Toedo
Clara Iglesias Cortizo
- A CARBALLA: carballa é o nome que recibe en moitos lugares o carballo vello, de tronco voluminoso e de copa frondosa. A variación de xénero en carballo/carballa expresa un significado de tamaño, maior o feminino e menor o masculino. Carballo é un nome de orixe prerromana, estendido polo noroeste peninsular (en asturiano e leonés sería carvayo ou carbajo). A palabra latina correspondente para designar esta árbore, ROBURE(M), aínda que chegou a deixar restos na toponimia, como Reboredo ou Reboreda, sucumbiu fronte á vitalidade do nome autóctono. O lexema kar- (que aparece en bastantes topónimos, como é o caso de Carnota)tiña o significado de “pedra”. De aí deriva a denominación desta árbore que se caracteriza pola dureza e pola consistencia
- A IGREXA: procede do latín ECCLESIAM, “asamblea”; e este, do grego ekklesia.
- O SOUTIÑO: diminutivo de Souto, derivado do latín SALTUM, “paso estreito entre montañas, rexión forestal ou bosque situado nun desfiladeiro”. Co tempo, o significado da palabra souto pasou a ser a que coñecemos actualmente, “terreo poboado de árbores, especialmente castiñeiros”. Esta evolución semántica produciuse por seren eses lugares abruptos entre as montañas os emprazamentos onde creceron os primeiros bosques.
- O TALLÓ: deriva do latín vulgar TALIOLUM, diminutivo de TALIUM que se forma engadindo o sufixo -OLUM (> -olo como en rapaz > rapazolo). A palabra TALIUM apareceu no latín tardío a partir do verbo TALIARE, “cortar, dividir”. O significado de TALIUM era “finca ou terreo cultivado de pequenas dimensións”. Aínda existe no léxico común esta forma tallo e a súa variante tallón co mesmo significado: “finca moi pequena ou parte separada dunha finca grande; porcións nas que se divide un terreo para cultivalo”.
- TOEDO: segundo Cabeza Quiles, este topónimo pode ter dous posíbeis significados, aínda que un deles é, con moito, o máis plausíbel. Di este autor que podería ser un topónimo de traslado, traído a Galiza e ao actual concello da Estrada por un grupo de mozárabes procedentes do Toledo castelán, que fundarían aquí un pequeno núcleo poboado co nome da súa cidade de procedencia. Mais, aínda sabendo con certeza da presenza en Galiza de toldaos ou toledáns, esta teoría tropeza co problema da perda do -l- intervocálico de Toedo, procedente de TOLETUM, xa que esta desaparición debeu producirse antes da chegada dos hipotéticos emigrantes procedentes da cidade de Toledo. A segunda posibilidade, a máis fiábel, é a de considerar que o topónimo Toedo, coma o seu homónimo Toledo, procede dunha base prerromana *tol, “altura”; detalle orográfico que se cumpre en relación ao Toedo estradense e aos Toledos, Toledas e Toledillos españois (en Huesca, Soria e Badajoz) e aos Toletos italianos (en Lombardía e no Piemonte).
Toedo (San Pedro)
Manuel Reimóndez Portela
Por este nome coñécese a parroquia desde tempos sen lembranza. Trátase dun moi antigo e curioso topónimo con dúas posibles orixes; unha debeu de ser traído a Galicia por un grupo de mozárabes chegados de Toledo e outra de proceder da base *tol (altura), de onde etimoloxicamente virían tanto Toedo coma Toledo. Sobre este aspecto escribiu Fernando Cabeza Quiles "En torno ó topónimo Toedo" (Misc. hca. e cult. nº 6.)
LINDES: linda polo norte coa de Baloira, polo sur con Matalobos e A Estrada, polo leste con Santeles e Aguións, polo oeste coa parroquia de Santa Cristina de Vea.
Polo que atinxe ao nome Toedo correspóndelle o número 46 entre as demais do concello.
A súa superficie é de 480 hectáreas ocupa o número 31. Ten 237 habitantes de feito. Na actualidade este número é de 228.
LINDES: linda polo norte coa de Baloira, polo sur con Matalobos e A Estrada, polo leste con Santeles e Aguións, polo oeste coa parroquia de Santa Cristina de Vea.
Polo que atinxe ao nome Toedo correspóndelle o número 46 entre as demais do concello.
A súa superficie é de 480 hectáreas ocupa o número 31. Ten 237 habitantes de feito. Na actualidade este número é de 228.
COMUNICACIÓNS: sen dúbida a estrada desde a vila a Ponte Vea camiño de Santiago é a máis importante que pasa polo oeste da parroquia, dela parte a que cruza a parroquia de oeste a nordés para chegar a Santeles ou a Aguións. No senso das comunicacións ten bo servizo Toedo; ademais dalgúns camiños para leiras ou montes.
O camiño real viña de Castrelo pola Estrada e Figueroa ao lugar de Toedo a carón da igrexa para seguir a Eician de Santeles, Santa Cristina de Vea e Ponte Vea, camiño de peregrinaxe a Compostela.
HIDROGRAFÍA: o regueiro de Celeiróns nace en Santa Baia (Matalobos) que, co das Aspras, forman o regato de Toedo.
Pontes: temos a do Brañal no regato de Celeiróns. A de Sorrego no regato da Aspra. A da Barxe no regato de Toedo que tamén ten a do muíño e a chamada do Regueiro (de Toedo), e a pontella de Souto Vello no mesmo lugar, estando as dúas renovadas coas pistas da concentración parcelaria.
No lugar de Toedo, chegando ao límite con Figueroa está o río do Castrelo, no que existe unha pontella, cunha pedra soa e contundente, por onde se dicía que pasaban os peregrinos a Santiago. Antes había unha calzada de pedra, hoxe tapada por unha pista. Neste lugar apareceron pedras labradas, antigos muíños e anacos de tella.
FONTES PÚBLICAS: ten as seguintes fontes: a do Soutiño restaurada polos veciños), a da Maceira, a de Baliñas, a do Raxal e a de Adega nos lugares deses nomes e a Fonte do Foxo no mesmo.
A fonte do Corvo atópase no lugar do Regueiro-A Carballa, onde se dicía que ían as meigas lavar a noite de San Xoán. Neste lugar tamén se sitúa a fonte da Carballa, e a fonte de Tallón.
A fonte de San Pedro está no lugar da Igrexa, do lado de abaixo do adro, que se restaurou recentemente.
OROGRAFÍA: os montes da parroquia atópanse máis ben no norte, aínda que non teñen altitudes que subliñar.
CASTROS: o Castro chamado de Matalobos ou de Toedo atópase no linde oeste desta parroquia coa de Matalobos onde o deixamos reflectido.
PAISAXES: a paisaxe cerrada cara ao oeste é máis aberta cara ao leste e ao norte, polo sur ten a mesma vila da Estrada.
PEDRAS: unha pedra moi coñecida é a chamada Pedra da Vella do carreiro da Cerdeira, preto do muíño, coas súas lendas.
Como pedra moi importante polo seu traballo ten Toedo un magnífico cruceiro case fronte á igrexa parroquial, que é o seguinte:
Situación: na parroquia de Toedo, fronte ao adro da igrexa, pista por medio.
Descrición: plataforma: tres chanzos cadrados. Pedestal: caveiras en cada esquina superior, tibias en cruz de Santo André nos laterais, costelas no anverso. Columna: octogonal, comeza de base cadrada, remata formando o capitel con dúas imaxes. Capitel: cadrado con volutas, e ao remate da columna. Cruz: latina, octogonal, lisa. Anverso, Cristo crucificado, testa lixeiramente inclinada á dereita; reverso, imaxe das Angustias. Altura: uns catro metros e medio.
Inscricións: aprécianse sinais de as ter nalgún tempo, agora ilexibles.
Conservación: boa.
Tradición: un de tantos cruceiros situados á entrada do adro das igrexas.
Propiedade: pública.
Hórreos: os dous máis importantes son o de Calviño en Toedo e o de Camiño no luqar da Igrexa. Tamén atopamos o de Loureiro de Toedo.
LENDAS: curiosa é a lenda da pedra do Carreiro da Cerdeira. Atópase preto do muíño e trátase máis ben dun pousadoiro onde os veciños que carrexaban grao ou fariña do muíño para tomar "un aire", pousaban a carga.
Pois nesta pedra din os veciños que as meigas en ocasións aparecíanse e tiraban de tal maneira polo saco que non o daban erguido e tíñano que deixar alí ata que desaparecesen; en ocasións tiña que durmir alí o saco de noite para ir por el á mañanciña seguinte. Coidamos que as bruxas aproveitábanse da frouxedade dos veciños.
Esta pedra ten outra lenda, das que tanto se contan por toda a comarca: algunhas noites aparecíase onda esa pedra unha galiña con pitos de ouro que arrepiaba á xente e facíaos fuxir.
Outra lenda di que no Outeiro da Loba había un tesouro soterrado e os veciños cavaron moito vixiándose uns aos outros por se aparecía e o roubaban... non apareceu nada.
HISTORIA: lemos de Jerónímo del Hoyo con data do ano 1607:
"San Pedro de Toedo.
Tiene esta feligresía de San Pedro diez y seis feligreses. Los fructos pertenecen al rector que valdrán treinta cargas de todo pan.
Presentación de la capilla de Mondragón y no lleva padronazgo. La fábrica tiene de renta honce ferrados de centeno y nueve de mijo (fol. 456 v.)".
Catastro de Ensenada: os datos, moi importantes, recollidos desta parroquia poden atoparse no capítulo dedicado a este catastro onde fala da Xurisdición de Vea á que pertencía a parroquia.
Dinos Pascual Madoz, anos 1846-50:
"Toedo (San Pedro) feligresía de la provincia de Pontevedra (6 leg.) partido judicial de Tabeirós, ayuntamiento de La Estrada (1/4) diócesis de Santiago (3 1/2). Situada a la izquierda del río Liñares. Clima sano. Tiene 40 casas en las aldeas: Bigueiro, Carballa, Tallón, Toedo y Soutiño.
La iglesia parroquial (San Pedro) de la que es aneja San Pelayo de Figueroa está servida por un cura de primer ascenso y patronato lego del Marqués de Santa Cruz. Confina NO. Baloira, Matalobos por SO, Figueroa y Aguiones al SE. El terreno es gredoso y de mediana calidad. Produce, maíz, centeno, trigo, patatas, habichuelas, nabos y legumbres, se cría ganado vacuno, mular, lanar y de cerda, y caza de liebres, conejos y perdices. Industria: la agrícola, molinos harineros y telares de lienzos ordinario y de ropas de lana.
Población: 41 vecinos, con 200 almas".
Nomenclátor Arz. de Santíago:
"Toedo (San Pedro) y Santa Eulalia de Matalobos: VeaPontevedra-Estrada-Estrada, alternativo de la Corona y del Marqués de Santa Cruz. Entrada. 49 vecinos 202 almas la primera y 61 vecinos, 264 almas la segunda estrada.
Personal: Chayán D. José Parr. 44 años. teol. 5 años."
No censo do ano 1924 tiña 317 habitantes.
E tamén Álvarez Limeses dinos (1936):
"Toedo (San Pedro). Dista 43 Kilómetros de Pontevedra y 5 de La Estrada y limita: al N. con Santeles, al S. con Matalobos y Figueroa, al E. con Aguiones y al O. con Baloira y los Veas.
Entidades: Carballa con 76 habitantes, Iglesia 27, Soutiño 52, Tallón 58, Toedo 74, y diseminados 30 que hacen un total de 31 7 habitantes para los que existe una escuela mixta desempeñada por maestra.
La cruzan el arroyo Rodeiro, que mueve dos molinos harineros y la carretera de Vilapouca a Puente Vea. Hay en ella un castro.
La iglesia es del siglo XVI y su fiesta principal es la patronal el día 29 de junio. El terreno es de regular calidad".
IGREXA PARROQUIAL: ten portada alintelada remarcada de molduras acodadas, sobre dela ventá cadrada. Remata en espadana central de dobre van. Extremos encapitelados con pináculos e muros laterais lisos. Ábsida máis estreita cá nave e de igual altura.
Cabeceira con escudo, sancristía adosada ao muro norte con aditamento de cemento.
O fermoso e moi traballado escudo con moitos adobíos en releve é digno de subliñar, así como tamén a inscrición dunha pedra rectangular situada xusto debaixo del que di:
ESTA OBRA HIZO A SU COSTA DON DOMINGO CORTAZAR Y DIAZ NATURAL DE LA VILLA DE POZA ARZOBISPADO DE BURGOS COMISARIO DEL SANTO OFICIO Y CURA PROPIO DE SAN PEDRO DE TOEDO Y DE SAN PELAYO DE FIGUEROA. AÑO DE 1 761.
Dise que este escudo era de Santa Cruz.
Toedo foi freguesía que tivo por anexo á de Figueroa hoxe incluída na Estrada.
No adro, fronte á porta principal hai unha pía bautismal, coidamos que moi antiga, onde por costume bendicíase a auga cada sábado de Pascua.
Nos anos '70 foi construída a tribuna nova; a comezos dos anos '90 foi reconstruído o lateral dereito da igrexa, o teito e o artesoado interior. Xa no ano 2002 levouse a cabo a restauración do retablo, que ameazaba en ruínas como consecuencia dos xilófagos. Recupérase toda a súa estrutura en convenio coa facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid, sendo un fermoso expoñente da Escola Compostelá.
Inscrición das campás: campá grande: JHS MARIA Y JOSE AÑO 1869 FUNDIDA POR J. LISTE EN ORAZO.
Campá pequena: JHS MARIA Y JOSE AÑO 1896 FUNDIDA POR J. LISTE EN ORAZO.
FESTAS: a do patrón, San Pedro celébrase o día primeiro sábado de xullo, o domingo seguinte ao Santísimo Sacramento. O último sábado de setembro celébranse As Dores.
Tivo festas e devocións a outros santos: Santo Antón, o Rosario, San Roque, San Sebastián e Santa Rita.
INDUSTRIA: ten algún taller mecánico e un antigo muíño, o muíño de Toedo, de parceiros, dunha pedra. Tamén atopamos: 2 fábricas de mobles, unha estabulación de porcos, 2 talleres automobilísticos, unha empresa funeraria con tanatorio, unha empresa de pneumáticos, unha empresa de sementes.
Tamén se edificou un centro comarcal, do que falamos más abaixo, e fíxose un polígono industrial.
POLÍGONO INDUSTRIAL
No lugar do Soutiño, nas paraxes chamadas O Chan e Monte da Loba, nun terreo disposto por concentración parcelaria, creouse o importante Polígono Industrial de Toedo, que é o polígono industrial da Estrada (xa en fase de ampliación), por ter ocupadas todas as súas parcelas; constitúe o máis importante núcleo de industrialización do concello. Os propietarios de empresas alí establecidos xa constituíron unha asociación "AE.TOEDO" (Asociación de Empresarios de Toedo). Nesta importante área atopamos as seguintes empresas: unha de confección de roupa, unha de cociñas, un taller de metal, unha de bebidas, unha de espectáculos, unha de instalación de aire acondicionado, unha de pneumáticos, un almacén de froitas, un almacén de glosinas, unha de fotografía, un almacén de ferro, unha de distribución de viño, unha de pensos, unha lavandería, unha de gravados en pedra, unha planta de formigón, 2 de construción, 2 de mobles, 3 talleres de estruturas metálicas, un taller de tornos, un taller de madeira, un almacén de cristais, unha de sinais de estrada, un almacén de produtos conxelados, un estudo audiovisual, un estudio de música, un almacén de butano, unha fábrica de pantaláns deportivos, e almacéns de material pedagóxico da Consellería de Educación e O.U.
Unha boa análise do solo industrial no concello fixoa Ángel Miramontes Carballada en "Análisis y planeamiento del suelo industrial en el municipio de A Estrada" (Misc. hca. e cult. nS).
O COMERCIO só conta con algunha taberna e mais un restaurante; e o ENSINO recíbeno no CEIP de Figueroa moi preto da parroquia e da vila.
Deportes: o deporte da caza pode practicarse nos poucos montes desta parroquia e nos das veciñas.
O SERVIZO MÉDICO téñeno na mesma vila da Estrada, no Ambulatorio da Seguridade Social.
No ámbito ECONÓMICO teñen un nivel parecido ao das parroquias que rodean a capital do concello mellorando moito en electricidade, vivendas e incluso teléfonos, así como iluminación pública..
ASOCIACIÓNS CULTURAIS: noutros tempos tiveron unha sociedade agraria importante e nos derradeiros anos unha cooperativa, que hoxe é máis ben un almacén.
Hoxe en día existe na parroquia a Asociación Nosa Señora das Dores, que fai unha semana cultural.
E, ademais, atopamos constituído o Centro para o desenvolvemento comarcal Tabeirós-Terra de Montes, que é o centro situado fronte ao Polígono Industrial, que aglutina as iniciativas de dinamización da Comarca Tabeirós-Terra de Montes.
Ten grande actividade con asociacións e grupos de traballo, para o que serve de lugar de reunións e estudo.
Tamén fai un importante labor de promoción turística, con salas de exposicións permanentes e itinerantes, atención a grupos de visitantes que se achegan á comarca, así como a permanente información, etc. Ademais é moi importante o traballo realizado na tramitación e xestión de axudas aos cidadáns coas administracións, sobre todo no tocante ao eido do turismo rural, á protección das construcións patrimoniais co medio rural, a colectivos con características especiais, de nova creación, etc.
Importante é tamén o Recreo Cultural, unha sociedade con máis de 150 anos de antigüidade, que se asenta en Toedo no ano 1972 (no lugar de Montecelo) con 700 socios/as e unha importante actividade social, cultural e deportiva, dinamizando a sociedade estradense.
Destaca, ademais de pola grande actividade cultural que vai dende a organización de charlas, conferencias, presentacións de libros, teatro, concertos, etc. Dentro do seu patrimonio conta con dous fermosísimos óleos de Castelao, nos que reflicte a súa técnica e motivos pictóricos e que mostran a relación deste persoeiro coa entidade e coa Estrada, pola grande afluencia de persoas sobre todo na época estival. Ten servizo de restaurante, polo que se celebran alí multitude de vodas e demais eventos sociais. No eido deportivo, destaca sobre todo pola práctica do tenis, e dispón tamén, unha pista polideportiva, así como actividades de piscina e tempo libre, na que gran cantidade de nenos e nenas acoden diariamente no verán a actividades especialmente deseñadas para eles. Podemos dicir que desenvolve moitos dos actos máis importantes do municipio.
TELEFONÍA: por cable.
PERSOEIROS DA PARROQUIA: dinos Pedro Varela que desta parroquia fo¡ o coronel José de Barcía, que tma unha casa en Tallón e morreu pouco despois de vir de Francia, onde estivo detido.
A casa do coronel din os veciños que era unha casa grande con pombal e quería traer a auga da fonte do Foxo, tiña outra casa en Talló que corre pola de Figueiras.
Na Carballa (casa de Louzao) houbo un importante carreteiro que facía viaxes a Padrón levando tablón e traendo sal.
A casa de Manuel do Soutiño (unha taberna), xusto á dereita do camiño real a Santiago, tiña unha ventá pequena de pedra por onde lle despachaba de noite as copas aos viaxeiros, con iso non abría a porta por mor dos ladróns... aínda se conservan hoxe as pedras da ventá, duns 50 centímetros.
TOPÓNIMOS: o Seixo, a Portiña, Celeiróns, a Pedra do Carreiro da Cerdeira, Fornos... o Outeiro da Loba coa súa lenda, e outros.
PLANTÍOS REAIS de S. M.
Di o Catastro de Ensenada:
"Dehesa de S. M. en la aldea de Pregueiro (sic), cavida veinte ferrados.
A la inmediación tiene un vivero, cavida veinte quartillos".
TURISMO RURAL
Casa de turismo rural "Claudina Tallón", no lugar de Toedo. Con tres habitacións dobres. 986 572 309.
* A Estrada rural.1990 Ed.. 2007.
Toedo*
Pedro Varela
Parroquia de 57 cabezas de familia e 281 habitantes, distante da vila uns 3´5 quilómetros por termo medio.
Antiga é esta freguesía, mais carecemos de referencias concretas para sinalar datas. Tampouco podemos aventurarnos a dicir con firmeza cal é a etimoloxía ou significado da palabra Toedo e só nos faremos eco da opinión pouco fundamentada dalgúns que din que vén de eido, ou todoeido, “terreo cultivado”. Virá de boedo, “terreo pantanoso”? Pode ser.
Lugares: Regueiro, A Carballa, O Talló, A Igrexa, O Soutiño e Toedo
En canto á orixe ou significado da denominación que levan, está ben claro se exceptuamos Talló, cuxo nome equivale a “fragmento ou anaco de terra”.
Lindeiros: norte, Santeles; sur, Matalobos; leste Aguións e oeste, Baloira.
Vías de comunicación: a vía do Estado da Estrada a Santiago e mais camiños rurais antigos. Por termos desta parroquia vai o trazado dun camiño do Estado que termina na igrexa de Santeles. Fixéronse estudos para un ferrocarril das minas de Arca no concello de Piñeiro, partido da Arzúa a Vilagarcía. No lugar do Soutiño hai dúas pontes, próximas entre si, que se chaman do Brañal.
Bañan o territorio de Toedo os regatos dos seus agros, e o de Regueiro, que xorde no Soutiño e desemboca no río de Ponte Barcia.
Pertence esta parroquia ao radio ou distrito escolar de Matalobos e, por conseguinte, non ten escola propia. Os labradores están inscritos nunha sociedade agraria con seguro de gandos.
No Soutiño, á beira da estrada, hai dous establecementos comerciais, un deles de D. José María Vázquez; e por alí ten a súa residencia o veterinario D. José Ríos Eiriz.
No eclesiástico: Toedo tivo nalgún tempo como anexo a extinguida freguesía de Figueiroa; hoxe é filial de Matalobos. A igrexa data de antigo e resulta un tanto reducida; polo leste ten o escudo de Santa cruz e un letreiro que di: «Esta obra la hizo a su costa D. Domingo Cortázar y Díaz, natural da villa de Poza, arzobispado de Burgos, Comisario del Santo Oficio y cura propio de San Pedro de Toedo y de San Payo de Figueroa. Año 1761». O patrón é San Pedro.
Festas anuais: San Pedro, o 29 de xuño; o 30, o Sacramento; o domingo seguinte, Santo Antonio; o primeiro domingo de setembro, as Dores; o día seguinte, San Roque; o terceiro domingo de outubro, o Rosario; o 25 de decembro, o Neno Xesús e o último domingo de maio, San Sebastián.
Dicíase que no outeiro da Loba había un tesouro enterrado e aqueles incautos veciños fixeron nunha ocasión escavacións para desenterrarlo. Os traballos duraron varios días, pero o tesouro non apareceu, apesar de que se turnaban os interesados, traballando uns de día e vixiando outros pola noite para que non viñesen xentes estrañas a aproveitárense.
De Toedo foi o coronel D. José de Barcia, que tiña unha casa no Talló, adquirida despois por José Martínez e propiedade hoxe de Lorenzo Loureiro. Finou D. José pouco despois de regresar de Franza onde o tiveran detido sen que saibamos as causas.
Dominaban na localidade cos seus foros o marqués de Santa Cruz e o conde de Ximonde.
* A Estrada, 1923. Ed. 2017
Antiga é esta freguesía, mais carecemos de referencias concretas para sinalar datas. Tampouco podemos aventurarnos a dicir con firmeza cal é a etimoloxía ou significado da palabra Toedo e só nos faremos eco da opinión pouco fundamentada dalgúns que din que vén de eido, ou todoeido, “terreo cultivado”. Virá de boedo, “terreo pantanoso”? Pode ser.
Lugares: Regueiro, A Carballa, O Talló, A Igrexa, O Soutiño e Toedo
En canto á orixe ou significado da denominación que levan, está ben claro se exceptuamos Talló, cuxo nome equivale a “fragmento ou anaco de terra”.
Lindeiros: norte, Santeles; sur, Matalobos; leste Aguións e oeste, Baloira.
Vías de comunicación: a vía do Estado da Estrada a Santiago e mais camiños rurais antigos. Por termos desta parroquia vai o trazado dun camiño do Estado que termina na igrexa de Santeles. Fixéronse estudos para un ferrocarril das minas de Arca no concello de Piñeiro, partido da Arzúa a Vilagarcía. No lugar do Soutiño hai dúas pontes, próximas entre si, que se chaman do Brañal.
Bañan o territorio de Toedo os regatos dos seus agros, e o de Regueiro, que xorde no Soutiño e desemboca no río de Ponte Barcia.
Pertence esta parroquia ao radio ou distrito escolar de Matalobos e, por conseguinte, non ten escola propia. Os labradores están inscritos nunha sociedade agraria con seguro de gandos.
No Soutiño, á beira da estrada, hai dous establecementos comerciais, un deles de D. José María Vázquez; e por alí ten a súa residencia o veterinario D. José Ríos Eiriz.
No eclesiástico: Toedo tivo nalgún tempo como anexo a extinguida freguesía de Figueiroa; hoxe é filial de Matalobos. A igrexa data de antigo e resulta un tanto reducida; polo leste ten o escudo de Santa cruz e un letreiro que di: «Esta obra la hizo a su costa D. Domingo Cortázar y Díaz, natural da villa de Poza, arzobispado de Burgos, Comisario del Santo Oficio y cura propio de San Pedro de Toedo y de San Payo de Figueroa. Año 1761». O patrón é San Pedro.
Festas anuais: San Pedro, o 29 de xuño; o 30, o Sacramento; o domingo seguinte, Santo Antonio; o primeiro domingo de setembro, as Dores; o día seguinte, San Roque; o terceiro domingo de outubro, o Rosario; o 25 de decembro, o Neno Xesús e o último domingo de maio, San Sebastián.
Dicíase que no outeiro da Loba había un tesouro enterrado e aqueles incautos veciños fixeron nunha ocasión escavacións para desenterrarlo. Os traballos duraron varios días, pero o tesouro non apareceu, apesar de que se turnaban os interesados, traballando uns de día e vixiando outros pola noite para que non viñesen xentes estrañas a aproveitárense.
De Toedo foi o coronel D. José de Barcia, que tiña unha casa no Talló, adquirida despois por José Martínez e propiedade hoxe de Lorenzo Loureiro. Finou D. José pouco despois de regresar de Franza onde o tiveran detido sen que saibamos as causas.
Dominaban na localidade cos seus foros o marqués de Santa Cruz e o conde de Ximonde.
* A Estrada, 1923. Ed. 2017