Asociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido
A Asociación ‘Verbo Xido’ nace no mes de maio de 2001 coa finalidade de promover actividades de tipo cultural, etnográfico e medioambiental nos concellos de Cerdedo, Forcarei, Beariz e resto dos territorios que compoñen históricamente a bisbarra de Terra de Montes.Entre os seus obxectivos é de salientar a promoción, potenciación e desenvolvemento do Centro Etnográfico de Terra de Montes (CETMO), domicilio social da Asociación.
O Centro Etnográfico de Terra de Montes (CETMO) ten como obxectivo o estudio, conservación e divulgación da cultura material da comarca. A colección está composta de máis de 1200 pezas das que 740 están expostas. O CETMO, de propiedade privada, está xestionado por un Consello de Dirección autónomo pero vinculado á Asociación “Verbo Xido”. Para poñerte en contacto coa Asociación: http://verboxido.wordpress.com/ mailto:[email protected] Actualmente o CETMO e Verbo Xido están disoltos. |
Asociación Cultural "Vagalumes"
Na "fala que é murmurio nas augas dos regueiros". Desde o universo poético de Cabada Vázquez, presididos pola advocación laica da virxe da Grela, defensora das xentes do mar a pesares de estar no interior da nosa Terra, esta asociación pretende que as nosas letras flúan como regueiros polas beiras abaixo da Serra de Liripio até fundirse no océano mundial das palabras, dando a coñecer a obra dos nosos escritores e escritoras da bisbarra coa convicción de que só é posible ese obxectivo se apreciamos a Terra e as xentes que os inspiraron e somos quen de vivir as emocións que os moveron a empuñar a pluma. As causas nobres das clases populares humilladas e da patria aldraxada levounos e lévaos a empregar o noso idioma. Un idioma perseguido polos poderosos de onte e hoxe. Unha lingua que convoca a autenticidade e escorrenta o desleixamento.
[email protected] http://www.tabeirosmontes.com/a-c-vagalumes.html |
Desde as asociacións culturais Vagalumes da Estrada e Verbo Xido de Terra de Montes queremos facer público o proxecto de elaboración dun portal cultural que sirva para inventariar os recursos que desde o punto de vista do noso patrimonio material e inmaterial teñen interese na nosa comarca. Dar a coñecer o activismo e creación cultural, aos artistas e creadores, e ao mesmo tempo ofrecer un repositorio no que albergar as publicacións, vídeos, imaxes, etc... que poñemos a disposición gratuíta de todos e todas. A filosofía do proxecto descansa en tres pés. É aberto, colaborativo e non lucrativo. Isto é, calquera pode contribuír coas súas achegas a construción deste portal web en cada un dos seus ámbitos de recollida e difusión. É colaborativo porque non contamos con ningún tipo de axuda institucional e, xa que logo, descansamos no traballo gratuíto e nas achegas de todos e todas, quen desinteresadamente coincida co noso ideario de socializar e poñer en valor a nosa cultura e o noso entorno natural. Non se poñerá publicidade nin se buscará subvencións ou axudas que poñan en perigo a independencia do proxecto, non obtendo ningún beneficio económico ningún dos que interveñen na posta en marcha desta iniciativa.
[email protected] |
|