Membros do colectivo descobren cinco petróglifos en Forcarei
Calros Solla
Entre a xornada poallenta do domingo 21 de xaneiro de 2018 e a solleira do subseguinte domingo 28, Capitán Gosende descubriu (e agora dá a coñecer) 5 novas estacións petroglíficas na comarca de Terra de Montes. Os cinco gravados rupestres foron achados na aba sur do monte da Pedreira (lomba sueste), predios pertencentes ás aldeas de Alende e Castro de Muras, ambas as dúas da parroquia forcareicense de San Bartolomeu de Pereira. A Pedreira, cuxa cemba meridional acada os 681 m de altitude (691 m alt. máx.), é un outarelo tapizado de toxo mesto e carroucha. No Mapa Topográfico consígnanse nas inmediacións os topónimos Moscavide e Auga Empozada. Coidamos “Auga Empozada” un hidrotopónimo transparente e xaora ben xustificado. Observouse que tras días de precipitacións, xurdiran no alto unha media ducia de pozas. Pola banda de “Moscavide”, unha das solucións etimolóxicas albisca unha derivación da forma árabe moskbat, “sementeiras” (Moscavide tamén é o nome dunha freguesía portuguesa). Un regueiro, afluente do Umia, cingue o cotarelo por sueste e poñente. Na mesma orientación, discorre unha estrada asfaltada, ramal da PO-2205, que comunica cos lugares de Alende e Castro de Muras. Probabelmente, o topónimo Muras fai referencia aos antigos parapetos do poboado castrexo. O topónimo Alende vén denominar o núcleo habitado que se sitúa “máis alá” de Muras (neste caso, cara ao leste).
O sitio arqueolóxico da Pedreira localízase a uns 500 m, en liña recta e cara ao sueste, do lugar de Alende e a uns 700 m, na mesma orientación, do lugar do Castro de Muras. O centro da croa castrexa que lle dá nome á aldea sitúase, en liña recta e cara ao noroeste, a uns 725 m dos gravados rupestres. O sitio arqueolóxico da Pedreira localízase a uns 980 m, cara ao norte, da estrema coa parroquia de Dúas Igrexas.
As novas descubertas identificáronse coas seguintes denominacións: petróglifos da Pedreira I, II, III, IV e V. A súa feitura remóntanos ao Calcolítico-Idade do Bronce (uns 4.500 anos de antigüidade). Quen busca atopa!
O topónimo Pereira (lat. petraria(m)) fala dun lugar abondoso en pedra (desbótese a árbore froiteira). O topónimo Pedreira, derivado de “pedra” (lat. petra(m)), fai referencia ao mesmo elemento, xa pola súa abundancia, xa porque, no pasado, o lugar foi empregado como canteira (isto é evidente). A rocha aludida é o granito que gaña protagonismo no noroeste do concello de Forcarei (Meavía, Quintillán, Pereira, Dúas Igrexas...), un territorio caracterizado pola orografía metamórfica.
Percorrendo de oeste a leste aquel outeiro, batemos, de primeiras, co petróglifo da Pedreira I (coordenadas.- X: 555.026; Y: 4.719.832; alt. 678 m). A Pedreira I, descuberto por Juan Soto, componse dunhas 38 coviñas agrupadas/aliñadas (tres coviñas afastadas do grupo principal), talladas nas protuberancias dunha laxa granítica. A superficie visíbel da lousa é duns 45 m2. Dos cinco paneis da Pedreira, os motivos da estación I son os que presentan un menor grao de luimento.
O petróglifo da Pedreira II (coordenadas.- X: 555.051; Y: 4.719.836; alt. 678 m), descuberto por Soto, componse dunhas 51 coviñas agrupadas/aliñadas e outros riscos curvilíneos, tallados nunha laxa granítica de perfil irregular. A superficie visíbel da lousa é duns 18 m2. Unha greta natural cruciforme (cruz latina) divide o panel en catro seccións. As coviñas repártense de xeito desigual entre as dúas seccións delimitadas polo suco vertical da cruz. O flanco sueste da rocha desapareceu por extracción. Son evidentes as marcas deixadas polas cuñas ou guillos, ferramentas empregadas polos canteiros durante o proceso.
Descuberto por Anjo Torres, o petróglifo da Pedreira III (coordenadas.- X: 555.083; Y: 4.719.851; alt. 681 m) labrouse no chanzo superior dun afloramento granítico. O gravado componse de combinacións circulares: dous círculos concéntricos con coviña central e apéndice. A figura acada os 16 cm de diámetro. As estacións petroglíficas I, II e III semella estaren aliñadas.
O petróglifo da Pedreira IV (coordenadas.- X: 555.112; Y: 4.719.872; alt. 681 m), descuberto por Calros Solla, componse dun arco de 3 coviñas talladas na parte superior dunha lastra granítica. As concavidades acadan os 8 cm de diámetro. A superficie visíbel da lousa é duns 10 m2.
O petróglifo da Pedreira V (coordenadas.- X: 555.137; Y: 4.719.900; alt. 683 m), descuberto por Solla, componse dunha coviña, aparentemente illada, tallada nunha laxa granítica. A superficie visíbel da lousa é de 1 m2. A coviña acaróase a unha veta recta e finísima doutro mineral que divide o panel en dúas seccións.
O 7 de xaneiro polos arredores dos Codesás (A Madanela), o 14 ao pé dos cruciformes do monte Penide (Dúas Igrexas), o 21 e o 28, na Pedreira de Pereira... Sen apenas tomar folgo, recén estreado o exitoso libro O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo, o colectivo Capitán Gosende recunca na angueira sen outro obxectivo que o de “protexer co coñecemento” a herdanza dos nosos devanceiros. Por desgraza, abonda quen a queira depreciar, desbaldir ou estragar (vallan de exemplo as desvirtuadas neveiras de Fixó).
Se non hai novidade, o mércores 21 de febreiro mostraremos en Pontevedra (sala de conferencias da Casa das Campás) o froito das nosas pescudas en territorio cerdedense. Abofé, na vila do Lérez dispensaranos máis atención e agarimo ca en Cerdedo, ámbito do noso estudo. Ninguén é profeta na súa terra.