O golpe fascista na Estrada
XOÁN CARLOS GARRIDO
O 18 de xullo, diante dos acontecementos que se daban nas prazas militares do norte de África, o goberno advertía que calquera declaración do Estado de Guerra era ilegal e que os que así procederan serían considerados facciosos e as tropas ao seu mando quedaban licenciadas e disolvidas automaticamente. Mais na Galiza e concretamente na provincia de Pontevedra o grao de coordinación dos conspiradores e a implicación xeneralizada dos mandos do Exército e da Garda Civil facía irreversíbel a sedición, se ben, nos primeiros días enganaron as autoridades civís facéndolle crer que estaban ás súas ordes para impedir que a reacción popular contra eles que abortase o golpe militar, o que lles permitiu reagrupar forzas alí onde a situación era máis precaria procedendo logo a unha actuación selectiva e fragmentada contra os demócratas.
Así, na Estrada, a Garda Civil, atendendo as ordes do Gobernador Civil, chegou a deter a un dos conxurados principais, o Comandante Pereira Renda, e a incautación da emisora de onda corta EAJ-BS (Berlín-Sibeira) que foi un dos medios claves de enlace entre os militares sublevados. Angel Pereira non estaría detido nin dúas horas na cárcere de Pontevedra para logo saír reclamado polo Comandante Militar da Praza para prestarlle servizos aos confabulados. Con todo estas manobras de distracción permitiron ao cuartel da Estrada, con escasos membros, recibir o apoio dos postos de Cuntis, Moraña e Forcarei.
Neste concello, estando ausente o alcalde que ía con outros presidentes de corporacións galegas a presentar o Estatuto de Galiza ás Cortes a Madrid, o Tenente Alcalde, Ramón Fernández Rico asume o mando, e tendo en conta que a Garda Civil se nega a poñer á súa disposición, recebe orde do Goberno Civil de proceder a armar ao pobo e a deter os membros destacados das organizacións que apoian o golpe militar como é o caso dos falgangistas.
O día 20, coa presenza xa do alcalde Jesús Ignacio Puente Fontanes, procédese a detención de simpatizantes fascistas e organízase a expedición de defensa de Pontevedra, requisando autobuses e camións para desprazarse á capital da provincia. Mais en Pontevedra xa se declarara o Estado de Guerra e estaba tomada polo exército.
O 21 a Garda Civil destitúe ao alcalde e toma o poder na Estrada e a partir do 22 de xullo comezaron as detencións sistemáticas de dirixentes sindicais e políticos, escritores, mestres, xornalistas e todos aqueles que profesaban ideais liberais. O máis san e lúcido da Estrada ía ser segado de súpeto pola forza bruta e a incultura.
Os feitos do 19, 20 e 21 de xullo serán determinantes para establecer os argumentos das causas contra moitos veciños da Estrada o cal tiña un sentido positivo porque aquel ao que non topaban nada de que acusar ía ser paseado directamente, o caso máis emblemático é o do mestre Bernardo Mato Castro.
Máis a acusación de requisa de armas, auxilio á rebelión, detención ilegal ou outras semellantes coas que os insurxentes quixeron enredar en xuízos sumarísimos cos que tentaron dar carta legal a represión que xa se estaba a cometer de xeito informal, permitiron encher as cárceres da Estrada, sita onde hoxe é o Centro Social da Terceira Idade, e logo a Escola Normal de Pontevedra, e finalmente, cando xa non se collía nesta facultade docente reconvertida en prisión, remataría por habilitarse a colonia penitenciaría de San Simón, onde acabaron moitos dos republicanos estradenses unha viaxe que nalgúns casos non tivo retorno, e noutros aínda se prolongou por diversas prisións do Estado.
Así, na Estrada, a Garda Civil, atendendo as ordes do Gobernador Civil, chegou a deter a un dos conxurados principais, o Comandante Pereira Renda, e a incautación da emisora de onda corta EAJ-BS (Berlín-Sibeira) que foi un dos medios claves de enlace entre os militares sublevados. Angel Pereira non estaría detido nin dúas horas na cárcere de Pontevedra para logo saír reclamado polo Comandante Militar da Praza para prestarlle servizos aos confabulados. Con todo estas manobras de distracción permitiron ao cuartel da Estrada, con escasos membros, recibir o apoio dos postos de Cuntis, Moraña e Forcarei.
Neste concello, estando ausente o alcalde que ía con outros presidentes de corporacións galegas a presentar o Estatuto de Galiza ás Cortes a Madrid, o Tenente Alcalde, Ramón Fernández Rico asume o mando, e tendo en conta que a Garda Civil se nega a poñer á súa disposición, recebe orde do Goberno Civil de proceder a armar ao pobo e a deter os membros destacados das organizacións que apoian o golpe militar como é o caso dos falgangistas.
O día 20, coa presenza xa do alcalde Jesús Ignacio Puente Fontanes, procédese a detención de simpatizantes fascistas e organízase a expedición de defensa de Pontevedra, requisando autobuses e camións para desprazarse á capital da provincia. Mais en Pontevedra xa se declarara o Estado de Guerra e estaba tomada polo exército.
O 21 a Garda Civil destitúe ao alcalde e toma o poder na Estrada e a partir do 22 de xullo comezaron as detencións sistemáticas de dirixentes sindicais e políticos, escritores, mestres, xornalistas e todos aqueles que profesaban ideais liberais. O máis san e lúcido da Estrada ía ser segado de súpeto pola forza bruta e a incultura.
Os feitos do 19, 20 e 21 de xullo serán determinantes para establecer os argumentos das causas contra moitos veciños da Estrada o cal tiña un sentido positivo porque aquel ao que non topaban nada de que acusar ía ser paseado directamente, o caso máis emblemático é o do mestre Bernardo Mato Castro.
Máis a acusación de requisa de armas, auxilio á rebelión, detención ilegal ou outras semellantes coas que os insurxentes quixeron enredar en xuízos sumarísimos cos que tentaron dar carta legal a represión que xa se estaba a cometer de xeito informal, permitiron encher as cárceres da Estrada, sita onde hoxe é o Centro Social da Terceira Idade, e logo a Escola Normal de Pontevedra, e finalmente, cando xa non se collía nesta facultade docente reconvertida en prisión, remataría por habilitarse a colonia penitenciaría de San Simón, onde acabaron moitos dos republicanos estradenses unha viaxe que nalgúns casos non tivo retorno, e noutros aínda se prolongou por diversas prisións do Estado.
- Bouza Brey, un xuíz impotente
Desde 1929 estaba destinado na Estrada como xuíz de primeira instancia o intelectual galeguista Fermín Bouza Brey-Trillo. Non podendo polo seu posto desempeñar ningunha actividade política, é indubidable a súa sensibilidade pola lingua e cultura galega que o levaba a colaborar en diversos proxectos do Seminario de Estudos Galegos e co Instituto da Estrada, e concretamente co seu profesor e secretario desde 1934, Antonio Fraguas Fraguas.
Cando as cunetas comezaron a estrarse de corpos e os que tiñan que manter á orde, dedicábase a roubar (requisar e incautar) e asasinar, a este xuíz que tiña que facer a vista gorda ocorréuselle un xeito de salvar a vida dos seus conveciños: Procesalos el, antes de que actuase a “xustiza militar”, encargándose persoalmente de garantir de que mentes estiveran por el ancausados non foran sacados da prisión da Estrada por ninguén que non lle dera garantías de que non era para aplicar a lei de fugas. Así, mentres participaba nas manifestacións públicas de adhesión ao réxime, en privado tecía a súa particular estratexia para evitar maior número de crimes que puidera nun pobo no que xa non se podía administrar xustiza.
Por pór un exemplo, o xuíz militar o 26 de agosto ordenaba publicar as requisitorias no Boletín Oficial da provincia de Manuel Coto Chan, Higinio Carracedo Ruzo, José Vila Carbón, Manuel Sanmartín, Manuel Campos Vázquez, Eduardo Pazos Álvarez, José Torres Bermejo, Luciano Louzao e Manuel Pérez Carracedo. Todos eles en “paradoiro descoñecido”. O 20 de outubro manda publicar Bouza Brey no Boletín Oficial outro edicto para que comparezan nunha causa instruída por el por “tenencia de armas y asociación ilegal”. Entre os chamados figuran algúns dos reclamados pola xustiza militar e outros fuxidos.
A súa actuación foi difícil e estaba baixo sospeita a pesares de prestarse a levar o estandarte na procesión das festas de 1937 acompañado por “autoridades, falange, flechas, etc...”, sendo logo suspendido durante dous meses de emprego e soldo ao abrírselle un expediente de depuración que é sobresaído finalmente o 1 decembro de 1937. En calquera caso é discutible a súa postura se ben é agradecida polos que se beneficiaron dela. Outros funcionarios como Carmelo Díaz González, rexistrador da propiedade na Estrada, é separado do servizo de xeito definitivo por negarse a asinar o acatamento ás novas autoridades. Os mestres inhabilitados, pola súa grande cantidade, merecerían un capítulo aparte.
- Proceso contra A Estrada
A Causa sumarísima 224/37 será o xuízo militar principal contra os republicanos estradenses. Se ben a represión circulaba habitualmente por canles informais, había casos que esta pretendía recubrirse de legalidade crendo atopar bases para un xuízo nos acontecementos dos días 19 e 20 de xullo nos que o Concello tentou organizar a resistencia contra a sublevación aínda que as forzas democráticas se abstiveran de disparar un só tiro e se entregaron confiando en que estaban diante doutra efémera e acostumada fanfurriñada dos militares españois.
O 13 de agosto xa se entregan en Pontevedra aos detidos José Monteagudo Carril, Manuel González Terceiro, Francisco Couselo Parente, Francisco Valcarcel Rey, José Pérez, Nestor Neira Mato, Manuel Otero Castelo, Jesús Puente Fontanes, José Rodríguez Sangiao, Ramón Fernández Rico, Albino Chao Coto e Jesús Tarrio Bragaña. Quedando libres “por ignorar su paradero” polo de agora Manuel Coto Chao, Higinio Carracedo Ruzo, José Vila Carbón, Manuel Sanmartín, Manuel Campos Vázquez, Eduardo Pazos Álvarez, José Torres Bermejo, Luciano Louzao e Manuel Pérez Carracedo.
O 18 de agosto do 36 a Garda Civil comeza o atestado na Estrada. A pluma do Comandante Manuel Deza Bello en colaboración co falangista Placido Castro Pena redacta as primeiras acusacións fundamentadas na detención que sufriron o mestre de Tabeirós máis seu irmá Alfonso e tres falangistas máis, Laurentino Puente Brea, Manuel Iglesias Franco e José Rodríguez Barreiro, o 20 de xullo, a cargo de axentes do comité de defensa da república da Estrada.
Placido Castro na primeira declaración xustificará a presenza na súa casa dos outros falanxistas como causal porque estaban a traballar na súa casa e non como o que realmente estaban a facer, intervindo na conspiración. Para incidir na teoría de que a actuación da Garda Civil foi para desbaratar un golpe previo dun suposto “Comité Revolucionario Marxista” (algo absurdo porque o Fronte Popular xa ocupaba o poder e moitos que imputaban ser deste comité eran da CNT, que era anti-Marxista) fala duns vales que se asinaba como UHP. Estes vales figurarán logo no expediente e ningún terá esa sinatura. UHP, Unión de Hermanos Proletarios, que fóra a consigna lanzada pola UGT na revolta de Asturias en outubro do 34, e curiosamente nesta alianza non participa o PCE aínda que pronto se identificará o comité e a todos os republicanos como comunistas.
Logo as denuncias centraranse en que lle reclamaban cartos para financiar a suposta revolución, estendendo o elenco de vítimas desta chantaxe a outras persoas, mais esta imputación pronto caerá polo seu propio peso cando os diferentes persoeiros citados confesen que é falsa esa extorsión. Os irmáns Paseiro Andión afirman contundentemente que non é verdade que lle pediran cartos. O único que podería reforzar a tese falangista senón fóra para ridiculizala foi a testemuña de Porto Verdura que sinala que os republicanos lle pediron cartos para tabaco, deulle 5 pesetas e logo de darlle as grazas marcharon.
Por ver de cargar as tintas nun atestado que facía augas por todas partes o propio Placido Castro afirma que non puido denunciar antes porque estivo enfermo “debido sin duda a impresión recibida por este hecho”.
Era evidente que terían que inventar novas acusacións para xustificar os fusilamentos que xa tiñan previsto realizar.
- Os Castro Pena
Os fillos de Serafín Castro García, Alfonso, Manuel, José e Plácido Castro Pena, terán un papel moi relevante na historia da Estrada deste período. Tres dos irmáns desembocaron en ideas de ultra dereita mentres que José, tiña conviccións democráticas. José Castro Pena, mestre en Cesures, escribía o 24 de marzo de 1936 en “El Emigrado”: “No hace falta discurrir mucho para darse perfecta cuenta de lo ‘cuesta arriba’ que se le hace a los elementos reaccionarios adaptarse a un estado de cosas en consonancia con las corrientes y directrices que la civilización marca a los pueblos. Poco importa que en el ánimo del Gobierno esté el procurar por todos los medios la convivencia entre todas las fuerzas políticas, aún entre las más dispares, si los más llamados a iniciar una sana colaboración abren las hostilidades contra todo lo que supone respeto y sumisión a los poderes constituídos”
No entanto o inspector de 1ª Enseñanza, Placido Castro Pena, quen fóra Presidente do “Consejo Escolar de Primera Enseñanza” da Estrada e Manuel Castro Pena, Presidente da Asociación de Maestros Nacionales da Estrada serán un dos elementos principais da represión na Estrada e nomeadamente entre os seus colegas de profesión. Alfonso, cargaba na súa conciencia cun atropelo co coche de seu irmá dun veciño, Alfonso da Ponte Barcala que quedaría morto no acto. Tiña unha alma atormentada que reflectía en poemas como o que dedicaba a súa nai:
“¡Dejar esta vida sería mi anhelo...
¡Bajar a la tumba! Besar a la muerta...
Volverme a la nada. Morirme de tedio...
¡Perderme en las sombras de aquel cementerio!”
Placido Castro Pena era eloxiado por García Barros por lembrarse de Galiza nos actos que houbo de homenaxe a república o 14 de abril de 1933.
Mais xa no 1 de maio de 1936, a prensa local dá conta dun incidente cuns manifestantes que acudían á Estrada. Ao pasar pola Consolación, onde estes teñen casa, a un dos que acudían á festa obreira ocorréuselle gastar unha broma a unha veciña que viña coas vacas, Rosa Durán, ameazándoa con multala por traballar en data tan sinalada, segundo relata o xornalista isto provoca a intervención dos irmáns Castro Pena agredindo ao manifestante. Finalmente a Garda Civil detería aos irmáns Castro Pena e máis ao autor da broma que desembocou na liorta, Andrés Picallo Souto. Isto provocou unha folga xeral o día 2 de maio na Estrada.
Mais o que chegaría ao máis alto nas responsabilidades do novo réxime, xa desde os primeiros días, será Manuel. Xefe Provincial de Falanxe de Pontevedra até que é destituído pola necesidade de reconstruír o consenso que tiña o réxime nun momento de forte rexeitamento das prácticas de primeira hora.
- Un fusilamento ficticio para xustificar os fusilamentos auténticos
En vista de que as acusacións non son moi presentables, de cara a gardar as formas, decídese o 26 de agosto do 36 citar a declarar aos falanxistas da Consolación, pero agora a historia increméntase cun suposto intento de fusilamento. Laurentino Puente Brea afirma que o subiron “a la cúpula del ayuntamiento de La Estrada para fusilarle, lo que no pudo hacer a causa de la declaración del Estado de Guerra”, facendo responsábel disto ao Concelleiro José Rodríguez Sangiao, quen afirma que foi o que os subiu a cúpula. Tamén implica a Fernández Rico, José Torres e Monteagudo. O falanxista Manuel Iglesias Franco xa ía máis alá para afirmar que ían fusilar a Laurentino alí na cúpula, e que si se sublevaba a Garda Civil, que os fusilaban a todos. Alfonso Castro Pena xa afirma que lle fixeran un Consello e que os sentenciaran a fusilar ao día seguinte. O terceiro falanxista detido na casa de Placido tardaría en declarar até o 28 de outubro e alí xa non se facía mención a ningún fusilamento senón a ameazas pero tamén a que o que exercía de secretario do Comité, Nestor Neira Matos, lles alentaba dicindo que non lles ía pasar nada.
O 28 de Agosto deteñen a Senén Goldar Rodríguez, Manuel Pérez Carracedo e a Manuel Sanmartín Constenla. A Garda Civil da Estrada comeza xa a utilizar adscricións ideolóxicas tan inexactas como funcionais para meter a todos no mesmo saco: a Manuel Sanmartín e Manuel Pérez “de filiación comunista” e a Senén só “marxista” se ben se indica que está achegado ao Comunismo. Manuel Sanmartín era do PSOE e o perito Senén Goldar era de Izquierda Republicana, pero xa nada importaba. A idea era identificar aos republicanos como axentes da Unión Soviética para tratalos coma inimigos estranxeiros e non coma veciños. De feito nun informe posterior da propia Garda Civil contradinse a si mesmos e identifican a Senén Goldar como “Secretario del partido separatista o Galleguista”. Outra das escusas para matar: “España se rompe”
Unha das estratexias de defensa dos acusados fronte a isto vai ser responsabilizar aos que non lle poden facer nada, isto é aos primeiros en ser fusilados. Concretamente este é o caso de Manuel Graciano Araujo ou de José Vidal Puga.
Manuel Graciano, de orixe portuguesa, veciño do Foxo, é acusado de estar na defensa do Concello e do Goberno Civil de Pontevedra durante a declaración do Estado de Guerra o 20 de xullo de 1936. É sentenciado a morte o 11 de decembro de 1936. O feito de ser dunha nacionalidade diferente non lle impediu ser executado, é mais, Portugal – cunha ditadura tamén – animaba a que executaran aos seus cidadáns, posiblemente exiliados no Estado Español.
José Vidal é detido o 26 de xullo na súa casa, trasladado o 7 de setembro á Prisión Provincial, o 7 de outubro é xulgado en “Consejo de Guerra Sumarísimo”, foi condenado a morte, e o mesmo día entra en “capilla” para ser executado ao día seguinte. O problema é que segundo outros datos a súa morte xa se producira o 16 de setembro, tal como reflicte no seu diario Bienvenido Lago Cid.
En calquera caso nas declaracións dos encausados da Estrada do 7 de xaneiro do 1937, descargan toda responsabilidade por unha banda nos xa asasinados (Graciano e Puga) e por outra nos fuxidos Manuel Coto Chan, Higinio Carracedo Ruzo e Erundino Bergueiro. Todo será inútil, o 13 de febreiro acórdase o procesamento, insistindo en que todos son “pertenecientes a partidos extremistas y que ya en tiempos precedentes trazason con sus propagandas la línea de conducta, revolucionaria, que culminó con los sucesos” co cal a sorte xa estaba botada. O mundo ao revés: os insurxentes acusan aos que estaban no poder lexítimo de sublevados. Os únicos que se salvan sobresaíndo a súa causa son Agustín Cons Hidalgo, Nestor Neira, Francisco Valcarcel e Albino Chao.
- Acusados pola súa ideoloxía
Chegou a hora de representar a farsa e o fiscal tiña esaxerado as acusacións máis infundadas. Empezando pola propia exposición de motivos que parecía calcada das demais causas: “En la presente causa aparece de una forma bien palmaria toda la trama comunista que se había extendido por toda España y que pretendía despeñarla por los derroteros de internacionalismo moscovita para conseguir hacerla desaparecer para siempre como unidad geográfica y Nación forjada en las luchas y grandezas que encierra la historia”
Cun panorama así pintado non é de estrañar que a acusación fundamental sexa a de comunista ou a de separatista, isto é, unha adscrición ideolóxica e non ter cometido este ou aquel acto delituoso. Con todo agárranse á detención de Placido Castro e aos intentos de fusilamentos (que agora xa son varios e xa se estende a Manuel Iglesias e a Alfonso Castro, non só a Laurentino e nos que participan todos).
Mais o relevante é, como queda dito a imputación ideolóxica, para isto enviase un informe da Garda Civil e outro, máis exacto aínda que tamén impreciso, do Concello. Con todo a lectura que fai o fiscal deses informes é bastante curiosa por moito que os cita insistentemente. Do alcalde Jesús Puente Fontantes di que “es de ideología comunista”, indica (folio 77). En dito folio sinala o Concello, presidido por Pedro Gil Crespo, que Jesús Puente era “agrario” como así era, só a Garda Civil sinala esa identificación comunista. Igual que o tenente de alcalde Fernández Rico que era de Unión Republicana, a Garda Civil tamén lle imputa “ideología socialista” A Senén Goldar insisten en nomealo “Secretario del Partido Galleguista” a pesares de que era coñecida a súa militancia en Izquierda Republicana de Azaña.
A “Defensa” – por chamarlle dalgunha maneira – coincide na mesma consideración a respecto da persecución ideolóxica pero parecelle excesivas as penas de morte e reclusión perpetua para o cal alega o atenuante de que “La Estrada no pudo sustraerse, al igual que las demás villas y pueblos de Galicia a la trayectoria marcada por aquel nefando Gobierno que el día 19 de julio detentaba el poder, y que fué depuesto por el Glorioso Movimiento del Ejército ante un estado de necesidad que imponía la salvación de la Patria española y sus esencias tradicionales”
O que non lle será difícil ao defensor será desmontar as incoherencias das acusacións: “El hecho concreto es que el Sr. Pena, lo mismo que el Sr. Iglesias fueron respetados y conducidos a la casa Consistorial sin violencia alguna” e sobre o “hipotético intento de fusilamiento” resúltalle doado explotar as discrepancias entre os distintos declarantes, algúns dos cales non recollen este feito (Castro Pena).
Sobre a adscrición ideolóxica non ten problema en desbaratar esa manía de colgarlle a todos a mesma marca de comunistas – logo será á de roxos – cando o pluralismo e a diversidade ideolóxica dos republicanos era máis que evidente e mesmo unha das causas da súa derrota. De Senén Goldar di “ni siquiera pertenece a un partido extremista, sino que su filiación es de Izquierda Republicana”
Sobre a acusación de “esixírlle diñeiro” que foi a primeira que se fixo, caeu polo seu propio peso, como indica o defensor, por que “los interesados niegan que alguien les piedera, y solo a uno le pidieron 5 pts. para tabaco, o pocas ambiciones animaban a esos hombres o no intentaron tales peticiones”
Estando así as cousas alguén podía pensar inxenuamente que os estradenses ían librar, mais sería descoñecer o funcionamento real destes aparatos represivos que só buscaban aparentar certa lexitimidade nos crimes que xa tiñan decidido de antemán cometer.
- Á “Dereita” tenta salvar aos seus veciños
O 4 de marzo de 1937 celébrase o xuízo militar e o último recurso para salvar a vida era que acudiran a testificar no seu favor os referentes da dereita tradicional e do clero da Estrada e Guimarei (parroquia de onde eran membros a maioría dos inculpados e todos os finalmente fusilados)
A personalidade máis sobranceira de dereita local era Melania Nine, da CEDA, a quen se recordaba acompañada pola súa criada pegando carteis de Gil Robles; agora lembraba como nas últimas eleccións estivo na mesa electoral con Senén Goldar, e como o seu trato foi tan correcto que mesmo a acompañaron até a súa casa. Tamén acudiron a declarar a favor dos acusados moitas outras “persoas de orde” (en definición dos alzados): Manuel Filloy Darriba, Manuel Villar Paz, Manuel Dono Magán, Pedro Chao Coto, Antonio Reino, Rodrigo Lueiro, Justino Bastida, Jesús Arce Ferreiro, Rafael Vilariño e outros moitos (Andrade, Fraga, Madroño...) que tiñan prestado declaración por escrito falando do bo concepto que tiñan dos acusados e da súa actuación os días 19, 20 e 21 en prol de evitar disturbios e entregarse ao exército.
Mais as declaracións que provocaron o escándalo foron aos dos cregos e concretamente á do párroco da Estrada, Don Nicolás Mato Varela que causou mesmo a suspensión temporal do xuízo.
A Igrexa estaba a intervir directamente no golpe militar e actuando na represión de xeito institucional con instrucións claras para prestar este servizo a Deus e a España. Como o fiscal lle lembraba a Nicolás, tiñan prohibido ir de testemuñas en favor de acusados de rebelión.
O primeiro en intervir foi o crego de Matalobos en favor de Otero Castelo: “siempre estuvo respetuoso con el declarante, siendo católico y sin que le consten sus ideales políticos... Se rumoreaba en Matalobos que el Otero Castelo había estado en La Estrada; que era afiliado a la Casa del Pueblo, no siendo costumbre que las personas de su parroquia perteneciersen a dicha entidad”
Logo, Manuel Pérez Gómez, cura de Guimarei falou a favor dos seus “fegreses”: “José Rodríguez Sangiao le merece buen concepto y es católico, no obstante lo cual era de filiación izquierdista.... Que oyó dicir que el día de autos el Sangiao trataba de contener a los elementos revolucionarios”.
Mais foi Nicolás Mato quen fixo perder os papeis ao fiscal cando saíu en defensa mesmo daqueles que os informes consideraban como “comunistas peligrosos”. Primeiro desmonta a acusación que se lle enviou no informe do Concello presidido por Pedro Gil, indicando que o Alcalde e Tenente Alcalde impediran a misa, pois segundo el mesmo “autorizó la salida de una procesión”. De Manuel Pérez Carracedo, de quen a Garda Civil indicaba que se distinguira “al iniciarse el movimiento por sus ideas amenazadoras”, Nicolás Mato afirmaba que lle merecía bo concepto e que mesmo tiña “acudido a su requerimiento para hacer unas obras en la iglesia parroquial”.
Logo da tumultuosa declaración, volta a continuar o xuízo coa petición do fiscal de que “las declaraciones de los testigos Curas Párrocos... abiertamente opuestas a los informes de conducta emitidos por las Autoridades respecto a los procesados” foran notificadas ás autoridades xudiciais e eclesiásticas “a los fines disciplinarios que procedan” e así será recollido mesmo na sentencia chamando a atención de que os acusados calificados como marxistas e actuantes nos “sucesos revolucionarios” foran considerados polos párrocos como de boa conduta. O cal o tribunal pon en coñecemento das autoridades eclesiásticas para que interveñan. Outras testemuñas favorables foron obxecto de expediente, como Antonio Reino, e aos demais, como se verá, non lle fixeron caso ningún.
- Sentenciados de antemán
O propio día 4 de marzo no que se celebrou esta causa – a principal das moitas incoadas contra estradenses – e nese mesmo día xa se dita a sentenza. Mais ben semella que a sentenza estaba redactada antes de que se celebrase o xuízo. Apreciacións feitas durante a sesión desmontando algunhas imprecisións non se teñen en conta.
Non é casual que os alcaldes e concelleiros sexan sistematicamente condenados a morte aínda que en moitos casos nin estiveran presentes os días de “autos”. Tratábase de que ningún representante institucional do réxime democrático, elixidos por votación popular, puidera pór en cuestión a lexitimidade dos novos cargos impostos “manu militari”. Mentres se pasearan con vida polas rúas da Estrada Jesús Puente ou Ramón Fernández, os novos inquilinos do Concello non deixarían de sentirse uns usurpadores, como así o eran.
Aínda así, chama a atención da sentencia o seu ton moito máis radical que o do propio fiscal que xa era ultra reaccionario. As adscricións ideolóxicas xa se atribuían sen ambigüidades a pesares de ser refutadas (“de ideología comunista” refírense ao alcalde) mesmo de Senén Goldar considerase probado que era Secretario do Partido Galeguista na Estrada, cousa obxectivamente e contundentemente falsa, pero que axudaba a construír a etiquetaxe do “rojo separatista” co que se despachaba a xustificación dos moitos crimes que se estaban a cometer, xa que como queda demostrado o que realmente se consideraba un delito eran as ideas que se tiñan e non os feitos que se cometeran.
Finalmente son condenados a pena de morte Jesús Puente Fontanes, Ramón Fernández Rico e José Rodríguez Sangiao. Por outra banda, Eduardo Rodríguez Bermejo, Manuel Sanmartin Constenla, Jesús Tarrio Bragaña, Manuel Pérez Carracedo e Senán Goldar Rodríguez son condenados á pena de reclusión perpetua. Manuel Otero Castelo, José Pérez, Manuel González Terceiro, Francisco Couselo Parente e José Monteagudo Carril á pena de quince anos de reclusión temporal, e a José Torres González, á de doce anos e un día.
Ás 3 da mañá do 5 de xuño son sacados da prisión Provincial e conducidos os tres reos á “capilla”, que era como se dominaba o lugar no que agardaban a execución, situado neste caso na planta baixa do “Cuartelillo” da Garda Cívica de Pontevedra (sede do escuadrón da morte dirixido polo sanguinario Víctor Lis Quiven, e no que se organizaban os continuos paseos e malleiras). Logo de rexeitar os “auxilios espirituais”, renunciar
á copia por escrito da sentencia á que tiñan dereito, e a calquera outra petición, escribiron as cartas de despedida e preparáronse para o paredón.
Ás 6 da mañá do día 5 no quilómetro 1 da Avenida de Buenos Aires (Monteporreiro) en Pontevedra serían finalmente fusilados os tres edís estradenses condenados á morte, sumándose así aos que xa sufriran a mesma sorte antes e aos que aínda estarían por vir. O Concello de Pontevedra asumiría o seu enterro nas fosas 45,46 e 47, da zona segunda, fila segunda, do seu cemiterio municipal.
Os demais condenados serán conducidos a Illa de San Simón, para iniciar un percorrido polas diferentes prisións do Estado, sen ter aínda tirado o susto do corpo e coa incerteza de que a lei de fugas estaba á orde do día.