouca a Ponte Vea no punto coñecido por Carballeira do Rei. Por un extremo está proxectado outro camiño do Estado que, arrincando do Serrapio, cruza Quireza.
Bañan o territorio os regatos de Bouzas, o de Marín, o de Vesacarballa ou Trasdosichós, o Regueiriño, o de Folso e a fonte de Protousía. Cóntase que houbo un escribán que vivía nun lugar elevado desta aldea —aínda se conserva o muro da súa propiedade— e, como carecía de auga, derivou unha presa desde o lugar de Vilaboa (Codeseda). Os veciños de alí armáronlle un preito que o escribán gañou, e así adquiriu o dereito a aproveitar a totalidade do auga do río durante os meses de xullo, agosto e setembro de cada ano, para o que se abriu unha grande canle con más de 1500 metros de lonxitude, por onde corría o líquido que constituía unha verdadeira riqueza na parroquia. Unha vez morto o escribán, foise abandonando o cano e hoxe está atoado.
Pódese dicir que Sabucedo forma un só núcleo de poboación; a maioría das casas están apiñadas; apenas hai media ducia de fogares separados dos demais. Pode cualificarse de pequena vila coas súas rúas, Real, Cortello Vello, Rúa Cega, Celeiro, Recanto e Campo, estradas de toxo sobre o empedrado. Esta distribución das casas atribúese á necesidade de defendérense en común polas noites dos lobos que abundaban moito na localidade. A maioría do vecindario componse de canteiros que adoitan saír na primavera a traballar polo seu oficio e volven no inverno; tamén hai algúns carpinteiros.
En sesión do Concello de data 14 de xuño de 1856, trátase da creación da escola primaria de Sabucedo. Hoxe existe alí unha escola nacional atendida polo celoso mestre D. Francisco Regueiro, fillo da parroquia. Teñen aqueles veciños unha sociedade de agricultores de pouco número de asociados.
No eclesiástico: a freguesía ten por patrón San Lourenzo e a presentación de cura corresponde ao Cabido. A igrexa é regular, de estilo románico e foi reconstruída na última metade do século pasado; está en bo estado de conservación. En 1610 xa existía a freguesía, segundo se pode comprobar con documentos de indubidábel veracidade; mais estivo unida a Liripio até mediados do século XIX. Fíxose a última escritura de foro en 1708, contando Sabucedo con só nove veciños; en 1846 xa eran 58. O curato é de entrada, con casa reitoral mediana e boas propiedades. No eclesiástico corresponden á freguesía os lugares de Devesa e Barbeira, que só teñen nove veciños e pertencen a Cerdedo para efectos civís. Nunca se fixo uso do dereito que parece que ten esta parroquia a levar incluído o lugar de Vilaboa, que vai unido a Codeseda. En 1634 xa existía a confraría de Nosa Señora do Rosario. A recua de bestas e cabalos bravos, de que nos ocuparemos despois, constituía na antigüidade a renda principal con que contaba a fábrica. Á beira da igrexa érguese un cruceiro de pedra que é unha verdadeira xoia da arte dórica, moi admirada por artistas e persoas intelixentes na materia. O curato é de entrada.
Festas anuais: San Lourenzo, o 10 de agosto; as Dores, en xaneiro; o domingo seguinte, San Amaro; a Candelaria, o dous de febreiro; e algunha outra menos importante.
O patrón ten a súa recua desde tempo inmemorial. Por tradición dise que nunha remota época de epidemia e por medo ao contaxio, dúas mulleres solteiras edificaron unha casopa no punto coñecido por Lebagueiras Vellas, un tanto afastada do núcleo da poboación; ademais, pregaron a San Lourenzo e ofrecéronlle dúas poldras que tiñan, dando con iso orixe ás bestas do Santo. Despois ideáronse os sinais para distinguir as reses que ían nacendo: consistían e consisten no corte do extremo superior das orellas e unha marca no anca cun ferro candente que, pola súa forma é chamada vulgarmente “parrilla do Santo”. Os cabalos foron aumentando e estendéndose ao sur polo monte de Montouto, nunha superficie de terreo considerábel, pois mide 40 ou 50 quilómetros cadrados. Está situado entre as parroquias de Sabucedo, Quireza, Morillas, Moimenta, Cequeril, Souto e Codeseda. Ten elevacións enormes, sendo as principais o Pico do Cabeiro no centro, o alto do Cábado, correspondente a Montillón, e os montes da Canle Prouzadoira. Tamén hai por alí canellas relativamente fértiles e congostras apropiadas polo seu abrigo para gorecerse os animais nas épocas do inverno.
Nese medio viven as bestas, en mandas independentes unhas das outras, sen que xamais se confundan. Cada unha ten seu garañón, cabalo pai, cabeza directora, que goberna con notábel instinto. Actualmente pertencen ao Santo doce mandas que sumarán unhas cen cabezas; as particulares pasan dese número. Antes había moitas máis, apesar de que os lobos facían os seus estragos; e cóntase que as eguas, ao notar que se aproximaba algún dos mencionados carnívoros, se reunían formando un apertado círculo, coas cabezas xuntas e as crías no centro, e sacudían couces constantemente, até que o perigo se afastaba; durante esa operación defensiva, o garañón recorría sen descanso unha circunferencia exterior ao círculo, defendendo a manda e vixiando para acudir ao momento de perigo no momento preciso. Eran os lobos os peores inimigos que as bestas bravas tiñan na antigüidade; hoxe teñen outros inconvenientes: esquílmase todo moito máis e alí a onde non pode chegarse esquilmando e rozando, aplícase o lume que acaba coa maleza, facendo desaparecer os túneles que hai por debaixo, onde os animais se metían os días de temporal cru; de xeito que as mandas van diminuíndo con tendencia a desaparecer, como desapareceu tamén o seu inimigo, o lobo.
De tempo inmemorial vén o costume de baixar as bestas o domingo de Pentecostés, operación que se celebra cunha verdadeira festa en que reina a alegría e o balbordo. Á alba, a campá da igrexa parroquial chama os feligreses para asistir á misa e, unha vez terminado o Santo Sacrificio, a mesma campá, con dous tanguidos, dá o sinal de partida para o monte. Marcha así todo o pobo tras o seu párroco, armados os homes de fortes paus e provistos de mochilas con abundante friame, porque é un día moi sinalado do ano e hai que comer e beber ben. Coa habilidade adquirida en moito tempo de práctica, os veciños van concentrando os animais nun punto determinado, onde hai un cercado. Unha vez feito isto, comezan as merendas campestres. Rematada a comida, son conducidas as bestas a un montículo debidamente cerrado, moi próximo á aldea, que se chama «Campo do Medio», onde pernoctan as bestas debidamente vixiadas por persoas designadas ao efecto. O luns, márcanse as crías e aproximadamente sobre as dez, trasládase todo o gando para o curro inmediato á igrexa, que está solidamente amurallado. Alí selecciónanse os poldros de un ano, que pasan á venda, e rápanse as demais bestas, operación de moito coidado que acometen con ousadía e valor, por parellas, os mozos da localidade, a conta de non poucos incidentes e vorcallóns, pois teñen que suxeitar, unha por unha, as bestas salvaxes, que se defenden canto poden. Estes contratempos constitúen a parte más distraída de todas as operacións de baixada, marcado e rapa. É de ver os garañóns coidando activamente cada un da súa manda, pelexando uns con outros e formando algunha vez, levantados e abrazados, un ramallete ou piña animal moi curiosa. As crinas produto da rapa póxanse.
Nunha ocasión, alá polo ano 1840 e en virtude de denuncia do alcalde do Campo, presentáronse en Sabucedo dous delegados da Facenda para tomar nota das bestas reunidas no curro, pero os veciños da localidade déixaronas soltas e os animais marcharon para o monte a todo galope sen que houbese tempo para inventarialas nin recoñecelas. Debido a este incidente iniciouse un grande preito, que gañou o cura.
Unha vez terminada a rapa e as demais operacións volven as bestas ao monte, até o ano seguinte.
Un feito sensacional ocorreu na parroquia alá polo ano 1888, cando se fixeron obras na sancristía da igrexa. Uns desalmados introducíronse no templo polos ocos abertos, depositando unha dose de arsénico nas vinagreiras. Ben alleo o párroco D. Ángel Nodar Matalobos ao perigo que o ameazaba, pereceu envelenado inmediatamente despois de terminar o Santo Sacrificio da misa o día seguinte á noite do feito vandálico.
Cóntase que os franceses, cando foi a guerra da Independencia, chegaron unha mañá a Sabucedo. Asustado, un veciño púxose en fuga, pero alcanzárono as balas e caeu morto. Despois os franceses limitáronse a abrir os hórreos, dar millo aos cabalos e provocar algún incendio, pero un práctico do país que traían con eles recriminounos para que non causasen máis danos, e retiráronse seguidamente.
Recordos quedan tamén dos carlistas: estiveron na parroquia un domingo, os xefes aloxáronse na reitoral e a tropa dedicouse a cazar galiñas para o rancho.
SANTELES
Sobre Vea, polo leste, está a parroquia de Santeles, que consta de 135 cabezas de familia e 794 habitantes; dista da Estrada uns sete quilómetros por termo medio.
A freguesía é unha das más antigas do país. «Quen pola aba do Xesteiras baixe ao val de Vea, divisará esta parroquia no confín do río Ulla como unha mancha indecisa, no extremo norte do mesmo val». De aí se supón que vén o nome de Santeles, palabra composta de San e Teles, grego, que significa “lonxe”. Dáse ademais a circunstancia de que, desde Santeles se ven, en varias direccións, unha grande extensión de terreo e distintos lugares; e, por conseguinte, tamén desde moitos puntos afastados se divisa Santeles, como sucede con Santiago, Luou, Monte Pedroso, Monte Bacelo, o da Madanela en Carbia e Arzúa.
Compoñen a parroquia os lugares de Vilanova, Traspedra, Torre de Renda, Renda, Carricova, Sinde, Cruxeira, Fondevila, Viasque, Touza, Godoi, Ribeira dos Tatos, Santeles de Abaixo, Sar de Abaixo, Sar de Arriba, O Pazo, Arxóns, Pearo e Eicián(55).
Torre de Renda vén de que alí había unha torre ou fortaleza antiga, onde o señor feudal ou os seus apoderados cobraban a renda foral. Renda, “sitio ou terreo de renda, aforado antigamente”. Carricova: case-cova; pois está nun punto de depresión, laberíntico, vello, de mala figura. Cruxeira, de curuxa, ave nocturna que debeu abundar por alí na antigüidade. Fondevila, fondo da vila. Touza é chousa, é dicir, “monte pechado con matogueira”. De Godoi só sabemos, polo Padre Gándara, que é un apelido ilustre de Galiza. Sar din que vén do celta saa, “vello” ou tamén que pode significar “correr, xeralmente a auga”. O grande filólogo Sr. Amor Ruibal xulga que os nomes de aldeas Sa e Saa, poden moi facilmente seren expresión do culto céltico. Pazos,”casas suntuosas, de nobres”. Arxóns, aumentativo de argas, grego, que significa, “húmido”. Eician, latín, que significa “heime aquí”.
Lindeiros: norte, río Ulla, separando da provincia da Coruña; sur, Toedo e Baloira; leste, Paradela, Aguións e arroio de Pina; oeste, Santa Cristina de Vea e Cora.
Vías de comunicación: camiños de carreteiros, antigos e malos. Foi aprobado polo Estado o proxecto dun camiño que, partindo da vía da Estrada a Santiago, en Toedo, termina fronte á igrexa parroquial. Hai tamén a ponte de Lagares entre Touza e a Igrexa, e unha barca sobre o Ulla, propiedade de D. Evaristo Martelo, marqués de Armeira. Houbo un camiño real antigo desde a ponte de Sarandón por Godoi, Carricova, Renda, cara Baloira.
O río Ulla, segundo xa se sinalou, pasa polo límite norte desta parroquia; por ela corre tamén o Liñares, e neste desemboca o arroio de Pina, que nace en Matalobos e también baña a freguesía. O río Ulla, acada, fronte á parroquia que nos ocupa, unha notábel profundidade, coñecida por Pozo do Pego.
O 14 de xuño de 1856 fundouse a escola de Santeles; hoxe é mixta, atendida por unha mestra. O Ministerio de Instrución aprobou o expediente para crear outra escola de nenos.
Teñen aqueles labradores unha Sociedade agrícola con seguro de gandos; que funciona en local propio, construído a expensas dos veciños.
No eclesiástico: Santeles é curato de entrada. Ten un cura e por patrón San Xoán. Antes presentaba D. Antonio Mosquera de Pontevedra; seguiuno na presentación D. Melchor Mosquera Pimentel, quen cedeu o seu dereito, con todos os froitos, ao colexio de xesuítas da devandita cidade: os xesuítas tiñan vicarios á fronte da parroquia. Despois da desamortización e exclaustración o dereito de presentar pasou ao marqués de Aranda. A igrexa data dos séculos XII ou XIII; nela introducíronse reformas que a fixeron desmerecer na valía que tivo primitivamente, pois respondía a aquela arquitectura típica de cando a arte románica, nacida da influencia bizantina sobre o latino occidental iniciado na nosa rexión pola décima centuria, chega ao seu esplendor, co arco de canón seguido e a bóveda esférica con que se cobren espazos cadrados, chamada de cruceiro. É o templo que nos ocupa parecido ao de Frades, típico, dos máis antigos de Galiza, dunha soa nave e un só altar; ten dúas fiestras angostas para axexar, vixiar e servir de seteiras. Recibiuse orde de reconstruír o antigo presbiterio en visita de 1636, sendo cardeal D. Agustín Espinola. O mandamento di: «Por canto se viu que a capela maior está en perigo de caer, debe reparala D. Antonio Mosquera Pimentel dentro de seis meses, pena de excomuñón. E se non o fixer, mando ao reitor Alonso de Leirado que non acuda coas dúas cargas de pan que paga de padroado ao devandito D. Antonio e que as teña retidas no seu poder coa advertencia de que o pagará dos seus bens». Na parede do leste vese un capitel que procede do antigo presbiterio e que semella a figura dun monstro devorando un home; nese mesmo capitel aparece a divisa xesuítica «j h s» — jesus homine salvatum —. O monstro, na súa angueira devoradora, significa «a morte do pecado na carne ou o exterminio do pecado que radicaba na materialidade da carne, redimida pola morte de Cristo» (“San Paulo aos romanos”, capítulo 6.° da Sagrada Escritura) Hai outra pasaxe, versículo 3.° cap.° 8.° «Matou Deus o pecado na carne ao enviar o seu fillo feito carne».
Sobre a porta principal da mesma igrexa, o que dá idea da súa antigüidade, hai unha inscrición que di: «Culto divino: esta es la Casa de Dios y puerta del Cielo —Gén. cap. 2. Entraré. Confesaré. Adoraré y encomiaré tu Santo Nome. P. Sal. 137». Sobre a porta lateral do norte, lese: «Silencio—Año DCCLXXI1I». Pertencen a esta igrexa unha notábel naveta de prata adquirida en 1698; un incensario e unha cruz de estilo barroco que xa existía en 1648 e que ten un gravado que di: «Ángel Piedra», nome do orfebre. Para librar da rapina esta cruz, durante a invasión francesa, foi agachada ao pé dun castiñeiro corpulento que existía na quinta Val da Anduriña, inmediata á reitoral. Hai uns nove anos que esa árbore pereceu de vella.
Ao introducir na igrexa a capela do Rosario, apareceu unha lápida coas armas do célebre Suárez de Castro, e era do sepulcro do cura D. Juan Suárez.
En Renda houbo unha capela feita de esmola, advocación de San Antonio. Pechouse en 1884. O retablo foi vendido para a igrexa de Lagartóns, en 125 pesetas, polo cura D. José María Louzao; a pedra empregouse, parte na reforma da igrexa e parte na presa do muíño de Lagares. Nun cuberto que había á beira da capela, organizábanse as milicias. Foi modificado en 1857 polo bacharel D. Gregorio Codesido. Desde esta capela a Eicián había dúas fileiras de carballos seculares, que formaban a famosa «Carreira de Eicián», cuxa denominación aínda existe alí. Esas árbores cortounas José Barreiro Calvelo.,
O cura de Santeles, bacharel D. Juan Suárez de Castro y Ulloa, fundou en 1639 unha misa cantada con dúas vixilias e dúas misas rezadas, dotándoas con sete ferrados de centeo cada ano, que foron redimidos en 1914.
No campo da feira que se celebraba en Renda, hai un cruceiro de pedra con esta inscrición: «Esta obra la mandó hacer Juan Touceda y su mujer el año 1658». Outro cruceiro que hai preto da igrexa é do 1736. O cruceiro Calvario de Santeles é de 1789 e foi feito por Marcos de Andrade.
Festas anuais: San Xoán, o 24 de xuño; Corpus, o día seguinte; o domingo seguinte, Santa Bárbara; San Sebastián, o 20 de xaneiro; a Candelaria, o dous de febreiro; e o Carme, o 16 de xullo.
Outras particularidades: Santeles é abundante en arboredo, especialmente para leña, e poderíano exportar en grande cantidade aqueles labregos se tivesen boas vías de comunicación.
En Eicián tiñan os xesuítas unha casa con oratorio, que pasou a poder do escribán D. José Fermín Campaña, cando foi a exclaustración. Sobre as ruínas fixo outra casa D. Agustín Bueso de Pineda, que hoxe é de José e Manuela Martínez.
En Pearo, sobre o muro dunha leira que linda co camiño público, hai unha lápida curvada cun cetro labrado en realce. Suponse que foi da sepultura dalgunha persoa importante, e non falta quen diga que na finca contigua estaba antigamente o cemiterio.
No mesmo lugar, na casa que hoxe é de José González, aínda está o escudo dos Miranda, familia distinguida do país, da que existen descendentes en Santo André de Vea, emparentados co finado Luces Miranda da Estrada.
En Renda celebrábase un mercado, especialmente para liño, os días 21 de cada mes e unha feira o 15. O Concello, en sesión de 22 de setembro de 1855, acordou suprimir a feira fundándose en que era incómoda debido a estar entre os ríos Ulla e Viso. Malia ese acordo, a feira continuou. O 26 de novembro de 1879 acordouse que se celebrase o 21 de cada mes. Debido a eses cambios, que realmente pretendían a supresión da feira para favorecer outra creada na Estrada en 1877, foi perdendo moito a de Renda, até que morreu.
No lugar da Torre hai un castro antiquísimo, propiedade de D. Gerardo Rodríguez del Corral. Entre Arxóns e Pearo existe outro castro más pequeno que parece que tivo por obxecto a defensa do paso do río Ulla. No primeiro deles refuxiáronse os veciños canda a invasión francesa, facéndose fortes alí, aínda que finalmente non foron atacados. Tamén en tempos da guerra da Independencia, mandou a autoridade destruír os poios da barca de Ribeira e mais as propias barcas, para que os soldados de Napoleón carecesen de medios con que cruzar o río; un deses artefactos pertencía a Antonio Carbia Lorenzo.
Dise que no monte da Devesa, próximo a Renda, se fixeron unhas escavacións hai cousa de 80 anos e que se atoparon sepulcros de pedra labrada atribuídos aos romanos. Despois levounos Benito Baltar para Cruxeiras.
Os de Santeles, por tradición, saían en grande número a mañá de San Xoán para buscar o sol ao lugar de Monte da Cova, onde se reunían cos de Trobe e San Pedro de Sarandón nun ambiente de broma e alegría. Ese costume decreceu moito.
D. Fermín Campaña, escribán de número, veciño de Eicián, sostivo un preito ruidoso co clero de Vea, sobre reclamación de varios efectos, entre eles algúns canóns que quedaran da guerra cos franceses; a reclamación non prosperou.
Tamén foi de Santeles D. Lázaro de Noya, escribán pola xurisdición de Vea. Cóntase que nunha ocasión pasou por alí o capitán xeneral D. Nazario Casa de Egia, que se sentiu molesto porque non saíron a recibirlo as autoridades locais; entón chamou ao alcalde, Alonso Baloira, de Santa Cristina, que compareceu coa roupa de andar nas veigas e sen saber que dicir. Perante a rudeza daquel paisano, o xeneral declinou a súa ira e, supoñendo culpábel da desatención ao cacique local, como persoa que polos seus títulos e cultura non tiña desculpa, mandou comparecer a D. Lázaro de Noya. Presentouse este lucindo unhas fermosas e louras patillas, nas que se vingou o capitán xeneral ordenando a un barbeiro que as afeitase en seco. Mandou exhibir o rasurado pola vía pública cun pregoeiro e, despois de obrigalo a pagar unha onza de ouro ao barbeiro, deixouno en liberdade.
A SOMOZA
Parroquia de 102 cabezas de familia e 632 habitantes, situada na aba oriental dos montes de Zo, a tres quilómetros da Estrada.
O significado do nome que leva, pola súa raíz grega é “porción”, “anaco”; mais talvez proceda do galego como palabra composta de so e moza.
Lugares: Os Sureiros, Vila de Abaixo, Chan, A Carballeira, Bargo, Cernadela e Castro Ramiro(55)
Lindeiros: norte, Ouzande e Guimarei; sur, montes do concello de Cuntis e da parroquia de Arca; leste, Tabeirós e Nigoi; e oeste, Ouzande e Arcos de Furcos.
Vías de comunicación: camiños rurais antigos e os pontóns de Cernadela, Muíño de Abaixo, Carballón e Codeseiras.
Baña o territorio parroquial o regato das Brañas que xorde en términos da mesma parroquia, no punto de Fonte Fría. Teñen os pais de familia para a educación dos seus fillos, unha escola nacional atendida por un mestre; e os labradores están asociados nunha entidade agraria. No ano 1917 celebraron unha moi lucida Festa da Árbore, na que interviu eficazmente o gardamontes D. Antonio López.
No eclesiástico: Somoza é filial de Guimarei e ten por patrón Santo André. A igrexa é regular e antiga, como también o é a freguesía, aínda que do arquivo parroquial só puidemos deducir datos a partir do ano 1706, en que se fundou a confraría do Sacramento.
Festas anuais: Santo André, o primeiro domingo de decembro; o día seguinte, Santa Bárbara; o 25 e 26 de decembro, San Roque e a Virxe da O; o 24 de xuño, os Remedios, e o día seguinte, Santo Antonio.
Cando a guerra da Independencia, morreu a man dos franceses María de Castro. Os da parroquia da Somoza tiñan antigamente como ocupación principal a de cardar la e percorrían polo seu oficio toda Galiza, chegando mesmo a León. Aínda quedou, a través dos anos, a seguinte copla popular:
Onde son; onde serán;
de Santo André da Somoza,
dos cardadores da lan.
En 1704 actuaba na Somoza o escribán D. Pedro Rodríguez de Fraga, a quen sucedeu D. Domingo Antonio Rodríguez de Fraga, que tamén actuaba en 1741.
SOUTO
Esta parroquia está situada nas inmediacións do Cábado. Ten 167 cabezas de familia e 906 habitantes e dista da Estrada uns doce quilómetros por termo medio.
A antigüidade da freguesía é moita, segundo os documentos que examinamos, mais non podemos meternos na aventura de sinalala: o arquivo parroquial data do ano 1650.
Lugares: Cortegada, San Torcado, A Somoza, Enviande, Montillón de Arriba, Montillón de Abaixo, A Toxeira, Souto e Torreboredo.
Souto xa sabemos que significa “campo poboado de castiñeiros”. Cortegada é denominación castelanizada que vén de cortellada en galego, é dicir, “cortes ou cortellos” (cabanas en que se acubillaban as ovellas e cabras que durante o día pacían naqueles extensos montes). San Torcado, é dicir, San Trocado (“cambiado”): trátase de San Bieito, cuxa imaxe estaba antes no lugar que nos ocupa; pero, un ano de fame, os veciños cambiáronllelo aos de Montillón por unha insignificante cantidade de millo miúdo. Sobre A Somoza afirman algúns historiadores que, pola súa raíz grega, significa “porción” ou “anaco”. Debemos ter en conta tamén que quizais, por estar un tanto afastada das demais da parroquia, aparece a raíz so, e que cando se fundou ao mellor denominárona Somoza, palabra composta de so e moza, por ser nova. Enviande, “vía para andar”, por ser o camiño apropiado para saír daquelas paraxes montañosas, e trasladarse a outras. Montillón, diminutivo de monte. A Toxeira, “lugar onde hai toxos”. Torreboredo, Torre de Boredo: fortaleza que alí houbo co nome do señorío a que pertencía.
Lindeiros: norte, Nigoi e Arca; sur, Concello do Campo Lameiro; leste, Codeseda e Quireza; e oeste, Cequeril de Cuntis.
Por termos desta parroquia pasa a estrada de Codeseda ao Campo; as demais comunicacións consisten en camiños antigos e mais as pontes e pontóns chamados: de Souto, da Toxeira na estrada, o de Fragoso, o de Montillón, o de Cortegada, o de Enviande, outro entre Fragoso e Souto e outro entre Souto e Xubrei.
Baña esta parroquia o río Umia, e no lugar de Souto hai dous regatos con que se fertilizan varios terreos; en Montillón aparece o regato de Fonte do Cabalo, que nace no pico do Cábado, e después de regar algunhas veigas desemboca no río por termos de Arca. Tamén se utiliza para o rego o riíño de Enviande-Penizas que nace nos Queimados e desemboca no regato de Fonte do Cabalo á beira da ponte de Montillón.
O 10 de marzo de 1880 foi creada a escola incompleta de Souto, hoxe escola nacional atendida por un mestre que exerce en Torreboredo.
En Montillón funcionan dúas escolas, unha de nenos e outra de nenas, que se deben ao xeneroso e moi ilustrado fillo de devandito lugar, D. Darío Caramés, Inspector Xefe de Ensino Primario en Bilbao.
O local de escola «Curros Enriquez», iniciativa de D.José Cortés, está situado no Arnado, en termos de Souto. Hai tamén nesta parroquia un sindicato, antes sociedade de agricultores, que tivo días de enorme loita na que se distinguiron pola súa valentía os directores dos elementos asociados.
Abundan en Souto os canteiros e carpinteiros que saen do país para traballar polos seus oficios. Como as laboriosas formigas, buscan durante o verán para comer no inverno.
No eclesiástico: esta parroquia é filial ou anexo de Arca; ten por patrón Santo André e o curato está clasificado de entrada.
A igrexa parece do século XVI, é regular e ten unha espadana con dúas campás.
En Montillón hai unha capela a San Bieito que, como a igrexa, ten espadanas e dúas campás. Foi modificada e aumentada en distintas ocasións e rematada en 1700. Resulta un edificio bastante vistoso. Había en termos da parroquia, a mediados do século XVII, un convento chamado de San Paio no que habitaban unha media ducia de frades procedentes de Armenteira. Deste edificio só se conservan algúns vestixios dos muros; a pedra foi aproveitada na torre da igrexa de Arca. En San Torcado, punto de Pau Ramiro, houbo unha capela que limitaba os dominios do duque Patiño; dela só se conservan restos.
Festas anuais: Santo André, o 30 de novembro; a Saleta, o 19 de setembro; o día seguinte de Santo André, o Carme; San Bieito, o 21 de marzo e 11 de xullo; as Ermidas, o primeiro domingo de agosto; o Carme, o primeiro domingo de xaneiro; a de Santo Antonio, variábel.
As rendas procedentes do convento de San Paio pasaron ao duque Patiño, que era o señorío máis coñecido na localidade; hoxe os foros que tiña están redimidos.
En sesión do concello de data 22 de xullo de 1847 faise alusión aos danos que os animais salvaxes causan nos montes de Souto e outros.
Nunha paraxe inmediata a Torreboredo, coñecida por Cantiño, terreo brañal, dise que había unha aldea que se afundiu e parece que se atoparon alí, non hai moito tempo, restos de construcións, como ladrillos, anacos de vigas, etc.
No monte do Cábado hai bestas bravas; dúas mandas: a do cabalo negro e a do cabalo castaño.
Na parroquia que describimos hai cartería, estanco de tabacos e algúns establecementos comerciais. También hai un practicante, D. Manuel Caramés.
Non faltan incautos que por tradición falan dun pendón de ouro enterrado no Cábado, no punto coñecido por Coto da Galla, e mais de outro tesouro agachado polos mouros a cen pasos ao nacente da Fonte do Carballo, también no Cábado. En ambos os sitios a inocente credulidade fixo traballos de escavación en busca do tesouro cobizado, mais sen resultado favorábel.
A invasión francesa deixou en Souto recordos sanguentos. Copiamos: “22 de decembro de 1810. Dentro da parroquial igrexa de Santo André de Souto fixéronse o enterro e mais as honras fúnebres de Miguel Caramés, marido de Benita Fernández, de Montillón de Abaixo. Matárano os franceses en Santa Cristina de Vinseiro, no ataque da Rocha”. “20 de Febreiro de 1811. Na igrexa de Santo André de Souto fixéronse os funerais de Ramón Iglesias, marido de Ángela Fragoso, de Torreboredo. Morreu no hospital de Ciudad Rodrigo ferido polos franceses”.
TABEIRÓS
Parroquia de 171 cabezas de familia e 1006 habitantes, ao sur da vila e distante desta en 5 quilómetros.
Era esta parroquia o centro da antiga e moi importante xurisdición do seu nome e alí estivo ata 1840 o Xulgado de 1ª Instancia, que levaba a mesma denominación de Tabeirós, e aínda a conservou despois de ser instalado na Estrada, até que o 3 de setembro de 1869 SA o Rexente do Reino dispuxo o cambio de designación.
Lugares: O Outeiriño, Tosar, Cepetelo, As Quintas, A Consolación, Sar, O Outeiro, Vilarreal, Sandán, Cimáns, Tabeirós, A Revolta e Piñoi(57).
Pescudando sobre o significado dos nomes que levan algúns deses lugares, atopámonos con que o de Tosar foi denominado antigamente Toxar, “terreo onde abundaban os toxos” ao fundarse o casarío. Cepetelo, diminutivo de cepo, tronco de árbore. As Quintas: o mesmo pode vir de que alí se facían as quintas ou recrutamentos locais na antigüidade, que das quintas partes da produción total que en épocas pretéritas correspondían ao señor feudal. Xa en tempos do arcebispo Xelmírez pagábaselle a este a quinta parte da presa recollida cunhas galeras que mandara construír en Iria. Da Consolación diremos que alí hai unha capela adicada á Virxe da mesma denominación. De Sar, pola súa raíz celta, cabe supoñer que veña de Saa vello, ou de correr por alí a auga. Cimáns, de estar situado nunha cima ou altura con relación a outros lugares inmediatos. Piñoi, “terra de piñeiros”, como así é en realidade.
Lindeiros: norte, Guimarei e A Somoza; sur, Nigoi; leste, Parada e Vinseiro e oeste, montes de Arca e Arcos.
Vías de comunicación: a estrada de Vilapouca a Ponte Vea pasando pola Estrada, e mais camiños veciñais antigos.
Bañan esta parroquia o río de Ponte Nova, que xorde en termos da Somoza e rega terreos de Tosar e O Outeiriño; o regato de Berete, que nace en Maceirón, termos de Sar, desemboca en Nigoi e pasa a Vinseiro.
En sesión do Concello, con data 18 de xaneiro de 1856, consta que había escola en Tabeirós e era mestre D. Juan Durán. Actualmente hai dúas escolas nacionais, unha de nenos e outra de nenas. Tamén hai alí unha sociedade pro-instrución, que alentan os fillos da parroquia residentes en Cuba.
No eclesiástico: Tabeirós ten por patrón Santiago e por filial, Parada. É de ascenso; a presentación de cura pertence ao Cabido. A igrexa, un tanto reducida dada a importancia da freguesía, é anterior ao século XVI, estilo románico-bizantino. A medio quilómetro de distancia está situada a capela da Consolación onde se venera esa Virxe e mais San Sebastián, avogado dos quintos. Presenta a capela moi bo aspecto e é espazosa. Conta cunha capelanía fundada por D. Domingo de la Iglesia e D. Manuel Marzoa antes do ano 1707. O arquivo parroquial retrotráese ao ano 1589, mais a freguesía é moito máis antiga. A imaxe de San Sebastián procede dunha capela que había no agro dese nome, no terreo dos herdeiros de Josefa Neira, que chaman Porta do Santo.
Festas anuais: o patrón, o 25 de xullo; a Consolación, o 8 de setembro; Santa Ana, o 26 de xullo; San Sebastián, o 20 de xaneiro, e Santo Antonio, o 13 de xuño.
O lugar da Consolación foi centro importante; alí había carnizaría e establecementos comerciais, e celebrábanse feiras, tanto que en sesión do Concello con data 12 de xuño de 1871, deuse conta dunha solicitude daqueles veciños, pedindo que a feira do terceiro domingo de cada mes se estendese a toda clase de gandos. En sesión do mesmo Concello de data 15 de outubro de 1902 alúdese á creación da cartería da Consolación.
No lugar do Outeiro hai un castro ou campamento antigo do que o vulgo conta marabillas pola súa prodigalidade en tesouros e encantamentos.
Houbo en termos da parroquia unha fábrica de papel, da que nin as ruínas quedan.
A Tabeirós pertenceu o lugar de Xerliz, que hai uns 50 anos foi agregado a Guimarei polo arcebispo.
Moitos dos materiais de cantaría que se empregan en construír edificios pola contorna proceden das boas canteiras da parroquia que describimos.
Ten graza o que oímos e nos contaron como suceso verídico, relacionado co veciño da localidade Manuel Caramés, carpinteiro de oficio. Este bo home afeccionouse á política e comezou a soñar con cargos e prebendas, aínda que carecía das máis indispensábeis condicións para eses postos. Tomárono a chacota uns cantos da Estrada e enviáronlle por correo unha credencial falsificada, en que aparecía nomeado escribán de Sevilla; e co documento no peto, oufano e moi satisfeito de ter nacido, marchou o incauto a servir de broma aos andaluces, que se deron conta axiña da chanza. Avergoñado, o pobre Caramés, non volveu máis ao país, e talvez quedase meditando naquilo de “zapateiro, aos teus zapatos”.
Loitando pola Independencia nacional, canda a invasión frascesa do século pasado, morreron Manuela de Pena, Agustín Jacinto de Coto, Domingo Antonio Mazo, Pascual de Ponte, Jacinto Trabadela, Roque Borrageiros, Domingo Antonio de Silva, Ignacio Borrageiros, Juan Loureiros e Juan Durán.
O 8 de outubro do ano corrente, celebraron os asociados en prol do ensino unha festa escolar na Consolación, que resultou lucidísima e altamente simpática. Foi factor principalísimo da organización, o entusiasta D. Erundino Bergueiro, presidente da delegación de veciños residentes en Cuba e presidiu o acto o respectábel Tenente Coronel de Sanidade D. Alfredo Pérez Viondi, quen deu unha notabilísima conferencia sobre a necesidade da inspección médica escolar.
Non pecharemos o capítulo sen dedicar un recordo a D. José Monteagudo, finado hai algúns anos, quen, sen ningún título, pero cun amor sen límites para o ensino, se dedicou a el con loábel afán nas horas libres e así influíu notabelmente na educación dalgunhas xeracións. Nunca quixo percibir remuneración material. Foi obra súa unha famosa Carta de Cristus(58), que empregaba con grande éxito.
Tampouco deixaremos no esquecemento ao mestre D. Serafín Castro polo entusiasmo e competencia que puxo na obra cultural.
Pai Soares de Tabeirós escribiu a primeira composición en verso dedicada á famosa Ribeiriña. Trátase dun fillo ilustre desta parroquia?... Talvez si(59).
TOEDO
Parroquia de 57 cabezas de familia e 281 habitantes, distante da vila uns 3´5 quilómetros por termo medio.
Antiga é esta freguesía, mais carecemos de referencias concretas para sinalar datas. Tampouco podemos aventurarnos a dicir con firmeza cal é a etimoloxía ou significado da palabra Toedo e só nos faremos eco da opinión pouco fundamentada dalgúns que din que vén de eido, ou todoeido, “terreo cultivado”. Virá de boedo, “terreo pantanoso”? Pode ser.
Lugares: Regueiro, A Carballa, O Talló, A Igrexa, O Soutiño e Toedo(60). En canto á orixe ou significado da denominación que levan, está ben claro se exceptuamos Talló, cuxo nome equivale a “fragmento ou anaco de terra”.
Lindeiros: norte, Santeles; sur, Matalobos; leste Aguións e oeste, Baloira.
Vías de comunicación: a vía do Estado da Estrada a Santiago e mais camiños rurais antigos. Por termos desta parroquia vai o trazado dun camiño do Estado que termina na igrexa de Santeles. Fixéronse estudos para un ferrocarril das minas de Arca no concello de Piñeiro, partido da Arzúa a Vilagarcía. No lugar do Soutiño hai dúas pontes, próximas entre si, que se chaman do Brañal.
Bañan o territorio de Toedo os regatos dos seus agros, e o de Regueiro, que xorde no Soutiño e desemboca no río de Ponte Barcia.
Pertence esta parroquia ao radio ou distrito escolar de Matalobos e, por conseguinte, non ten escola propia. Os labradores están inscritos nunha sociedade agraria con seguro de gandos.
No Soutiño, á beira da estrada, hai dous establecementos comerciais, un deles de D. José María Vázquez; e por alí ten a súa residencia o veterinario D. José Ríos Eiriz.
No eclesiástico: Toedo tivo nalgún tempo como anexo a extinguida freguesía de Figueiroa; hoxe é filial de Matalobos. A igrexa data de antigo e resulta un tanto reducida; polo leste ten o escudo de Santa cruz e un letreiro que di: «Esta obra la hizo a su costa D. Domingo Cortázar y Díaz, natural da villa de Poza, arzobispado de Burgos, Comisario del Santo Oficio y cura propio de San Pedro de Toedo y de San Payo de Figueroa. Año 1761». O patrón é San Pedro.
Festas anuais: San Pedro, o 29 de xuño; o 30, o Sacramento; o domingo seguinte, Santo Antonio; o primeiro domingo de setembro, as Dores; o día seguinte, San Roque; o terceiro domingo de outubro, o Rosario; o 25 de decembro, o Neno Xesús e o último domingo de maio, San Sebastián.
Dicíase que no outeiro da Loba había un tesouro enterrado e aqueles incautos veciños fixeron nunha ocasión escavacións para desenterrarlo. Os traballos duraron varios días, pero o tesouro non apareceu, apesar de que se turnaban os interesados, traballando uns de día e vixiando outros pola noite para que non viñesen xentes estrañas a aproveitárense.
De Toedo foi o coronel D. José de Barcia, que tiña unha casa no Talló, adquirida despois por José Martínez e propiedade hoxe de Lorenzo Loureiro. Finou D. José pouco despois de regresar de Franza onde o tiveran detido sen que saibamos as causas.
Dominaban na localidade cos seus foros o marqués de Santa Cruz e o conde de Ximonde.
VEA (SANTO ANDRÉ)
Parroquia situada na aba oriental do monte Xesteiras, que se compón de 109 cabezas de familia e 539 habitantes, distando da Estrada uns 10 quilómetros.
Lugares: Paramá, A Ribeira, Ramiráns, Calvelo de Arriba, Calvelo de Abaixo, O Pazo, Constenla, Murxide, Celeirón, Vera, Gondarei, Cardelle, Trazarís.
Discorrendo en canto á orixe ou etimoloxía dos nomes destes casaríos, atopámonos con que Paramá, é dicir, páramo, vén de estar situado na altura do monte, en punto frío e desamparado dos ventos. A Ribeira, por ser ribeira do regato que baixa da Bragada. Ramiráns vén dos Ramiros que dominaron en Galiza, un deles Ramiro I, fillo de Bermudo, vencedor dos normandos que fixeran un desembarco na Coruña; e o outro, fillo de Sancho I, durante cuxo reinado tamén entraron os normandos na nosa rexión. Calvelo vén de calvo, “lugar pelado ou ermo”. Murxide é o mesmo que morgade e equivale en grego a “sebe” ou “cerca”. En canto a Celeiróns, véxase o que dixemos ao tratar dun lugar do mesmo nome pertencente a Berres. Pénsase que Gondarei vén de Gundemaro, rei de Galiza. Cardelle, de cardar ou cardador. Trazarís significa “alá detrás, na revolta”, como sucede neste caso.
Lindeiros: norte, San Xurxo; sur, Portela de Cuntis; leste, San Xiao; e oeste, Frades.
Vías de comunicación: a estrada de Santiago a Cuntis; camiños veciñais antigos e as pontes e pontiñas de Cardenande, Ramiráns, Trazarís, Cano n.° 8 e Cardelle, todas na estrada; outra sobre o regato de Bragada; a do lugar de Ribeira; a do Tallo en Ramiráns, que comunica con San Xiao, e mais o de San Bartolomé.
Baña os termos desta parroquia o regato da Bragada, que ten orixe alá no monte, entre Santo André e Portela: aflúen a ese regato algúns arroios de pouca consideración.
O ensino primario consiste nunha escola nacional servida por un mestre. Foi creada en sesión do Concello de data 14 xuño de 1856. Os labradores contan cunha asociación, que ten seguro de gandos.
No eclesiástico: o curato é de ascenso e pertence á Coroa. A igrexa pode contarse entre as regulares do país, de non moita antigüidade. Anteriormente houbo outra en Ramiráns, no punto coñecido por Pereiro, onde se atopan restos dos alicerces. A casa reitoral ocupa unha situación moi bonita e enxérgase desde as fiestras un espléndido territorio. Dentro de dita igrexa está a capela da Purísima Concepción, fundada pola familia de Leira.
Festas anuais: Santo André, o 30 de novembro, o Rosario, o día seguinte; o domingo seguinte, San Roque; o Carme, o 16 de xullo; as Dores, o terceiro domingo de setembro; o día seguinte, San Antonio e o Corazón de Xesús.
Outras particularidades: En termos de Santo André existen unhas ruínas dunha casa señorial que pertenceu ao conde de Ximonde.
Entre esta parroquia e San Xiao álzase o castro de San Bartolomeu, que debeu ser unha importante fortaleza na antigüidade, pois aínda conserva sinais evidentes de fosos e contrafosos. Cóntase que a credulidade daqueles veciños os levou, hai xa bastante tempo, a realizar escavacións en busca dun tesouro imaxinario e que varios dos traballadores pereceron por derrubamento dunha mina.
No ano 1860, un espantoso andazo de varíola fixo estragos na parroquia.
VEA (SAN XURXO)
Na vertente oriental do monte Feáns, está situada a parroquia de San Xurxo de Vea, que dista da Estrada uns 12 quilómetros por termo medio e conta con 110 cabezas de familia e 559 habitantes, distribuídos nos lugares seguintes: A Valiña, A Riba, Outeiro, O Souto, Coutada, Trascastro, Azoreiros, Curuxas, Loureiro de Abaixo, Loureiro de Arriba, O Casal, Piñeiro, Fonteboa, Valcárceles, Guntín, O Rosallo, Bouzamar e Trasfontao(61).
Coutada parece que quere dicir “asegurada”; tamén pode vir de coto na súa última acepción: Azoreiros, de azuzar, “incitarse, provocarse”. Curuxas, punto ou morada destas aves. Fonteboa recibe o nome dunha fonte de moi boa auga que ten o lugar. Valcárceles, pola súa raíz val, significa “val, chaira”. Guntín, xustín, “xustiño”. Rosallo, “roseira, terreo de rosas abundantes”. Bouzamar; “moita bouza, matogueira”. Trasfontao, detrás dunhas fontes moi coñecidas alí.
Lindeiros: norte, Couso; sur, Frades e Santo André de Vea; leste, San Xiao e Santa Cristina; e oeste, os Barcalas.
Vías de comunicación: a vía do Estado de Estrada a Santiago, a de Boimorto a Cesures e a de Santiago a Cuntis, con cruces en Bouzamar e en Souto de Vea; a ponte de Cardelle e camiños rurais.
Para o ensino primario teñen os de San Xurxo unha escola servida por un mestre, situada no lugar da Riba. Tamén teñen unha sociedade de agricultores con seguro de gandos.
No eclesiástico: San Xurxo ten por anexo Frades con anterioridade ao ano 1640. Hai un cura e un coadxutor. É padroado da Coroa. A igrexa é boa e está moi ben coidada; no frontis lese a seguinte inscrición: «Esta obra se hizo siendo cura D. Alonso de Novoa». A imaxe do patrón é de escultura tan notábel, que ten sido levada, en días de grande solemnidade relixiosa, a Santiago e a outros lugares. Sobre o altar maior está a bóveda agretada debido a un tremor de terra que se notou non hai moito tempo. A igrexa foi consagrada no ano 1161 por Sergio, bispo de Cora, segundo indica unha relación da visita feita a diócese polo cardeal Hoyo a principios do século XVII. A propósito diso di o Sr. López Ferreiro, que ao seu xuízo debe lerse no canto de Sergio, Soro, que por aquel tempo estaba á fronte da sé de Coria. A pía bautismal, de mérito indiscutíbel pola súa antigüidade, ten unha inscrición xeroglífica que, traducida por persoa perita na materia, di: sancti spiritus gratia purgat infantum crimina. Era MCLXXXXVIII es ynotum kalendis junio(62) – Ordonius dictus magister fecit (Ano de 1160 a 1º de xuño). Na Bula de Clemente VII, con data de 25 de marzo de 1525, librada para a creación do Colexio Maior de Fonseca, Universidade de Santiago, aparece como tributaria a parroquia de San Xurxo de Vea. O panorama que se presenta á vista mirando polas fiestras do leste da casa reitoral é fermosísimo; é tan espléndido que nel aparecen nada menos que 24 templos parroquiais, incluso o da Estrada. O curato é de ascenso.
Festas anuais: San Xurxo, o 23 de abril; San Roque, o día seguinte; o Rosario, o domingo seguinte ao 23 de abril; Corpus, o domingo seguinte; as Dores, o primeiro domingo de setembro; ao outro día, o Carme; San Antonio, o 13 de xuño.
Outras curiosidades: bañan esta parroquia os regatos de Guntín e Mulleres, que ten orixe no lugar de Guntín e divide despois os termos de Santo André e San Xurxo; o de Fondón que nace no punto de Lamela, e desemboca, despois de fertilizar algúns terreos, no da Bragada.
Lugar moi animado é o Souto de Vea; por alí circulan diariamente os automóbiles de liña da Estrada e Cuntis a Santiago, e moitos de aluguer e particulares. Hai comercios de importancia, como son os de D. Ignacio Eiras, D. Florentino Sanmartín, D. Serafín Puente e algún outro; tamén hai cartería e estanco de tabacos. A creación da cartería data de 20 de novembro de 1872, segundo acordo da Corporación municipal consignado en acta da mesma data. Noutro acordo da mesma entidade, tomado o 22 de agosto de 1899, trátase da mesma cartería.
O Concello, en sesión de 22 de decembro de 1869, autorizou a creación dunha feira no Souto de Vea, a celebrar os días 25 de cada mes. Noutra sesión, de 20 de novembro de 1872, acórdase reanimar esa feira, que estaba en decadencia. Tamén houbo feira o día 9 de cada mes, pero tanto esta como a do 25 morreron, e en verdade que foi mágoa.
A parroquia é abundante en mazás de excelente calidade. O médico D. Juan Penas Touceda, D. José Mª Barreiro, D. José Barcala Sinde, e algún outro, asociáronse para explotar ese produto do país, transformándoo en sidra; e, ao efecto, un deles foi a Asturias para estudar os procedementos máis convenientes a esa industria.
O Concello da extinguida xurisdición de Vea tivo por local a casa de Francisco Salgado de Bouzamar.
A distinguida Sra. Dª Sofía Cepa, viúva de Martínez, ten un fermoso chalé en Trascastro, onde pasa longas tempadas.
O castro de Outeiro, fortaleza ou campamento antiquísimo, non deixa de ter mérito entre os da súa clase. Como por tradición se viña dicindo que nel había un tesouro agachado, a cobiza e simpleza de Manuel Balado Revoredo levouno ao extremo de practicar alí profundas e extensas escavacións, pero nada encontrou.
Dominan en San Xurxo cos seus foros, o conde de Superunda, D. Gumersindo Puga, Dª Sofía Cepa, Dª Clotilde de la Maza; a viúva de Cervela de Callobre, e D. Álvaro Torres, da Coruña.
VEA (SAN XIAO)
Parroquia de 96 cabezas de familia e 454 habitantes, que dista da Estrada uns oito quilómetros.
Lugares: Reguengo, Vilanova, Gondomar de Arriba, Gondomar de Abaixo, Dorelle, O San Bartolomeu, A Igrexa, Rabiáns dos Labradores, Rabiáns dos Cabaleiros, Vixín, Sandelle, Bouzamar, O Pouso e A Torriña(63).
Diremos algo do significado ou etimoloxía dos nomes destes casaríos: Reguengo vén dun regueiro ou regato que hai nas inmediacións. Vilanova equivale a aldea recentemente fundada. As denominacións dos Gondomar proceden, segundo opinión do Padre Seguín, notábel historiador rexional, de Gundemaro, que foi rei de Galiza. Dorelle parece que debe o nome ao apelido do fundador ou primitivo aforante. San Bartolomeu, ao santuario con capela que alí existe. Non falta quen pense que Rabiáns vén de Rauveana, divindade mitolóxica da antigüidade. Vixín, de visum, “punto alto para ver ben”. Bouzamar, de moita bouza, “anaco de terreo inculto con matogueira”. A Torriña debe o nome a unha torre pequena ou fortaleza de escasa importancia que alí houbo.
Lindeiros: norte, Santa Cristina e Baloira; sur, Santo André e Matalobos; leste, Toedo e Matalobos; oeste, Santo André e San Xurxo, cun regatiño no medio.
As vías de comunicación consisten en camiños antigos e tamén as pontes de Facian, Vilanova, Ponte Sala, Dorelle e Tallo.
Bañan esta parroquia os regatos seguintes: o que descende da Bragada; o de Porto Caeiro que xorde en Baloira; outro que descende de Matalobos e, despois de pasar por Gondomar de Arriba, desemboca no da Bragada; e o de Pico Calvelo que nace en Teáns, (monte Xesteiras).
O 18 de xaneiro de 1856 foi nomeado mestre de San Xiao de Vea, D. Enrique Rodríguez, grazas ao esforzo do párroco D. Nicolás Villar. Actualmente o ensino primario está a cargo dun mestre nacional, que exerce nun local construído ao efecto pola Sociedade de agricultores que ten a parroquia, coa súa sección «Seguro de gandos».
No eclesiástico: A freguesía estivo unida a Santo André de Vea; como beneficio curado foi o ultimo cura da unión, D. Esteban González de Fuenrábida, nos anos 1725-1756. Seguiu de cura ecónomo D. Juan de Villar até 1759 en que se efectuou a separación. Tivo, a partir deste ano, como primeiro cura, ao bacharel D. Juan Rodríguez Reimóndez, que foi sepultado o 25 de xullo de 1780 na capela maior. Dese señor cabe supoñer que, debido ás virtudes que o adornaban, adquiriu grande sona, pois apesar do laconismo que se empregaba naqueles tempos ao estender as partidas de defunción, aparecen no libro correspondente estas edificantes frases: «recibiu os Santos Sacramentos como verdadeiro cristián e cura dos de maior ciencia e virtude deste arcebispado». Sucedeuno o ecónomo D. José Rivas Pereira até 1782, en que tomou posesión o novo párroco, licenciado D. Jacobo de Castro, avogado da Real Audiencia de Galiza; e tivo por tenente a D. José de la Riva Miranda, que pasou a ecónomo en 1792 e desempeñou o cargo até 1794, en que se encargó D. Bernardo de Rivas, que tivo como tenente a D. Antonio C. Gómez: o D. Bernardo finou o ano 1809 e entón fíxose cargo da parroquia D. Manuel Casal, presbítero, de San Xurxo, e por defunción deste, sucedeuno o seu irmán D. Antonio. En 1811 pasou á parroquial o Doutor D. José García Abalo, elixido en 1826 Cóengo Lectoral da Santa Igrexa Catedral de Lugo. Despois, ata 1828, houbo o ecónomo D. Gregorio Bustelo; e neste ano tomou posesión o párroco D. Manuel Antonio Revoredo, quen faleceu o 25 de abril de 1847. Encargouse o ecónomo Frei Domingo Briones, misioneiro apostólico do Colexio de San Antonio de Herbón, até 1849, ano en que foi cura propio D. Juan Domingo Fernández, de Ribadulla (Vedra). Finou este señor en 1870 e encargouse da freguesía o ecónomo D. Manuel Rodríguez de Aguións. En 1877 tomou posesión o párroco D. Nicolás Villar Caxuso, quen desempeñou o cargo até 1873, en que o ocupou o ecónomo D. Manuel Balseiros Castro. O 1 de xuño do devandito ano encargouse D. Juan Canabal Balseiros, sobriño do anterior, que rexiu ata o seu falecemento, ocorrido o 9 de marzo de 1919. Encargouse o ecónomo D. Juan Miranda e a primeiros de maio de 1921, o párroco actual D. Manuel Vivero García, procedente de Santa Cruz de Ribadulla, culto e atento, a quen non podemos aforrar unha nota especial de agradecemento pola amabilidade con que recibiu a nosa visita cando fomos en busca de antecedentes, e o empeño e acerto que puxo facilitándonos estes e outros datos.
Desde tempo inmemorial dáse en San Xiao o toque de ánima ás nove da noite, sendo costume dos fieles rezar tres nosopais. Isto facíase en combinación con Santa Cristina, que tocaba ás oito (agora tamén ás nove). Santo André faino ás dez e San Xurxo, ás once; dise que Frades tocaba algunha vez ás doce da noite. A igrexa é boa, de cruz latina incompleta. Experimentou algunhas reformas, obedecendo á data da máis importante unha inscrición que se le sobre a porta principal e di: «D. OM. O A. D. N. I. MDXXLXI1I. RECT. IOANNE R. REYMONDEZ». A torre é importante, dela penden dúas sonoras campás fundidas en Santo André de Vea o 31 de outubro de 1818 polo campaneiro de Arcos da Condesa, D. Juan Manuel Blanco. O retablo maior da igrexa é de estilo renacemento, de dous corpos, artístico, construído por D. Gregorio Arias Mariño, de Santa Cristina de Vea, mestre de escultura e arquitectura, no ano 1783. Este artista, en 1784, fixo tamén a imaxe do patrón, á que non falta mérito. En canto a confrarías, podemos sinalar que houbo a de San Roque, extinguida actualmente, cuxa fundación, a xulgar polos libros do arquivo parroquial, remóntase ao ano 1607; a do Sacramento, que existe e procede de data anterior a 1654; a do Rosario, que tamén existe na actualidade e aparece mencionada xa en documentos de 1638, ano en que era mordomo Juan da Rama; a de Ánimas, tamén en funcións, fundada alá polo ano 1670; a de Nosa Señora do Consolo, organizada en 1765, sendo párroco o Sr. Reimóndez, home sabio e virtuoso, de grata memoria, que levou a cabo as grandes reformas do corpo principal da igrexa; a da Doutrina Cristiá, fundada o 8 de febreiro de 1908, en tempos de Canabal, que tamén fundara en 1894 a Asociación Xosefina e o 1 de novembro de 1902, a do Apostolado da Oración do Sagrado Corazón de Xesús.
Separada da igrexa e no punto da súa denominación, levántase a importante ermida de San Bartolomeu, cuxa data de fundación se descoñece, aínda que se sabe que xa existía na primeira metade do século XVI, a xulgar polo libro da confraría correspondente, e que acadou grande importancia con confrades de dentro e fóra da parroquia. Extinguiuse no século pasado. Sobre a porta principal do templo hai esta inscrición: «El cuerpo de esta capilla y alce fon. de limosna las obras—Año de 1754»,
Os veciños de San Xiao de Vea sufriron o infausto día 4 de marzo de 1809 a dor profunda de ver caer, cribado a balazos franceses, o seu virtuoso párroco D. Bernardo de Rivas, que con elevado patriotismo figuraba no cadro directivo das célebres alarmas de Vea. O acto bárbaro tivo orixe, segundo se vén asegurando, en que, ao penetrar os invasores na comarca de Vea, escribiron ao Sr. Rivas para avisalo de que non alarmase o pobo coas campás e de que lles enviase á Casa Nova de Santo André os víveres que tivese ao seu alcance. Mais, apesar da amenazadora comunicación, as campás tocáronse violentamente e os víveres non se enviaron. Por iso as tropas de Napoleón botáronse sobre San Xiao a sangue e lume, e o cura, aínda que indefenso, agardounas con singular valentía, acompañado de varios fregueses. Así é como foi alcanzado polos balazos xunto a un hórreo que aínda existe na eira da casa coñecida por “da Rama”, contigua á reitoral. Segundo a opinión dos anciáns, aínda se conservan no sitio pegadas dos proxectís. Co párroco pereceron os veciños Gabriel Loureiro, de Gondomar de Abaixo; Juan Villar, de Rabiáns dos Labradores; Manuel García, de Gondomar de Arriba, e algún outro. Os demais fuxiron e, unidos aos de San Xurxo e Santo André, internáronse nos montes de Frades e utilizaban a igrexa para as súas reunións. Como os estómagos tiñan esixencias, en grupos baixaban a moer o gran para o pan no muíño máis próximo e cocían no forno que tiñan máis á man, todo en común. Así fóronse sostendo e preparando aqueles patriotas e con algúns reforzos doutros puntos, fixeron pagar cara a fazaña aos franceses, causándolles moitas baixas cando trataron de pasar a ponte Vea. Contristaba o ánimo, hai algúns anos, oír contar aos vellos os horrores da contenda, pois eles viran vagar polos montes os paisanos, coas súas cousas ao lombo e os fillos menores chorando, ocultos nas barrancas; e arrepía o feito, que corre como cousa certa, de que un pobre labrador de Gondomar se ocultou entre un carro de leña e con ela foi queimado.
Festas anuais: a do patrón, San Xiao, o 7 de xaneiro; o día seguinte, San Antonio; ao outro, a Concepción; o 24 de agosto, a de San Bartolomeu, o día seguinte, a do Carme e San Roque; e a do Rosario, o primeiro domingo de outubro.
Outras particularidades: en San Bartolomeu hai un castro no que os paisanos fixeron escavacións buscando soñados tesouros.
En sesións municipais do ano 1873 autorizouse, a instancia de José Balado Eiras, a creación dunha feira para celebrala os días 25 de cada mes no punto de San Bartolomeu. Noutra sesión, o 26 de marzo de 1898, autorízase novamente a celebración de tal feira, que debeu ter pouca vida e na actualidade non existe.
Existen na parroquia 17 muíños fariñeiros e en proxecto outro máis, cuxas augas se utilizarían tamén para un serradoiro.
De San Xiao procederon D. Pedro García, cura de Couso; D. José Barreiro, que morreu sendo patrón da fundación de Figueiroa e cura de Poulo (A Coruña); D. Juan Miranda, ecónomo en Cora; D. Bernardo Rodríguez, ex-tesoureiro da Universidade de Bos Aires.
Hai anos fixérase célebre unha taberna situada nun punto próximo á capela de San Bartolomeu, chamada «Casiña» e cóntase que, como nela se fraguaron moitos crimes e outros excesos, foi demolida e situouse no seu lugar o actual cruceiro como para redimir un soar de desgraciada celebridade.
VEA (SANTA CRISTINA)
Parroquia de 109 cabezas de familia e 539 habitantes, que dista da capital do distrito uns 8 quilómetros por termo medio.
Lugares: Riba de Vea, A Cerqueira, Nogueira, Barazás, O Rollo, Torre do Vilar, Carbia, Tarrío, Sorribas, Vista Alegre, O Outeiro, Tracesto, A Torrevedra, A Casa do Monte, O Castro, Ermo e Gándara(64).
Riba de vea e arriba de Vea son a mesma cousa; con todo, é de notar, que este lugar, con relación aos demais da zona, non ocupa unha posición alta e por iso nos inclinamos a pensar que o de Riba vén de estar situado sobre o río de Vea que por alí corre. O nome de Cerqueira vén de estar relativamente preto da capela, segundo din uns; e segundo outros, ao parecer os máis acertados, de que por alí abundan os cerqueiros, que son unha variedade de carballos. Nogueira, nome da árbore que produce as noces. Barazás din que recibiu o nome do primitivo fundador ou aforante do lugar; mais, os celtistas, neste caso con fundamento, dado o punto elevado que ocupa Barazás, sosteñen que por ter a raíz celta bar, significa “cima”, “cume”. De Carbia, segundo cartas forais, sábese que debe a denominación ao primeiro aforante, que levaba ese apelido. Unha torre ou fortaleza antiga serviu de base para o nome que leva o lugar de Torre do Vilar. Tarrío, é dicir, tras río: por estar detrás do río ou regato que por alí corre. Tracesto, Trasesto, antes Trasxeito: pouco xeitoso por razón do camiño laberíntico que hai que percorrer para ir a el. Ermo, “inculto, afastado, solitario, de malas condicións para dar froito”. Gándara; “terra cha e rara”. O lugar de Sorribas denominábase antigamente Calexa; e o de Nogueira, Cabritas. Torrevedra é denominación composta de torre e vedra, que significa “verea” en antiga linguaxe ibérica.
Lindeiros: norte, Cora; sur, Baloira e San Xiao; leste, Santeles e Toedo; e oeste, San Xurxo e Couso; separadas polo río ou regato.
Vías de comunicación: a vía da Estrada a Santiago e mais a que conduce a Cesures; o camiño real da Gándara a Cora, e algúns rurais; as pontes de Carbia, da Torre do Vilar e de Ribadevea.
Bañan esta parroquia o Río Vea e mais o regato de Tarrío, que xorde no lugar deste nome.
Os de Santa Cristina de Vea, a pesar do seu indiscutíbel dereito, carecen de escola pública para o ensino primario. O Ministerio aprobou o expediente para crear unha nacional de nenos.
No eclesiástico: o curato é de entrada, presentación da Coroa, e ten un párroco. Antigamente cobraba o cura 208 ferrados de froito mediado, dez capóns e catro galiñas, e pagaba ao clero da capela da Concepción da Catedral de Santiago 21 ferrados de mediado e dous capóns. O arcebispo exercía xurisdición en Sta. Cristina onde tiña casa-cárcere. Primitivamente a igrexa estivo no punto de Pardiñeiros, onde aínda se encontran indicios de edificación con algunha frecuencia. O actual templo non ofrece ningunha particularidade.
No punto da Gándara, lugar de Cerqueira, hai unha elegante capela a Nosa Señora de Aránzazu, fundada polo párroco D. Francisco Bretal Mariño o ano 1690. Cóntase por aqueles contornos que os lobos levaron en certa ocasión unha nena e os pais, desesperados, comezaron a orar na capela, recollendo pronto o froito das súas oracións, pois recobraron a rapaza sa e salva ao pé do lobo, que apareceu morto. Fronte a dita capela hai un cruceiro de pedra feito a expensas de Juan de Porto e Catalina de Ribeira, que se pensa que foron os pais da devandita nena.
No ano 1809 foi saqueada a igrexa polas tropas francesas.
Festas anuais: a patroa, Santa Cristina, o 24 de xullo; na Gándara, o 8 de setembro; Santo Domingo, o 9 de setembro; o Carme, o 25 de xullo; San Brais, o 3 de febreiro; o Santísimo, o 26 de xullo; o domingo seguinte, San Antonio.
Outras particularidades: Os de Santa Cristina construíron un local social moi vistoso, tamén coa idea de que sirva para escola.
O cárcere de Vea estivo na Gándara, na casa de D. Juan Pan de Castro, mestre e alguacil. O edificio desapareceu e o seu soar está incluído nunha leira a labradío pertencente a Francisco Lorenzo, confinante co camiño real e coa cerrada dos Martínez. Despois pasou a cadea a Torre do Vilar, a unha casa que foi vendida polo arcebispo a Andrés Ribeira e hoxe pertence a Ignacio Baloira. O Concello da Estrada, o 9 de xullo de 1840, acordou que as mulleres detidas pasasen a este cárcere por falta de condicións na prisión da vila. Na casa de Manuel López, a quen sucedeu Antonio Barcala e hoxe os seus herdeiros, do lugar de Cerqueira, quedaron unhas cadeas do cárcere, grillóns e chaves. A cadea, chamada Monfortina, que o Concello ten no seu poder, procede do cárcere de Vea.
Manuel López desempeñou cargos importantes en Vea; foi alcalde, procurador xeral, xuíz de paz, recaudador de impostos, etc.
No testamento de Dª Teresa Sánchez de Gres, esposa de Alfonso Gómez Turrichao, ano 1395, aparece legado ao mosteiro de San Francisco de Santiago un tonel de viño branco de Ribadevea.
Nesta parroquia, no lugar de Sorribas (antes Costa), naceu don Manuel Ventura Figueroa, que foi secretario da Súa Santidade o Papa, e cuxa célebre e meritísima fundación para carreiras e dotes todos coñecemos. Aínda existe a casa onde tal nacemento tivo lugar e pertence hoxe aos herdeiros de Rafael José Otero Rivas.
Tamén naceron en Santa Cristina de Vea: D. Francisco Barreiro, curmán de D. Manuel Ventura, que foi coronel do Rexemento do Perú e que faleceu en 1781; Don Jacobo Quirino, parente tamén do Sr Figueroa, que foi cura de Tabeirós e cóengo despois en Santiago, morto no ano 1797; e don Juan Bautista Valverde, primeiro patrón da fundación de Figueroa, designado por D. Manuel Ventura no testamento que outorgou o ano 1783.
Na Casa do Monte viviu o frade exclaustrado P. Domingo Antonio Carulo. No mesmo lugar hai un castro, que contiña, segundo o vulgo, algúns encantos e, para desenfeitizalos, presentouse alí en certa ocasión un sacerdote acompañado de varios veciños, que comezaron a facer escavacións que deron como único resultado o achádego do tobo dun teixugo que, véndose acosado, saíu correndo, causando a risa de todos os presentes.
En Santa Cristina de Vea, aínda dominan algo os señoríos de D. Marcial Fernández e D. Javier Cervela, de Ribeira.
Actuaba nesta parroquia en 1747 o escribán D Domingo Andrés de Cobas.
VINSEIRO
Parroquia de 128 cabezas de familia e 754 habitantes que dista da capital do distrito uns seis quilómetros.
Vinseiro, antes Vinceiro, como se observa en documentos oficiais antigos, significa “punto ou lugar apropiado para ver un extenso territorio”, como o que realmente se domina desde aquela parroquia. E pénsase que lle puxeron o nome os peregrinos de afastadas terras que, entrando pola parte de Montes, ao dominar o val e entrar nos límites da parroquia que nos ocupa, divisaban Compostela, a onde se dirixían para adorar o Apóstolo Santiago.
Lugares: A Pena, San Martiño, Frende, Correáns, Freán, A Igrexa, O Moucho, As Nogueiras, Vinseiro, Godoi, Fragoso, Vis de Correa e Vis de Baixetes.
Discorrendo sobre o significado ou etimoloxía dos nomes destes lugares, chegamos ás seguintes conclusións: Pena vén de estar situado en punto penedoso; San Martiño, de que, ao dicir das xentes, alí houbo unha capela dedicada a ese Santo; Frende e Freán, segundo historiadores rexionais, veñen do culto a unha divindade mitolóxica deste nome a quen se lle atribuía a forza produtiva e fertilidade da terra; tamén pode vir do gótico frea, que singnifica “punto baixo”. O Moucho, punto onde acostumaban a aniñar os mouchos; As Nogueiras, de estar situado en lugar onde abundaban estas árbores; Godoi, antes Gothoi, grego, procede do apelido de familia ilustre; Fragoso, de estar situado en terreo crebado e desigual, con fragosidades, malezas ou breñas; e os Vis, de visum, latín; “altura ou eminencia apropiada para ver moito territorio”, ou da voz xermánica veihsa, “aldea” ou “burgo”.
Lindeiros: norte, Cereixo; sur, Ribela e Parada; leste, Pardemarín e Lamas; oeste, Tabeirós, Nigoi e Parada.
Vías de comunicación: entra nesta parroquia a estrada municipal que cruza a de Cereixo; camiños veciñais antigos e a ponte de Entrambosríos.
Bañan o territorio o regato que xorde en Parada e desemboca no Pego Negro; o de Fragoso, que desauga en Entrambosríos; e o de Frende, que se interna en Cereixo.
O ensino primario consiste nunha escola atendida por un mestre e está en creación outra escola para nenas.
Teñen os de Vinseiro e Cereixo un local para o ensino de recente construción, feito a expensas da veciñanza e dos emigrados; e un sindicato agrícola con seguro de gandos, o mesmo ao que pertencen os de Cereixo.
Tamén hai na localidade unha parada ou posto de sementais, a cargo de Manuel Barreiro.
No eclesiástico: Vinseiro ten por anexo Cereixo e, para o curato, que é de entrada presentan a Coroa e varios leigos, alternativamente. A igrexa é regular; actúa nela un cura e un capelán. Foi feita no lugar que ocupaba a antiga en tempos do célebre párroco Sr. Palencia, o ano 1817, por 40.000 reais. Na Casa-fábrica hai este rótulo: «Casa-fábrica —Teira y Castro—año 1788».
Festas anuais: a patroa, Santa Cristina, o 21 de xullo; o 25, Santa Ana; as Dores, o último domingo de setembro; San Brais, o 3 de febreiro; Santa Bárbara, o domingo seguinte
Outras particularidades: en Correáns hai unha casa señorial antiga pertencente á familia de Leira do Ribeiro, que cobra rendas na localidade. Tiñan unha ermida dedicada ao Santo Anxo da Garda, hoxe pechada ao culto.
De liñaxe foi a familia de D. Andrés e D. Carlos Bermúdez Figueroa, naturais de Vinseiro, emparentados cos Bermúdez de la Peña, Reimondez Figueroa e Lis Castroverde.
O 17 de febreiro de 1587, Miguel Fernández, de Marcelos, outorgou perante o escribán Juan de Morgade, escritura de foro da cuarta parte do lugar e Casal de Vinseiro, a favor de Alonso das Cobas e da súa muller Ana de Nodar, en renda de sete ferrados de pan mediado.
En Vis de Baixetes houbo unha capela fundada por D. Antonio Bermúdez de la Peña e Dª Jacinta Reimóndez Figueroa, que foi demolida.
O 29 de xuño de 1637, perante o escribán Agustín de Castro, veciño de terras de Tabeirós, Pedro Fernández, de Marcelos, outorgou escritura de venda dun cuarto enteiramente do lugar e casal de Vinseiro de Godoi a favor de Pedro Barreiro de Codeseda. O 11 de setembro de 1709, perante Pedro Pérez de Ibias, de Callobre, Francisco Barreiro, veciño de Codeseda, outorgou escritura de renda da cuarta parte do lugar de Vinseiro de Godoi polo que lle pagaban Domingo de Neira, e outros sete ferrados de centeo e millo miúdo, a favor de D. Antonio Bermúdez de la Peña.
O 21 de setembro de 1735, D. Bartolomé Bermúdez de la Peña, de Vis de Baixetes, aforou a cuarta parte do lugar de Vinseiro, a favor de Antonio Matalobos e os seus consortes en renda anual de nove ferrados de pan mediado. O 30 de xaneiro de 1747 este D. Bartolomé, perante Andrés de Morgade, outorgou escritura de venda da referida cuarta parte, a favor de D. Alonso Martínez de Barcia, racioneiro do Colexio de Sancti Spiritus.
Grato recordo merece o que foi veciño de Vis de Baixetes e se chamou D. José Brea, finado neste ano. Despois de pasar en Cuba moito tempo e merecer o apelativo de “pai dos emigrados estradenses”, pois atoparon sempre no seu gran corazón decidido apoio, veu morrer ao recanto amado. Todos os que o coñecían, chorárono con fondo pesar.
De Vinseiro é también o culto amigo noso D. Bernardo Mato.
ALGUNHAS CURIOSIDADES FINAIS
Aínda que o noso territorio está algo afastado do mar e das antigas urbes, non deixou de ser teatro de feitos notábeis no transcurso dos séculos. Con todo, tan pouco se ten escrito sobre esta terra, que o erudito padre franciscano Fr. Atanasio López, asegúranos desde o Arquivo Ibero-Americano, que é esta a zona menos coñecida da Galiza.
Non cabe nos reducidos límites desta obra establecer conclusións en canto á raza que ocupa o chan estradense, nin contamos coa preparación necesaria para tratar materia tan debatida e escabrosa. Escritores ilustres non chegaron a poñerse de acordo polo que se refire á rexión, e mal podemos nós, carecendo desa base, puntualizar en canto á Estrada. Mentres uns, que parecen ben documentados, entre eles o Sr. Murguía, afirman que descendemos dos celtas principalmente, outros difiren desa opinión. Distínguese en refutala o Sr. García de la Riega que, na súa obra Galicia Antigua, di: «non somos celtas nin suevos; somos ibero-latinos, tanto polo chan, como pola raza, pola lingua e pola historia».
O moi competente padre Sarmiento fala de galegos anteriores á invasión dos celtas; e segundo Tácito, na Galiza viviron en tempos moi antigos pobos silures, dos cales saíron emigracións para Inglaterra. Tampouco falta quen diga que os kimros entraron na nosa rexión antes que os celtas, nin quen sosteña que aqueles eran unha rama destes; e parece indubidábel a existencia na nosa rexión (oestrymnis ofhiusa) de tipos descendentes dos gregos e dos romanos, como debe habelos de sangue sueva e vándala. Todo isto inflúe para que resulte aventurado calquera xuízo que se forme adxudicando á raza unha orixe única, pois semella que máis ben deriva dun mixto conglomerado.
O mesmo señor Murguía no tomo I páx. 6 da súa Historia de Galicia di: «o período da nosa poboación cuberto de tebras, na case imposibilidade dunha solución segura e terminante»; e na páx. 10 afirma que «o colono romano mestúrase e confúndese cos homes de orixe céltica».
En canto ao pobo estradense, hai un detalle que apuntaremos e é o seguinte: trátase de que sobre este chan afianzáronse durante moitos anos os lexionarios dos césares, como o testemuñan as importantes vías instaladas por eles na comarca e as famosas pontes tendidas sobre o río Ulla; e non é posíbel que os invasores desaparecesen como por encanto, nin que se evitasen os cruces, sobre todo tendo en conta que os xefes romanos recomendaban e protexían os enlaces dos seus subordinados compatriotas coas fillas de hispanos, e asignaban terras a estes casados para que as cultivasen, creando un fogar e establecéndose definitivamente no país. Xa que logo, coidamos firmemente que é abundante esa mestura na poboación local e afirmámonos máis aínda se, efectivamente, as características do tipo romano son como se di, estas: «rostro ancho, diámetro vertical curto, vértice do cráneo e extremo da mandíbula case horizontal, o contorno da cabeza visto de fronte achégase ao cadrado, as partes laterais sobre as orellas son convexas, a fronte baixa, o nariz aquilino e a parte anterior da barba, redonda»; pois, repasando un pouco, vense con abundancia por aquí persoas que responden a tales condicións, especialmente na Ulla e Vea.
De todos os xeitos pode haber frecuentes confusións co tipo celta caracterizado por: «pómulos saíntes, cabeza redonda, iris azul, faccións redondas, mediana estatura, e nariz non recto desde a fronte, como na raza árabe, senón separado por unha depresión»; pois tamén hai quen reúne estas características na comarca, singularmente na montaña. E non faltan individuos que recorden o atribuído aos kimros, ou sexa, «cabeza alongada, fronte longa e alta, nariz encorvado cara abaixo na punta coas ventas levantadas, o queixo fortemente pronunciado e a estatura alta».
Pío Baroja, escritor de grande importancia, tratando do separatismo catalán, despois de profundas e meditadas consideracións, afirma que non hai raza española; o que si hai —no seu concepto— é unha forma espiritual en cada país e en cada rexión, e esta forma espiritual tende a fragmentarse, a romperse cando o estado se debilita, e tende a fortificarse cando o país se levanta e florece.
Don Ramón Barros Sivelo na súa importante obra Antigüedades de Galicia, escribe este párrafo: «para que buscar con afán os primeiros poboadores da Galiza cando se descoñecen os das demais nacións do mundo?... E con iso damos por terminado o tema.
A lingua, aínda que das neolatinas, tampouco ten unha orixe única; o ilustre padre Sarmiento sinala no seu notábel Glosario de voces gallegas que antes da invasión dos celtas tiveron os galegos algún dos dialectos gregos; e o tamén ilustre Saco e Arce, presenta na súa Gramática Gallega unha mostra de varias palabras que pensa que proveñen directamente do grego; non faltan á lingua puntos de contacto co vasco, o valenciano, o provenzal e o francés, e todo iso reunido constitúe un inconveniente enorme para decidirse por unha nai única da nosa fala, cualificada por algúns de idioma pertencente á familia greco-latina.
Mais xa nos imos afastando moito dos reducidos alcances deste traballo e, volvendo entrar nos seus lindeiros, sinalaremos que na Estrada se observa a invasión do castelán e a tendencia a castelanizar vocábulos de pura esencia rexional, especialmente cando se trata de apelidos e nomes de lugares e terras. Así, vemos escrito con frecuencia Gestoso no canto de Xestoso, Borrageros no canto de Burraxeiros, Sanjiao no canto de Sanxiao, Otero no canto de Outeiro, Carbajal no canto de Carballal, Soto no canto de Souto, Crucero no canto de Cruceiro, Fuente no canto de Fonte, Gesteira no canto de Xesteira; e outros polo estilo.
Prescindindo da castelanización apuntada, pode dicirse que os estradenses falan bastante ben a lingua galega, sen os vicios que se observan nos lugares da provincia próximos ao mar, e con algunha diferenza de entoación e palabras que empregan os habitantes da parte montañosa da rexión. Vaian uns cantos exemplos: aquí man, alí mao; manle, mallo; fumeiro, fungueiro; alcuño, alcume; angazo, anciño; noutronte, antonte; patacón, pataco, etc.
A nosa fala nada ten que envexar a outras moitas en doce, sentimental e expresiva; restaurala sería tanto como dar satisfacción ao apego e amor pola terra; mais, pretender o seu uso con detrimento da grande lingua española, lazo apreciabilísimo para a unidade nacional e a relación íntima que debemos manter coas repúblicas raciais das Américas, equivalería a unha quimérica tolemia. E non abonda para afastármonos deste xeito de pensar o feito de que se perda na noite dos tempos a orixe da lingua rexional, nin o avoengo que pregoan a súa filla portuguesa, a influencia que tivo na castelá e mais a certificación de documentos de Afonso VI cos que se demostra que nos séculos XI e XII o rei e as clases elevadas falaban en galego. Debemos conformarnos con que todo iso pasou á historia por avance dos séculos e non pretender o retroceso.
O amor rexional, vivo na Galiza, ten na Estrada un boa nómina de sostedores, que sen os perigosos e abominábeis prexuízos separatistas, arela que o estado atenda ao modo de ser e aspiracións peculiares do país, organizándoo en rexión con autonomía e atenuando o centralismo, causa de moitos males nacionais.
No vestiario, desnaturalizouse totalmente nesta comarca a indumentaria rexional de antano. Da cofia, o dengue e o mantelo, que tan ben sentaban á muller galega, só quedan escasos exemplares nalgúns gardarroupas. O calzón, a monteira, o pucho e as cirolas, que caracterizaban admirabelmente os nosos antepasados, desapareceron en absoluto. A típica e vistosa camisa branca de liño, co colo ancho, folgado e de puntas dobradas, foi proscrita. Os borceguíns, con profusión de botoeiras douradas nas abrochaduras e o copete, tampouco se usan. O luxo modernista levou consigo estas antigas pezas, sen que gañe nada a estética, pois aínda que hai detalles agradábeis como o das mulleres calzadas (mesmo as aldeás levan moita vantaxe ás descalzas e palmípedas do porto de mar), también hai outros desagradábeis, como ver un labrador arando con gabán; conducindo a xugada no verán ataviado con fina gabardina e rústicos zocos; ou no inverno de pajilla e longa aguillada na man.
Non pode dicirse cales son os cantares predilectos na localidade; ora óense aires aragoneses, ora andaluces; xa guagiras, xa cancións da América do Sur. O que se oe pouco é o alalá famoso e apenas cantar en galego.
A nosa música típica está adulterada tamén, pois, aínda que debería limitarse á gaita, tamboril e bombo, aparece frecuentemente mesturada, xa co clarinete, xa coa flauta, xa con eses dous instrumentos a un tempo; e mesmo algunhas veces co cornetín.
Os bailes ao aire libre da nosa muiñeira e a nosa xota, tan galegos, tan airosos para as parellas soltas, están levando un golpe mortal co ridículo agarrado.
É moi raro oír o aturuxo, manifestación viril dos nosos devanceiros, costume que uns consideran herdada dos celtas e outros, dos árabes.
As fiadas e espadelas, que nas noites invernais servían de solaz e alegría á mocidade, van desaparecendo a medida que desaparecen os rabaños que producían a la para fiar e o liño para espadelar e fiar tamén. Das esfolladas, que nunca acadaron a importancia das fiadas e espadelas, aínda quedan reminiscencias, co seu alegre final de regueifa.
Non falta quen aplique a algúns días da semana as denominacións da liturxia católica; así din, polo mércores cuarta feira e polo xoves, quinta feira. Aos días da Semana Santa chaman feiras maiores.
Os meses do ano son coñecidos por:
Para líquidos, menciónase o moio, de 8 olas e tamén se empregan: o canado, de dúas olas, a ola, de 34 cuartillos, o cuartillo, de medio litro aproximadamente, e o medio cuartillo. Para pesos: o quintal, de 4 arrobas; a arroba, de 25 libras; a libra galega, de 20 onzas e a onza, de 28,756 gramos; tamén a libra castelá, de 16 onzas. O diñeiro cóntano os anciáns por pesos e reais, pois entenden con dificultade por pesetas e céntimos. O pan por xunto véndeno en contos de 40 libras; o millo en espiga ou mazaroca, por cestas, cada unha das cales produce aproximadamente un ferrado de gran; o liño por afusais de 25 pares de estirgas; o centeo e o trigo, antes de mallalo, por dismas (dez mollos ou feixes); o carbón e as uvas, por gallados, recipientes acampanados que levan dúas cestas aproximadamente cada un; os ovos, por ducias e centos; os repolos e as coles, por atados de cento; o barro en cerámica de cociña cómprase, cando é por xunto, en cargas de 42 pezas; as ferraduras para animais, por atados de doce pares; o cebolo por mans, ou sexa canto se pode abarcar coa man.
Do modio, medida romana para áridos, equivalente a un celemín, só sabemos que existiu porque o mencionan documentos antigos. O mesmo sucede co bucio, medida antiga de cereais equivalente a dous ferrados. Vai desaparecendo a canada, medida cilíndrica de madeira duns catro cuartillos de capacidade. O codo e mais o ésapo de catro escrúpulos desapareceron totalmente e nada se perdeu.
Os taboleiros mídense por varas fragueiras, de 10 cuartas de alto por 4 de ancho.
Os puntos cardinais aínda son denominados por moitos paisanos como na antigüidade: ao sur, chámanlle vendaval; ao leste, nacente; ao oeste, poñente; e non se esquecen do mediodía e solano. Travesío chaman aos ventos intermedios.
A marzasga, tributo que se pagaba ao rei no mes de marzo, por terras ou herdades, só deixou un lene recordo nalgúns escritos. Igual aconteceu coa martiniega, que era outro tributo de 12 maravedís por casa, que se pagaba no mes de San Martiño.
Os apeiros de labranza vanse transformando e progresando, pero non tanto como sería desexábel: o carro fragueiro, de madeira de carballo, dúas fortes rodas e grosas lamias de ferro, é insubstituíbel polo de agora nas aldeas, debido ao accidentado do terreo e aos malos camiños. Aínda campa o famoso arado común ou arado romano, aínda que xa se ven outros modernos polo campo. O angazo ou anciño segue sendo antigo, todo de madeira, agás raras excepcións. Comeza a empregarse para o millo a máquina de sementar, que vai deixando os grans en liñas ou fileiras de bo aspecto e adecuadas para lles aplicar despois a cultivadora nas escardas, pois cando se sementa a eito e con desorde é imposíbel utilizar ese apeiro economizador de brazos e tempo. Ben sabemos que os minifundios son un inconveniente grande para o progreso agrícola: vanse admitindo a trilladora e a aventadora porque funcionan nas eiras, mais non é admisíbel a segadora mecánica porque non ten cabida en moitas leiras.
A vaca, que se debería explotar exclusivamente para criar e dar leite, é empregada frecuentemente como tiro nas faenas agrícolas; e aínda bo é que nesta comarca abundan os bois. A respecto destes temos que sinalar a curiosidade típica de que, cando se compra unha parella que vale máis de cen pesos, alúdese, para tratar do prezo, únicamente ao exceso e así dise que vale vinte, trinta ou corenta pesos, sobreentendéndose cento vinte, cento trinta e cento corenta.
Prescindindo dos prohibidos, os xogos más comúns entre homes son: a brisca, o tute, o dominó, o billar, a lotaría de cartóns e a chave. Entre mozos son os seguintes: a buxaina, a estornela, o escondite, os ladróns, a pica, o aro, a pelota e mais os de apandar. Entre nenas: pelouros, escondite, corda, roda-roda, bonecas, mariola e a randeeira.
Os costumes nas vodas e bautizos difiren pouco dos que se observan no resto da Galiza.
Tratando da xente, pode afirmarse que se distingue xeralmente pola súa laboriosidade, competencia e probidade; virtudes que saben apreciar os habitantes do contorno, cualificando o pobo estradense de afábel, rico e formal. Xente da Estrada, pola palabra!
OBSERVACIÓN
Desde que esta obriña entrou en máquina, un Directorio militar encargouse da gobernación do Estado. Disolveuse o Congreso dos Deputados e tamén a parte electiva do Senado. Elementos novos pasaron a substituír os que actuaban nas Deputacións provinciais e nos Concellos; publicouse un Estatuto municipal de verdadeira autonomía; desapareceron os adxuntos dos Xulgados municipais; transformáronse as Xuntas do Censo electoral e leváronse a cabo outras moitas reformas que sería longo enumerar.
CONCLUSIÓN
Chegamos, lector paciente, ao final da xeira; ti, seguramente aburrido e desencantado; eu, arfante e maltreito, porque has saber que non pode compararse a insignificancia da obra co esforzo e as fatigas que me custou, nun ir e vir subindo e baixando, dando rodeos, con paso inseguro e aos tombos por un camiño facilmente practicábel a outros humanos e laberíntico para quen leva unha venda nos ollos do entendemento.
Á falta de maña, todo tivo que facelo a forza de vontade, roubando horas ao descanso e con abandono de obrigacións perentorias e remuneradas. Finalmente, fun saíndo, mal como puiden, da camisa de catorce varas en que a miña imprudencia temeraria me metera. Moitas veces a audacia insensata levoume aos terreos do arqueólogo, do paleógrafo e do filólogo; empurroume a reflexionar, con só unhas poucas nocións, sobre tal ou cal orde arquitectónica, sobre o significado dalgunhas inscricións, de documentos e códices antigos, e sobre a interpretación dalgunhas obras; mais, un prudente temor fíxome retirar pronto deses campos, hostís ao intruso; e acomodarme ao círculo da miña cativeza.
Outras moitas veces deixei correr a pluma nas ás do entusiasmo, pero tamén retrocedín rompendo cuartillas, medorento de que me ridicularizaran, pois un constante pesadelo parecía advertirme de que estaba pecando de pesado; e por iso, ao longo do meu traballo, se atopan citas espidas e simulacros de descricións, sen o zume e o sal que é patrimonio de escritores menos vulgares.
No entanto, querido lector, hei de dicirche con inmodestia que, se cando rematei esta obriña, a comezase, quizais puideses ler algo que non te decepcionase tanto; mais, velaquí aquilo de que «morre o home cando debese nacer». De certo consolo me serve, apesar de todo, o que se dixo no Quixote: «non hai libro tan malo que non teña algo bo»; e eu, o mesmo que as nais aman os seus fillos por malos que sexan e tanto máis canto maiores traballos e desgustos lles proporcionan, amo eu este esperpento da miña produción.
Debes, en virtude do exposto, lector sufrido, inclináreste ao perdón. O certo é que careces de acción para a censura e a crítica, porque acepto anticipadamente todas as chatas que poidas apoñer á miña humilde obra.

- Tabeirós:
- Vea.
- Couto de Codeseda.
- Veiga e Oca.
- Couto do Viso.

- Agar.
- Aguións.
- Ancorados, San Pedro e Ancorados, San Tomé.
- Arca.
- Arnois.
- Baloira.
- Barbude.
- Barcala, San Miguel e Barcala, Santa Mariña.
- Berres.
- Callobre.
- Castro.
- Cereixo.
- Codeseda.
- Cora.
- Couso.
- Curantes. ,
- Estrada.
- Frades.
- Guimarei.
- Lagartóns.
- Lamas.
- Liripio.
- Loimil.
- Matalobos.
- Moreira.
- Nigoi.
- Oca. .
- Olives.
- Orazo.
- Ouzande.
- Paradela.
- Parada.
- Pardemarín.
- Remesar.
- Riobó.
- Ribeira.
- Ribela.
- Rubín.
- Sabucedo.
- Santeles.
- Somoza.
- Souto.
- Tabeirós.
- Toedo.
- Vea, Santo André e Vea, San Xurxo.
- Vea, San Xiao e Vea, Santa Cristina.
- Vinseiro.

- Vilapouca a Pontevea, que percorre por Forcarei 15 quilómetros e pola Estrada 29.
- Barbantiño a Pontevedra, 11 quilómetros por Forcarei e 9 por Cercedo.
- Pontevedra, Campo a Codeseda, pola Estrada seis quilómetros.
- Chapa a Carril, pola Estrada 21 quilómetros.
- Portela a Souto de Vea, que percorre pola Estrada 6 quilómetros.
- Cesures a Baloira pola Estrada, 12 quilómetros.
- A Estrada a Ponte Ulla, pola Estrada, 9 quilómetros.
- Callobre a Ponte Ledesma, polo territorio da Estrada, 15 quilómetros.
- Ourense a Santiago, polo territorio da Estrada, 7 quilómetros.
O Concello de Cercedo ten a súa capitalidade no quilómetro 622 da estrada de Barbantiño a Pontevedra e a súa situación xeográfica é 42°-31 ´- 35" latitude norte , e 4o 39' 40" oeste do meridiano de Madrid, e do de Greenwich 8° 20' 55". Consta de oito parroquias, que son: Castro, Cercedo, Figueiroa, Folgoso, Pedre, Parada, Quireza e Tomonde.
O de Forcarei ten a capitalidade no punto de Cotaredo, quilómetro 10 da estrada de Vilapouca a Ponte Vea e a súa situación xeográfica é de 42°-35' 20' latitude norte e 4°-37' -10" lonxitude oeste do meridiano de Madrid e do de Greenwich 8°-18'-25". Consta de doce parroquias, que son: Aciveiro, Castrelo, Dúas Igrexas, Forcarei, Madalena, Meavía, Millerada, Pardesoa, Pereira, Presqueiras, Quintillán e Ventoxo.
XULGADO DE 1ª INSTANCIA
Antiga era a existencia do xulgado de 1.a instancia de Tabeirós, cando en 1840 foi nomeado xuíz D. Mariano Feijóo Taboada e tentou instalarse na Consolación; pero aqueles veciños, temerosos da xustiza, puxéronlle inconvenientes para encontrar local, indicándolle ao mesmo tempo (sen dúbida para afastalo de alí), como máis adecuado para vivir e actuar o punto da Estrada, onde comezaban a constituírse algunhas casas confortábeis. E nesta localidade iniciou o Sr. Feijóo a residencia do xulgado o mencionado ano, se ben continuou denominándose Xulgado de Tabeirós.
O 23 de xaneiro de 1841, a Corporación municipal acordou dirixirse e dirixiuse ao xuíz para que suprimise a denominación de Tabeirós e adoptase o de “A Estrada”, como acababa de adoptala o Concello.
O 3 de setembro de 1869, tívose coñecemento de que S. A. o Rexente do Reino, dispuxera que o Xulgado de Tabeirós se chamase a partir deste momento, Xulgado da Estrada.
Houbo aquí os seguintes xuíces:
- 1840 a 1844, D. Mariano Feijóo Taboada.
- 1844 a 1846, D. José Calderón Durango.
- 1846 a 1847, D. Ramón Rodríguez Baleiras.
- 1847 a 1849, D. José Jacinto Cabello.
- 1849 a 1855 D. Antonio González Alban.
- 1855 a 1856 D. Manuel Valledor e D. Mariano Troncoso Sarmiento.
- 1856 a 1859 D. Felipe Ramón Sánchez Núñez.
- 1859 a 1861 D. Francisco de Aguirre.
- 1861 a 1863 D. José María Vázquez Povadura.
- 1863 a 1864 D. José María Trucharte.
- 1864 a 1865 D. Antonio Taboada.
- 1865 a 1868 D. Pedro Salazar, D. Luis Gontán Alvarez e D. José García Centeno.
- 1868 a 1877 D. Eugenio Salgado López.
- 1877 a 1878 D. José María Vidal.
- 1878 a 1880 D. Luis Gómez Lara.
- 1880 a 1882 D. Manuel Díaz Porrúa.
- 1882 a 1883 D. Faustino Oliver Ruiz.
- 1883 a 1884 D. José García Gallego.
- 1884 a 1886 D. Ladislao Martínez e D. Augurio Carballo García.
- 1886 a 1889 D. José García Gallego e D. Antonio María Casdelo.
- 1889 a 1892 D. Mariano Bayón Paz.
- 1892 a 1998 D. José Mosquera Montes.
- 1898 a 1905 D.Gonzalo Pintos Reino.
- 1905 a 1908 D. José Viéitez Ocampo.
- 1908 a 1912 D. Jesús Rodríguez Marquina.
- 1912 a 1915 D. Pedro Alcántara García.
- 1915 a 1918 D. Gustavo Varela Radío.
- 1918 a 1920 D. Angel Martínez de Mendivil.
- 1920 a 1921 D. José M.a Prieto Ureña e D. Angel Ricardo Ibarra García.
- 1921 D. Obdulio Pando Rivero.
- 1922 a 1923 D. Cirilo Barcaiztegui e D. José González Montañés, xuíz actual.
ESCRIBÁNS
Houbo varios, como é natural, e entre eles citaremos a don José M.a Paseiro, D. Francisco Oca, D. Manuel Santamarina, o Sr. Andújar, D. Francisco Antonio Alvarez, D. José M.a Brafias, D. Julio Cejador, D. José Gila e D. Eliseo de Silva, que aínda actúa.
CRIMINALIDADE
A pesar da grande importancia do Partido xudicial pola súa extensión e poboación, é o Xulgado Instrutor un dos de “entrada” en que menos causas criminais se rexistran, e iso honra aos habitantes.
XULGADO MUNICIPAL
Antes de 1870 fora Xuíz de Paz 1.°, D. Manuel Pazo; id. 2.°, D. Francisco Villar; id 3.°, D. José Villar Rey; suplentes, D. Francisco Trigo, D. Ignacio Porto e D. Antonio Paseiro.
Noutras ocasións foron: Xuíz de Paz 1.°, D. Benito M.a de Oca; Xuíz de Paz 2.°, D. José Badía, de Tabeirós; Xuíz de Paz 3.°, D. Antonio Leira, de Vinseiro; Xuíz de Paz 4º, D. Juan Brey, de Oca. Suplentes: Eugenio Díaz, de Santa Cristina de Vea; D. Jacobo Pena, de Cereixo e D. Juan Manuel de Lagos. Carecemos doutros datos anteriores ao ano citado.
Despois de organizados os Xulgados municipais, desempeñaron o cargo de Xuíz os seguintes:
1871-72: D. Eusebio Andújar Paseiro. Suplentes D. José María Nieto, D. Juan García Fernández e D. Eugenio Díaz Vázquez.
1873: O mesmo xuíz. Suplentes D. José Fraga Vázquez e don Saturio Sáenz Torres.
1874: Xuíz, o mesmo, D. Eusebio Andújar.
1875: O mesmo. Suplente, D. Saturio Sáenz.
1877: D. Luis Pastor Sieiro Gayoso. Suplente, D. Camilo Pereira Freijenedo. .
1879: O mesmo Xuíz. Suplente, D. Cándido Barros.
1881-83: Xuíz, D. Cándido Barros. Suplente, D. Jacobo Rodríguez. ,
1883-85: O mesmo. Suplente, D. Andrés Vázquez.
1885-87: Xuíz, D. Luis Pastor Sieiro. Suplente, D. Ramón Constela Carbón.
1887-89: D. Cándido Barros. Suplentes, D. José Salgado e don Julián Cervela Malvar.
1889-91: Xuíz D. Manuel Otero Vinseiro.
1891-93: O mesmo.
1893-95: O mesmo. Suplente, D. Julián Cervela.
1895-97: O mesmo. Suplente, D. Benjamín Lois e Lois.
1897-99: Os mesmos Xuíz e Suplente.
1899-1901: Os mesmos.
1901-03: Xuíz, o mesmo. Suplente, D. José Paseiro.
1903-05: Os mesmos Xuíz e Suplente.
1905-07: Os mesmos.
1908-09: O mesmo. Suplentes, D. Manuel Ballesteros Curiel e D. José Martínez Pereiro.
1910-12: Xuíz, D. Manuel Otero. Suplente, D. José Martínez.
1912: Xuíz, D. Marcelino Trigo Brañas.
1913: O mesmo. Suplente, D. Vicente Refojo.
1914: Xuíz, D. Camilo Pereira Freijenedo.
1914-18: D. Marcelino Trigo Brañas. Suplente, D. Vicente Refojo. '
1918: D. Ramón Paseiro Bravo. Suplente, D. Jenaro Otero.
1919-21: D. Jenaro Otero Vinseiro. Suplente, D. Vicente Refojo.
1921: D. Marcelino Trigo. Suplente, D. Vicente Refojo.
FISCAIS
1870-71: D. Manuel Cajide Deza. Suplente D. Andrés Pereira de la Torre.
1872- 81: O mesmo. Suplentes, D. Cándido Barros e D. Saturio Sáenz.
1881-85: D. José Salgado. Suplente, D. Benigno Losada.
1885-87: D. Manuel Otero Vinseiro. Suplente, D. José Sanmartín Porto.
1887- 99: D. Eusebio Andújar Paseiro. Suplentes, D. Saturio Sáenz, D. Manuel Constenla Caramés e D. Ángel Villar.
1899-03: D. Manuel Cajide.
1903-09: D. Manuel Ballesteros Curiel. Suplente, D. Eduardo Cajide.
1909-11: D. Eduardo Cajide.
1911-12: D. Marcelino Trigo. Suplente, D. José Varela.
1912-16: D. José Paseiro. Suplente, o mesmo.
1917: D. Ramón Paseiro Bravo.
1918: D. Camilo Pereira.
1919: D. José Paseiro.
SECRETARIOS
1871-86: D. José Ciorraga Mozo. Suplente, don Basilio Sánchez Núñez.
1886- 1919: D. Juan Ciorraga Soto. Suplentes, don José Fumega Rodríguez, don Silvestre Veiga López, don José María Barros, don Emilio Paz.
1920: D. Camilo Pereira Freijenedo, que desempeña o cargo actualmente. Suplente, don Emilio Paz.
En virtude da Lei de Xustiza municipal, de data 5 de agosto de 1907 establecéronse os Tribunais municipais con funcións determinadas e presididos polo xuíz; pero non dan tan bo resultado como se propuxo o lexislador, pois os dous adxuntos, leigos case sempre, unhas veces por apatía, outras por falta de coñecementos e outras debido a ocupacións de máis remuneración, cóidanse pouco das cuestións xudiciais e non asisten ás actuacións, quitando moi contados casos en que o fan para resolver sen a preparación desexábel.
Os xuíces son tamén os encargados do Rexistro Civil, creado pola Lei do 17 de xuño de 1870.
NOTA. -Despois de escrito o anterior, foron suprimidos os Tribunais municipais.
AVOGADOS EN EXERCICIO
Exercen a Avogacía neste Xulgado, os seguintes Letrados: D. Camilo Pereira Freijenedo, D. Benjamín Lois y Lois, don Carlos Cajide Ciorraga e D. Arturo Otero Ulloa. De propósito colocamos á cabeza a D. Camilo Pereira, que é o decano.
PROCURADORES
Están adscritos como Procuradores neste mesmo Xulgado: D. Jesús Durán Taboada, D. Antonio Neira Cardama, D. Manuel Castedo e D. Pedro Varela.
PERITOS
Hai os agrícolas D. Juan Manuel Rodríguez Seijo e don Benito Vigo Munilla. En canto á competencia destes dous profesionais, pode dicirse que sería difícil encontralos mellores na provincia.
O agrimensor D. Faustino Villaverde Brea, de Orazo, distínguese pola súa laboriosidade e acerto e inspira grande confianza na zona onde opera. D. Juan Carballeda non carece de mérito. O tamén agrimensor don Juán Cajaraville, de Cora, excelente persoa, dedícase pouco á profesión por preferir outras ocupacións. En tal profesión abundan moito os prácticos; entre eles distínguense, por traballar moito e adquirir bastantes coñecementos, don José Paz, de Olives; don Manuel Calvelo e don Felipe Calvelo, de Vea.
REXISTRO DA PROPIEDADE E LIQUIDADORÍA DE DEREITOS REAIS
As antigas contadorías de Partido foron establecidas o 12 de maio de 1769. A da Estrada non comezou a funcionar ata 1840. Antes de 1840 rexistraban Forcarei e Cercedo, en Pontevedra; as Barcalas e Frades, en Padrón e todas as demais parroquias da Estrada, en Santiago.
Estas contadorías tiñan as funcións que hoxe teñen os rexistradores en vilas que non son cabeza de provincia; só que actuaban con máis irregularidades e imperfeccións.
O Rexistro da propiedade estableceuse aquí o 1 de xaneiro de 1863 e tivo á fronte os funcionarios propietarios seguintes:
Don Manuel Luces Relova, que tomou posesión o 4 de xaneiro de 1864; don Salustiano Pérez Mercadillo; don Wenceslao Folgueras; don José Utrilla y Utrilla, posesionado en 15 de xullo de 1889; don Matías Rocha Torres, posesionado o 22 de abril de 1898; don Jenaro Cavestani, posesionado o 21 de maio de 1898; don Manuel Fidalgo Lugo, posesionado o 14 de agosto de 1899; don César Rey Feijóo, Rexistrador actual.
Houbo algúns interinos en distintas épocas.
NOTA: Os nosos paisanos confunden frecuentemente o pagamento de dereitos á Facenda co Rexistro, non obstante tratarse de dúas cousas distintas. Descoñecen, pero convén que vaian sabendo que nas vilas onde non hai oficinas de Facenda, teñen ao seu cargo os rexistradores a liquidadoría; e por iso, como a liquidadores se presentan os documentos de compra-venda, troco e demais análogos de trasmisión, feitos no país, dentro de trinta días hábiles, para pagar o establecido sen incorrer en multa nin demora. O prazo para presentar os contratos feitos en América ou outro país estranxeiro é de sesenta días tamén hábiles. Se se trata de transmisións por herdanza, o termo elévase a seis meses.
“Xa rexistrei", adoitan dicir cando o que fixeron só foi liquidar.
Por desgraza, no noso país rexístrase moi pouco, dando esa apatía lugar a múltiples preitos. O Rexistro consolida a propiedade; é, din algúns, o último sacramento para asegurar o adquirido, e sen el os propietarios nunca poden estar tranquilos.
ESCRIBÁNS E NOTARIOS. FE PÚBLICA
A continuación, por orde alfabética, relaciónanse os Escribáns e Notarios sucesores, cuxos protocolos existen no arquivo xeral desta vila:
- 1667-1722: don Andrés Nodar. Residiu en Rivadulla (Arnois).
- 1704 -715: don Agustín de Castro, ide. en Codeseda, Parada, etc.
- 1705 -759 don Antonio Vaamonde, ide. en Couto de Codeseda.
- 1678-71: don Bartolomé Reimóndez, ide. en Lagartóns.
- 1786- 831: don Bonifacio Antonio Paseiro, ide. en Callobre.
- 1781: don Bernardo Posse, ide. Santeles e Vea, San Xián.
- 1733-792: don Domingo Sánchez de la Vega, ide. en Rubín.
- 1634-641: don Domingo do Campo, ide. en Parada, Liripio e Montes.
- 1745-773: don Domingo Antonio de Cortes, ide. en Couto de Codeseda.
- 1667-727: don Domingo Vázquez Vaamonde, ide. en Codeseda.
- 1813-36: don Felipe Peña y Leira, ide. en Rubín.
- 1816-32: don Fernando Lorenzo, ide. en Codeseda.
- 1815-50: don Francisco Oca, ide en Riobó.
- 1873-1900: don Francisco Javier Silva, ide. en Vea, Mota e A Estrada.
- 1909-12: don Franco Roura Azuaga, ide. en A Estrada.
- 1645-99: don Gabriel de Gosende, ide. en Codeseda, Parada e Montes.
- 1906-908: don Gerardo de Valenzuela, ide. na Mota e na Estrada.
- 1767: don Ignacio Monteagudo Feijóo, ide. en Couto e xurisdición de Codeseda.
- 1052-79: D. José Antonio Picáns Torres, ide. en Callobre.
- 1755-76: D. José Vilariño Rodríguez, ide. en Guimarei e Somoza.
- 1759-93: don Jacinto Rivas, ide. en Souto.
- 1811-36: don José Núñez Salgado, ide. en Vea, San Xurxo.
- 1768-803: don Jorge Antonio Nogueira, ide. en Rubín.
- 1785-811: don José Francisco Piñeiro, ide. en Ribeira.
- 1836-53: don Juan Antonio Cadavid, ide. en Codeseda.
- 1818-62: don José María Paseiro, ide. na Estrada.
- 1720: don José Ambrosio Monteagudo, ide. en Figueiroa (A Estrada).
- 1671: don Jacobo Núñez, ide. en Vea.
- 1857-64: don José María Brañas, ide. na Estrada.
- 1818-70: don José Rivadavia, ide. no Foxo (Rubín).
- 1575-79: don Juan Gómez de Villar, ide. en Callobre e Rubín.
- 1872-912: don Juan Antonio Cadavid, ide. en Tabeirós.
- 1875-83: don León Tornadijo, ide. na Estrada.
- 1767-800: don Manuel Sánchez, ide. en Rubín.
- 1789-829: don Manuel Vázquez, ide. en Callobre.
- 1817-67: don Mariano Paseiro, ide na Estrada.
- 1859-74: don Manuel Santamarina, ide. na Estrada.
- 1883-84: don Marcelino Ena, ide. na Estrada.
- 1887-913: don Miguel Losada, ide. na Estrada.
- 1914-17: don Manuel Cerdó, ide. na Estrada; D. Manuel Seoane del Río, ide. no Foxo (Rubín).
- 1917-20: don Nicolás Izquierdo, ide. ns Estrada.
- 1728-73: don Pedro Arén Losada, ide. en Barbude.
- 1771-802: Proto Antonio Carbón, ide na xurisdición e Couto do Viso.
- 1759-812 don Pedro Antonio Bermúdez, ide. en Ribeira.
- 1656-96 don Pedro de Balexo, ide. en Couto de Codeseda.
- 1906 a 908 don Vitoriano Tomé, ide. na Estrada.
Acontecía que os descendentes deses escribáns antigos herdaban o protocolo como se herda outra cousa calquera e uns herdeiros conservábano; outros vendían as escrituras matrices aos interesados que as querían comprar; outros dispoñían deses vellos papeis para os fogueteiros; e non faltou quen o dedicase á lareira ou á cociña cando a leña non ardía ben.
En Cira, dentro dun bocoi, conxuntamente con calzado e trapos vellos, vimos un protocolo do que sacamos unhas cartas forais moi importantes.
No arquivo notarial de referencia hai tamén os protocolos procedentes de Montes e algún outro.
VILA DA ESTRADA
É, indubidabelmente, a vila da Estrada unha das máis bonitas e modernas de Galiza; a súa existencia data “de onte”, como adoita dicirse en linguaxe familiar.
En 1836 non pasaba dunha aldea, tan modesta que só contaba con catro ou seis casas diseminadas, figurando como máis importantes as de D. José Vila, a de Mariño e a de D. Bonifacio Silva, hoxe reformadas e pertencentes respectivamente a D. Pedro Campos, herdeiros de D. José Puente e herdeiros de D. Miguel Losada.
Xa sabemos que, de antigo, dúas vías importantísimas se cruzaban na Estrada, facendo o punto moi concorrido e apropiado para que a poboación se estendese: o cruzamento tiña efecto, aproximadamente, no centro da que é hoxe Praza de Ramiro Ciorraga. Pola vía da parte de Montes circulaban con frecuencia nutridas peregrinacións portuguesas que ían orar ante a tumba do Apóstolo, Patrón das Españas, e abeirábanse para descansar nuns soportais adxacentes á capela advocación do Espírito Santo, que nas inmediacións do cruzamento se levantaba.
Á importancia das vías cruzadas, máis antigas que a aldea, e talvez aos peregrinos procedentes de Portugal, se debe o nome que leva a nosa vila, cuxo significado é “rúa”.
En varios puntos de Galiza, á vía ou camiño cuberto de estrume ou toxo para esterco, chámaselle estrada ou estrado.
Os portugueses por “rúa” escriben Estrada, os italianos, Strada; os ingleses, Street; os alemáns, Strasse e os latinos, Strata.
Os referidos camiños servían de divisorias ás parroquias de Ouzande, Guimarei e Figueiroa. Correspondía á primeira o territorio comprendido entre os lados do ángulo formado polas actuais rúas de Bedelle ou Serafín Pazo, e Peregrina; á segunda, o que é agora beirarrúa sur da rúa de Riestra e Ulla, a partir da desembocadura da rúa de Bedelle na Praza; á terceira, a beirarrúa norte da referida rúa de Riestra e Ulla a partir da mesma desembocadura.
O 8 de abril de 1836, o Sr. cura párroco de Guimarei, ao inscribir a defunción de D. Fernando Lorenzo, consigna que o cadáver se achou no camiño público do lugar da Estrada, término daquela parroquia; e o mesmo di en canto aos cadáveres de D. Eduardo Otero e D. Gonzalo Arén.
O Concello, en sesión do 28 de xaneiro de 1837, consignou: «na casa nomeada de Mariño do lugar da Estrada, etc.» Daquela había unha muralla ou forte improvisado onde agora está a casa da praciña que pertence a D. Manuel Constenla. Mellorada esta pequena fortaleza, acordouse en sesión do 15 de novembro de 1839, colocarlle portas. O destacamento desta viliña tiña o seu cuartel na casa de D. Bonifacio Silva.
Pode decirse que foi na sesión municipal do 17 de setembro de 1840, de acordo cunha Xunta provisional Directiva que acababa de nomearse, cando se puxeron os alicerces desta vila ao propoñer que o Concello levase para o sucesivo o nome de Concello da Estrada. Tamén se propuxo que no punto máis céntrico do entón pequeno poboado, se levantase un monumento dedicado á Constitución do Estado. E o monumento levantouse nun punto que actualmente comprende a Praza de Ramiro Ciorraga e consistía nunha columna, cunha placa metálica en que se lía: «Constitución 1840». Tiña, ademais, lateralmente gravadas en pedra, estas outras inscricións:
El cuerpo municipal
fija este punto en su historia
para perpetua memoria
del siete de abril fatal.
A un porvenir venturoso
consagra este lateral:
digno es pueblo tan leal
de paz, justicia y reposo.
Estaban dedicados estes sentidos versos á memoria dos liberais D. Fernando Lorenzo, D. Eduardo Otero e D. Gonzalo Arén, fusilados na Estrada polos carlistas o día 7 de abril de 1836. Compuxéraos o daquela cura de Ouzande don Juan Manuel Fontenla.
Un recordo deses sucesos sanguentos é o noso escudo municipal, no que resalta un anxo chorando sobre a tumba dos sacrificados.
O Xulgado de 1ª instancia, que non tiña residencia fixa e viña funcionando na Consolación e noutros puntos, estableceuse definitivamente na Estrada o devandito ano de 1840 e, reunido aquí co Concello, atraídos os seus elementos polo importante cruzamento de comunicacións, foron factores de moita importancia para o desenvolvemento da poboación.
A fortaleza da Estrada, o forte de defensa a que aludimos, mandouse demoler en 30 de outubro, tamén de 1840.
En 1841 o Concello funcionaba na casa do procurador D. José Vila del Pino, que mereceu o ditado de fundador desta vila. Non había Casa Consistorial propia, pero xestionábase a súa construción, que se viu rematada en 1842. Neste mesmo ano arruinouse a capela do Espírito Santo, que era antiquísima, e o 17 de setembro acordouse aplanar a praciña de fronte do cárcere e poñerlle árbores.
O 11 de xaneiro de 1843, acordou a Corporación municipal retirar os restos da capela do Espírito Santo, dando isto motivo a resentimento do seu propietario, que era o Sr. de Sangro.
O 27 de abril do ano indicado, D. Juan Ramón López solicitou autorización para fabricar unha casa contigua a esta pequena praza situada ao leste da antiga Casa Consistorial. A praciña estaba no lugar da travesía que comunica a rúa da Peregrina coa de San Lourenzo, pasando polo lado norte da casa de D. Camilo Pereira, e nela había uns carballos seculares dos que non se conserva ningún.
Na acta da sesión do Concello, en data tamén de 27 de abril de 1843, alúdese ao desenvolvemento da poboación e consígnase que vai adquirindo carácter de vila.
En 1856 estaba en construción a igrexa actual, que se fixo en parte por prestación da veciñanza. Os de Figueiroa loitaban neses tempos por reedificar a súa, que perecera nun incendio, provocado, segundo se di, polos da Estrada co obxecto de apropiarse da capitalidade parroquial.
O 16 de decembro de 1857, os veciños da vila pediron ao Concello que acordase o derrubamento dunha caseta propiedade de D. Miguel do Porto, de Figueiroa, que existía fronte á igrexa acabada de construír. E cando esta se abriu ao culto foi clausurada a capela dedicada á Peregrina que había ao lado do cárcere, pasando á propiedade de D. Benito María de Oca, coa advocación de Santa Lucía.
Uns vinte anos transcorreran dende que A Estrada era unha aldea, cando o 8 de xaneiro de 1859, tendo en conta o desenvolvemento da poboación, acordou a municipalidade dar ao barrio de Bedelle o nome de rúa da Consolación, comezando a numerala nas casas de D. Francisco Trigo e D. Francisco da Riva; púxose tamén título a outra rúa, a do Ulla, empezando nas casas de D. José Vilas e D. Felipe Trigo; a da Peregrina, empezando na casa de D. José María López e D.a María Ignacia Cadavid; a da rúa da Igrexa, empezando na casa de D. Francisco Trigo e D. Manuel Otero; a da travesía de Vea, empezando na casa de D. Benito Lafuente e D. Francisco Gestoso.
No ano 1859 tómase a decisión de demoler o monumento levantado á Constitución. Varios veciños da vila opuxéronse, acudiron ao Concello e conseguiron, tras unha dura contenda, que a lápida e inscricións se colocasen na fachada da Casa Consistorial, pasando os demais materiais a obras de mellora da Igrexa.
O 18 de abril do mesmo ano, acordouse urbanizar a praza pública, que naquel tempo estaba en grande parte dedicada a canteira; e tamén se acordou mellorar a praciña de fronte á Casa do Concello (casa do Concello antiga).
Por RD do 6 de xullo do devandito ano de 1859, concedeuse a esta poboación o título de villa(12) e, en consecuencia, acordouse non permitir a construción de edificios nin a reforma dos xa existentes sen coñecemento e licenza da autoridade local. Tamén se mandou derrubar os alpendres e telladiños que había diante dalgunhas portas; prohibíronse as reixas e balcóns que sobresaísen máis de pé e medio da liña das casas no piso principal, un pé no segundo, e medio no terceiro; e mandouse encalar todos os edificios.
O 6 de abril de 1860 tomouse o acordo de cambiar o título de “Travesía de Vea” polo de: “Entrada do Val de Vea”. O campo da feira foi denominado «Feira de Santa Lucía da Estrada», por estar ao lado da capela do mesmo nome.
O 20 dese mesmo mes de abril creouse na vila unha estafeta de 7ª clase.
O 28 de setembro seguinte, estando a Corporación municipal reunida, presentáronse varios veciños ofrecéndolle a súa cooperación para introducir melloras na vila.
O 27 de outubro de 1865, a Xunta de Sanidade propuxo o derrubamento dalgúns alpendres ou cubertos da fronte das casas.
O 20 de xullo de 1866, recibiuse devolto do Goberno Civil, sen aprobar, o proxecto para a construción das casas escola desta vila.
O 16 de xuño de 1869, acordou o Concello a creación dunha banda de música e a súa correspondente subvención.
O 3 de setembro, deuse conta de que SA o Rexente do Reino mandou que o antigo xulgado de Tabeirós levase no sucesivo o nome de xulgado da Estrada.
O 21 de outubro de 1870, foi designado D. Vicente Novoa para director da banda musical.
O 17 de maio de 1872, D. Juan Pasarín deu conta ao Concello de ter rematadas as obras do matadoiro; e o 8 de agosto do mesmo ano disolveuse a banda de música.
Segundo a distribución que se facía da provincia nun decreto publicado na Gaceta de Madrid coa data de 17 de xuño de 1874, a esta vila correspondíalle un Tribunal de Partido.
En sesión do Concello en data de 10 de marzo de 1880, acórdase a creación dunha escola de párvulos para A Estrada.
O 28 de novembro de 1883 acordouse poñer a balaustrada da praza principal.
O 16 de xaneiro de 1884, a Corporación municipal acorda pedir para esta vila unha Escola de Artes e Oficios coa súa biblioteca, e unha subvención para o Hospital Municipal.
Por estes tempos foi demolida a capela da Peregrina ou de Santa Lucía, coa protesta dos veciños de Ouzande, que alegaban o seu dereito a ela baseándose en que fora construída con fondos da súa parroquia. .
En sesión da Corporación municipal en data de 9 de febreiro de 1887, acordouse non autorizar a construción de casa ningunha dentro do casco da vila, sempre e cando non alcanzase dous pisos.
Alá polo ano 1892, había na Estrada «A Lira», agrupación coral subvencionada polo Concello.
O 13 de setembro de 1895 acordouse pedir para esta vila un xulgado de ascenso.
En sesión do Concello, en data de 26 de marzo de 1898, foi nomeado D. Agustín Iglesias director da banda de música que acababa de crearse.
O 22 de abril de 1899 deuse conta á Corporación municipal dunha proposición de D. Camilo Pardo para establecer a iluminación pública por electricidade, e tamén das xestións de D. Miguel Nine en canto á adquisición do terreo do Calvario e Revillas para localización da nova Igrexa.
O 20 de maio do mesmo ano pediuse ao Sr. de la Vega de Armijo unha zona militar para esta vila. E o 4 de outubro de 1905 acordouse ceder ao Partido os altos da Casa-Cárcere.
Queda feita unha breve recensión da orixe e desenvolvemento desta vila. Tratarémola agora no seu ser e estado actual.
Oficialmente o casco de poboación é: dende a casa de Manuela Souto (a Xorda) ata a de Celestino Esmorís, de oeste a leste; e dende a de Antonia Pan á de Aurora Baños, en Bedelle, de norte a sur.
O casco real é máis amplo debido a novas edificacións.
Situada a vila nun outeiro ou elevación do terreo, con amplo horizonte e desaugadoiros polo norte, sur e leste, resulta ventilada e limpa: a súa exposición ao nacente, permite que a bañen os primeiros raios do sol, influíndo nas condicións hixiénicas; e todas esas vantaxes reunidas, fana moi sa. Así se explica a afluencia de xente á Estrada, especialmente no verán, para repoñer a súa saúde e, como isto case sempre se consegue, vai adquirindo cada día maior fama de punto climatérico de excepcionais condicións. É esta unha vila ideal, aínda que pequerrechiña; tan pequeniña que só aparece no padrón oficial con 258 cabezas de familia e 1810 habitantes (son datos de hai máis de dez anos, polo que debemos supoñer que estas cifras aumentaron, cando menos nun terzo).
Áchase a vila aos 42° 40'35" de latitude norte, e a 40º, 45’,30" ao oeste do meridiano de Madrid, e do de Greenwich a 8°26'45".
As temperaturas regulares que se rexistran na localidade son de 7 graos no inverno, 14 no outono, 12 na primavera e 17 no verán. Disto dedúcese que imperan os termos medios, tan apropiados para os individuos de saúde quebrantada. A altura de 287 metros sobre o nivel do mar, tampouco é extremada e, se a iso engadimos que abunda o arboredo, está todo dito.
Esta vila elegante e alegre produce unha grata impresión ao forasteiro, que sempre atopa hospitalidade entre os estradenses, xente de seu atenta e compracente.
Dúas prazas, a de Ramiro Ciorraga e a praciña do Mercado, serven de esparexemento e recreo nas horas de lecer. Na primeira, que é o corazón da vila, eféctuase o cruzamento das estradas de Vilapouca a Pontevea e de Chapa a Carril. Nestas estradas, vías de moito tránsito, están as rúas máis importantes: a do Mercado; a Peregrina, se entramos polo oeste, é dicir, da parte de Cuntis ata o centro daquela praza; seguindo ata o leste, as de Riestra, Ulla e a avenida de Fernando Conde, en liña prolongada, constituíndo as tres unha zona que pola súa aliñación e latitude resulta espléndida e ben merecía levar o nome único de Rúa Real Principal. Na outra estrada, tamén en liña, temos as rúas de San Lourenzo e San Paio. Entre as rúas da Peregrina e do Mercado, desemboca a Travesía de Vea, continuando a avenida da Fonte. Da Travesía parte a rúa da Igrexa, que sae á praza de Ramiro Ciorraga. Da rúa de San Paio arranca outra nova, que enlaza coa de Vega de Armijo, conducindo á igrexa nova. Á Praza Principal dá acceso a antiga rúa de Bedelle, hoxe de Serafín Pazo e, enlazando esta coa de Riestra, está a de Justo Martínez, que conduce á Casa do Concello. Hai outra rúa aínda sen nome, que enlaza as da Peregrina e San Lourenzo.
Barrios: o Novo, o do Cruceiro, o de Bedelle, o da Feira, o da Baiuca. Da Estrada parte unha estrada nova á Ponte Ulla.
Edificios públicos: temos a Casa do Concello, obra nova que honra a nosa localidade, no que teñen cabida as oficinas municipais, as dos Xulgados Instrutor e Municipal, o Rexistro da Propiedade, o Arquivo notarial e o Laboratorio. Leva en construción máis de vinte anos unha igrexa fermosa, que tamén daría importancia á localidade se algún día chegásemos a vela rematada. Outros edificios a destacar son: a casa do cárcere que pola súa antigüidade deixa bastante que desexar e mais a igrexa vella que, aínda que está ben conservada, non reúne outras condicións; especialmente nótase a falta de capacidade para unha vila dos habitantes e categoría da nosa.
Para espectáculos públicos acaba de inaugurarse o Salón Novidades, propiedade de D. Manuel Constenla, de moi boas condicións.
A Caixa de Recruta, a Demarcación de Reserva, o Cuartel da Garda Civil e as escolas de primeiro ensino están en edificios particulares de cuxos alugueres se ocupa o Concello.
A edificación urbana do dominio privado está en auxe e conta A Estrada cun bo número de casas moi vistosas e confortábeis.
Comercio: esta vila é un grande centro comercial con establecementos de verdadeira importancia, como son: en ultramarinos, os de Esmorís, Bastida, Felipe Mato, Ismael Fernández, Nogueira, etc.; en ferraxaría, os de Sanmartín, Constenla e Brea; en louza e cristal, o de Alcobre e o de Matalobos; en moblaría e paquetaría, o de Consuelo Lorenzo; en moblaría, o de Barros; en peletaría, Muñíz, Ferrín e Carbón. Aquí, na nosa vila, confecciónanse traxes con tanto gusto e delicadeza como nas cidades inmediatas, diso ofrecen testemuño os Varelas, Casagrande, Andrés Gómez e Borrajeros. Hai boas barbarías como son a de Beiras, a de Enrique, a de Benito e algunha outra. Tres carnizarías abastécennos de rica carne, e son a de Gumersindo, a de D.a Olivia e a de Durán. Tres cafés están abertos ao público, o do Pintor, o de Pena e o de Vila. Abundan as casas de hóspedes, contándose entre elas as dos Constenlas, a de Mato, a do Pintor, a de Diego, a de Julio, a de Emilio Paz, etc.; existen dúas sombreirarías, a de Pío e a de Saturnino.
Industria: a nosa vila conta, dende o ano 1900, con iluminación eléctrica, grazas á pericia e tenacidade de D. Camilo Pardo que, con non demasiados medios, levou a cabo esa importante obra, coa que se beneficiou el e beneficiounos a nós. O fluído é aproveitado, ademais, en muíños e serradoiros. O salto está situado entre Aguións e Barbude, no río Liñares.
Outra fábrica de luz eléctrica acaba de inaugurarse: está o salto entre Aguións e Moreira e procede a auga do mesmo río Liñares. Pertence a unha sociedade na que figuran don Maximino Sanmartín, D. Manuel Saborido, D. Benigno Porto e algún outro. Ten tamén muíños.
Camiño do cemiterio atópase a fábrica de curtidos do Sr. López Juanatey e máis alá, no termo de Figueiroa, o serradoiro de D. Francisco Valcárcel. Hai tamén a fábrica de gasosas de D. José María Pena.
Servizo de automóbiles: hai servizo diario de automóbiles a Pontevedra, Lalín, Santiago, Forcarei e Portas. Unha forte compañía, «La Estradense», na que figura como principal factor D. Pedro Campos, dedícase a cubrir as liñas entre os tres primeiros puntos, cos seus coches que saen da Estrada para Pontevedra e Santiago das oito ás nove da mañá e regresan ás cinco da tarde para dirixirse a Lalín. Outro coche, «La Montañesa», sae tamén ás cinco da tarde para Forcarei, de onde regresa á mañá seguinte. Ás tres e media da tarde marcha «El Aguila» para Portas, levando o correo, e retorna ás dez da noite. «La Iberia», dunha sociedade de Lalín, percorre a liña da devandita vila a Pontevedra, e de Forcarei a Santiago.
Prestan tamén servizo por aquí os camións automóbiles de Carballeda, de Esmorís, o de Castro, que conduce peixe, e outros varios.
De aluguer hai catro bos automóbiles da sociedade Nogueira-Brey, dous de Manuel Nodar, un de Manuel Durán, dous de Pena e un de Francisco Sueiro.
Hai unha boa fotografía dos irmáns Campinas.
Os de Vigo hónrannos todos os veráns enviando aquí, como punto escollido, as súas colonias escolares, das que é protector altruísta D. Fernando Conde.
A excelencia das augas desta vila está por riba de toda ponderación.
Cosmopolitismo: pola súa condición de vila moderna, a poboación da Estrada é de esencia cosmopolita. Son moi contadas as persoas de mediana idade que naceron aquí. De Noia procede D. Miguel Nine; do Carballiño, D. Camilo Pereira; de Lalín, D. Segundo Santos; de Rodeiro, D. Maximino Araujo; de Silleda, D. José Martínez; de Ponteareas, D. Camilo Pardo; de Carballo, D. Manuel Leyes; e así outros varios.
Se a procedencia inflúe, como sosteñen moitos, no carácter e condición das persoas, ben poden atribuirse ao cosmopolitismo da Estrada as disputas e diverxencias que se observan entre os seus habitantes e que tanto conspiran en prexuízo de todos; porque a vila avanza, pero con mellor harmonía, sen dúbida avanzaría máis.
As distancias aproximadas desta localidade aos puntos máis importantes da contorna son: a Santiago, estación do ferrocarril, 25 quilómetros; a Portas, estación tamén do ferrocarril, 26 quilómetros; aos Baños de Cuntis, 9 quilómetros; a Silleda, 24 quilómetros; a Lalín, 35 quilómetros; e outros 35 a Pontevedra.
"Xa es algo, vila da Estrada!...
Onte non eras nada ".
TRAÍDA DE AUGAS
O 7 de agosto de 1843, a Corporación municipal acordou construír unha fonte no centro da vila e para os gastos estableceu un portádego na Ponte Vea, polo cal debía pagar cada transeúnte a pé catro maravedís, oito os que ían a cabalo e dezaseis os carros.
O 27 de novembro de 1847 a Corporación municipal acordou construír unha fonte na Praza Principal, hoxe praza de Ramiro Ciorraga, onde daquela non había ningunha.
En sesión do 3 de novembro de 1865 tratouse da necesidade de repoñer unha fonte que fora de servizo público e que naquel momento estaba atoada, na horta de D. Francisco Trigo.
O 22 de setembro de 1880 acórdase apropiarse desa mesma fonte, que se indica que estaba situada ao sur da Casa Consistorial e comprendida nun cerramento feito por D. Francisco Trigo e D. José Álvarez.
En 1888 a Deputación acordou subvencionar cun 50% a traída de augas.
O 20 de outubro de 1894 faise constar en sesión do Concello o remate das obras das fontes que se surten con augas traídas de Penarada. Esas fontes son a da praza de Ramiro Ciorraga e a que está inmediata ao cárcere. A fonte de Santo Antonio na rúa de San Paio ou estrada de Santiago, foi rematada o 5 de febreiro de 1901. E a da rúa de Riestra, despois.
Temos, ademais desas catro fontes, a famosa de Leicures e non é aventurado asegurar que poucas poboacións deben de gozar de augas tan ricas e saudábeis como as nosas.
Por iniciativa do Concello e co fin de utilizar os beneficios dun RD de 1914, en virtude do cal subvenciona o Estado os abastecementos de augas, sempre que o custo non exceda da suma de 80.000 pesetas, fixo un estudo o enxeñeiro D. Manuel Espárrago e tramitouse o oportuno expediente, que está actualmente agardando a que confronten o proxecto os da División Hidráulica.
Sería a traída de augas unha das melloras máis importantes, porque ademais de contribuír ao aumento das boas condicións de hixiene e limpeza que xa adornan A Estrada, redundaría en beneficio do erario público, pois podería cobrarse un tanto mensual aos veciños que instalasen os correspondentes canos para ter constantemente auga nas súas casas. Se se chegase a construír a praza de abastos, contaríase co líquido necesario para lavala diariamente, podería dirixirse o suficiente caudal ao matadoiro e aínda dispoñer do necesario para establecer lavadoiros públicos.
TELÉGRAFO
O 16 de xaneiro de 1884 acordou o Concello pedir unha estación telegráfica para esta vila.
O 22 de abril do ano seguinte renovouse a petición por medio do deputado a Cortes D. Antonio Cantero.
O 31 de marzo de 1886 trátase en sesión municipal das dificultades con que se tropeza para establecer o telégrafo por falta de medios pecuniarios.
O 30 de marzo de 1887 insístese na petición do telégrafo.
O 27 de xullo de 1888 reprodúcese a petición.
Por fin foi concedido o telégrafo en outubro de 1889 e instalouse o ano seguinte, no mes de marzo, na casa de D. Ángel Rodríguez, hoxe propiedade do seu fillo D. Juan Manuel.
O 2 de agosto de 1899, foi trasladado o telégrafo para a casa de D. Bernardino Otero, na rúa do Mercado, estrada de Cuntis. De alí pasou a unha casa inmediata de Gumersinda Graña e irmá, onde se encontra actualmente.
TELÉFONO
Sendo Deputado Provincial o distinguido letrado D. Prudencio Landín, propuxo a instalación do teléfono en toda a provincia e o proxecto foi aprobado por aquela Corporación e polo Estado; contribúen os Concellos para tan importante mellora, sendo de esperar que pronto poidamos gozala, pois nalgúns puntos xa disfrutan dela.
O Sr. Landín é digno de aplauso pola iniciativa e interese que puxo para que se realizase a obra.
Houbo teléfono para comunicarse dende esta vila con Codeseda, pero foi destruído por motivos que, aínda que se ignoran, desde logo non poden merecer louvanza.
Actualmente hai teléfono para comunicarse con Cereixo, propiedade de don Manuel Nogueira.
Está de máis dicir que na Estrada hai administración de correos cun oficial do corpo á fronte e un carteiro ás ordes deste.
SOCIEDADES DE RECREO E OUTRAS
O Casino é a Sociedade de recreo máis antiga da Estrada. Foi organizada nunha reunión celebrada o 28 de marzo de 1895 a convite de D. Saturio Sáenz, D. Eusebio Andújar, D. Julián Cervela, D. José Utrilla, D. José Otero, D. Faustino Ulloa, D. Maximino Araujo, D. Francisco Rodríguez, D. Sebastián Couceiro, e D., Manuel Otero Vinseiro. Tivo como primeiro Presidente ao Rexistrador D. José Utrilla; en 1896 presidiuno don Eliseo de Silva; en 1897, D. Miguel Losada; en 1898, D. Manuel Otero; en 1899, D. Manuel Leyes; en 1900, D. José Otero; en 1901, D. Faustino Ulloa; en 1902, D. Jesús Durán; en 1903, D. Manuel Otero; en 1904, D. José Otero; en 1905, D. Severino Trigo; en 1906, D. José Araujo; en 1907, D. Segundo Santos; en 1908, D. José Araujo; en 1909, D. Miguel Nine; en 1910, D. Francisco López Quintana; en 1911, D. Segundo Santos; en 1912, D. Miguel Nine; en 1913 e 14, D. Ramiro Ulloa; en 1915, D. Severino Trigo; en 1916, 17 e 18, D. Francisco Portela; en 1919 e 20, D. Antonio de Valenzuela; en 1921 e 22, D. José Campos, e actualmente, D. Pedro Varela.
O Ximnasio: cando a Sociedade Casino estaba no seu apoxeo e tiña próspera vida, xurdiron entre os socios desavinzas e fondas querelas en que andaban mesturadas rivalidades políticas e, como consecuencia de todo iso, déronse de baixa varios daqueles que fundaran en 1907 a nova entidade de que estamos a ocuparnos.
Tivo o Ximnasio dende a súa fundación os seguintes presidentes: ano de 1907, D. Manuel Fidalgo; 1908 e 09, D. Jesús Durán; 1910 e 11, D. Juan Ciorraga; 1912, D. Eduardo Cajide; 1913, D. Miguel Losada; 1914, D. Alfonso de la Encina; 1915, D. Manuel Fidalgo; 1916, D. Juan Ciorraga; 1917 e 18, D. Benito Vigo; 1919, 20 e 21, D. Carlos Cajide; 1922, D. Camilo Pardo.
Tanto o Casino como o Ximnasio vanse sostendo. Teñen bos salóns, billar e outros medios de distracción. Unidas esas dúas sociedades, podería formarse unha soa de moita importancia, o cal redundaría en beneficio da Estrada: habería facilidades para acoller moitos forasteiros que no verán veñen gozar do noso saudábel clima e aínda se poderían organizar festas para atraer maior número. Da sociedade única partirían iniciativas e mesmo recursos para subvencionar a música, un orfeón ou algo así que, ademais de ser útil, daría idea de progreso. E non podería partir tamén de aí unha decidida xestión para conseguir a tan desexada escola de Artes e Oficios e a construción do edificio para a graduada? Coidamos que si.
Círculo Mercantil: alá polo ano 1915 as organizacións agrarias do distrito crearon dificultades ao desenvolvemento do comercio da vila e ante iso os comerciantes asociáronse fomentando o Círculo Mercantil de protección mutua. Esa entidade tivo como presidentes a D. Manuel Lois, D. José Escariz, D. Vicente Refojo, D. Andrés Gestoso e D. José Franco. Disolveuse en 1920.
Fillos da Estrada: no lugar que antes ocupaba o Círculo Mercantil estableceuse a delegación da sociedade «Hijos de La Estrada» residentes en Cuba, cuxa finalidade é basicamente protexer os emigrantes. Presidírona D. Maximino Matalobos e D. Francisco Villar, sendo hoxe o seu presidente D. José Constenla.
Oficios Varios: ten o seu domicilio nesta vila a sociedade de Oficios Varios, composta principalmente de canteiros e carpinteiros. O seu obxecto é defender os intereses dos obreiros.
Exploradores: houbo unha boa tropa equipada e instruída; pero, cando menos se pensaba, disolveuse.
Tamén houbo sociedades venatorias de caza e pesca, pero actualmente non as hai.
“TABACALERA”
A administración da “Tabacalera” nesta vila estivo varios anos a cargo de D. Domingo Paseiro; despois foi nomeado administrador D. Ramiro Ulloa; sucedeu a este D. Manuel Otero Vinseiro, e actualmente adminístraa D. Andrés Varela.
LOTARÍAS
Temos administración de lotarías dende hai uns dez anos; está ao cargo de D. Ramiro Ulloa Villar.
EXPLOSIVOS
Despáchanos D. Domingo Paseiro e D. Manuel Constenla.
BANCA
Ten tamén a banca a súa representación nos Sres. Ulloa, Otero e Lacalle; e non falta o xiro postal a cargo do administrador de correos.
Recentemente instalouse aquí unha sucursal do Banco de Vigo.
RECADACIÓN
A recadación de contribucións do Estado tívoa varios anos a casa de Ulloa. Hoxe desempeña o cargo D. José Paseiro Andión.
PRENSA PERIÓDICA
Houbo na Estrada, alá polos anos 1906, 1907 e 1908, dous semanarios titulados Voz del Pueblo e El Estradense, que pertencían a outros tantos grupos políticos. Enleáronse esas publicacións nunha campaña sañuda, rivalizando na aldraxe e na insidia e ensarillándose en contendas ruíns de personalismos e vidas privadas. Foron uns feitos de triste recordo, dos que se recolleron moitos odios, aínda non extinguidos de todo.
Dende 1912 a 1919 publicouse outro semanario, El Eco de La Estrada, órgano das sociedades agrarias, que tivo nos primeiros anos bastante aceptación. Deixou de publicarse debido á carestía do papel e tamén porque ía pasando de moda.
En 1919, e durante algúns meses, repartiuse por aquí, os días de feira, un xornal titulado Estradense, coa filiación de rexionalista. Morreu, como morren sempre nestas poboacións pequenas, as publicacións que non teñen máis fin que o da política.
Actualmente temos El Emigrado, que tamén se publica os días de feira. Pertence aos “cubanos”, como adoita chamarse aos fillos deste país que emigraron a Cuba. Por agora mantense bastante independente e, se continúa así, terá vida próspera.
Tamén temos El Eco Estradense pois, aínda que suspendeu a tiraxe por algún tempo, non é dubidoso que a continúe.
El Eco Estradense imprimíase en imprenta propia da empresa e El Emigrado tírase na «Postal-Hita», do administrador de correos desta vila.
PROCURADORES XERAIS E DEPUTADOS A CORTES
1834-36: D. Antonio Montenegro.
1834-40: D. Francisco Lorenzana, marqués de Vilagarcía.
1844-46: O mesmo.
1834-35: D. José Valladares.
1836: D. Benito Fernández Pereira.
1836: D. Pedro Piñeiro y Cárdenas.
1836: D. Juan Alvarez Mendizábal.
1836-43: D. Domingo Fontán.
1836-39: D. Cristóbal Falcón.
1836-37: D. Ramón Maquieiro.
D. Hipólito Otero.
1841-43: O mesmo.
1854-56: Ol mesmo.
1836-37: D. Antonio Rubín.
1837-46: D. Diego Ballesteros.
1854-64: O mesmo.
1838: D. Antonio de la Vega.
1838-40: D. Pedro María Fernández Villaverde.
D. Ramón López Vázquez.
1839-46: D. Florencio Rodríguez.
1839: D. Pío Pita Pizarro.
1840: D. Antonio Alcalá Galiano.
D. Luis Armero.
1841-42: D. Manuel Otero.
1836: D. Antonio Arias Seoane.
1841: D. Pedro Miranda.
D. Manuel Barros.
1843: D. Juan María Fontenla
D. José Valladares
D. Ramón Buch
D. Esteban Areal
D. José Ulloa Pimentel.
1844-45: D. Manuel Gómez Díaz.
1846-50: D. Francisco Tames Hevia.
1851-53-54-57-58: Q. Joaquín Ozores Valderrama.
1878-80: D. José Elduayen.
1859-64: D. Francisco María Valdés y Mon. .
1863-65: D. José María Fernández de la Hoz.
1864-65: D. Juan Armada Valdés, Marqués de Figueroa.
1866-67: D. Casto Méndez Núñez.
1869: D. Hipólito Otero.
1870: D. Pedro Mateo Sagasta.
1871-73: D. José Montero Ríos.
1872: D. Benito María de Oca y Gil.
1872-73: D. Francisco Pereira García.
1873: D. Justo Martínez.
D. José Riestra López. '
1876-80: D. Emilio Gutiérrez de la Cámara.
1879-90: D. José Riestra López.
1884-85: D. Antonio Cantero Seirullo. •
1891-93: Marqués de la Vega de Armijo.
1893-95: D. Rafael Gasset Chinchilla.
1896: D. Francisco de Federico Martínez.
1898: D. Marlín Rozales Martel.
1899-1901: Marqués de la Vega de Armijo.
1901- 1902: D. Victor Brugada y Panizo.
1903-1907: Marqués de la Vega de Armijo.
1908-1916: D. Raimundo Riestro Calderón.
1916, ata os nosos días: D. Vicente Riestra Calderón.
Así resulta dos datos que temos. Pensamos que dende 1834 non houbo por esta bisbarra máis Procuradores Xerais nin máis Deputados a Cortes que os anotados; pero non podemos aseguralo dun modo categórico. Se algún nos quedou no tinteiro, a culpa sería súa por non deixar no país labor beneficioso ou algunha obra pública que perpetuase a súa memoria.
DEPUTADOS PROVINCIAIS
Segundo os datos obtidos, representaron este distrito na Deputación provincial os seguintes señores:
1838: Felipe Constenla Garrido.
1839: Manuel Gómez Díaz.
1840: Manuel Otero e Jacobo García.
1847: Manuel Gómez Díaz.
1848: José María Louzao.
1852-57-58: Marcial Valladares.
1868: Salustiano Saez, Ramón Villar Ulloa e José Varela Cadaval.
1868: Cándido Barros, Benito M.a de Oca e Serafín Pazo, suplente.
1871: Cayetano Taboada e Francisco Pereira García.
1872: Cayetano Taboada, Benito M.a de Oca e Francisco Pereira.
1873: Cayetano Taboada.
1877: Francisco Pereira García.
1878: Francisco Pereira García, Agustín Porto Loimil e Julián Paseiro.
1884: Rafael González Besada e Antonio Taboada Iglesias.
1884: Miguel Nine Novais e Baltasar Fernández Prado.
1888: Antonio Blanco Rodríguez, Camilo Pereira Freijenedo, Miguel Nine e Gumersindo Otero.
1889: Ramón Blanco Rodríguez.
1892: Rafael González Besada, Camilo Pereira Freijenedo, Miguel Nine e Gumersindo Otero.
1896: Gumersindo Otero, Camilo Pereira, Miguel Nine, e Antonio Domínguez Fociños.
1901: Gumersindo Otero, Miguel Nine, Cesáreo Vázquez e Antonio Domínguez Fociños.
1905: Os mesmos de 1901.
1909: Felipe Ruza, Amalio Taboada, Gumersindo Otero e Miguel Nine.
1913: Miguel Nine, Felipe Ruza, Gonzalo Otero e Amalio Taboada.
1917: Miguel Nine, Felipe Ruza, Francisco Riestra e Ramiro Ulloa.
1921: Miguel Nine, Ramiro Ulloa, José Bueno e Benjamín Lois.
A actuación das Deputacións provinciais está en tea de xuízo e hai un bo sector de opinión partidario de que se supriman.
PARROQUIAS
Sabido é que nos lendarios tempos da organización de Galiza, en canto unha familia se establecía en calquera parte do territorio, levantaba a igrexa. A continuación, facíase nela claustro, e así reuníanse os poboadores baixo unha mesma torre. Deste xeito foron xurdindo as parroquias que serviron de base aos antigos concellos de que son lembranza os actuais.
O sentimento dos nosos paisanos cara as súas parroquias é fortísimo; tratar de alteralas sería perigoso porque o tomarían como un atentado sacrílego e non o tolerarían pacientemente, como xa demostraron en moitas ocasións. Para eles a freguesía é algo tan propio, tan íntimo, tan familiar, que o amor e respecto que lle profesan merece toda clase de acatamentos. Ten que ser así, pois o aldeán vén ao mundo ligado estreitamente á súa igrexa parroquial, onde recibe as augas do bautismo; onde se confirma; onde asiste, aínda nos brazos da nai, ás primeiras misas; onde inicia as súas primeiras comuñóns; onde oe as primeiras exhortacións do párroco e a onde se dirixe estreando os primeiros traxes da infancia para asistir á festa do Patrón?... Xa adolescente, con outros da súa idade, divírtese na romaxe local onde espertan os seus primeiros amores; ten moza; con frecuencia, casa; reúnese despois no adro, á saída da misa, con outros casados a comentar as noticias de actualidade, o prezo do gando, o estado das colleitas, a orde da alcaldía, etc. No cemiterio descansan os restos dos seus devanceiros, ou talvez dalgúns dos seus fillos… Todo iso vai determinando na súa alma un sentimento tal de fonda e relixiosa veneración cara á parroquia, que xamais se extingue.
A organización parroquial no civil consistía antigamente nun “mordomo” e tantos “celadores” como lugares. Deses mordomos son reminiscencia os actuais alcaldes de barrio, con facultades tan restrinxidas aquí entre nós que case resultan irrisorias. Tamén son chamados pedáneos, institución antiquísima que nos legaron os romanos, imaxe e semellanza dos iuris pedaneus que eles teñen na súa patria; e parece que os denominaban así porque xuraban o cargo en pé. Os árabes teñen un funcionario moi semellante, o Cadí; e os gregos, o Dieteto.
Polas razóns apuntadas ao comezo deste tema coidamos conveniente describir con separación as 51 parroquias que comprende o termo municipal, incluíndo os datos que puidemos adquirir en canto a antigüidade, fundación, lugares, significado dos nomes que estes levan e demais antecedentes e curiosidades que estimamos dignos de publicar. Seguidamente, e por orde alfabética, atopará esa descrición o curioso lector.
AGAR
Á caída do monte da Rocha ou de San Sebastián atópase a parroquia de Agar que, coas de Remesar e os Ancorados, forma un grupo ideal. Ten 73 cabezas de familia e 348 habitantes distribuídos no seu territorio. Dista da Estrada uns dez quilómetros por termo medio, que poden percorrerse por estrada ata o Foxo e dende este punto queda pouca distancia ao centro parroquial.
Agar é metátese de agra, significado que convén á condición eminentemente agrícola da localidade. Puido derivarse o nome do latín ager, “agro, campo”; ou do grego agros. Tamén nos trae á memoria aquilo de que os árabes ou mouros que invadiron a Península Ibérica foron chamados agarenos, como descendentes de Abrahan e da súa escrava Agar.
Lugares: Penalobeira ,O Outeiro, Sorribas, O Souto, Pepe, A Pedreira, A Revolta, Valiñas, A Lagoa, O Río, A Pena, Gueifas, Aminde, Gonxar e Paraxó(13).
O lugar de Penalobeira debe o nome a estar situado nun lugar penedío, alto e internado no monte da Rocha ou de San Sebastián, onde é máis que de supoñer que abundaron os lobos. Tanto foi así que o noso Concello, en actas de dúas sesións (unha do ano 1847 e outra de 1848) consigna que “os lobos causan enormes danos en Agar”. A denominación de Outeiro non precisa aclaración: ninguén ignora que vén da súa situación elevada nun outeiro, cuíña ou lomba. Sorribas, punto inferior ás ribas ou ribadas que se observan no terreo. O Souto, monte poboado de castiñeiros. Pepe é o nome do fundador ou primeiro aforante: aínda hoxe é moi coñecido o foral de Pepe (Xosé). Dos lugares de Revolta, A Pedreira, A Lagoa, O Río e A Pena non cómpre dicir cousa ningunha. O de Valiñas vén do diminutivo valiños, “muros pequenos”. Gueifas é abreviatura de Regueifas. Cóntase que Aminde debe a denominación ao apelido ou alcume do fundador. Paraxó ou Paraxe, punto de parada ou albergue; sosteñen algúns que Paraxó, por compoñerse de para e xo, vén das voces que os habitantes de antano daban ás eguas salvaxes, bestas bravas que baixaban da Rocha, para que se parasen ou detivesen e non arrasasen as sementeiras; outros din que Paraxó vén de “parexo” co lugar do Río, por estar inmediatos e compoñerse de dúas casas cada un. A denominación da Pena denuncia a súa orixe sueva.
Lindeiros: norte, Remesar; sur, Curantes; leste, Orazo; e oeste, os Ancorados.
Vías de comunicación: a estrada de Chapa a Carril está establecida polo extremo sur desta parroquia. As demais comunicacións consisten en camiños ordinarios.
Hai un regato chamado da Serra, que nace no punto de Orosa (Orazo) e desemboca no río de Remesar, no punto de Vilanova, despois de fertilizar terreos do lugar de Gonxar e Valiñas.
O 7 de abril de 1811 tivo lugar o enterro de Juan Nogueira, asistente do Tenente de Administración D. Francisco Miguez; morrera na enfermaría de San Sebastián a consecuencia da invasión francesa. O 26 de agosto de 1812 celebráronse os funerais de Domingo Antonio Albela, morto en Cádiz, a onde fora levado, prisioneiro das hostes de Napoleón. O mesmo sucedeu con Domingo Antonio Bascuas.
A parroquia de Agar foi invadida tamén polos carlistas, segundo consta, entre outros antecedentes, na acta da sesión municipal, de data de 24 de agosto de 1839. Desa invasión aínda falaban con terror, hai poucos anos, os anciáns da localidade. De Agar era Pedro González, que morreu o antedito ano, pelexando como soldado en Bilbao.
O Concello da Estrada, en sesión do 14 de xuño de 1856, alude a unha escola de instrución primaria, acabada de crear para a parroquia que nos ocupa. Hoxe non teñen escola alí.
Edificios importantes: A igrexa parroquial, ben situada nun lugar dende o que se domina un dos máis fermosos panoramas da bisbarra, é de construción antiga, con mestura de distintas ordes arquitectónicas, entre as cales non falta o románico-bizantino; cara ao sur ten unha cruz trevoada envolta nunha circunferencia. Houbo unha capela á Esperanza nun campo que aínda hoxe se chama da Esperanza, dentro dos termos do lugar de Sorribas.
No eclesiástico: Agar ten por patroa a Santa Mariña, o curato é de entrada e pertence á Coroa; o persoal consiste nun cura. En 1706, D.a Benita Mondragón, viúva de D. Antonio Romero, fundou a capelanía de Santo Ildefonso, do que deu fe o escribán D. Antonio Suárez de San Pedro de Ancorados. A confraría do Sacramento data do ano 1665; a de Santa Bárbara de 1748 e a de San Roque de 1640. Celébranse anualmente festas: á Patroa o 18 de xullo; o 19, o Corpus; o domingo seguinte, o Carme; a Esperanza, o domingo seguinte do de Pascua; e outras menos importantes.
A freguesía tivo por padroado a capela de Santa Cruz ou de Mondragón, incluída na basílica santiaguesa, que fundou e construíu o cóengo D. Juan de Mondragón, familiar dos Marqueses de Santa Cruz de Ribadulla, o ano 1522.
O arquivo parroquial alcanza ao ano 1610.
Os de Agar reciben o correo polo Foxo.
Non vos queixedes, meniñas
que de Agar sodes nativas,
quixeran as ablaíñas
ser tan ledas e garridas(14).
AGUIÓNS
Parroquia de 64 cabezas de familia e 335 habitantes, situada á esquerda do río Liñares e distante da Estrada dous quilómetros e medio aproximadamente.
En canto á antigüidade e nome desta freguesía, temos o testamento do arcebispo D. Paio Raimundez, datado o 17 de xuño de 1154. Neste texto denomina a esta parroquia “Santa María de Argiones”, cuxo significado equivale a “terra de camorristas ou revoltosos”, segundo opinións moi autorizadas.
Nós expoñémolo así con rigorosa fidelidade, sen ánimo ningún de molestar; e aínda entendemos que para os de Aguións, xente nin máis boa nin máis mala que a do resto do concello, non é ofensivo aquel significado, pois nada ten de particular que antigamente se suscitasen por alí polémicas e cuestións, como se suscitaban noutros varios sitios, resoltas xeralmente con razón e valentía.
Lugares: Os Cebados, O Preguecido, O Codeso, A Aldea Grande, O Outeiro e A Frieira(15).
O primeiro dos devanditos lugares distínguese pola súa fertilidade, e debido a iso os veciños, antigamente, dedicáronse á cría e engorde de bois, que vendían cebados e de aí a súa denominación. O de Codeso debe o nome ao cutissum, planta de raíz vivaz, moi coñecida xeralmente e abundante naquelas paraxes. Frieira vén da humidade ou frialdade que ocasionan os regueiros e brañas que rodean o casarío.
Lindeiros: norte, río Liñares, que separa de Paradela e Barbude; sur, A Estrada; leste, Lagartóns e Moreira; oeste, Toedo e Santeles.
Vías de comunicación: a vía da Estrada a Ponte Ulla e camiños veciñais, a ponte Nogueira, a ponte Canizas, e o pontillón de Barcia. A ponte vella de Nogueira fora mandada construír en virtude de sesión da Corporación municipal en data de 18 de xuño de 1840.
Bañan os termos desta parroquia o río Liñares e o regato de Barcia.
Carecen os de Aguións de escolas de primeiro ensino. O ministerio aprobou o expediente para a creación dunha escola mixta. Funciona en Aguións unha sociedade de agricultores.
No eclesiástico: Ten por patroa Santa María, o curato é de entrada, presentación do conde de Ximonde e outros; a igrexa é regular e ten no exterior un letreiro que di: «año D.M.D.C.C.X.C.I.I.» Antes dese ano había unha capela no lugar do templo actual. A primeira visita do libro de fábrica data do ano 1673. No mesmo libro lese que o cura tratou de reedificar a capela, para o que intentou persuadir ao presenteiro, pero este non accedeu e tivo que facerse a obra con fondos da parroquia.
Na casa do Preguecido, señorío de Ramiráns, hai unha capela, advocación de Nosa Sra. do Carme, pechada ao culto actualmente.
O señorío de Ramiráns foi concedido por título de Alfonso XII o ano 1875.
Festas anuais: a Patroa, o 15 de agosto; San Roque, o 16; o domingo próximo, o Sacramento; e ao seguinte, o Carme. O domingo que segue ao 13 de xuño celébrase o Santo Antonio.
Na Historia de la Iglesia Compostelana consigna o Sr. López Ferreiro este dato curioso: «A Fernando Álvarez, ano 1607, encargou Gabriel Carbón, mordomo da igrexa de Santa María de Aguións, unha manga de cruz bordada sobre veludo carmesí e catro figuras en redondo coas súas tarxetas perfiladas de seda formadas de ouro de Milán, cortaduras de raso de cores nos frisos e corpo da manga perfilada e formado todo de seda, coas imaxes de San Xoán, San Pedro e San Pablo. A Nosa Señora co neno Xesús nos brazos; os demais cadros e cortadura bordados de seda de cores con ramos e follaxe.»
A fábrica de luz eléctrica propiedade de D. Camilo Pardo está en termos da parroquia que describimos.
Hai un terreo entre Codeso e Aldea Grande chamado Veiga do Crego, a labradío, e dise que alí estivo a igrexa: labrando a terra apareceron un capitel antigo e materiais de construción.
A casa que na Aldea Grande posúe Jesús Rey e que se chama Casa do Frade, fíxoa un exclaustrado.
O 15 de abril de 1809 foi asasinado polos franceses o presbítero D. José Vaamonde.
Aos de Aguións distribúelles a correspondencia o peón de Ribeira.
(Despois de escrito o anterior comezou a funcionar unha escola nacional mixta en Aguións).
ANCORADOS, SAN PEDRO
Parroquia de 84 cabezas de familia e 394 habitantes, distante da Estrada uns 9 quilómetros.
Ancorados, segundo algunhas opinións, vén de acorados, “enlamados” debido ás moitas augas que durante os invernos se reúnen naqueles terreos de depresión. Nós coidamos, con coñecemento do terreo, que vén de ancos: “cóbado, revolta ou curvatura do chan”, por ser así a condición topográfica do terreo.
Lugares: Ribas Pequenas, San Pedro, Malata, Ventosela, O Barro, Ribas Grandes, Mamoela, Pousadela, O Foxo e A Pena(16).
Ribas Pequenas debe o seu nome a estar situado nunha altura pouco pronunciada; así como Ribas Grandes o debe a estar máis elevado; Malata, aldea malita, mal acondicionada, como efectivamente sucede; Ventosela, moi exposto aos ventos, especialmente do norte; Pousadela, diminutivo de Pousada. Foxo (véxase o que se consigna en canto a este lugar ao describir a parroquia de Rubín, posto que se trata dunha aldea que pertence ás dúas freguesías).
Lindeiros: norte, San Tomé e Riobó; sur, Callobre e Rubín; leste, Agar e Curantes e oeste, Moreira, Berres e San Tomé.
Vías de comunicación: camiños rurais e o pontillón de Carreirés entre San Pedro e Ventosela.
Baña esta parroquia o regato de Ponte Carreirés que nace en Ventosela e desemboca en Riobó, fertilizando os lugares de Ventosela e San Pedro.
O ensino primario consiste nunha Escola Nacional, situada no Foxo e atendida por unha mestra. Os veciños teñen unha Sociedade de Agricultores.
No eclesiástico: xa se comprende que o patrón é San Pedro. A parroquia ten como anexo á de San Tomé e para o curato, que é de entrada, presenta o convento de Santa Clara de Santiago. A igrexa é do século XII ou XIII e foi restaurada en 1756. Aínda se conservan ruínas dunha capela que houbo no lugar de San Pedro, dedicada a Santa Clara.
Festas anuais: a do patrón, o 29 de xuño; a dos Remedios, o día 30; o Socorro, o domingo seguinte; Corpus, no seu día propio; as Dores, o terceiro domingo de setembro; o Carme, o domingo seguinte ao das Dores; o Santo Cristo, o domingo que segue á Pascua do Espírito Santo.
Nas inmediacións da igrexa houbo, en tempos antigos, un convento de monxas de Santa Clara, e de aí lle vén á institución o dereito de presentar cura.
Outras particularidades: tamén houbo preto desta igrexa unha torre forte que era propiedade de Antonio Sanmartín de Bayón e que a fixo desaparecer haberá uns 25 ou 30 anos.
No lugar de Ribas funcionou moito tempo un aparato mazadoiro de liño, que consistía nunha grande roda de pedra coa súa correspondente montaxe, movida por forza animal.
Esta parroquia foi moi castigada pola invasión francesa. No libro de defuncións do arquivo existe a seguinte nota: «Os oito mortos que seguen son os que foron fusilados e degolados polo exército francés, por levantarse o Reino de Galiza e defenderse valentemente contra a forza do tirano; non quixo admitir por rei nin prestar obediencia ao intruso Xosé Bonaparte.»
«O 20 marzo 1809 foi degolado Juan Porto, cando era vello e estaba enfermo. Era marido de Manuela de Pazos, do lugar de Ventosela; este e os sete máis foron asasinados na tarde de mesmo día e coa mesma roupa coa que se atoparon.»
«Francisco Rodríguez, veciño do lugar de Ventosela, foi asasinado e enterrado na parroquia de Santa Baia de Pardemarín por encontrarse alí pedindo esmola no momento do tránsito da tropa francesa».
En 1720 actuaba como escribán nesta parroquia D. Nicolás de Ortega.
Os de Ancorados reciben o correo polo Foxo.
ANCORADOS, SAN TOMÉ
Parroquia de 68 cabezas de familia e 244 habitantes, que dista da Estrada uns nove quilómetros.
En canto ao nome da freguesía, atémonos ao dito respecto á principal, ou sexa San Pedro.
Lugares: O Castro, San Tomé, Tutén, Gontén e Brei(17). O nome de Castro débese a estar inmediato a un campamento ou fortaleza antiga que alí hai. De Tutén, como non veña da deusa Tutelina que gardaba as colleitas, ou de Tutanos, Deus que defendía a xente, non sabemos outra cousa. Tampouco puidemos acadar datos fiábeis respecto ao significado ou etimoloxía da palabra Gontén. Brei responde ao apelido do fundador.
Lindeiros: norte, Riobó; sur, Ancorados San Pedro; leste, idem. e Agar; oeste, Berres.
Vías de comunicación: camiños rurais antigos.
Baña esta parroquia un regato, continuación de Carreirés, co que se fertilizan algunhas herbeiras.
No eclesiástico: San Tomé é anexo de San Pedro e para o curato presentan as monxas de Santa Clara de Santiago como sucesoras dos bens que tiñan os frades terceiros de Santa María a Nova (despois Colexio da Compañía).
Do arquivo parroquial tomamos ao pé da letra estes datos: «Cinco foron os asasinados violentamente polo tirano francés o 20 de marzo de 1809». Hai unhas partidas que din: “o 20 de marzo de 1809 mataron, de forma brutal e cruel, a Jacobo Baloira, veciño do lugar de Castro, así como tamén no mesmo día aos seus compañeiros”. “O 13 de setembro de 1839 deuse sepultura a un home chamado Domingo Moa, veciño de San Lourenzo de Vilatuxe, bispado de Lugo, lugar de Moa, alcaldía e partido de Lalín, que foi executado pola tropa daquel cantón, no campo do Foxo de Corbelle, acusado de faccioso. Ata que expirou, foi asistido espiritualmente por tres señores sacerdotes da mesma parroquia e un misioneiro dos exclaustrados de Santo Antonio de Herbón”.
ARCA
Parroquia situada no Arnado, que ten 115 cabezas de familia e 760 habitantes. Dista da Estrada un dez quilómetros, oito dos cales poden percorrerse pola estrada de Vilapouca a Ponte Vea.
Non podemos aventurarnos a fixar a data da creación desta freguesía por falta de datos precisos: o arquivo parroquial parte do ano 1649 en que foi inscrita a defunción de Juan da Ponte; e outras fontes de información non temos.
Verea Aguiar, na súa notábel Historia de Galicia, insinúa que o nome de Arca vén do grego Arcas, rei de Arcadia, neto de Licaon. Outros sosteñen que procede das aparicións de sepulturas cadradas construídas con lousas en buratos a pouca profundidade, da época neolítica, que non son escasas no chan galego e que están relacionadas coas medorras, medoñas ou mámoas.
No caso que nos ocupa, parece máis axeitada a segunda das opinións porque, precisamente, hai na parroquia o lugar de Arcapedriña, que debe o nome a atoparse alí unha arca de pedra de grandes dimensións coa súa correspondente tapadeira. Esa arca, que aínda recordan moitos veciños, foi destruída por Manuel Fraga hai algúns anos.
Compoñen a parroquia os lugares de: Arcapedriña, Casa da Reguiña, Agro Maior, O Cruceiro, O Outeiriño,A Amarelle, A Abeleira, A Penela, Casa da Poza, Casa da Poroxa, O Carballal, Casa das Caseiras, Bustelo, Nodar, Xustín e A Goleta(18). En canto ao primeiro, xa sabemos que adquiriu o seu nome da arca pétrea alí atopada; o segundo, do alcume que tiña unha muller que habitou a única casa de que consta o lugar; o de Agro Maior, chámase así porque alí hai un importante agro; o do Cruceiro, dun cruceiro antigo que aínda existe; O Outeiriño, diminutivo de outeiro. En canto á Amarelle, cóntase que o seu fundador procedía, como é natural, doutro punto e que despois da fundación tivo perdas cuantiosas de familiares e gando; desesperado, retornou ao lugar da súa procedencia, onde comezaron a consolalo, convencérono de que debía volver á Amarelle e acompañárono alí. Ao chegaren, vendo que tiña vizosas as colleitas, dixéronlle: a este lugar hai que amalo por bonito e produtivo e o fundador contestou: "amareino se non me acontecen máis desgrazas nel". De amareino veu amareille; e de amareille, amarelle. Tamén pode vir de Marelle, que en vasco parece significar “lindeiro”. O nome de Abeleira vén do arbusto que se chama así. A Penela, dunha pena. Casa da Poza, de estar nun burato ou depresión natural do terreo. Casa da Poroxa debe o seu nome ao alcume dunha muller que o habitou. Carballal, aos carballos que alí abundan. En canto a Nodar, hai a crenza tradicional de que chegaron a ese lugar uns estranxeiros pedindo pousada; os habitantes non os entendían nin aqueles a estes e, por conseguinte, a petición non era atendida; finalmente, un dos forasteiros dixo: “aquí non dar”, e de aí o nome que leva o lugar. Hai tamén quen, con algunha diferenza, atribúe o acontecido a un escribán. O Sr. García de la Riega na súa notable obra, Galicia antigua, indica que Nodar, procede do grego e significa «recén esfolado». De xustiño, reducido, veu xustín, por supresión; e esta palabra foi castelanizada converténdoa torpemente en Justín(19). Con respecto á Goleta hai quen afirma que anteriormente se chamou Soleta, de solita, “soa, afastada”; e verdadeiramente afastado está este lugar.
Lindeiros: norte, Nigoi e A Somoza; sur, río Umia e Souto; leste, Souto e Nigoi; oeste, concello de Cuntis.
As comunicacións desta parroquia consisten en camiños antigos e nalgunhas pontes e pontillóns, a saber: o de Nodar, Paradela e Portón sobre o Umia; sobre os regatos, a ponte do Regueiro, Maceiriña e Moimenta, Salgueiro, Feal, Agudela e Pontiña. Está aprobado polo Estado o proxecto de construción dun camiño que, partindo da estrada de Codeseda ao Campo, en termos de Souto, cruce a parroquia de Arca e saia en Nigoi á outra estrada.
Baña a parroquia de Arca, o río Umia e mais os regatos de Reboiras, Brañiñas, Piornos, Zudres, Castro e Canles.
O 14 de xuño de 1856 foi dotada a parroquia dunha escola de primeiro ensino; o 10 de marzo de 1880 creouse a escola incompleta. Hoxe hai unha escola nacional servida por un mestre. As escolas «Curros Enríquez», de que se fala noutro lugar, esténdense á parroquia de Arca.
Edificios importantes: a igrexa parroquial, moderna, das mellores do país, ten polo leste un grande rótulo que di: «Reinando Isabel II, siendo Pontífice Pío IX y Arzobispo Compostelano el eminentísimo Cardenal García Cuesta. Hizo este templo en 1864 e 1865 D. Andrés Díaz y Rodríguez, párroco 25 años y canónigo despues en Lugo y en Santiago, Caballero de Carlos III y Capellán de honor de S. M.»(20) Ten o edificio unha boa torre con dúas campás grandes e unha pequena. O adro está moi ben cercado e dálle acceso polo leste unha escaleira semicircular moi airosa. Antes desa igrexa houbo outra, construída no século XVI, que se foi arruinando cos anos. No lugar do Carballal existe a capela da Ascensión, construída no século XVII. Houbo tamén outra capela dedicada a San Pedro, no monte de San Paio, cerca do río Umia, que se desfixo cando se construíu a igrexa actual, debido ás moitas liortas que se producían o día da función entre a mocidade da contorna; tanto era así, que nunha desas pelexas, un mozo caeu ao río cando fuxía e faleceu afogado. Dende ese día clausurouse a capela e suprimiuse a festa anual. Percorrendo Arca, chama a atención o número de cruceiros de pedra co que nos atopamos a cada momento.
No eclesiástico: o curato é de entrada; ten un cura, D. José Porta Mosteiro, e un coadxutor, D. Antonio Rodríguez. O Patrón é San Miguel e corresponde a esta freguesía, como anexa, a de Santo André de Souto. Presenta D. José María Bermúdez.
Festas anuais: a de San Miguel, o 29 de setembro; a da Ascensión, no seu día propio; San Antonio, o 26 de decembro, polo lugar da Amarelle; Corpus, o 8 de maio por conta dos casados; e algunha outra menos sonada.
Outras particularidades: os montes de Arca son abundantes en boa pedra de cantaría ou granito. Os principais edificios da Estrada foron feitos con materiais desa procedencia. En Arca abundan os canteiros e carpinteiros; moitos deles traballan no Arsenal de Ferrol e outros saen a gañar os seus xornais a distintos lugares, mesmo a Franza.
É xenerosa esta terra en recordos antigos, prehistóricos algúns. Ademais da arca de pedra xa mencionada, temos coñecemento de que en Portón, nun terreo de Juan Canabal, apareceron unha sepultura de pedra labrada, unha coroa e unhas botellas; no monte da Espiñeira, nun punto coñecido como Lagoa, hai unha chaira onde os veciños aseguran ter visto un altar de sacrificio labrado en pedra, coa canle típica para correr o sangue, a almofada de apoio para a cabeza da vítima, e ao lado da base, un burato, tamén labrado na rocha natural, onde o sangue caía para ser queimado. Nas penas da contorna había signos e letras soltas feitas a pico; pero, debido á superstición, foron desaparecendo. Interesante resulta tamén o castro Perroño, cunha eira espléndida na parte superior: alí apareceron muíños de man e cacharros de cociña, é dicir, cerámica antiquísima; tiña o castro polo oeste unha gabia ou boca enorme con fornos e carbón, que actualmente vai desaparecendo por obstrución; a xente estaba na crenza de que dentro había encantos, e achegábase a aquela paraxe con receo. Parece que os habitantes do castro se dedicaron na antigüidade á explotación de minerais, que son abundantes no chan de Arca. O Sr. Murguía dinos que, ao desfacer unha mámoa no monte Arnado, se acharon dúas pedras de once cuartas de longo colocadas formando túmulo, como un dolmen construído ao revés. No noso poder temos unha moeda de cobre, de feitura trapezoide, coas catro puntas recortadas; é indubidabelmente moi antiga, segundo algúns, de tempos dos romanos e foi atopada por D. Manuel Eirín no punto da Pedreira, que pertence á parroquia que describimos.
O cura de Arca, D. Andrés Díaz Rodríguez, conducindo uns cantos paisanos, incorporouse ás filas carlistas. Pouco despois de seren vencidos os revolucionarios foi condenado a morte. A sentenza debía executarse en Pontevedra; mais, por solicitude do condenado, permutouse por Santiago, cidade a onde o reo debía ser conducido. A demora que supuxo o traslado proporcionou o tempo e a oportunidade para xestionar e conseguir o indulto. Poucos anos despois volveu o Sr. Díaz Rodríguez ao seu curato e desempeñouno ata que o nomearon cóengo. No río Umia, no termo de Arca, realizouse o estudo para un salto de auga denunciado por D. Manuel Portela Valladares(21). Antigamente había alí uns batáns dos que aínda se conservan ruínas.
Aínda quedan nesta parroquia recordos dos antigos impostos: na casa, hoxe de José Cortés, cobrábase o décimo. O marqués de Aranda e o duque Patiño eran os señoríos máis coñecidos por alí.
En Arca hai un médico, D. Francisco González Verdura; cartería, estanco de tabacos e algunhas tabernas.
ARNOIS
Alá no confín da nosa zona da Ulla está a parroquia de Arnois, que consta de 155 cabezas de familia e 682 habitantes. Dista da capital do distrito uns 13 quilómetros por termo medio.
Afirman algúns historiadores que a palabra Arnois, como Arnoia e outras semellantes, proceden do celta, e que significan “viño”; e iso ten, no caso que nos ocupa, todas as probabilidades, pois sabido é que a parroquia de Arnois está situada no corazón da Ulla, terra de moita vide. Murguía di que provén do sánscrito arna (“río”); Santiago Gómez búscalle orixe no vasco ardo ou ardao (“viño”) e di que tamén en antigo galego chamaban ao viño arnois ou arnoia.
Da antigüidade desta freguesía pode xulgarse polos seguintes datos: o arcebispo D. Pedro IV no seu testamento de marzo de 1214 fai doazón ao Cabido de Santiago de metade da freguesía de San Xiao de Arnois. A outra metade doouna D. Pedro Muñiz Tacón, e esta doazón foi confirmada máis tarde polo Papa Honorio III. En 1230, na data de 25 de xaneiro declárase que son do cabido as viñas que fixo a raíña Dona Teresa en Arnois e «as que se plantaron cos maravedís do rei de Portugal». .
Lugares: O Cercido, Veiga, Os Bieites, O Regueiro, A Costa, A Granxa, Igrexario, Cacharela, San Xiao, A Carballeira, Calvario, A Raigada, O Bruñido, Silva, Riamonde, Ribadulla, Valboa, Horros, Golmas, Moimenta e Os Tiguillois(22).
O lugar do Cercido, que pertencía a San Miguel de Castro, foi agregado a Arnois o 8 de maio de 1876. Cacharela quere dicir “lugar situado nun terreo de pouco fondo, que presenta capas de pedra de escasa consistencia, ou pedrolo”. Calvario, de raíz grega: “estreiteza”: A Raigada: “arraigada, firme, con raíces”. O Bruñido: pode significar esta palabra “lustroso, puído, claro”, e non deixa de axeitarse a iso o lugar de que falamos; pero tamén pode vir a denominación de “abruños”, ameixas silvestres que abundan por alí. Riamonde adquiriu o nome dun regato que pasa por aqueles termos: “río do mundo”, traducen algúns e quizais non lles falte razón. Ribadulla: “sobre ou enriba do Ulla”. Horros: “hórreos”.
Lindeiros: norte, regato do Unxido, separando a parroquia de Castro; sur, o río Bo, separando de Riobó e Berres, e unha presa que tamén separa do lugar de Basteiros en Riobó. Leste, regato da Grela, que deslinda Arnois de Oca; oeste, o río Ulla.
Vías de comunicación: pasan por Arnois a estrada estatal de Santiago a Ourense e a provincial de Callobre a Ponte Ledesma; as demais vías consisten en camiños veciñais e as pontes do Ulla e Unxido. A vía da Estrada á Ponte Ulla por Paradela e Ribeira está bastante adiantada. Da Ponte Ulla propiamente dita, a metade corresponde á parroquia que describimos e a outra metade a Santa María Madanela, distrito de Vedra, partido de Santiago, que na antigüidade tivo concello, o cal usaba un curioso selo en que se lía: «María Magdalena llipontis Ulla infili grasia Sea.»(23)
Ademais do río devandito, bañan esta parroquia os regatos do Unxido, que nace en Castro, no punto coñecido como Pena da Miralda; o do Calvario, que nace en termos da Cruz do lugar do seu nome; o de Barreira, que nace na Rocha.
O 14 de xuño de 1856, en sesión da Corporación municipal, apróbase a creación da escola de primeiro ensino de Arnois. E teñen aqueles veciños unha escola nacional servida por un mestre. Tamén funciona alí unha sociedade de agricultores con seguro de gando.
A expensas da parroquia estase a construír un edificio para o ensino.
No eclesiástico: o curato é de entrada, ten un párroco; a presentación pertence ao Cabido. O Patrón é San Xiao. A igrexa é boa e, a xulgar polos seus caracteres e polo que resulta do arquivo, parece que foi construída no século XIII; hai dentro do templo dúas fermosas capelas, con altares tamén fermosos nos que predominan as ordes oxival e bizantina. Unha das capelas está dedicada a Santa Paderna, nobre dama natural desta freguesía, cuxas cinzas se conservan nunha arca ou sepulcro de cantaría, do século IX ou X. Esta capela foi restaurada en 1885.
Festas anuais: a do Patrón, San Xiao, o 7 de xaneiro; a Concepción, en maio; o Santísimo, en xuño; Santa Paderna, o domingo seguinte ao 19 de outubro; as Neves, o domingo seguinte ao 5 de agosto.
Nos Horros está a capela das Neves, sinxela e reducida, sen que ofreza especialidade ningunha. D. Eliseo de Silva, en Ribadulla, nun terreo seu unido á casa, ten outra capela, dedicada á Virxe de Granada. Na tenza da Veiga hai outra capela en ruinas que foi advocación de Santiago.
Outras particularidades: a tenza da Veiga data de moi antigo, posto que a habitaba, xa en 1546, representando ao Cabido, o cóengo D. Gerónimo de Córdoba. Este, coa mesma representación e no devandito ano, deu en foro o lugar do Bruñido. Despois, esta tenza foi vendida polo Estado en virtude das leis desamortizadoras e adquiriuna D. Francisco Javier Barros, da Estrada; actualmente pertence a D. José Colmeiro.
Dábase o nome de tenzas a certas porcións de terra e lugares que se sacaban a poxa entre os cóengos e beneficiados da Igrexa e adxudicábanse ao mellor ofertante con certos dereitos e atribucións no eclesiástico e civil, podendo os tenceiros presentar curas para as parroquias, poñer xuíces e escribáns e cobrar certos tributos e servizos.
O casal da Vila dos Horros foi traspasado o 16 de abril de 1450 ao Cabido de Santiago por Juan Alonso de Moimenta, «con todos as súas herdades, coutos, leiras, viñas, casas, prados, devesas, labradíos e montesíos.»
Antes da data citada xa existía o lugar de Moimenta, posto que unha herdade situada neste lugar foi doada o 8 de maio de 1187 por Pedro Muñiz Tacón e a súa esposa María Peláez á Igrexa de Santiago.
No lugar da Carballeira existe o «monte do Calvario», cuxa denominación data do ano 1760, en que se celebrou alí unha misión dirixida polo Padre Frai Francisco Antonio Colmeiro, quen deixou como recordo catorce cruces de madeira duns tres metros de alto cada unha, colocadas polo monte a conveniente distancia unhas de outras, de tal xeito que eran utilizadas para o Viacrucis que practicaron os fieis ata o ano 1830, en que as cruces comezaron a desaparecer debido aos temporais.
Na casa de D. Eliseo de Silva hai dúas camas que datan do século XVII; e un oratorio portátil do ano 1600 que, pola súa notabilidade, figurou na exposición de Santiago. Tamén posúe o devandito señor un magnifico relicario de prata do ano 1700 e ornamentos sacerdotais aínda en bo uso de finais do século XVII; do mesmo século ten un reloxo moi curioso e ben conservado.
No terreo dos Horros arraiga unha sobreira secular, tan corpulenta que nunha abertura que ten no tronco debida á vellez, métese unha rosquillera os días de festa para vender dende o interior as súas rosquillas. Esa árbore foi incluída na relación enviada ao goberno para o cumprimento do Real Decreto sobre Parques Nacionais.
Na parroquia que estamos tratando ten o seu asento o Couto dos Castros, fortaleza antiga onde houbo unha casa famosa coñecida por Vila de Moimenta. José Couto Remesar fixo escavacións no Couto e atopou feluxe, muíños de man, cimentación de muros, cazolas de cerámica antiga e unhas pulseiras de ouro. Frai Juan R. Legísima na súa notábel obra, «Héroes y mártires gallegos», na páxina 47, cita o cura de Arnois defendendo valentemente, á fronte dos seus fregueses, a independencia nacional ameazada por Napoleón. Este mesmo sacerdote asistiu á gloriosa acción de Ponte San Paio, á reconquista de Vigo e á de Compostela, cunha partida que levaba o nome de «Cruzada».
En Balboa, nas inmediacións do cruzamento das estradas de Santiago a Ourense e de Callobre a Ponte Ledesma, existe unha fábrica de serrar madeira, propiedade de Eugenio Brey; e moi preto hai un establecemento comercial e cartería.
Santa Paderna de Arnois foi nai de don Sisnando, bispo de Iria, e co seu esposo, o conde D. Hermenegildo, fundou no ano 952 o mosteiro de Santa María de Sobrado.
A este respecto di o Sr. López Ferreiro na súa Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago: «É posible que dona Paterna se retirase, para mellor recollemento, a algunha das solitarias igrexas ou conventos que posuía nas súas terras, por exemplo na Ulla, e non é de todo inverosímil que sexa a Santa Paterna de Arnois».
BALOIRA
Parroquia de 31 cabezas de familia e 173 habitantes, que dista da Estrada uns 7 quilómetros.
Baloira, en lingua rexional, significa “vara longa”, que se utiliza para sacudir as castañas; e é posible que antes se denominase Baloiras a parroquia que nos ocupa, por tratarse dunha localidade abundante en arboredo e ramaxes que adquiren considerable lonxitude.
Lugares: Baloira, Montoiro, O Cerdeiral, Cruces e O Agriño(24).
Montoiro equivale a “montículo”, “lugar nunha pequena altura próxima ao monte”. Cerdeiral debe o seu nome á abundancia de cerdeiras que alí había cando se fundou o casarío, e que aínda hai na actualidade. Cruces débeo a uns camiños de importancia que de antigo se cruzan alí. Agriño é un diminutivo de agro.
Lindeiros: norte, Santa Cristina de Vea; sur e oeste, San Xiao; leste, Toedo e Matalobos.
Vías de comunicación: a estrada de Vilapouca a Ponte Vea pasando pola Estrada, camiños veciñais antigos e mais a ponte chamada “de Baloira”.
Baña o territorio parroquial o regueiro que denominan “de Lavandeira”. .
Os veciños desta freguesía non teñen escola propia; pertencen ao distrito escolar de San Xiao. Hai na localidade unha asociación de agricultores.
No eclesiástico: Baloira estivo unida a Matalobos ata o ano 1867, en que quedou reducida a unha simple capela, e en 1875 restituíuselle o Santísimo Sacramento e demais atribucións que hoxe goza como anexo de San Xiao. Ten unha igrexa antiga e regular. Non hai moitos anos que desapareceu unha argola de ferro da porta deste templo. En tempos pasados, se algún delincuente alcanzaba a devandita argola, quedaba eximido da pena.
Festas anuais: a do Patrón, o Divino Salvador, que se celebra o 6 de agosto; o día seguinte, a do Santísimo e a de Santa Lucía o primeiro domingo de maio.
En termos desta parroquia, lindando coa estrada, hai dous establecementos comerciais.
Reciben o correo por Souto de Vea.
BARBUDE
Lindando con Paradela, sobre o río Liñares, está a parroquia de Barbude, que ten 50 cabezas de familia e 219 habitantes. Dista da capital do distrito uns 5 quilómetros.
Houbo un tempo, segundo documentos oficiais antigos, en que a parroquia que nos ocupa se chamaba Barbudo; despois por corrupción pasou a chamarse Barbude e hoxe por supresión escríbese Barbud. O nome primitivo adquiriuno dos Castros do Barbudo, que hai alí e que son famosos. Segundo a crenza que aquelas xentes van trasmitindo de xeración en xeración, dominaba en tales castros un home corpulento con longas barbas. Aínda hoxe, a pesar do transcurso dos anos e da extracción de moita pedra do cinto de defensa, presenta bo aspecto a fortaleza. A parte superior consiste nunha área circular, que chaman «Eira dos Mouros». No monte de San Martiño, onde o castro está situado, había catro penedos coa superficie labrada rudamente e escavados pola base, de xeito que amosaban uns ocos aos que se lles viña chamando «Fornos dos Mouros».
Barbude consta dos lugares de Trasmonte, San Martiño, As Carballas de Arriba e As Carballas de Abaixo.
A parroquia linda, polo norte, con Paradela e Ribeira; sur, Aguións; leste, Moreira; oeste, Santeles.
Vías de comunicación: a estrada do Estado da Estrada a Ponte Ulla e camiños veciñais antigos. Entre Aguións, Santeles e Barbude corre o río Liñares; a presa de Pina tamén discorre, en parte, por termos desta parroquia.
Os veciños de Barbude están inscritos na Sociedade de Agricultores de Paradela e pertencen ao mesmo distrito escolar.
No eclesiástico: Barbude é anexo ou filial de Paradela; ten por patrón a San Martiño, e existe alí unha capela, advocación do mesmo Santo, que, ao parecer, foi construída no século XII. O seu estilo é románico-bizantino.
Festas anuais: a do San Martiño e mais outra, a do San Lázaro, inaugurada recentemente.
Asegúrase que esa parroquia foi dominio dos frades de San Martiño de Santiago, e que a cambiaron á Sra. Dona de Paradela, para agregala a esta freguesía.
Fillo de Barbude foi o escribán D. Porto Carbón; da súa familia quedou D. Bernardo Eyo. Tamén foron de alí D.a Carmen Varela, D.a Petra Romero e o distinguido avogado que desempeñou os cargos de alcalde e xuíz municipal da Estrada, don Joaquín Porto; fillo deste é o mestre de primeiro ensino D. José Porto Romero.
Reciben o correo por Ribeira.
BARCALA SAN MIGUEL
Parroquia de 85 cabezas de familia e 378 habitantes, situada na aba do monte coñecido por Costa de Cabalos, a 15 quilómetros da Estrada aproximadamente.
En canto ao significado ou etimoloxía do nome desta parroquia, atémonos ao dito ao describir a de Santa Mariña, a súa filial.
Lugares: Retorta, Souto; Casa do Frade, Bumio, Paraño e Cimadevila(25).
Lindeiros: norte, río Ulla e Couso; sur, Santa Mariña; leste, San Xurxo; oeste, Herbón.
Vías de comunicación: camiños antigos e as pontes de Souto, Quintas e Paraño.
Baña esta parroquia o mesmo regato que cruza o territorio da súa compañeira, Santa Mariña.
No eclesiástico: ten por filial a Santa Mariña, por patrón a San Miguel; o curato é de entrada e presentan varios leigos.
A igrexa resulta regular. Hai por separado dúas capelas: unha ao Carme en Paraño; e outra á Mercede en Bandín, lugar da provincia da Coruña para efectos civís, e de San Miguel no eclesiástico.
Festas anuais: a do Patrón, o 8 de maio e 29 de setembro; a Mercede o 24 de setembro; a do Carme, variábel.
En sesión do Concello de data de 22 de xullo de 1847 faise mención dos males que os animais salvaxes causan nos montes de Barcala.
Hai na localidade unha cartería de recente creación.
BARCALA SANTA MARIÑA
Alá preto de Cesures e Padrón, a uns 16 quilómetros da Estrada, na aba do monte Teáns, está a parroquia de Santa Mariña de Barcala, que consta de 51 cabezas de familia e 236 habitantes.
Segundo o célebre historiador galego Verea e Aguiar, a denominación Barcala foi tomada do cartaxinés Amilcar Barca ou da familia Barcina. Outros historiadores aseguran que é palabra celta, con raíz bar, que significa “cume”, “cumio”. Por outra banda, se Barcala se escribiu nalgún tempo con “v”, como vimos en documentos antigos, atopámonos coa raíz var do grego, que pode significar “auga”, circunstancia moi de ter en conta porque por alí corre o caudaloso Ulla. Por último, cabe supoñer que Barcala veña das barcas ou barcazas, empregadas para cruzar este río.
Lugares: Igrexa e Trasande.
Lindeiros: norte, San Miguel de Barcala e San Xurxo de Vea; sur Frades e o Concello de Valga; leste, San Xurxo; oeste, Herbón e Requeixo.
Vías de comunicación: a estrada de Boimorto a Carril e mais camiños antigos: Hai unha ponte na devandita estrada.
Baña esta parroquia un regato que nace en Requián e desemboca no Ulla.
O ensino primario consiste nunha Escola Nacional servida por mestre, que xa funcionaba en 1856, a cargo do habilitado D. Francisco Antonio Iglesias.
No eclesiástico: Barcala ten por patroa a Santa Mariña; é filial de San Miguel e presentan para o curato varios leigos. A igrexa é reducida e moi antiga.
No punto coñecido por Caeiro, existe unha capela dedicada a San Xoán.
Festas anuais: a de Santa Mariña, o 13 de xullo; a de San Xoán, o 24 de xuño.
En sesión do Concello de data do 22 de xullo de 1847 alúdese aos danos que os animais salvaxes ocasionaban nos montes de Barcala.
Entre esta parroquia, Frades e Valga hai o «Campo da Armada», onde, segundo tradición, se librou unha grande batalla cando a guerra da Independencia. Despois dese campo hai o de Mouro Morto, próximo ao monte de Caldeirón.
Reciben o correo por San Miguel.
BERRES
É esta parroquia unha das máis importantes do noso concello. Consta de 177 cabezas de familia e 864 habitantes; está situada na zona da Ulla e dista da Estrada uns 9 quilómetros.
O nome de Berres (ou Berros) vén, segundo varias opinións, de berrar; e iso ten a súa explicación: polos límites da parroquia corre o río Ulla, non hai por alí ponte ningunha, e os dunha e outra banda comunícanse a berros, pois só así se pode facer ordinariamente. Tamén podía significar, pola súa raíz vasca “cousa nova”, pero non atopamos isto tan aplicábel ao caso como o anterior.
Para ter idea da antigüidade desta parroquia abonda asegurar, como podemos facer, que dependeu do mosteiro de San Xoán da Cova, desaparecido no ano 1571. O arquivo parroquial só chega ao 3 de xaneiro de 1669, data do bautismo de Alberto Ferradáns.
Lugares: Rocaforte, Berres, Celeiróns, A Igrexa, Mato, A Mouteira, Pazos, O Pereiro, Porto, Rabuñado, A Ribeira, Servide, Ulla, Vilancosta, Vilasusán e Vista Alegre(26).
Entrando en consideracións en canto á etimoloxía ou significado das denominacións que leva cada un destes casaríos, atopámonos con que o de Rocaforte está situado sobre unhas rochas moi duras e resistentes; respecto ao de Berres, xa queda dito o que podemos dicir; Celeiróns é aumentativo galego de celeiros, covas ou adegas que abundan moito na localidade; con respecto ao da Igrexa, sobran comentarios; Mato vén de matogueira, terreo cuberto de matas, arbustos, etc. Mouteira é en galego o mesmo que marco e vén de mouta; Pazos, pazos ou casas nativas; O Pereiro vén de pereira, árbore froiteira abundantísima na Ulla (neste caso débese o nome ao fundador ou primeiro aforante que tamén se chamaba Pereiro); Rabuñado, “rabuñado co arado”; Ribeira, “beira do río”; Porto e Servide levan por nomes os apelidos dos seus fundadores; do río próximo recibe a súa denominación o lugar de Ulla; Vilancosta, “vila en costa”; Vilasusán, antes Vilafusán, onde se facían antigamente fusos de fiar, aínda hoxe se fan por alí. Por outra parte temos un documento antiquísimo en que se le, Vilasubsán, coincidindo esta denominación coa situación en punto baixo, do casarío.
Lindeiros: norte, o río Ulla e o Riobó; sur, Moreira e Ancorados San Pedro; leste Riobó e Ancorados San Tomé; oeste, Ribeira, cun regatiño no medio.
Vías de comunicación: a estrada de Callobre a Ponte Ledesma, camiños veciñais antigos e as pontes de Xestoso sobre o Riobó, entre esta parroquia e Arnois. Tamén hai un pontillón no camiño real entre Vilancosta e Ribeira.
Bañan o territorio de Berres: o río Grande ou Ulla; o de Riobó; o regato que serve en parte de división con Ribeira e que se une con outro que baixa do lugar de Marque (nesta última parroquia), tomando despois o nome de río de San Vicenzo. Para atravesar o río hai algunhas barcas particulares de servizo deficiente, unha delas autorizada para o lugar da Ribeira en sesión do Concello en data de 27 de xullo de 1839.
O ensino primario consiste nunha Escola Nacional servida por mestre. En sesión do Concello de data de 31 de outubro de 1856, alúdese á escola de Berres e ao mestre D. José María Carbón. Antes dera clases alí D. Ramón Payo, de Orazo. Foi aprobado o expediente polo Ministerio para a creación dunha escola de nenas na localidade. Hai unha sociedade de agricultores con seguro de gando.
No eclesiástico: Berres ten por patrón a San Vicenzo; o curato é de entrada e pertence á Coroa para efectos do nomeamento de cura; antes fora do padroado do priorado de Santa María a Real de Sar. Ten, ademais do párroco, un coadxutor. A igrexa é boa e relativamente moderna; veu substituír outra que se arruinou por ser moi vella; desta procede a base dunha columna de orde xónica colocada sobre unha das paredes do lavadoiro que hai na horta da reitoral e na que se le: «Ano de 1133». Nunha casa do lugar do Pereiro hai unha pedra de bo tamaño cunha inscrición xeroglífica que non puidemos descifrar; din que procede do templo antigo. Na fachada do actual hai un letreiro que di: «San Vicente de Berres. Año 1741».
Ao lado da estrada, nun punto pintoresco, destaca a elegante capela do Amparo, construída hai poucos anos no sitio doutra máis reducida e que se foi arruinando debido á acción do tempo.
Festas anuais: San Vicenzo, o 22 de xaneiro; o Amparo, no último domingo de xullo e o 30 de outubro; Corpus, o domingo seguinte; San Silvestre, o 31 de decembro; Santo Antonio, o día seguinte de San Vicenzo; a continuación, o Rosario; San Xosé, o Domingo de Pascua.
Ten graza o que din aqueles paisanos en ton cómico, e que imos consignar: «Cortándolle o rabo ao gando o día da festa de San Silvestre non mosca en todo o ano».
Outras curiosidades: en termos do lugar de Porto, á beira da estrada, hai unha fábrica de serrar madeira, movida a vapor, que pertence á sociedade «Porto Neira e Compañía». Sufriu incendios que a reduciron a cinzas en dúas ocasións, pero foi restaurada.
Teñen os desta parroquia unha industria moi curiosa e estendida pola localidade, que é a de tornear. Os torneiros de Berres son sonados en moitas leguas á redonda; eles fan cos seus aparellos especiais o torneado en madeiras para camas e outros mobles, fabrican billas para os barrís en grande cantidade; moldean e preparan o punteiro, o rouco, a palleta, e demais elementos da típica gaita galega; fan fusos de fiar, etc. Distínguense nesas operacións Antonio García Barros, José Bernárdez, Ramón Fernández, Ruibal, Ferradáns, Francisco Louzao (ten un salto de auga que utiliza para mover o aparato) e outros.
O Sr. Murguía na súa Historia de Galicia di que en Berres viu o mineral chamado "asbesto", como continuación do que tamén se observa en Campo Marcio (Campo de Marte, campamento romano), localidade rica en curiosidades mineralóxicas pola súa estraña formación. Ese campo xa sabemos que está inmediato á Bandeira.
No lugar de Vilancosta está a casa señorial de D. Laurentino Espinosa, que foi alcalde da Estrada e é hoxe xuíz municipal de Moaña. Procedía esa mansión do Excmo. Sr. D. José Valladares, tenente xeneral do exército, e herdouna D. Marcial Valladares, ilustre galeguista, distinguido poeta e académico da lingua, que publicou varias obras, entre elas, o ano 1884, o importante Diccionario Gallego. A distinguida poetisa dona Avelina Valladares escribiu na casa de Vilancosta os seus notábeis traballos literarios e os seus versos amenos, inspirada cos asuntos da paisaxe ullá.
Os de Berres celebraron, haberá uns seis ou sete anos, unha Festa da Árbore moi importante, na que tomou parte activa o noso amigo D. Claudio Baloira.
Na Mouteira, á beira da estrada, hai tres establecementos comerciais e cartería.
CALLOBRE
Á dereita do río Liñares, nunha bonita paraxe, está a parroquia de Callobre, que consta de 135 cabezas de familia e 615 habitantes. Dista da Estrada uns seis quilómetros.
A antigüidade da freguesía non podemos determinala, pois os datos do arquivo parroquial, principal fonte de que dispoñemos, só se retrotraen ao ano 1686, É o chamado «Libro de bautizados, casados e defuntos», aberto polo párroco D. Antonio Blanco Portomarín coa partida de bautismo dun fillo de Domingo do Couto e Elena Montoiro. Outro dato dinos que esta parroquia xa existía en 1679, ano en que o escribán Núñez Monteagudo no lugar da Ponte de Santa Mariña de Ribeira, deu fe dunha escritura por medio da cal Anselmo da Hermida e Alberta Amiga, a súa muller, de San Miguel de Moreira, venden a herdade do Nabal, extramuros do lugar de Pousada, freguesía de San Martiño de Callobre, a Gregorio Touriño, da mesma freguesía. Con outros documentos deste último ano citado, demóstrase non só a existencia de Callobre con anterioridade á data do libro parroquial máis antigo, senón tamén que xa se chamaban como hoxe se chaman algúns lugares daquela localidade; que había entón escribán alí e se pagaban foros.
Consta a parroquia que nos ocupa dos lugares de: Os Loureiros, Figueira, Pousada, Friamonde, Coruxa, Nogueira, O Vilar, Casiña, A Aldea Grande, O Outeiro, A Riba, Cimadevila e Vilafruxil(27).
A orixe, significado ou etimoloxía da palabra Callobre, segundo opinións autorizadas é «vila». O Sr. Murguía dinos que «a terminación -obre é do celta e consérvase pura en bastantes nomes de Galiza, como Callobre». Non falta quen sostén que Callobre significa “rúa”, e pode suceder que sexa así.
A denominación dos lugares de Nogueira, Figueira e Loureiros ten orixe arbórea; os do Vilar, Cimadevila e Vilafruxil poden chamarse, con algo de liberdade, “viláns” e ademais, en canto ao último, cabe supoñer que nalgún tempo se tería chamado Vilafrugal, de vila e froita. O da Riba debe o seu nome a estar en situación alta; o da Aldea Grande á súa magnitude; o de Coruxa, á ave deste nome; o de Pousada, a que alí adoitaban parar os camiñantes antes de existir a estrada; Friamonde significa “punto frío”, ou talvez “frío do mundo"; Outeiro, altura.
Lindeiros: norte, Ancorados San Pedro; sur, Cereixo e Rubín; leste, Rubín; oeste, Lagartóns e Moreira. Hai en partes río interposto.
Cruza esta parroquia a estrada do Estado de Chapa a Carril, dándolle a importancia que é de supoñer; as demais comunicacións consisten en camiños ordinarios do país, con algunhas pontes e pontóns, como son os de Liñares e Viso, entre Lagartóns e Callobre; e o de Friamonde. A ponte do Viso comezou a construirse en 1861.
O río Liñares separa esta parroquia, en parte, das de Lagartóns e Cereixo; deste río derívase a importante presa de Valiñas, cuxas augas fertilizan moitos terreos. Tamén se deriva a auga que serve de forza motora á fábrica de serrar e cepillar madeiras que, inmediata á ponte Liñares, ten D. José Porto Louzao. Polo territorio de Callobre corre o regato da Fervenza, do que D. Manuel Torres Agrelo aproveita un salto para a súa fábrica de serrar e tornear. Este regato ten a súa orixe na parroquia de Curantes e desemboca no río Liñares por termos do Mollarrabo. Nun punto inmediato ao castro de Callobre hai un salto natural ou fervenza moi curiosa formada polo mesmo regato.
Non está descoidada a parroquia que describimos en canto a instrución primaria, pois hai escolas nacionais de nenos e nenas. Tamén cartería, estanco de tabacos e algúns establecementos comerciais.
En termos de Callobre, nas inmediacións da ponte do Viso, encóntrase o nacemento das augas medicinais de que se trata noutro lugar desta obra.
Edificios importantes e casas señoriais: a igrexa, de moderna construción, (mediados do pasado século), limpa e alegre, situada en punto pintoresco e terminada por unha espadana con dúas campás. O adro é espazoso e no seu recinto está o cemiterio construído recentemente a expensas dos emigrados callobreses de Cuba e Arxentina e dos veciños da parroquia; destaca alí o panteón (que, aínda que non é artístico, si é vistoso), propiedade da herdeira de D. Manuel Martínez. A cruz parroquial é de prata e ouro, moi artística, dominando nela o estilo gótico. Na faixa do friso lese: «Esta cruz se hizo siendo Rector de S. Mn. de Callobre D. Ignacio Manuel de Gayoso -1726». A casa reitoral é de construción sólida e ten amplos salóns con fiestras desde as que se contempla un panorama espléndido formado polas ribeiras do Liñares e limitado en parte polo Arnado e os montes de Arca e Xesteiras.
Fronte á estrada e preto da igrexa está instalada a casa escola, edificio feito hai poucos anos con fondos do vecindario mediante a iniciativa e dirección da Sociedade de agricultores que alí funciona e ten establecido o seguro «de gando».
Merece mención a casa dos Cervelas, chamada también de Baliñas, unha das de más antigo avoengo da comarca: a súa orixe pérdese nos tempos da Reconquista, pois os seus primitivos fundadores distinguíronse loitando contra o poder mahometano que despois do Guadalete invadira a Península Ibérica. Algúns historiadores aseguran que a Casa de Cervela é filiación da grande, antiga e ilustre Casa de Cervera, que en Aragón e Cataluña foi sempre condecorada cos cargos e dignidades principais daqueles reinos; outros queren derivala da de Cervia, unha das nove primitivas nobres de Cataluña; outros, da de Cervadelos, en Portugal. Sexa como for, hai que convir en que a Casa de Cervela é das más antigas e ilustres de por aquí, a pesar do tempo e do desleixo dos seus posuídores, que ocultaron a súa orixe e méritos. O brasón desta casa consiste nun escudo de armas en campo de ouro; unha árbore verde e, ao pé do seu tronco, unha cerva dando de mamar á cría; morrión ou celada con plumas, de perfil, mirando á dereita. Correspondeu a D. Juan Cervela, nado na freguesía de San Miguel de Albarellos, en Pazos de Arenteiro, a mediados do século XVI. Un dos seus sucesores, D. José Vázquez Cervela, foise para Madrid en 1786, entrou na Casa Real para a furrilería e chegou a desempeñar o cargo de Aposentador Maior da S. M. Fernando VII, quen o condecorou coas cruces de “Honor y Fidelidad” e a de Madrid. Obtivo tamén a distinción «Flor de Lis de Francia» e o título de “Caballero Noble Hijo Dalgo”, segundo resulta da executoria da Real Cancillería de Valladolid, conseguida en xuízo contraditorio coa Xustiza, Concello da Corte e Fiscal Real, o 27 de decembro de 1826. Actualmente a casa de Cervela está representada pola Sra. D.ª Visitación Lira, viúva do que foi notábel avogado, D. Julián Cervela. O edificio, de pouca aparencia polo exterior, está situado nun lugar delicioso, en termos de Vilar, nas inmediacións do río Liñares, xunto á ponte que comunica esta parroquia coa de Lagartóns. Hai, unida á Casa, unha capela advocación de San Bieito, hoxe pechada ao culto. Ao carón, loce unha sobreira corpulenta e milenaria, que causa admiración. D. Ramón Cervela cantouna en fermosísimas estrofas no ano 1851, con dedicatoria para a poetisa ullá D.ª Avelina Valladares.
Da composición poética entresacamos:
“Yo te envío mi saludo
arpa de las tempestades
que exhalas mis ansiedades
en tu ronco diapasón.
Gigante de los mil brazos
recuerdo de los titanes
que cantas los huracanes
con solemne entonación.
Salve, ¡oh, árbol!, que tus años
tal vez por tus hojas cuentas
[…]”
Dise que o delincuente que se acollía á casa señorial de Valiñas quedaba exento de pena.
No eclesiástico: Callobre ten por patrón a San Martiño; o curato é de entrada, presentación de D. Melchor de Sangro, e foi mixto do extinguido mosteiro cirterciense de Monfero e do Condado de Alminia. O persoal consiste nun párroco. Celébranse anualmente estas festas: a de San Martiño, o 11 de novembro; a de Santa Margarida, o 20 de xullo; e algunha outra menos importante.
Outras particularidades: o Concello da Estrada, en sesión de 6 de febreiro de 1840, acordou, por falta de local apropiado na vila, utilizar a casa do cárcere que tiña en Callobre a antiga xurisdición de Tabeirós.
Á beira da Aldea Grande érguese un castro antigo cunha planicie na parte superior. Outro castro algo menor existe en Friamonde.
Desta parroquia procedía a familia dos Paseiro, que ocuparon os cargos públicos do distrito na primeira metade do pasado século; un dos seus descendentes, D. Domingo Paseiro, aínda existe; outro, chamado D. Julián, foi médico notábel e director do lazareto de San Simón.
As hordas napoleónicas invadiron a parroquia de Callobre e, como o veciño Francisco Diéguez observou que roubaban canto podían, meteu nun saco o diñeiro e mais outros efectos que tiña, cargou con el ao lombo, colleu un pau na man e fixo correr os franceses ata a Rocha…, aínda que eles ían detrás!
O dito corrente de que: «xente de Callobre nin rica nin pobre», dá idea do estado económico do vecindario desta parroquia en relación co das do resto do Concello.
NOTA: con gusto facemos constar que nos auxiliou eficazmente na reunión dos datos anteriores D. Manuel García Barros, distinguido mestre de Instrución primaria. Súa é también esta:
OUTRA NOTA: nunha ocasión traballaba un home a xornal con outros varios e, á hora da comida, ao darlle o caldo, dixéronlle: “pan telo” (que xa tiña pan). E desde aquel momento ao aludido chamóuselle Pantelo; a este vocábulo o uso engadiu un n, transformándoo en Pantenlo; e absorbeu de tal xeito o apelido que hoxe ninguén coñece a familia nas súas varias ramificacións máis que por ese nome, que consideran xa como propio.
Hai na localidade establecementos comerciais e unha cartería a cargo de D. Salvador Souto.
CASTRO
Alá no confín nordés do concello, a uns 15 quilómetros da Estrada, está a parroquia de Castro, que se compón de 116 cabezas de familia e 573 habitantes.
Deu orixe ao seu nome un castro ou fortaleza inmediata ao lugar máis antigo e da mesma denominación.
A freguesía é, abofé, unha das máis antigas da comarca: a raíña Dª. Urraca no ano 1115, doou á Igrexa de Santiago a de San Miguel de Castro, «os seus servos e o seu carácter e o dereito de poñer alguacil e demás atribucións señoriais» (López Ferreiro, Historia de la iglesia compostelana, tomo III). Pero aínda hai outros datos, como veremos más adiante, que demostran o histórico da freguesía.
Lugares: Castro, San Miguel, Adoufe, Constenla, Prado, O Seixo, Bouzada, Ponte, Lagos, A Cova, A Alberguería, Nogueiriñas e A Silva(28).
En canto aos nomes que levan estes lugares, só ofrecen curiosidade os de Adoufe e A Alberguería por ser pouco comúns. Do primeiro ben pouco puidemos saber, únicamente a versión estendida e sen fundamento serio, de que alí houbo un escribán, que “deu fe”. Do segundo, pódese afirmar que alí se albergaban moitos peregrinos que ían a Santiago, e de aí, Alberguería.
Lindeiros da parroquia: norte, rio Ulla; sur Oca e Loimil; leste, Cira e oeste, Arnois e Ponte Ulla.
Vías de comunicación: a estrada provincial de Callobre a Ponte Ledesma e mais camiños rurais. Para pasar o río hai as barcas de Noente en Adoufe, de servizo público; e as particulares de Cacho, de Carrocha, de Santa Mariña, de Conde, dos Camiños e a de Sesto.
Os de Castro son ribeiráns do Ulla; bañan a parroquia os regatos de San Miguel (en Adoufe), o das Regas que vai á tenza da Veiga; o de Fontao, que nace en Castro e vai a San Miguel; o de Serra entre Castro e Cira.
O 14 de xuño de 1856 foi creada a escola de San Miguel de Castro, hoxe escola nacional atendida por mestre. Grande parte daqueles veciños pertencen a unha Sociedade de agricultores creada no localidade.
O 8 de maio de 1876 suprimiuse a escola de Castro e agregouse á de Arnois, no lugar de Cercido.
No eclesiástico: Castro ten por anexo a Cira; o curato é de entrada e pertence á coroa. Ten a freguesía por Patrón a San Miguel. Antes presentaba o mosteiro de San Paio de Santiago. A igrexa é unha das más antigas da diócese. O Sr. López Ferreiro, autoridade nestas materias, calcula que datará dos séculos VII ou VIII, e conserva a arquitectura primitiva. Á entrada do presbiterio hai un arco de ferradura apoiado sobre dúas columnas con fermosos capiteis de puro estilo románico; en 1783, o célebre escultor José Ferreiro fixo por encargo do conde de Altamira o retablo maior desta igrexa, pola cantidade de 4650 reais, atendendo ao deseño que deu Fr. Plácido Caamiña, mestre de obras do mosteiro de San Martiño de Santiago; ese deseño foi revisado en Madrid por D. Ventura Rodríguez, director de arquitectura na Real Academia de San Fernando. Ten o retablo un admirábel relevo que representa a loita de San Miguel. O estado de conservación da igrexa é moi malo. O señor López Ferreiro na Historia de la Iglesia Compostelana, tomo 7.°, título 2.°, páxina 390, consigna: «moi interesantes eran, indubidabelmente, polo menos desde o punto de vista iconográfico, os frescos con que pouco despois de 1520 foi decorada a vetustísima igrexa rural de San Miguel de Castro. Os muros desta pequeña igrexa, de estrutura completamente bizantina, tal como se usaba nos séculos VI e VII, achábanse na súa totalidade cubertos de pinturas recentemente descubertas polo seu celoso párroco Sr. Coto Ortigueira. Nestes inestimábeis cadros víase vivamente representada a vida, paixón e morte do Noso Señor Xesucristo. Era a Biblia posta á vista e alcance dos rudos montañeses daquela comarca».
Lemos tamén «o cura, Sr. Coto Ortigueira, descubriu máis tarde na zona superior varias pasaxes da vida de Santa Catalina, a súa disputa cos doutores, o seu martirio e a condución do seu corpo ao monte Sinaí; sobre o paso que dá ao presbiterio, o Xuízo Final.»
Tamén nos di o Sr. López Ferreiro: «desde fins do século XV a maior parte das igrexas viron cubertas as súas paredes de pinturas que representaban os martirios da relixión cristiá. Diso ofrece un curioso exemplar a igrexa de San Miguel de Castro.»
No punto coñecido polo Seixo, existe a capela de Nosa Señora da Angustia, fundada polos fregueses cos restos doutra capela que houbo na Alberguería, dedicada a Santiago, e que servía de albergue aos peregrinos.
Festas anuais: San Miguel o 26 de setembro; ao domingo seguinte ao 14 de xuño, o Carme; o Socorro, o 30 de setembro; San Antonio, o primeiro domingo despois do 13 de xuño; San Roque, o domingo seguinte ao patrón; na capela, o primeiro domingo después do 23 de abril; San Alberte, en agosto.
Unha das ladeiras do estreito de San Xoán da Cova está nesta parroquia; no castro ou campamento antigo que lle dá nome, dise que estivo a capela de Gundián. E a propósito desta capela debemos sinalar o estraño que resulta a súa pertenza a Santa María Madalena de Ponte Ulla, concello de Vedra, partido de Santiago, provincia da Coruña; a pesar de atoparse máis para acá do río e de ser este a natural divisoria entre aquela provincia e a nosa.
Entre Castro e Cira hai un punto coñecido por Atán, e conta o vulgo que debe o nome a que alí «ataban os mouros que habitaban o castro aos cristiáns que collían»: aínda hoxe este lugar conserva mala fama e inspira temor aos campesiños cando pasan por cerca. Atán en vasco significa “porta”.
Unha familiar dos Infanzóns de Oca contraeu matrimonio cun veciño de Adoufe.
Dominaba na parroquia a tenza da Veiga cos seus foros; tamén dominaba (e aínda domina algo) o marqués de Santa Cruz.
Hai na localidade unha cartería.
CEREIXO
Parroquia de 75 cabezas de familia e 410 habitantes, que dista da Estrada uns catro quilómetros por termo medio.
Cereixo é unha árbore froiteira moi coñecida e abundante na localidade, da que derivou o nome que leva a freguesía.
Lugares: Constenla, Señoráns, Quintas, Vilapouca, San Xurxo, Pernaviva, Mollarrabo, Os Piornos, Viso de Abaixo e Viso de Arriba.
O significado, orixe ou etimoloxía das denominacións destas aldeas é a seguinte:
Constenla: costa de pouca consideración en que está establecida a aldea. Señoráns, é dicir “señoróns” ou “señoríos”, pois alí, na antigüidade houbo pazos ou casas soarengas pertencentes a persoas poderosas. Quintas: punto onde se facía o alistamento antigamente, ou ben, quinta parte dos produtos que correspondían ao señor ou aos señores de Señoráns. Vilapouca, é dicir, «pouca vila», “pequeno casarío”. Cóntase de Pernaviva, por tradición, que había ao pé de Penacoba (Lamas) unha casa illada en que vivían tres famosos ladróns, coñecidos por “os de Rei”, e que a xustiza os fixo aforcar e despezar, seguindo os costumes de tempos remotos, para exhibir os seus membros colgados nos puntos de maior tránsito, cun rótulo en que se lía o motivo da execución; aconteceu que unha das pernas daqueles malfeitores foi colgada preto da confluencia dos ríos Curantes e Pego Negro e do cruzamento dos camiños de Pardemarín e o real de Soutelo de Montes á Estrada e, como semellaba que a tal perna se movía, impulsada polo vento, non faltou quen exclamase: «Perna-viva!...», e de aí o nome do lugar. Os Piornos debe o seu nome a que era un lugar en que abundaban as xestas. Viso, do latín visum, “boa vista”; non falta tamén quen asegure que Viso vén de veihsa, palabra dos godos, que significa “aldea”, “burgo”.
Lindeiros: norte, Callobre e Lagartóns; sur, Tabeirós e Vinseiro; leste, Vinseiro e Lamas; e oeste, Guimarei.
Vías de comunicación: unha estrada municipal que, partindo da do estado de Chapa a Carril, cruza a parroquia, dirixíndose, por Vinseiro, cara aos límites do Concello de Forcarei; os indispensábeis camiños rurais; as pontes de Cereixo e Pernaviva (construída a primeira en virtude de acordo municipal de data 6 de febreiro de 1840), e os pontillóns de Mollarrabo e Valiñas.
Ríos: bañan esta parroquia o Pego Negro, que nace na Somoza, compoñente do Liñares, co que baixa de Curantes, a reunirse no punto do Sallás, no lugar de Pernaviva.
Regatos: o de Constenla, que xorde en Frende; o de Mollarrabo, que ten orixe en Ouzande e desemboca no Liñares; e o de Larín, que nace en Fonte Piñeiro de Vinseiro e desemboca no Pego Negro.
O ensino primario está a cargo dun mestre nacional, que actúa en Quintas. Esta escola xa funcionaba en 1856, ano en que era mestre D. Manuel Rodríguez, de Aguións.
Hai na localidade unha asociación de agricultores, que ten a súa sección para seguro de gandos.
No eclesiástico: Cereixo é anexo de Vinseiro e ten curato de presentación da coroa e varios leigos. A igrexa resulta boa, despois dos arranxos e modificacións que se lle practicaron; ten dúas torres iguais, nova unha e ambas as dúas moi elegantes; a súa construción data da primeira metade do século XIX. Antes había no sitio unha capela dedicada ao patrón San Xurxo.
Festas anuais: a do patrón, San Xurxo, o 23 de abril (famosa en moitas leguas á redonda, pois até da Maía concorren romeus e devotos do Santo, con agasallos e ofrendas); a do domingo seguinte, chamada da Carne (tamén moi importante e de utilidade para a Igrexa, porque son moitos os xamóns, lacóns, cacheiras e peteiros de porco que se reúnen e poxan con requisitos tradicionais de gran curiosidade e entretemento; a da Angustia, ao domingo seguinte; a do Belén, ao domingo seguinte; e a de San Antonio, o 13 de xuño.
O actual Concello correspondía a Cereixo. Estivo instalado en varios puntos da parroquia, entre eles Señoráns e Pernaviva e levou o mesmo nome de Cereixo, até 1840, en que se lle deu a denominación de Concello da Estrada.
A parroquia dá un bo continxente de emigrantes, especialmente para Cuba, e hai que dicir na súa honra que resultan activos, competentes e aproveitados, ao extremo de que viaxando pola freguesía, obsérvase ben axiña un estado de adianto, cultura e benestar nos casaríos, urbanizados e luxosos.
Desta parroquia son: D. Manuel Nogueira, o noso querido amigo, que nas súas posesións de Quintas ten un fermoso garaxe e taller para os excelentes automóbiles que posúe; os Matalobos, distinguidos e cultos; o camarada Loureiro, incansábel traballador pola redención da súa terra; o director de El Emigrado, Sr. Otero Abelleira, moi útil, moi formal, todo un galego ben preparado; e outros moitos.
En Pernaviva hai establecementos comerciais e a parroquia conta con cartería.
Deixamos para o final unha nota amarga: o 21 de marzo de 1809, as aguias do Sena estenderon as súas negras ás sobre Cereixo, cubrindo a parroquia de loito. Opuxéronse os veciños con audacia e grande patriotismo á invasión francesa, perecendo na contenda, esburatados a balazos, Jacinto de Prado, marido de María de Porto; Ricardo Louzao; Luís Trigo, marido de Dominga Matalobos; Juan Louzao, marido de Dominga Nodar; Jacinto Trigo; Mateo Constenla; Ángela Riveira; Rosa Rivadulla e Manuela Riveira.
CODESEDA
Á caída do monte Arnado está a parroquia de Codeseda, de indiscutíbel importancia; como que é un dos coutos resumidos no actual Concello da Estrada; dista desta vila uns dez quilómetros e conta coa respectábel poboación de 267 cabezas de familia e 1504 habitantes.
O significado do nome que leva é «codeseira» (lugar abundante en codesos, cítisos, plantas de raíz vivaz, moi coñecidas no país).
A freguesía é das más antigas da comarca. Xa antes de fundarse o Bispado de Santiago (más tarde Arzebispado), no século IX ou principios do X, Sisnando, bispo de Iria, menciona nunha escritura “Codesión” (Codeseda), como tributaria para o mosteiro de San Sebastián de Pico Sacro; e, ao armarse cabaleiro en Compostela o rei D. Afonso VII, no século XII, doou ao seu leal partidario, Munio Pérez Tacón, o mosteiro e igrexa de San Xurxo de Augas Santas ou Codeseda, en Tabeirolos (Tabeirós). Así resulta dun tombo rotulado: «Posesiones y anexiones, folio 109; tenencia de Codeseda» (arquivo da catedral compostelá).
En bulas do Papa Anastasio IV e de Alexandre III, datadas o 8 de abril de 1154 e o 20 de marzo de 1178, confírmanse os privilexios e posesións da Igrexa de Santiago, entre os cales estaban a igrexa e mosteiro de Codeseda. No testamento de Dona Urraca Fernández, filla do conde Don Fernando Pérez de Traba, en 1237, menciónase Codeseda. O Sr. López Ferreiro, na súa famosa obra Historia de la Iglesia Compostelana, consigna: «o 23 de abril de 1410, celebrando cabido no Tesouro da Igrexa de Santiago, baixo a presidencia do Arcebispo D. Lope, vista a pobreza do convento de monxas beneditinas de San Xurxo de Codeseda, onde naquel momento só moraban a abadesa Dona Teresa Arias e a monxa Inés Rodríguez, despois de prudente e razoada deliberación, uniu o devandito convento, cuxa provisión pertencía á Mitra, á Mesa Compostelá, para que as rendas que del procedesen, se distribuísen entre os beneficiados que asistisen a matíns, aínda que coa obriga de deixar as dúas monxas congrua suficiente para vivir no mosteiro».
O convento estaba instalado nun edificio que aínda existe e que se denomina «Casa da Tenza». Subsistiu o mosteiro até principios da décima sétima centuria.
Lugares de Codeseda: Abragán, Fragoso, Os Currelos, Xubrei, Monteagudo, Insuela, Fornos, As Quintas, Barro, Devesiña, A Sagrada, A Devesa, Fontenlo, O Codesal, Filgueiras, Marcenlos, O Outeiro, A Agrela, Bugalleira, As Bouzas, O Coto, A Portela, Vilaboa e Campos(29).
A título de curiosidade imos dedicar unhas liñas ao significado ou etimoloxía dos nomes dalgúns deses casaríos, sen esquecer que moitas veces débenos a casos estraños e fortuítos. Por exemplo, Abragán, que parece que equivale a “grande abertura entre montañas”, ben pode ter por orixe da súa denominación outras causas. En canto a Fragoso, xa pode dicirse, con algo máis de seguridade, que se chama así por estar situado en terreo desigual, cheo de malezas e matogueiras. Respecto dos Currelos, pódese supoñer, debido á súa raíz vasca e a xulgar por varias opinións, que significa “ouro” ou “terreo produtor de ouro”; pero parécenos más atinado pensar que o nome é derivado de “curro”, superficie non cultivada, pechada sobre si mesma, en círculo. Xubrei, “enxurrada, arroiada, auga barrenta ou suxa, xurro, zurro”. Insuela, “ínsua pequena, illa”. Fornos, cun significado evidente. Quintas, punto onde se facía o alistamento antigamente ou quinta parte dos produtos, que correspondía ao señor; xa en tempos de Xelmírez pagáronlle a quinta parte da presa collida coas galeras construídas ás súas expensas, en Iria (Padrón). Barro, en terreo barrento. Devesiña, diminutivo de devesa. O lugar da Sagrada debe o seu nome ás beneditinas que pertenceron ao mosteiro.
Fontenlo, denominación alusiva a fonte pequena. O Codesal, “codeseira, terreo onde abunda o codeso”; o nome desta aldea reforza o significado que aplicamos a Codeseda. Filgueira, “lugar ou sitio abundante en fentos ou fieitos”. De Marcenlos nada podemos dicir con seguridade: virá de Marco Marcelo, grande capitán romano que por aquí andou?; así o di Frei Felipe da Gándara, da orde de Santo Agostiño, no seu nobiliario «Armas y triunfos de Galicia», nunha escritura do ano 1587 outorgada perante o escribán Xoán de Morgade. Chámaselle “Marcelos” e o mesmo noutra de 29 de xuño de 1637 ante Agustín de Castro. O Outeiro, situado nunha altura. A Grela, sería Grelo nalgún tempo?; neste caso significaría “gromo do nabo". Bugalleira, “terra de bugalla”, herba do pobre que florece en maio. As Bouzas, “terreo de moita maleza ou matogueira”. A Portela, de porta, “pasadizo dunha a outra parroquia, xurisdición ou concello”. Con Vilaboa e Campos non cansaremos a atención dos lectores.
Lindeiros: norte, Ribela e Parada; sur, Quireza e Sabucedo; leste, Ribela e Quintillán; e oeste, Arca e Souto.
Vías de comunicación: as estradas de Vilapouca a Ponte Vea, pasando pola Estrada; e a de Codeseda ao Campo; as pontes: da Pedra, a de Barro e os pontillóns da Devesiña, do Codesal e Regueiriño, Abragán, Fragoso, Campos e As Quintas. Hai ademais os indispensábeis camiños rurais.
Bañan esta parroquia o río Umia e o regato de Campos, que nace nas Quintas e en Insuela.
O ensino consiste nunha escola nacional de nenos e outra de nenas. Xa en 1856 había escola en Codeseda, a cargo de D. José Castro Cortés.
Os labradores da localidade teñen unha Sociedade e un Sindicato agrarios.
No eclesiástico: Codeseda ten por patrón a San Xurxo; o curato é de entrada, presentación do Cabido; está servido por un cura e un coadxutor. A igrexa é boa, con dúas torres moi elegantes. Na Agrela existe unha capela, advocación a Nosa Señora de Guadalupe; hai en Monteagudo outra Capela a San Brais e en Quintas a de San Roque.
O cóengo Sr. Del Hoyo, Visitador da Arquidiócese polo arcebispo D. Maximiliano de Austria, nas súas «Memorias del Arzobispado de Santiago», manuscrito do Arquivo da Mitra Compostelá, no folio 458, fixo a copia dunha interesante inscrición relativa á fundación da Igrexa de Codeseda «cuxas letras están escritas en dúas pedras xunto á porta colateral da Epístola». A devandita igrexa é románica e ten unha magnífica ábsida, do mellor de Galiza no seu estilo, segundo opinan os intelixentes.
Festas anuais: San Xurxo, o 23 de abril; o Carme, o 24 do mesmo mes; ao día seguinte, San Xosé; Corpus, no seu día propio; San Antonio, o 13 de xuño; San Roque, o 16 de agosto; o primeiro domingo de outubro, o Rosario; Nosa Señora de Guadalupe, o 8 de setembro; Santa Lucía, o 13 de decembro; os Reis, o 6 de xaneiro; San Mauro, o 15 do mesmo mes; e San Brais, o 3 de febreiro.
Outras particularidades: unha peste que asolou varias comarcas no mes de outubro de 1567 invadiu tamén Codeseda, causando enormes danos.
A mediados de 1600, estando nesta parroquia o arcebispo Sr. San Clemente, nomeou ao bispo de Osiry, fuxido de Irlanda, Arcediago da Raíña na Igrexa Compostelá.
En acta da sesión do Concello, con data 12 de decembro de 1839, consignouse que os carlistas, en número de trinta, ao mando do líder Villanueva, invadiron a parroquia, cometendo varios excesos, entre eles o de mallar sen compaixón nun veciño inocente.
O mesmo Concello, levantando acta da sesión de 22 de xullo de 1847, alude aos males que os animais salvaxes causan nos montes de Codeseda. A propia Corporación, o 27 de xullo de 1860, acordou a reparación da ponte de Abragán, sobre o Umia. O 12 de outubro seguinte, a instancia de D. Juan García, o ensanche da feira a expensas da leira Trigueira. O 14 de outubro de 1864, o arrendo dos estercos da aludida feira, comisionando para levalo a efecto a D. Juan García e outro. En sesión de dita Corporación, en data de 17 de marzo de 1885, fálase do ensanche considerábel dado ao campo da feira; aclárase que viñan celebrándose feiras os segundos domingos de cada mes e acórdase a creación doutra para celebrala os cuartos domingos. Esas feiras aínda existen e son de bastante afluencia e importancia; constitúen unha fonte de riqueza para a localidade e debido a elas, principalmente o lugar da Sagrada, onde se realizan, vai adquirindo aspecto de vila.
De Codeseda foron D. Juan García e D. Cayetano Taboada, persoas distinguidas e podentes; sucedeu ao primeiro a súa filla única, D.ªAnuncia García, esposa do avogado e deputado provincial D. Benjamín Lois. O Inspector Provincial de Hixiene Pecuaria, D. José García Buela, también procede de Codeseda. De alí era médico, en 1890, D. Manuel Moreiras Balado; despois, en 1893, foi D. José Valentín Cobián; e é actualmente, D. Manuel Leyes Posse.
Hai nesta parroquia varios establecementos comerciais e cartería.
CORA
Na zona de Vea, cara o río, está a parroquia de Cora, que consta de 117 cabezas de familia e 485 habitantes. Dista da Estrada uns 10 quilómetros por término medio.
Cora, segundo o Sr. Murguía, é nome céltico, cuxa partícula inicial significa “promontorio”, “altura verde”, “lingua de terra”, e pregoa a orixe da nosa raza. Máis acertada parécenos para esta parroquia a opinión do Sr. Verea e Aguiar, afirmando que Cora procede do grego e significa “monte” ou “río”; porque, efectivamente, monte non falta e o río existe. Pero también pode suceder que Cora veña de acorar, “abafarse, sufocarse”, non poder respirar nos profundos relanzos do caudaloso Ulla que baña a freguesía e no que é notorio que pereceron moitas persoas afogadas. Por outra banda, temos na nosa lingua a palabra corga ou corgo, que leva a mesma raíz que Cora e significa “poza” ou “laga”; e quizais non sexa atrevido supoñer que de aí vén o nome da freguesía de que falamos.
Lugares: Sieiro, Carbia, Piñeiro, Barro, Cora e Vilacriste.
Sieiro, por ter raíz grega, pode significar “cribo”. Vilacriste significa, indubidabelmente, Vila de Cristo, denominación que lle deron uns frades que houbo na localidade hai moitos anos, tantos que xa en 1348 o Arcediago de Raíña lega no seu testamento, ao Cabido de Santiago, o casal de Vilacriste.
Lindeiros: norte, río Ulla; sur, Santa Cristina de Vea; leste, Santeles; e oeste, Couso e San Xurxo de Vea.
Vías de comunicación: camiños rurais en mal estado, excepto o chamado da Gándara, que foi arranxado e quedou, na súa maior parte, ben; a ponte de Cora; a Ponte Nova, en Vilacriste; e dous pontillóns en Sieiro. Tamén hai neste lugar unhas barcas para cruzar o río, que son de Manuel Cora e facilitan o paso para as feiras de Lestedo, Santiago e outros puntos.
No ano 1856 xa había nesta parroquia escola de ensino primario, á fronte da cal estaba D. Francisco Conchas. Hoxe teñen aqueles veciños escola nacional servida por un mestre.
Funciona también alí un sindicato agrícola, con seguro de gandos, que data do ano 1903.
Xa queda indicado que o río Ulla corre polos límites de Cora. Bañan tamén o territorio desta parroquia os regatos de Vilacriste, que nace no monte Xesteiras e desemboca no devandito río polo punto de Resollo; e o de Cora, que xorde na Torre de Santa Cristina, pasa a devesa do Rei e también desemboca no Ulla. Con ambos os regatos fertilízanse varios terreos.
En canto á antigüidade da freguesía, puidemos obter o seguinte dato: o ano 1276 otorgou testamento D. Gonzalo Ruíz de Bendaña e nel figura, como testemuña, Arias Moogo, clérigo de San Miguel de Cora.
No eclesiástico: o curato é de entrada; ten un cura. Até mediados do século XVII, Cora foi anexo de Santa Cristina de Vea; eran os racioneiros de Sancti Spiritus os encargados de atendela espiritualmente e para iso tenían vicarios, postos pola mesma orde; o último que houbo foi D. Ramón Calvo, que tomou posesión en febreiro de 1850 e finou en 1869; despois servírona curas. O patrón é San Miguel e actualmente a presentación pertence á Coroa. A igrexa é un edificio de escasa importancia entre os da súa clase.
Festas anuais: San Miguel, o 29 de setembro; o día seguinte, San Antonio; o domingo seguinte, o Carme; a Concepción, o 8 de decembro; e o Sacramento, o segundo domingo de xullo.
Outras particularidades: En Vilacriste hai un importante manancial de augas medicinais, do que se falou noutro lugar.
A parroquia de Cora sufriu, como outras varias, os rigores da invasión francesa a principios do século pasado. Desde o monte de Pías a Vilacriste, libráronse dúas importantes batallas. Nunha delas morreu un xastre de Parada, chamado Carlos Díaz. A maior parte dos veciños abandonaron as casas, levando o gando para unha leira oculta ao pé do río, pois todos os animais que os franceses atopaban ao seu paso e que lles servían para aproveitarlles a carne ou para o tiro, levábanos, co obxecto de alimentar a tropa e de arrastrar os vehículos con elementos de guerra.
No século pasado, a maior parte da nuda propiedade(30) de Cora pertenecía á familia compostelá, oriúnda de Algeciras, que tiña o seu escudo na fachada da casa de Bacariza de Santiago. Un deses familiares era D. Severino Ballesteros del Mazo y Francá.
No lugar de Cora, na casa que hoxe é propiedade de José Varela López, estivo o cárcere da xurisdición de Vea; despois pasou ao lugar da Torre, na casa que actualmente pertence aos herdeiros de Miguel Porto. Dos presos coidaban os veciños, por quenda. Unha casa do propio lugar de Cora, de que son donos Manuel Francisco Touceda e outros, parece que serviu de residencia a uns frades. Ben preto hai uns labradíos que conservan a denominación de Agro do Frade.
También pertence aos termos da parroquia, un illote no río, no que houbo unha fortaleza coñecida antigamente co nome de “Torre dos mouros”, e dela aínda se conservan os alicerces. A cantería labrada do forte pasou a servir de material de construción para algunhas casas de Cora. Ao pé do illote ten o río unha profundidade enorme e a fantasía popular di que se comunicaban subterraneamente os habitantes da Torre cos do Pico Sacro. Por tal torre pagábase renda ao marqués de Monte Sacro, e un ano de fame, o de 1852, como os de Cora non puideron pagala, anticipouna Francisco Touceda, e así constituíuse en dono do dominio útil. O illote ten uns tres ferrados de extensión superficial, está poboado de árbores e chámanlle hoxe Torre da Ínsua.
Aínda non hai moitos anos que pagaba a parroquia de Cora a Santiago máis de cincocentos ferrados de renda. O marqués de Monte Sacro cobraba moita, e a el sucedeuno D.a María Balbanera Izquierdo y Zárate, esposa do marqués de Figueroa.
Os de Cora reciben o correo por Souto de Vea.
COUSO
Lindando coa Ponte Vea, camiño de Santiago, encóntrase a parroquia de Couso, con 70 cabezas de familia e 353 habitantes. Dista da capital do distrito uns doce quilómetros.
Couso (cautes en latín), significa “rocha”, “penedo”, “fragueiro”. Tamén era Couso, un cabo consagrado a Saturno. Couso en castelán é coto.
Da antigüidade desta parroquia algo pode xulgarse polo Arcediago de Raíña, D. Nuno González de Bendaña que, no seu testamento, outorgado o ano 1348, legou ao cabido de Santiago herdades na freguesía de Couso, gañadas a Alfonso Domínguez.
Lugares: Fontenlo, Barco, Couso, Maíndo, Sequeiró e O Castro(31).
Fontenlo ou fontenla, “fonte pequena”, da que se deriva o nome deste lugar. Barco, paraxe inmediata ao río, onde había unhas barcas para cruzar este. Maíndo, antes maínzo, “terreo apropiado para esa planta gramínea”. Sequeiró, antes Sequeiro, “de secaño ou seco”. O Castro recibiu o nome da antiga fortaleza que aínda existe alí.
Lindeiros de Couso: norte, río Ulla; sur, San Xurxo de Vea e San Miguel de Barcala; leste, Cora; e oeste, tamén San Xurxo de Vea e San Miguel de Barcala.
Vías de comunicación: a vía do Estado da Estrada a Santiago cruza a parroquia que nos ocupa; hai os indispensábeis camiños rurais e a famosa Ponte Vea, metade da cal pertence a Couso. Trátase dunha fermosa ponte romana con seis arcos, que tivo un papel importante durante a guerra da Independencia; houbo necesidade de cortala para que as tropas de Napoleón non puidesen pasar o río, inutilizándolle un arco, que foi reposto no ano 1822. O 4 de maio de 1843 o Concello ordeou unha nova recomposición e levouna a efecto en 1845 Manuel Touceda.
Ten esta parroquia escola nacional servida por un mestre e unha sociedade de agricultores.
No eclesiástico: O curato é de entrada, servido por un párroco; ten por patroa Santa María; presentan o convento de Belvís e varios leigos. A igrexa primitiva, situada no punto da Xesteira, era de malas condicións, teito moi baixo e unha soa fiestra moi pequena; roubábana con frecuencia e, a tal extremo chegou o escándalo, que en certa ocasión os ladróns non só levaron efectos depositados no interior, como o copón, senón que cargaron coa campá. En 1781 foi autorizado o párroco don Francisco Javier López Acebedo para construír a nova igrexa, co beneplácito das monxas de Belvís, e comezou a obra. Ao ter feito o presbiterio, en 1782, o párroco trasladou o Santísisimo e mais as imaxes; a totalidade do templo rematouse en 1848. Componse da capela maior e dúas laterais, sancristía, corpo principal e torre, con bóveda de cantaría e arco de medio punto. É regular e de bo aspecto, aínda que a súa arquitectura nada ten que admirar.
Festas anuais: Santa María, o 15 de agosto; e o Rosario, o día primeiro de outubro.
No arquivo parroquial existen datos do século XVI, dos cales parece deducirse que a freguesía foi fundada, a principios do XIV, por un individuo casado, que tivo tres fillos: un varón e dúas mulleres; estas profesaron no convento de dominicas de Belvís (Santiago) e o varón casou en Cora, onde o seu pai tiña bens de fortuna. A dous fillos dese descendente do fundador de Couso comínaselles, nunha visita, para que recompoñan a igrexa en unión do convento.
Outras particularidades: os franceses, que teimaban en pasar o río Ulla pola ponte, asasinaron: o 12 de febreiro de 1809, a Francisco Balado, marido de Antonia Estévez, do lugar de Couso; o mesmo día, Pedro de Otero, marido de María de Pazos. Hai outra partida de defunción no arquivo parroquial, que literalmente di: «En 13 de febreiro do ano 1809, dentro desta parroquial igrexa de Santa María de Couso, deuse sepultura, nunha de tres reais, a un cadáver incógnito que se encontrou morto no campo ou sitio onde estaba pelexando cos franceses. O seu aspecto: mediana estatura fraco, calvo e con dentamia e, para que conste, asínoo =ut supra= Juan Ortega».
En Sequeiró hai un cruceiro antigo, de mérito artístico, á beira do que pasaba a vía que era chamada vulgarmente «Camiño francés», de Santiago a Cuntis. Por Barco, Vilacriste e a Gándara, pasaba o camiño real da Estrada a Santiago.
En Maíndo existe a casa señorial, procedente do conde de Ximonde, co seu correspondente escudo no exterior. Unha filla dese Conde, Dª Gumersinda Puga, contraeu segundas nupcias co que foi catedrático da Universidade de Santiago, D. Jesús Nóvoa; dese segundo matrimonio houbo unha filla, actual esposa do Comandante de Infantería D. Salvador Lissarrague Molezún, que actualmente disfruta desta propiedade de Maíndo. No río teñen eses señores unha canle ou pesqueira, onde recollen con frecuencia saborosas troitas, anguías e outros peixes.
O castro inmediato ao lugar do mesmo nome e próximo también ao río, ocupa un punto estratéxico, e pénsase que estivo destinado a controlar o paso por alí en tempos de guerra. Non moi distante, existe no río unha canle ou pesqueira de comuneiros.
Non falta xente, especialmente da Estrada, que en días de lecer fai excursións á zona de Vea, para merendar troitas en Ponte Vea, que son famosas.
Os de Couso reciben o correo polo Souto de Vea.
CURANTES
Parroquia de 99 cabezas de familia e 540 habitantes, situada na aba oriental do monte da Rocha ou de San Sebastián e distante da Estrada uns 10 quilómetros.
Conta a tradición que na localidade houbo outra freguesía de distinto nome e que, despois de suprimida, aquelas xentes non deixaron de reclamar a constitución da actual, fundándose sempre en que xa tiñan “cura antes”; e a iso atribúese o nome de Curantes. Mais, por outra banda, atopámonos con que na parroquia hai o antiquísimo lugar de Esmorís, denominación que provén, segundo o Sr. Murguía, do culto a Esmoum, deus da medicina, ao que se encomendaban os enfermos para “curar antes”, e non falta quen opine que niso tivo orixe a palabra Curantes.
Lugares: Pousada, Esmorís, Sinteiro, A Barreira, Cortes, Curantes Novo, Curantes Vello, O Porto, A Nogueira, As Pereiras, San Martiño e O Fieitoso.
Lindeiros da parroquia: norte, Agar, Orazo e Moalde; sur, Olives; leste, Moalde; e oeste, Rubín e Lamas.
Vías de comunicación: camiños rurais e pequenas pontes, unha entre Curantes Novo e Curantes Vello; dúas en Pousada; a de Retorta entre Sinteiro e As Pereiras, e outra no Foxo dos Lobos. Polo territorio da parroquia había un antigo camiño que utilizaban os arrieiros para transportar viño do Ribeiro a Santiago e paraban en Pousada moitas noites; de aí o nome do lugar.
Bañan Curantes os regatos de Ponte Retorta, que xorde en San Martiño e desemboca en Rubín; e o de Pontillón, que nace na Nogueira e incorpórase ao anterior, no punto de Serrao.
No eclesiástico: Curantes ten por patrón a San Miguel; o curato é de entrada e pertence á Coroa. Antes era padroado do mosteiro de Acibeiro, fundado en 1135 por Afonso VII. A igrexa, que resulta bastante boa, é moderna. En Pousada hai unha ermida en ruínas, que estivo dedicada a Nosa Señora da Paz.
Festas anuais: San Miguel, o 29 de setembro; San Roque, o 30; Corpus Christi, no seu día; San Antonio, o domingo seguinte ao 13 de xuño; ademais de algunha outra variable.
Na casa que hoxe é de José Suárez, houbo un cóengo. Aínda presenta o edificio aspecto señorial. Na parte superior existe unha estatua de pedra, de aspecto estraño e grotesco, que semella a figura dunha muller coas mans na cabeza: o vulgo chámalle “a Nugalla de Recarei. En Esmorís, na casa de Brea, dise que también houbo uns cóengos.
Os de Curantes teñen cartería.
A ESTRADA
Ao describir a vila sinalamos o número de habitantes, que é o que tamén corresponde á parroquia cos seus casaríos diseminados de Figueiroa de Arriba, Figueiroa de Abaixo, Rodeiro, Regueiro, O Pedregal, Vilabrasil e Vilar(32).
Linderos: norte, Aguións, Santeles e Toedo; sur, Ouzande e Guimarei; leste, Guimarei, Lagartóns e Aguións; e oeste, Ouzande e Matalobos.
No eclesiástico: nun incendio no ano 1855 quedou completamente destruída a igrexa de Figueiroa, feito que aproveitaron os estradenses para apropiarse da capitalidade municipal. Con este fin, apresuráronse a construír a actual igrexa da vila. Finalmente, conseguiron o seu obxectivo en 1859 despois de non poucos incidentes e enfrontamentos. Extinguida a freguesía de Figueiroa, quedaron os veciños deste punto dependendo da Estrada. Ouzande, a pesar dos intentos de anexión, foi manténdose independente ata 1869, data en que tamén pasou a depender da Estrada, como acontece hoxe. É o noso patrón San Paio, cuxa festividade se celebra o 26 de xuño de cada ano. O curato, presentación do marqués de Santa Cruz e outros, é de termo, e está servido por un distinguido párroco, D. Nicolás Mato Varela, e por un coadxutor.
FRADES
Parroquia de 61 cabezas de familia e 287 habitantes, distante da Estrada uns 13 quilómetros por termo medio. Está situada na aba oriental do monte da Bragada, desde onde se enxerga un grande panorama que comprende todo o val de Vea ata os confíns de Santeles, e a nosa vila.
Uns frades instalados antigamente na localidade deron o nome á freguesía, que nada ten de moderna, aínda que, en canto a datas de antigüidade, só podemos dicir, por falta doutros datos, que en 1640 xa figuraba como filial de San Xurxo de Vea.
Lugares: Frades, Requián, Chaín, Casalpaio, Subión de Arriba e Subión de Abaixo, O Vilar e Vilariño.
Pescudando en canto á orixe ou significado do nome destes lugares, diremos que Requián procede do latín e significa “descanso” ou “lugar de descanso”, onde descansaban os frades fundadores da parroquia. Chaín ten raíz celta: chaan, “outeiro”, e efectivamente, a aldea ocupa un outeiro. Casalpaio, “casa de Paio”, fundador do lugar, segundo cartas forais. Subión, “en subida ou costa”, como así se observa; aínda que non falta quen opine que é palabra vasca e que significa “cobra”, é dicir, lugar onde abundan eses réptiles asubiantes.
Lindeiros: norte, San Xurxo de Vea e Santa Mariña de Barcala; sur, monte de Portela (Cuntis); leste, San Andrés de Vea; e Oeste, o Concello de Valga.
Vías de comunicación: consisten en camiños rurais antigos e malos. Un pequeno regato sen nome especial baña esta parroquia.
En sesión do Concello, con data de 22 de xullo de 1847, trátase dos males que os animais salvaxes causan nos montes de Frades.
No eclesiástico: xa sabemos que é filial de San Xurxo. Ten por igrexa unha verdadeira perla, non de moita capacidade, pero de puro estilo gótico-románico, datada no século XII. Está moi ben aseada e conservada e ten dous rosetóns típicos ou propios daquela arquitectura notábel. Interiormente os arcos oxivais dan ao edificio un carácter suntuoso; as columnas iguais, da orde composta, no centro; as de capiteis desiguais, también da orde composta na tribuna e presbiterio, forman co resto da edificación un conxunto admirábel. Á esquerda do altar maior lese: «se hizo este altar por devoción de los feligreses de esta parroquia contribuyendo con una grande parte don Ignacio Rey». Á dereita do mesmo altar tamén se le: «Se pintó este altar por devoción de D. Ignacio Rey y Sra., residentes en Cádiz, San Fernando, siendo cura D. José Calviño, 1895».
Festas: Santa María, o 15 de agosto; a Presentación, o 21 de novembro; os Milagres o 28 de agosto; a Piedade, o 29 seguinte.
Noutros tempos, segundo opinión xeral, Frades foi independente de San Xurxo. No adro, acantoada, hai unha antiquísima pila bautismal, talvez en uso naquela época. No ángulo que forman as paredes de sur e leste, á altura do peito dunha persoa de regular estatura, hai unha pilastra con orificio de entrada e saída, que tiña por obxecto, segundo vulgarmente se di, facilitar o amarre dos ramais das cabalarías das persoas importantes mentres oían misa.
En Requián hai a capela dos Milagres, sen que ofreza más especialidade que a de ser vetusta e antiquísima.
Dominaban nesta parroquia os señoríos de Novoa, antes Condado de Ximonde; e o marqués de Castelar.
O Concello, en sesión de 15 de marzo de 1856, tratou do nomeamento de D. Francisco Antonio Iglesias para mestre de Frades e Barcala.
Os de Frades reciben o correo por Souto de Vea
GUIMAREI
Parroquia lindante coa Estrada, de 146 cabezas de familia e 788 habitantes.
Uimarei, Vimarei e Vimarey; destes tres modos vimos escrito en documentos antigos o nome da freguesía, e iso serviunos de base para deducir o significado, que é: “punto ou localidade de vimieiros, onde abundan os vimbios”. De bimar ou binar (dar segundo labor ás terras) también puidese vir Guimarei ou Bimarei.
Lugares: A Torre, A Painceira, A Costa, Algalia, Outeiro, Campos, Gudín, A Cruz, San Xiao, Xerlís, A Torrevella, O Cogoludo, Rial, A Devesa, Veiga de Abaixo e A Cardavella(33).
Os foros do lugar da Painceira teñen todos millo miúdo e paínzo, o cal demostra que o terreo produce esa gramínea, e de aí o nome do casarío. O significado de Algalia é, “posterior”, “baixo”, aplicábel ao caso. Torrevella, por unha torre que alí houbo. Rial está ao pé dun regato. Cardavella, “onde a vella cardaba la”.
Deixamos para último lugar A Torre, que ten a súa importancia histórica, porque a tal torre ou fortaleza antiga aínda está en pé e o mesmo a casa señorial que lle deu orixe. «Da casa de Vilar de Paio Muñíz en Corneira, arciprestado de Barcala, era o ilustre señor D. Melchor Mosquera de Sotomayor Villar y Pimentel, señor da casa de Guimarei, do couto do Viso e Cruz de Merza, administrador xeral pola súa Maxestade da Real Fábrica de Salinas de Galicia, mordomo más antigo que foi do Serenísimo D. Juan de Austria». O mesmo D. Melchor, en decembro de 1692, outorgou carta foral, titulándose dono e señor da Torre de Guimarei, couto e xurisdición do Viso. Aínda se conservan no escudo colocado sobre a porta principal, dúas inscricións que din: «Villar». En tempos antigos aquela mansión señorial debeu ser moi importante, a xulgar polos vestixios de extensas edificacións que se ven sobre o terreo. Cóntase que todo iso o incendiou Pedro Madruga, nunha das súas andanzas, co afán de que só quedase en Galiza a súa casa de Soutomaior para servir de residencia real; e como existen sinais do incendio, o conto non vai descamiñado do todo, aínda que puido ser casual o lume ou debido a outros motivos. Molina, célebre escritor de asuntos galegos, asegura que os Irmandiños derribaron varias fortalezas e puido ser unha delas a de Guimarei. A edificación ou casa actual é relativamente moderna, moi sólida, de planta baixa e teitos abovedados con pedra labrada. A torre, aínda que carece de teito, consérvase bastante ben, debido ao perpiaño con que está construída. Os muros teñen sete cuartas de groso; a base é un rectángulo que se achega moito ao cadrado; a súa altura é duns 15 metros; ten seteiras por todos os lados e na parte superior, en cada ángulo, a figura dun canón en pedras saíntes, detalle demostrativo de que a obra foi feita xa entrada a Idade Media, despois do invento da pólvora e armas de lume. A casa e terra que a rodea están dedicadas hoxe a Estación Agronómica e pertencen ao marqués de Aranda e de Guimarei, señor de Rubiáns, que posúe outros terreos e cobra foros na contorna. O título de marqués de Guimarei foi outorgado por Felipe V no ano 1716 e o de señor de Rubiáns, por Carlos III en 1761.
Linderos da parroquia: norte, Lagartóns e A Estrada; sur, Tabeirós e A Somoza; leste, Cereixo e oeste, A Estrada e Ouzande.
Vías de comunicación: a estrada de Vilapouca a Ponte Vea pola parte oeste, e a de Cereixo por nordés; camiños rurais; a ponte de Xerlís e os pontillóns da Algalia, Ousendes, Sanlouzáns, Zarabeto, A Torre e A Devesa. O Estado aprobou o proxecto dun camiño desde A Estrada á Torre.
Bañan o territorio os regatos de Ínsuas, que xorde no Zarabeto e o de Ponte Nova ou Xerlís, que nace na Somoza. Tamén vén da Somoza a auga da presa xeral que constitúe unha riqueza para Guimarei e deu lugar a un sonado preito.
Aínda que esta parroquia é de grande importancia, está abandonada en canto a instrución primaria, pois non ten ningunha escola: foron aprobados polo Ministerio os expedientes para crear unha de nenos e outra de nenas, pero o momento non dá chegado. Os labradores están asociados agrariamente mediante un sindicato e teñen seguro de gando.
No eclesiástico: esta freguesía ten por filial á Somoza, por patrón a San Xiao; hai un cura e un coadxutor; o curato é de entrada presentación do marqués de Aranda, señor de Rubiáns e de Guimarei. A igrexa é espazosa aínda que de pouca altura, e presenta sinais de ter sido reformada con engadidos entres ou catro épocas distintas. Sobre a porta lateral do norte lese: «M. D. C C I X». Polo leste, hai esta inscrición: «Anno Domine MDCCCLX—Aedificans aedificavi sacrarium hoc habitaculum tuum, Domine, ut exaudias orationem mean et dixit bene ficiste erit nomen meum ibi in aeternum. Parocho D. Dominico Antonio Núñez»(34). Polo mesmo punto leste e tamén polo frontis, hai escudos do marqués de Guimarei, que fixera a igrexa primitiva no lugar da Torrevella; despois de arruinarse ese templo, construíron outro nun terreo, hoxe herbeira, de D. Manuel Sanjiao, próximo á igrexa existente. O cardeal Payá, nunha visita que fixo á parroquia, ordeou que se queimase a primeira capa de herba que nacese no terreo onde estiveron a igrexa e o cemiterio, para que non a comese o gando. En cada unha das catro esquinas do mesmo terreo, colocouse unha cruz de madeira, pero actualmente ningunha delas existe. Nos libros parroquiais consta que, como a devandita igrexa estaba moi próxima á presa xeral, pola parte inferior a filtración das augas prexudicábaa de tal modo que houbo necesidade de clausurala en 1709. A actual foi construída por Andrés de Fontaíña, mestre de cantaría, veciño de Pedre, por 6000 reais de vellón; a obra durou desde o 21 de marzo de 1708 e inaugurouse o día 6 de agosto de 1709, sendo cura D. Feliciano Fernández de Boán. Eran tempos de fame, nos que custaba 25 reais o ferrado de millo e 18 o de centeo, prezo enorme para aquela época. Tamén nos libros parroquiais consta: «no adro da igrexa parroquial de Guimarei a 8 de abril de 1836, deuse sepultura ao cadáver de D. Fernando Lorenzo, que se achou no camiño público do lugar da Estrada, en termos da devandita parroquia; enterrouse na 4ª fileira e última polo fondo, formando liña recta coa esquina do corpo da igrexa, e marcouse cunha cruz feita a pico». «En virtude de que Dª Ramona Arén, viúva, pediume licenza para transportar á parroquia de San Martiño de Riobó por medio de D. Antonio Paseiro, boticario da Estrada como o manifesta a súa carta a data de hoxe, os cadáveres do seu marido e do seu irmán D. Eduardo Otero e D. Gonzalo Arén, que tamén se acharon no camiño da Estrada en termos desta parroquia de Guimarei; en efecto, concedínlla e leváronos, e para que conste asínoo como cura párroco, a 8 de abril de 1836, Domingo Antonio Núñez».
Os tres señores a que aluden estas actas aquí incluídas, foran fusilados polos carlistas o 7 de abril do referido ano.
Festas anuais: San Xiao, o 7 de xaneiro; o día seguinte, o Rosario; o terceiro domingo do mesmo mes, Santa Lucía; Santa Polonia, o luns de Carnaval; as Flores, o último domingo de maio; San Antonio, o 13 de xuño; San Ignacio o 30 de xullo; as Dores, o terceiro domingo de setembro; San Roque, o día seguinte; o Corazón de Xesús, festa movíbel, no día correspondente de cada ano; o Sacramento, o 6 de agosto; San Ramón, o 28 do mesmo mes.
Outras particularidades: No lugar da Algalia hai unha capela, advocación de San Ildefonso, fundada polo Cóengo Racioneiro de Santi Spíriti de Santiago, D. Alonso Martínez de Barcia no ano de 1706.
Umarei (Guimarei) foi doada a Santiago por Fernando II.
En 1706 fundouse o vínculo da casa de Cobas por D. Alonso Calvelo de Castro e a súa esposa Dª Josefa de la Fuente. Tamén eran vinculares as casas dos herdeiros de Soto no Outeiriño, e a de D. Benito Gómez, en Xerlís; e distinguíase a que hoxe pertence a Badía, procedente de D. Juan Andújar, Cabaleiro Maestrante de Ronda.
A Casa de Veiga de Abaixo, hoxe de Ventura Bermúdez, dise que procede dun personaxe morto pola Inquisición.
O Concello, en sesión de 21 de setembro de 1877, acordou a creación dunha feira no punto da Cruz, para celebrala os días 19 de cada mes; debeu ter pouca vida, pois apenas queda recordo dela na localidade.
Á parroquia que nos ocupa agregáronlle o lugar de Xerlís, hai uns 50 anos.
Na parte inferior da casa reitoral, vese a fonte de San Ignacio, que foi bendicida polos padres xesuítas Santos e Conde, co gallo dunha misión; e perdura o costume de bendicir as augas o día do santo nun pío feito expresamente, para despois levárenas os devotos para as súas casas con fins relixiosos.
En Sanguiñeiro, nun terreo situado fronte á casa do peón de camiños, encontrou Juan Campos, de Rial, os alicerces dun forte muro e mais un muíño de man.
Na Fervenza existe o punto coñecido por “Pozo dos Mouros”, notábel pola súa profundidade. As augas, discorrendo por entre uns penedos, caen alí desde unha enorme altura. Hai uns 35 anos, unha mole de pedra socavada pola corrente descendeu ao precipicio causando un ruído espantoso que se sentiu en toda a parroquia. O vulgo di que a ese pozo levaban os mouros as súas cabalarías por un subterráneo, desde o Castro, para abeberalas. O tal Castro é o que existe inmediato á estrada de Vilapouca a Ponte Vea, en termos do lugar de Outeiro. Por outra banda, hai que ter en conta que mouro en galego significa tamén “negro”, e neses pozos parece ennegrecida a auga debido á profundidade.
En Xerlís había en 1712 un escribán, D. Baltasar Gómez de Castro, sucesor doutro, D. Benito Gómez do Vilar, que actuaba en 1681.
Pola independencia nacional, cando foi a invasión francesa pereceron Jorge do Campo, José Touceda, Jacinto do Porto e Fernando Piñeiro.
Hai en Guimarei algúns establecementos comerciais e cartería.
__________________________________________
- Desde que foi escrita a recensión desta parroquia, crearon e funciona na localidade unha escola nacional servida por unha mestra.
LAGARTÓNS
Parroquia de 75 cabezas de familia e 339 habitantes, que dista da Estrada uns tres quilómetros.
Lagartóns é aumentativo de lagartos, réptiles da orde dos saurios, moi abundantes na localidade.
Lugares: O Viso, Os Tatos, Monte, O Outeiro, Ouzamerxe, Lagartóns, Boáns, A Batalla, Os Bolos, Portosenín, Os Chapurros, O Sisto, e Trasdomuro(35).
Viso é voz xermánica, segundo D. José de Santiago, e vén de veihsa, “aldea” ou “burgo”; tamén significa “altura”, “eminencia”, “punto ou lugar despexado desde onde se enxerga moito terreo”. Se atendemos ao latín temos que visum significa “altura”. Os Tatos debe o nome ao apelido dos fundadores ou primeiros aforantes. Boáns, bon ou bo. A Batalla, campo onde se librou unha acción de guerra hai moitos anos, pois xa se atopa a denominación en documentos do século XVI. En canto aos Chapurros, ou Chaparros, séntalle ben o nome, por canto a localidade distínguese por estar moi poboada de árbores e matogueira. O Sisto é de supoñer que veña de sesto, sesteo, é dicir, “punto apropiado para durmiren os animais á sombra das árbores”.
Linderos: norte, Moreira e Aguións; sur, Cereixo e Guimarei; leste, Callobre; e oeste, Guimarei e A Estrada.
Vías de comunicación: a estrada de Chapa a Carril pasa por termos desta parroquia. Hai os obrigados camiños rurais; e también a ponte do Viso, entre Lagartóns e Callobre; o Liñares na estrada, entre Lagartóns e Callobre; a Ponte Vella, entre Lagartóns e Moreira; a do Fouleiro, na mesma divisoria; o pontillón, que comunica co lugar de Vilar de Callobre; outro no lugar do Monte que comunica con Cereixo; o do Mollarrabo e o da Pinguenla para comunicar con Guimarei.
Bañan esta parroquia o río Liñares e mais o regato do Pontillón, que vén de Ouzande por Guimarei.
O ensino primario está a cargo dun mestre nacional, que funciona no lugar dos Tatos.
No eclesiástico: Lagartóns ten por patrón a San Estevo; o curato é de entrada e presenta o marqués de Aranda e Guimarei. En canto á antigüidade da freguesía só sabemos gue xa existía no século XV. A igrexa antiga estaba no Outeiro, e fora fundada por D. Bartolomé Barbeito; mais, por ser moi reducida e estar deteriorada, ordeou o prelado, co gallo da visita do ano 1729, o traslado da pía bautismal e demais para a capela de Santa Cruz do Viso, sobre a que se levantou o templo actual. A casa reitoral é nova e está situada nun punto ameno e pintoresco. Non esqueceremos as delicias da súa horta onde, cando recollemos estas notas, gozamos de exquisitas froitas, grazas á amabilidade do párroco D. Buenaventura Pena Martínez, que fixo do terreo un verdadeiro verxel. Era o mes de agosto e alí vimos os restos dun plantío de leituga, bos melóns, sandías, pementos, remolacha, cenoria, azafrán e outras mil curiosidades en legumes e hortalizas.
No libro de defuncións puidemos observar que o 12 de maio de 1838 se fixeron os funerais de Santiago Barcala de Ouzamerxe, morto ao servizo das armas no sitio de Bilbao en decembro de 1837.
Festas anuais: San Estevo, o 26 de decembro; o 27, a Concepción; San Eleuterio, o terceiro domingo de maio; o Sacramento, o primeiro domingo de setembro; Santa Cruz, o 3 de maio; e algunha outra de menos importancia.
Outras particularidades: no lugar dos Tatos hai un campo enorme chamado Gandarón, poboado de carballos, onde está colocado o monumento agrario e onde se celebra a festa de San Eleuterio. Tamén se realiza allí a feira anual de Pascua; mais o Concello, en sesión de 7 de outubro de 1859, acordou trasladala para A Estrada, dando lugar o tal traslado a un levantamento da parroquia, de sanguentas consecuencias, pois perdeu a vida Manuel Rey e houbo varios feridos. Moi preto do devandito campo hai un terreo pechado sobre si, no cal, mediante o pago dunha cantidade determinada segundo as cabezas de gando, se metían as cabalarías para pacer e estar recollidas.
Os de Lagartóns recollen o correo na Estrada.
LAMAS
Parroquia de 56 cabezas de familia e 340 habitantes, que dista da Estrada uns 9 quilómetros.
Lamas, “barro” ou “bulleiro”, tal é o significado do nome que leva a freguesía desde tempo inmemorial. Pensa o Sr. Murguía que as localidades de Lama, Lamas ou os seus derivados, foron asento de poboacións lacustres, anteriores en moitos anos ao cristianismo. Lamis (Lamas) xa aparece en 914 como tributaria para o mosteiro do Pico Sacro nunha escritura do bispo Sisnando de Iria.
Lugares: Sequeiros, Sobrado, Fontecova, Penacova, Lamas, O Carballal e Riamonde(36).
Sequeiros, “punto seco, falta de humidade no terreo”; Sobrado, “cuarto na casa de labradores”; Fontecova, fonte nunha cova que, efectivamente, existe. Riamonde, preto do regato, “río do mundo”, pois adoitan desbordarse as augas alí, anegando boa extensión de terreo.
Lindeiros: norte, Rubín; sur, Pardemarín; leste, Olives e oeste, Vinseiro.
Vías de comunicación: camiños rurais, e as pontes de Guillufe, Sobrado e Sanlouzáns. Por Lamas pasa o trazado dun camiño, cuxo proxecto aprobou o Estado.
Bañan esta parroquia dous regatos que descenden de Pardemarín, chamados de Parada e Mesadoiro. Esta freguesía está incluída no Sindicato Agrícola de Pardemarín, con local propio en Sequeiros.
No eclesiástico: é filial de Rubín, como foi noutro tempo Rubín de Lamas; ten por patrón a San Breixo, presentando para o curato D. Vicente Valderrama. Á confraría de San Ignacio, fundada por un xesuíta, pertencían o Rodo e outros bens, hoxe da familia Andújar. Ese xesuíta fundou tamén a cofraría da Concepción, alá polo ano 1836. En Riamonde hai unha capela, advocación de Nosa Señora do Rosario, que xa existía en 1654 segundo os libros do arquivo parroquial. A igrexa é de regular tamaño e bo aspecto.
Festas anuais: San Breixo e as Dores na capela de Riamonde o 8 de setembro. Tamén a Peregrina en agosto.
No ano 1840 foi concedida a Cruz de Isabel II ao veciño de Lamas José Requeijo.
No lugar de Sobrado está a casa señorial dos Andújar.
En Sequeiros hai dous establecementos comerciais e está situado o local do Sindicato Agrícola de Pardemarín.
LIRIPIO
Na vertente occidental do monte das Mámoas, no confín sueste do concello, está a parroquia de Liripio, que dista da Estrada uns 13 quilómetros e componse de 63 cabezas de familia e 485 habitantes.
Un historiador rexional asegura que o nome de Liripio procede do grego e que significa “rio”; por Liripio corre o Umia: deberase a iso a denominación?.... Pode ser que si.
Lugares: Xestás, Quinteiro de Arca, Carballo, A Canda, A Igrexa, Portela e Cabanelas(37).
Xesta xa sabemos que é unha planta moi común no noso país, sobre todo na parte montañosa, como a parroquia que nos ocupa. Quinteiro é o mesmo que curral, “espazo ao descuberto con muro que o circunda”. Carballo, árbore abundante na localidade. Canda, ganda, gándara: “chaira”. Portela, derivado de porta, “pasadizo dun punto para outro por unha depresión do terreo”. Cabanelas, diminutivo de cabanas, chozas que alí houbo para recoller o gando polas noites.
O Concello, en acta da sesión de 14 de xuño de 1856, acordou a creación dunha escola de ensino primario en Liripio; hoxe os pais de familia teñen, para a educación dos seus fillos, unha escola macional servida por mestra.
Lindeiros: norte, Castrelo; sur, Ribela; leste, Quintillán e oeste, Sabucedo e Codeseda.
No eclesiástico: Liripio depende ou é filial de Ribela, presentación alterna ao cabido e á coroa; e ten por patrón a San Xoán. A igrexa é regular e antiga. En Cabanelas hai unha capela a Santa Luísa.
Festas anuais: San Xoán, o 24 de xuño; San Brais, o 3 de febreiro, Santa Lucía, o luns de Pascua.
Outras particularidades: a parroquia é das máis afastadas da vila e non moi coñecida, debido, sen dúbida, ás malas comunicacións. Está situada ao pé dunha serra e do monte más elevado da comarca, onde no inverno se ve a neve con frecuencia. Abunda moito a caza, especialmente de pelo (coellos e lebres).
As campás de Liripio teñen, di o vulgo, unha virtude especial para disolver as tronadas. En canto ameazan os tronos, comeza o repique e, a través dos anos, vaise conservando esta copla:
Campaniñas de Liripio
Cando empezás a tocar,
Nin que forás un feitizo;
Vais´a tronada pr’o mar.
Os de Liripio reciben o correo por Ribela.
LOIMIL
Parroquia de 62 cabezas de familia e 328 habitantes, que dista da Estrada uns 12 quilómetros.
A freguesía, pola súa fundación, pertence a tempos moi antigos. O significado do nome que leva, pola súa raíz vasca, equivale a “país húmedo” ou “lameira”, como en realidade, así é.
Lugares: Loimil do Carballo, Chenlos, Loimil da Igrexa, Riomao, O Outeiro, As Carballas, Os Casares, A Sobreira e Penaporrín(38).
Lindeiros: norte, Dornelas, San Miguel de Castro e Cira; sur, Remesar e Orazo; leste, Orazo e Dornelas e oeste, Oca.
Vías de comunicación: a estrada de Ourense a Santiago pola parte norte do territorio; un bo camiño aberto desde Penaporrín ás inmediacións da igrexa, iniciado e dirixido polo celoso párroco D. José Fariña Garabán; camiños veciñais antigos e os pontóns de Riomao e Costedo.
Bañan a parroquia os regatos da Barcia e Riomao; o primeiro pasa polo eido da casa reitoral, únese co segundo que baixa de Currelo (Orazo) e, unidos, marchan á horta do pazo de Oca.
No eclesiástico: Loimil ten por filial a Orazo. A patroa é Santa María e o curato, que é de entrada, pertence á Coroa. Riomao, “río malo”, foi soar, en tempos antiquísimos, do mosteiro de San Salvador e Santa Maria. Ningúns vestixios se conservan do edificio. En canto ao demais, só sabemos que o pontífice Anastasio IV, en bula do 8 de abril de 1154, e Alejandro III, noutra bula do 20 de marzo de 1178, confirmaron os privilexios da Igrexa Compostelá sobre outras igrexas, terras e mosteiros, encontrándose entre estes o de Riomao. A igrexa de Loimil é antiga e nela resalta o estilo románico bizantino, só desnaturalizado coa espadana, que é moderna. A sancristía fíxose en 1725, a tribuna en 1736, o incensario en 1762. En 1747 roubaron a cruz e os cálices da igrexa, pero ao pouco tempo restituírono todo. Antes do templo actual houbo o primitivo nas Tres Sobreiras do Salgueiro, punto do Agriño, onde aínda aparecen vestixios.
Preto da igrexa houbo a capela da Concepción, fundada polo cura D. Rosendo Vaamonde por medio do testamento que outorgou en 1690 perante o escribán Andrés de Nodar. En 1860, sendo cura o célebre D. Ramón Valenzuela, a capela referida foi modificada e aumentada, pasando a ser a da Saleta, que actualmente se conserva.
Festas anuais: a patroa, Santa María, o 15 de agosto; o 16, San Roque; Corpus, o domingo seguinte ao 15 de agosto; a Saleta, o 19 de setembro; o domingo seguinte, o Carme; o 8 de decembro, a Concepción.
Á beira da estrada hai algúns establecementos comerciais e unha cartería en Penaporrín.
Teñen os veciños reunida unha respectable cantidade para construír un local escola, xa iniciado; débese esta mellora á suscrición entre os veciños e mais os fillos da parroquia residentes en América, e moi singularmente á iniciativa e dirección do párroco.
MATALOBOS
Nas estribacións do monte da Cruz, a uns tres quilómetros da Estrada, está situada a parroquia de Matalobos que consta de 68 cabezas de familia e 329 habitantes distribuídos en aldeas.
Os datos de que dispomos para xulgar da antigüidade da freguesía son os seguintes: sabemos que dependeu do mosteiro de San Xoán da Cova, destruído o 18 de febreiro de 1571; e a bula de Clemente VII, con data de 25 de marzo de 1521, librada para a fundación do Colexio Maior de Fonseca, na que aparece como tributaria dita freguesía.
Debido ao moito monte que había, e aínda hai na localidade, abundaban os lobos por alí e con frecuencia os paisanos organizaban batidas para matalos; de aí a denominación da parroquia.
Lugares: Igrexa, Santa Baia, Matalobos, Fonte Piñeira, Rúa, Rosendes, Moldes, Guendos, A Brea, Río dos Sapos e A Graña(39).
Esculcando sobre o significado dos nomes máis raros destes lugares, sácase a consecuencia de que Fonte Piñeira é o mesmo que “fonte do piñeiro”, é dicir, unha fonte que alí hai, á beira da cal arraigaba un piñeiro corpulento; Rúa vén de terse fundado o casarío á beira da vía ou camiño real antigo; Rosendes ten a mesma denominación que o apelido dos fundadores, sendo de advertir que o tal apelido abunda moito na localidade; Guendos, na antigüidade sería gandos; Brea pode vir da resina dos moitos piñeiros que houbo en Matalobos, tamén significa esa palabra “lenzo moi basto” e, nalgunhas localidades da rexión, brea é o mesmo que “malleira” e brear, o mesmo que zoscar, é dicir, “maltratar de obra”. Brea en celta significa “vestido fermoso”, pero coidamos como máis axeitado ao caso o significado de “verea”, vocábulo que ten orixe ibérica ou céltica, pois precisamente polo lugar había unha gran vía que está desaparecendo. Graña, antes greña, “maleza”, que non é difícil que abundase por alí.
Lindeiros: norte, Toedo e San Xiao de Vea; sur, Arcos de Furcos; leste, A Estrada e Toedo; e oeste, San Andrés e San Xiao de Vea, e Portela.
Vías de comunicación: a vía da Estrada a Cuntis, camiños veciñais antigos, a ponte do Río dos Sapos e o pontillón da Graña. O proxecto do Ferrocarril Central comprende a parroquia que nos ocupa; tamén está en proxecto un vial da Estrada á igrexa de Matalobos.
Corren polos termos da parroquia dous regatos: o mencionado Río dos Sapos e o da Graña.
O ensino primario consiste nunha Escola Nacional servida por un mestre. Aqueles labradores teñen unha asociación agraria con seguro de gandos.
No eclesiástico: patroa, Santa Baia; curato de presentación alternativa entre a Coroa e o Marqués de Santa Cruz; é de entrada e ten por anexo Toedo. Na antigüidade tivo por filial á do Divino Salvador de Baloira. A igrexa foi edificada no ano 1595; antes había soamente unha capela aedicada a San Bieito e Santa Baia, situada no campo chamado dos Cruceiros.
Festas anuais: a patroa, o 10 de decembro; San Bieito, o domingo seguinte ao 11 de xullo; San Eleuterio, o domingo de Pascua do Espírito Santo; o Rosario no segundo de outubro; e outras menos sonadas.
Sufriu a parroquia de Matalobos dun modo enorme os horrores da invasión francesa, a principios do século pasado. Nos libros de defuncións do arquivo parroquial pode lerse o seguinte: o 5 de marzo de 1809, a de Andrés Rosende, esburatado a balazos; o mesmo día as de Francisco e Juan Sueiro, Gregorio Sueiro, Bonifacio Carbia, Jacobo Rivas, Juan Balado, Domingo Antonio Diéguez, Alonso Chedas, Jacobo da Ponte e o seu fillo de 14 anos Juan da Ponte; Francisco de Neira, Domingo de Carbia, Valentín Carbia, Jacobo de Chedas, Francisco de Souto, Leandro de Souto, Diego de Graña e María Collazo; o día 11 do mesmo mes e ano inscribiuse a defunción de Sinforosa de Chedas; e o día 14 a de Francisco de Souto; todos vítimas das balas inimigas. O 9 de abril de 1809 también foi asasinado polos franceses o presbítero D. Francisco Rivas.
Sobran os comentarios para esta páxina horrenda de sangue e sacrificio; limitémonos a sinalar que o citado día 5 de marzo de 1809, foi tal a carnizaría en Matalobos que, segundo deixou escrito o párroco daquela data, «por non caber os cadáveres dentro da igrexa houbo necesidade de enterrar fóra os de dous descoñecidos que se pensa que eran de Tabeirós».
Cóntase que os franceses, ao pasar pola Cruz, camiño de Cuntis, colocaron a súa bandeira nun alto, pero os de Matalobos substituírona decontado pola nosa; feito que deu orixe aos sucesos sanguentos de que se fixo mención. Aquelas pobres xentes sentiron rebulir nos seus peitos o amor patrio; pero, por carecer completamente de armas, foron asasinados sen defensa.
En termos do lugar de Santa Baia hai un castro ou campamento antigo que non ofrece ningunha singularidade. No mesmo lugar distínguese a casa de Valenzuela, á beira da cal arraiga un carballo secular de enormes dimensións.
Dominaban pola parroquia, cos seus foros, os señoríos de Sangro e do Preguecido.
MOREIRA
Parroquia de 105 cabezas de familia e 497 habitantes, que dista da Estrada uns 5 quilómetros. Está situada nun outeiro á dereita do río Liñares.
En canto á antigüidade da freguesía sabemos unicamente que non é pouca: o arcebispo D. Xoán Arias no seu testamento, datado o 20 de abril de 1266, fai doazón do casal de Moreira. Na bula de Clemente VII, con data de 25 de marzo de 1525, aparece como tributaria esta parroquia para o Colexio Maior de Fonseca, da Universidade de Santiago.
Os barrios habitados polos mouros durante o seu fugaz e accidentado dominio en Galiza, foron chamados mourarías, das que se pensa que derivan as denominacións de Mourente, Moureira e Moreira. No noso caso ben pode acontecer que a freguesía deba o seu nome a ser aquela comarca fecunda en amoras de silveira, contra a opinión dos que o derivan de moreira, árbore de cuxas follas se alimenta o verme da seda, descoñecido na nosa rexión.
Lugares: A Devesa, Moreira Nova, Moreira Vella, O Outeiro, A Pía, A Pica, Sestelo, Vilagude, Vilafruxil e Ponte Nogueira(40).
A Pía: non encaixa mal esa denominación a este lugar por estar situado nunha depresión do terreo onde a auga se encharca con facilidade, mais parece que adquiriu o nome dunha grande pía de pedra que alí se atopou hai moitos anos. A Pica (ou pico), debe a súa denominación a estar situada nunha altura ou picouto. Sestelo vén de sesta, “punto sombreado para acubillar o gando nas horas calorosas do estío”. Vilafruxil, “lugar abundante en froitas”.
Lindeiros: norte, Berres; sur, Callobre e Lagartóns; leste, Callobre e San Pedro de Ancorados; e oeste, Aguións e Barbude.
Vías de comunicación: a estrada de Callobre a Ponte Ledesma; camiños veciñais antigos; a Ponte Nogueira, a Ponte Vella e os pontillóns de Fouleiro e Canizas.
Bañan a parroquia o río Liñares e o regato de Ponte Canizas.
O ensino primario consiste nunha escola nacional servida unha por mestra.
Hai en Moreira unha sociedade de agricultores.
No eclesiástico: Moreira ten por patrón a San Miguel. O curato é de entrada, pertenceu ao mosteiro bieito de San Martiño Pinario e hoxe pertence á Coroa. A Igrexa, de regular importancia, ten unha ábsida románico-bizantina, e o demais fíxose no século XVII.
Festas anuais: San Miguel, o 29 de setembro; Santo Domingo, o 4 de agosto; San Roque, o 30 de setembro; o Sacramento, o primeiro domingo de outubro; San Antonio, o cuarto domingo de xuño.
En 1836 funcionaba en Moreira, no lugar da Pica, o Concello da Estrada.
En termos da parroquia, no punto coñecido por Pinarzas, está o salto e fábrica da nova empresa de luz eléctrica que ilumina A Estrada.
NIGOI
Parroquia de 90 cabezas de familia e 471 habitantes, distante da Estrada uns 8 quilómetros por termo medio.
O dato más importante que coñecemos para xulgar a antigüidade desta freguesía é unha escritura do ano 1480, outorgada no Campo da Batalla de Lagartóns, por Agustín Brea, de Santa María de Nigoi e un veciño de Vinseiro.
Lugares: Constenla, O Pazo, A Carballeira, A Silva, Escarís e Parafita41. Escarís, pola súa raíz vasca, significa, “húmido”, condición que non lle falta á localidade. Parafita era denominada antes Parafeita ou Parrafeita.
Lindeiros: norte, Tabeirós; sur, Codeseda e Arca; leste, Parada e oeste, monte do concello de Cuntis.
Vías de comunicación: a estrada de Vilapouca a Ponte Vea e camiños veciñais antigos. Por Nigoi debe cruzar un camiño cuxo proxecto foi aprobado polo Estado, que sae da estrada de Codeseda ao Campo, para acabar en termos da parroquia que describimos, na estrada de Vilapouca a Ponte Vea.
Funciona en Nigoi unha escola nacional atendida por unha mestra, situada nun edificio propiedade do vecindario, cómodo e novo. Teñen os labradores unha sociedade agraria de poucos bríos.
No eclesiástico: o curato é de entrada, presentación do marqués de Santa Cruz. A patroa é Santa María. A igrexa é antiga, sen ningunha cousa notábel. Antes de construírse, había a uns 40 metros de distancia, unha capela adicada á Virxe da Piedade, na que só se celebraba misa algunhas veces, polo que os veciños de Nigoi acudían á de Codeseda. Reuníanse para iso os domingos e días de festa de gardar, a toque de buguina, nun punto determinado de antemán: por iso chamábanlles “buguinos”.
Houbo un cura que, perseguido por cuestións políticas, fuxiu do país vestido de paisano e despois viviu en Madrid de taberneiro. Cos dereitos que tiña devindicados e lle pertencían fíxose o corpo principal da igrexa, hoxe moi deteriorada. Do arquivo parroquial só se conservan documentos a partir do ano 1728, en que era cura D. Carlos Ignacio Soto. A casa reitoral ten nove hectáreas de terreo, a labradío, herbeira, carballeira e toxeira. Dise que parte dese terreo o legaron dúas mulleres sen descendencia do lugar de Sar, hoxe pertencente a Tabeirós e que antes era de Nigoi.
Outras particularidades: en 1668 aforou o marqués de Santa Cruz a José Pazo, o lugar que leva o mesmo nome que o apelido do seu fundador. O canon consistiu en trinta ferrados de centeo e dous capóns. En 1726, aforou o mesmo marqués a Alonso Varela e Ángel Picallo o lugar de Constenla, en cinco ferrados de centeo anuais, ademais dos 31 que viñan pagando con anterioridade.
No agro de Pazos, situado a 200 metros do lugar deste nome, aparecen con frecuencia efectos de construción e cerámica antiga. Alí encontrou o veciño Manuel Bergueiro García un enorme cacharro de barro e unha culler también de barro. Cóntase que no devandito agro houbo na antigüidade unha aldea.
Cando foi a invasión francesa, levaron as tropas de Napoleón un becerro da casa de Domingo Antonio Brea, conducírono ata a Consolación, onde o deixaron despois de bater nel cos sabres. Un rapaz de nove anos, fillo do dono do animal, asustado, escapou cun pan nunha cofia e ocultouse nun barranco, de onde non saíu ata que se lle acabaron esas provisións.
A casa de Capelle, hoxe de Benito Porto, considérase como a máis antiga da localidade.
OCA
Consta esta parroquia de 100 cabezas de familia e 475 habitantes: dista da Estrada uns 12 quilómetros por termo medio.
En canto á antigüídade da freguesía, pode asegurarse que non é pouca, considerando que dependeu do mosteiro de San Xoán da Cova, desaparecido en tempos remotos. Hai outro dato que contribúe á afirmación e é un xuro do ano 1574, mediante o cal Oca foi desmembrada da terra de Santiago. Dise que o nome que leva a parroquia corresponde ao apelido dun famoso guerreiro expulsado de Toledo en tempos turbulentos e que veu establecerse no lugar: chamábase Oca, descendente de Olca, señor de 28 localidades españolas, que axudou a Escipión a destruír os cartaxineses. En Toledo hai os sonados montes de Oca, dos que tamén se conta que deben o nome ao caudillo Olca. Don José María Moar dinos outra cousa, segundo veremos máis adiante.
Lugares: Rendo, A Praza, Castrotión, O Sisto, Igrexa, Vista Alegre, O Outeiro, O Pinal, Goleta e Abelao(42).
Rendo vén, ao parecer, de renda: “terra aforada e suxeita a un dominio señorial” ou “punto onde se cobraba o canon”. Castrotión posibelmente debe o seu nome ao castro que existe nas proximidades, aínda que hai quen afirma que antes se chamaba Castación ou Castración, punto onde se castraba, pois de antigo teñen no lugar posto de sementais (cabalos e garañóns). Abelao, por ter a raíz abe, que é vasca, pode significar “bosque”, pero é máis probábel que veña de abela, “álamo negro”, árbore que abunda por alí.
Lindeiros: norte, Castro e Arnois; sur, Loimil e Remesar; leste, Loimil e oeste, Riobó e Arnois.
Vías de comunicación: a estrada de Ourense a Santiago e a de Callobre a Ponte Ledesma; os pontóns de Chancelas, Abelao e Outeiro, e outros menos importantes; sen que falten os indispensábeis camiños rurais.
Fertiliza parte desta parroquia o regato da Presa Nova, Subatán ou das Damas, que nace en Orazo, entra na horta do pazo e sae á Agra de Oca.
En canto a instrución primaria, xa en 18 de xaneiro de 1856, alude a corporación municipal ao nomeamento do mestre don Ramón Barreiro. Agora a escola é mixta atendida por unha mestra, que exerce nun edificio moderno lindante coa estrada.
Teñen os de Oca unha sociedade de agricultores, alma mater de todas as da Ulla, con dúas seccións especiais, unha para seguro de gandos e outra cooperativa de consumos. Deu calor e vida a esa asociación a figura venerábel de D. Manuel Amigo, irmán de D. Ramón, médico célebre. Puxo D. Manuel todo o seu entusiasmo e non pouco diñeiro na empresa social, con esta máxima edificante: «todo por e para o agricultor». É este home tan excelente artista que o premiaron en varias exposicións; os labradores débenlle o invento dunha cultivadora especial para o millo que aforra e economiza moitos brazos e tempo.
No eclesiástico: o curato é de entrada; pertence á Coroa; antes pertenceu ao priorado de Sar, e pagaba oito fanegas de froito para a fortaleza da Barreira. No pazo hai con frecuencia capelán. O patrón é San Estevo. A igrexa non pasa de regular, e ten unha inscrición que di: «año de 1629, por el varón Oterna». Don Blas Vázquez de Cancela fundou na igrexa unha capela ao seu santo. A capela do pazo chama a atención pola súa elegancia e as súas torres, todo modelo de escultura; está adicada a San Antonio. En Castrotión vense as ruínas doutra capela que foi dos infanzóns Quiñones de León e Figueroa e estivo adicada á Anunciación. Pertencíanlle os lugares do Outeiro e outros (ano 1574-13 xuño).
Festas anuais: San Estevo, San Roque, Nosa Señora do Carme, a Concepción, Nosa Señora de Lourdes, San Brais e Corpus Cristi. Na capela do pazo celébranse dúas: unha a San Antonio e outra ao Sagrado Corazón de Xesús.
Outras particularidades: No ano 1672 actuaba en Oca o escribán D. Andrés Nodar.
Vexamos o que di D. José María Moar no Compostelano de Santiago con data 17 de abril de 1920: «Casas galegas de avoengo. O pazo de Oca: preto do outeiro de Teón, un dos que forman círculos concéntricos ao natural mirador da reitoral de Lagartóns, na Estrada, encóntrase Oca. O fillo de Darío de Persia, Oco, se habemos de crer na ciencia do brasón, dá nome a esta freguesía de San Estevo. Os Ocas descenden daquel príncipe. D. Alvaro de Oca veu de Galiza en tempo de Juan II, casou con D.ª Constanza de Ribadeneira e fundaron o pazo e soar de Oca, actual propiedade dos marqueses de Camarasa, título con grandeza de España desde 1543, e tamén marqueses de Puebla de Parga e condes de Riela e de Castrojerís. Polos Gayoso Sevilla está emparentada con eles a importante dama galega D.ª Leonor Flórez y Suárez de Deza, esposa do avogado santiagués, residente en Madrid, D. Antolín Pazos Viéitez, irmán político de D. Paulino Otero, e que acaba de solicitar a concesión nobiliaria, en nome de devandita dama, do Marquesado de San Miguel das Penas e Condado de Amarante, antiga e señorial alianza de quen era o mencionado pazo... O Condado de Amarante data de 1648 e o Marquesado de San Miguel das Penas de 1719. Con razón foi chamada «Versalles de Galiza» esta señorial mansión. A súa fachada principal componse de planta baixa de seis ocos cadrados de luz, e planta alta, con sete fiestras; a central dá a un amplo balcón. Na esquina, como proa de inxente navío, está a torre ameada, de cinco ocos a este lado. Dentro, vense vastas salas onde, ao noso paso, tremen arcaicas consolas e caen brasonadas cortinas. A fachada oposta dá ao xardín. Hai na planta baixa, achaparrados porches con bancos de pedra e case todo o primeiro andar ilumínao unha serie longa de altas e anchas fiestras sobre balaustrada de pedra, isto dá a esta planta o aspecto dunha extensa galería que foi balcón. A capela contigua é de dúas torres, tamén balaustradas, dun corpo, é de cruz grega. Sobre a porta hai un balcón, e encima dúas imaxes de pedra, a inferior nun nicho. Corren a ambos os dous lados soportais, cubertos tamén de balconada. Na parte superior da fachada principal campan, en dous escudos, as armas de ambos títulos. A un extremo pende unha piadosa cruz de madeira, en recordo dunha misión... Venérase na capela un San Antonio, que é unha preciosidade, esculpido en Roma; e mais os Sagrados Corazóns e a Virxe de Lourdes... O estanque grande co seu illote de flores e a súa glorieta; o patio posterior do pazo coa súa arcaica fonte de pedra, rodeada de verdes e frondosos macizos; o outro estanque; a fermosa avenida dos tileiros, na súa parte inferior enlazados por sebes de buxos e mirtos, dan a esta residencia un aspecto de Petit Trianon... O río de Oca, aflúente do Ulla, e o regato das Donas borboriñan como falándonos de príncipes e damas. Ao carón desta avenida están os labradíos; no lado oposto, o pomar ameno...Queredes coñecer variedades de frutais? Ide alí e na súa sazón atoparedes neste verxel virxiliano e edénico o agre poncidre; a toronxa de pel máis grosa, chea de pequenos vultiños; o albaricoque, o pexegueiro cargado; as mazás perazas, repinaldo, pero morado, e mazá forna; as peras pardais, as anxiñas, as urracas encarnadas, as xoaneiras, as couxo da dona, as santiagueñas, as pardas de inverno, as bergamotas, as “papo de perdiz”... Ameixas? Hainas melosas de Dona Claudia, verdiñais, de xema, de mirabel, as redondas, as ambruíñas, os fatóns... Cereixas? Atoparédelas pedresas e garrafais. Tamén hai guindaleiras preciosas... E uvas? Desde a rara de cereixa dura ata «o vencellao».
Saíde ao xardín, contiguo ao patio posterior... Nadaredes literalmente nun océano de flores. Alí adoitan agruparse e entrelazarse o cinamomo multifloro de bíblico e exquisito perfume, as palmeiras, os tulipáns e heliótropos, o algarrobo e a néspera do Xapón, os diópiros, as dráceras, welligtonias... toda unha riqueza floral, toda unha manda magnífica de amor!.... Querédesvos extasiar ollando a violácea amatista, o xacinto de Ceilán, rival do circón, o záfiro branco, o translúcido ópalo, a incolora telesia, o topacio rosa do Brasil e granates sirios, orientais e de Bohemia? Si? Pois achegádevos aos dous estanques e ás fermosas fontes que hai entre a horta e o pazo, e todas estas pedras finas veredes saír dos surtidores cando o sol os fere; florescencias múltiples e fosforescencias máxicas dun espumoso océano de luz!... Ben di o pobo no seu cantar:
Cando no palacio de Oca,
a tardiña ao sol fachea,
parece un navío de ouro
que ao pé da costa fondea!..
Á ampliación do pazo de Oca non foron alleos os Condes de Benavente que, nunha parede lateral que se ve desde o patio, fixeron colocar unha pedra labrada coa figura dunha man en realce, indicando co índice unha inscrición que di: «Prosiga 1746».
O Concello da Estrada, en sesión do 4 de novembro de 1885, acordou propoñer que se declarasen fillos adoptivos da provincia a D. Manuel Fernández Hinestrosa y Santisteban e á súa esposa a señora María de la Encarnación Gayoso y Téllez Girón, marqueses de San Miguel das Penas e a Mota.
Cando por aquí se acorda saír ao campo a pasar un día de lecer con amigos ou familiares, o primeiro que se pensa é dirixirse a Oca, lugar que con frecuencia é visitado por numerosos excursionistas, atraídos polas belezas da paisaxe e a fermosura do pazo.
En tempos, algo afastados xa, houbo na parroquia unha fábrica de curtidos. No lugar de Renda observouse hai anos un fenómeno estraño que tivo moi intrigados aos veciños: nas árbores próximas ao casarío, víase nas noites escuras unha luz opaca e azulada, conducida por unha sombra, que ía aumentando e pasando dunhas árbores a outras; cando unha persoa se achegaba, o fenómeno desaparecía. O vulgo coidou que era un animal de ollos moi brillantes, unha alma en pena, e chamáronlle “lunferna”.
No lugar de Castrotión pasou algunhas tempadas o célebre xornalista D. Alfredo Vicenti.
O 27 de febreiro de 1878 comezou a facerse unha feira no punto da Valiña, con aprobación do Concello, que tamén autorizou o 4 de xaneiro de 1882 a creación dun mercado a celebrar os luns de cada semana na Praza de Oca. Actualmente non existen nin a feira nin o mercado.
En termos desta parroquia hai unha fábrica de serrar madeira, da Sociedade Barcala, Liste e Ruibal, que se move no inverno por forza hidráulica e no verán a vapor.
Na Praza hai panadarías e establecementos comerciais con estanco de tabacos.
OLIVES
Parroquia de 71 cabezas de familia e 340 habitantes, situada na vertente occidental do monte de San Sebastián, e distante da Estrada uns dez quilómetros.
Olives vén de oliva, oliveira. Por alí tivo que abundar esa clase de árbores; aínda se ven varias na actualidade.
Lugares: A Viladafonso, Pazos, A Somoza, Fraiz, Fieitoso, e unha casa nova na Caniza(43).
Viladafonso ou Vila de Afonso, do fundador ou primitivo aforante do lugar, que levaba ese nome. Sobre A Somoza véxase o que en canto ao significado desa palabra sinalamos ao describir a parroquia do mesmo nome. Fieitoso, terreo de moitos fieitos ou fentos.
Vías de comunicación: camiños antigos e malos e as pontiñas de Santa Lucía entre Pazos e a Igrexa, outro en Pazos para se comunicar con Parada de Pardemarín, e o de Laxes entre Viladafonso e Pardemarín. A Olives irá un camiño vecinal cuxo proxecto foi aprobado polo Estado.
Lindeiros: norte, Curantes; sur, Pardemarín; leste, montes de Seoane e Escuadro; oeste, Lamas.
Bañan a parroquia que nos ocupa dous regatos: un que nace no monte de Pazos e desauga en Lamas e outro que ten orixe en Fraíz e pasa a Curantes, no punto de Ponte Retorta, e después a Pousada; con ambos réganse varios terreos.
En 1856 era mestre de Olives, D. Vicente Prieto, natural de Agar; en 1858 xa o era D. Manuel Barcala. Hoxe teñen aqueles pais de familia para instruír os seus fillos unha Escola Nacional servida por unha mestra, que funciona en Pousada.
No eclesiástico: Olives ten por filial Pardemarín e por patroa, Santa María; o curato é de entrada, presentación de varios leigos; antes presentaba Gómez de Xerliz, sucedendo ao padroado do dono do Casar de Pazos. A igrexa é regular; foi reedificada en 1829 e 1830; ten unha boa torre composta de dous corpos. Dise que a igrexa primitiva estaba no Castro. Os datos más antigos do arquivo parroquial chegan ao ano 1696.
Festas anuais: a patroa, o 15 de agosto; o Anxo, o primeiro domingo de setembro; Santa Lucía, o 13 de decembro; San Antonio, o 17 de xaneiro.
Outras particularidades: en Olives, no lugar da Viladafonso hai un castro sen ningunha particularidade especial. Olives e Curantes teñen unha meritoria sociedade pro-instrución, fundada polos fillos desas parroquias residentes en Cuba; reuniron algúns fondos e proxectan a construción dun local para o ensino.
Entre Olives e Seoane de Forcarei, alá na altura do monte está a Lagoa Sacra. Trátase dunha lagoa moi notábel, duns vinte ferrados de extensión, que presenta en todo o seu perímetro vestixios de murallas. Cóntase que se librou nas inmediacións unha grande batalla e que os cadáveres foron lanzados ao lago; por iso o amurallaron despois para evitar profanacións e denominárono «Lagoa Sacra». No inverno hai alí moitos parrulos.
ORAZO
Alá, cara a nordés, fronteiriza con Silleda, e a uns 15 quilómetros da Estrada, está a parroquia de Orazo, composta de 147 cabezas de familia e 748 habitantes.
O significado da palabra Orazo, se atendemos á súa raíz vasca or-, pode ser un aumentativo de can, como canzazo; porque or é o mesmo que can en euskera. Se nos fixamos nas condicións especiais da localidade e algunhas opinións que debemos atender, Orazo vén de areazo, da area que, cando as choivas son torrenciais, adoita baixar dos montes altos que limitan a parroquia por leste e sur, cara o val onde están os principais casaríos e a igrexa. Esta crenza reafírmase coa circunstancia de que, elevado nun outeiro destes montes está o lugar de Orosa, antigamente Areosa, segundo puidemos comprobar en documentos remotos, e cuxo nome responde ás condicións do terreo.
A antigüidade desta parroquia é moita, segundo veremos. A raíña Dª Urraca, no ano 1115, doou á igrexa de Santiago a de Orazo “cos seus servos e o seu carácter, o dereito de poñer saión ou alguacil e demais atribucións señoriais». Nun título expedido no século XV a favor do bacharel Álvarez mándase dar posesión das parroquias de Orazo e Castrovite. Na bula de Clemente VII, no ano 1525, día 25 de marzo, aparece como tributaria esta parroquia para o colexio maior de Fonseca. Doutro documento do ano 1794, autorizado polo escribán Agustín Varela Vaamonde, aparece que Orazo pertence á Xurisdición e Coto de Piñeiro de Balanzuela.
Lugares: Besteiros, Castrovite, Barro, Sobreira, Silva, Vendexa, Baldarís, Currelo, Vilanova, A Igrexa, Pazos, O San Lois e Orosa(44).
Aínda hoxe, no lugar de Besteiros, que chaman indebidamente Basteiros, abundan as bestas e hai algún arrieiro con recua. O lugar de Barro debe o seu nome á condición barrenta do chan. O de Sobreira débeo á abundancia desa árbore por alí. Silva é planta moi común en Galiza. Baldarís é o mesmo que “baldío”. Currelo, se atendemos á súa raíz vasca, significa “ouro”; pero mellor nos parece quedar co significado galego que se deriva de curro, “terreo pechado sobre si”, pois isto axéitase ben á condición do casarío. Orosa ten raíz grega e nesa lingua equivale a palabra a “marco” ou “límite”, mais xa deixamos dito que, en realidade, vén de areosa.
Deixamos para comentar en último termo o lugar de Castrovite, “castro de boa vista”, que foi nalgún tempo punto de etapa e de posta, pola importancia histórica que ten. Foi parroquia en tempos pretéritos e a súa igrexa, como a de Orazo, doada pola raíña Dª Urraca no ano 1115 á igrexa de Santiago, «cos seus servos e o seu carácter, o dereito de poñer saión ou alguacil e demais atribucións señoriais». Compoñíase esta freguesía dos lugares de Castrovite, Besteiros, Quitimil e Rosedo. En vida da famosa raíña galega Dª Urraca, celebrouse un concilio en Castrovite, ao que asistiron os notábeis Arias Pérez, Pedro Gudesteiz, Xan Díaz, Paio Gudesteiz e outros, co bispo de Santiago D. Diego Xelmírez, «onde, despois de longa discusión, quedaron moi amigos e xuraron e perxuraron que nunca xamais habían de faltar ás palabras que se deran e promesas que se fixeran, porque todo o reino de Galiza estaba revolto; uns querían por rei ao actual emperador Afonso VII, que era un neno; e outros, por ir contra o conde de Traba, pretendían que non debía haber outro rei que Dª Urraca ».
Do ano 1508 é unha escritura por virtude da que o rexedor Juan de Otero dá en foro a Gonzalo Soutelo, por dúas rapadas de centeno (a rapada equivale a dous ferrados e medio de Ávila), a oitava parte do lugar de Besteiros, correspondente á freguesía de Castrovite e San Xiao de Piñeiro.
En 1535, Álvaro Neto vende o lugar de Besteiros da Devesa a Juan de Otero, devanceiro do conde de Amarante. No 30 de xullo de 1537, o señor do Coto de Piñeiro, estando no lugar e aldea de Besteiros, freguesía de Castrovite, dá posesión a Andrés González do referido lugar, perante o escribán Antonio Gómez. O 22 de novembro de 1564, foi cedida a cuarta parte do lugar de Besteiros da Devesa, freguesía de Castrovite, por Álvaro Neto, a María de Neira. No último terzo do século XVI foi disolta ou extinguida a freguesía de Castrovite; tanto é así que no ano 1605, a 15 de novembro, López Teara, perante o escribán Juan Paseiro, fai cesión en favor do rexedor Juan de Neira, de unha rapada de centeo en Besteiros, parroquia de Orazo. Tamén por outra escritura do ano 1674 se demostra que Besteiros se incorporou á parroquia de Orazo. Unha vez demostrado que, ao desaparecer a freguesía de Castrovite, pasou este lugar a Orazo, diremos agora que Besteiros correu a mesma sorte; que Rosedo foi agregado a Dornelas e que Quitimil foi incluído na parroquia de Lamela.
Na revista Galicia Diplomática, con data de 20 febreiro de 1884, trátase da cruz parroquial de Castrovite e dedícaselle unha extensa recensión que, en síntese, di: «a antiga e primitiva cruz da extinguida parroquia de Castrovite é unha alfaia de cobre que conta preto de sete séculos de antigüidade; mide de altura 60 centímetros e 33 de ancho; nos paus do globo tiña pedras preciosas de dous centímetros de diámetro (hoxe non as ten); mostra aínda manchas do seu antigo dourado ao lume; ten desperfectos que fan case imposíbel unha restauración de tan curiosísimo monumento. Cantas xeracións viu pasar para nunca volver esta muda testemuña de varios séculos! Ela subiu aos castelos e entrou nas humildes casoupas; ela recorda a Idade Media coas súas funestas guerras señoriais, as andanzas lutuosas dos nobres e as revoltas dos Irmandiños.»
No inventario que se realizou o ano 1621, nos efectos correspondentes á freguesía de Orazo, xa consta anotada esta cruz.
O castro, inmediato ao casarío de Castrovite, é dos más notábeis do país; vese desde longas distancias como un cono truncado, coa súa capeliña na chaira. Levántase nas inmediacións da estrada de Ourense a Santiago, nun punto estratéxico desde o que se domina moitísimo terreo; tiña enormes fosos e cintos de fortificación, dos que aínda se conservan restos que testemuñan a súa antigüidade e importancia, como tamén son proba do antigo da obra, os arcaicos ladrillos atopados alí. Pénsase que foi unha posición moi vantaxosa para o célebre arcebispo D. Diego Xelmírez, que se ocupaba moito dela, pola súa proximidade ao castelo de Cira e debido a estar inmediata á liña divisoria da diócese de Lugo e do Condado dos Dezas.
Lindeiros: norte, Dornelas; sur, Curantes; leste, Piñeiro, Lamela e Cervaña; e oeste, Agar, Remesar e Loimil.
Vías de comunicación: a estrada de Santiago a Ourense pasa pola parte norte da parroquia, e a de Chapa a Carril pola parte sur. Saíndo da primeira, entre Castrovite e Besteiros, arrinca un ramal que chega ás proximidades da igrexa, obra do finado D. Faustino Ulloa; case do mesmo punto parte outra ramificación para o lugar de Besteiros, obra de D. Faustino Villaverde. Completan as comunicacións camiños rurais e os pontillóns de Barro e Vendexa.
Corre por Orazo un regato que xorde en Miroi e baixa por Baldarís, Vendexa e Silva.
En canto a instrución primaria, contan aqueles pais de familia cunha escola nacional atendida por un mestre. Foi aprobado no ministerio o expediente para a creación dunha escola de nenas. O Concello, en sesión de 10 de marzo de 1880, creara a escola incompleta de Orazo-Loimil. Os labradores teñen unha sociedade agraria.
No eclesiástico: Orazo tivo por filial a Dornelas, ata o ano 1553, en que se separaron. Hoxe é filial de Loimil, cuxo arranxo parroquial comezou a rexer o 1 de xullo de 1869. O curato dependeu do prior e cóengos regulares de Santo Agostiño de San Xoán da Cova, fronte a Gundián, ata o 21 xullo de 1463, en que se uniu ao Priorado de Sar, sendo prior Vasco Fernández, provisor, Juan Arias, e arcebispo, D. Alonso de Fonseca; actualmente é padroado da Coroa. A igrexa data do século XII; dela é unha inscrición que o señor López Ferreiro anota no seu Arqueología Sagrada, e que, en síntese, di: «Era MCLIIII, Kalendas Martinus(45)». Sufriu o templo varias reformas: en 1640 mandouse pechar a fiestra de atrás; o ano seguinte serraron a nogueira para o altar maior, que se fixo en 1642 e custou esta talla 302 reais; en 1684 alongouse a igrexa; o coro levantouse en 1705. En 1794 entraron os ladróns pola subida á torre e roubaron todas as alfaias do templo. Á beira do altar maior hai un letreiro que di: «Este retablo se hizo en el año 1642. Se doró en 1644. Se restauró en 1911.» O patrón de Orazo é San Pedro.
Separadas da igrexa existen dúas capelas; unha a de Santa Mariña, no castro de Castrovite; e outra a de San Lois, que deu nome ao lugar. Esta é antiquísima, tanto como que pertenceu ao priorado de San Xoán da Cova. Pola comarca estendeuse a crenza de que na de Santa Mariña, debaixo do altar principal, había un tesouro enterrado. A ese convencemento debeuse que, en xaneiro de 1920, entrasen uns ladróns polo tellado e levantasen parte do altar; abriron unha profunda foxa e atoparon un rústico monumento formado por dúas ou tres pedras de bo tamaño, unha especie de túmulo, dolmen ou sepulcro. Os curiosos exploradores deixaron sobre o devandito altar unha nota que dicía: «respectouse todo coma se fose noso».
Festas anuais: San Pedro, o 29 de xuño; San Antonio, o día seguinte; Corpus, o domingo seguinte; o Carme, o domingo seguinte; Santa Lucía, en maio; as Flores, o domingo seguinte; Santa Mariña, en xullo; San Lois, o 25 de agosto.
Outras particularidades: No lugar da Igrexa hai unha casa señorial que foi construída polo cura licenciado D. Bernardino Grove y Carrera, finado no ano 1758; herdou o inmóbel a súa irmá Dª María, quen contraeu matrimonio con D. Gabriel de la Vega, natural de Val de Hoz (Santander); tiveron dous fillos: D. José, que foi médico destacado no Hospital de Santiago, e D. Juan, famoso avogado que escribiu unha atinada obra de Dereito Civil, foi xuíz de Lalín desde 1820 a 1823, morreu en 1838 e sempre foi moi querido e respectado por cantos o trataban. Traballara moito para crear o Concello de Orazo e sufriu o desgusto de ver a súa casa incendiada polos franceses. Hoxe esa propiedade pertence aos herdeiros de Dª Juana Villar Ulloa, que foi esposa de D. Faustino Ulloa, finado cando era célebre xefe da política local. Un deses herdeiros é o deputado provincial D. Ramiro Ulloa. Herdáraa Dª Juana do seu pai, un boticario de Lalín, que a comprara aos herdeiros de de la Vega.
Volvendo ao dos franceses que incendiaron a casa de D. Juan, temos a obriga de consignar que non pararon aí as súas atrocidades: o 1.° de maio de 1809 mataron a Domingo Liste, do lugar de Besteiros, estando no prado da Laxe; tamén mataron a Francisco de Orosa, igualmente veciño de Besteiros; a Simón Colmeiro, de Castrovite; a María Josefa Rey, do lugar da Igrexa e a Jacoba Rey, de Vendexa.
Tamén padeceu a parroquia de Orazo unha invasión dos facciosos o 24 de agosto de 1839 e, para evitar esas incursións, enviouse no ano 1840 un destacamento de tropas que estaba instalado na casa de Ricardo Carbón, de Castrovite. Xa antes, o 20 de agosto de 1836, sendo Capitán Xeral de Galiza don Manuel de Lastra, acampara en Castrovite unha columna de operacións para opoñerse ao rebelde Gómez.
Nesta parroquia existe a curiosa industria de fundición de campás a cargo de D. José Liste Villanueva. Alá polo ano 1835, chegou á localidade D. Pedro Hontañón, fundidor ambulante, natural de Santander, e en Orazo detívose unha longa tempada para cumprir con varios encargos; auxiliouno no traballo Juan Liste Pereiras; foise afeccionando este á fundición e, cando tiña trinta anos de idade, montou o seu taller, á fronte do cal estivo ata que faleceu en 1909 e sucedeuno na industria o seu fillo, o actual campaneiro José Liste Villanueva. As campás que se constrúen en Orazo teñen lexítima fama pola súa resistencia e sonoridade. O sino pequeno da igrexa parroquial ten unha inscrición que di: «Me hizo Hontañón en Santiago, año 1848»; o mediano tamén o fixo Hontañón en 1839; e o maior é obra de Liste.
Por acordo do Concello, en data de 9 abril de 1840, deuse orde aos do lugar de Besteiros de que concorresen a pagar as contribucións a Piñeiro. O mesmo lugar foi, hai uns 50 anos, agregado a Dornelas para efectos eclesiásticos; mais os veciños, dando unha verdadeira proba de enteireza, opuxéronse e, despois dunha loita tenaz, chegaron a conseguir que o vicario capitular S. V. Dr. D. José María Canosa deixase sen efecto a disposición. A corporación municipal en acordos dos anos 1872 e 1873 apoiou aos de Besteiros nas súas lexítimas pretensións.
O Concello, en sesión de 10 de marzo 1892, autorizou a creación dunha feira, a celebrar o sete de cada mes, no punto de Riazós; hoxe non existe.
Da familia dos Paio houbo en Orazo un sacerdote e un mestre, haberá uns 60 anos, que tiñan un colexio importante na Vilalén, local que actualmente ocupa a sociedade agraria. Para o lugar de Currelo e casa de Requeixo foi en matrimonio unha descendente dos infanzóns de Oca.
Houbo un casarío, que desapareceu, entre Orosa e Rabo de Gato, no punto do Agro de Lamas, polo que aínda cobran rendas os Valenzuela. También en Miroi, cerrada do marqués, houbo outro casarío do que aínda se conservan vestixios.
Sosteñen os de Orazo que na fonte de San Paio, que está á beira do camiño que comunica o lugar da Igrexa con Vendexa, apareceu a imaxe de San Paio que se venera no templo parroquial.
Na localidade hai unha música moi ben afinada, que goza de sona en toda a contorna. Tamén hai cartería.
A xente desta parroquia vense distinguindo desde os tempos antigos pola súa unión e laboriosidade. Os mozos de distintas xeracións deron evidentes probas de valentía cando eran fustrigados nesas batallas campais que tanto fixeron desmerecer as nosas típicas romarías.
OUZANDE
Á caída dun outeiro do Monte da Cruz está a parroquia de Ouzande, que consta de 70 cabezas de familia e 378 habitantes.
Antigamente chamábase Auzande, e talvez se deba a diferenza a que os galegos fixeron do au latino, ou.
Parece que en latín bárbaro, Ouzande ou Auzande significaba “alá, andando até máis adiante”.
Lugares: Alemparte, O Formigueiro, Topete, O Redondo, Aldea de Abaixo, Picoto, O Castro, Penarada e As Cachopas(46).
Alemparte componse de alén e de parte, equivalendo o composto a “máis alá”, “do outro lado”, “desa parte”. Do significado do Formigueiro, O Redondo, Aldea de Abaixo e O Castro, non cómpre ocuparse. Topete é dimidutivo de tope, que significa “sobresaínte”, “superior” ou “elevado” e precisamente nunha elevación está o casarío. Picoto vénlle de estar situado nun outeiro ou pico. Cachopas chámanse os anacos de trontro de árbore con raíces que quedan na terra despois da tala. É de supoñer que os habería no lugar cando se fundou.
Lindeiros: norte, A Estrada; sur, A Somoza; leste, Guimarei e oeste, Arcos de Furcos.
Vías de comunicación: camiños rurais antigos. Está en proxecto un camiño do estado desde a Estrada á Igrexa.
Teñen os pais de familia unha escola mixta atendida por unha mestra.
No elesiástico: Ouzande foi freguesía independente e aínda tivo a de Aguións unida na antigüidade. En 1869 pasou a ser filial da Estrada. O patrón é San Lourenzo, e presentan para o curato o marqués de Santa Cruz e outros. A igrexa, de puro estilo románico-bizantino, ocupa un punto pintoresco desde o que se admira un panorama fermosísimo. Sobre a porta lateral, hai un letreiro que di «año de 1781»; e responde á data dunha reforma; polo leste vese o escudo de Santa Cruz. No camposanto existe un cruceiro que descansa sobre un pedestal antigo no que se le: «Anno MDCIXVVIII-A costa del Rector». Sobre a porta do cimeterio, labrada en pedra e realce, hai unha caveira á que segue esta inscrición: «Como me ves, te verás en breve. R.I.P. 1874». Na capela do Socorro, pendente do altar, consérvase un precioso coiro de Córdoba(47). Inmediato á igrexa pola parte do nacente, á beira do camiño, levántase un cruceiro coa seguinte inscrición: «Propiedad de D. Ángel Rodríguez, su mujer e hijo D. Juan Manuel-1892».
Festas anuais: San Lourenzo, os días 10 e 11 de agosto; o Socorro, o segundo domingo de setembro; e o Santísimo, sen día fixo.
Antigamente as parroquias de Ouzande, Aguións e Lagartóns sorteábanse para dar un quinto ao exército.
Dominaban na localidade os señoríos de Santa Cruz, Sangro, Torre de Guimarei, marqués de Canillas, e tamén o de Soutomaior.
Moitos dos naturais do país dedicábanse, como os seus veciños da Somoza, a cardar la.
O Concello, en sesión de 19 de agosto de 1859, autorizou a división do monte de Ouzande entre os habitantes.
Antonio de Ponte rendiu o seu tributo de sangue á patria, posto que morreu pola súa independencia, canda a invasión francesa de principios do século pasado.
E non pecharemos esta descrición parroquial sen adicar un párrafo á memoria do célebre D. Ángel Rodríguez, o cereiro de Ouzande, famoso en toda a comarca pola súa bonhomía, influencia e posición. Ao falecer, hai uns 23 anos, deixou un oco difícil de encher entre os tipos rexos e de valor, exemplo da raza galaica.
PARADELA
Por onde desemboca o río Liñares no caudaloso Ulla, ocupando unha lomba con exposición ao oeste, está a parroquia de Paradela, que ten 71 cabezas de familia e 306 habitantes. Dista da Estrada uns sete quilómetros por termo medio.
Pénsase que a fundación da freguesía data daqueles famosos tempos en que os reis de Galiza dependían dos césares romanos.
Dominou na comarca unha señora feudal a quen se debe a denominación de Paradela, que antigamente era Paradadela, onde moraba ou acostumaba parar ela; o uso foi suprimindo a sílaba da. Tamén as denominacións dos lugares Pena da Dona, Ribeira da Dona e Vila da Dona, demostran o antigo poderío daquela señora sobre estes lugares. Os ladrillos singulares que se descobren de cando en vez por alí e os sepulcros de pedra labrada tamén descubertos foron testemuñas de idades de ferro, soga e coitelo.
Compoñen esta parroquia os lugares das Covas, Ribeiradona, A Aldea Grande e Igrexa.
Lindeiros: norte, río Ulla; sur, Barbude; leste, Ribeira e oeste, Santeles.
Cruza esta parroquia a vía do estado da Estrada a Ponte Ulla; as demais comunicacións consisten en camiños antigos e as pontes de Paradela e Regueiro das Covas.
Por termos de Paradela corren os ríos Ulla e Liñares, e o regato de Covas. Fertilízaa, nunha grande extensión, a importante presa de Piñeiro, que ten uns cinco quilómetros de lonxitude. «Segundo escritura outorgada o 2 de febreiro de 1709 perante o escribán D. Manuel Vázquez, o notábel cura enxeñeiro D. Adrián Rodrigo de Leis, e os veciños Miguel Besteiro, Mateo Martínez, Domingo Carbón e Miguel de Sisto, executaron con D. Francisco Escudero, mestre canteiro, veciño de Santo Tomé de Quireza, que tamén estivo presente no acto, a confección dunha presa de auga do río do Viso (río Liñares), debaixo do muíño de Trasmonte, chamado de Salgueiro, pola cantidade de trescentos ducados de vellón, dezaseis fanegas de pan, catro moios de viño, e ademais os homes de traballo até terminar a magna obra, de facer e arranxar en forma a dita presa de auga até traela arriba da casa reitoral por todo o monte entre penedos e precipicios, etc.»
Outro famoso cura de Paradela, D. Manuel Bermúdez de Castro, avogado e teólogo distinguido, fundou unha Obra Pía, con bens e rendas propias para dote de doncelas e escola pública de nenos de ambos os sexos. Consistían os dotes en 500 ducados e asignábanse 250 aos mestres; había estatutos que se cumprían rigorosamente e autorizaban os recibos as agraciadas, os seus maridos e os sacerdotes encargados da instrución. Desa Obra Pía incautouse o estado e pechouse o libro correspondente no ano 1861 polo párroco Licenciado D. Francisco González García.
No ano 1839 era mestre de Paradela D. Juan Gabriel de Silva. O 18 de xaneiro de 1856 foi nomeado D. Melitón da Vila. Actualmente hai unha escola nacional servida por un mestre. También funciona alí unha sociedade de agricultores.
No eclesiástico: o curato é de entrada, padroado da Coroa; ten un distinguido cura, D. Javier Luces, célebre artista. Pertence á freguesía, como filial, San Martiño de Barbude. Santa María é a patroa de Paradela.
Festas anuais: o 15 de agosto, Santa María; os Desamparados, o domingo seguinte.
O único edificio público que hai en Paradela é a igrexa parroquial, que ten sobre o lintel da porta lateral esta inscrición: “MDCCLXXVII”. Sábese que con posterioridade a esta data (1777) foi reformada e ampliada. O libro más antigo do arquivo data do ano 1624 e obsérvase nel que a Igrexa tiña moitos bens, foros, dereitos, hipotecas, censos, etc. Antes o templo estaba no punto da Cacharrela, nun terreo chamado Albiño, que pertence a D. Manuel Durán, en termos do lugar da Igrexa. Alí atópanse restos do edificio cando se afonda na terra. Entre os escombros apareceu unha cruz grega e o año, o cal fai supoñer que o antigo edificio se remontaba ao século XII da era cristiá.
En tempos da invasión francesa pasaron pola ponte de Paradela uns cantos soldados de Napoleón, preguntando por Taveiro (Tabeirós); amotináronse os veciños, mataron un deles e botaron o cadáver ao río; os demais soldados fuxiron.
PARADA
Á caída do monte Arnado, distante uns 8 quilómetros da Estrada, está a parroquia de Parada, que conta con 114 cabezas de familia e 670 habitantes.
En canto á orixe do nome, circula como verídica a versión de que o debe a unha parada de sementais que alí hai desde tempos remotos.
Lugares: Parada, As Vilas, Picáns, Fermil, Eiriz, Os Muros, Paredes, Vilademeus e Tugudín(48).
Lindeiros: norte, Vinseiro; sur, Codeseda; leste, Ribela; oeste, Nigoi e Tabeirós.
Vías de comunicación: Camiños antigos e malos e mais a pontiña chamada Ponte do Cirurxián. Precisamente, esta parroquia é unha das máis mal comunicadas, apesar de non estar lonxe da estrada de Codeseda á vila. Régana os regatos da Cerqueira, que xorde en Vilar de Ribela; e o Zon. Do río Umia derívase a importante presa de Leira coa que se fertiliza unha boa extensión de terreo.
Hai unha escola nacional atendida por un mestre e unha sociedade de agricultores.
No eclesiástico: Parada é filial de Tabeirós, presentación do Cabido, e ten por patrón a San Pedro. A igrexa é regular, de perpiaño, estilo renacemento.
A casa de Leira ten unha capela adicada ao Santo Anxo da Garda. Foi fundada por D Manuel de Leira no ano 1600.
Festas anuais: San Pedro, o 29 xuño; ao seguinte día, San Antonio; Santa Lucía, o 13 de decembro.
Outras particularidades: entre Parada e Ribela hai un castro moi ben situado, desde o que se domina unha enorme extensión de terreo. Ten, como moitos da súa clase, unha planicie na parte superior á que os de Ribela chaman “Coroa”, e os de Parada, “Eira dos Mouros”. Aínda conserva o castro os alicerces dun bo cinto de defensa.
No monte de Parada, entre Fermil e Picáns, apareceu unha lápida cunha inscrición atribuída aos celtas. Supoñemos que foi parar a Pontevedra, de onde trouxemos notas que aparecen noutro lugar deste libro.
No oco dun penedo, preto da igrexa, na veiga denominada Bicada, encontrou o veciño Manuel Magán unhas ferramentas antiquísimas, cuxo paradoiro non puidemos pescudar.
De Parada foi D. Felipe Constenla, capitán do exército. En sesión do Concello de data 11 de febreiro de 1841, D. Ramón Constenla, sobriño de D. Felipe, deixou coñecemento de que este fora fusilado polos carlistas na madrugada do 4 de xaneiro de 1839, despois de incendiárenlle a casa onde vivía, no lugar de Fermil.
En Vilademeus estaba a taberna da Sisa, que se fixo célebre.
En 1726 actuaba en Parada o escribán D. Francisco Nodar Branco.
PARDEMARÍN
Cara a oriente, a uns nove quilómetros da Estrada, nas estribacións dos montes que forman cordal co da Rocha, está situada a parroquia de Pardemarín, que consta de noventa cabezas de familia e 444 habitantes.
Par-de-marín; “ao par de Marín”; é dicir, “xunto a” ou “á beira de Marín”. Así resulta descompoñendo o nome da parroquia na forma que acabamos de facelo; pero deseguida xorde a dificultade de que Marín é algo que se relaciona co mar, e o mar non está preto desta parroquia. Vexamos, a falta de mellores argumentos, se son aceptábeis os seguintes: Pardemarín serviu de asento a unha das famosas vías antigas, que frecuentaban as peregrinacións a Santiago (aínda se conservan, especialmente no Rodo, restos de calzadas seculares) e eses peregrinos, procedentes da parte de Montes, cando alcanzaban a altura que domina o territorio que estamos a describir, atopábanse cun espectáculo sorprendente: á esquerda, lonxe, pero que parece cerca por un fenómeno especial da visión, o mar; e, á dereita, máis preto, sobre Olives, a Lagoa Sacra, unha lagoa de consideración. Cóntase que debido a iso adxudicaron a esta paraxe o nome que nos entretén quizais demasiado.
Lugares: Castro, Parada, O Mesadoiro, Castrelo, Golfariz, Brea, Piñeiro e Rodo.
Divagando en canto ao signicado ou etimoloxía dos nomes máis estraños destas aldeas, atopámonos con Parada que se debe, sen dúbida, a que foi punto onde os peregrinos e outros camiñantes paraban para descansar ou pasar a noite; tamén paraban no Mesadoiro, que non é moi dubidoso que veña de mesón, por esa circunstancia. Castrelo é un diminutivo de castro, e alí houbo un deses campamentos ou fortalezas antigas, de pequeno tamaño. Golfariz, “profundidade”, “labirinto”, “sitio perigoso para o tránsito”, e todo isto responde perfectamente ás condicións do lugar. Rodo o mesmo pode vir da calzada con cantos rodados, que da difucultade de rodar por alí, debido ao accidentado do terreo. O máis probábel é que veña de rodeo por supresión de letras.
Lindeiros: norte, Olives e Lamas; sur, Vinseiro e Ribela; leste, Meavía (de Forcarei) e oeste, Vinseiro e Lamas.
Vías de comunicación: camiños antigos; ata a igrexa chega o proxecto dun camiño que parte do Sol na estrada de Chapa a Carril, e foi aprobado polo estado. Pontóns, os de Parada, Golfariz, Brea e Mesadoiro.
Bañan esta parroquia os regatos de Parada e Mesadoiro. Nace o primeiro nos montes de Parada e o segundo en Mesadoiro e Golfariz. Ambos os dous desembocan en Lamas.
Teñen os pais de familia para o ensino primario unha escola nacional atendida por un mestre, que actúa nunha casa feita a expensas dos fillos da localidade residentes en Cuba e Bos Aires.
O 6 de xaneiro de 1906, uns cantos veciños entusiastas desta parroquia e doutras das inmediacións reuníronse no domicilio de Jacobo Castro e designaron a José Riamonde e Antonio Frende para confeccionar uns estatutos que deron orixe á Sociedade Agraria de Santa Baia de Pardemarín, previa aprobación ante o Goberno Civil con data de 11 de febreiro daquel ano. Esa entidade serviu de estímulo para que se fosen constituíndo outras no distrito, até chegar ao gran movemento agrario. Despois transformouse no famoso Sindicato de Pardemarín, que comprende esta parroquia e as de Lamas, Curantes, Olives e Rubín, formando un núcleo potente que, entre outros adiantos, ocupouse reiteradamente e dun modo encomiábel, dos concursos escolares, tan útiles para a instrución infantil.
No eclesiástico: Pardemarín ten por patroa Santa Baia e é anexo de Olives. O curato é de entrada, presentación de varios leigos. A igrexa resulta bastante boa. Antes exercía o padroado o dono do casal de Mesadoiro.
Festas anuais: Santa Baia, o 10 de decembro; San Roque, o 16 de agosto; San Antonio, en xuño; San Xosé, o 19 de marzo; o Carme, o domingo seguinte ao 16 de xullo.
Outras particularidades: o arquivo parroquial remóntase ao 10 de febreiro de 1597, ano en que finou Rodrigo de Limia, cando era cura D. Andrés de Nodar. O 29 de abril de 1707 foi aprobada convenientemente a confraría do Monte Carmelo por Frei Pedro de Frutos, mestre en Sagrada Teoloxía pola Universidade de Salamanca, catedrático nela e provincial das dúas Castillas; ten esta confraría unha bula especial do papa Clemente, outorgada sendo cofrade e presidente de honra o rei Felipe V.
No Couto, no camiño real antigo, límite dos Concellos da Estrada e Forcarei, hai un cruceiro moi deteriorado, pero de indiscutíbel mérito artístico. Serviu de guía aos peregrinos que se dirixían a Santiago, cidade que comeza a avistarse desde alí vindo do sur; tamén se ve desde aquelas alturas unha enorme extensión de terreo, os montes de Cuntis, Carral, Negreira, Padrón, Pico Sacro e o mar.
Nos montes de Pardemarín abunda a caza, principalmente de lebre, coello e perdiz. Neles hai un punto denominado Casa dos Mouros.
Hai unha cartería na localidade.
REMESAR
Parroquia situada na aba occidental do monte da Rocha, que se compón de 76 cabezas de familia e 339 habitantes, distando da Estrada uns nove quilómetros aproximadamente.
Lugares: A Aldea Grande, O Rego, A Rabeta, O Outeiro, A Devesa, Vilasusán, Lagoa, A Fonte Soutelo e Vilanova(49).
Lindeiros: norte, Oca e Loimil; sur, os Ancorados; leste, Agar e Orazo e oeste, Riobó.
Vías de comunicación: Camiños rurais antigos, e as pontiñas de Coruxeira, Codorneiro, Devesa e Rego.
Bañan esta parroquia os regatos de Coruxeira e Codorneiro, que se reúnen en Penelas e marchan a Riobó. Pasan tamén polos límites do territorio de Remesar, os arroios de Chancelas ou Badoucos, e o de Lagoa, en Vilasusán.
No eclesiástico: Remesar ten por filial a Riobó e por patrón San Cristovo. A igrexa é do século XII ou XIII e o curato é de entrada, presentación do marqués de Camarasa; antes padroado do mosteiro de Sar.
Festas anuais: San Cristovo, o 10 de xullo, e outras variábeis de pouca importancia.
Inmediato á igrexa hai un castro ou campamento antigo onde foi atopado non hai moito tempo un muíño de man.
Da casa aristócrata de Vilanova foi o coronel do Rexemento Provincial de Pontevedra (1803) D. Andrés Reguera Mondragón. Ultimamente pasou o dominio desa mansión a D. Floriano Arias como sucesor de Dª Silveria Reguera.
RIOBÓ
Parroquia de 94 cabezas de familia e 453 habitantes, situada a uns dez quilómetros da Estrada, na zona do Ulla.
Deu nome a esta freguesía o río que a cruza, coñecido de moi antigo por Riobó, “río bo”.
Lugares: Os Besteiros, As Cancelas, O Río, Barcia, A Mota, San Martiño, Tamallancos, Portecelo, A Pena, Casaldorido e Casa do Monte(50).
En canto ao nome do lugar de Besteiros, atémonos ao dito do que leva o mesmo nome na parroquia de Orazo. Cancelas e “pechadura de leiras” son a mesma cousa. A proximidade ao río deu nome ao lugar que se chama Río. Barcia quere dicir “maleza ou breixeira situada nunha lomba” e a esa situación responde o lugar en cuestión. Mota significa “terreo alto” e, certamente, nunha altura está o casarío que así se denomina. Tamallancos quere dicir “anacos de terreo separados por cortes ou quebraduras naturais”. Portecelo deriva de portelo: “porta ou abertura de entrada a leiras rústicas”. Casaldorido pode derivar de Casaldorado e debe a súa denominación, segundo parece, a que dada a súa especial exposición e a condición das edificacións, por un fenómeno especial da luz solar, vese desde algúns puntos o que semella unha cor dourada.
Lindeiros: norte, Arnois e Oca; sur, Ancorados e Remesar; leste, Remesar e Oca; e oeste, Berres.
Vías de comunicación: a estrada de Callobre a Ponte Ledesma e camiños rurais. Na estrada está a ponte de Riobó e tamén hai varios pontillóns: Barcia, Portecelo, Lamas (entre a Pena e Remesar) e Pardiñeira (entre San Martiño e Pena).
O Concello, en sesión de 5 de agosto de 1859, acordou a execución das obras do pontón de Riobó.
Bañan o territorio desta parroquia o río xa mencionado, bo pola utilidade que reporta á agricultura e á industria, que xorde na Cruxeira de Remesar e desemboca no Ulla. Tamén o regato da Galiñeira, que vén de Ancorados e desemboca no Riobó, no lugar da Mota, e o de Trigueira.
O ensino primario consiste nunha escola nacional atendida por unha mestra. Os labradores teñen un sindicato agrícola con seguro de gandos.
No eclesiástico: Riobó é anexo de Remesar e ten por patrón San Martiño. O curato é presentación do marqués de Camarasa; antes presentaban alternativamente o marqués e os veciños do lugar de Barcia, despois do mosteiro de Sar. A construción da igrexa corresponde ao século XIII.
Festas anuais: San Martiño, o 11 de novembro; ao seguinte día, as do Rosario; ao outro, o Carme; San Brais, o 3 de febreiro.
Outras particularidades: en termos desta parroquia, nun lugar á beira do río, levantábase a famosa Torre da Barreira, da que se falou noutro lugar. Do edificio só quedan algúns cimentos; a pedra dos muros foi empregada na igrexa de Codeso.
Na Mota, nun dos puntos máis pintorescos do país, radica a casa señorial dos Otero. Aínda lembramos a D. Ramón Otero, persoa destacada, que desempeñou varias veces o cargo de alcalde do noso concello; e ao seu fillo D. Gumersindo, que tamén foi alcalde, deputado provincial e gobernador de Ourense. A viúva Dª Dolores García representa hoxe a casa, xunto cos seus fillos D. Gonzalo Otero, ex-deputado provincial, e D. Martín Otero, concelleiro. Ten esa familia unha capela na quinta.
Da Mota foron tamén D. Francisco e D. Benito Oca, escribán o primeiro e xefe político do distrito o segundo.
Rexen os Otero unha fábrica de papel procedente de D. Bonifacio Silva, que xa funcionaba en 1843 e posúen outra fábrica de serrar, moldear e tornear. Antigamente houbo nese sitio fábrica de curtidos.
De Riobó, do lugar dos Besteiros, eran fillos aqueles notábeis artistas que fixeron os retablos da capela das Ánimas de Santiago. Non lles desmereceu D. Antonio García, gañador de varios premios en exposicións de Madrid, Santiago e outros puntos, onde presentou máquinas agrícolas da súa invención, así como instrumentos musicais. Distínguese tamén o seu fillo D. Joaquín como grande artista, diplomado na exposición de Santiago o ano 1909, pola construción dunha preciosa gaita con combinacións de metal branco e marfil.
RIBEIRA
Consta esta parroquia de 108 cabezas de familia e 794 habitantes, e dista da Estrada uns nove quilómetros.
Ribeira leva este nome por estar á beira do río que por alí corre.
De moi antigo vén a fundación desta parroquia, pero non podemos concretar a data por falta de datos precisos.
Lugares: A Ponte, A Ribeira, O Piñeiro, O Pazo, Baltar, San Vicente, Constenla, Marque, Barbude, Vilanova e Vilar.
O lugar de Ponte tomou o nome da ponte de Sarandón; en canto aos da Ribeira, O Pazo, San Vicente, Vilanova e Vilar, non cómpre dicir nada. Sobre Baltar non falta quen opine que significa “altura”, e nesa situación está o lugar que nos ocupa con relación aos demais da parroquia; Constenla está en costa, aínda que pouco pronunciada; Marque, antes Marqués, territorio dominado por un señor con título nobiliario.
Lindeiros: norte, río Ulla e Berres; sur, Moreira e Barbude; leste, Berres e oeste, Paradela.
Vías de comunicación: a vía do estado da Estrada a Ponte Ulla; camiños rurais antigos, a ponte chamada Ponte Nova e as barcas de Sarandón, propiedade dos Otero. Estas barcas teñen a súa historia e antigüidade: o 7 de maio de 1839, o Capitán Xeneral da Rexión concedeu o uso dunha barca en Sarandón a D. Manuel Otero; o 21 de xaneiro de 1841 acordou o goberno que se respectase a D. Hipólito e a D. Manuel Otero na propiedade da barca referida; en 1845 o xefe político da provincia mandou reter os dereitos que se devindicaban pola barca da ponte de Sarandón; o 25 de xaneiro de 1855 son declaradas as barcas de propiedade de D. Manuel e D. Hipólito Otero e acórdase poñelos en posesión delas. Todo isto consta nos libros de actas do Concello. O Estado aprobou a construción dun camiño da Pica a Sarandón, cruzando a parroquia que nos ocupa, e tamén unha ponte económica sobre o río, partindo do lugar de Ponte, onde estaba a antiga. Na actualidade esta desapareceu case na súa totalidade, só se conservan restos dos estribos e a cimentación dos seis arcos que tiña. A destrución desa ponte data de moi antigo e o pobo impútalla a Pedro Madruga, señor de Soutomaior; pero pode asegurarse que en realidade se debeu a unha riada producida o 18 de febreiro de 1571.
Os de Ribeira non contan con escolas de ensino primario e verdadeiramente non se explica, pois teñen indiscutíbel dereito a educárense e poboación suficiente para que o estado os atenda. O Ministerio aprobou o expediente para crear alí unha escola de nenos, pero o asunto é que non acaba de establecerse. Funciona en Ribeira unha sociedade de agricultores con seguro de gandos.
No eclesiástico: o curato é de entrada e sérveo un párroco. Ten por patroa Santa Mariña. Presenta actualmente o Excmo. Sr. don Ramón Gutiérrez de la Peña y Quiroga, e antes fixérao a capela de Alba. A igrexa é bastante boa, con arquitectura do Renacemento. En Constenla, no punto de San Vicente, hai unha capela, advocación do mesmo santo; foi trasladada para ese lugar no ano 1778, o 5 de abril; antes estaba nunha lagoa do lugar de Marque. Tamén existiu outra capela de San Antonio no lugar de Vilar e foise arruinando até desaparecer. Houbo a de San Bieito no lugar de Ponte, fundada polo licenciado D. Benito Campelo e a súa esposa Dª Ana de Castro, nun terreo que hoxe pertence a Dª Laura Luces.
Festas anuais: Santa Mariña, o 18 de xullo; o Sacramento, o día seguinte; San Bieito, en xaneiro; os Milagres, en setembro; San Antonio, o 13 de xuño; San Roque, o día seguinte de San Antonio.
De Ribeira procedían D. Manuel e D. Jenaro Otero, avogados e persoas moi distinguidas e estimadas.
RIBELA
Parroquia de 104 cabezas de familia e 654 habitantes, que dista da Estrada uns dez quilómetros.
Está situada sobre o Umia do que, por conseguinte, é ribeirá; e de aí vén o nome de Ribela.
Lugares: Entrecastrelo, Vilar, Sesto, A Aldea Grande, Pumares, Guitón, Trabadela Carracedo e A Igrexa(51).
Entrecastrelo debe o seu nome a estar situado entre o castro de Parada e Ribela, e outro castro ao que, por ser máis pequeno, lle aplicaron o diminutivo de Castrelo. Vilar vén de vila. Sesto debe proceder de sesteo, punto de sombra apropiado para sestear ou pasar a sesta o abundante gando que había, e a aínda hai, polos montes do contorno. Pumares é o mesmo que pomares; “bosque de árbores froiteiras, maceiras ou outros de pebida”. Jitón, Xitón, Chitón: punto recóndito ou silencioso; tamén pode ser un aumentativo de chito, estaca viva que adoita afincarse nalgúns terreos para que, despois de arraigar e brotar, poida servir de sinal entre distintas herdades, ou de pechadura de terreos(52). Trabadela pode moi ben ser un diminutivo de traba, corda ou solta que se pon nos pés ás bestas, para que non poidan afastarse ou subir os muros. Carracedo vén de carrasca, planta do monte abundante por alí.
Lindeiros: norte, Vinseiro; sur, Liripio e Codeseda; leste, Meavía de Forcarei; e oeste, Parada e Codeseda.
Vías de comunicación: camiños antigos e malos; de feito, é unha das parroquias máis mal comunicadas do distrito. Cruza o territorio o río Umia, sobre o que hai unha ponte para pasar duns lugares a outros. Báñana tamén os regatos seguintes: o de Carracedo, que xorde en Sesto; o de Trabadela, que nace na Agrela de Codeseda, e outro que ten orixe no referido lugar de Sesto. Con estas augas fertilízanse varios terreos.
A ponte de Ribela, entre Carracedo e Sesto, Trabadela e Guitón, fíxose ou foi reconstruída en virtude de acordo do Concello de data 13 de abril de 1S60. En Trabadela hai un pontillón.
O 14 de xuño de 1856 creouse a escola de Ribela, hoxe escola nacional, atendida por un mestre.
No eclesiástico: ten esta freguesía por filiais Meavía e Liripio e por patroa Santa Mariña. Está atendida por un cura e un coadxutor e o curato é de ascenso, presentación alterna do Cabido e a Coroa. Ten unha igrexa regular, e celébranse anualmente as seguintes festas: a da patroa, o 18 de xullo; o día seguinte, a do Carme; a da Concepción, o 26 de decembro; Santa Filomena, o 10 de xaneiro; San Antonio e San Roque, por carnaval.
Da igrexa parroquial de Ribela, o cóengo cardeal del Hoyo, copiou no seu manuscrito, que se garda no Arquivo da Mitra, unha inscrición existente sobre o altar maior coa data da fundación da igrexa (ano 1158). Este preclaro sacerdote, que co seu talento ilustrou durante algún tempo a cátedra de Sagrada Teoloxía na Universidade Pontificia de Santiago, foi dos más amantes propulsores da súa querida aldea natal, en cuxo camposanto ten a súa sepultura por mandato expreso.
Outras particularidades: entre Entrecastrelo e Parada hai un castro notábel que aínda conserva vestixios de recintos fortificados.
En Sesto radica unha casa con escudo, hoxe da familia dos Ballestero, e procedente dos Gil.
Hai cartería na localidade.
RUBÍN
Parroquia de 162 cabezas de familia e 713 habitantes, que dista da Estrada nove quilómetros aproximadamente.
A principios do século XII, Dª Maior, esposa do cabaleiro Luzo Arias, doou á Igrexa de Santiago a metade dunha granxa preto de Ponte Ulla e mais a aldea de Ruvinum (Rubín), e o seu esposo ratificou estas declaracións (López Ferreiro, Historia de la Iglesia Compostelana, tomo III).
Disto sacamos dúas consecuencias: en primeiro lugar, que Rubín xa existía a principios do século XII; e, en segundo lugar, que o nome procede do latín e significa “viño vermello, viño tinto, terra que produce ese viño”.
Lugares: O Bede, A Pena de Arriba, O Foxo, Agrelo, Os Vilas, Amarelle, A Bemposta, A Pena de Abaixo, Berbigueira, A Braña, O Barro, Pazos e Os Balseiros(53).
Bede, pola súa raíz vasca, significa, segundo algunhas opinións, “baixo”, “depresión do terreo”; e, efectivamente, non ocupa este lugar unha situación de altura con relación aos demais da parroquia; pero, con todo, vese ben desde distintos sitios, e escribíndoo con v, como fan moitos, pode significar o mesmo que viso. Foxo ten relación con lume, punto onde se acendían fogueiras convocando a reunións, xeralmente con fins guerreiros(54). Agrelo é diminutivo de agro. Bemposta, ben posta, “aldea ben situada”. Balseiros deriva de balsas, “presas para a auga”.
Lindeiros: norte, San Pedro de Ancorados; sur, Lamas e Vinseiro; leste, Curantes e Olives e oeste, Callobre.
Vías de comunicación: o vial da Estrada a Silleda pasando polo Foxo; camiños veciñais antigos; a Ponte Nova que comunica con Vinseiro; o pontillón de Veiga da Braña, entre Rubín e Berbigueira; outros dous no regato de Curantes.
Bañan esta parroquia os regatos de San Breixo e Curantes, que se reúnen en termos de Rubín.
O 18 de xaneiro de 1856, era mestre do Foxo D. Bonifacio Paseiro, veciño de Callobre; e de Rubín, en 1869, D. Maximino Paseiro Vidal. Actualmente non hai alí escola pública de ensino primario, aínda que foi aprobado polo Ministerio o expediente para a creación dunha de nenos. Está comprendida esta parroquia no importante Sindicato Agrícola de Pardemarín, que ten local propio en Sequeiros. Tamén os de Rubín teñen un bo edificio na Bemposta, destinado para escola e construído a expensas dunha benemérita entidade pro-instrución creada na Habana o 2 de decembro de 1906.
No eclesiástico: Rubín ten por filial Lamas e por patroa Santa María. O curato é de entrada, presentación de D. Vicente Valderrama. Hai un cura e un coadxutor. Antes da igrexa houbo unha capela fundada polo Sr. Valderrama; o templo actual é de regular aspecto, pero no interior bastante deteriorado. En fronte do adro existe un cruceiro con esta inscrición: «Año 1740—Juan Pereiras y su mujer María de Bascuas—Devoto». Dise que este cruceiro estivo no lugar dos Balseiros. O arquivo parroquial só alcanza a 1648, en que era Rubín anexo de Lamas. Nesa data o lugar de Berbigueira pertenecía á fábrica. No Foxo existe unha capela de bastante amplitude e de sólida construción, na que se venera a Nosa Señora da Regra e a San Antonio.
Festas anuais: Santa María, o 15 de Agosto; San Roque, o día seguinte; a Concepción, o domingo seguinte; o Carme, o 24 de xuño; San Campio, o día seguinte da Ascensión; San Antonio, no Foxo, o 13 de xuño.
Outras particularidades: No Foxo, que foi un punto estratéxico, había un forte cando foi o derradeiro intento dos carlistas; aínda na actualidade a casa á que estaba encostado, leva o nome de Casa do Cantón, e conserva unhas seteiras con reixas de ferro próximas á terra. É propiedade de Francisco Villar e Juana Blanco de Ancorados. Para esa mesma casa, antes de Rosendo Cid, trasladou o Concello as oficinas municipais, en virtude de acordo de data 19 de novembro de 1839. O 22 de setembro de 1855 tamén autorizou a corporación o crear unha feira no Foxo os días 13 de cada mes. En sesión de 15 de febreiro de 1861 decidiuse a construción da ponte de Barro. O 10 de marzo de 1865 determinouse solicitar ao goberno que eximise da venda a “Dehesa Nacional” en que se celebraba a feira.O 8 de novembro de 1866, acordouse que nesta feira se puidese realizar a venda de toda clase de gandos. O 26 de maio de 1871 comezaron novas xestións municipais para evitar que o campo da feira, “Dehesa Nacional”, pasase a propiedade particular. A mesma Corporación municipal, o 20 de novembro de 1872 acorda a creación da cartería do Foxo. Era mestre alí en 1874 D. Juan Romero e notario en 1880, D. Manuel Seane del Río. De novo, o 14 de xullo de 1884, o Concello ocúpase da “Dehesa Nacional” ou campo da feira, opoñéndose á súa venda. O 19 de novembro de 1898 acórdase crear unha feira para o Foxo, que se celebraría os días 15 de cada mes.
Hoxe realízanse no Foxo as feiras do 1.° e 15 de cada mes, a primeira, bastante importante e a última, menos concorrida.
No Foxo hai bos establecementos comerciais, sobresaíndo os de D. Manuel Villar e o do seu pai D. Juan Antonio. Tamén hai cartería.
SABUCEDO
Parroquia situada máis alá de Codeseda, ao principio do val de Quireza, que dista da capital do distrito uns 16 quilómetros. Consta de 58 cabezas de familia e 303 habitantes.
A época de fundación da freguesía pertence ao terreo do descoñecido. Existe a crenza tradicional de que a Sabucedo se estenderon os primitivos habitantes de Quireza —antes Crieza ou lugar de cría de gandos—, e comezaron construíndo alí unhas cabanas para gorecerlos; mais, por outra banda, sabemos que a parroquia pertenceu na antigüidade á xurisdición ou couto de Codeseda e máis tarde a Tabeirós, mentres que Quireza foi sempre da xurisdición de Montes.
Hai quen opina que o nome de Sabucedo vén do culto ao deus pagán Sabaznis. Don Afonso VII, o 13 de maio de 1133, fixo doazón á Catedral de Ourense, dun couto en que inclúe a aldea de “Castro Saxuzo” e, ao ser traducido o orixinal latino (ata entón inédito) por verdadeiras autoridades na materia, chamaron a Castro Saxuzo, Castro de Sabucedo; e saxuzo en latín bárbaro e tamén en castelán arcaico, significa “pedregoso”.
Podería derivar Sabucedo do adxectivo latino sabuletum, “terra sabulosa, areosa”? Talvez, porque a freguesía que nos ocupa está situada nun terreo que ten esas características.
Para efectos civís non ten a parroquia máis lugares que o de Sabucedo.
Lindeiros: norte e oeste, os lugares de Vilaboa e Portela, Barro e Quintas, pertencentes a Codeseda; polo leste, Cabanelas de Liripio; e polo sur, distrito de Cerdedo.
Vías de comunicación: Camiños rurais antigos. O Estado aprobou o proxecto de construción dunha estrada que desde a parroquia sae á de Vilapouca a Ponte Vea no punto coñecido por Carballeira do Rei. Por un extremo está proxectado outro camiño do Estado que, arrincando do Serrapio, cruza Quireza.
Bañan o territorio os regatos de Bouzas, o de Marín, o de Vesacarballa ou Trasdosichós, o Regueiriño, o de Folso e a fonte de Protousía. Cóntase que houbo un escribán que vivía nun lugar elevado desta aldea —aínda se conserva o muro da súa propiedade— e, como carecía de auga, derivou unha presa desde o lugar de Vilaboa (Codeseda). Os veciños de alí armáronlle un preito que o escribán gañou, e así adquiriu o dereito a aproveitar a totalidade do auga do río durante os meses de xullo, agosto e setembro de cada ano, para o que se abriu unha grande canle con más de 1500 metros de lonxitude, por onde corría o líquido que constituía unha verdadeira riqueza na parroquia. Unha vez morto o escribán, foise abandonando o cano e hoxe está atoado.
Pódese dicir que Sabucedo forma un só núcleo de poboación; a maioría das casas están apiñadas; apenas hai media ducia de fogares separados dos demais. Pode cualificarse de pequena vila coas súas rúas, Real, Cortello Vello, Rúa Cega, Celeiro, Recanto e Campo, estradas de toxo sobre o empedrado. Esta distribución das casas atribúese á necesidade de defendérense en común polas noites dos lobos que abundaban moito na localidade. A maioría do vecindario componse de canteiros que adoitan saír na primavera a traballar polo seu oficio e volven no inverno; tamén hai algúns carpinteiros.
En sesión do Concello de data 14 de xuño de 1856, trátase da creación da escola primaria de Sabucedo. Hoxe existe alí unha escola nacional atendida polo celoso mestre D. Francisco Regueiro, fillo da parroquia. Teñen aqueles veciños unha sociedade de agricultores de pouco número de asociados.
No eclesiástico: a freguesía ten por patrón San Lourenzo e a presentación de cura corresponde ao Cabido. A igrexa é regular, de estilo románico e foi reconstruída na última metade do século pasado; está en bo estado de conservación. En 1610 xa existía a freguesía, segundo se pode comprobar con documentos de indubidábel veracidade; mais estivo unida a Liripio até mediados do século XIX. Fíxose a última escritura de foro en 1708, contando Sabucedo con só nove veciños; en 1846 xa eran 58. O curato é de entrada, con casa reitoral mediana e boas propiedades. No eclesiástico corresponden á freguesía os lugares de Devesa e Barbeira, que só teñen nove veciños e pertencen a Cerdedo para efectos civís. Nunca se fixo uso do dereito que parece que ten esta parroquia a levar incluído o lugar de Vilaboa, que vai unido a Codeseda. En 1634 xa existía a confraría de Nosa Señora do Rosario. A recua de bestas e cabalos bravos, de que nos ocuparemos despois, constituía na antigüidade a renda principal con que contaba a fábrica. Á beira da igrexa érguese un cruceiro de pedra que é unha verdadeira xoia da arte dórica, moi admirada por artistas e persoas intelixentes na materia. O curato é de entrada.
Festas anuais: San Lourenzo, o 10 de agosto; as Dores, en xaneiro; o domingo seguinte, San Amaro; a Candelaria, o dous de febreiro; e algunha outra menos importante.
O patrón ten a súa recua desde tempo inmemorial. Por tradición dise que nunha remota época de epidemia e por medo ao contaxio, dúas mulleres solteiras edificaron unha casopa no punto coñecido por Lebagueiras Vellas, un tanto afastada do núcleo da poboación; ademais, pregaron a San Lourenzo e ofrecéronlle dúas poldras que tiñan, dando con iso orixe ás bestas do Santo. Despois ideáronse os sinais para distinguir as reses que ían nacendo: consistían e consisten no corte do extremo superior das orellas e unha marca no anca cun ferro candente que, pola súa forma é chamada vulgarmente “parrilla do Santo”. Os cabalos foron aumentando e estendéndose ao sur polo monte de Montouto, nunha superficie de terreo considerábel, pois mide 40 ou 50 quilómetros cadrados. Está situado entre as parroquias de Sabucedo, Quireza, Morillas, Moimenta, Cequeril, Souto e Codeseda. Ten elevacións enormes, sendo as principais o Pico do Cabeiro no centro, o alto do Cábado, correspondente a Montillón, e os montes da Canle Prouzadoira. Tamén hai por alí canellas relativamente fértiles e congostras apropiadas polo seu abrigo para gorecerse os animais nas épocas do inverno.
Nese medio viven as bestas, en mandas independentes unhas das outras, sen que xamais se confundan. Cada unha ten seu garañón, cabalo pai, cabeza directora, que goberna con notábel instinto. Actualmente pertencen ao Santo doce mandas que sumarán unhas cen cabezas; as particulares pasan dese número. Antes había moitas máis, apesar de que os lobos facían os seus estragos; e cóntase que as eguas, ao notar que se aproximaba algún dos mencionados carnívoros, se reunían formando un apertado círculo, coas cabezas xuntas e as crías no centro, e sacudían couces constantemente, até que o perigo se afastaba; durante esa operación defensiva, o garañón recorría sen descanso unha circunferencia exterior ao círculo, defendendo a manda e vixiando para acudir ao momento de perigo no momento preciso. Eran os lobos os peores inimigos que as bestas bravas tiñan na antigüidade; hoxe teñen outros inconvenientes: esquílmase todo moito máis e alí a onde non pode chegarse esquilmando e rozando, aplícase o lume que acaba coa maleza, facendo desaparecer os túneles que hai por debaixo, onde os animais se metían os días de temporal cru; de xeito que as mandas van diminuíndo con tendencia a desaparecer, como desapareceu tamén o seu inimigo, o lobo.
De tempo inmemorial vén o costume de baixar as bestas o domingo de Pentecostés, operación que se celebra cunha verdadeira festa en que reina a alegría e o balbordo. Á alba, a campá da igrexa parroquial chama os feligreses para asistir á misa e, unha vez terminado o Santo Sacrificio, a mesma campá, con dous tanguidos, dá o sinal de partida para o monte. Marcha así todo o pobo tras o seu párroco, armados os homes de fortes paus e provistos de mochilas con abundante friame, porque é un día moi sinalado do ano e hai que comer e beber ben. Coa habilidade adquirida en moito tempo de práctica, os veciños van concentrando os animais nun punto determinado, onde hai un cercado. Unha vez feito isto, comezan as merendas campestres. Rematada a comida, son conducidas as bestas a un montículo debidamente cerrado, moi próximo á aldea, que se chama «Campo do Medio», onde pernoctan as bestas debidamente vixiadas por persoas designadas ao efecto. O luns, márcanse as crías e aproximadamente sobre as dez, trasládase todo o gando para o curro inmediato á igrexa, que está solidamente amurallado. Alí selecciónanse os poldros de un ano, que pasan á venda, e rápanse as demais bestas, operación de moito coidado que acometen con ousadía e valor, por parellas, os mozos da localidade, a conta de non poucos incidentes e vorcallóns, pois teñen que suxeitar, unha por unha, as bestas salvaxes, que se defenden canto poden. Estes contratempos constitúen a parte más distraída de todas as operacións de baixada, marcado e rapa. É de ver os garañóns coidando activamente cada un da súa manda, pelexando uns con outros e formando algunha vez, levantados e abrazados, un ramallete ou piña animal moi curiosa. As crinas produto da rapa póxanse.
Nunha ocasión, alá polo ano 1840 e en virtude de denuncia do alcalde do Campo, presentáronse en Sabucedo dous delegados da Facenda para tomar nota das bestas reunidas no curro, pero os veciños da localidade déixaronas soltas e os animais marcharon para o monte a todo galope sen que houbese tempo para inventarialas nin recoñecelas. Debido a este incidente iniciouse un grande preito, que gañou o cura.
Unha vez terminada a rapa e as demais operacións volven as bestas ao monte, até o ano seguinte.
Un feito sensacional ocorreu na parroquia alá polo ano 1888, cando se fixeron obras na sancristía da igrexa. Uns desalmados introducíronse no templo polos ocos abertos, depositando unha dose de arsénico nas vinagreiras. Ben alleo o párroco D. Ángel Nodar Matalobos ao perigo que o ameazaba, pereceu envelenado inmediatamente despois de terminar o Santo Sacrificio da misa o día seguinte á noite do feito vandálico.
Cóntase que os franceses, cando foi a guerra da Independencia, chegaron unha mañá a Sabucedo. Asustado, un veciño púxose en fuga, pero alcanzárono as balas e caeu morto. Despois os franceses limitáronse a abrir os hórreos, dar millo aos cabalos e provocar algún incendio, pero un práctico do país que traían con eles recriminounos para que non causasen máis danos, e retiráronse seguidamente.
Recordos quedan tamén dos carlistas: estiveron na parroquia un domingo, os xefes aloxáronse na reitoral e a tropa dedicouse a cazar galiñas para o rancho.
SANTELES
Sobre Vea, polo leste, está a parroquia de Santeles, que consta de 135 cabezas de familia e 794 habitantes; dista da Estrada uns sete quilómetros por termo medio.
A freguesía é unha das más antigas do país. «Quen pola aba do Xesteiras baixe ao val de Vea, divisará esta parroquia no confín do río Ulla como unha mancha indecisa, no extremo norte do mesmo val». De aí se supón que vén o nome de Santeles, palabra composta de San e Teles, grego, que significa “lonxe”. Dáse ademais a circunstancia de que, desde Santeles se ven, en varias direccións, unha grande extensión de terreo e distintos lugares; e, por conseguinte, tamén desde moitos puntos afastados se divisa Santeles, como sucede con Santiago, Luou, Monte Pedroso, Monte Bacelo, o da Madanela en Carbia e Arzúa.
Compoñen a parroquia os lugares de Vilanova, Traspedra, Torre de Renda, Renda, Carricova, Sinde, Cruxeira, Fondevila, Viasque, Touza, Godoi, Ribeira dos Tatos, Santeles de Abaixo, Sar de Abaixo, Sar de Arriba, O Pazo, Arxóns, Pearo e Eicián(55).
Torre de Renda vén de que alí había unha torre ou fortaleza antiga, onde o señor feudal ou os seus apoderados cobraban a renda foral. Renda, “sitio ou terreo de renda, aforado antigamente”. Carricova: case-cova; pois está nun punto de depresión, laberíntico, vello, de mala figura. Cruxeira, de curuxa, ave nocturna que debeu abundar por alí na antigüidade. Fondevila, fondo da vila. Touza é chousa, é dicir, “monte pechado con matogueira”. De Godoi só sabemos, polo Padre Gándara, que é un apelido ilustre de Galiza. Sar din que vén do celta saa, “vello” ou tamén que pode significar “correr, xeralmente a auga”. O grande filólogo Sr. Amor Ruibal xulga que os nomes de aldeas Sa e Saa, poden moi facilmente seren expresión do culto céltico. Pazos,”casas suntuosas, de nobres”. Arxóns, aumentativo de argas, grego, que significa, “húmido”. Eician, latín, que significa “heime aquí”.
Lindeiros: norte, río Ulla, separando da provincia da Coruña; sur, Toedo e Baloira; leste, Paradela, Aguións e arroio de Pina; oeste, Santa Cristina de Vea e Cora.
Vías de comunicación: camiños de carreteiros, antigos e malos. Foi aprobado polo Estado o proxecto dun camiño que, partindo da vía da Estrada a Santiago, en Toedo, termina fronte á igrexa parroquial. Hai tamén a ponte de Lagares entre Touza e a Igrexa, e unha barca sobre o Ulla, propiedade de D. Evaristo Martelo, marqués de Armeira. Houbo un camiño real antigo desde a ponte de Sarandón por Godoi, Carricova, Renda, cara Baloira.
O río Ulla, segundo xa se sinalou, pasa polo límite norte desta parroquia; por ela corre tamén o Liñares, e neste desemboca o arroio de Pina, que nace en Matalobos e también baña a freguesía. O río Ulla, acada, fronte á parroquia que nos ocupa, unha notábel profundidade, coñecida por Pozo do Pego.
O 14 de xuño de 1856 fundouse a escola de Santeles; hoxe é mixta, atendida por unha mestra. O Ministerio de Instrución aprobou o expediente para crear outra escola de nenos.
Teñen aqueles labradores unha Sociedade agrícola con seguro de gandos; que funciona en local propio, construído a expensas dos veciños.
No eclesiástico: Santeles é curato de entrada. Ten un cura e por patrón San Xoán. Antes presentaba D. Antonio Mosquera de Pontevedra; seguiuno na presentación D. Melchor Mosquera Pimentel, quen cedeu o seu dereito, con todos os froitos, ao colexio de xesuítas da devandita cidade: os xesuítas tiñan vicarios á fronte da parroquia. Despois da desamortización e exclaustración o dereito de presentar pasou ao marqués de Aranda. A igrexa data dos séculos XII ou XIII; nela introducíronse reformas que a fixeron desmerecer na valía que tivo primitivamente, pois respondía a aquela arquitectura típica de cando a arte románica, nacida da influencia bizantina sobre o latino occidental iniciado na nosa rexión pola décima centuria, chega ao seu esplendor, co arco de canón seguido e a bóveda esférica con que se cobren espazos cadrados, chamada de cruceiro. É o templo que nos ocupa parecido ao de Frades, típico, dos máis antigos de Galiza, dunha soa nave e un só altar; ten dúas fiestras angostas para axexar, vixiar e servir de seteiras. Recibiuse orde de reconstruír o antigo presbiterio en visita de 1636, sendo cardeal D. Agustín Espinola. O mandamento di: «Por canto se viu que a capela maior está en perigo de caer, debe reparala D. Antonio Mosquera Pimentel dentro de seis meses, pena de excomuñón. E se non o fixer, mando ao reitor Alonso de Leirado que non acuda coas dúas cargas de pan que paga de padroado ao devandito D. Antonio e que as teña retidas no seu poder coa advertencia de que o pagará dos seus bens». Na parede do leste vese un capitel que procede do antigo presbiterio e que semella a figura dun monstro devorando un home; nese mesmo capitel aparece a divisa xesuítica «j h s» — jesus homine salvatum —. O monstro, na súa angueira devoradora, significa «a morte do pecado na carne ou o exterminio do pecado que radicaba na materialidade da carne, redimida pola morte de Cristo» (“San Paulo aos romanos”, capítulo 6.° da Sagrada Escritura) Hai outra pasaxe, versículo 3.° cap.° 8.° «Matou Deus o pecado na carne ao enviar o seu fillo feito carne».
Sobre a porta principal da mesma igrexa, o que dá idea da súa antigüidade, hai unha inscrición que di: «Culto divino: esta es la Casa de Dios y puerta del Cielo —Gén. cap. 2. Entraré. Confesaré. Adoraré y encomiaré tu Santo Nome. P. Sal. 137». Sobre a porta lateral do norte, lese: «Silencio—Año DCCLXXI1I». Pertencen a esta igrexa unha notábel naveta de prata adquirida en 1698; un incensario e unha cruz de estilo barroco que xa existía en 1648 e que ten un gravado que di: «Ángel Piedra», nome do orfebre. Para librar da rapina esta cruz, durante a invasión francesa, foi agachada ao pé dun castiñeiro corpulento que existía na quinta Val da Anduriña, inmediata á reitoral. Hai uns nove anos que esa árbore pereceu de vella.
Ao introducir na igrexa a capela do Rosario, apareceu unha lápida coas armas do célebre Suárez de Castro, e era do sepulcro do cura D. Juan Suárez.
En Renda houbo unha capela feita de esmola, advocación de San Antonio. Pechouse en 1884. O retablo foi vendido para a igrexa de Lagartóns, en 125 pesetas, polo cura D. José María Louzao; a pedra empregouse, parte na reforma da igrexa e parte na presa do muíño de Lagares. Nun cuberto que había á beira da capela, organizábanse as milicias. Foi modificado en 1857 polo bacharel D. Gregorio Codesido. Desde esta capela a Eicián había dúas fileiras de carballos seculares, que formaban a famosa «Carreira de Eicián», cuxa denominación aínda existe alí. Esas árbores cortounas José Barreiro Calvelo.,
O cura de Santeles, bacharel D. Juan Suárez de Castro y Ulloa, fundou en 1639 unha misa cantada con dúas vixilias e dúas misas rezadas, dotándoas con sete ferrados de centeo cada ano, que foron redimidos en 1914.
No campo da feira que se celebraba en Renda, hai un cruceiro de pedra con esta inscrición: «Esta obra la mandó hacer Juan Touceda y su mujer el año 1658». Outro cruceiro que hai preto da igrexa é do 1736. O cruceiro Calvario de Santeles é de 1789 e foi feito por Marcos de Andrade.
Festas anuais: San Xoán, o 24 de xuño; Corpus, o día seguinte; o domingo seguinte, Santa Bárbara; San Sebastián, o 20 de xaneiro; a Candelaria, o dous de febreiro; e o Carme, o 16 de xullo.
Outras particularidades: Santeles é abundante en arboredo, especialmente para leña, e poderíano exportar en grande cantidade aqueles labregos se tivesen boas vías de comunicación.
En Eicián tiñan os xesuítas unha casa con oratorio, que pasou a poder do escribán D. José Fermín Campaña, cando foi a exclaustración. Sobre as ruínas fixo outra casa D. Agustín Bueso de Pineda, que hoxe é de José e Manuela Martínez.
En Pearo, sobre o muro dunha leira que linda co camiño público, hai unha lápida curvada cun cetro labrado en realce. Suponse que foi da sepultura dalgunha persoa importante, e non falta quen diga que na finca contigua estaba antigamente o cemiterio.
No mesmo lugar, na casa que hoxe é de José González, aínda está o escudo dos Miranda, familia distinguida do país, da que existen descendentes en Santo André de Vea, emparentados co finado Luces Miranda da Estrada.
En Renda celebrábase un mercado, especialmente para liño, os días 21 de cada mes e unha feira o 15. O Concello, en sesión de 22 de setembro de 1855, acordou suprimir a feira fundándose en que era incómoda debido a estar entre os ríos Ulla e Viso. Malia ese acordo, a feira continuou. O 26 de novembro de 1879 acordouse que se celebrase o 21 de cada mes. Debido a eses cambios, que realmente pretendían a supresión da feira para favorecer outra creada na Estrada en 1877, foi perdendo moito a de Renda, até que morreu.
No lugar da Torre hai un castro antiquísimo, propiedade de D. Gerardo Rodríguez del Corral. Entre Arxóns e Pearo existe outro castro más pequeno que parece que tivo por obxecto a defensa do paso do río Ulla. No primeiro deles refuxiáronse os veciños canda a invasión francesa, facéndose fortes alí, aínda que finalmente non foron atacados. Tamén en tempos da guerra da Independencia, mandou a autoridade destruír os poios da barca de Ribeira e mais as propias barcas, para que os soldados de Napoleón carecesen de medios con que cruzar o río; un deses artefactos pertencía a Antonio Carbia Lorenzo.
Dise que no monte da Devesa, próximo a Renda, se fixeron unhas escavacións hai cousa de 80 anos e que se atoparon sepulcros de pedra labrada atribuídos aos romanos. Despois levounos Benito Baltar para Cruxeiras.
Os de Santeles, por tradición, saían en grande número a mañá de San Xoán para buscar o sol ao lugar de Monte da Cova, onde se reunían cos de Trobe e San Pedro de Sarandón nun ambiente de broma e alegría. Ese costume decreceu moito.
D. Fermín Campaña, escribán de número, veciño de Eicián, sostivo un preito ruidoso co clero de Vea, sobre reclamación de varios efectos, entre eles algúns canóns que quedaran da guerra cos franceses; a reclamación non prosperou.
Tamén foi de Santeles D. Lázaro de Noya, escribán pola xurisdición de Vea. Cóntase que nunha ocasión pasou por alí o capitán xeneral D. Nazario Casa de Egia, que se sentiu molesto porque non saíron a recibirlo as autoridades locais; entón chamou ao alcalde, Alonso Baloira, de Santa Cristina, que compareceu coa roupa de andar nas veigas e sen saber que dicir. Perante a rudeza daquel paisano, o xeneral declinou a súa ira e, supoñendo culpábel da desatención ao cacique local, como persoa que polos seus títulos e cultura non tiña desculpa, mandou comparecer a D. Lázaro de Noya. Presentouse este lucindo unhas fermosas e louras patillas, nas que se vingou o capitán xeneral ordenando a un barbeiro que as afeitase en seco. Mandou exhibir o rasurado pola vía pública cun pregoeiro e, despois de obrigalo a pagar unha onza de ouro ao barbeiro, deixouno en liberdade.
A SOMOZA
Parroquia de 102 cabezas de familia e 632 habitantes, situada na aba oriental dos montes de Zo, a tres quilómetros da Estrada.
O significado do nome que leva, pola súa raíz grega é “porción”, “anaco”; mais talvez proceda do galego como palabra composta de so e moza.
Lugares: Os Sureiros, Vila de Abaixo, Chan, A Carballeira, Bargo, Cernadela e Castro Ramiro(55)
Lindeiros: norte, Ouzande e Guimarei; sur, montes do concello de Cuntis e da parroquia de Arca; leste, Tabeirós e Nigoi; e oeste, Ouzande e Arcos de Furcos.
Vías de comunicación: camiños rurais antigos e os pontóns de Cernadela, Muíño de Abaixo, Carballón e Codeseiras.
Baña o territorio parroquial o regato das Brañas que xorde en términos da mesma parroquia, no punto de Fonte Fría. Teñen os pais de familia para a educación dos seus fillos, unha escola nacional atendida por un mestre; e os labradores están asociados nunha entidade agraria. No ano 1917 celebraron unha moi lucida Festa da Árbore, na que interviu eficazmente o gardamontes D. Antonio López.
No eclesiástico: Somoza é filial de Guimarei e ten por patrón Santo André. A igrexa é regular e antiga, como también o é a freguesía, aínda que do arquivo parroquial só puidemos deducir datos a partir do ano 1706, en que se fundou a confraría do Sacramento.
Festas anuais: Santo André, o primeiro domingo de decembro; o día seguinte, Santa Bárbara; o 25 e 26 de decembro, San Roque e a Virxe da O; o 24 de xuño, os Remedios, e o día seguinte, Santo Antonio.
Cando a guerra da Independencia, morreu a man dos franceses María de Castro. Os da parroquia da Somoza tiñan antigamente como ocupación principal a de cardar la e percorrían polo seu oficio toda Galiza, chegando mesmo a León. Aínda quedou, a través dos anos, a seguinte copla popular:
Onde son; onde serán;
de Santo André da Somoza,
dos cardadores da lan.
En 1704 actuaba na Somoza o escribán D. Pedro Rodríguez de Fraga, a quen sucedeu D. Domingo Antonio Rodríguez de Fraga, que tamén actuaba en 1741.
SOUTO
Esta parroquia está situada nas inmediacións do Cábado. Ten 167 cabezas de familia e 906 habitantes e dista da Estrada uns doce quilómetros por termo medio.
A antigüidade da freguesía é moita, segundo os documentos que examinamos, mais non podemos meternos na aventura de sinalala: o arquivo parroquial data do ano 1650.
Lugares: Cortegada, San Torcado, A Somoza, Enviande, Montillón de Arriba, Montillón de Abaixo, A Toxeira, Souto e Torreboredo.
Souto xa sabemos que significa “campo poboado de castiñeiros”. Cortegada é denominación castelanizada que vén de cortellada en galego, é dicir, “cortes ou cortellos” (cabanas en que se acubillaban as ovellas e cabras que durante o día pacían naqueles extensos montes). San Torcado, é dicir, San Trocado (“cambiado”): trátase de San Bieito, cuxa imaxe estaba antes no lugar que nos ocupa; pero, un ano de fame, os veciños cambiáronllelo aos de Montillón por unha insignificante cantidade de millo miúdo. Sobre A Somoza afirman algúns historiadores que, pola súa raíz grega, significa “porción” ou “anaco”. Debemos ter en conta tamén que quizais, por estar un tanto afastada das demais da parroquia, aparece a raíz so, e que cando se fundou ao mellor denominárona Somoza, palabra composta de so e moza, por ser nova. Enviande, “vía para andar”, por ser o camiño apropiado para saír daquelas paraxes montañosas, e trasladarse a outras. Montillón, diminutivo de monte. A Toxeira, “lugar onde hai toxos”. Torreboredo, Torre de Boredo: fortaleza que alí houbo co nome do señorío a que pertencía.
Lindeiros: norte, Nigoi e Arca; sur, Concello do Campo Lameiro; leste, Codeseda e Quireza; e oeste, Cequeril de Cuntis.
Por termos desta parroquia pasa a estrada de Codeseda ao Campo; as demais comunicacións consisten en camiños antigos e mais as pontes e pontóns chamados: de Souto, da Toxeira na estrada, o de Fragoso, o de Montillón, o de Cortegada, o de Enviande, outro entre Fragoso e Souto e outro entre Souto e Xubrei.
Baña esta parroquia o río Umia, e no lugar de Souto hai dous regatos con que se fertilizan varios terreos; en Montillón aparece o regato de Fonte do Cabalo, que nace no pico do Cábado, e después de regar algunhas veigas desemboca no río por termos de Arca. Tamén se utiliza para o rego o riíño de Enviande-Penizas que nace nos Queimados e desemboca no regato de Fonte do Cabalo á beira da ponte de Montillón.
O 10 de marzo de 1880 foi creada a escola incompleta de Souto, hoxe escola nacional atendida por un mestre que exerce en Torreboredo.
En Montillón funcionan dúas escolas, unha de nenos e outra de nenas, que se deben ao xeneroso e moi ilustrado fillo de devandito lugar, D. Darío Caramés, Inspector Xefe de Ensino Primario en Bilbao.
O local de escola «Curros Enriquez», iniciativa de D.José Cortés, está situado no Arnado, en termos de Souto. Hai tamén nesta parroquia un sindicato, antes sociedade de agricultores, que tivo días de enorme loita na que se distinguiron pola súa valentía os directores dos elementos asociados.
Abundan en Souto os canteiros e carpinteiros que saen do país para traballar polos seus oficios. Como as laboriosas formigas, buscan durante o verán para comer no inverno.
No eclesiástico: esta parroquia é filial ou anexo de Arca; ten por patrón Santo André e o curato está clasificado de entrada.
A igrexa parece do século XVI, é regular e ten unha espadana con dúas campás.
En Montillón hai unha capela a San Bieito que, como a igrexa, ten espadanas e dúas campás. Foi modificada e aumentada en distintas ocasións e rematada en 1700. Resulta un edificio bastante vistoso. Había en termos da parroquia, a mediados do século XVII, un convento chamado de San Paio no que habitaban unha media ducia de frades procedentes de Armenteira. Deste edificio só se conservan algúns vestixios dos muros; a pedra foi aproveitada na torre da igrexa de Arca. En San Torcado, punto de Pau Ramiro, houbo unha capela que limitaba os dominios do duque Patiño; dela só se conservan restos.
Festas anuais: Santo André, o 30 de novembro; a Saleta, o 19 de setembro; o día seguinte de Santo André, o Carme; San Bieito, o 21 de marzo e 11 de xullo; as Ermidas, o primeiro domingo de agosto; o Carme, o primeiro domingo de xaneiro; a de Santo Antonio, variábel.
As rendas procedentes do convento de San Paio pasaron ao duque Patiño, que era o señorío máis coñecido na localidade; hoxe os foros que tiña están redimidos.
En sesión do concello de data 22 de xullo de 1847 faise alusión aos danos que os animais salvaxes causan nos montes de Souto e outros.
Nunha paraxe inmediata a Torreboredo, coñecida por Cantiño, terreo brañal, dise que había unha aldea que se afundiu e parece que se atoparon alí, non hai moito tempo, restos de construcións, como ladrillos, anacos de vigas, etc.
No monte do Cábado hai bestas bravas; dúas mandas: a do cabalo negro e a do cabalo castaño.
Na parroquia que describimos hai cartería, estanco de tabacos e algúns establecementos comerciais. También hai un practicante, D. Manuel Caramés.
Non faltan incautos que por tradición falan dun pendón de ouro enterrado no Cábado, no punto coñecido por Coto da Galla, e mais de outro tesouro agachado polos mouros a cen pasos ao nacente da Fonte do Carballo, también no Cábado. En ambos os sitios a inocente credulidade fixo traballos de escavación en busca do tesouro cobizado, mais sen resultado favorábel.
A invasión francesa deixou en Souto recordos sanguentos. Copiamos: “22 de decembro de 1810. Dentro da parroquial igrexa de Santo André de Souto fixéronse o enterro e mais as honras fúnebres de Miguel Caramés, marido de Benita Fernández, de Montillón de Abaixo. Matárano os franceses en Santa Cristina de Vinseiro, no ataque da Rocha”. “20 de Febreiro de 1811. Na igrexa de Santo André de Souto fixéronse os funerais de Ramón Iglesias, marido de Ángela Fragoso, de Torreboredo. Morreu no hospital de Ciudad Rodrigo ferido polos franceses”.
TABEIRÓS
Parroquia de 171 cabezas de familia e 1006 habitantes, ao sur da vila e distante desta en 5 quilómetros.
Era esta parroquia o centro da antiga e moi importante xurisdición do seu nome e alí estivo ata 1840 o Xulgado de 1ª Instancia, que levaba a mesma denominación de Tabeirós, e aínda a conservou despois de ser instalado na Estrada, até que o 3 de setembro de 1869 SA o Rexente do Reino dispuxo o cambio de designación.
Lugares: O Outeiriño, Tosar, Cepetelo, As Quintas, A Consolación, Sar, O Outeiro, Vilarreal, Sandán, Cimáns, Tabeirós, A Revolta e Piñoi(57).
Pescudando sobre o significado dos nomes que levan algúns deses lugares, atopámonos con que o de Tosar foi denominado antigamente Toxar, “terreo onde abundaban os toxos” ao fundarse o casarío. Cepetelo, diminutivo de cepo, tronco de árbore. As Quintas: o mesmo pode vir de que alí se facían as quintas ou recrutamentos locais na antigüidade, que das quintas partes da produción total que en épocas pretéritas correspondían ao señor feudal. Xa en tempos do arcebispo Xelmírez pagábaselle a este a quinta parte da presa recollida cunhas galeras que mandara construír en Iria. Da Consolación diremos que alí hai unha capela adicada á Virxe da mesma denominación. De Sar, pola súa raíz celta, cabe supoñer que veña de Saa vello, ou de correr por alí a auga. Cimáns, de estar situado nunha cima ou altura con relación a outros lugares inmediatos. Piñoi, “terra de piñeiros”, como así é en realidade.
Lindeiros: norte, Guimarei e A Somoza; sur, Nigoi; leste, Parada e Vinseiro e oeste, montes de Arca e Arcos.
Vías de comunicación: a estrada de Vilapouca a Ponte Vea pasando pola Estrada, e mais camiños veciñais antigos.
Bañan esta parroquia o río de Ponte Nova, que xorde en termos da Somoza e rega terreos de Tosar e O Outeiriño; o regato de Berete, que nace en Maceirón, termos de Sar, desemboca en Nigoi e pasa a Vinseiro.
En sesión do Concello, con data 18 de xaneiro de 1856, consta que había escola en Tabeirós e era mestre D. Juan Durán. Actualmente hai dúas escolas nacionais, unha de nenos e outra de nenas. Tamén hai alí unha sociedade pro-instrución, que alentan os fillos da parroquia residentes en Cuba.
No eclesiástico: Tabeirós ten por patrón Santiago e por filial, Parada. É de ascenso; a presentación de cura pertence ao Cabido. A igrexa, un tanto reducida dada a importancia da freguesía, é anterior ao século XVI, estilo románico-bizantino. A medio quilómetro de distancia está situada a capela da Consolación onde se venera esa Virxe e mais San Sebastián, avogado dos quintos. Presenta a capela moi bo aspecto e é espazosa. Conta cunha capelanía fundada por D. Domingo de la Iglesia e D. Manuel Marzoa antes do ano 1707. O arquivo parroquial retrotráese ao ano 1589, mais a freguesía é moito máis antiga. A imaxe de San Sebastián procede dunha capela que había no agro dese nome, no terreo dos herdeiros de Josefa Neira, que chaman Porta do Santo.
Festas anuais: o patrón, o 25 de xullo; a Consolación, o 8 de setembro; Santa Ana, o 26 de xullo; San Sebastián, o 20 de xaneiro, e Santo Antonio, o 13 de xuño.
O lugar da Consolación foi centro importante; alí había carnizaría e establecementos comerciais, e celebrábanse feiras, tanto que en sesión do Concello con data 12 de xuño de 1871, deuse conta dunha solicitude daqueles veciños, pedindo que a feira do terceiro domingo de cada mes se estendese a toda clase de gandos. En sesión do mesmo Concello de data 15 de outubro de 1902 alúdese á creación da cartería da Consolación.
No lugar do Outeiro hai un castro ou campamento antigo do que o vulgo conta marabillas pola súa prodigalidade en tesouros e encantamentos.
Houbo en termos da parroquia unha fábrica de papel, da que nin as ruínas quedan.
A Tabeirós pertenceu o lugar de Xerliz, que hai uns 50 anos foi agregado a Guimarei polo arcebispo.
Moitos dos materiais de cantaría que se empregan en construír edificios pola contorna proceden das boas canteiras da parroquia que describimos.
Ten graza o que oímos e nos contaron como suceso verídico, relacionado co veciño da localidade Manuel Caramés, carpinteiro de oficio. Este bo home afeccionouse á política e comezou a soñar con cargos e prebendas, aínda que carecía das máis indispensábeis condicións para eses postos. Tomárono a chacota uns cantos da Estrada e enviáronlle por correo unha credencial falsificada, en que aparecía nomeado escribán de Sevilla; e co documento no peto, oufano e moi satisfeito de ter nacido, marchou o incauto a servir de broma aos andaluces, que se deron conta axiña da chanza. Avergoñado, o pobre Caramés, non volveu máis ao país, e talvez quedase meditando naquilo de “zapateiro, aos teus zapatos”.
Loitando pola Independencia nacional, canda a invasión frascesa do século pasado, morreron Manuela de Pena, Agustín Jacinto de Coto, Domingo Antonio Mazo, Pascual de Ponte, Jacinto Trabadela, Roque Borrageiros, Domingo Antonio de Silva, Ignacio Borrageiros, Juan Loureiros e Juan Durán.
O 8 de outubro do ano corrente, celebraron os asociados en prol do ensino unha festa escolar na Consolación, que resultou lucidísima e altamente simpática. Foi factor principalísimo da organización, o entusiasta D. Erundino Bergueiro, presidente da delegación de veciños residentes en Cuba e presidiu o acto o respectábel Tenente Coronel de Sanidade D. Alfredo Pérez Viondi, quen deu unha notabilísima conferencia sobre a necesidade da inspección médica escolar.
Non pecharemos o capítulo sen dedicar un recordo a D. José Monteagudo, finado hai algúns anos, quen, sen ningún título, pero cun amor sen límites para o ensino, se dedicou a el con loábel afán nas horas libres e así influíu notabelmente na educación dalgunhas xeracións. Nunca quixo percibir remuneración material. Foi obra súa unha famosa Carta de Cristus(58), que empregaba con grande éxito.
Tampouco deixaremos no esquecemento ao mestre D. Serafín Castro polo entusiasmo e competencia que puxo na obra cultural.
Pai Soares de Tabeirós escribiu a primeira composición en verso dedicada á famosa Ribeiriña. Trátase dun fillo ilustre desta parroquia?... Talvez si(59).
TOEDO
Parroquia de 57 cabezas de familia e 281 habitantes, distante da vila uns 3´5 quilómetros por termo medio.
Antiga é esta freguesía, mais carecemos de referencias concretas para sinalar datas. Tampouco podemos aventurarnos a dicir con firmeza cal é a etimoloxía ou significado da palabra Toedo e só nos faremos eco da opinión pouco fundamentada dalgúns que din que vén de eido, ou todoeido, “terreo cultivado”. Virá de boedo, “terreo pantanoso”? Pode ser.
Lugares: Regueiro, A Carballa, O Talló, A Igrexa, O Soutiño e Toedo(60). En canto á orixe ou significado da denominación que levan, está ben claro se exceptuamos Talló, cuxo nome equivale a “fragmento ou anaco de terra”.
Lindeiros: norte, Santeles; sur, Matalobos; leste Aguións e oeste, Baloira.
Vías de comunicación: a vía do Estado da Estrada a Santiago e mais camiños rurais antigos. Por termos desta parroquia vai o trazado dun camiño do Estado que termina na igrexa de Santeles. Fixéronse estudos para un ferrocarril das minas de Arca no concello de Piñeiro, partido da Arzúa a Vilagarcía. No lugar do Soutiño hai dúas pontes, próximas entre si, que se chaman do Brañal.
Bañan o territorio de Toedo os regatos dos seus agros, e o de Regueiro, que xorde no Soutiño e desemboca no río de Ponte Barcia.
Pertence esta parroquia ao radio ou distrito escolar de Matalobos e, por conseguinte, non ten escola propia. Os labradores están inscritos nunha sociedade agraria con seguro de gandos.
No Soutiño, á beira da estrada, hai dous establecementos comerciais, un deles de D. José María Vázquez; e por alí ten a súa residencia o veterinario D. José Ríos Eiriz.
No eclesiástico: Toedo tivo nalgún tempo como anexo a extinguida freguesía de Figueiroa; hoxe é filial de Matalobos. A igrexa data de antigo e resulta un tanto reducida; polo leste ten o escudo de Santa cruz e un letreiro que di: «Esta obra la hizo a su costa D. Domingo Cortázar y Díaz, natural da villa de Poza, arzobispado de Burgos, Comisario del Santo Oficio y cura propio de San Pedro de Toedo y de San Payo de Figueroa. Año 1761». O patrón é San Pedro.
Festas anuais: San Pedro, o 29 de xuño; o 30, o Sacramento; o domingo seguinte, Santo Antonio; o primeiro domingo de setembro, as Dores; o día seguinte, San Roque; o terceiro domingo de outubro, o Rosario; o 25 de decembro, o Neno Xesús e o último domingo de maio, San Sebastián.
Dicíase que no outeiro da Loba había un tesouro enterrado e aqueles incautos veciños fixeron nunha ocasión escavacións para desenterrarlo. Os traballos duraron varios días, pero o tesouro non apareceu, apesar de que se turnaban os interesados, traballando uns de día e vixiando outros pola noite para que non viñesen xentes estrañas a aproveitárense.
De Toedo foi o coronel D. José de Barcia, que tiña unha casa no Talló, adquirida despois por José Martínez e propiedade hoxe de Lorenzo Loureiro. Finou D. José pouco despois de regresar de Franza onde o tiveran detido sen que saibamos as causas.
Dominaban na localidade cos seus foros o marqués de Santa Cruz e o conde de Ximonde.
VEA (SANTO ANDRÉ)
Parroquia situada na aba oriental do monte Xesteiras, que se compón de 109 cabezas de familia e 539 habitantes, distando da Estrada uns 10 quilómetros.
Lugares: Paramá, A Ribeira, Ramiráns, Calvelo de Arriba, Calvelo de Abaixo, O Pazo, Constenla, Murxide, Celeirón, Vera, Gondarei, Cardelle, Trazarís.
Discorrendo en canto á orixe ou etimoloxía dos nomes destes casaríos, atopámonos con que Paramá, é dicir, páramo, vén de estar situado na altura do monte, en punto frío e desamparado dos ventos. A Ribeira, por ser ribeira do regato que baixa da Bragada. Ramiráns vén dos Ramiros que dominaron en Galiza, un deles Ramiro I, fillo de Bermudo, vencedor dos normandos que fixeran un desembarco na Coruña; e o outro, fillo de Sancho I, durante cuxo reinado tamén entraron os normandos na nosa rexión. Calvelo vén de calvo, “lugar pelado ou ermo”. Murxide é o mesmo que morgade e equivale en grego a “sebe” ou “cerca”. En canto a Celeiróns, véxase o que dixemos ao tratar dun lugar do mesmo nome pertencente a Berres. Pénsase que Gondarei vén de Gundemaro, rei de Galiza. Cardelle, de cardar ou cardador. Trazarís significa “alá detrás, na revolta”, como sucede neste caso.
Lindeiros: norte, San Xurxo; sur, Portela de Cuntis; leste, San Xiao; e oeste, Frades.
Vías de comunicación: a estrada de Santiago a Cuntis; camiños veciñais antigos e as pontes e pontiñas de Cardenande, Ramiráns, Trazarís, Cano n.° 8 e Cardelle, todas na estrada; outra sobre o regato de Bragada; a do lugar de Ribeira; a do Tallo en Ramiráns, que comunica con San Xiao, e mais o de San Bartolomé.
Baña os termos desta parroquia o regato da Bragada, que ten orixe alá no monte, entre Santo André e Portela: aflúen a ese regato algúns arroios de pouca consideración.
O ensino primario consiste nunha escola nacional servida por un mestre. Foi creada en sesión do Concello de data 14 xuño de 1856. Os labradores contan cunha asociación, que ten seguro de gandos.
No eclesiástico: o curato é de ascenso e pertence á Coroa. A igrexa pode contarse entre as regulares do país, de non moita antigüidade. Anteriormente houbo outra en Ramiráns, no punto coñecido por Pereiro, onde se atopan restos dos alicerces. A casa reitoral ocupa unha situación moi bonita e enxérgase desde as fiestras un espléndido territorio. Dentro de dita igrexa está a capela da Purísima Concepción, fundada pola familia de Leira.
Festas anuais: Santo André, o 30 de novembro, o Rosario, o día seguinte; o domingo seguinte, San Roque; o Carme, o 16 de xullo; as Dores, o terceiro domingo de setembro; o día seguinte, San Antonio e o Corazón de Xesús.
Outras particularidades: En termos de Santo André existen unhas ruínas dunha casa señorial que pertenceu ao conde de Ximonde.
Entre esta parroquia e San Xiao álzase o castro de San Bartolomeu, que debeu ser unha importante fortaleza na antigüidade, pois aínda conserva sinais evidentes de fosos e contrafosos. Cóntase que a credulidade daqueles veciños os levou, hai xa bastante tempo, a realizar escavacións en busca dun tesouro imaxinario e que varios dos traballadores pereceron por derrubamento dunha mina.
No ano 1860, un espantoso andazo de varíola fixo estragos na parroquia.
VEA (SAN XURXO)
Na vertente oriental do monte Feáns, está situada a parroquia de San Xurxo de Vea, que dista da Estrada uns 12 quilómetros por termo medio e conta con 110 cabezas de familia e 559 habitantes, distribuídos nos lugares seguintes: A Valiña, A Riba, Outeiro, O Souto, Coutada, Trascastro, Azoreiros, Curuxas, Loureiro de Abaixo, Loureiro de Arriba, O Casal, Piñeiro, Fonteboa, Valcárceles, Guntín, O Rosallo, Bouzamar e Trasfontao(61).
Coutada parece que quere dicir “asegurada”; tamén pode vir de coto na súa última acepción: Azoreiros, de azuzar, “incitarse, provocarse”. Curuxas, punto ou morada destas aves. Fonteboa recibe o nome dunha fonte de moi boa auga que ten o lugar. Valcárceles, pola súa raíz val, significa “val, chaira”. Guntín, xustín, “xustiño”. Rosallo, “roseira, terreo de rosas abundantes”. Bouzamar; “moita bouza, matogueira”. Trasfontao, detrás dunhas fontes moi coñecidas alí.
Lindeiros: norte, Couso; sur, Frades e Santo André de Vea; leste, San Xiao e Santa Cristina; e oeste, os Barcalas.
Vías de comunicación: a vía do Estado de Estrada a Santiago, a de Boimorto a Cesures e a de Santiago a Cuntis, con cruces en Bouzamar e en Souto de Vea; a ponte de Cardelle e camiños rurais.
Para o ensino primario teñen os de San Xurxo unha escola servida por un mestre, situada no lugar da Riba. Tamén teñen unha sociedade de agricultores con seguro de gandos.
No eclesiástico: San Xurxo ten por anexo Frades con anterioridade ao ano 1640. Hai un cura e un coadxutor. É padroado da Coroa. A igrexa é boa e está moi ben coidada; no frontis lese a seguinte inscrición: «Esta obra se hizo siendo cura D. Alonso de Novoa». A imaxe do patrón é de escultura tan notábel, que ten sido levada, en días de grande solemnidade relixiosa, a Santiago e a outros lugares. Sobre o altar maior está a bóveda agretada debido a un tremor de terra que se notou non hai moito tempo. A igrexa foi consagrada no ano 1161 por Sergio, bispo de Cora, segundo indica unha relación da visita feita a diócese polo cardeal Hoyo a principios do século XVII. A propósito diso di o Sr. López Ferreiro, que ao seu xuízo debe lerse no canto de Sergio, Soro, que por aquel tempo estaba á fronte da sé de Coria. A pía bautismal, de mérito indiscutíbel pola súa antigüidade, ten unha inscrición xeroglífica que, traducida por persoa perita na materia, di: sancti spiritus gratia purgat infantum crimina. Era MCLXXXXVIII es ynotum kalendis junio(62) – Ordonius dictus magister fecit (Ano de 1160 a 1º de xuño). Na Bula de Clemente VII, con data de 25 de marzo de 1525, librada para a creación do Colexio Maior de Fonseca, Universidade de Santiago, aparece como tributaria a parroquia de San Xurxo de Vea. O panorama que se presenta á vista mirando polas fiestras do leste da casa reitoral é fermosísimo; é tan espléndido que nel aparecen nada menos que 24 templos parroquiais, incluso o da Estrada. O curato é de ascenso.
Festas anuais: San Xurxo, o 23 de abril; San Roque, o día seguinte; o Rosario, o domingo seguinte ao 23 de abril; Corpus, o domingo seguinte; as Dores, o primeiro domingo de setembro; ao outro día, o Carme; San Antonio, o 13 de xuño.
Outras curiosidades: bañan esta parroquia os regatos de Guntín e Mulleres, que ten orixe no lugar de Guntín e divide despois os termos de Santo André e San Xurxo; o de Fondón que nace no punto de Lamela, e desemboca, despois de fertilizar algúns terreos, no da Bragada.
Lugar moi animado é o Souto de Vea; por alí circulan diariamente os automóbiles de liña da Estrada e Cuntis a Santiago, e moitos de aluguer e particulares. Hai comercios de importancia, como son os de D. Ignacio Eiras, D. Florentino Sanmartín, D. Serafín Puente e algún outro; tamén hai cartería e estanco de tabacos. A creación da cartería data de 20 de novembro de 1872, segundo acordo da Corporación municipal consignado en acta da mesma data. Noutro acordo da mesma entidade, tomado o 22 de agosto de 1899, trátase da mesma cartería.
O Concello, en sesión de 22 de decembro de 1869, autorizou a creación dunha feira no Souto de Vea, a celebrar os días 25 de cada mes. Noutra sesión, de 20 de novembro de 1872, acórdase reanimar esa feira, que estaba en decadencia. Tamén houbo feira o día 9 de cada mes, pero tanto esta como a do 25 morreron, e en verdade que foi mágoa.
A parroquia é abundante en mazás de excelente calidade. O médico D. Juan Penas Touceda, D. José Mª Barreiro, D. José Barcala Sinde, e algún outro, asociáronse para explotar ese produto do país, transformándoo en sidra; e, ao efecto, un deles foi a Asturias para estudar os procedementos máis convenientes a esa industria.
O Concello da extinguida xurisdición de Vea tivo por local a casa de Francisco Salgado de Bouzamar.
A distinguida Sra. Dª Sofía Cepa, viúva de Martínez, ten un fermoso chalé en Trascastro, onde pasa longas tempadas.
O castro de Outeiro, fortaleza ou campamento antiquísimo, non deixa de ter mérito entre os da súa clase. Como por tradición se viña dicindo que nel había un tesouro agachado, a cobiza e simpleza de Manuel Balado Revoredo levouno ao extremo de practicar alí profundas e extensas escavacións, pero nada encontrou.
Dominan en San Xurxo cos seus foros, o conde de Superunda, D. Gumersindo Puga, Dª Sofía Cepa, Dª Clotilde de la Maza; a viúva de Cervela de Callobre, e D. Álvaro Torres, da Coruña.
VEA (SAN XIAO)
Parroquia de 96 cabezas de familia e 454 habitantes, que dista da Estrada uns oito quilómetros.
Lugares: Reguengo, Vilanova, Gondomar de Arriba, Gondomar de Abaixo, Dorelle, O San Bartolomeu, A Igrexa, Rabiáns dos Labradores, Rabiáns dos Cabaleiros, Vixín, Sandelle, Bouzamar, O Pouso e A Torriña(63).
Diremos algo do significado ou etimoloxía dos nomes destes casaríos: Reguengo vén dun regueiro ou regato que hai nas inmediacións. Vilanova equivale a aldea recentemente fundada. As denominacións dos Gondomar proceden, segundo opinión do Padre Seguín, notábel historiador rexional, de Gundemaro, que foi rei de Galiza. Dorelle parece que debe o nome ao apelido do fundador ou primitivo aforante. San Bartolomeu, ao santuario con capela que alí existe. Non falta quen pense que Rabiáns vén de Rauveana, divindade mitolóxica da antigüidade. Vixín, de visum, “punto alto para ver ben”. Bouzamar, de moita bouza, “anaco de terreo inculto con matogueira”. A Torriña debe o nome a unha torre pequena ou fortaleza de escasa importancia que alí houbo.
Lindeiros: norte, Santa Cristina e Baloira; sur, Santo André e Matalobos; leste, Toedo e Matalobos; oeste, Santo André e San Xurxo, cun regatiño no medio.
As vías de comunicación consisten en camiños antigos e tamén as pontes de Facian, Vilanova, Ponte Sala, Dorelle e Tallo.
Bañan esta parroquia os regatos seguintes: o que descende da Bragada; o de Porto Caeiro que xorde en Baloira; outro que descende de Matalobos e, despois de pasar por Gondomar de Arriba, desemboca no da Bragada; e o de Pico Calvelo que nace en Teáns, (monte Xesteiras).
O 18 de xaneiro de 1856 foi nomeado mestre de San Xiao de Vea, D. Enrique Rodríguez, grazas ao esforzo do párroco D. Nicolás Villar. Actualmente o ensino primario está a cargo dun mestre nacional, que exerce nun local construído ao efecto pola Sociedade de agricultores que ten a parroquia, coa súa sección «Seguro de gandos».
No eclesiástico: A freguesía estivo unida a Santo André de Vea; como beneficio curado foi o ultimo cura da unión, D. Esteban González de Fuenrábida, nos anos 1725-1756. Seguiu de cura ecónomo D. Juan de Villar até 1759 en que se efectuou a separación. Tivo, a partir deste ano, como primeiro cura, ao bacharel D. Juan Rodríguez Reimóndez, que foi sepultado o 25 de xullo de 1780 na capela maior. Dese señor cabe supoñer que, debido ás virtudes que o adornaban, adquiriu grande sona, pois apesar do laconismo que se empregaba naqueles tempos ao estender as partidas de defunción, aparecen no libro correspondente estas edificantes frases: «recibiu os Santos Sacramentos como verdadeiro cristián e cura dos de maior ciencia e virtude deste arcebispado». Sucedeuno o ecónomo D. José Rivas Pereira até 1782, en que tomou posesión o novo párroco, licenciado D. Jacobo de Castro, avogado da Real Audiencia de Galiza; e tivo por tenente a D. José de la Riva Miranda, que pasou a ecónomo en 1792 e desempeñou o cargo até 1794, en que se encargó D. Bernardo de Rivas, que tivo como tenente a D. Antonio C. Gómez: o D. Bernardo finou o ano 1809 e entón fíxose cargo da parroquia D. Manuel Casal, presbítero, de San Xurxo, e por defunción deste, sucedeuno o seu irmán D. Antonio. En 1811 pasou á parroquial o Doutor D. José García Abalo, elixido en 1826 Cóengo Lectoral da Santa Igrexa Catedral de Lugo. Despois, ata 1828, houbo o ecónomo D. Gregorio Bustelo; e neste ano tomou posesión o párroco D. Manuel Antonio Revoredo, quen faleceu o 25 de abril de 1847. Encargouse o ecónomo Frei Domingo Briones, misioneiro apostólico do Colexio de San Antonio de Herbón, até 1849, ano en que foi cura propio D. Juan Domingo Fernández, de Ribadulla (Vedra). Finou este señor en 1870 e encargouse da freguesía o ecónomo D. Manuel Rodríguez de Aguións. En 1877 tomou posesión o párroco D. Nicolás Villar Caxuso, quen desempeñou o cargo até 1873, en que o ocupou o ecónomo D. Manuel Balseiros Castro. O 1 de xuño do devandito ano encargouse D. Juan Canabal Balseiros, sobriño do anterior, que rexiu ata o seu falecemento, ocorrido o 9 de marzo de 1919. Encargouse o ecónomo D. Juan Miranda e a primeiros de maio de 1921, o párroco actual D. Manuel Vivero García, procedente de Santa Cruz de Ribadulla, culto e atento, a quen non podemos aforrar unha nota especial de agradecemento pola amabilidade con que recibiu a nosa visita cando fomos en busca de antecedentes, e o empeño e acerto que puxo facilitándonos estes e outros datos.
Desde tempo inmemorial dáse en San Xiao o toque de ánima ás nove da noite, sendo costume dos fieles rezar tres nosopais. Isto facíase en combinación con Santa Cristina, que tocaba ás oito (agora tamén ás nove). Santo André faino ás dez e San Xurxo, ás once; dise que Frades tocaba algunha vez ás doce da noite. A igrexa é boa, de cruz latina incompleta. Experimentou algunhas reformas, obedecendo á data da máis importante unha inscrición que se le sobre a porta principal e di: «D. OM. O A. D. N. I. MDXXLXI1I. RECT. IOANNE R. REYMONDEZ». A torre é importante, dela penden dúas sonoras campás fundidas en Santo André de Vea o 31 de outubro de 1818 polo campaneiro de Arcos da Condesa, D. Juan Manuel Blanco. O retablo maior da igrexa é de estilo renacemento, de dous corpos, artístico, construído por D. Gregorio Arias Mariño, de Santa Cristina de Vea, mestre de escultura e arquitectura, no ano 1783. Este artista, en 1784, fixo tamén a imaxe do patrón, á que non falta mérito. En canto a confrarías, podemos sinalar que houbo a de San Roque, extinguida actualmente, cuxa fundación, a xulgar polos libros do arquivo parroquial, remóntase ao ano 1607; a do Sacramento, que existe e procede de data anterior a 1654; a do Rosario, que tamén existe na actualidade e aparece mencionada xa en documentos de 1638, ano en que era mordomo Juan da Rama; a de Ánimas, tamén en funcións, fundada alá polo ano 1670; a de Nosa Señora do Consolo, organizada en 1765, sendo párroco o Sr. Reimóndez, home sabio e virtuoso, de grata memoria, que levou a cabo as grandes reformas do corpo principal da igrexa; a da Doutrina Cristiá, fundada o 8 de febreiro de 1908, en tempos de Canabal, que tamén fundara en 1894 a Asociación Xosefina e o 1 de novembro de 1902, a do Apostolado da Oración do Sagrado Corazón de Xesús.
Separada da igrexa e no punto da súa denominación, levántase a importante ermida de San Bartolomeu, cuxa data de fundación se descoñece, aínda que se sabe que xa existía na primeira metade do século XVI, a xulgar polo libro da confraría correspondente, e que acadou grande importancia con confrades de dentro e fóra da parroquia. Extinguiuse no século pasado. Sobre a porta principal do templo hai esta inscrición: «El cuerpo de esta capilla y alce fon. de limosna las obras—Año de 1754»,
Os veciños de San Xiao de Vea sufriron o infausto día 4 de marzo de 1809 a dor profunda de ver caer, cribado a balazos franceses, o seu virtuoso párroco D. Bernardo de Rivas, que con elevado patriotismo figuraba no cadro directivo das célebres alarmas de Vea. O acto bárbaro tivo orixe, segundo se vén asegurando, en que, ao penetrar os invasores na comarca de Vea, escribiron ao Sr. Rivas para avisalo de que non alarmase o pobo coas campás e de que lles enviase á Casa Nova de Santo André os víveres que tivese ao seu alcance. Mais, apesar da amenazadora comunicación, as campás tocáronse violentamente e os víveres non se enviaron. Por iso as tropas de Napoleón botáronse sobre San Xiao a sangue e lume, e o cura, aínda que indefenso, agardounas con singular valentía, acompañado de varios fregueses. Así é como foi alcanzado polos balazos xunto a un hórreo que aínda existe na eira da casa coñecida por “da Rama”, contigua á reitoral. Segundo a opinión dos anciáns, aínda se conservan no sitio pegadas dos proxectís. Co párroco pereceron os veciños Gabriel Loureiro, de Gondomar de Abaixo; Juan Villar, de Rabiáns dos Labradores; Manuel García, de Gondomar de Arriba, e algún outro. Os demais fuxiron e, unidos aos de San Xurxo e Santo André, internáronse nos montes de Frades e utilizaban a igrexa para as súas reunións. Como os estómagos tiñan esixencias, en grupos baixaban a moer o gran para o pan no muíño máis próximo e cocían no forno que tiñan máis á man, todo en común. Así fóronse sostendo e preparando aqueles patriotas e con algúns reforzos doutros puntos, fixeron pagar cara a fazaña aos franceses, causándolles moitas baixas cando trataron de pasar a ponte Vea. Contristaba o ánimo, hai algúns anos, oír contar aos vellos os horrores da contenda, pois eles viran vagar polos montes os paisanos, coas súas cousas ao lombo e os fillos menores chorando, ocultos nas barrancas; e arrepía o feito, que corre como cousa certa, de que un pobre labrador de Gondomar se ocultou entre un carro de leña e con ela foi queimado.
Festas anuais: a do patrón, San Xiao, o 7 de xaneiro; o día seguinte, San Antonio; ao outro, a Concepción; o 24 de agosto, a de San Bartolomeu, o día seguinte, a do Carme e San Roque; e a do Rosario, o primeiro domingo de outubro.
Outras particularidades: en San Bartolomeu hai un castro no que os paisanos fixeron escavacións buscando soñados tesouros.
En sesións municipais do ano 1873 autorizouse, a instancia de José Balado Eiras, a creación dunha feira para celebrala os días 25 de cada mes no punto de San Bartolomeu. Noutra sesión, o 26 de marzo de 1898, autorízase novamente a celebración de tal feira, que debeu ter pouca vida e na actualidade non existe.
Existen na parroquia 17 muíños fariñeiros e en proxecto outro máis, cuxas augas se utilizarían tamén para un serradoiro.
De San Xiao procederon D. Pedro García, cura de Couso; D. José Barreiro, que morreu sendo patrón da fundación de Figueiroa e cura de Poulo (A Coruña); D. Juan Miranda, ecónomo en Cora; D. Bernardo Rodríguez, ex-tesoureiro da Universidade de Bos Aires.
Hai anos fixérase célebre unha taberna situada nun punto próximo á capela de San Bartolomeu, chamada «Casiña» e cóntase que, como nela se fraguaron moitos crimes e outros excesos, foi demolida e situouse no seu lugar o actual cruceiro como para redimir un soar de desgraciada celebridade.
VEA (SANTA CRISTINA)
Parroquia de 109 cabezas de familia e 539 habitantes, que dista da capital do distrito uns 8 quilómetros por termo medio.
Lugares: Riba de Vea, A Cerqueira, Nogueira, Barazás, O Rollo, Torre do Vilar, Carbia, Tarrío, Sorribas, Vista Alegre, O Outeiro, Tracesto, A Torrevedra, A Casa do Monte, O Castro, Ermo e Gándara(64).
Riba de vea e arriba de Vea son a mesma cousa; con todo, é de notar, que este lugar, con relación aos demais da zona, non ocupa unha posición alta e por iso nos inclinamos a pensar que o de Riba vén de estar situado sobre o río de Vea que por alí corre. O nome de Cerqueira vén de estar relativamente preto da capela, segundo din uns; e segundo outros, ao parecer os máis acertados, de que por alí abundan os cerqueiros, que son unha variedade de carballos. Nogueira, nome da árbore que produce as noces. Barazás din que recibiu o nome do primitivo fundador ou aforante do lugar; mais, os celtistas, neste caso con fundamento, dado o punto elevado que ocupa Barazás, sosteñen que por ter a raíz celta bar, significa “cima”, “cume”. De Carbia, segundo cartas forais, sábese que debe a denominación ao primeiro aforante, que levaba ese apelido. Unha torre ou fortaleza antiga serviu de base para o nome que leva o lugar de Torre do Vilar. Tarrío, é dicir, tras río: por estar detrás do río ou regato que por alí corre. Tracesto, Trasesto, antes Trasxeito: pouco xeitoso por razón do camiño laberíntico que hai que percorrer para ir a el. Ermo, “inculto, afastado, solitario, de malas condicións para dar froito”. Gándara; “terra cha e rara”. O lugar de Sorribas denominábase antigamente Calexa; e o de Nogueira, Cabritas. Torrevedra é denominación composta de torre e vedra, que significa “verea” en antiga linguaxe ibérica.
Lindeiros: norte, Cora; sur, Baloira e San Xiao; leste, Santeles e Toedo; e oeste, San Xurxo e Couso; separadas polo río ou regato.
Vías de comunicación: a vía da Estrada a Santiago e mais a que conduce a Cesures; o camiño real da Gándara a Cora, e algúns rurais; as pontes de Carbia, da Torre do Vilar e de Ribadevea.
Bañan esta parroquia o Río Vea e mais o regato de Tarrío, que xorde no lugar deste nome.
Os de Santa Cristina de Vea, a pesar do seu indiscutíbel dereito, carecen de escola pública para o ensino primario. O Ministerio aprobou o expediente para crear unha nacional de nenos.
No eclesiástico: o curato é de entrada, presentación da Coroa, e ten un párroco. Antigamente cobraba o cura 208 ferrados de froito mediado, dez capóns e catro galiñas, e pagaba ao clero da capela da Concepción da Catedral de Santiago 21 ferrados de mediado e dous capóns. O arcebispo exercía xurisdición en Sta. Cristina onde tiña casa-cárcere. Primitivamente a igrexa estivo no punto de Pardiñeiros, onde aínda se encontran indicios de edificación con algunha frecuencia. O actual templo non ofrece ningunha particularidade.
No punto da Gándara, lugar de Cerqueira, hai unha elegante capela a Nosa Señora de Aránzazu, fundada polo párroco D. Francisco Bretal Mariño o ano 1690. Cóntase por aqueles contornos que os lobos levaron en certa ocasión unha nena e os pais, desesperados, comezaron a orar na capela, recollendo pronto o froito das súas oracións, pois recobraron a rapaza sa e salva ao pé do lobo, que apareceu morto. Fronte a dita capela hai un cruceiro de pedra feito a expensas de Juan de Porto e Catalina de Ribeira, que se pensa que foron os pais da devandita nena.
No ano 1809 foi saqueada a igrexa polas tropas francesas.
Festas anuais: a patroa, Santa Cristina, o 24 de xullo; na Gándara, o 8 de setembro; Santo Domingo, o 9 de setembro; o Carme, o 25 de xullo; San Brais, o 3 de febreiro; o Santísimo, o 26 de xullo; o domingo seguinte, San Antonio.
Outras particularidades: Os de Santa Cristina construíron un local social moi vistoso, tamén coa idea de que sirva para escola.
O cárcere de Vea estivo na Gándara, na casa de D. Juan Pan de Castro, mestre e alguacil. O edificio desapareceu e o seu soar está incluído nunha leira a labradío pertencente a Francisco Lorenzo, confinante co camiño real e coa cerrada dos Martínez. Despois pasou a cadea a Torre do Vilar, a unha casa que foi vendida polo arcebispo a Andrés Ribeira e hoxe pertence a Ignacio Baloira. O Concello da Estrada, o 9 de xullo de 1840, acordou que as mulleres detidas pasasen a este cárcere por falta de condicións na prisión da vila. Na casa de Manuel López, a quen sucedeu Antonio Barcala e hoxe os seus herdeiros, do lugar de Cerqueira, quedaron unhas cadeas do cárcere, grillóns e chaves. A cadea, chamada Monfortina, que o Concello ten no seu poder, procede do cárcere de Vea.
Manuel López desempeñou cargos importantes en Vea; foi alcalde, procurador xeral, xuíz de paz, recaudador de impostos, etc.
No testamento de Dª Teresa Sánchez de Gres, esposa de Alfonso Gómez Turrichao, ano 1395, aparece legado ao mosteiro de San Francisco de Santiago un tonel de viño branco de Ribadevea.
Nesta parroquia, no lugar de Sorribas (antes Costa), naceu don Manuel Ventura Figueroa, que foi secretario da Súa Santidade o Papa, e cuxa célebre e meritísima fundación para carreiras e dotes todos coñecemos. Aínda existe a casa onde tal nacemento tivo lugar e pertence hoxe aos herdeiros de Rafael José Otero Rivas.
Tamén naceron en Santa Cristina de Vea: D. Francisco Barreiro, curmán de D. Manuel Ventura, que foi coronel do Rexemento do Perú e que faleceu en 1781; Don Jacobo Quirino, parente tamén do Sr Figueroa, que foi cura de Tabeirós e cóengo despois en Santiago, morto no ano 1797; e don Juan Bautista Valverde, primeiro patrón da fundación de Figueroa, designado por D. Manuel Ventura no testamento que outorgou o ano 1783.
Na Casa do Monte viviu o frade exclaustrado P. Domingo Antonio Carulo. No mesmo lugar hai un castro, que contiña, segundo o vulgo, algúns encantos e, para desenfeitizalos, presentouse alí en certa ocasión un sacerdote acompañado de varios veciños, que comezaron a facer escavacións que deron como único resultado o achádego do tobo dun teixugo que, véndose acosado, saíu correndo, causando a risa de todos os presentes.
En Santa Cristina de Vea, aínda dominan algo os señoríos de D. Marcial Fernández e D. Javier Cervela, de Ribeira.
Actuaba nesta parroquia en 1747 o escribán D Domingo Andrés de Cobas.
VINSEIRO
Parroquia de 128 cabezas de familia e 754 habitantes que dista da capital do distrito uns seis quilómetros.
Vinseiro, antes Vinceiro, como se observa en documentos oficiais antigos, significa “punto ou lugar apropiado para ver un extenso territorio”, como o que realmente se domina desde aquela parroquia. E pénsase que lle puxeron o nome os peregrinos de afastadas terras que, entrando pola parte de Montes, ao dominar o val e entrar nos límites da parroquia que nos ocupa, divisaban Compostela, a onde se dirixían para adorar o Apóstolo Santiago.
Lugares: A Pena, San Martiño, Frende, Correáns, Freán, A Igrexa, O Moucho, As Nogueiras, Vinseiro, Godoi, Fragoso, Vis de Correa e Vis de Baixetes.
Discorrendo sobre o significado ou etimoloxía dos nomes destes lugares, chegamos ás seguintes conclusións: Pena vén de estar situado en punto penedoso; San Martiño, de que, ao dicir das xentes, alí houbo unha capela dedicada a ese Santo; Frende e Freán, segundo historiadores rexionais, veñen do culto a unha divindade mitolóxica deste nome a quen se lle atribuía a forza produtiva e fertilidade da terra; tamén pode vir do gótico frea, que singnifica “punto baixo”. O Moucho, punto onde acostumaban a aniñar os mouchos; As Nogueiras, de estar situado en lugar onde abundaban estas árbores; Godoi, antes Gothoi, grego, procede do apelido de familia ilustre; Fragoso, de estar situado en terreo crebado e desigual, con fragosidades, malezas ou breñas; e os Vis, de visum, latín; “altura ou eminencia apropiada para ver moito territorio”, ou da voz xermánica veihsa, “aldea” ou “burgo”.
Lindeiros: norte, Cereixo; sur, Ribela e Parada; leste, Pardemarín e Lamas; oeste, Tabeirós, Nigoi e Parada.
Vías de comunicación: entra nesta parroquia a estrada municipal que cruza a de Cereixo; camiños veciñais antigos e a ponte de Entrambosríos.
Bañan o territorio o regato que xorde en Parada e desemboca no Pego Negro; o de Fragoso, que desauga en Entrambosríos; e o de Frende, que se interna en Cereixo.
O ensino primario consiste nunha escola atendida por un mestre e está en creación outra escola para nenas.
Teñen os de Vinseiro e Cereixo un local para o ensino de recente construción, feito a expensas da veciñanza e dos emigrados; e un sindicato agrícola con seguro de gandos, o mesmo ao que pertencen os de Cereixo.
Tamén hai na localidade unha parada ou posto de sementais, a cargo de Manuel Barreiro.
No eclesiástico: Vinseiro ten por anexo Cereixo e, para o curato, que é de entrada presentan a Coroa e varios leigos, alternativamente. A igrexa é regular; actúa nela un cura e un capelán. Foi feita no lugar que ocupaba a antiga en tempos do célebre párroco Sr. Palencia, o ano 1817, por 40.000 reais. Na Casa-fábrica hai este rótulo: «Casa-fábrica —Teira y Castro—año 1788».
Festas anuais: a patroa, Santa Cristina, o 21 de xullo; o 25, Santa Ana; as Dores, o último domingo de setembro; San Brais, o 3 de febreiro; Santa Bárbara, o domingo seguinte
Outras particularidades: en Correáns hai unha casa señorial antiga pertencente á familia de Leira do Ribeiro, que cobra rendas na localidade. Tiñan unha ermida dedicada ao Santo Anxo da Garda, hoxe pechada ao culto.
De liñaxe foi a familia de D. Andrés e D. Carlos Bermúdez Figueroa, naturais de Vinseiro, emparentados cos Bermúdez de la Peña, Reimondez Figueroa e Lis Castroverde.
O 17 de febreiro de 1587, Miguel Fernández, de Marcelos, outorgou perante o escribán Juan de Morgade, escritura de foro da cuarta parte do lugar e Casal de Vinseiro, a favor de Alonso das Cobas e da súa muller Ana de Nodar, en renda de sete ferrados de pan mediado.
En Vis de Baixetes houbo unha capela fundada por D. Antonio Bermúdez de la Peña e Dª Jacinta Reimóndez Figueroa, que foi demolida.
O 29 de xuño de 1637, perante o escribán Agustín de Castro, veciño de terras de Tabeirós, Pedro Fernández, de Marcelos, outorgou escritura de venda dun cuarto enteiramente do lugar e casal de Vinseiro de Godoi a favor de Pedro Barreiro de Codeseda. O 11 de setembro de 1709, perante Pedro Pérez de Ibias, de Callobre, Francisco Barreiro, veciño de Codeseda, outorgou escritura de renda da cuarta parte do lugar de Vinseiro de Godoi polo que lle pagaban Domingo de Neira, e outros sete ferrados de centeo e millo miúdo, a favor de D. Antonio Bermúdez de la Peña.
O 21 de setembro de 1735, D. Bartolomé Bermúdez de la Peña, de Vis de Baixetes, aforou a cuarta parte do lugar de Vinseiro, a favor de Antonio Matalobos e os seus consortes en renda anual de nove ferrados de pan mediado. O 30 de xaneiro de 1747 este D. Bartolomé, perante Andrés de Morgade, outorgou escritura de venda da referida cuarta parte, a favor de D. Alonso Martínez de Barcia, racioneiro do Colexio de Sancti Spiritus.
Grato recordo merece o que foi veciño de Vis de Baixetes e se chamou D. José Brea, finado neste ano. Despois de pasar en Cuba moito tempo e merecer o apelativo de “pai dos emigrados estradenses”, pois atoparon sempre no seu gran corazón decidido apoio, veu morrer ao recanto amado. Todos os que o coñecían, chorárono con fondo pesar.
De Vinseiro é también o culto amigo noso D. Bernardo Mato.
ALGUNHAS CURIOSIDADES FINAIS
Aínda que o noso territorio está algo afastado do mar e das antigas urbes, non deixou de ser teatro de feitos notábeis no transcurso dos séculos. Con todo, tan pouco se ten escrito sobre esta terra, que o erudito padre franciscano Fr. Atanasio López, asegúranos desde o Arquivo Ibero-Americano, que é esta a zona menos coñecida da Galiza.
Non cabe nos reducidos límites desta obra establecer conclusións en canto á raza que ocupa o chan estradense, nin contamos coa preparación necesaria para tratar materia tan debatida e escabrosa. Escritores ilustres non chegaron a poñerse de acordo polo que se refire á rexión, e mal podemos nós, carecendo desa base, puntualizar en canto á Estrada. Mentres uns, que parecen ben documentados, entre eles o Sr. Murguía, afirman que descendemos dos celtas principalmente, outros difiren desa opinión. Distínguese en refutala o Sr. García de la Riega que, na súa obra Galicia Antigua, di: «non somos celtas nin suevos; somos ibero-latinos, tanto polo chan, como pola raza, pola lingua e pola historia».
O moi competente padre Sarmiento fala de galegos anteriores á invasión dos celtas; e segundo Tácito, na Galiza viviron en tempos moi antigos pobos silures, dos cales saíron emigracións para Inglaterra. Tampouco falta quen diga que os kimros entraron na nosa rexión antes que os celtas, nin quen sosteña que aqueles eran unha rama destes; e parece indubidábel a existencia na nosa rexión (oestrymnis ofhiusa) de tipos descendentes dos gregos e dos romanos, como debe habelos de sangue sueva e vándala. Todo isto inflúe para que resulte aventurado calquera xuízo que se forme adxudicando á raza unha orixe única, pois semella que máis ben deriva dun mixto conglomerado.
O mesmo señor Murguía no tomo I páx. 6 da súa Historia de Galicia di: «o período da nosa poboación cuberto de tebras, na case imposibilidade dunha solución segura e terminante»; e na páx. 10 afirma que «o colono romano mestúrase e confúndese cos homes de orixe céltica».
En canto ao pobo estradense, hai un detalle que apuntaremos e é o seguinte: trátase de que sobre este chan afianzáronse durante moitos anos os lexionarios dos césares, como o testemuñan as importantes vías instaladas por eles na comarca e as famosas pontes tendidas sobre o río Ulla; e non é posíbel que os invasores desaparecesen como por encanto, nin que se evitasen os cruces, sobre todo tendo en conta que os xefes romanos recomendaban e protexían os enlaces dos seus subordinados compatriotas coas fillas de hispanos, e asignaban terras a estes casados para que as cultivasen, creando un fogar e establecéndose definitivamente no país. Xa que logo, coidamos firmemente que é abundante esa mestura na poboación local e afirmámonos máis aínda se, efectivamente, as características do tipo romano son como se di, estas: «rostro ancho, diámetro vertical curto, vértice do cráneo e extremo da mandíbula case horizontal, o contorno da cabeza visto de fronte achégase ao cadrado, as partes laterais sobre as orellas son convexas, a fronte baixa, o nariz aquilino e a parte anterior da barba, redonda»; pois, repasando un pouco, vense con abundancia por aquí persoas que responden a tales condicións, especialmente na Ulla e Vea.
De todos os xeitos pode haber frecuentes confusións co tipo celta caracterizado por: «pómulos saíntes, cabeza redonda, iris azul, faccións redondas, mediana estatura, e nariz non recto desde a fronte, como na raza árabe, senón separado por unha depresión»; pois tamén hai quen reúne estas características na comarca, singularmente na montaña. E non faltan individuos que recorden o atribuído aos kimros, ou sexa, «cabeza alongada, fronte longa e alta, nariz encorvado cara abaixo na punta coas ventas levantadas, o queixo fortemente pronunciado e a estatura alta».
Pío Baroja, escritor de grande importancia, tratando do separatismo catalán, despois de profundas e meditadas consideracións, afirma que non hai raza española; o que si hai —no seu concepto— é unha forma espiritual en cada país e en cada rexión, e esta forma espiritual tende a fragmentarse, a romperse cando o estado se debilita, e tende a fortificarse cando o país se levanta e florece.
Don Ramón Barros Sivelo na súa importante obra Antigüedades de Galicia, escribe este párrafo: «para que buscar con afán os primeiros poboadores da Galiza cando se descoñecen os das demais nacións do mundo?... E con iso damos por terminado o tema.
A lingua, aínda que das neolatinas, tampouco ten unha orixe única; o ilustre padre Sarmiento sinala no seu notábel Glosario de voces gallegas que antes da invasión dos celtas tiveron os galegos algún dos dialectos gregos; e o tamén ilustre Saco e Arce, presenta na súa Gramática Gallega unha mostra de varias palabras que pensa que proveñen directamente do grego; non faltan á lingua puntos de contacto co vasco, o valenciano, o provenzal e o francés, e todo iso reunido constitúe un inconveniente enorme para decidirse por unha nai única da nosa fala, cualificada por algúns de idioma pertencente á familia greco-latina.
Mais xa nos imos afastando moito dos reducidos alcances deste traballo e, volvendo entrar nos seus lindeiros, sinalaremos que na Estrada se observa a invasión do castelán e a tendencia a castelanizar vocábulos de pura esencia rexional, especialmente cando se trata de apelidos e nomes de lugares e terras. Así, vemos escrito con frecuencia Gestoso no canto de Xestoso, Borrageros no canto de Burraxeiros, Sanjiao no canto de Sanxiao, Otero no canto de Outeiro, Carbajal no canto de Carballal, Soto no canto de Souto, Crucero no canto de Cruceiro, Fuente no canto de Fonte, Gesteira no canto de Xesteira; e outros polo estilo.
Prescindindo da castelanización apuntada, pode dicirse que os estradenses falan bastante ben a lingua galega, sen os vicios que se observan nos lugares da provincia próximos ao mar, e con algunha diferenza de entoación e palabras que empregan os habitantes da parte montañosa da rexión. Vaian uns cantos exemplos: aquí man, alí mao; manle, mallo; fumeiro, fungueiro; alcuño, alcume; angazo, anciño; noutronte, antonte; patacón, pataco, etc.
A nosa fala nada ten que envexar a outras moitas en doce, sentimental e expresiva; restaurala sería tanto como dar satisfacción ao apego e amor pola terra; mais, pretender o seu uso con detrimento da grande lingua española, lazo apreciabilísimo para a unidade nacional e a relación íntima que debemos manter coas repúblicas raciais das Américas, equivalería a unha quimérica tolemia. E non abonda para afastármonos deste xeito de pensar o feito de que se perda na noite dos tempos a orixe da lingua rexional, nin o avoengo que pregoan a súa filla portuguesa, a influencia que tivo na castelá e mais a certificación de documentos de Afonso VI cos que se demostra que nos séculos XI e XII o rei e as clases elevadas falaban en galego. Debemos conformarnos con que todo iso pasou á historia por avance dos séculos e non pretender o retroceso.
O amor rexional, vivo na Galiza, ten na Estrada un boa nómina de sostedores, que sen os perigosos e abominábeis prexuízos separatistas, arela que o estado atenda ao modo de ser e aspiracións peculiares do país, organizándoo en rexión con autonomía e atenuando o centralismo, causa de moitos males nacionais.
No vestiario, desnaturalizouse totalmente nesta comarca a indumentaria rexional de antano. Da cofia, o dengue e o mantelo, que tan ben sentaban á muller galega, só quedan escasos exemplares nalgúns gardarroupas. O calzón, a monteira, o pucho e as cirolas, que caracterizaban admirabelmente os nosos antepasados, desapareceron en absoluto. A típica e vistosa camisa branca de liño, co colo ancho, folgado e de puntas dobradas, foi proscrita. Os borceguíns, con profusión de botoeiras douradas nas abrochaduras e o copete, tampouco se usan. O luxo modernista levou consigo estas antigas pezas, sen que gañe nada a estética, pois aínda que hai detalles agradábeis como o das mulleres calzadas (mesmo as aldeás levan moita vantaxe ás descalzas e palmípedas do porto de mar), también hai outros desagradábeis, como ver un labrador arando con gabán; conducindo a xugada no verán ataviado con fina gabardina e rústicos zocos; ou no inverno de pajilla e longa aguillada na man.
Non pode dicirse cales son os cantares predilectos na localidade; ora óense aires aragoneses, ora andaluces; xa guagiras, xa cancións da América do Sur. O que se oe pouco é o alalá famoso e apenas cantar en galego.
A nosa música típica está adulterada tamén, pois, aínda que debería limitarse á gaita, tamboril e bombo, aparece frecuentemente mesturada, xa co clarinete, xa coa flauta, xa con eses dous instrumentos a un tempo; e mesmo algunhas veces co cornetín.
Os bailes ao aire libre da nosa muiñeira e a nosa xota, tan galegos, tan airosos para as parellas soltas, están levando un golpe mortal co ridículo agarrado.
É moi raro oír o aturuxo, manifestación viril dos nosos devanceiros, costume que uns consideran herdada dos celtas e outros, dos árabes.
As fiadas e espadelas, que nas noites invernais servían de solaz e alegría á mocidade, van desaparecendo a medida que desaparecen os rabaños que producían a la para fiar e o liño para espadelar e fiar tamén. Das esfolladas, que nunca acadaron a importancia das fiadas e espadelas, aínda quedan reminiscencias, co seu alegre final de regueifa.
Non falta quen aplique a algúns días da semana as denominacións da liturxia católica; así din, polo mércores cuarta feira e polo xoves, quinta feira. Aos días da Semana Santa chaman feiras maiores.
Os meses do ano son coñecidos por:
- Xaneiro, ianuarius do latín, presidido por Ianus, deus mítico que tivo un templo en Roma. Xaneiro mete o can no palleiro.
- Febreiro, presidido por Neptuno, que era, segundo a mitoloxía, un dos deuses principais da antigüidade pagá. Era rei das augas, adorado polos xonios. Os casteláns adoitan dicir: febrerillo loco, me sabes a poco; pola contra, os galegos din: vaite febreiro cos teus vinte e oito; se tes máis catro, non queda can nin gato.
- Marzo, encomendado a Minerva, deusa mítica romana, da intelixencia, do pensamento e da invención.
- Abril; encomendado a Venus, deusa mitolóxica do amor e da fermosura; para os gregos era Afrodita. En abril augas mil.
- Maio; encomendado a Apolo ou Febo, a quen se atribúe mitoloxicamente a condución do carro do sol. Maio longo; maio pardo.
- San Xoán ou xuño, presidido mitoloxicamente por Mercurio, deus da elocuencia. San Xoán claro.
- Santiago ou xullo, encomendado pola mitoloxía a Xúpiter.
- Santa María ou agosto, encomendado a Ceres, deusa mitolóxica dos grans e dos cereais, a quen se representa coroada de mazarocas e mapoulas, e cunha fouce na man.
- Setembro, encomendado a Vulcano, deus mitolóxico do lume.
- Outono ou outubro, encomendado a Marte, deus da guerra.
- Santos ou novembro, encomendado a Diana, deusa da caza.
- Nadal ou decembro, mes do natalicio de Xesucristo, encomendado a Vesta, deusa que presidía o lar(65).
Para líquidos, menciónase o moio, de 8 olas e tamén se empregan: o canado, de dúas olas, a ola, de 34 cuartillos, o cuartillo, de medio litro aproximadamente, e o medio cuartillo. Para pesos: o quintal, de 4 arrobas; a arroba, de 25 libras; a libra galega, de 20 onzas e a onza, de 28,756 gramos; tamén a libra castelá, de 16 onzas. O diñeiro cóntano os anciáns por pesos e reais, pois entenden con dificultade por pesetas e céntimos. O pan por xunto véndeno en contos de 40 libras; o millo en espiga ou mazaroca, por cestas, cada unha das cales produce aproximadamente un ferrado de gran; o liño por afusais de 25 pares de estirgas; o centeo e o trigo, antes de mallalo, por dismas (dez mollos ou feixes); o carbón e as uvas, por gallados, recipientes acampanados que levan dúas cestas aproximadamente cada un; os ovos, por ducias e centos; os repolos e as coles, por atados de cento; o barro en cerámica de cociña cómprase, cando é por xunto, en cargas de 42 pezas; as ferraduras para animais, por atados de doce pares; o cebolo por mans, ou sexa canto se pode abarcar coa man.
Do modio, medida romana para áridos, equivalente a un celemín, só sabemos que existiu porque o mencionan documentos antigos. O mesmo sucede co bucio, medida antiga de cereais equivalente a dous ferrados. Vai desaparecendo a canada, medida cilíndrica de madeira duns catro cuartillos de capacidade. O codo e mais o ésapo de catro escrúpulos desapareceron totalmente e nada se perdeu.
Os taboleiros mídense por varas fragueiras, de 10 cuartas de alto por 4 de ancho.
Os puntos cardinais aínda son denominados por moitos paisanos como na antigüidade: ao sur, chámanlle vendaval; ao leste, nacente; ao oeste, poñente; e non se esquecen do mediodía e solano. Travesío chaman aos ventos intermedios.
A marzasga, tributo que se pagaba ao rei no mes de marzo, por terras ou herdades, só deixou un lene recordo nalgúns escritos. Igual aconteceu coa martiniega, que era outro tributo de 12 maravedís por casa, que se pagaba no mes de San Martiño.
Os apeiros de labranza vanse transformando e progresando, pero non tanto como sería desexábel: o carro fragueiro, de madeira de carballo, dúas fortes rodas e grosas lamias de ferro, é insubstituíbel polo de agora nas aldeas, debido ao accidentado do terreo e aos malos camiños. Aínda campa o famoso arado común ou arado romano, aínda que xa se ven outros modernos polo campo. O angazo ou anciño segue sendo antigo, todo de madeira, agás raras excepcións. Comeza a empregarse para o millo a máquina de sementar, que vai deixando os grans en liñas ou fileiras de bo aspecto e adecuadas para lles aplicar despois a cultivadora nas escardas, pois cando se sementa a eito e con desorde é imposíbel utilizar ese apeiro economizador de brazos e tempo. Ben sabemos que os minifundios son un inconveniente grande para o progreso agrícola: vanse admitindo a trilladora e a aventadora porque funcionan nas eiras, mais non é admisíbel a segadora mecánica porque non ten cabida en moitas leiras.
A vaca, que se debería explotar exclusivamente para criar e dar leite, é empregada frecuentemente como tiro nas faenas agrícolas; e aínda bo é que nesta comarca abundan os bois. A respecto destes temos que sinalar a curiosidade típica de que, cando se compra unha parella que vale máis de cen pesos, alúdese, para tratar do prezo, únicamente ao exceso e así dise que vale vinte, trinta ou corenta pesos, sobreentendéndose cento vinte, cento trinta e cento corenta.
Prescindindo dos prohibidos, os xogos más comúns entre homes son: a brisca, o tute, o dominó, o billar, a lotaría de cartóns e a chave. Entre mozos son os seguintes: a buxaina, a estornela, o escondite, os ladróns, a pica, o aro, a pelota e mais os de apandar. Entre nenas: pelouros, escondite, corda, roda-roda, bonecas, mariola e a randeeira.
Os costumes nas vodas e bautizos difiren pouco dos que se observan no resto da Galiza.
Tratando da xente, pode afirmarse que se distingue xeralmente pola súa laboriosidade, competencia e probidade; virtudes que saben apreciar os habitantes do contorno, cualificando o pobo estradense de afábel, rico e formal. Xente da Estrada, pola palabra!
OBSERVACIÓN
Desde que esta obriña entrou en máquina, un Directorio militar encargouse da gobernación do Estado. Disolveuse o Congreso dos Deputados e tamén a parte electiva do Senado. Elementos novos pasaron a substituír os que actuaban nas Deputacións provinciais e nos Concellos; publicouse un Estatuto municipal de verdadeira autonomía; desapareceron os adxuntos dos Xulgados municipais; transformáronse as Xuntas do Censo electoral e leváronse a cabo outras moitas reformas que sería longo enumerar.
CONCLUSIÓN
Chegamos, lector paciente, ao final da xeira; ti, seguramente aburrido e desencantado; eu, arfante e maltreito, porque has saber que non pode compararse a insignificancia da obra co esforzo e as fatigas que me custou, nun ir e vir subindo e baixando, dando rodeos, con paso inseguro e aos tombos por un camiño facilmente practicábel a outros humanos e laberíntico para quen leva unha venda nos ollos do entendemento.
Á falta de maña, todo tivo que facelo a forza de vontade, roubando horas ao descanso e con abandono de obrigacións perentorias e remuneradas. Finalmente, fun saíndo, mal como puiden, da camisa de catorce varas en que a miña imprudencia temeraria me metera. Moitas veces a audacia insensata levoume aos terreos do arqueólogo, do paleógrafo e do filólogo; empurroume a reflexionar, con só unhas poucas nocións, sobre tal ou cal orde arquitectónica, sobre o significado dalgunhas inscricións, de documentos e códices antigos, e sobre a interpretación dalgunhas obras; mais, un prudente temor fíxome retirar pronto deses campos, hostís ao intruso; e acomodarme ao círculo da miña cativeza.
Outras moitas veces deixei correr a pluma nas ás do entusiasmo, pero tamén retrocedín rompendo cuartillas, medorento de que me ridicularizaran, pois un constante pesadelo parecía advertirme de que estaba pecando de pesado; e por iso, ao longo do meu traballo, se atopan citas espidas e simulacros de descricións, sen o zume e o sal que é patrimonio de escritores menos vulgares.
No entanto, querido lector, hei de dicirche con inmodestia que, se cando rematei esta obriña, a comezase, quizais puideses ler algo que non te decepcionase tanto; mais, velaquí aquilo de que «morre o home cando debese nacer». De certo consolo me serve, apesar de todo, o que se dixo no Quixote: «non hai libro tan malo que non teña algo bo»; e eu, o mesmo que as nais aman os seus fillos por malos que sexan e tanto máis canto maiores traballos e desgustos lles proporcionan, amo eu este esperpento da miña produción.
Debes, en virtude do exposto, lector sufrido, inclináreste ao perdón. O certo é que careces de acción para a censura e a crítica, porque acepto anticipadamente todas as chatas que poidas apoñer á miña humilde obra.
* Tradución Clara Iglesias Cortizo
Notas da tradutora
1 Figura reivindicada polo galeguismo como símbolo da insubmisión de Galiza fronte ao poder de Castela; aínda que aquí aparece como líder dos Irmandiños, o certo é que foi un dos seus inimigos, señor feudal de grande poder, propietario de extensas propiedades e varias fortalezas.
2 Preito homenaxe: xuramento de homenaxe e fidelidade ao señor.
3 No referente á toponimia e ao longo de todo a obra, as formas deturpadas que aparecen en moitas ocasións no orixinal, sempre serán devoltas á súa forma lexítima e oficial. Nos casos en que poida ter algún interese para a comprensión do texto, aparecerá en nota a rodapé o topónimo utilizado polo autor.
4 Antiga medida de peso.
5 Refírese a Cuntis, coñecido antigamente como Baños de Cuntis, debido ás súas augas termais.
6 No texto aparece a forma castelanizada Peñaflor. Restituímos o topónimo ao orixinal Penaflor, tal e como se pode ler en documentos en galego do século XV, aínda que noutros textos do mesmo século, xa en castelán, apareza a forma Peñaflor. De todos xeitos, non se trata dun verdadeiro topónimo, senón do nome dun señorío que acabou por denominar unha extensión de territorio, unha xurisdición pertencente á antiga provincia de Santiago.
A antiga Xurisdición de Penaflor estaba composta por dezasete freguesías, correspondentes aos actuais concellos de Barro, Moraña, Portas e Caldas de Reis: Santa María de Portas, Santo André de Cesar, San Salvador de Saiáns, Santa Cruz de Lamas, San Martiño de Laxe, Santa Xusta de Moraña, San Martiño de Gargantáns, San Lourenzo de Moraña, Santa María de Casaldourado, San Pedro de Rebón, San Verísimo de Barro, Santa María de Perdecanai, San Mamede de Portela, San Martiño de Agudelo, Santa María de Curro, San Xián de Romai e Santo André de Valiñas.
Existiu un castelo ou fortaleza chamada de Penaflor, na parroquia de Santo André de Cesar (Caldas de Reis), cuxa desaparición está rodeada dun certo misterio. Tense dito que foi destruída na revolta Irmandiña, pero parece que non foi ese o seu final. Moi probablemente na súa destrución actuou simplemente o paso do tempo, a desidia e o abandono.
7 Segundo os estudos de Zamora Vicente, primeiro filólogo que analizou con rigor a xeografía do seseo, baséandose en material recollido nos anos 1942-45, publicado en 1951, toda a zona do val de Vea pertencía aínda daquela á área de seseo total (sapato, cosiña). O seseo, fenómeno fonético tradicional do galego, que supón a continuidade co galego medieval e co portugués actual, retrocedeu moito ao longo destes últimos anos, de forma que na actualidade xa practicamente non se escoitan falas con seseo total na zona dos Veas. No entanto, Pedro Varela si deixa constancia deste feito, aínda que para el, e consonte a visión prexuízosa habitual naquel momento, só se trataría dun defecto da pronuncia. Este preconcepto e mais a influencia do castelán son as causas da desaparición do fenómeno nesta zona e do seu retroceso no conxunto do país.
8 Tabeirós coa igrexa e as posesións que alí tendes.
9 Ao longo da obra, van ser moitas as ocasións en que o autor pretenda explicar a etimoloxía de diversos topónimos. Na maior parte dos casos, ou ben se trata de interpretacións froito da fantasía popular; ou ben, de explicacións elaboradas polo propio autor, mais de escaso rigor filolóxico. Varela infórmanos da suposta razón xustificativa de cada un dos nomes dos lugares da totalidade das parroquias do noso concello. Non comentaremos nada máis de aquí en diante sobre esa cuestión; unicamente interesa deixar claro que non se trata de interpretacións fiábeis na inmensa maioría dos casos.
10 Gando porcino: sedas é o nome que reciben os pelos fortes e duros de certos animais, nomeadamente, dos porcos.
11 Mantemos estas nomes de impostos forais en castelán, tal e como aparecen no orixinal, por non coñecermos a súa correcta tradución ao galego, en caso de a tiveren. Moi probabelmente non exista o correspondente na nosa lingua por seren antigas denominacións procedentes do mundo legal, polo tanto, en castelán, e actualmente caídas en desuso.
12 Mantemos en español a palabra villa, pois a tradución á nosa lingua non sería vila. A diferenza que existe en galego entre aldea, vila e cidade está en relación co tamaño e número de habitantes, mentres que a categoría de “villa” que outorgaba o goberno relaciónase coa concesión de certos prerrogativas para o lugar ou os seus habitantes. O concepto de villa é definido polo DRAE como “poboación que ten algúns privilexios que a distinguen das aldeas e lugares”. Estes privilexios podían ser varios: celebrar certas feiras e mercados, cobrar determinados impostos… En todo caso, tratábase dun “ascenso” de categoría e, como podemos ver no texto, este título que acadou A Estrada supuxo certos cambios na normativa urbanística.
13 No Nomenclátor Oficial da Xunta non aparecen A Revolta nin Aminde.
14 En galego no orixinal. Non correximos a forma ablaíñas, síncopa de avelaíñas, por mor da medida do verso.
15 No Nomenclator Oficial da Xunta aparecen outros dous lugares que non sinala o autor: Campenlos e Raxeira.
16 No Nomenclátor Oficial da Xunta aparece Brei de Riba, que aquí non se menciona. Ao tempo, Varela sinala un lugar que non consta no actual nomenclátor, Malata. Ribas Pequenas e Ribas Grandes agora conforman un mesmo lugar, Ribas.
17 O nomenclátor da Xunta sinala tamén os lugares de Campo Redondo e O Nabal, que aquí non se mencionan. Pasa o contrario con Tutén, que aparece en Varela.
18 Casa das Caseiras, Casa da Pedriña, Casa da Poza, Casa da Poroxa e Agro Maior non aparecen no nomenclátor actual.
19 Lembremos que todos os topónimos que aparecen deturpados no orixinal, foron devoltos á súa forma correcta; o propio autor é consciente da bárbara castelanización da toponimia, pese ao cal utiliza a forma Justín.
20 Mantemos o español orixinal, respectando o texto tal e como se pode ler na realidade. Faremos así con todos os casos de rótulos e inscricións que aparecen ao longo desta obra.
21 Non entendemos o significado que o autor quixo dar ao verbo denunciar. En todo caso, non queda claro o sentido da oración.
22 No caso de Arnois hai bastante discordancia entre Varela e o Nomenclátor Oficial: A Calzada e O Carballal non aparecen neste último. O lugar chamado por Varela Golmas cítase actualmente co nome Os Golmados. Ademais, o autor deste texto menciona varios lugares que non aparecen no nomenclátor: Horros, Calvario, Silva e o Igrexario.
23 Texto en latín mal reproducido, polo tanto, intraducíbel.
24 Ademais destes, no Nomenclátor Oficial aparecen tamén A Mouriña e A Igrexa, que posibelmente sexa o mesmo que Varela cita como Baloira, coincidindo co nome da parroquia: o lugar onde se encontra a igrexa parroquial.
25 Supoñemos que por erro, a parroquia de S. Miguel de Barcala non aparece no Nomenclátor Oficial da Xunta. Consultando o libro de Manuel Reimóndez Portela, A Estrada rural, na súa reedición do ano 2007, vimos que o listado de lugares tampouco coincide exactamente cos mencionados por Pedro Varela; así, A Retorta non aparece. Reimóndez engade A Negreira, As Quintas e Cortiñas. Cítase tamén un lugar que xa estaba despoboado no ano 1981: O Cotro.
26 Vista Alegre non aparece no nomenclátor actual.
27 Como vén sendo habitual, non hai coincidencia exacta co nomenclátor: aquí non aparecen os lugares de Coruxa e Casiña. Por outra banda, en Varela falta Ponteliñares.
28 No nomenclátor podemos ver A Burata e A Carballeira, que Varela non menciona. Pola contra, o autor cita Bouzada e Nogueiriñas, que alí non aparecen.
29 No nomenclátor non aparecen Fornos, Devesiña e Campos. Varela non cita O Arnado e Codeseda, lugares que si aparecen no listado oficial.
30 Nuda propiedade é o dereito dunha persoa sobre unha cousa, neste caso unhas terras, cando a súa relación con ela é a de ser unicamente propietario, é dicir, ten o dominio sobre a cousa, pero non disfruta dela directamente, posto que está cedida a través do dereito do usufruto. O usufruto da propiedade que se menciona aquí estaba en mans dos labregos que a traballaban a través do contrato foral.
31 No nomenclátor cítase tamén o lugar chamado A Veiga.
32 Non aparecen en Pedro Varela nin A Cañoteira nin o propio lugar da Estrada. No entanto, Rodeiro, Regueiro e Vilabrasil, que menciona o autor deste libro, non se citan no Nomenclátor Oficial.
33 No nomenclátor non aparecen Algalia, Outeiro e Veiga de Abaixo. Pola contra, Varela non menciona Covas, O Francés, A Pinguenla, Portacartas, A Portela e Ouzamerxe. Esta aldea aparece no nomenclátor como pertencente ás dúas parroquias: Guimarei e Lagartóns; pode ser que se trate ou non dun erro; en todo caso, a aldea de Ouzamerxe encóntrase no lindeiro entre unha e outra freguesía. Pedro Varela si a menciona cando se refire á parroquia de Lagartóns. Na obra xa mencionada de Manuel Reimóndez Portela aparece citado o lugar de Ouzamerxe nas dúas parroquias; mais, no que respecta a Guimarei, sinálase como completamente despoboado; e, con respecto a Lagartóns, só habitado por 7 persoas (ano 2007).
34 Correximos a inscrición latina, que aparece mal lida en Pedro Varela. A tradución vén sendo a seguinte: Ano do Señor MDCCCLX. O que edifica, construín este sagrario e habitáculo teu, Señor, para que escoites a miña oración, e dixeches: “fixeches ben, aquí estará o meu nome para sempre”. Párroco D. Dominico Antonio Núñez.
35 No nomenclátor menciónanse, ademais: O Mollarrabo, A Ramalleira e O Sabugueiro. Pola súa parte, Pedro Varela consigna os lugares de Monte, Lagartóns e Portosenín.
36 No nomenclátor aparecen ademais: A Abelleira, Sanlouzáns e Veiga da Leña. Varela sinala Penacova, que no listado actual non se menciona.
37 Portela non aparece no nomenclátor. Seguramente Varela se refira ao que hoxe é o lugar da Portela de Codeseda, que limita coa parroquia de Liripio.
38 No nomenclátor aparece tamén o lugar de Pardellas.
39 Pedro Varela engade varios lugares aos citados no nomenclátor actual: Moldes, Fonte Piñeira, Rúa e Rosendes.
40 Varela engade ao listado actual o lugar de Ponte Nogueira. Esta ponte, sobre o río Liñares, une as parroquias de Aguións e Moreira.
41 O nomenclátor actual endade o lugar de Bustelo.
42 No nomenclátor actual aparecen ademais O Pedrado e A Valiña; no entanto, non se menciona o lugar chamado Goleta por Pedro Varela.
43 Este lugar da Caniza, onde o autor indica que se construiu a primeira casa, xa non aparece no nomenclátor actual; no entanto alí menciónase unha aldea chamada Mourelle, que en Varela non aparece.
44 Actualmente, tamén Sobreira e Silva.
45 Trátase dunha lectura incorrecta. A forma adecuada sería Kalendas Martias, é dicir, o primeiro día do mes de marzo.
46 No nomenclátor non aparecen os lugares do Topete, Aldea de Abaixo e Picoto.
47 O “coiro de Córdoba”, tamén chamado cordobán é unha pel de cabra curtida, decorada e pintada.
48 No canto de Tugudín, no nomenclátor aparece o lugar de Sobre da Cova.
49 No nomenclátor oficial aparecen ademais os lugares de Cibreiros e Peizás. Non se cita Lagoa, que menciona Varela.
50 Varela menciona dous lugares que non aparecen no nomenclátor, Tamallancos e Casa do Monte. No listado oficial cítase ademais A Castiñeira e O Alderido, que quizais sexa o mesmo lugar que Varela chama Casaldorido, pois a semellanza entre os dous nomes é moi grande e non parece casual.
51 No nomenclátor aparecen ademais Fondo da Vila e A Pedreira.
52 Na interpretación deste topónimo, o autor parte da forma deturpada Jitón. Na tradución, como xa indicamos ao comezo, restauramos as formas correctas de toda a toponimia, polo cal este lugar figura no listado anterior como Guitón, que é o seu nome correcto. Varela parte da forma que el manexa, Jitón, e ofrece unha curiosa e fantasiosa explicación, regaleguizando o suposto castelanizado Jitón como un galego *Xitón, e a partir de aí especulando cun posíbel significado en relación á propia fonética da palabra. Jitón parte da confusión orixinada polo fenómeno da gheada. En realidade o topónimo Guitón é de orixe xermánica e indica o nome do posuídor dun territorio: VILLA(M) BITTANI, é dicir, “vila de Bitto” (o nome xermánico Witt). O topónimo ten a mesma orixe que Castrovite ou Guitián.
53 No nomenclátor aparece tamén O Sol.
54 Vemos aquí outra vez como a explicación do topónimo parte dunha forma deturpada *Fojo, que o autor relacionaría cunha suposta forma fogo (“lume”).
55 No nomenclátor aparece o lugar de Patanín, que non cita Varela. Este, á súa vez, menciona Touza, Torre de Renda, Sinde e mais Eicián.
56 No nomenclátor aparecen dous lugares máis: un chamado tamén A Somoza e outro, Alberiñas.
57 No nomenclátor aparece As Carballas. A Revolta non se menciona aquí.
58 Texto escolar para aprender a ler e escribir.
59Parece que, certamente, Paio Soares era orixinario de Tabeirós, pertencente a unha familia da baixa nobreza . A súa actividade como trobador pódese situar nas primeiras décadas do século XIII. Era irmán do tamén trobador Pero Vello. Durante moito tempo atribuíselle a Pai Soares a primeira cantiga coñecida en galego, até que, non hai moitos anos, descubriuse outro texto máis antigo. É o autor da célebre “cantiga da garvaia”, que é unha cantiga de amor chea de ironía, por iso moitos autores a entenderon como satírica, o que provocou unha certa controversia entre os partidarios dun e doutro sentido da mesma, sobre todo no que se refire ao personaxe a quen vai dirixida, unha filla de Don Pai Moniz, que durante moito tempo se identificou con Dona María Pais Ribeiro, a célebre Ribeiriña, amante do rei portugués Sancho I. Conservamos da autoría de Paio Soares seis cantigas de amor, tres de amigo, e dúas tenzóns, unha delas co seu irmán Pero Vello.
60 Regueiro non aparece no nomenclátor actual.
61 Trasfontao, Coutada e Curuxas non aparecen no nomenclátor.
62 A graza do Espírito Santo limpa os pecados dos nenos. Era MCLXXXXVIII. Até aí podemos traducir. O resto do texto presenta importantes erros de lectura. Tampouco coincide a data que sinala o autor coa que indica a número romano.
63 No nomenclátor actual aparecen ademais Fafián e O Soutiño.
64 Non coincide, como vén sendo habitual, co nomenclátor actual: en Varela aparecen Ermo e Gándara; e faltan A Costa, Lameiriña, Maráns e A Panadería.
65 Os nomes latinos dos meses non derivan dos deuses aos que estaban encomendados, así IANUARIUS, de Xano, deus da paz, protector das portas e das cousas que se inician; FEBRUARIUS, de Februs, deus da purificación; MARTIUS, de Marte, deus da guerra; APRILIS, derivado de APERIRE, “abrir”, porque é o mes en que se abren as flores e renace a natureza despois do inverno; MAIUS , da deusa romana Maia, da primavera; IUNIUS , de Xuno, deusa protectora da muller, o matrimonio e a maternidade; IULIUS, en honra a Xulio César, nacido neste mes; AUGUSTUS , en homenaxe ao emperador Augusto; SEPTEMBER, que deriva do latín SEPTEM, “sete”, porque era o sétimo mes cando o ano comezaba en marzo; OCTOBER, derivado da palabra OCTO, “oito”, por ser o oitavo mes; NOVEMBER, do latín NOVEM, “nove”; e DECEMBER, de DECEM, “dez”. Os deuses que sinala aquí Pedro Varela son os os que se asociaban a cada mes como tutelares ou gardiáns. Este sistema aparece en pleno esplendor no século I d.C., despois das reformas ao calendario de Xulio César.

php.Element.Def.Pdf_Fallback