Calros Solla
Un colosal caderno de campo redactado con letras de molde e adobiado con exquisitas miniaturas. Un códice que, pergamiño a pergamiño, o voluntariado diletante e irredutíbel do Capitán Gosende se afana en desentrañar. Un cómic de viñetas en código morse. Petróglifo a petróglifo, mensaxes contidas en botellas de pedra, boias dunha orografía oceánica: lombeiros coma ondas, cádavos coma mastros e escumas de toxo.
Confésolles que antes de nos decantar por “O legado dos homes pequenos”, un dos títulos que se barallou para o recén-publicado ensaio sobre os gravados rupestres de Cerdedo foi “O lapis de pedra”. Evocabamos a rudeza do útil que unha selecta humanidade protometalúrxica empregou para plasmar na primeira plana dos rochedos un acio de misterios e a súa incógnita hermenéutica. Nun gravado rupestre contense o enigma e a clave, a chave e a pechadura. En Capitán Gosende levamos unha boa tempada sacándolle punta ao lapis.
As 38 coviñas da Pedreira I, as 51 coviñas da Pedreira II, as combinacións circulares da Pedreira III, o trío de coviñas da Pedreira IV, a coviña senlleira da Pedreira V, os 6 óvalos concéntricos da Pedreira VI e, arestora, a míllara do Revoltón.
O domingo 18 de febreiro, avanzando paseniño cara ao norte, a tropa dos Gosende fómonos afastando do curuto da Pedreira para acadarmos a penela do Revoltón, predios da freguesía de San Bertalomeu de Pereira (Forcarei). Revoltón, cecais, aumentativo de “revolta”, pronunciada viraxe do camiño.
Aproveitamos a raxeira invernal para probar fortuna de novo, para apostarmos confiantes á lotaría do si e non, para xogarmos ao gato e ao rato coas “sombriñas”. O chan galego é un inmenso peletre, un chapicado de mariolas.
Inadvertidas baixo un veludo de lique ou carriza, ora batemos coas arandelas dunha cociña económica, ora cun sarabullo de foquiñas, ora coas exclusivas filloeiras, ora co requintado oxímoro dos estáticos serpentiformes. O descubrimento, sempre feliz, provoca no descubridor unha mestura de aglaio e ledicia cuxa intensidade ben se puidera medir en amperios. Paradoxalmente, quen experimenta as cóxegas do achado intensifica dita sensación compartindoa, é dicir, descargándose electricamente no grupo. Cousas dos electróns libres. Cando o propósito é loábel apenas opomos resistencia.
En 2018 cúmprense vinte anos de estudo e pescuda en Cerdedo: toponimia, seres mitolóxicos, o roteiro da Montaña Máxica, cantigueiro, arqueoloxía, o vervo xido, o azoute da cacicaxe, a Memoria do 36, os retrincos históricos, os amuletos... Nestas dúas décadas andei camiño, mais non vadiei. Nestas dúas décadas escoitei e tomei nota, contáronme e relatei, confesáronseme e revelei sen remordemento, informáronme e publiquei puntualmente as novas; os sabios compartiron a súa sabenza comigo e eu compartín o sabido con quen demandou partilla. Uns empregaron o prezado quiñón en beneficio de todos, outros, mesmo arrogándose o mérito, no seu propio beneficio. Alá cadaquén coa súa conciencia. “Dade e darásevos; medida boa, apertada, remexida e rebordante baleirarán no voso regazo” (Lucas, 6:38).
Tornemos ao rego. O pasado domingo, aguzados os ollos polo lusco fusco, Juan Soto, fotógrafo de Capitán Gosende, atopou na rocheda do Revoltón o sétimo gravado rupestre deste novo curso. A agulla no palleiro. Soto non se inmutou, os máis fixemos unha festa. Parabéns, camarada!!
O petróglifo do Revoltón (coordenadas.- X: 554.896; Y: 4.720.598; alt. 646) é unha constelación de, cando menos, 38 coviñas. “Así na terra coma no ceo”, diría o mestre Andre Pena Granha.
A concavidade meirande acada os 17 cm de diámetro. A máis pequecha (quizais tamén a máis desgastada, 4 cm de diámetro). O diámetro da maioría é de 8/9 cm.
O gravado rupestre tallouse no banzo inferior da peneda amoreada que coroa as lombas do Revoltón, tenza do monte veciñal dos lugares de Alende e Castro de Muras. Canteira comunal. Nunha greta do curuto chantouse un marco, probabelmente, estremeiro (Muras-Alende/Valiñaxemia). O relanzo granítico empregado como soporte inscultórico inclínase cara ao sueste. Superficie visíbel: 7 m2 aprox. Gretas e fracturas naturais dividen o panel en sete seccións. As devanditas 38 coviñas distribúense desigualmente polas superficies acoutadas.
A estación petroglífica localízase a uns 350 m, en liña recta e cara ao nordés, das primeiras edificacións de Castro de Muras; e, na mesma orientación, a uns 670 m do centro da croa do castro (bela panorámica). Así mesmo, sitúase a uns 250 m, cara ao oeste, da mámoa de Valiñaxemia e a uns 600 m, cara ao noroeste, do petróglifo da Pedreira VI.
Ou sexa, percorrendo unha distancia de pouco menos dun quilómetro, o profesorado de Forcarei (ou achegado) pode arrequecer a súa lección de Prehistoria acompañando os seus alumnos nestas tres recaladas polas idades do ser humano, avantando uns 2.000 anos en cada arribada: castro de Muras (uns 2 milenios de antigüidade), gravado rupestre do Revoltón (uns 4’5 milenios de antigüidade), mámoa de Valiñaxemia (uns 6 milenios de antigüidade). Os nenos e nenas desfrutarán abofé con esta actividade en plena natureza, viaxeiros a bordo dunha prodixiosa máquina do tempo.