Veciñas de Cerdedo e integrantes da plataforma Non á fusión Cerdedo-Cotobade
Escrito isto, podiamos non escribir máis, e xa se había de entender, pero cómpre explicalo, non por nós, veciñas de Cerdedo e membras da plataforma NON á fusión, por toda a xente que non é de Cerdedo e non sabe o alcalde que temos.
Ante as acusacións medoñentas de Balseiros de coacción, unha pregunta: os veciños estaban na obra cando lles preguntou polo cambio de opinión?
Que sorte de casualidade, e que puntería ir dar el xusto cos veciños que estaban de acordo e despois asinaron que non.
Que respeito tamén polas persoas e veciñas que discrepamos, permitíndonos colgar carteis, mesmo en casas abandonadas, e ao día seguinte, desaparecidos.
Que marabilla tamén, señor Balseiros, a negación do local social de Quireza, solicitando innumerábeis requisitos para facela alí.
Sorte que a casa do pobo de Pedre aínda é das veciñas.
En canto á disposición dos taboleiros municipais para difusión de actividades de iniciativa veciñal a cambio de permiso, permítanos que desconfiemos. Cheira a control, e a opción de negarse a dalo.
Non, querido alcalde, o que vostede quere é que lle pidamos permiso por respirar. Mais deu con ósos duros de roer, porque a forza que nos move a nós é o amor e o apoio mutuo. Non a avaricia e o desespero.
Balseiros, a mágoa é profunda ollando para ti, e para ti van tamén os versos desta canción do Suso:
Vendiche vento, vendiche leria
todo o vendiche, menos decencia
Todo ten precio, todo se compra
todo se vende menos vergonza
Diñeiro podre non fai mercede
alma mesquiña todo empodrece.
A ti Cerdedo, nada che debe
nada lle importa que alá te quedes
en Ponte Vedra, en chan alleo
pois a Cerdedo, sóbralle esterco
Ti fuches pobo e desertaches
José Silvestre requiescat in pace