A Casa Grande de San Paio de Figueiroa
José Manuel Bértolo Ballesteros e Luís Ferro Pego
Na parroquia de San Paio de A Estrada, lugar de Figueroa, sobre o ano 1700 había varias casas coa súa eira, con muro e portal grande de cantería que daba ao camiño real, e sobre o portal un escudo de armas dos Figueroa Bermúdez de Castro Arias Aldao. Estas armas correspondían ao matrimonio Xoán González de Figueroa, fillo de Pedro Figueroa e María González, e Inés Álvarez Bermúdez, filla de Lois Bermúdez de Castro (1477-1555) e de María Siso Ibias, donos da fortaleza de Gondar (Xeve, Pontevedra).
Como proba da súa fidalguía dise que Xoán ía cazar xabarís e cervos e ás veces “o acompañaba Inés a súa muller que ía a cabalo cunha lanza e posta unha monteira na cabeza”.
Xoán González no seu testamento do ano 1589 mandou refacer a ermida do Santus Spiritus e facer a seu carón unha casa para acoller os peregrinos que ían a Compostela.
Un neto deles, Pedro, naceu en Lagartóns, de onde era a súa nai Maior Rodríguez de Castro e Soutomaior, por ser un sitio máis fresco e onde estaban escapando da peste. Casou con Helena de Mera e Puga, filla de Pedro, avogado do Fisco da Santa Inquisición, e de Constanza Pereira, descendente da casa de Maceda (Ourense). Pedro foi cabaleiro de Santiago, e por iso o escudo de armas da actual casa de Figueroa esta acolado coa cruz de Santiago e leva as esporas dos PUGA, ademais das armas dos BERMUDEZ DE CASTRO, dos FIGUEROA, dos CASTRO, dos SOUTOMAIOR e dos ALDAO MALDONADO.
A Pedro sucedeulle o seu fillo Xoán Bérmudez de Castro e Mera (Santiago 1647-1714) que casou con Tomasa de Armesto e Sangro, da familia fidalga dos Armesto (Veiga de Forcas. Lugo) e dos Sangro. O seu avó materno foi Carlos de Sangro, príncipe de San Sebier en Italia, descendente dunha irmá de Santo Tomás de Aquino, e que se veu a Galicia da man do conde de Lemos, escapando das represalias dunha familia de Salermo, por ter matado por celos a un mozo desa familia. A sepultura de Carlos de Sangro e da súa muller pódese ver na capela de San Xoán dentro da catedral de Lugo.
Tomasa foi enterrada na igrexa de San Paio de Figueroa en 1719 e sería a última persoa da familia principal -tiñan outros familiares en A Estrada, entre eles Xoán Ambrosio de la Peña Sanxurxo que foi escribánque viviu e morreu en A Estrada, pois os seus descendentes pasaron a vivir a Ares, A Coruña, Santiago, Carral e Madrid, aínda que seguían sendo donos dos bens de Figueroa e sobre todo cobrando as súas rendas, vindo só ocasionalmente a Figueroa.
Así, o seu fillo Xosé casou en Caamouco (Ares) en 1714 con Dorotea Teixeiro e Pardo de Andrade. En 1718 quedouse con todos os bens de San Paio de Figueroa ao facer un troco co seu parente Xoán Ambrosio de la Peña por unha casa en A Estrada e anexos. Xosé, como era o vinculeiro, pasou a vida entre preitos para defender as súas moitas rendas que tiña non só na zona de A Estrada, senón tamén en Baiona, Ares, Pontedeume, Pontevedra, Santiago, etc.
Pero a quen hai que destacar dentro desta familia é a Francisco de Sangro, neto de Xosé e Dorotea. A súa vida aparece resumida no libro de defuncións de Sumio. “O 25 de marzo de 1818 deuse sepultura en camposanto da cidade de A Coruña ao capitán de navío da Real Armada a Francisco Bermúdez de Castro e Sangro, embaixador que foi no Reino de Galicia á Corte de Londres no ano 1809, elixido para ese ministerio polos mesmos galegos que pelexaban con esforzo contra a Nación Francesa que naquel ano ocupan Galicia, da que foron expelidos polo moito auxilio que así de armas como de víveres, puido conseguir daquela Nación Británica; foi posteriormente elixido por Deputado a Cortes na cidade de Cádiz, cuxo encargo desempeñou coa maior brillantez, sen ser asalariado para o desempeño deste ministerio; foi marido da señora dona María Xacoba de Páramo Santiso e Sangro, dos que quedaron catro fillos chamados don Francisco, don Xosé María, dona Ma Xacoba e dona Manuela; na actualidade eran señores e posesores das casas de Vilasuso, Piñeiro, Vilabade, Goián, Figueroa, Val Miñor, Pontevedra, Lugo, Sarria e Noceda, e dos cotos de de Buxán, Cesar e Pape...” Todos os bens de Figueroa quedáronlle a una neta deste Francisco Sangro chamada Uxía Bermúdez Rueda, pero por morte dela e da súa filla, quedaron en poder do seu home en 1865 quen os vendeu en 1892 ao xuíz de A Estrada Lois Pastor Sieiro Gayoso e á súa dona Herminia de la Riva Junquera.
Xa de viúva dona Herminia vendeu estas propiedades en 1922 a don Vicente Méijome Moreira ao parecer por 35.000 pts. Actualmente os bens de San Paio de Figueroa pertencen ao seu neto Xosé Antonio López Méijome, casado con María Luz Louzao Arca e con descendencia.
* Capicúa. 15-8-2012