A Asociación Cultural "Vagalumes" lamenta o falecemento de Olimpio Arca. Unha persoa comprometida coa nosa lingua e a nosa cultura, un mestre e un investigador ao que especialmente na Estrada lle debemos que sabiamos máis de nós, disposto sempre a colaborar coa nosa asociación en calquera acto de defensa da nosa lingua, promoción da cultura ou restauración da memoria.
0 Comments
A Asociación Cultural “Vagalumes” en colaboración co Café “A Farola” organiza un concerto do cantautor Xosé Constenla. Xosé Constenla é un cantautor galego con máis de 15 anos de traxectoria. Durante este tempo ten editado tres discos (Quen fixo berrar ao silencio —2005— , Olladas dun entusiasta —2008— e no 2013 gravou no Salón Teatro de Compostela o seu terceiro disco en directo. O traballo —que leva o título de Sinecismo ) e ofrecido máis de 300 concertos e recitais. As súas músicas tratan de amosar estados de ánimo e impresións sobre o acontecer social e algunhas visións persoais de intrahistorias cotiás que están sometidas a unha constante avaliación sentimental. Xosé Constenla foi escollido para participar en distintos ciclos e certames de canción autor, así como distinguido con diversos premios pola súa produción. O concerto celebrarase o vindeiro sábado 29 de novembro ás 9 da noite no Café “A Farola”
Tres momentos da loita pola lingua na Estrada
Conmemórase o X Aniversario da aprobación do Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) no cal se asentaban as bases de consenso entre todos os grupos parlamentares para apoiar o desenvolvemento e prestixio da nosa lingua con medidas concretas para favorecer a extensión do seu uso e a promoción da súa practica entre a poboación. Foi un feito fundamental positivo na historia de Galiza que supuxo a cimentación dun proxecto práctico de normalización do noso idioma que serviría de base para a lexislación e actuacións que nesta materia se precisaban implementar con este obxectivo. A perda do poder por parte do PP levou a esta organización a afastarse do devandito consenso e empregar no seu beneficio electoral este asunto apoiándose nos séculos de prexuízos e autoodio polo galego que precisamente tentaban superarse coas medidas que se querían levar a cabo. Unha vez recuperado o poder esta forza política lexislou en todos os ámbitos co obxectivo de excluír, prohibir e mesmo perseguir a lingua galega retrotraéndonos a un escenario predemocrático, moi semellante aos últimos anos do franquismo. Nestas circunstancias a sociedade galega reaccionou a través dun movemento cívico como foi “Queremos Galego!” que tamén nos lembrou a resposta que en contextos semellantes de intento de exterminio da nosa lingua se levaron a cabo en todo o país. Mais especialmente queremos lembrar aqueles que tiveron lugar na Estrada. A Estrada foi protagonista e vangarda nesta resistencia a estes intentos de aniquilación do galego con actos como foron as letras galegas do ano 70 nas que un alcalde de sensibilidade galeguista, Mario Blanco, xunto con persoeiros relevantes das nosas letras (Otero Pedrayo, Bouza Brey, etc...) renderon homenaxe ao noso idioma proscrito polo réxime a través da persoa de Marcial Valladares a quen dedicaron as letras galegas. 10 anos despois, con motivo do expedinte a un mestre que daba aulas en galego no Colexio do Foxo, Alfonso Castro, outra vez A Estrada é escenario dunha resposta masiva de solidariedade con este docente e de denuncia da exclusión do noso idioma do ensino. O vindeiro venres 7 de novembro, ás 20:30 h. Na sala de exposicións de Abanca na Estrada a Asociación Cultural “Vagalumes” imos celebrar un acto para rememorar estes feitos nos que achegaremos documentación inédita e proxeccións documentais que nos sirva para dar testemuño dun pobo orgulloso do seu e rebelde contra os que queren impoñerlle un destino de subordinación e desmemoria. Intervirá neste acto os profesores David Otero e Cibrán Arxibai da Asociación Cultural “Vagalumes” e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira. |
Colaboracións
Todos
Un proxecto de:Estamos en:Histórico
Septiembre 2024
Tabeiros Montes (Portal cultural de Tabeirós-Terra de Montes) de Asociación Cultural "Vagalumes" e Asociación Cultural e Ecoloxista "Verbo Xido" ten unha licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial 4.0 Internacional. Con base nunha obra dispoñíbel en http://www.tabeirosmontes.com/. Os permisos alén do foco desta licenza pódense atopar en http://www.tabeirosmontes.com/colabora.html. |