Paisaxe vital de Xosé Otero Espasandín con Castro ao lonxe
DIONÍSIO PEREIRA
“Viñen ao mundo co cantar dos galos o 9 de novembro de 1900 nunha pequena aldea do Axuntamento de Cerdedo: Santa Olaia de Castro. Alí, á veira do Castrodiz e de cara á Conla, pasei os catorce primeiros anos da miña vida bebendo a mancheas canto de bo e de malo achei ao meu redor”, deixará escrito cincuenta anos máis tarde na correspondencia mantida dende alén mar con Francisco del Riego. Os pais, Rafael Otero e Soledad Espasandín, a “tía Soledá”, humildes labregos domiciliados en Castro Domedio; as irmás, Efigenia e Sara. Alí pasará tan só a infancia e a primeira mocidade pois, no mesmo ano en que estoupou a Iª Guerra Mundial, Xosé Otero Espasandín marchará a Santiago destinado a estudar Maxisterio na Escola Normal, domiciliada naquela altura no Pazo de San Xerome, en pleno Obradoiro. E puido iniciar o seu roteiro compostelán mercé aos bos oficios dun tío crego que tivo parroquia na Pereira (Santa Comba) chamado Rogelio Espasandín, daquela único vieiro para que un fillo de casa pobre puidera estudar, se é que non participaba dos paternalistas favores da Fundación Ventura Figueroa1. Nos estudos de Maxisterio tivo, por certo, como compañeiro ao lembrado mestre de Quireza Constantino Simal. 2
Malia a distancia física que non deixou de medrar ao longo da súa vida, Castro e o Val de Quireza deixarán en Otero unha pegada indeleble de por vida. Dalí, levará por sempre a imaxe da toxeira en flor de Castrodiz, por cuxos carreiros gabeaban Barazal arriba os rapaces, abraiados pola novidade dos primeiros automóbiles alá pola Abelera nun tempo en que Castro aínda non tiña estrada digna de mención3, para ver o mar (“Mar de Marín, mar de Marín, recendo de sal e laranxeiros!”, escribirá Otero), para ver bailar o sol na mañanciña de San Xoán, ou para enxergar á muller termando da súa galiña e dos pitiños encantados. Tamén conservará na lembranza o milagre da natureza, simbolizado no arrecendo das roseiras do seu Soutiño e na compaña cantareira dos paxaros, unha das grandes paixóns da súa vida; anos andados, en Bos Aires, anotará:
“…. Una de las aventuras de mi infancia era el encuentro con una nidada de perdigones alrededor de la segunda quincena de agosto, cuando ya la inmensa mayoría de las aves del contorno habían dado término a la cría de sus pequeñuelos y muchas de ellas se habían ausentado o enmudecido a causa de la muda. Era frecuente, entonces, oir a cualquier compañero de andanzas por montes, dehesas, bosques, retamares, rios, etc., relatar el percance de la perdiz coja o con una ala rota. Todos los oyentes permanecíamos con la respiración casi en suspenso mientras seguíamos, a través del relato los percances de la aventura. “Se nos ha extraviado la Teixa4–decía el amigo- y mi madre me mandó a buscarla al monte. Al pasar junto al cercado del pinar de D. Fulano, y cuando más ajeno me encontraba a cuanto pasaba a mi alrededor, de delante de mí sale corriendo un hormiguero de perdigones; debían ser unos veinte o, por lo menos, quince. No bien me había repuesto de la sorpresa y me disponía a echar a correr tras ellos para traer a casa unos cuantos y criarlos en una jaula, la madre dió un chillido y en el acto me pareció que los perdigones se los había tragado la tierra. Pero a unos metros de distancia advertí a la perdiz dando saltos torpes y arrastrándose como si estuviese coja o tuviese una ala rota, y entonces salí corriendo tras ella con todas mis fuerzas. Dos o tres veces creí tenerla en la mano, pues pude acercarme a un metro escaso de ella, pero cuando iba a agacharme y alargar la mano, daba unos saltos más y se repetía la escena. Saltó el cerco del pinar y yo tras ella; sus alas, como si estuviesen tronchadas, se hallaban extendidas y arrastraban, a ambos lados mientras la perdiz corría con torpeza por entre las retamas, los brezos y los tojos....Ya no podía hacer más, entre el cansancio, la sed y la excitación; por otra parte se me hacía tarde y me esperaban en casa, y por esto hube de desistir. Aún volví por el lugar donde había visto al comienzo los perdigones, pero ni uno pude descubrir: aquello parecía cosa de brujas....
Este relato era frecuente. Algunos viejos de la aldea nos decían que a ellos les había sucedido lo mismo más de una vez, debido a que la perdiz se vale de estos ardides para alejar todo peligro de sus pequeñuelos. Pero a mí me quedó siempre la duda de que esto pudiese suceder en la realidad. ¿No será esta una de tantas fábulas en que los animales se nos aparecen con una sagacidad y una astucia muy superiores a la del común de los mortales?...5
Pero nada como a atracción das augas do río Quireza e dos mil regueiros (os do Chope, da Freixa, de Berpillón, de Candas,…), presas e fontelas (a da Crica, a Fonte dos Millos, a Fonte Cavada, a Fonte Taberna...) servidoras daquel e agurgulladas no territorio de Castro, tal e como lle transmitiu a Francisco del Riego medio século despois, nas súas comunicacións epistolares :
“…Mais de todos os encantos da vida ningún me chegou tan adentro como a auga: a auga dos ríos, das fontes, da choiva;...o son das augas, as veces calmo, quedo, as veces ameazante, as veces case imposibre de ouvir entre os musgos ou as silvas ou os fentos; os reflexos do sol ou das nubes, dos vidoeiros, dos carballos, na tona da auga d´unha represa; o manso doblarse dos brizos baixo a corrente; as espesas sombras das barbeiras sobre un remoîño do río; as espadanas e os xuncos apranados pol-a crecida;...todo esto e mil cousas mais asociadas coas augas en todol-os estados e aparencias sempre me atraeu e ainda me atrae c´unha forza ou c´un feitizo estrano…”6
Non lle abandonará, tampouco, o suplicio da escola como moura lembranza que, mesmo, aboiou en Barcelona no transcurso da Guerra Civil naquela revista que ideou Castelao co nome de “Nova Galiza”:
“…Cando me poño a lembrar a miña vida de rapaz n´aquela aldeíña da montaña galega por onde brincan as augas cristaíñas do Lérez entre seixos e ameneiros, xurde a escola como o mais probe, cativo, ruin.
Saíamos á mañán cedo da casa nenos e nenas, polos carreiros entre ferráns xiadas, c´unha bulsiña de dril na que levábamos un manuscrito de Calleja ou Paluzíe, un catecismo Astete, e uns pregos de papel cheos de borrós de tinta, letras ensarilladas que nada decían, e un anaco de broa pra a volta; pasabamos o río fomegante no meio da néboa, cantarín como unha moza madrugadeira camiño do moíño. Ao cabo d´uns tres cartos d´hora, co peito encolleito de medo, chegábamos á porta da escola7 c´un vago presentimento de que o maestre –ou a súa muller ou os fillos- íannos recibir a palmetadas, pol-a tradanza, por non leval-as ourellas ben lavadas, ou por non sabel-o catecismo. Os que ían no silabario ou no catón, sentábanse nun banco dos que daban a volta ás catro esquinas do local, nun sitio fixo, sen se poder estirar as pernas nas tres horas que duraba a clase. O chan era terrizo, húmedo. Nós tiñamos os pes mollados; había quen ía descalzo, quen levaba uns zocos rotos nos que entraba e saía a auga como nun cribo. A forza de tel-o libro collido pol-o mesmo sitio rompíase e borrábanselle as letras; nin que decir ten que pra pasar d´unha folla a outra eran precisos meses d´escola, cando non anos. Aterecidos, encolleitos de frío e medo n´aquel curruncho frío, escuro, pensábamos minuto a minuto no tempo que aínda quedaba pra brincar fora d´aquel inferno, correr camiño da casa, xogal-os botós da roupa, comel-o pan de maíz que levábamos na bulsa entre os libros, as plumas, os palotes.
Fora de xirós de recordos como iste, eu non lle debo á escola nada como non sexa saber cantal-a táboa de multiplicar e faguer despois de moitos anos unhas operacións inacabables, sen ningún vencello coa realidade próusima nin lonxana. Oxe non me explico cómo puiden manter un cego amor aos libros, sobre todo aos de matemática, cómo puiden chegar a vivir ateazado pol-a idea de penetral-os mais sotiles segredos do cálculo. De haber tido unha boa escola primaria, unha boa escola Normal e unha boa escola Superior quezais oxe poidera ser un investigador capaz de ofrecer ao mundo algunha idea orixinal no campo mais puro da Matemática ou da Mecánica…”. 8
Coincidencias
En posesión do título de mestre dende os dezanove anos, de Compostela vai a Marrocos, formando parte por imperativo legal do Batallón Expedicionario enviado en 1921 a Melilla logo do Desastre de Annual; alí, no ameazante sequío da montaña do Rif “…onde a miña sede de auga clara, de auga generatrix, de auga imaxinativa, creceu ata a anguria, case ata a doenza”, coincidiu co poeta galego-arxentino Amado Villar e con Rafael Dieste, nun cruce de camiños que lle marcou de por vida. Foi alí, a carón de Dieste e nas trincheiras de Dar Drius convertidas nunha miserable apoloxía da inutilidade do militarismo colonial, onde tomou forma o alento galeguista que latexaba no seu apaixonado vencello coa terra que lle revelou os prodixios da existencia: “Charamuscas”, un xornal feito a man en galego por Dieste e dous amigos rianxeiros, Xosé Mª. Brea Segade e Jesús Romero Sánchez, foi a primeira evidencia escrita do patrio sentir dalgúns daqueles mozos. 9
De volta a Galicia, andando o ano 1923, consegue traballo na vila arousá de Ribeira como mestre na escola do Pósito de Pescadores, traballo que compatibilizará co de profesor de matemáticas no colexio privado “Ave María”, onde coincidirá outra volta con Rafael Dieste, o seu grande amigo. Na devandita correspondencia intercambiada con Francisco del Riego, ficou de manifesto a importancia desta etapa vital:
”…pasei uns seis anos entre ensinar, estudar e vivir en Santa Uxía de Ribeira. Praias, piñeirais, cons, montes, a Ría de Arousa, Corrubedo, O Barbanza, dunas, citanias, mámoas, dólmenes, gaivotas, algas, peixes, tormentas, faros, ondas, lestías,…van conmigo aínda, e non coido que me deixen ata a morte. Alí coñecín a moitos amigos e xunteime con outros, uns mortos na flor da vida, coma Manuel Antonio, Manuel Fernández Sendón, José e Manuel Castelao 10… Por aqueles anos, Ribeira foi un centro de inquedanzas. Alí ao lado vivía Valle Inclán, con quen todos nós pasamos horas que, pola miña parte, nunca esquecerei”. 11
Ademais dos devanditos, andaban entre Ribeira e Rianxo o médico Antonio Baltar, o futuro teórico do trotskismo Enrique Fernández Sendón Fersen, Ramón Martínez López…; a maiores, nalgúns fins de semana se lles achegaba un nutrido grupo de amigos residentes en Compostela: García Sabell, Bal y Gay, Carlos Maside, Emilio Mosteiro, Rof Carballo, entre outros. Naqueles ricaces contubernios, onde Maside debuxaba, Dieste disertaba con elocuencia, Bal falaba de innovacións musicais e García Sabell, recen chegado de Alemania, daba conta das novidades da metrópole europea, cimentouse un singular compromiso co país, esquerdista no político e vangardista no estético. Naquel ambiente xuvenil e arroutado, criticábase tanto o culturalismo enxebre como a indefinición política a prol da República, propios de boa parte da Xeración Nós e daquelas Irmandades influenciadas polo tándem Risco-Lousada Diéguez que, asemade, non tivo empacho ningún para se integrar en corporacións municipais e deputacións elixidas a dedo, na alborada do Directorio Militar encabezado polo Xeneral Primo de Rivera.
Daquela, en torno a 1924-1925, Outeiro Espasandín comeza a colaborar na prensa viguesa: o “Faro de Vigo”, onde o seu amigo Amado Villar dirixía as páxinas literarias, “Galicia” e o xornal de Portela Valladares, “El Pueblo Gallego”, por esta orde, publican12 os seus pequenos soltos de principiante en castelán e tamén os primeiros poemas en galego que, a partir de 1926, tamén terán cabida en anos sucesivos na Revista “Nós”. Vai ser nesta publicación, animada en Ourense por Risco na distante data de 1918 e resucitada oito anos despois pola man amiga de Anxel Casal na súa imprenta con vistas ao mar coruñés, onde, malia as discrepancias que Otero Espasandín mantiña coa orientación “arqueolóxica” e exclusivamente cultural da revista, verá a luz en diversas entregas ata 1935 parte do seu poemario “non nato” “Alfabeto”, semella que debido aos bos oficios de Fermín Bouza Brey. 13
O grisallento período da Ditadura de Primo de Rivera estivo, porén, inzado de amizades que lle achegan un nacionalismo nada dogmático: Amado Carballo, a quen acompaña ata o leito de morte, facendo o imposible por publicar o seu libro póstumo O Galo, que prologa; Manuel Antonio, que lle contaxiaría as súas arelas de construír unha linguaxe universal dende a cultura popular en galego para os seus poemas; Roberto Blanco Torres, observador dende a súa atalaia de redactor xefe de “El Pueblo Gallego” da traxectoria daqueles mozos aos que non lles abondaba co galeguismo dos maiores, se negaban a escribir “como se vivisen no antonte dos séculos” e proclamaban apaixonadamente que era a xente nova, que nada tiña que ver co banal estudante “troiano,”quen turraba polo renacemento de Galicia e de Europa….
Pouco antes de morrer, moi novo, de tuberculose, Amado Carballo deixará un esclarecedor relato do desencontro entre aquela mocidade rebelde e iconoclasta que tomou ao nacionalismo como guieiro e algúns dos senlleiros representantes daquel influínte segmento elitista e conservador do galeguismo:
“Vicente Risco, el culto profesor de Orense que en otro tiempo fue nacionalista, se ocupa en un extenso y notable artículo publicado en “El Pueblo Gallego” del renacimiento literario que comienza a alborear en Galicia. De su antigua actitud rebelde, sólo queda al escritor un acta de diputado provincial y su costumbre de producirse en gallego.
Cuando en años anteriores comenzaba a surgir aquella generación nacionalista, todos los jóvenes que llevábamos en lo más hondo del corazón un santo amor a la tierra madre, nos sumamos a este redentor movimiento de un modo extra-oficial, sin admitir la servidumbre de un módulo político, ni aceptar un encasillado dentro del partido. Éramos entonces los nacionalistas románticos, sin jefes y sin disciplina. Una grey diseminada y llana de grandes entusiasmos que nos alentaban el mayor de los sacrificios que en un día determinado hubieran de pedirnos.
Hubo sin embargo, en contra de esta generación de juventud rebelde, manejos mal disimulados y torpes intrigas de las que por higiene hubimos de apartarnos, prefiriendo el valor del trabajo aislado, lento e improductivo, a figurar como segundones de individuos que no han perdido ocasión de desprestigiar y entorpecer la labor vacilante de la generación que nunca quiso aceptarles como maestros.”. 14
Deste tempo provén, así mesmo, a súa empeñada defensa do idioma galego como lingua capaz de expresar e resolver temas universais, tal e como o amosaba a maxistral obra de Rafael Dieste Os Arquivos do Trasno. 15
Outeiro, que lindaba na súa escrita poética daquel tempo pre-republicano cun certo “creacionismo” panteísta, moi penetrado polos arrecendos da natureza e da sociedade tradicional galega16, arremete por aquel entón nas circunspectas páxinas de “Nós” contra da “cativa e avelloucada” lírica do país e deixa patente, no medio do silencio xeral, o seu entusiasmo polas “sanas insumisiós” explícitas no poemario De Catro a Catro e na vida do seu amigo Manuel Antonio 17. Daquela, o navegante rianxeiro e o varudo cerdedense son, para Risco e para os editores coruñeses do voceiro “A Nosa Terra”, “os máis enrabechados avangardistas” na poesía escrita en lingua galega. 18
Canto ao plano profesional, no atento percorrido que Luis Bello fixo polas escolas galegas alá polo ano 1929, o salmantino decatouse do compromiso coa súa terra e co seu idioma dunha chea de xoves escritores e poetas que, agora, exercían como mestres. Primeiro, Noriega Varela encanfurnado na montaña lucense, logo Salgado Toimil enfeudado coa vila cantábrica de Foz; por último, atopa en setembro daquel ano a Otero debruzado na súa fonda vocación pedagóxica ao pe dunha costa batida polo vento mareiro:
“…Y me asomé al Posito Marítimo de Ribeira donde trabajaba cara al viento y el mar un joven escritor de raza: Otero Espasandín…” 19
Referenciadas puntualmente na Revista “Nós”, aquelas inesquecibles camiñadas Curota arriba polo Barbanza megalítico, á descuberta dos restos da nosa identidade colectiva primixenia na compaña de Florentino Cuevillas, Fermín Bouza Brey, Ramón Martínez López e os irmáns Fernández Sendón, tamén resultaron fecundas en boas intencións que, como aquel proxecto ideado por Fersen de artellar unha sociedade para editar en galego “algo máis que novelas sentimentales”, logo empedraron o purgatorio do “non nato”. Maior resultado deron as deambulacións con Dieste -federalista, galeguista, anticaciquil, pero discrepante co nacionalismo canto ao papel da lingua como alicerce da nosa cultura; convencido, en suma, da cooperación galega “na grande aventura española”- ao longo das, naquel tempo, solitarias praias de Touro e Corrubedo ou nas delongadas tertulias do “Café Núñez”, ensarillados os amigos en polémicas e coincidencias. Precisamente, nas “Coincidenzas” que publicaron en comandita no “Eco de Galicia” de La Habana en xaneiro de 1927, Otero e Dieste reaccionaban contra “…ises cantores do mol que queren facer da saudade e da morriña as nosas primeiras e mellores notas”, reclamando acción colectiva e vontade de mudanza por parte da mocidade rebelde, contra dos atrancos que se opuñan á consideración de Galicia como unidade sociopolítica: eis, individualismo, falla de autoestima e fe no destino común, minifundismo xeográfico e mental, introspección e parcelación de ideais…. Era tempo, como dicía Fersen a Manuel Antonio, de grandes angueiras para escorrentar a “Galicia das veladas benéficas”.
Cambio de rumbo
“Emigraron os paxaros da alba
pol-as liñas magnéticas do rencor.
Adeus. Moi alá ¡adeus!”
(“Paisaxes da neve”, 1933)
De espírito inquedo, Otero Espasandín decidiu dar un brinco e se trasladar a Madrid a cabalo entre os anos 1929 e 1930, coa intención de ampliar estudios para profesor ou inspector de ensino na Escola de Estudios Superiores de Maxisterio, “…onde non aprendín nada novo, mais coñecín alí canto había de mozo no pleno sentido da palabra, entre outros a Machado, a Cossío…”. Mentres, para poder sobrevivir, Otero comezou a dar clases de matemáticas (a súa disciplina preferida, xunto coas Ciencias da Natureza) en distintas academias, destacando a prestixiosa “Escuela Plurilingue Internacional” dirixida pola viúva de Xohán Vicente Viqueira, a extremeña Jacinta Landa Vaz. Alí, naquela institución de carácter privado na que se practicaba a inmersión lingüística en distintos idiomas (francés, inglés e alemán, ademais do castelán), coñeceu á que sería a súa futura muller, a mestra Alicia Ortiz Alonso.
Por aquel tempo protorepublicano, Otero frecuentou así mesmo as cátedras de Filosofía e Matemáticas da Universidade Central e traballou intensamente no Museo de Ciencias. Asistiu, tamén, aos parladoiros literarios que tiñan lugar en certos cafés madrileños, tal que o “Café de las Flores” ou “La Granja del Henar”, onde un nutrido grupo de asistentes con ascendencia galaica –Cándido Fernández Mazas, Urbano Lugrís, Maruja Mallo, Arturo Souto, entre outros- se reunía en torno ao irmán maior de Rafael Dieste, Eduardo –daquela cónsul de Uruguai en España- no primeiro caso, e de Ramón del Valle Inclán, no segundo. 20
Non por iso cortou Otero os vencellos coa xuventude que compartía compromisos co país galego e concordaba cun radical desexo de revisión do acontecer peninsular, proxectando a opción republicana como meta inmediata; polo contrario, participará intensamente na andaina de “Nueva España”, unha revista madrileña que recolleu puntualmente aquel espírito de rebeldía, e nela vai coincidir con vellos coñecidos de alén O Padornelo, como Fersen, Bal y Gay, Maside ou Felipe Fernández Armesto, agora residentes na capital da Corte monárquica en extinción. Naquelas páxinas 21, sempre en clave galaica e cun notorio sentimento xeracional, deixou definidas en 1930 as características do seu nacionalismo cívico e nada esencialista, que, coa perspectiva que lle deu despois o exilio americano, Luís Seoane interpretou certeiramente como un concepto “…nada patriotero ni sentimental, sino realista y político, abierto a todas las inquietudes universales y dando por supuesto en el pueblo gallego el sentimiento natural de galleguidad” 22. Por aqueles días madrileños de estreiteces materiais e ilusións no porvir, días nos que confiou a Fermín Bouza Brey un “feixe de boa poesía” que o depositario iría publicando aos poucos na revista “Nós” 23, escribía a Dieste que andaba a preparar un programa político xunto con dúas ducias de galegos, e que Fersen e máis el representaban a esquerda do colectivo, que, “…por certo, nada ten de ala dereita” 24. Hoxe quizais poderíamos poñer en cuestión tal aseveración, xa que, alá por maio daquel ano que precedeu á IIª República, aparece Otero con Bal, Fersen, Fermín Penzol, Ramón Martínez López e o futuro deputado por Lugo pola Fronte Popular, José Mª Díaz Villaamil, participando nun grupo denominado “Acción Gallega Radical Autonomista”25 que reclamaba nada menos que a Mancomunidade, unha concesión autonómica de curto alcance reivindicada polo sector “accidentalista” e conservador das Irmandades da Fala e que, cando menos, era chocante solicitar a un réxime que xa tiña os días contados axexado polo conxunto de forzas democráticas, que había pouco adoptaran en Galicia un compromiso republicano no chamado “Pacto de Lestrove”. Pero hai máis, o grupo de Otero tomará parte un par de meses máis tarde xunto a Portela Valladares, as Irmandades e o Partido Radical, no “Compromiso de Barrantes” onde, como é sabido, as reivindicacións dos galeguistas careceron dunha perspectiva decididamente antidinástica e democrática 26. A partir de aquí, perdémoslle a pista ao colectivo en cuestión e, se cadra, non sería en absoluto descamiñado pensar que a súa ala esquerda abandonouno descontenta coa moderación dos pasos dados até aquel intre.
Chegado o 14 de Abril de 1931, a posición de moitos daqueles mozos galegos residentes en Madrid respecto da cuestión nacional, muda dun xeito notorio. Qué aconteceu para que Fersen, integrado dende fins de 1930 na trotskista “Oposición Comunista de España”, negase taxativamente ano e medio máis tarde a existencia do “problema nacional” en Galicia e, mesmo, a virtualidade da súa cultura particular? 27. Qué influíu para que Otero Espasandín, Bal y Gay e, posteriormente, Lorenzo Varela, concordasen coa postura de Dieste, teimudo na reivindicación dunha esencia española desposuída dos peores aderezos da España “negra”, deixando a Galicia nun segundo plano?. Algo tivo que ver, quizais, o posibilismo (cando non aberta fasquía conservadora) dos membros das Irmandades, primeiro, e do Partido Galeguista, máis tarde; posibilismo político, relixioso e social contraposto, ademais, co inmenso pulo vital e cultural daquel primeiro tempo republicano, vivido intensamente no fervedoiro en que se convertera a urbe madrileña. Anos andados, Otero vainos clarexar o asunto unha migalla dende as páxinas de “Nova Galiza” en plena Guerra Civil, lembrando cando naquela altura a súa conciencia social entrou en conflito coa visión da cultura como un fin en si mesma, propia de boa parte do galeguismo, considerando pola súa banda, en troques, secundaria a loita a prol da lingua galega en tanto que cerne da nosa identidade:
”…Para os que poñíamos a mira na redención económica do povo -que é a redención básica e urxente- a língoa galega non era un fin en sí, nin era preciso forzala artificiosamente a competir con outras língoas”. 28
Dunha maneira ou de outra, Otero vaise mergullar no maxisterio de Manuel Bartolomé Cossío e Antonio Machado, favorables a unha pedagoxía baseada no contacto popular e na consideración do sentimento e da vontade antes que no intelectualismo abstracto 29, alentando de xeito entusiasta, máis unha vez con Rafael Dieste, a renovadora proposta das “Misiones Pedagógicas” desenvolvida por todo o territorio da España republicana ata o golpe militar de xullo de 1936. Unhas misións que, malia o esforzo galeguizador de Dieste no planeamento da primeira xira que visitou múltiples localidades do país no segundo semestre de 1933, tiñan por riba de todo un enfoque español e universal:
”La empresa es sugerir el conjunto de una cierta unidad de problemas y puntos de vista en España; o sea: crear una necesidad de totalidad para que no se reaccione local o particularmente…Nuestra actitud personal es una actitud universal, o lo que es lo mismo: un ritmo universal diluído en el rango, la gracia y la nobleza de las cosas comarcales”. 30
No devandito itinerario galaico das “Misiones Pedagógicas”, desenvolvido entre o 11 de agosto e o 17 de decembro de 1933, Otero participou como colaborador baixo a dirección de Dieste e a carón dos pintores Cándido Fernández Mazas e Ramón Gaya, os escritores Antonio Ramos Varela, Arturo Serrano Plaja e Antonio Sánchez Barbudo, así como do cineasta José Val del Omar, que rodou un documental daquel extenso periplo que percorreu a frioleira de 28 vilas galegas (de Allariz ata Malpica; de A Mezquita a Fonsagrada), 4 leonesas e unha asturiana, levando ás costas un museo circulante de arte, cine, servizo de biblioteca, música en gramófono e, por vez primeira, os monicreques rotulados “Retablo de Fantoches”.
O longo e intenso roteiro non pasou desapercibido para a prensa galega, pois o poeta comunista Manuel Gómez del Valle publicou no voceiro da ourensá “Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense” (ATEO) senllas entrevistas a Ramón Gaya, Rafael Dieste, Antonio Sánchez Barbudo e José Otero Espasandín, ilustradas todas elas coas súas correspondentes caricaturas 31. E o xornal vigués “El Pueblo Gallego”, non deixou de sinalar o aquel mesiánico e xeneroso daqueles “misioneiros” da cultura:
“…Las misiones se proponen dar a la gente de las aldeas y pequeñas villas una imagen del mundo presente, más allá del horizonte local: dejarles una impresión de cordialidad sin lisonja; darles un ejemplo de naturalidad y libertad de espíritu; destruir ciertos vínculos muy usuales, entre conocimiento y pedantería; hacer que el pueblo aprenda algunas cosas útiles o valiosas por sí mismas, sin humillarlo nunca ni humillar su conocimiento natural al decírlas….Ya lo sabeis, maestros y alcaldes de todas las villas y pueblos de Galicia: cuatro mozos “libres y puros”-Rafael Dieste, José Otero Espasandín (otro gran espíritu gallego), Antonio Sánchez Barbudo y Ramón Gaya- andan por vuestras tierras en insólito peregrinaje de amor y fantasía para llevar a las gentes sencillas y doloridas a puertos de mas alta y clara humanidad”. 32
A xira, por certo, incentivou a doazón de bibliotecas a numerosas escolas primarias ubicadas polo país adiante, previo informe da “Inspección de Primera Enseñanza” respecto das condicións daquelas e a disponibilidade dos mestres. Cada biblioteca estaba constituída por cen libros, distribuídos en tres partes: unha para nenos (contos de Grimm, Andersen, Hoffman,..), outra para adultos (obras de Galdós, Quevedo, Tolstoi, Víctor Hugo…) e unha terceira composta de material didáctico e de consulta. No que atinxe á Terra de Montes, estas foron as escolas favorecidas:
No Concello de Beariz, Amiudal, Rubillón e Beariz.
No Concello de Forcarei, Cachafeiro, Meavía, Presqueiras, Quintillán, Vilar de Millerada e Forcarei.
No Concello de Cerdedo, Bugarín, Quireza, Folgoso e Cerdedo.
Quén sabe o que foi delas!.
Un ano despois, en 1934, Otero repetiu a xogada acompañando polo verán a Dieste e Lugrís en esforzada misión por zonas pouco transitadas das provincias de Burgos (Oña, Villarcayo) e Palencia (Tierra de Alba, Valle de Pernía). Entre medias, en febreiro daquel ano, casa en Madrid polo civil con Alicia Ortiz, que dá a luz a dous xemelgos en nadal; deles só sobrevive a súa filla Cuqui. A morte do meniño será, en diante, un dos máis fondos pesares de Otero. 33
Retornando á paisaxe cultural de Galicia, os vencellos de Otero coa intelectualidade do país continuaron teimudos, malia a súa progresiva distancia ideolóxica cos postulados de boa parte da “intelligentsia” galeguista da época: así, en 1932, verémolo a carón de Arturo Cuadrado, Álvaro Cunqueiro e Luis Seoane, publicando na revista da FUE compostelá “Universitarios”, dirixida por Francisco Fernández del Riego e composta na “Imprenta Nós” de Anxel Casal, ao cabo aveciñado definitivamente na cidade do Apóstolo. Por aquel tempo renovou, así mesmo, a súa condición de socio protector do “Seminario de Estudos Galegos”, participando sequera de maneira episódica na súa sección de Pedagoxía, dirixida dende 1933 polo inspector xefe de Primeiro Ensino na Coruña, Manuel Díaz Rozas. 34
Dende que marchara a estudar fora, Otero retornaba todos os anos ao seu Castro Domedio natal polas vacacións do verán ou polo Nadal. Alí, os días pasábanse en deambular polo berce de ilustres canteiros como os Monteagudo no rueiro de Caramoniña, remontar pola Granxa arriba cara a chaira rica en augas de Palmichán, ou andar de palique no comareiro de arriba da Labaceira. Tocáballe tamén botar unha man aos seus pais, gadañando na herba seca nos Alargos ou limpando presas como a do Barazal; daquela, as angueiras do campo non lle eran alleas:
“…Deval´a a marea dos centeos
e arrecenden os agros,
mapas celestes das moreas d´esterco.
(A xugada é unha constelación
no meio e meio do firmamento).
Vai a rabela do arado
a escribir o seu verso
que recita o abade merlo
no púlpito ensarillado do pexegueiro”.
(“Sementeira”, 1928)
Aínda quedan veciños que lle recordan, avanzado xa o tempo da República, aprendendo a miúdos e maiores na, aínda a medio construír, Casa do Pobo de Santa Baia de Castro; a coñecida popularmente como “casa da sociedá”, levantada pedra a pedra dende 1932 e inaugurada en febreiro de 1934 polos veciños integrados na “Sociedad de Agricultores y Obreros y Productores” da parroquia, incorporada á súa vez na “Federación de Obreros y Agricultores del Ayuntamiento de Cerdedo” 35. Tamén o lembran, xogando interminables partidas de xadrez na fermosa casa que fora do médico municipal de Cerdedo Constantino Sieiro -terratenente local e significado “muñidor” político do distrito, finado en 1913-, co seu sobriño Julio de Teobaldo e outros veciños porta con porta como os irmáns Taboada. Deixando a un lado os seus idearios políticos contrapostos, con Julio Sieiro non parou de peneirar os montes colindantes de Tomonde, Vilalén, Deán e Vilar na procura de castros e restos megalíticos, acompañados ás veces por un espelido rapaz chamado Manuel Monteagudo Ruzo. Podemos imaxinar a Otero gabeando polo curuto de Castrodiz, empolicado na Eira dos Mouros matinando no fuxidío tesouro deixado por aqueles na Fonte do Pontillón de Filgueira; a Otero arrodeando a peneda onde persiste o case que descoñecido petróglifo do Outeiro do Mestre (non sería o propio Otero o mestre en cuestión?), intrigado polo seu labiríntico culto solar; a Otero marcándose unha carreiriña de can deica as mámoas do Alto da Eiriña e do Monte Pedrouzos, ou ata o Muíño de Neto, alí onde a bandoleira Pepa A Loba comía o bolo da lareira coas mulleres que muiñaban, cando saía do seu agocho da carballeira de Mos… Por Monteagudo sabemos tamén que Otero frecuentaba para bañarse (mesmo en inverno!) a concorrida Poza da Redonda situada no río Quireza e que, cando andaba a remoer nalgún traballo literario, adoitaba procurar acubillo entre os carballos do Muíño de Baixo, un lugar farturento en contos e lendas, Santa Compaña incluída 36. Ao cabo, o cerdedense tampouco esquecía retornar ás terras do Barbanza, onde amigos doutrora como o flamante catedrático de Lingua e Literatura Española, Ramón Martínez López, seguían a reclamar a súa atención. Pero o ano 1934 faltou a súa cita con Galicia, por razóns de peso que o impediron: no verán, o percorrido das misións por Castela; no inverno, a traxedia do seu pequeno.
Polo demais no devalo de 1934, cando as simpatías de Otero Espasandín polo PCE xa eran ben coñecidas, embárcase na aventura de dirixir -baixo patrocinio de Eduardo e Rafael Dieste e a colaboración dunha chea de galegos radicados na capital da República como Fersen, Bal, Fernández Mazas, Eugenio Granell ou Lorenzo Varela- a revista P.A.N, acrónimo de “Poetas Andantes y Navegantes”. Nela, o seu principal aporte virá dado pola defensa da poesía “comprometida con el designio social” en consonancia con Machado, así como polas reflexións encol da conformación dun sistema universal de valores capaz de librar ao mundo dos andazos da miseria e da guerra, contando co rol esencial da xuventude de alma e pensamento como motor do cambio social 37. A experiencia, que serviu de enlace entre as “Misiones Pedagógicas” e o chamado Grupo de “Hora de España”, remata en xullo de 1935 sen que por ningures o hispanismo universalista da publicación atendera a temática galega, se exceptuamos unha sentida e documentada semblanza de Manuel Antonio debida ao seu conveciño Enrique Fernández Sendón Fersen. Galicia, non obstante, continuaba no maxín de moitos daqueles “pánidas” de ascendencia galaica e residencia madrileña, posto que a pouco de finalizar o roteiro da revista, moitos, Otero entre eles, ían acompañar ao veterano rexionalista Aurelio Ribalta, na sinatura dun manifesto da colonia galega en Madrid a prol do Estatuto de Autonomía, daquela no ostracismo dende a vitoria das dereitas nas derradeiras eleccións de novembro de 1933.
Naquel verán de 1935, Otero retornou por varias semanas a Galicia, aproveitando a súa derradeira misión, da que foi responsable principal. Así, entre o 12 de xullo e o 23 de agosto, Otero desenvolveu numerosas actividades no domicilio do Pósito de Pescadores de O Pindo, un edificio que aínda se conserva como local social da actual Confraría de Pescadores dese pequeno pobo mariñeiro. Se cadra, non o sabemos con certeza, Otero aproveitaría a ocasión para facer unha escapada a Castro e ver á familia e os amigos que alí permanecían. Se aconteceu así, sería a última vez que estivo de corpo presente na súa terra natal.
O desterro
“Bebiches o cáliz amargo
de unha emigración forzosa,
o teu corpo abaneando
coma un xunco nun brañal,
por ter que deixar teus pais
e a túa Galicia, nai chorosa
(Manuel Monteagudo)
En 1981 escribíalle deste xeito a Xosé Otero Espasandín, Manuel Monteagudo Ruzo, aquel veciño da Aldea de Abaixo de Castro Domedio que nunca esqueceu as camiñadas co seu mentor e que, logo da morte de Franco, teimou durante moito tempo para que Cerdedo non esquecera nin o seu exemplo como mestre e cidadán, nin a súa obra como escritor.
Como residía en Madrid, a guerra sorprendeu a Otero en territorio leal á República -no Escorial, de vacacións coa familia, para ser exactos- e, respondendo ao seu compromiso coas liberdades cívicas, de contado integrouse xunto con Dieste, Bergamín, Alberti, León Felipe, Ramón Gaya e moitos outros na “Alianza de Intelectuales Antifascistas para la Defensa de la Cultura”. Avanzada a contenda, foi trasladado coa súa familia a Barcelona e, a partir de febreiro de 1938, atopamos a Otero no “Consejo Nacional de la Infancia Evacuada” (CNIE), organismo dependente da “Dirección General de Primera Enseñanza” presidido polo dirixente da FETE-UGT César García Lombardía a carón do vello libertario asturiano Eleuterio Quintanilla, que supervisaba dende a Cidade Condal o funcionamento das Colonias Escolares onde se atendía á rapazada refuxiada por causa da contenda. Otero Espasandín, concretamente, foi nomeado conselleiro responsable da Quinta Sección da CNIE, a que desenvolvía os capítulos de persoal e orientación pedagóxica, aspecto benquerido por Otero, como sabemos. 38
Como era de agardar, as cousas non foron doadas na capital catalana; a familia Otero Ortiz debeu compartir fame e vivenda con outra familia, a formada polo pintor Ramón Gaya a súa muller e a filla, co engadido do tamén pintor compostelán Eugenio Granell. Malia as estreiteces e os bombardeos que en maio de 1938 destruíron o seu fogar, en Barcelona e sempre a carón de Rafael Dieste, Otero foi quen de colaborar con algún artigo en galego na revista “Nova Galiza”, primeiro, e logo, conforme avanzaba a contenda cara a desfeita republicana, tamén botou unha man ao seu amigo, a Arturo Cuadrado, ao poeta Juan Gil-Albert, a Sánchez Barbudo e ao propio Gaya na confección de “El Combatiente del Este”, voceiro quincenal do XIº “Cuerpo del Ejército del Este”, unidade radicada na localidade gironina de Olot e na que estivo destinado o rianxeiro a partir de agosto de 1938. Ao cabo, Otero rematará a guerra mobilizado no corpo de aviación nunha oficina da retagarda barcelonesa. 39
Coa derrota, Xosé Otero Espasandín cruzará a fronteira francesa por Figueres lixeiro de equipaxe (anos despois, en Bos Aires, contaría como a penas levaba consigo a súa prezada regra de cálculo) e, outra volta xunto a Dieste, lisca do inhumano campo de refuxiados de Saint-Cyprien mercé aos bos oficios do comité constituído “ad hoc” pola Alianza de Intelectuais Franceses. Fraco e avellentado, desembarca a fins de febreiro de 1939 no sur de Inglaterra reclamado pola súa cuñada Elisa –funcionaria da Embaixada da República Española en Londres- que, previamente, dera acubillo á muller e á filla. Dous anos despois, cando a situación económica da familia xa era desesperada posto que a Otero se lle impediu traballar, Dieste dende Bos Aires conseguirá visados para todos. Deste xeito, Otero e familia poderán comezar en abril de 1941 unha nova vida no desterro americano, deixando atrás un ermo no tocante á produción literaria e unha existencia localizada en Norwich, Reading e Londres chea de penurias e humillacións, sempre baixo a ameaza das bombas nazis. 40
Nos seis anos e cinco meses que residiu en Bos Aires (onde xa estaba afincada dende 1929 a súa irmá Efigenia, que pagou parte dos seus pasaxes de barco), a vida tampouco foi doada xa dende os primeiros intres. A pouco de chegar, radicado de maneira provisoria no barrio de San Telmo fronte ao popular Parque Lezama, Otero publicou no quincenario “Pueblo Gallego” e na nosa lingua un artigo onde amosaba o seu fondo desacougo fronte o frenético sen vivir da inmensa urbe porteña, na que lle agardaba unha existencia chea de traballos. No escrito agroma, asemade, a saudade de angueiras como a leda sementeira colectiva das patacas que tiña lugar nas cavadas dos campos da aldea de Castro, vixiantes os outeiros e cantareiras as labercas:
“…O home non ten tempo pra nada. Ten qu´andar dun lado pra outro, cego ó mundo arrededor seu, sin poder miral-o mar con lecer, ou ouvir o canto d´un paxaro, ver a posta do sol ou escoitar una lenda. E todo pra chegar pol-a noite a sua casa desfeito, sin ledicia mais que pra matal-o tempo, pra se meter nun cine no que todo se enseña sin esforzo e onde nada s´aprende, en fin de contas, pois non ten sentido aprender quieto e pra matal-o tempo. Aprender é salvarse da morte vivindo no raiz dos problemas de sempre, nos problemas da vida e da morte. Por eso oxe vemos tantos vivos en apariencia e mortos no fondo…. En ningún sitio de cantos eu vín alcanza este fenómeno una intensidade tan escalofriante como eiquí. Na nosa terra os domingos ou o día d´a festa son agardados con ansia e a xente disfruta con toda alma cando chegan. Eiquí non vedes ledicia de vivir ¡nin nos nenos! pois non se contou con eles pra nada e non teñen onde xogar, onde respirar aire puro, onde aprender como non sea matando o tempo, ou sexa morrendo.
¡Qué sorte tivemos os que nacemos e nos criamos n´unha vella aldea, con vacas, cans, galiñas, paxaros, peixes, arbres,...; os que vimos nacel-o sol con ollos inocentes, os qu´ouvimos cantal-as labercas n´as mañans de mayo e ainda oxe lembramos o arrecendo das sementeiras e os contos da noite de San Xoán!.
Foi enton cando aprendemos o pouco que sabemos de verdade, o pouco que vale a pena saber, o qu´oxe nos mantén vivos no meio da morte. O mundo aquel era pra nós limpo com-o aire do mar, com-o cantar da fonte e o salir do sol por enriba dos outeiros…” 41
Porque alí, naquel trepidante Bos Aires cheo de oportunidades tras o estoupido da IIª Guerra Mundial, “traballei como nunca traballara”, deixou dito. Imposibilitado para exercer como mestre pola obriga de revalidar estudos, Otero gañou o pan con esgotadoras xeiras de tradutor e autor en castelán de trinta e cinco libros de divulgación científica encol dos temas máis variados -da civilización grega ao universo xeado da Antártida; dos poboadores do mar aos prodixios dos paxaros que tanto acariñou- case que todos para a “Colección Oro” da Editorial Atlántida, unha casa que tamén acolleu a outros escritores exilados como Lorenzo Varela, Vicente Salas Viu ou Arturo Serrano Plaja. Foron tempos de un libro por mes, asinados algúns con alcumes tais que Norman Beechdale ou Roger Moulin; de rigorosa e malpagada documentación a conciencia; de dar “lebre por gato”, segundo ocorrente comentario do seu inseparable Dieste na tertulia cotiá do evocador café Tortoni emprazado na Avenida de Mayo, que Otero frecuentou con Luis Seoane, Arturo Cuadrado, Colmeiro, Lorenzo Varela e outros amigos desterrados. Algúns daqueles volumes, como o relativo á “Historia de la Educación” imprentado en 1948 42, deixaron unha pegada visible aínda non hai moito na sociedade arxentina e seguen a ser exemplos de rigor histórico compatible coa poesía, polo vieiro dun enciclopédico e apaixonado espírito comunicativo. Segundo Lorenzo Varela, Otero Espasandín recollía neles os seus coñecementos pedagóxicos adquiridos ao longo do exercicio da súa profesión, mais tamén as experiencias derivadas dun intenso contacto mantido co pobo. 43
A pluma áxil e transparente do Otero porteño tamén transitou por outras propostas de xornalismo cultural, procedentes, as máis delas, do trinomio Rafael Dieste-Luís Seoane-Lorenzo Varela: “De mar a mar”, “Pensamiento Español”, “Cabalgata”, “Sur”, “Correo Literario”,.....44. Neste derradeiro quincenario deixou unha maxistral serie de 24 artigos sobre as aves, construída sobre os alicerces da morriña pola natureza perdida entre o asfalto, as lembranzas do seu Castro natal e un devalar filosófico cheo de convencido humanismo; neles, asemade, cunha intelixente escrita chea de sentido do humor e fina ironía, Otero amósase como un ecoloxista “avant la lettre”, inzado de coñecementos nas Ciencias Naturais. 45
Porén, conforme pasaban os anos vaise facendo a cada máis apreciable a melancolía que comezaba a invadir artigos escritos en castelán e versos, inéditos, tamén en galego. Os poemas “Pico de Castrodiz” e “Apuntes”, redactados en Bos Aires entre 1942 e 1943, foron acaída mostra do devandito; con estes sentidos traballos, Otero abandonaba en boa medida o matizado vangardismo estético do que facía gala a cabalo entre os anos 20 e 30, para, no desterro e dende unha fonda tristura que se presumía definitiva, ir na procura das lembranzas e sensacións dunha terra (Castro, A Ulla, Arousa…) e unha lingua que ficaban a cada máis ao lonxe….46, estado de ánimo que non impedía o incondicional aliñamento de Otero Espasandín coa intelectualidade española belixerante co réxime franquista.
De certo, Otero nunca esqueceu naquel universo en castelán ao seu país e a súa fala; velaí, sen ir máis lonxe, o limiar escrito para a obra do Padre Sarmiento Estudio sobre el origen y formación de la lengua gallega con prólogo de Murguía, reeditada no ano 1943 no segundo volume da Colección “Camino de Santiago” da Editorial Nova, alentada esta mais unha vez por Seoane, agora na compaña de Arturo Cuadrado.
En 1947, contrariado polo ascenso peronista, Otero marcha para os EEUU na procura dun pouco de sosego mediante o retorno ao ensino e á natureza; na Arxentina, deixaba atrás un labor enciclopédico, recoñecido por Castelao, Blanco Amor, Seoane e Otero Pedrayo, entre outros. En Norteamérica vai gañar a vida como profesor de Lingua e Literatura españolas nun monumental “College” de arquitectura neogótica radicado nunha pequena vila -cinco mil habitantes- do Estado de Pensylvania chamada Waynesburg, abandonando por sempre o círculo de amigos galegos que, dende os anos 30, viña coincidindo en proxectos alumeados aquí e acolá. Con eles (Dieste, Seoane, Colmeiro, Lorenzo Varela, Antonio Baltar…), vai comezar unha sorte de “comunicacións mesturadas” a través do tempo, dos continentes e dos países, que perdurarán sen presenza física ata o mesmo intre da súa morte.
A partir de 1949 hai novidades: Francisco del Riego dá co seu paradoiro en Pensylvania e pídelle materiais propios para os proxectos da Editorial Galaxia, consistentes en sacar á luz unha historia da literatura galega e unha escolma da nosa poesía; de paso, ao tempo que lle comunica as poucas novas culturais do país, renova o seu contacto con Maside, García Sabell, Ramón Baltar, Aquilino Iglesias Alvariño e “Borobó” que, mesmo, faise eco do seu devalar alén mar no xornal compostelán “La Noche”. Ao tempo, Otero é informado de que Aquilino propuxera sen éxito a súa entrada na “Real Academia Gallega”, xunto con Dieste, Seoane e Colmeiro…
Sen máis, a partir de 1950 e respondendo aos estímulos de Paco del Riego, escribe para a ocasión cinco poemas que, engadidos a “Pico de Castrodiz” –adurmiñado, daquela, na gaveta-, unha nota autobiográfica e unha breve disertación encol das características vivenciais e nada especulativas da súa poesía, agora que os ismos vangardistas ficaban moi atrás, contribúen a recuperalo un lustro máis tarde para o galeguismo cultural como autor na nosa fala.
Velaí, na volta do camiño da vida, as raigañas da súa concepción poética:
“Pra min a poesía nunca foi tema de especulación. Acéptoa como un feito mais, como unha dimensión da vida humán, e sin formalidade ningunha, como sin querer, cultívoa de cando en cando e vívoa donde queira a atope. No mundo da especulación prefero a matemática á poesía, non sei ben por qué. Quezais porque, dentro da sinxeleza das premisas de partida, permite abrenguer hourizontes non menos complexos e belos que os da poesía mesma. Os que preferen a poesía como tema en que exercitar os anceios analíticos do esprito á matemática abondan mais e a eles debo deixarlle a vez, ainda que me reserve o dereito de non estar d´acordo con eles. Pra min a poesía é algo así como o âr que respiro ou como o sangue que corre pol-as veas; síntoa dentro e a veira de min; as veces ferve dentro do meu peito e semella que me vai a cortal-o alento para sempre; outras déixame mudo ou, pol-o contrario, faime correr, gritar...De todo esto poden dar testimonio as praias de Corrubedo barridas pol-os ventos do Atlántico, os dolmens do Barbanza, os penedos de Castrodiz, os sombrizos remansos do Lérez e mil e mil cousas mais d´esa Galiza, d´esa Castela, d´esa Cataluña, d´esa Asturias e de case todas as comarcas de España, vividas por min a grandes tragos e que, ainda hoxe, acuden a cotío ô meu recordo deixándome cos ollos valdeiros perdidos no espacio…” 47
A sentida evocación da terra furtada presente nos poemas en cuestión (“Pontes do Lérez”, “Serán”, “Solpor”, “Choiva de abril”, “Dolmen de Oleiros”, co engadido de “Pico de Castrodiz”), pon de manifesto que, nunhas circunstancias de illamento nada propicias, Otero seguía a construír a súa lírica coa paisaxe emocional do país onde nacera e cos amigos da infancia, “mortos ou vivos”, no pensamento: as campás de Cerdedo e de Quireza “cantan, rin, choran/recordan, rezan”; A Conla e A Baiúca “d´arriba abaixo vestían de amarelo”; Castrodiz “pastor de mámoas en terras de Cerdedo!”; “toca aos rezos unha vella/campana…¿De Quireza,/Tomonde ou Sabucedo?...; “Choiva de abril,/soñando en ti, a mil leguas/do Lérez, das pedras de Compostela.”; Pontes do Lérez, “…lévovos no recordo/sempre ledas”… 48
Daquela, comunicóulle a Del Riego:
“…Vivo rodeado de libros. Paseo canto podo, case sempre acompañado pola miña muller, tratando de desentrañar a ialma desta paisaxe, de entender estes arbres, estas flores, estes paxaros, esta luz… De cando en cando escribo algún verso e sobre todo converso cos moitos amigos esparexidos polo mundo…”.
Logo dun novo translado a Bethesda, nos arredores de Washington, Otero traballará primeiro como editor, corrector de estilo e tradutor de español no boletín da “Pan American Health Organization” (Organización Mundial da Saúde) e logo, ata 1965, dando clases deste idioma na escola de graduados do Departamento de Agricultura do goberno federal dos EEUU. Daquela, apesarado por problemas familiares e polo ermo atafegante da “guerra fría”, foi incapaz de levar a cabo o desexo manifestado a Del Riego e a Seoane de xuntar nun libro a súa dispersa obra poética en galego e abriu en diante un longo paréntese como escritor, malia os esforzos por animalo de Dieste e Seoane. Non obstante, en todo aquel tempo escuro este último vai insistir dende o seu posto de director da revista “Galicia Emigrante” no seu inxente labor na Arxentina, destacando o digno arquetipo de intelectual desterrado que representaba. 49
Na década dos 70, xubilado xa e totalmente esquecido en Galicia, continuaba a recibir por medio de amigos, veciños e familiares novas encol dos lugares onde transcorreu a súa nenez, agora dramaticamente despoboados: os seus interlocutores nos EEUU serán algúns compoñentes da familia Taboada, radicados en Norteamérica seguindo o ronsel do cabeza de familia, que emigrara alí xa na segunda década do século XX. En Castro Domedio ficaron, non obstante, as fillas Elena e Herminia que montaron un reputado obradoiro de corte e confección, onde se fixeron moitos traxes de noiva para as mozas casadeiras do Val de Quireza nos anos 50 e 60. Otero estaba, a maiores, informado sobre a situación política e social do Estado español e da evolución do réxime de Franco; a morte deste, acolleuna cun “gran aturuxo por Galicia que está renaciendo”.
Adiado mil e unha veces o retorno, primeiro pola fráxil saúde da súa dona e, logo do pasamento desta en 1977, por causa da avanzada idade e dos achaques que tiña, Otero retomou contacto coas letras galegas andando o ano 1982 en circunstancias ben tristeiras: a morte de Rafael Dieste. Daquela, a revista “Grial” pedíralle algunha colaboración verbo das súas vivencias co que fora o amigo máis querido e Otero Espasandín retrucou cun fermoso “Pranto in memoriam de Rafael Dieste” e cunha Apoloxía 50. Naquel poema, pensando nos “andantes e navegantes” de toda condición, escribía:
“Sigue, camiñante,
sigue e non esquenzas
que os poetas quedan,
non morren, non pasan.
Viven seus decires,
as súas conversas,
brandidas de gracias;
viven nos seus libros,
nas nubes, nas praias,
no dolmen de Oleiros,
nas praias de Touro,
na cume inmorrente
do nobre Barbanza.”
Un par de anos máis tarde, Otero rematou a póstuma homenaxe publicando un libriño en castelán no que xuntou os Cuentos que me contó Dieste. 51
Xosé Otero Espasandín finou nun hospital de Washington o 15 de outubro de 1987, sen voltar nin ao seu Castro Domedio natal nin a Galicia; pero antes de morrer tivo ocasión de reivindicar nunha carta dirixida a Manuel Monteagudo, o seu irrenunciable vencello coa terra que lle agasallou a visión do mundo:
“…recién entrado en el año 87 de mi existencia, cedo a la condición galaica que en mi pecho palpita vigorosa….Le advierto que en lo íntimo sigo siendo el arrapiezo de comienzos de siglo. Siga sus estudios con ahínco; escriba si tiene vocación y honre con sus obras y sus escritos a nuestra Galicia” 52.
Cando se cumpren vinte e cinco anos da súa morte, reclamamos que xa é tempo de recoñecer aos que, como Otero Espasandín, cimentaron coa súa obra e, máis que nada, coa súa humanidade, un compromiso ético hoxe insubstituíble. Queremos que se coñezan os seus logros e tamén os seus padecementos. Queremos que se lles bote de menos e, ao tempo, sentirnos acompañados por eles no roteiro que cada quen decida emprender.
Descanse Otero co espírito en paz en terra allea, unha paz pola que sempre deveceu:
“…Sin nunca pararme a pensal-o moito, sei ben que un día calquera os meus ollos quedarán valdeiros de verdade, de poesía e de carne; non haberá pra eles côres, augas claras ou sombrizas, hourizontes mareiros nin liñas de cumes; non haberá música de paxaros nin d´outra crase nos meus ouvidos, e quezais hasta o recordo se desdibuxe en cousa d´uns segundos. Mais se chego a este intre coa mente crara e serea, terei o consolo de haber vivido alerta â poesía e â beleza, ora xurdan do esprito dos homes, ou latexen no cantar das labercas, no fuxir das augas ou das nubes” 53.
Porque, por riba da letra está o home….
Epílogo
“Vive quien deja y deja el que ha vivido” (Antonio Machado)
Así escomezaba Xosé Roxelio Otero Espasandín na revista “Grial” o seu “Pranto in Memoriam de Rafael Dieste” 54, o entrañable amigo desaparecido no outono de 1981. O aforismo, homenaxe así mesmo a un dos seus mestres máis queridos (o Machado republicano), será, como tantas outras cousas, compartido entre ambos compañeiros de teimas xusticeiras e de exilios. Quen vos escrebe, apousentado dende hai varios lustros en Cerdedo a ben pouca distancia da modesta casa que lle veu nacer (convertida hoxe, todo hai que dicilo, en garaxe), soubo de Otero nada máis chegar á Terra de Montes. Naqueles días de iniciática veciñanza, recen instalados e sen a penas respiro, houbo que se xuntar para enfrontar a desbaratada pretensión de instalar un vertedoiro no Alto da Eiriña, fermosa paraxe do Monte de Vilar inzada de mámoas e petróglifos situada mesmo nas abas do Pico de Castrodiz, aquelas nas que tanto enredou Roxelio de rapaz. Gabeando por aqueles penedos envoltos en liques e lendas encartados entre O Seixo e A Conla, daquela, tivemos noticia de que alguén deixara escrito alén mar, no seu exilio arxentino:
“Pídoche, Castrodiz, dende esta terra
envellecida nova, metro e medio
do chan pra cando morra
soñar cos enxamios dos vencellos,
ca fror do toxo, ca groria das labercas
e a brancura das neves de febreiro.”
(“Pico de Castrodiz”, 1942)
Logo foi seguir o fío e procurar a boa compaña do compromiso vital do escritor para darnos azos naquela angueira. E cando puidemos desbotar o arrepiante soño do naufraxio de Castrodiz baixo unha maré de lixo urbano, a primeira lembranza foi para Otero Espasandín e para os seus versos, que son nosos cada vez que seguimos os mesmos carreiros que el transitou noutrora.
Mais Otero veu para se quedar; nunha sinxela homenaxe que se lle tributou por parte do Concello de Cerdedo co gallo do centenario do seu nacemento, escoitámolo falar por boca doutras xentes agradecidas na Casa do Pobo de Castro onde, nos tempos da IIª República, aprendía á rapazada do lugar durante as vacacións estivais. E posto que boas causas nunca faltan, non hai tanto que veu connosco nunha xira que fixo unha chea de xente dende a sobria e resistente Ponte do Serrapio construída sobre o río Quireza, até a confluencia deste co Lérez, para denunciar outro bárbaro proxecto: a construción de seis minicentrais no río que une O Candán e a Terra de Montes co mar de Marín, que levaría de seu o estrago das súas ribeiras e, con elas, da benquerida Ponte románica de Pedre. Nesta, aproveitando un recanto da vella calzada romana á que serve de perpetuo barqueiro de pedra, recollimos o poema “Pontes do Lérez”, botado ao mar en botella imaxinaria dende Pensylvania para que aniñase en quen lle dera boa acollida, e ratificamos a nosa avinza diante da sen razón do que algúns chaman “progreso”, con Otero Espasandín nos beizos:
“Firmes pontes,
brinco de orela a orela,
maternos brazos
da ialma de Gallaecia:
conmigo andades sempre,
as meniñas dos ollos moi abertas
cara ó lonxe do tempo
e das estrelas”
(“Pontes do Lérez”. 1950)
Despois, baixo o feitizo das augas e o ceo toldado pola ramallada da carballeira, camiñamos ao compás da súa escrita e das súas vivencias que, dende aquela, rememoramos de vez.
Dionísio Pereira
Vilar, Febreiro 2012

1 Manuel Benito Ventura Cabanelas Barreiro, máis coñecido como Ventura Figueroa (apelido este último da súa avoa materna), foi un político galego do século XVIII que, no leito de morte, instituíu unha Fundación para darlle estudos e dote matrimonial a persoas sen recursos que puidesen demostrar algún tipo de parentesco coa súa familia. Case tres séculos despois, a Fundación segue a existir tutelada pola Xunta de Galicia, logo de ter propiciado os estudos a milleiros de “figueroistas”.
2 Entrevista a Dositeo Baliñas, xaneiro de 2012; agradecemos a Carlos Amable Baliñas a consulta da devandita gravación.
3 A actual estrada que une Castro con Cerdedo e Quireza, non estivo operativa ata o ano 1924. Antes, o que había era o vello camiño real que saía de Cerdedo, pasaba por Deán a rentes mesmo do flamante domicilio da “Federación de Agricultores y Obreros del Ayuntamiento de Cerdedo” e chegaba a Quireza tras atravesar Castro Domedio, mesmo por onde a casa de Otero. Ademais, Castro do Cabo comunicaba con Bugarín polo chamado “camiño dos mortos”, hoxe lamentablemente pechado pola vexetación.
4 “Teixa”, “Toura” ou “Garrida” eran nomes comúns das vacas en Castro, no tempo en que aínda as había.
5 Otero Espasandín, J., “Correo Literario”, Bos Aires, 1/7/1945.
6 Nota enviada a Francisco Fernández del Riego en 1950 dende Waynesburg (EEUU) e publicada por este na súa Escolma de poesía galega. IV: Os contemporáneos, Ed. Galaxia, Vigo, 1955 .
7 Na alborada do século XX, os rapaces de Castro Domedio cruzaban ao mencer o río Quireza e ían mañá e tarde á escola da Botica, rexentada polo mestre Fernando Rey Vidal no barrio de Os Castros, levando algunha cousa para o xantar; en Castro non houbo escola mixta ata 1913 ou 1914, emprazada a rentes da casa do médico Constantino Sieiro. As sombrizas condicións que describe Otero, se extreman aínda máis cando sabemos que na aula estaban amoreados máis de oitenta rapaces de diversas idades que, logo das clases propiamente ditas, debían aturar a maiores unha sorte de instrución militar. Ver Monteagudo Ruzo, M., Historias de Santa Baia de Castro. Curiosidades e outras historias, Ediciones R. S. Pontevedra, 2007 e Lorenzo Rey “Castrodiz”, F., Galicia no recordo, Deputación Provincial de Pontevedra, 2001.
8 Otero Espasandín, J., “As promesas galegas: A Nosa Escola”, “Nova Galiza”, Barcelona, nº 14, 8/1/1938.
9 Cuquejo Enríquez, M. (Ed.), Xosé Otero Espasandín. Obra galega, Xunta de Galicia, Santiago, 2006.
10 Manuel Fernández Sendón, dirixente do POUM en Ribeira, morreu fusilado polos franquistas nos primeiros días da Guerra Civil; Xosé e Manuel Castelao, curmáns de Daniel, foron asasinados meses despois no porto de Vigo cando tentaban fuxir nun vapor de pesca.
11 Fernández del Riego, F., op. cit. 1955.
12 Como mostra, ver o artigo “Miradas” publicado no xornal de Valentín Paz Andrade, “Galicia”, no número 597 correspondente ao 29/8/1924, onde aboia o seu talante crítico quer coa mesquindade política imposta pola Ditadura, quer coa profanación da súa querida Natura, por parte da banalidade dos primeiros turistas que se achegaban á beiramar arousá. Presentes tamén neste artigo, o seu devezo pola mitoloxía grega e a airexa poética da súa prosa primeira. Sobre as súas colaboracións no “Faro de Vigo”, todas elas en castelán, ao longo do ano 1924 e comezos de 1925, ver Cuquejo Enríquez (Ed.), M., op. cit. 2006.
13López, T., “Sementeira de ronseis. Cinco poetas de vangarda. Xesús Bal y Gay-Johán Carballeira-Denys Fernández-Emilio Mosteiro-José Otero Espasandín”, Espiral Maior Poesía, A Coruña, 2000.
14 Ver Amado Carballo, L.,“Galicia y sus escritores. Los nuevos y los envejecidos”, “La Concordia“ (Vigo), 10/5/1924.
15 Otero Espasandín, J., “Literatura e outras cousas”, “El Pueblo Gallego”, 15/5/1926.
16 López, T., op. cit. 2000 e Cuquejo Enríquez (Ed. ), M., op. cit. 2006.
17 Ver Outeiro Espasandín, “Nova aportación á lirica galega”, crítica do libro Ancla de Emilio Mosteiro, “Nós”, nº 51, 15/3/1928; tamén a reseña do libro De Catro a Catro de Manuel Antonio, Outeiro Espasandín, “Nós”, nº 58, 15/10/1928, na que destaca a notable precisión, o dominio da linguaxe ensaística e a humanidade do autor cerdedense.
18 “A Nosa Terra”, A Coruña, 1/10/1928. Respecto do vangardismo poético de Otero, ver a composición “Poemas (pr´o libro Alfabeto)”, publicada o 15 de outono de 1927, no nº 46 da revista “Nós”.
19 Bello Trompeta, L., Viaje por las escuelas de Galicia, Akal Editor, Madrid, 1973.
20 Cuquejo Enríquez, M. (Ed.), op. cit. 2006.
21 Otero Espasandín, J., “Galicia: el contenido de nuestro nacionalismo”, “Nueva España”, Madrid, nº1, 30/1/1930.
22 Seoane, L., “Desterrados gallegos. José Otero Espasandín”, “Galicia Emigrante”, Bos Aires, nº 22, Xullo 1956.
23 Sobre este tema e outros detalles da vida de Otero Espasandín, paga a pena consultar o documentado traballo de Xosé Anxo García López, “Un poema para dous aniversarios: Otero Espasandín canta a Amado Carballo”, inserido na revista “Dorna”, nº 27, Universidade de Santiago de Compostela, 2001.
24 Carta sen datar, correspondente ao ano 1930, recollida por Xosé Luis Axeitos no Boletín Galego de Literatura, Santiago, 2000. Ver tamén García López, X. A., op. cit. 2001.
25 “El Pueblo Gallego”, Vigo, 18/6/1930.
26 Sobre os movementos das diversas forzas políticas galegas no tempo inmediato á IIª República, segue a ser de consulta indispensable o libro de Alfonso Bozzo, A., Los partidos políticos y la autonomía en Galicia (1931-1936), Akal Editor, Madrid, 1976.
27 Ver Axeitos, X. L. e Bobillo, U. (Eds.), Enrique Fernández Sendón (Fersen). Memoria e antoloxía dun republicano galego, Ediciós do Castro, Sada, 1998.
28 Otero Espasandín, J., “Reivindicacións galegas: A Fala i-o home”, “Nova Galiza”, Barcelona, nº 15, 1/2/1938.
29 Asemade, a universalidade sociocultural presente na vida galaica debido á realidade migratoria e á proximidade coa lusofonía, sería un aliciente máis para o ensino que Otero soñou para o país; unha temática sobre a que volveu durante a Guerra Civil: ver o xa mencionado artigo “As promesas galegas: A Nosa Escola”. Como proba do seu perdurable interese nos temas pedagóxicos, Otero recuperará o escrito devandito a piques de finalizar o seu exilio porteño, publicándoo de novo con algunhas variacións en “A Nosa Terra”, Bos Aires, nº 457, novembro de 1947; ver García López, X. A., op. cit. 2001.
30 Sobre o devalar das “Misiones” en Galicia,compre ter en conta Porto Ucha, A. S., La Institución Libre de Enseñanza en Galicia, Ediciós do Castro, Sada, 1986. Para a participación de Otero nelas, pódense consultar a Memoria do Patronato de Misiones Pedagógicas. Septiembre de 1931-Diciembre 1933, Madrid, 1934 e o web http://cipres.residencia.csic.es/ . Por certo, nas primeiras misións desenvolvidas en maio de 1932 na contorna madrileña, colaborou no apartado de “Teatro y coro” a súa moza Alicia Ortiz e o irmán desta, Luis
31 Gómez del Valle, M., “Las Misiones Pedagógicas, el Museo del Pueblo y sus Animadores”, “Escuela del Trabajo”, Ourense, nº19-20, 1933.
32 “El Pueblo Gallego”, 13/10/1933, citado por Axeitos, X. L., “As ideas sociais e educativas de Rafael Dieste. Do mesianismo á fraternidade”, Revista Galega do Ensino, nº 8, Maio 1995. Axeitos acredita en que o xornalista non era outro que o intelectual galeguista e futuro alcalde de Bueu coa Fronte Popular, Johán Carballeira.
33 García López, X. A., op. cit. 2001.
34 García López, X. A., op. cit. 2001. Ver tamén Costa Rico, A., “O Seminario de Estudos Galegos: laboratorio dun plan pedagóxico para Galicia”, “Sarmiento. Anuario Galego de la cación”, nº 14, Universidades de Coruña, Santiago e Vigo, 2010.
35 A sociedade en cuestión, foi constituída legalmente o 24/10/1931. Para unha aproximación tanto ao societarismo agrario e obreiro cerdedense, como ás tristes consecuencias provocadas pola represión franquista sobre os seus principais dirixentes, ver Pereira, D., A IIª República e a represión franquista en Cerdedo, Verbo Xido, Cerdedo, 2006 e Solla Varela, C., O ano que chimpamos ao cacique (1916-1923): crónica do agrarismo en Cerdedo, Rinoceronte Editora, Cangas, 2011.
36 Ver Monteagudo Ruzo, M., op. cit. 2007. Tamén, carta de Manuel Monteagudo Ruzo ao autor, datada o 19/6/2004, e a devandita entrevista a Dositeo Baliñas.
37 Ver Otero Espasandín, J., “Consecuencia de la juventud”, publicado na revista PAN, no seu nº 4, correspondente ao mes de abril de 1935. Existe unha edición facsimilar, prologada por Xosé L. Axeitos, Ediciós do Castro, Sada, 1995.
38 Ver o nomeamento de Otero en “La Vanguardia”, Barcelona, 22/2/1938. A presenza de Otero no CNIE se menciona en Escrivá Moscardó, C. e Mestre Marín, R., Les Horts solidares. Les Colonies Escolars de Picanya, Ajuntament de Picanya, 2011.
39 Respecto do período barcelonés de Otero, ver Núñez, C. A., “Un texto olvidado de Rafael Dieste, escrito y publicado durante la Guerra Civil española”, en Nueva Revista de Filología Hispánica, v. 57, nº1, México, 2009.
40 Para esta dura etapa da súa vida, ver Axeitos, X. L., “Dos arquivos de Rafael Dieste. Cartas de Xosé Otero Espasandín a Rafael Dieste”, Boletín Galego de Literatura, nº 12, novembro de 1994 e “Dos arquivos de Rafael Dieste. Cartas de Otero Espasandín, Elena e Alicia a Rafael Dieste e Carmen Muñoz”, Boletín Galego de Literatura, nº11, maio de 1994.
41 Otero Espasandín, J., “Vivir morrendo”,“Pueblo Gallego”, Bos Aires, 15/7/1941.
42 Otero aínda publicou na devandita colección catro libros, cando en 1947 xa rematara a súa estancia arxentina.
43 Reseña de Lorenzo Varela ao libro de Otero Espasandín, El deporte griego, Bos Aires, Editorial Pleamar, Biblioteca Conocimiento, 1944, publicada en “Correo Literario”, nº 10, 1/4/1944. Para esta mesma editorial escribira o ano anterior un volume sobre La Antártida, como mito y como realidad.
44 Un completo relato das actividades literarias de Otero en Bos Aires, atópase en Ferreiro Fente, X. G., “A mirada de Ulises. Xosé Otero Espasandín: Literatura e Exilio”, traballo presentado ao Congreso Internacional “O Exilio Galego”, 24-29 Setembro de 2001, Consello da Cultura Galega.
45 Ver como exemplo “Aves Embusteras”, publicado no “Correo Literario”, Bos Aires, 1/7/1945. Para esta temática é interesante Otero Varela, I., “Otero Espasandín en El Correo Literario”, traballo presentado ao devandito Congreso Internacional sobre “O Exilio Galego”. Así mesmo, Otero Espasandín deixou referencias galaicas e cerdedenses mesturadas co seu apaixonado vencello coa natureza, en dous artigos aparecidos no voceiro do Centro Gallego de Bos Aires, “Galicia”: “Pajaros y recuerdos de Galicia” (nº 399) e “Galicia: agua y pájaros” (nº 411), ambos correspondentes ao ano 1945. Con estes dous traballos gañaría, precisamente, o segundo premio do concurso literario organizado no ano devandito por aquela entidade. Ferreiro Fente, X. G., op. cit. 2001.
46 En calquera caso, Otero Espasandín nunca concordou co enxebrismo tópico na arte e na literatura; ao respecto, ver o seu artigo encol da pintura de Manuel Colmeiro, “paisano y camarada”, publicado no “Correo Literario”, nº 33, do 1/4/1945.
47 Fernández del Riego, F., op. cit. 1955.
48 O poema “Serán”, composto en Waynesburg en 1950, será publicado inicialmente aquel mesmo ano na revista viguesa “Alba”, por iniciativa de Paco del Riego. Será o primeiro poema en galego publicado por Otero Espasandín na España franquista.
49 Seoane, L., “Desterrados gallegos: José Otero Espasandín”, “Galicia Emigrante”, Bos Aires, nº 22, Xullo 1956.
50 “Apoloxía de Rafael Dieste”, publicada no número 78 da Revista “Grial”, Outubro-Decembro 1982.
51 Otero Espasandín, J., Cuentos que me contó Dieste, Ediciós do Castro, Sada, 1984.
52 Carta de Xosé Otero Espasandín a Manuel Monteagudo Ruzo, datada en Bethesda o 3/1/1987.
53 Fernández del Riego, F., op. cit. 1955.
54 Revista Grial, Vigo, nº 75, Xaneiro-Marzo 1982.