A casa do pobo de Deán (Cerdedo)
DIONISIO PEREIRA
Xa dixemos noutra ocasión que a “Sociedad de
Agricultores” de Cerdedo veu a luz o 2 de Febreiro de 1902,
presidindo daquela o colectivo Jesús Garrido, un canteiro e labrego
socialista de Os Castros (Quireza). Logo do éxito da Sociedade nas
eleccións municipais de 1905, un concelleiro agrario ocupou o cargo
de Tenente de Alcalde e alguén tivo a idea de construír un local
propio. Postos á obra, Garrido como presidente e Avelino Fraga,
tamén veciño de Quireza, como secretario, encabezaron unha colecta
popular para recabar fondos, na que non faltaron axudas procedentes
dos emigrados en América. Daquela, un contratista membro da
Sociedade colleu a obra en pública subhasta e un tipo moi baixo,
facendo as melloras pola súa conta; deste xeito e para conmemorar o
5º aniversario do agrarismo cerdedense, o 2 de Febreiro de 1907
abría as portas a Casa do Pobo de Deán, diante de 1500 persoas
chegadas de todo o Concello entre a ledicia das gaitas e o balbordo
dos foguetes. Posuía a Casa botica e médico para casos de
necesidade, así como unha cooperativa de seguros; tiña tamén unha
placa de marbre onde figuraba a data de inauguración e a súa
pertenza á “Sociedad de Agricultores del Ayuntamiento de Cerdedo”.
Os veciños residentes en Brasil tamén colaboraron desta volta e
xuntaron 363.400 reis para adquirir “un estandarte obrero y una
bandera agrícola”, tal e como escribían dende o país carioca os
cerdedenses José Bouzas Cortizo e Manuel Gamallo Sieiro.
Cando estoupa a Guerra Civil en 1936, a Casa do Pobo de Deán era domicilio social da “Federación de Agricultores y Obreros del Ayuntamiento de Cerdedo”, integrada na CNT dende o 1 de Xaneiro de 1933, mália as simpatías que o socialismo tiña en moitas das sociedades agrarias e de oficios varios adheridas: “La Guía” de Pedre, “La Alianza” de Quireza, “La Luz” de Bugarín”, “El Trabajo” de Figueroa, “La Soledad” de Folgoso....Coa barbarie desatada, aquel local onde resoaron vibrantes discursos nos Primeiros de Maio e onde, segundo contan algúns, falou o apóstolo do socialismo Pablo Iglesias, foi expoliado e incendiado polos falanxistas. Incautado polo réxime franquista, (aconteceu outro tanto coas Casas do Pobo de Pedre, Bugarín ou Vilalén), no ano 1968 o edificio era unha ruína valorada en 58.000 pts. e a placa de marbre andaba perdida polo faiado do Concello. Logo, o edificio foi restaurado hai un par de anos e, seica, entregado aos veciños do lugar.
Hoxe, os tempos mudaron e vai sendo hora que o Concello repoña a placa ou encargue unha nova, porque o edificio forma parte do patrimonio histórico de todos os cerdedenses. Os veciños de Deán e o Concello teñen a palabra: ¿hai alguén que se opoña?.
Publicado no voceiro “Verbo Xido”, nº5, Agosto 2003