Carmela Sánchez Arines
Este principio elaborado pola UNESCO na Conferencia Mundial sobre políticas culturais que se celebrou en México en 1982, aproxímase ao concepto de patrimonio tal e como o entendemos hoxe en día. Por iso, tres décadas despois desa declaración, os termos patrimonio cultural resúltannos habituais, pero non sempre sucedeu así. Nin se usaban as palabras xuntas, falando máis de patrimonio histórico, nin se entendía o patrimonio como o conxunto formado por bens materiais, inmateriais e naturais. Ademais, o feito de outorgarlle valor ás nosas riquezas e tradicións propias tivo un proceso de asimilación lento e gradual.
Por isto resulta eloxiable o labor realizado polo mestre e investigador Olimpio Arca Caldas. Nunha época marcada pola ditadura franquista, na que a protección do patrimonio era unha asignatura pendente, este insigne estradense comezou a poñer en valor o patrimonio da comarca. Xunto ás súas inquedanzas persoais, sobresaen as iniciativas levadas a cabo no ámbito escolar. Así, co seu alumnado de Couso fixo formidables recollidas de hórreos e cruceiros no Val de Vea que acadaron o recoñecemento do Museo de Pontevedra. Estudos que nos anos 70 supuxeron o inventariado do patrimonio etnográfico e a introdución dun novidoso modelo pedagóxico. As nenas e nenos acompañábano polas aldeas -incluso nas fins de semana- para rexistrar os bens patrimoniais, cubrindo fichas e facéndolle fotos, transmitíndolle de xeito implícito ás familias e á veciñanza o respecto polo noso.
Continuando no eido educativo, o patrimonio arqueolóxico foi outra das tipoloxías que abordou co seu alumnado. Neste caso, destacaría o traballo realizado a mediados dos anos 70 en Couso sobre os castros estradenses; e a obra Castros de A Estrada, feita en 1984 co 8º curso de EXB do colexio de Figueiroa. Unha recompilación premiada pola Xunta de Galicia na que se presentaban 28 fichas de xacementos de todo o concello con ilustracións dos sitios, das plantas e dos achados. Ademais, é de salientar a preocupación polo folclore relacionado cos bens arqueolóxicos a través da recollida de contos e lendas.
Nesta liña de recuperación do patrimonio inmaterial levada a cabo na publicación dos castros, outro dos grandes estudos de Olimpio foi o dedicado ao entroido na Ulla e aos xenerais estradenses. Unha obra que na actualidade segue a ser un referente único, non existindo aínda outra monografía completa do tema. Tradición oral e cultura material que recompilou en Canteiros de Cuntis ou n'O Carro do país. Sen esquecernos do patrimonio natural con Montes de A Estrada, premio García Alén en 1984.
Fora do ámbito escolar, gustaríame facer fincapé noutro dos obxectos de estudo de Olimpio Arca: a vila "airista". A través do Callejero Histórico de la Villa de A Estrada non só temos coñecemento sos diferentes nomes que tiveron as rúas, senón tamén da súa sociedade, arquitectura e urbanismo. Este interese pola historia local e as súas construcións está latente en artigos como o do Sanatorio "Nuestra Señora del Carmen". Un ben senlleiro situado nun paraxe envexable no centro do pobo que, lamentablemente, se perdeu pola especulación urbanística, debéndolle a el a recuperación da súa memoria.
En relación coa historia do concello e co urbanismo da vila cómpre lembrar a recompilación de fotografías antigas, Imaxes para a lembranza, da que foi coautor; ou a dirección do Museo do Pobo Estradense. Dous exemplos de posta en valor de materiais, imaxes históricas e colección de fondos museográficos, que deben estar ao servizo da sociedade.
Xunto con outros xéneros cultivados, o labor realizado por Olimpio Arca Caldas en prol do patrimonio cultural é digno de louvanza pola súa calidade e o seu carácter pioneiro, inculcándolle valores ao seu alumnado e á cidadanía. Para min foi un referente cando comecei a catalogar etnografía no Museo de Pontevedra e no meu traballo de doutoramento centrado na arquitectura e no urbanismo da Estrada.
Carmela Sánchez Arines
DEA en Historia da Arte
* Intervención na Mesa Redonda "Olimpio Arca e o patrimonio".. A Estrada, 27 de novembro de 2015