Logo da paréntese da pandemia que impediu gozar desta arte tan expresiva e liberadora en toda a súa dimensión, volta a Mostra de Teatro Escolar "Olimpio Arca Caldas", que cumpre xa a súa quinta edición, e que facilita ao público en xeral o acceso a obras de calidade, ao mesmo tempo que pon en valor o traballo que se está a facer nos diferentes centros nesta dimensión tan relevante da formación do alumnado.
As representacións realizaranse no Teatro Principal os días 29 e 30 de novembro, a partir das 6:30 da tarde, cunha duración aproximada de unha hora. A entrada é libre e gratuíta. O programa é o seguinte:
O martes 29
“A matanza clandestina” de Fernando Graña, polo CEIP Cabada Vázquez. “A Berenguela”, adaptación de Manuel María, a cargo do CEIP Oca. O CEIP Villar Paramá levará a escena a adaptación da obra de Manuel Núñez Singala “O achado do castro medieval”. O CEIP Figueiroa representará unha adaptación da obra de Carlos Casares “A galiña azul” .
O mércores 30
O CEIP do Foxo comezará cunha performance co título “A mar, amar”. O IES Nº 1. presenta “Sentenza?”, inspirada en obras de Olimpio Arca Caldas. O CEIP Pérez Viondi representa a obra de Rosalía Morlán “O libro do mundo dos soños”. E, finalmente, a aula de teatro do IES Antón Losada Diéguez "Queridiña dos meus ollos" de Rosalía de Castro, adaptada por Fran Campos
Convidamos a toda a cidadanía a asistir a esta festa do ensino e do teatro.