Xoán Carlos Garrido
A besta triunfante que se achega
Mais para entender que levou a moitos á conclusión de que había que coller as armas debemos ter en conta o que o fascismo é. Parte da concepción dunha xerarquía natural ou divina dos seres humanos que lexitima a aqueles superiores a dominar aos demais, e xa que logo, considera que a violencia é o xeito normal de lograr a obediencia dos inferiores, de conquistalos, de sometelos, de reducilos ao servizo do proxecto elevado daqueles caudillos que ocupan esa Xefatura polas súas virtudes inherentes e non polo consentimento popular.
Polo tanto a ameaza fascista que se estendía por Europa e que viña de trunfar en Alemaña é considerada por algúns sectores, a alturas do ano 34, que non se podía parar só “polas boas”, pois adversario non representaba unha ideoloxía máis fronte á cal abondaba con amosar as bondades da propia, senón que estaban fronte da negación de todo ideario, topábanse diante dun programa verificado de exterminio. Polo cal o antifascismo, que é plural e na súa maior parte pacifista e contrario ao uso da forza, acaba nalgúns casos a partillar, xustificar accións e mesmo levar a cabo loitas de tipo violento fronte a ese movemento aniquilador que perciben como un perigo certo nestes momentos.
A isto hai que sumar a desafección da República, cada vez maior na clase obreira e nos sindicatos e partidos de esquerda, que xunto coas organizacións nacionalistas, se sentían frustrados e decepcionados por un réxime que non atendía as súas demandas mentres ollaban con fascinación cara outros procesos revolucionarios e de liberación nacional que tiveran unha compoñente bélica.
Neste contexto o indulto ao golpista Sanjurjo e a entrada da CEDA no goberno considerouse sinal de alarma suficiente como para levar a cabo medidas de forza que en distinto grao se van producir ao longo do Estado a comezos de outubro de 1934, e que na Galiza terán ao PSOE e a UGT como dirección política principal, e a folga xeral e a sabotaxe como xeito de expresión máis común, aínda que tamén se deron confrontes máis graves como aconteceu en Ferrol. Ao fin a represión militar e a inhibición doutros sindicatos importantes como a CNT, que estaban desgastados polas súas propias batallas; impediu que esta acadara maior intensidade. Algo que seguramente estaba na intención dalgúns dirixentes socialistas pero que non era o propósito da maioría dos partidos de esquerda, nin de moitos membros do propio PSOE.
Agora ben, estes sucesos do 34 van constituír unha das coartadas que usarán os golpistas para imputarlle a provocación da guerra as propias forzas republicanas, tamén, no caso de xullo do 36, van alegar a existencia dunha revolución comunista fronte a cal se reaccionaba, como se non existise unha trama fascista previa organizada para tomar o poder. O fascismo sempre, hoxe tamén, falarán de conspiracións ocultas porque así por definición nunca terá que demostralas (xudeus, masóns,...), e así poderá atacar as institucións legais alegando que tras delas se atopa un poder ilexítimo. En definitiva, téntase do vello recurso de alegar a lexítima defensa fronte a unha suposta agresión para botarlle a culpa as vítimas da súa propia represión.
A revolución do 34 na comarca de Tabeirós-Terra de Montes
Este é o caso de Carlos González Estévez, Sabino Bugallo Valiñas, José Torres Paz, Francisco Varela Garrido, de Cerdedo, acusados de instigadores dun movemento subversivo que “se tramaba en las parroquias rurales por paisanos en número considerable provistos de armas de caza y cortas” e ao alcalde Antonio Sueiro pos “sustentador de los que atravesaron en la carretera árboles y piedras”. Neste sentido tamén é detido o alcalde da Estrada, Jesús Ignacio Puente Fontáns, acusado de connivencia cos folguistas que cortarán as comunicacións con este Concello. Os membros dos piquetes son tamén arrestados e xulgados: Manuel Pereira Rial, Manuel Vázquez Otero, Higinio Carracedo Ruzo e por último, Manuel Coto Chan no que nos deteremos máis neste traballo, se ben, todos os nomes devanditos serán comúns aos acontecementos de xullo do 36, resultando a maioría deles asasinados polos franquistas que xa lle tiñan botado o ollo.
O concelleiro e Deputado Provincial do PSOE Manuel Coto Chan é condenado a 1 ano, 8 meses e 21 días de prisión, xunto con Higinio e Manuel Vázquez, acusados do corte da liña telegráfica e telefónica con Pontevedra en Matalobos, e con Lalín, en Callobre, a noite do 5 ao 6 de outubro do 1934, causando uns danos valorados en 25 pesetas. Coto por isto irá parar ao Penal de El Dueso, en Cantabria, e non será liberado até o 14 de febreiro do 36.
Mais, sobre esta folga xeral compre deterse un pouco naqueles que inicialmente teñen as acusacións máis graves (asalto ao cuartel da Garda Civil) como é o devandito caso dos veciños de Cerdedo. O certo é que os feitos acontecidos non pasaron de ser unha sabotaxe de obstrución da estrada de Pontevedra a Ourense, mais tratan de atribuírlle unha pretensión hiperviolenta. Para isto tentan basearse nas súas lecturas e na posesión dunhas armas das que tiñan licencia. No caso do Alcalde, Antonio Sueiro Cadavid, topan na súa casa dinamita, cartuchos, mechas e detonadores, mais demostra que ten autorización para usar nas obras que está a facer. O caso é que se amplían os rexistros a demais dirixentes socialistas de Terra de Montes como José Cortizo Fortes, que se califica de “comunista peligroso” ou ao socialista Alfredo Iglesias para dar conta fundamentalmente da literatura marxista ou anarquista que posuían, que son encadeados por esta circunstancia. De feito pregúntase expresamente polas ideas políticas como se iso fose probatorio da existencia dunha potencial acción delitiva. Algo que xudicialmente vai ser difícil de soster nestes momentos, pero o levantamento do 36 vai permitir vencer este obstáculo legal.
Así temos que tamén son detidos e xulgados na Estrada José Vidal Puga, José Mª Pena López, Antonio Castro Fontanes e Manuel Campos Vázquez mais nestes momentos a represión sobre eles vese freada polas mínimas garantías legais dun Estado que se dicía de Dereito, a pesares de estar no bienio negro en mans da reacción. A este grupo acúsanos de pretender colaborar cos de Cerdedo nos seus plans de tomar o Cuartel da Garda Civil. E para isto logran sacarlle baixo ameaza unha confesión a Vidal Puga e xa postos, engádenlle a pretensión tamén de tomar o cuartel da Estrada. O caso é que recollidas as declaracións por parte do Xuíz, Fermín Bouza Brey, conclúe este que non son culpábeis de nada e ponos en liberdade. A Garda Civil volve a detelos e ábrelle un segundo atestado. Neste caso xa os remite a xurisdición militar, e engádese á Causa que se estaba a librar contra os veciños de Cerdedo. A instrución feita por Bouza vai lastrar e contradicir o relato fantasioso construído polos Gardas até tal punto que finalmente o Xulgado Militar se ve na obriga de sobreser a causa. Agora ben, esta experiencia vai marcar tanto aos represores como aos represaliados na segunda volta deste confronto dous anos despois.
O pobo toma as armas
“En La Estrada la noticia corrió como reguero de pólvora, empezando a llegar elementos del Frente Popular: en avalancha, habiendo a las ocho de la noche como unos mil hombres armados de escopetas y pistolas, para defender el Municipio de un posible ataque faccioso. El Ayuntamiento quedó abierto en sesión permanente bajo la presencia del titular; se consultó a Pontevedra que medida se debían tomar. El Gobernador contestó que se mantuviese el orden a todo trance y que se detuviera a todos los elementos considerados peligrosos.
Me nombraron Delegado de Orden Público, cargo que desempeñé hasta el día 22 día que nos hemos disuelto pacíficamente, durante esos cuatro días no se ha molestado a ningún vecino de La Estrada, reinó el orden más absoluto y el mayor respeto para todos los ciudadanos sin distinción de matices políticos. Cosa que los fascistas no han hecho con nosotros”.
Organízase a requisa de armas, a busca e captura dos elementos facciosos e finalmente o desprazamento a Pontevedra o 20 de xullo no que se produce o enfrontamento coas tropas, e con isto, a constatación da desigualdade manifesta entre un exército regular con armamento pesado e a aviación ao seu favor, e a xente do pobo, con escopetas de caza no mellor dos casos.
O 21 a Garda Civil destitúe á corporación e toma o poder na Estrada. O primeiro alcalde franquista, Pedro Gil Crespo, testemuñará que o concelleiro comunista José Rodríguez Sangiao ese mesmo día se presentou no Cuartel para falar co Alférez Xefe, quen finalmente lle encargan a Gil que o acompañe para recoller armas e dinamita, cousa que fixo, quedando citado para o día seguinte ás 5 da tarde para entregar máis. Ás 8 rematou a recollida entregando estas directamente no Cuartel.
Parece que a idea deste concelleiro do PCE era evitar que se vertera máis sangue e se minimizara os castigos aos que se rebelaran contra o exercito. Logo deste acto de boa fe os recentemente cesados cargos municipais acordan ir comer fronte ao Cuartel, e alí mesmo son apresados e conducidos aos penais de Pontevedra e finalmente a San Simón, até que son fusilados moitos deles o 5 de xuño de 1937. Entre eles o propio José Rodríguez, o alcalde, e outros concelleiros e dirixentes do Frente Popular.
O monte organízase
Mais o 28 de novembro do 38, debido a unha delación, vinte e seis falanxistas e catro Garda Civís subiron a dar caza aos dirixentes deste Comité, tamén chamado “dos condenados a morte”. Achéganse á aldea de Castro Ramiro, na Parroquia da Somoza para rexistrar a casa de Higinio Carracedo Ruzo, como fixeran outras veces, pero desta volta tiñan a certeza de que se atopaba alí. Finalmente encontran nunha corte contigua, baixo unha pia, a Manuel Coto Chan e José Silva Rey, un rapaz que desertara para ingresar nas filas do comité. Estes son torturados até que confesan que na casa efectivamente está Carracedo. Volven rexistrar e desde o interior dun forno no que este se atopaba encana a un falanxista e arroxa unha granada caseira construída por el contra un dos fascistas que estaba axexando a piques de descubrilo. Desátase un tiroteo e rodease a casa coa intención de plantarlle lume. Na casa estaba Carracedo coas súa muller, irmás e fillos. Diante desta situación decide saír enfrontarse directamente cos facciosos. El contra os 30 non é quen de salvar a vida. Aqueles activistas do 34 serán exhibidos como trofeos e Coto entra na vila sangrando e atado ao cabalo do xefe falanxista. Finalmente será condenado a morte, se ben a pena é conmutada pola de traballos forzosos en Brunete. Onde consumirá a súa saúde até que en 1944 é indultado, quedando en liberdade condicional, e ao cabo de dous anos falece na Estrada.