Un ano máis o Correlingua enche de optimismo sobre o futuro da lingua as rúas da Estrada. Este ano contamos coa actuación dos nenos de Figueroa que se corresponde co vídeo que acompañamos aquí, e coa entrega de profesorado e alumnado dos centros da nosa comarca en dignificar a nosa creación cultural máis importante, ter lingua propia, lingua de seu.
0 Comments
Dentro das actividades do mes das letras galegas a Asociación Cultural “Vagalumes” da Estrada continúa coa súa homenaxe ao escritor a quen se lle dedica este ano esta conmemoración.
O venres 27 preséntase o libro-dvd “Peregrinaxes, viaxando con Manuel María” coa proxección deste vídeo e o realizado durante o acto que tivo lugar o 7 de maio pola nosa vila no que se recitou a Manuel María en diferentes espazos comerciais e de encontro da Estrada. O acto celebrarase ás 21:00 na sala de exposicións de Abanca. O vídeo “Peregrinaxes, viaxando con Manuel María” é un proxecto do escritor Lois Diéguez, compañeiro de viaxe e de militancia poética do escritor da Terra Chá. A través desta proxección teremos ocasión de ilustrar os poemas que Manuel María ten dedicado a lugares emblemáticos da súa identidade tanto desde o punto de vista das raíces vitais e culturais das que provén como das experiencias que lle achegou os diferentes lugares que visitou. A Estrada foi un dos lugares que contou coa súa presenza activa como lembramos nesta ligazón: Desde a AC Vagalumes queremos expresar o noso apoio á manifestación que a Plataforma Cidadá Queremos Galego convocou para este martes, 17 de maio, ás 12:00h. en Santiago de Compostela. Facemos un chamamento a toda a cidadanía para que acuda a esta mobilización que servirá para demostrar, unha vez máis, que a inmensa maioría do pobo galego quere a súa lingua e desexa que se leven a cabo accións políticas efectivas para devolverlle os espazos dos que continúa excluída, tendo como obxectivo a súa plena normalización social.
Tal e como afirmaron os membros das Irmandades da Fala, cuxo centenario celebramos este ano, a lingua é a maior creación colectiva dun pobo, a expresión máis evidente da súa forma de entender o mundo. Non é posíbel a prosperidade dun país mentres a situación da súa lingua sexa de minorización e exclusión social. Segundo os últimos datos, o galego xa non é a lingua habitual da maioría da poboación (nos menores de 24 anos tan só dun 28%) e a familia perdeu, en grande medida, o seu papel de transmisora da lingua ás novas xeracións; na xustiza, administración e servizos públicos o uso do galego é reducido ou nulo; os galego-falantes son discriminados en infinidade de circunstancias cotiás e vivir completamente en galego é pouco menos que imposíbel. No momento en que máis cumpriría unha actuación institucional decidida a favor da nosa lingua, acontece o contrario: nos últimos anos o goberno do Partido Popular na Xunta, que ten a obriga legal de promover e defender a lingua galega, foi o principal promotor do retroceso do noso idioma. Pensemos, por exemplo, no “decretazo” para o ensino do ano 2010, polo que se reduce de forma brutal a presenza da lingua galega no sistema educativo, prohibindo, por primeira vez na etapa democrática, a utilización do noso idioma como vehicular nas materias científicas do currículo escolar e expulsándoo case por completo das aulas de infantil, como antesala da estranxeirización da lingua galega no seu propio país. Coa súa actuación, a Xunta contravén acordos asumidos por todas as forzas políticas, como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004 ou, recentemente, a Declaración de Unidade a prol da Normalización da Lingua Galega que, en xullo de 2015, impulsou a Mesa pola Normalización Lingüística. De igual maneira, moitos concellos, como é o caso do Concello da Estrada incumpren reiteradamente a lexislación lingüística, tanto no ámbito da relación oral cos cidadáns e cidadás, como no ámbito escrito: cartaces informativos en castelán, lendas nos sinais de tráfico, toponimia deturpada… Por iso, ten que ser a sociedade a que manifeste a súa vontade de que o galego ocupe o papel que lle corresponde, como lingua propia e plenamente oficial en Galiza. De feito, todos os avances que se teñen logrado para a nosa lingua foron sempre conquistas sociais. É fundamental, polo tanto, a nosa presenza o 17 de maio en Compostela., pois como di Manuel María, poeta a quen este ano se dedica o Día das Letras. : “O idioma é a patria a esencia máis nosa, a creación común máis grande e poderosa.” David Otero Foron moitas veces as que o poeta Manuel María (a quen se lle adican as Letras Galegas deste ano) estivo na nosa vila da Estrada. Que recorde as veces máis salientables forono as moitas na AC A Estrada, tamén por cando o tema da nosa Lingua no Colexio do Foxo, na manifestación que houbo na vila, nas Xornadas de Manuel García Barros, por cando quedou deserto o Premio Literario e coido que a última foino por cando as alegacións e argumentos veciñais ao encoro de Arca. Manuel sempre tivo relación coa nosa vila e moi en especial tamén a tivo entre outros con Xosé Porto Matalobos e por moitos motivos e encontros, fundamentalmente polo Pedrón de Ouro e a través da Asociación de Escritores en Lingua Galega da que ámbolos dous foron fundadores, dandolle continuidade á creada en 1936 e na que daquela figuraba como membro directivo Don Manuel García Barros. Pois ben… agora neste maio florido, galego e estradense, Manuel María nesta semana sae ás nosas rúas. Falaremos del desde as súas «Rúas do Vento Ceibe» e iremos pasando, local por local, casa por casa, pola súa obra de maneira respectuosa e digamos tamén militante neste noso pobo do galego. Varias son as propostas que se levarán a cabo e delas poñeremos a destaque a da Feira do Libro, a do Clube de Lectura e a da A.C. Vagalumes. Esta última farao , desde «Os soños na gaiola» ata as demáis, o sábado día sete a través de tendas, comercios e locais hosteleiros, e en cadanseu lugar leranse tres poemas de Manuel María por mozas e mozos, mulleres e homes, deste noso pobo. O idioma é a vida, dixo Manuel. Levémolo pois nos nosos corazóns pola vila a toda honra e a todo respecto. * Publicado en La Voz de Galicia o 5 de maio de 2016 Conferencia de Manuel María sobre os escritores estradensesDe primeiras… moitas grazas para quen lle compete organizar esta reunión por me ter invitado a estar , gustosamente digo, aquí, pero moi especialmente quixer agradecerllo a Manuel Cabada quen xa hai un tempo, xustamente cando nas lecturas a Balbino de Pepe Neira organizadas pola AC Vagalumes deste pobo no Teatro Principal, alí pois ,rodeados de mocidade, entregoume este libro GALICIA raices e compromiso recén saído do forno da editorial IRINDO de Bieito Ledo, Un libro “igualito”…o mesmiño… ca bica de centeo que miña avoa Isaura sacaba do forno do señor Cándido da Vila de Vilela de Punxín , xa canda a ultima cocedura, para goce e disfrute das nenas e dos nenos da casa do David o xamoneiro.
Moitas grazas Manuel por poder estar aquí contigo.E así nese agradecer, a ti mesmo como autor deste libro, pero tamén desoutro tan importante sobre a RAPA DAS BESTAS , quero adicarche con sentir e admiración o poema titulado SABUCEDO… DO LIBRO A BOCA DA TERRA… DE MANOLO RIVAS. E logo destas e así de primeiras, e plenamente convencido, direi que este libro que hoxe presentamos faise significativo, de importancia e relevante, polo seu contido e xa que logo tamén se fai oportuno ( que non oportunista) e necesario e así polo mesmo, a maiores, quero felicitar ao editor, a Bieito Ledo, por ser sensible a publicar estes contidos que se tratan neste libro, pois Galicia, o pobo do galego, é moito máis cá literatura, que ben sabemos que é moi boa, pero Galicia é máis. Dun libro coma este diremos que é unha celebración pois reflicte unha posición necesaria de ideas, quizabes tamén podemos dicir que é unha trincheira que cavamos coas mans constructoras de Manuel collidas ás de tantas e de tantos, con argumentos e saberes, con palabras da nosa Lingua Galega de infinita beleza e por selo tamén contundentes. Este libro chámanos á reflexión. Axúdanos a colocarnos.A posicionarnos. Recupéranos na alegría da loita e referéncianos no que xa sabemos moitas e moitos, si…o de que vivir implica dignidade e esperanza e así ir gañando paso a paso e golpe a golpe – e tamén sufrindo- a nosa liberdade na fame de horizontes novos e determinados.Pois nestes tempos que imos indo…hai que ver como se desprezan as vocesque falan claro,que non enganan,que convencen,que na beleza…serven para vermos que hai outras formas de pensar e de entender este noso pobo.E esa beleza está nos seus soños e nos seus sorrisos, pois Nós somos unha nube da que os soños son os ventos.E como dicía Pasolini: - A verdade está en moitos soños. Non chega un. E tamén engado que… - En Galicia se sueña todavía…- deixou dito daquela Don Miguel de Unamuno. Por iso na substancia esencial e substantiva deste libro de Manuel hai pensamentos e aconsellos, referencias e camiños. Soños…Xa que para chegar ao que intuímos… son necesarios. Como ben di X.L.Méndez Ferrín no prólogo: “Cada época da nosa historia apresenta individualidades e grupos de traballo que intentan procurar as claves de Galicia para agatuñar polo poste ensebado que ao final nos premiará con regalo.máis nunca damos culminado a cucaña.” E velaí está Manuel indicándonos amablemente, orientándonos a sabencia, para que comprensivamente, no sentir quen somos, galegas e galegos, camiñemos xuntos e compartindo nas reivindicacións obrigadas para que os nosos desexos comúns – soños realizables, obrar para o posible- cristalicen no vivir comunal deste noso pobo. Neste libro GALICIA RAÍCES E COMPROMISO,Manuel, o seu autor, tal arxina pedra a pedra,propónnos encontro e pensamento,reflexion, identidade, si…neste arestora no que ben se ve un desleixo cara o propio, o territorio,a cultura e a lingua,a identidade,o país en definitiva…. Velaí nel tamén que vemos e notamos, sufrimos…como din moitas e moitos a enxurrada “progre” dun bilingüísmo absurdo, decretado, a dun plurilingüismo que sería bonito, desexable,pero cheo de plantexamentos interesados, falsas vaidades, propagandas de corte privado,que en nada concordan cun baseamento pedagóxico e social de ensino público desde quen somos. Galegas e galegos. Ben sabemos que así como di o profesor Francisco Calo: “A nación xa a creamos en 1918, agora falta que haxa galegas e galegos nacionalistas” Pois xa poderiamos dicir unha vez máis ao ir deste libro: - Chegou a hora…! Na lectura deste libro, indo polo roteiro que nos propón Manuel ,camiñando pois coa e pola nosa cultura como ferramenta para desexar neste noso modo de ser,as lectoras e os lectores…faremos paro a tomar grolos de pensar en quen somos , na poboación, no maternal, na matria e na patria, na fratría, na paisaxe,na saudade ( saudade como di Manolo Rivas, esa sagrada nostalxia, a fame do porvir, esa melancolía ,dicimos nós, esa memoria).Tamén no sentir,no ser ( esa determinación necesaria), no humor e na ironía ( sexto e sétimo sentido), na retranca,no facer e na irmandade. Logo seguindo polas páxinas… vai a punto de importancia… O País.O pobo. A nación ( digo eu). E aí a nosa dependencia política e cultural.Terra de colonización como se di no libro.Mesmo, como nel tamén di XM Beiras,situación de “ dependencia colonial institucionalizada”. E a igrexa. A Igrexa castelá en Galicia.A pobreza no noso pobo.A nosa imaxe. A rebeldía. E xa na terceira parada UNHA LINGUA ao que eu lle diría A LINGUA, así …con determinante absoluto.Facéndoa soberana e nosa. O nacer dela, O prestixio.A chegada do castelán. A castelanización ( a igrexa como parte importante deste feito real).A relevancia da lingua. Sarmiento.A diglosia. O bilingüísmo. A nosa lingua hoxe. E así, amigo Manuel, ao fío disto, permíteme que lle fale á Lingua: …e ti Lingua nosa… el como terás lugar para o perfume… se non tes aínda o teito Branco que preserve o todo azul de tantos alentos, nin tampouco o brillar da aflorecida alborada en engaiolante plenitude da nosa estrela raiolante… Este teu libro Manuel axúdanos a bradar intensamente e coa claridade das raiolas de abril… “ NÓS NON IMOS PERMITIR SER UNHA LINGUA EN EXTINCIÓN…NON O PERMITIREMOS…” Velaí neste libro tres andares moi significativos.Importantes.Cultura, País e Lingua. E xa que como dixen ao primeiro desta miña intervención estamos no disfrute, así pois na lectura, dun libro referente dun autor serio, dun estudoso fondo. Estudoso das cousas nosas,propias,sen deixar de atenderlle ás alleas…como un modo de entender mellor as propias. Velaí un libro trascendente,feito de amor,que como del di X.L.Méndez Ferrín: “Nesta primeira metade do século XXI estábase a facer necesario un avance e unha actualización da imaxe de nós mesmos. Son horas de conquerir aquilo que Salvador Espriu chamaba ACCESO AO PLENO DOMÍNIO DA TERRA. E así xorde esta aportación, a de Manuel Cabada… Todas e todos estabamos esperando un libro coma este” E xa que logo ao fío do dito e do que se pode intuir diremos que polos tempos que vivimos son horas de accionarmos o freo de emerxencia. Non imos ben. Pois aínda se repiten palabras vellas por calquera dos recantos onde se desfán os abrazos. Aínda se len nas sombras nomes perigosos. O que vivimos non nos gusta.Digan o que digan, todo crecemento non é desenvolvemento.Nós non podemos estar ao outro lado das feridas ( que as temos e vense).As nosas voces han recoñecerse.E imos atopar a saída do que non somos. De todo…este libro é unha boa ferramenta. Direi como cando falando de nós compartindo palabra… - E o futuro tamén ten porvir. Moitas grazas. david otero 15/4/2016 Ano de Manuel María. |
Colaboracións
Todos
Un proxecto de:Estamos en:Histórico
Septiembre 2024
Tabeiros Montes (Portal cultural de Tabeirós-Terra de Montes) de Asociación Cultural "Vagalumes" e Asociación Cultural e Ecoloxista "Verbo Xido" ten unha licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial 4.0 Internacional. Con base nunha obra dispoñíbel en http://www.tabeirosmontes.com/. Os permisos alén do foco desta licenza pódense atopar en http://www.tabeirosmontes.com/colabora.html. |