Limiar do libro
As fins do Rexionalismo e a aparición e evolución do Nacionalismo van ser os dous eixes que van marcar o seu devalar antes da chegada da ditadura franquista, que será o que o poña a proba tanto a nivel persoal como tamén o seu pensamento, creándolle dúbidas e rexeitamentos por un lado e forte actitude por outra. No primeiro apartado poderemos ver como unhas conviccións relixiosas que herdara familiarmente nos anos trinta comezan a fraguar nel fortes dúbidas, que tras o golpe de estado, e a postura da Igrexa ante o conflito, unha postura totalmente diverxente e crítica, algo que xa se puido ver naqueles artigos asinados so o pseudónimo de Fulgencio Tizón; e polo que respecta ao seu pensamento socio-político, á súa loita con base no seu profundo galeguismo, no seu anticaciquismo, na súa defensa do labrego, do idioma... unha actitude totalmente coherente co seu pensamento, vendo como o desposuían do título de mestre, como enxergou os canos das pistolas na súa sen, como tivo que, con case oitenta anos, pasar pola cadea porque a ditadura lle estaba a soprar decontino para lembrarlle en todo momento quen mandaba... e el xamais cedeu, xamais claudicou, o que lle custou rematar os seus días sen título, sufrindo a ausencia de moitos aos que lles chegara unha morte anticipada e intentando ser aquel elo entre a emigración e o exilio exterior e tamén o exilio interior, acollendo moitas noites na súa casa a aqueles que andaban fuxidos das gadoupas asasinas.
O seu idioma sempre foi o galego, por moito que o seu emprego do castelán amosou un correcto uso, soamente empregado en casos puntuais por circunstancias xornalísticas ou porque o tema, quizais considerando a masa de receptores, así o aconsellase, non por iso creándolle certas dúbidas persoais alá polos anos cincuenta dese uso, tal e como o amosou múltiples veces na súa correspondencia persoal.
Son moi numerosos os artigos que saíron da "pluma sempre insubmisa e esgaravellante” de García Barros ao longo da súa existencia e sempre procurando o aspecto didáctico, exemplarizante... que buscaba nos receptores do xornal, da revista e incluso dos mesmos textos panfletarios divulgativos.
Nesta edición seleccionamos unha serie de traballos que deu á prensa ao longo de máis de sesenta anos en varios xornais e revistas, que ofrecesen un panorama amplo da súa produción neste medio, abeirándoos baixo a antuca de Estampas desde o val —xogando co título dos artigos que escribiu durante a súa estadía en Castrelo do Val, "Estampas do val”—, que pretende reflectir a visión do mundo do escritor estradense “desde” un recuncho do val do Ulla, con pretensión de cambialo, como el mesmo explica: "Eu dende o meu rinconciño, fago o que podo e como podo, que xa sei que non pode ser moito, pero coido que se cada galego fixese sequera outro tanto, outro galo nos cantaría”.
Son corenta e sete artigos xornalísticos que abranguen desde o titulado “A gaita gallega”, que é o primeiro conservado do autor, e publicado na Habana no xornal creado e dirixido polo estradense Waldo Álvarez Insua, El Eco de Galicia, en 1901, ata o que poderiamos considerar como o epílogo ao uso da súa pluma alá polo ano 1963, concretamente a narración serea do seu paso oito anos antes pola prisión de Pontevedra1, un artigo ben simbólico para rematar a súa escrita ensaística. Neste amplo período de tempo foron moitos os artigos asinados polo autor so os máis variados pseudónimos, ou co seu nome e apelidos, segundo requirise a característica do artigo, e abordando os máis variados temas, o que nos vai fornecer un amplo abano para irmos coñecendo en profundidade o seu pensamento a todos os niveis, e tamén, como non, a súa postura verbo dos máis variados momentos históricos que o noso país tivo que vivir, e sufrir... igualmente que o propio autor.
A maiores, a modo de addenda que complete a selección, incluímos o traballo “Falemos na nosa fala”, que resultou gañador do certame literario de exaltación da muller galega celebrado en Pontevedra en agosto de 1929, que vén mostrar o ideario e sentir de García Barros ao redor do noso idioma, que “debe, necesita ser utilizado por todos os sectores da vida galega, porque ao revés do que lle pasa a un traxe, non se desgasta co uso, senón que mellora”. Coa cita abonda.
A maior parte destes artigos non son totalmente descoñecidos, dende logo, xa que foron publicados en diferentes xornais e revistas da época, como El Eco de Galicia, El Emigrado, A Fouce, Céltiga, El Ancora, El País, Galicia, A Nosa Terra, Vieiros..., pero outros si totalmente inéditos.
Algo que sempre teremos que salientar é que García Barros ao longo de toda a súa vida mantivo unha actitude de pensamento e de loita coherente, por moito que tiver que pasar “os umbrais do cárcere” varias veces, que tiver que recibir críticas de movementos e persoas que antes el mesmo defendera, que os falanxistas o sacasen da casa con nocturnidade, que a súa ferramenta de subsistencia e de loita, como era o maxisterio, lle fose usurpada, que con case oitenta anos as gadoupas da ditadura o levasen de novo ao cárcere para lle facer ver quen era o poder imperante... El xamais claudicou, coma outros, ante nada nin ninguén, por moito que isto lle supuxese acadar réditos persoais ou familiares... el non volveu abrazar a cruz, coma tantos, el non se arrepentiu para volver ao maxisterio, el non renegou das súas ideas xamais e este rexo proceder marchou con el aos c^se noventa e seis anos de existencia.
Pois, •como antes se dixo, estes artigos do máis diverso tematicamente e das máis variadas épocas da primeira metade do século XX van ser un fiel reflexo do pensamento de Manuel García Barros, dende o seu agrarismo, o seu nacionalismo, o seu anticaciquismo, a súa loita polo Estatuto de Galicia, a súa loita polo mantemento e respeeto polos costumes da aldea ante os novos modismos que comezaban a deturpar o ser aldeán, a súa defensa dos símbolos galegos...
Daquela imos achar escritos de contido heteroxéneo e case sempre inseridos nunha época puntual e nunhas circunstancias sociopolíticas tamén do máis dispar, dende o agrarismo ata a represión posbélica, pasando polo rexionalismo e posterior nacionalismo, algo que nos vai servir para ver de maneira dobre a historia do noso país por un lado e, por outro, a actitude do autor, non esquezamos que un autor exiliado no seu propio país, e que serviu moitas das veces de elo entre a emigración, o exilio e Galicia, coas prevencións que tivo que tomar e cos perigos e castigos que isto lle supuxo en vida.
A variedade temática explícase como algo totalmente normal tendo en conta o compromiso de García Barros no seu longo percorrer vital. O respecto polos costumes e a simboloxía galega, como podería ser a nosa música tradicional (“A Gaita Gallega”, "Os gaiteiros de Soutelo”...) e a defensa dos costumes ante as novas modas importadas que ameazan seriamente o noso ("A aldea perdida”) ou os símbolos galeguistas (O mariscal Pardo de Cela ou a viaxe ao Pico Sacro na compaña de Castelao e outros); a loita polo Estatuto de Autonomía e a procura desta (“A autonomía de Galicia”, “28 de xuño”, “Ei, Terra”...); a loita en defensa do labrego, do campo... (Unha vida labrega!, “Labrego”...); o seu anticaciquismo (“Xustiza si, caciquismo non”); o galeguismo ("¿O galeguismo nas vilas galegas”); a defensa do idioma (“Falemos na nosa fala”); a honra debida e o pranto polo pasamento dos irmáns Valladares ("Dona Avelina” e “¡Loito!”); e sen esquecermos o protagonismo da vila da Estrada, que sempre foi un símbolo para o autor, así coma toda a súa bisbarra (“Aires da Estrada”, “Por terras de Curantes”...); as súas circunstancias persoais derivadas da súa rexa actitude e tamén da actitude nos seus moitos inimigos (“Unha carta que non foi ao correo”, “A primeira noite de cárcere na Provincial de Pontevedra”).
Cremos que a lectura destes artigos será algo fundamental para abrirnos a coñecer un pouco máis a García Barros e o seu tempo, sen esquecermos dende logo doutros moitos artigos escritos polo autor en castelán, moi especialmente no xornal El Emigrado, idioma que empregou abondo neste xomal, pero por circunstancias puntuais debido a que esta publicación estaba totalmente sufragada polos emigrantes estradenses na Habana e en Buenos Aires, e daquela García Barros empregou o castelán, idioma que manexaba con suma habelencia, debido á cantidade de receptores que, aínda sendo a maior parte emigrados estradenses, e galegos, estaban abondo instalados no outro idioma.
Así, e tras o coñecemento dos seus tres grandes ensaios que *xiraban ao redor do seu pensamento relixioso recolleitos so o título A pluma insubmisa. Ensaios inéditos, antes mencionados, vaia esta publicación destoutros artigos que servirán de mostra para unha mellor fondura do pensamento do autor estradense, ese galeguista moitas das veces esquecido, e tamén silenciado, que non deixa de ser un elo máis na cadea da nosa historia e do noso pensamento, máxime dende a óptica e protagonismo dun galeguista “carente de xestos inúteis, pero co alento aquecido por unha baril actitude de cerne galeguidade”, tal e como o definiu o seu compañeiro de estadía no cárcere de Pontevedra, Francisco Fernández del Riego (Salvador Lorenzana), quen nos serve para poñer colofón á nosa achega a través doutro seu artigo no oitenta e dous aniversario de García Barros:
Nestes días acaba de cumprir oitenta e dous anos de idade un home galego, labrego e escritor. Oitenta e dous anos sostidos modestamente en constante profesión de fe e de amor á terra que o viu nacer.
Falamos de Manuel: García Barros [...]. Poucos coma el, tan humilde, optimista e sinxelo, consagraron co seu maior fervor unha vida enteira a enaltecer os costumes e a fala do seu país.
Coñecémolo por primeira vez, adolescentes aínda, con ocasión dunha visita que fixo a Compostela. [...] Chegaba da súa comarca estradense, co espírito dominado por un tenaz amor a Galicia, e unha fiestra aberta á ensoñación. [...]
Nós quereriamos ver, así, neste home —á marxe de calquera pintoresquismo trasnoitado— a expresión de todo un carácter firme, fondo, temperado, impertérrito; dun carácter rotundo e cabal. Carente de xestos inútiles, pero co alento caldeado por unha recia actitude de galeguidade entrañable. [...]
Nin para despois da morte esquece García Barros a súa identificación co país nativo. Exprésano as emotivas palabras do seu propio testamento: "Fai profesión dun entrañable amor a Galicia, esta doce terra en que naceu e viviu e en cuxo seo terá a dita de repousar en sono eterno. Foi Galicia o obxecto e ilusión de toda a súa vida, e a ela dedicou as súas forzas e a súa produción literaria. Por ela loitou e sufriu. Desde o máis íntimo do seu corazón deséxalle no futuro días de prosperidade e ventura”.
Velaí, pois, o seu segredo: a posesión plena dunha moral idealista, a vocación ética, a dignidade irrevogable. Condicións todas que constitúen un vello tesouro, pero que, por estar moitas veces ausentes da nosa actualidade, resultan edificante exemplo para secundar.