Ao redor desta proxección levarase a cabo un coloquio e a lectura do manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) deste ano a respecto da conmemoración rosaliana. Este acto terá lugar o vindeiro sábado 28 de febreiro na sala de exposicións de Abanda na Estrada ás 20:30 h. A entrada é libre e gratuíta. Estando a venda exemplares deste vídeo para quen tivera interese.
Con motivo do “Día de Rosalía” a Asociación Cultural “Vagalumes” ten previsto levar a cabo a proxección de “I ante aquel silencio mudo”, curtametraxe sobre Rosalía de Castro na que, fronte á idea máis xeral e convencional da nosa poeta nacional, se descubre agora unha Rosalía comprometida, rebelde e, como aparece no vídeo, conscientemente galega.
Ao redor desta proxección levarase a cabo un coloquio e a lectura do manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) deste ano a respecto da conmemoración rosaliana. Este acto terá lugar o vindeiro sábado 28 de febreiro na sala de exposicións de Abanda na Estrada ás 20:30 h. A entrada é libre e gratuíta. Estando a venda exemplares deste vídeo para quen tivera interese.
0 Comments
Hoxe acompañamos a Heriberto a deixar as súas cinzas na súa Guimarei natal. Durante anos foi memoria da nosa memoria colectiva e grazas a el puidemos reconstruír anos decisivos da nosa historia fanada que explican o lamentábel presente que sufrimos. Ademais sempre que puido acompañounos a San Simón a homenaxear aos moitos veciños da nosa comarca de Tabeirós-Terra de Montes que alí estiveron. Ao fin foise, pero queda na nosa memoria e na lembranza leal de que outra Galiza podía ter sido, e que non foi por persoas honestas e traballadoras coma el que non temos un mundo mellor. Durante os últimos anos, preto do 18 de xullo, contábamos con el para reconstruír aquela viaxe terríbel que fixeran moitos dos nosos devanceiros cara un futuro do que moitos non volveron. Entre eles as cabezas visíbeis do noso pobo co alcalde Jesús Puente Fontans ao fronte. Na nosa vila segue a rendérselle tributo aos asasinos e ladróns que trunfaron naquela data dando nome as rúas principais do pobo. Mais para nós son outros os nomes que quedarán gravados como exemplares e como merecentes de homenaxe. Entre eles o de Heriberto quen con 19 anos sufriu prisión no Lazareto de San Simón polo delito de aspirar a unha sociedade máis xusta. Os datos da última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre a situación do galego non nos sorprenden. Reflicten a realidade. A realidade é que cada vez hai menos xente que fala galego. A realidade é que a Xunta de Galiza demostra un total desleixo e desprezo pola lingua. A realidade é que é imposíbel vivirmos en galego con normalidade. O maior descenso de falantes do galego coincide co lustro máis agresivo e lesivo para a normalización da nosa lingua e cunha situación na que o galego, non só non conta cunha oficialidade real, senón que é a propia Xunta quen ataca a oficialidade formal que acadou. A lingua precisa xa de compromisos reais materializados en accións concretas . Esta non é a hora de enunciar falsos desexos, supostas declaracións de intencións, nin dubidosas manifestacións de amor, nas que se baseou até agora a política lingüísitica. É urxente actuar tomar medidas normalizadoras e pór todos os medios e remedios para para pararmos esta desfeita . Moitas persoas educamos as nosas fillas e fillos en galego. Mantemos o galego cada día, entregámosllo ás máis novas e novos porque o defendemos e apreciamos. Facémolo con amor, esforzo e coidado, aínda que nos atopamos con dificultades permanentes, ás que lle temos que engadir o insulto e o desprezo mostrado polo presidente da Xunta na súa busca permanente de culpábeis da súa propia política. O galego continúa perseguido e proscrito de diferentes ámbitos e usos. Impúxose un decreto para evitar o ensino en galego. Esta política lingüística ten responsábeis e cómplices. Precisase unha mudanza total . Hai que lles dar ferramentas ás xeracións novas. A televisión pública galega non emite debuxos animados de moda en galego. As mozas e mozos non poden escoller xogos, filmes e revistas xuvenís na nosa lingua, a moitos e moitas impídeselles a escolarización en galego Necesitamos promover a nosa lingua. Lingua propia e común que nos une a todos e todas. Lingua, identidade e futuro de Galiza camiñan da man. Defender o futuro dunha lingua é defender o futuro dun pobo. A nosa lingua sítuanos no mundo e fainos donos e donas do noso porvir, que está en nós, nas nosas fillas e fillos, nas nosas netas e netos. Na transmisión xeracional e na súa reposición social. Precisamos o galego para ser e existir. Temos esperanza, ilusión, vontade, compromiso para mantelo vivo , para superar prexuízos, para transmitir amor á nosa lingua, para manifestar orgullo, para dicir, polas fillas dos nosos fillos QUEREMOS GALEGO. Manuel Igrexas A fuga do Fuerte de Ezkaba/San Cristobal foi a maior fuga carceraria coñecida en Europa, ocupou as portadas da prensa republicana e internacional antes de caer no esquecemento e interesada ocultación dos vencedores. Unha multitude de 795 fugados documentados, lanzáronse cara á fronteira francesa o 22 de maio de 1938, entre eles 183 galegos. Atrás deixaron 206 mortos enterrados nos vales entre o forte e a fronteira; 14 fusilados en agosto como dirixentes. Outros 46 capturados que morrerían no forte até 1943. Só tres fuxitivos -quizais catro- alcanzaron a fronteira. Na charla, Fermín Ezkieta expoñerá o plan de fuga, as rutas dos escapados, unha biografía dos tres afortunados que alcanzaron a fronteira e de outros como o pontevedrés Amador Rodríguez, último fugado en ser capturado logo de tres meses, Leopoldo Picó, cerebro da fuga e Antonio Valladares, de Silleda, outro dos organizadores; así como do papel protagonista de diversas mulleres, acusadas de complicidade, e que foron encarceradas. Fermín Ezkieta Yaben é un investigador autor do libro Los fugados del Fuerte de Ezkaba e mantén e actualiza a web : http://www.losfugadosdeezkaba1938.com/ Contaremos coa presenza de Alejando Breijo, familiar de Antonio Costoyas Ares, de Silleda, un dos que resultaron mortos na fuga, e Elia Valladares, sobriña de Antonio Valladares González, un dos promotores da fuga, que tamén resultou morto, sen que a familia tivese a oportunidade de recuperar o seu cadáver. Na fuga tamén resultaron mortos outros tres dezaos: Adolfo Blanco Barreira, de Cristimil, José Carballude González, de Donsión e Manuel Cea Asorey, de Sabrexo (Vila de Cruces). Outros dezaos tamén presos en San Simón que participaron na fuga e foron capturados: - De Vila de Cruces: Manuel Blanco Fernández, Ramón e Rogelio Cajide Rodríguez (Sabrexo), Manuel Carballal Pena, Jesús Cea Asorey (Sabrexo), Guillermo Pampín Quiñoy, Ramón Ramos Lamas (Fontao), Alberto Villar Blanco e Luis Villar Cimadevila. - De Lalín: Luís Agra Blanco e José Vázquez Fernández (Bermés). Manuel Barros A Sociedade Fillos do Concello da Estrada deu inicio o pasado 18 de xaneiro ás actividades no ano do seu centenario cunha Xunta Xeral de Asociados e unha actividade socio-cultural no salón de actos do antigo Palacio do Centro Galego da Habana, á que asistiron cento vinte persoas.
A actividade estivo presidida polo emigrante e titular de “Fillos da Estrada”, Servando Oubel Feros, acompañado polos membros do seu executivo social (Gódula Rodríguez Señarís, vicepresidenta, Raimundo Mollinedo López, secretario social, e Dores Torres Pérez, tesoreira). Durante o encontro informouse sobre o estado financeiro da sociedade, aprobouse o orzamento para o actual ano e a xunta directiva rendeu contas das súas actuacións en 2014. Tamén se aprobou o Plan de Actividades para o primeiro semestre de 2015, e para rematar, a Asemblea avalou co seu voto o outorgamento dos títulos de Honor, de Mérito e Diplomas de Recoñecemento “no ano do centenario” a colaboradores e veciños na A Estrada, así como a un grupo de asociados que se destacaron polo seu labor social nos últimos 10 anos. Na actividade cultural participou o grupo de danzas “Sorrisos Cubanos”, dirixida pola profesora Ruth Díaz Babot e patrocinada por “Fillos da Estrada” na maior das Antillas, que interpretou varios números de danza tradicionais galegas, así como ritmos cubanos e universais. A actividade finalizou cunha merenda buffet. Plan de traballo Durante o primeiro trimestre de 2015, o grupo “Sorrisos Cubanos” estará presente nos tres festivais de música e danza española máis importantes que se celebrarán na capital cubana. En abril haberá unha degustación de pratos típicos galegos, en maio os asociados participarán no Día dás Letras Galegas, dedicado a autores estradenses, e o 5 de xuño terá lugar un recital en saúdo ao centenario na Praza de Armas do Centro Histórico, a cargo da Banda Nacional de Concertos, a que interpretará música do mestre Javier Comesañas Pereira, director da Coral Polifónica, o Conservatorio e a Banda de Música Municipal da Estrada. Así mesmo, e como parte das celebracións polo centenario, está prevista unha visita institucional do Concello da Estrada á capital cubana no segundo semestre do ano. |
Colaboracións
Todos
Un proxecto de:Estamos en:Histórico
Octubre 2024
Tabeiros Montes (Portal cultural de Tabeirós-Terra de Montes) de Asociación Cultural "Vagalumes" e Asociación Cultural e Ecoloxista "Verbo Xido" ten unha licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial 4.0 Internacional. Con base nunha obra dispoñíbel en http://www.tabeirosmontes.com/. Os permisos alén do foco desta licenza pódense atopar en http://www.tabeirosmontes.com/colabora.html. |