Fervenza do Segón
En Quintillán (Forcarei) o río Segón, afluente do Umia, cae nun desnivel duns tres metros de altura, formando unha fervenza que compón un fermoso conxunto co muíño que aproveitaba a forza da caída da auga para conducila ata o rodicio. A súa cuberta de uralita e mais o cemento empregado nalgunha das súas partes son indicios de que o seu funcionamento chegou probablemente ata ben entrada a segunda metade do século pasado. Rodeando o muíño pola parte posterior, podemos ver os rápidos e outros pequenos saltos que forma o río máis arriba.