A tarefa galeguizadora de Cabada Vázquez no xornal estradense “El Emigrado”. No centenario do seu aparecemento en 1920
Manuel Cabada Castro
Hai poucos días, o 15 de setembro, e grazas ó impulso da Asociación Cultural “Vagalumes”, celebrouse con diversos actos e discursos conmemorativos lembranza pública na Estrada do xurdimento do xornal estradense “El Emigrado” coincidindo tal data xustamente coa publicación hai agora cen anos do seu primeiro número nese mesmo día e mes do ano 1920. Na placa conmemorativa, colocada na casa onde se imprimiu o xornal e viviu o seu director, figura o seguinte texto:
EL EMIGRADO
No seu centenario.
Aquí imprimiuse este xornal do que
XOSÉ OTERO ABELLEIRA
foi director e principal piar.
A. C. Vagalumes
15 de setembro de 2020
Boa ocasión, xa que logo, para lembrar e para aprender daqueles que nos precederon na súa esforzada laboura a prol de Galicia. E para comezar, cumpriría ter en conta o que Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago chega a dicir sobre “El Emigrado”, do que Manuel García Barros (Ken Keirades) foi en certo modo alma e vida, ó indicar que o xornal estradense “gracias ao apoio das sociedades emigrantes, á súa incardinación no movemento agrarista e á súa aceptación, incluso militancia, a favor do nacionalismo galego, constitúe un órgano de comunicación que rebasa os límites da prensa local”, tendo así dereito a "formar parte do grupo máis selecto de xornais de toda a prensa local galega”(Cf. R. Villares, Figuras da nación, Vigo, Xerais, 1997, p. 280-281).
Tendo en conta isto, o centenario da posta en marcha (1920) do “El Emigrado” estradense resulta ser sen dúbida momento axeitado pra lembrarmos unha fecunda amizade entre dous relevantes persoeiros estradenses que neste xornal despregaron unha boa parte dos seus esforzos. A diferenza na idade –Manuel García Barros (1876-1972) superaba Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936) en algo máis de vintecinco anos- non foi atranco á mutua complicidade, bo entendemento e fonda amizade persoais.
Porei sumariamente de relevo en primeiro lugar este último aspecto pra aludir despois moi sucintamente á concreta plasmación por parte de Cabada Vázquez do seu bo persoal quefacer cultural e literario nas páxinas do xornal. Pois tal tarefa non ocorreu a unha certa aséptica e cortés distancia senón dende unha, mutua e rechamante, proximidade humana e ideolóxica. Vexamos.
Ó longo da súa relación con Cabada Vázquez, García Barros non deixou de tratalo sempre con respecto, consideración, alta estima e, máis ca nada, con humilde agarimo e sincera amizade. Así, cando el, en outono de 1926, presenta Cabada Vázquez no Salón Novedades da Estrada pra un recital benéfico (de poemas seus e tamén doutros poetas) a prol dos damnificados polo ciclón en Cuba, farao (tal e como el o recorda nun seu escrito do ano 1962, bastantes anos xa que logo despois) deste modo:
“Teño o grande honor de apresentarvos ó poeta Xosé Manoel Cabada Vázquez, que todos xa conoscedes máis ou menos. Un gran poeta cuias composicións son moi celebradas, non soio por eiquí senón tamén polas Américas, pois hastra alá chegan. Pero, Cabada Vázquez, ten ademais a virtude da modestia, pois, nistes casos de apresentacións, os que van a sere apresentados, todos precuran o selo por alguén, e iste que aquí vedes avéuse a selo por ninguén” (Cf. García Barros, “A miña lembranza ó poeta Xosé Manuel Cabada Vázquez”. En: Freixeiro Mato, X. R., “Cos pés na terra. Personalidade e obra inédita ou esquecida de Manuel García Barros”, A Estrada, Asociación Cultural "A Estrada" - Ed. Fouce, 1999, p. 106).
Neste memorábel escrito (redactado por el coincidindo cronoloxicamente co traslado dos restos de Cabada Vázquez desde Linares a Codeseda en outono de 1962, aínda que publicado por primeira vez en 1999) indica García Barros que non había aínda moito que se atopara co seu amigo na vila da Estrada. Teño a sospeita de que este mutuo e amigábel encontro puido ocorrer no verán ou no Nadal de 1935, é dicir, no ano anterior ó seu pasamento. Daquela exercía Cabada Vázquez como profesor e director nun colexio público en Linares (Xaén). Pois ben, o escrito remata deste sentido e emocionante modo:
“Non sei ben agora o tempo que pasóu, pero, coido que non foi moito. Ó ir eu á Vila, a onde iba eu decote era ó 'Centro de Emigrados', no que estaba a Redaución do 'Emigrado'. Non facía moito tempo que mesmo ó entrar albiscara xa de lonxe o 'Pueblo Gallego', estendido ou pousado sobre a mesola central, como era adoito, co retrato de Loriga en pirmeira prana. E mesmo ó velo eiscraméi estremecido:
-¡Alá se vai Loriga!...
E, nefeito: Loriga estrelárase en Madrí cunha avioneta.
Do mesmo xeito, cando máis adiante ó entrar albisquéi, tamén en pirmeira prana, o retrato de Cabada sentín coma un martillazo no corazón.
-¡Alá se vai Cabada!, escraméi. E fórase Cabada.
A sala estaba a aquila hora solitaria. E anque non estivera sería o mesmo. Debruceime sobre a mesa, e sin poderlle quitar os ollos denriba chorei por íl."
(García Barros, “A miña...”, p. 107).
En realidade, o sentimento que respecto de Cabada Vázquez aquí expresa o seu amigo vén estar na mesma liña do que el, ben de anos xa antes, expresara nas súas “Rexoubas” (en “El Emigrado”, nº 558, 14 de abril de 1936, p. 2), só poucos días despois do pasamento de Cabada Vázquez:
"Certas noticias deixan a un tan abatido que máis que realidade fegúranselle a un soños ausurdos e atormentadores de mala noite. Non se ve a posibilidade de darlles creto.
O ler a noticia da morte do amigo fraterno José M. Cabada Vázquez foi coma se me botaran o mundo enteiro encima da alma [...]. A súa desaparición dóinos na alma [...]. Un dos bos e xenerosos que se vai. ¡Adeus, Cabadiña!".
Mais volvamos ó comezo mesmo do iluminador escrito de García Barros “A miña lembranza...” en relación coa súa proximidade a Cabada Vázquez, porque proxecta luz ó mesmo tempo sobre o silenciamento público fáctico, nos actos celebrados en Codeseda por mor do traslado dos restos de Cabada Vázquez desde Linares á súa parroquia natal de Codeseda o 13 de outubro de 1962, da estreita relación real (ideolóxica e política) que de feito existira entre Cabada Vázquez e García Barros. Vexamos, pois.
Ó final do sinalado escrito “A miña lembranza...” constan o lugar, a data e as iniciais de Manuel García Barros deste xeito: “Pousada, outono de 1962. M. G. B.”. Esta data está en clara relación coa data da mencionada celebración en Codeseda. É verdade que daquela García Barros tiña xa 85 anos (aínda que morrería con 95); mais, aínda así, non deixa de resultar non pouco estraño que unha persoa tan sinalada na súa relación con Cabada Vázquez como el non fose informada (ou incluso directamente convidada a participar nel) sobre tal evento polos organizadores, etc., tal como con suficiente claridade se deixa entender ademais no mesmo comezo do escrito do propio García Barros. Só resulta comprensíbel, naturalmente, desde as presións ideolóxicas e políticas ás que o réxime franquista o someteu o longo da súa vida. En definitiva, todo semella indicar que daquela (en plena época franquista aínda) non era posíbel unha intervención pública de García Barros en tales actos facendo el referencia á súa amizade con Cabada Vázquez. Optaría xa que logo por deixar escrita a súa opinión sobre el pra vindeiras xeracións, como a nosa... Velaquí os primeiros parágrafos do sinalado texto:
"Niste outono do ano que corre trouxéronse as cinzas de poeta Xosé Manoel Cabada Vázquez, de Jaén, onde era cadeirádego, á sua parroquia de Codeseda, niste municipio da Estrada. Sóupeno xa tardeiro, e coma por milagre, por unha folla de preódico que púiden ver por casoalidade.
De Cabada Vázquez teño tamén eu algo que contar. Viña moito pola Estrada, sendo inda ben mozo, por onde andaba eu tamén daquela case a decotío.
Nos intres que eu tiña mais ou menos desocupados, quen se poñía decote á miña beira era Cabada. Eu era Xefe de Redaición do Semanario 'El Emigrado', apadroado polos emigrados de Cuba e Boenos Aires, que adequirira unha circulación considerábele, e un prestixio de bastante consideración, tanto na Terra, coma nas Américas, e as súas páxinas estaban abertas pra toda manifestación cultural, e con agarimo pras poesías de Cabada, que se lle pubricaban ornadas con vistosos corondeles e decote en primeira páxina" (García Barros, “A miña...”, p. 105-106).
Foi sobre todo desde mediados dos anos vinte ata comezos dos trinta do século pasado cando máis se intensificou a colaboración de Cabada Vázquez con García Barros tanto no “Emigrado” coma na realización doutras diversas actuacións culturais ou benéficas das que posteriormente se daba conta no mesmo xornal. Así o fará, por exemplo, Cabada Vázquez nos seus artigos “La velada dada en Lalín” (“El Emigrado”, 7 de xaneiro de 1927) ou “Chamamento” (“El Emigrado”, 18 de maio de 1927). Neste último indicará o poeta e político de Codeseda:
“Traballar, si; mais traballemos pra nós, traballemos pola nosa cultura, a que debemos espallar por toda Galicia. Fagamos laboura enxebre”.
Pouco despois, en maio de 1927, García Barros e Cabada Vázquez, xunto con outros amigos, realizarán aínda unha xira artística e cultural por terras de Curantes sobre a que publicarán varias crónicas en diversos xornais e revistas. É neste contexto cando García Barros lle pide a Cabada Vázquez que o substitúa a el e redacte este tipo de crónicas (porque “él –tal como indica o propio García Barros- sabría descubrir nuevas facetas que producirían reflejos nuevos [...]” (Cf. García Barros, “Del Certamen Escolar del Sindicato "Pardemarín"”: "El Emigrado", nº 235, 16 de xullo de 1927).
Así, a crónica “La Fiesta Escolar de Tabeirós” ("El Emigrado", 31 de xullo de 1927) redáctaa xa Cabada Vázquez. En realidade, xa antes (a comezos de xaneiro deste mesmo ano) escribía el para "El Emigrado" outra crónica, titulada “La velada dada en Lalín” ("El Emigrado", nº 216, 7 de xaneiro de 1927), sobre a actuación nesta vila de artistas estradenses nunha velada a prol dos damnificados polo ciclón de outono de 1926 na illa de Cuba.
Por todo isto non é nada estraño que sexa xustamente neste ano (1927) cando Cabada Vázquez lle dedique a García Barros un dos seus máis emotivos poemas, “¡Salve, Irmán Piñeiro!” na versión aparecida no nº 51 (10 de febreiro de 1927) da revista “Céltiga” de Bos Aires con estas palabras: “Ao meu amigo o autor de ‘Contiños da Terra’, M. García Barros, con sinceira ademiración”.
O poeta e político estradense participa así mesmo, en anos posteriores, en importantes debates culturais, que el mesmo en boa parte suscita, como por exemplo o relacionado coa relevante función social e educativa dos mestres, que se desenvolveu no “Emigrado” entre finais de 1929 e abril de 1930. As tres “Moxenas” de Cabada Vázquez (que nelas utiliza o pseudónimo “Lamenú”) publicadas neste xornal (“El Emigrado”: 31 de decembro de 1929, 16 de xaneiro de 1930 e 7 de febreiro de 1930) están directamente relacionadas con esta cuestión. Nelas insistirá Cabada Vázquez na responsabilidade educativa dos propios mestres tanto no ensino público coma no privado.
Por certo, García Barros (Ken Keirades) participa neste debate sobre todo como moderador entre as diversas posturas enfrontadas e, así, trala primeira das Moxenas do seu amigo, comentaraa despois nas súas “Rexoubas” deste xeito: “Teño que agradecerlle ó amigo (hirmán) Lamenú o vir a custión na lengua matria, o que non me sucede con todos” (“El Emigrado”, 31 de decembro de 1929). A isto non deixará de indicar logo pola súa parte Cabada Vázquez (Lamenú): “Nada me ten que agradecer por empregar a léngoa galega. Non é cousa nova en min, xa que nela pubriquei o pouco que teño pubricado, e nela falo a cotío, sentíndome orgulloso de facelo. ¡Galego, e sempre galego!...” (“El Emigrado”, 16 de xaneiro de 1930).
Mais García Barros (Ken Keirades) non deixará por iso de insistir aínda nas súas “Rexoubas” deste mesmo número do 16 de xaneiro de 1930 en tal cuestión: “Teño que agradecerlle ó hirmán Cabada o ousequio dun artísteco programa feito na fala enxebre pra as festas do Sanamaro de Codeseda, que, como cousa súa é cousa acabada. Ós verdadeiros patriotas sóbranlles as ocasións de facer patria” (Ken Keirades, Rexoubas: "El Emigrado", nº 325, 16 de xaneiro de 1930).
Pra unha sumaria información do lector e en orde cronolóxica (desde o primeiro en 1923 ata o derradeiro en 1930), sinalo seguidamente os títulos dos escritos de Xosé Manuel Cabada Vázquez , tanto en verso como en prosa, aparecidos no “El Emigrado” xunto coas correspondentes datas de cadansúa publicación.

Xosé Manuel Cabada Vázquez e Rosalía de Castro. Un encontro poético
Manuel Cabada Castro
Cando empecei a me interesar pola figura do meu tío Xosé Manuel Cabada Vázquez (o noso familiar “tío Pepe”) hai xa ben de anos, tras volver do estranxeiro no ano 1969, logo de previos estudos en Austria e Alemaña, todo era un tanto escuro, descoñecido e incluso distante para min en relación co meu tío.
E, ollando aínda moito máis cara atrás, cando el, vítima dunha inoportuna e rápida enfermidade, morría con só 34 anos en Linares (Xaén) naquel 2 de abril do fatídico ano 1936, lonxe desta súa terra natal de Codeseda (máis concretamente do lugar de Barro, ben próximo a onde nós estamos aquí agora, á beira da súa tumba), só tiña eu un par de meses de vida. De modo que non me era posíbel gardar lembranza persoal algunha del, aínda que posibelmente me vería el ou bicaría nalgún momento neste breve e común tempo de mutua simultaneidade temporal.
Respecto da súa obra literaria, nin entendía daquela eu ben o galego literario e culto da súa obra, poética sobre todo, fundamentalmente o do seu libro Vagalumes, publicado só cinco anos antes do seu pasamento, nin tampouco tiña eu claves suficientes para xulgar o seu persoal empeño literario. Da súa actividade política galeguista non sabía eu tampouco nada. Seu irmán, e pai meu, só me dicía que estivera metido en política. Eran tempos de silencios compartidos con aparente normalidade.
En canto ó talante do seu modo de facer poesía, só quero aludir a un par de ideas, que non deixan de ser en calquera caso simples opinións miñas, pois non son eu ningún especialista en temáticas literarias. Unha vez dito isto, ocórreseme comentar o seguinte.
Desde diversas partes se relacionou a súa poesía coa de Pondal, Lamas Carvajal ou Curros e tamén coa poesía de escritores do país veciño, como a de Guerra Junqueiro ou Teixeira de Pascoaes. Outros autores decatáronse da súa afinidade con Rosalía ou Cabanillas. Así Aquilino Iglesia Alvariño, Ramón Otero Pedrayo, Álvaro de las Casas, etc. loaron no seu tempo a poesía de Cabada Vázquez, poñendo de relevo a súa capacidade para expresar e afondar poeticamente na intimidade persoal, á maneira de Rosalía, e para evocar ó tempo a realidade exterior, ó xeito de Cabanillas. Realidade ou natureza e espírito ou subxectividade formarían así unha unidade na súa expresión poética, que está lonxe de toda artificialidade extemporánea.
Por esta razón o poeta desta terra estradense non rexeita nin se arreda na súa poesía da vida real e ordinaria. E xustamente porque el expresa e canta na súa poesía a vida e esta é, na súa complexidade, variada, afectada unhas veces pola ledicia e outras pola traxedia ou polo inesperado, pódese dicir que a súa poesía é un verdadeiro repertorio da variedade das experiencias vitais que afectaron a Cabada Vázquez e con el a un determinado modo de ser, o rural galego: vida e morte, tristura e ledicia, traballo e festa, amor e relixiosidade, etc.
Coido porén que, máis alá de todo isto, a súa poesía, como quizais toda poesía auténtica, é expresión dunha experiencia humana que se podería denominar transcendental, e neste senso posiblemente universal: a experiencia humana do tempo, do tempo que foi (pero que segue presente no espírito), do tempo que é, e do tempo que será (que pode ser ou que debería ser).
Á vivencia do tempo pasado (en forma de lembranza apaixonada da terra ou do amor distantes, da infancia pasada, da morte dos máis queridos, etc.) pertence unha boa parte dos seus poemas. É neste contexto onde a "Dor" se constitúe na orixe mesma —segundo el mesmo se expresa no poema Na gaiola do meu peito— da súa inspiración poética:
Na gaiola do meu peito
ten seu niño un reiseñor,
que, a sofrir penas afeito,
canta as feridas da Dor.
Foi alegre en tempos idos,
mais nunca soupo cantar
hastra que os dores buídos
o chegaron a magoar.
O reiseñor é meu estro,
na cencia da Dor maestro,
que meus versos inspirou;
que a doce malenconía,
desque fuxeu a alegría,
no meu peitiño aniñou.
Poemas que expresan esta vivencia do tempo pasado ou da dor serían: Ofrenda de amor, Meu dor, O espello, Sospiros de emigrado, As miñas canas, Bágoas, Nai, ¡¡Irmanciña!!, Morriña, Mágoas, ¿Non te lembras?, Soños, Brétema, Lembranza lírica, Miña lúa aluarada, A un mal, outro pior, A fonte das meigas, Sobre a fenestra, etc.
Outros poemas semellan estar máis na liña da vivencia do tempo presente, porque se nos anteriores sobresaían a saudade ou a dor espiritual, nestes outros faise dono do poeta a ledicia, a fermosura do vivir e do amor, a bela paisaxe, a festa, etc. Así ocorre en Festa en San-Iago, Na fala meiga, A Galicia, O merlo, Acoarela, Maruxa, Tríptico, Lírica, Paisaxe do lusco e fusco, Ruada, ¡Inda o diaño!, Nadal, Anceios, Era unha rosa, Nosa Señora da Grela, Eu teño un paxariño, Hoxe houbo festa no ceo, Son o mesmo, ¡Galego!, etc.
Un terceiro grupo de poemas vén ser expresión dunha vivencia dinámica do tempo futuro, na liña dunha reivindicación política e social, referida a Galicia como ámbito concreto dunha cultura específica e, no seo da mesma, a un grupo social de forte presenza no país galego, alomenos naqueles anos, os labregos. Son poemas que expresan esperanzas e esixencias dun tempo mellor, como Na fala galega, Na tumba de Murguía, A loitar, Sursum...Corda!, No Día de Galicia, Berros de loita, Primaveira, Vítimas, Alborada, etc.
Esta clasificación dos poemas non deixa, porén, de resultar de tódolos xeitos algo artificial, porque poucos deles estarían ceibes de elementos que os poden relacionar tamén cos dos outros grupos. A mestura de elementos destas tres vivencias do tempo pode percibirse especialmente nun dos poemas máis emotivos e coñecidos de Cabada Vázquez: ¡Salve, irmán piñeiro!. E poida que esa mestura das tres vivencias temporais xunto co fondo e íntimo diálogo entre o poeta, que vive no tempo (que foi, que é e que será), e o "piñeiro" (que simbolicamente está alén do tempo) sexa un dos motivos da emoción literaria que o poema fai xurdir no lector.
Polo demais, hai xeral acordo na constatación de que o noso poeta de Codeseda posúe un excelente dominio da lingua galega, tanto culta como coloquial.
Se Vagalumes (1931) foi xa unha escolma de poemas realizada polo propio autor (a meirande parte deles publicados xa con anterioridade noutros medios: xornais ou revistas por exemplo), editáronse así mesmo, en datas diversas, outras escolmas. A primeira que recolleu poemas de Vagalumes foi a Antología de poetas gallegos de Álvaro de las Casas, publicada en Bos Aires en 1939. Nela figuran só dous poemas: O merlo e A tarde vaise. Case vinte anos despois aparece o volume III da Escolma de poesía galega de Francisco Fernández del Riego, onde se recollen os poemas A tarde vaise, Acoarela, Mágoas, Soños e Eu teño un paxariño. Posteriormente, na súa Antoloxía de poesía galega recollerá o mesmo Fernández del Riego só os tres primeiros poemas anteriormente seleccionados na súa Escolma. Tal como é doado advertir, o único poema recollido nas tres escolmas é A tarde vaise.
Respecto do lugar que ocupa Cabada Vázquez nas correntes poéticas da época, só quero aludir á cuestión (ben perfilada xa e esquematicamente abordada por Alonso Montero na súa introdución á edición facsimilar de Vagalumes) da súa relación cos novos estilos poéticos da primeira parte do século XX.
Trala cualificación, a mediados do século pasado, por parte de Couceiro Freijomil da temática poética de Vagalumes como "decimonónica", practicamente o mesmo viñeron afirmar Fernández del Riego na mencionada Escolma de poesía galega ou Carballo Calero na súa voluminosa e influínte Historia de literatura galega contemporánea.
Cando se fala de poética "decimonónica", faise referencia a un tipo de poesía de talante tradicional, na liña dos grandes poetas galegos do século XIX (Rosalía, Pondal, Curros, etc.), nos que predomina un determinado tipo de realismo costumista, temática rural, etc. Fronte a ela, unha nova corrente poética, que colle forzas a comezos do século XX, aposta decididamente por unha renovación temática e formal da poesía, que se converte neste senso en vangardista, facéndose eco de correntes como o ultraísmo, o creacionismo, surrealismo, etc. A poesía ha ser agora "creadora", creando novas realidades, alén da natureza, coa liberdade da linguaxe e das imaxes.
En realidade, Cabada Vázquez recibira na Universidade Pontificia compostelá unha formación humanística e clásica demasiado fonda e ampla coma para ela ser de súpeto subordinada a determinadas correntes poéticas nas que primaba, en certo modo, sobre o contido mesmo das experiencias humanas fundamentais a liberdade e a novidade da forma poética.
Agora ben, seguramente o noso poeta, en canto experimentador e sentidor de fondo da vida humana e da realidade natural e social, considerou prioritario comunicar poeticamente de maneira inmediata e directa a experiencia, a emoción e o sentimento poéticos ca facer que o lector se entretivese, de modo puramente estético, coa forma poética. Cabada Vázquez estaba en calquera caso ben ó tanto das novas correntes literarias, tal como se pode deducir da presenza na súa biblioteca de obras e autores representativos da corrente modernista ou vangardista1. Entre os papeis da súa biblioteca atopábanse, ademais, numerosos recortes de xornais (entre 1923 e 1927) con poemas de poetas vangardistas, estritamente contemporáneos a el, como Manuel Antonio, Otero Espasandín ou Amado Carballo. O que amosa o seu interese polos novos modos de facer poesía, que deixará xa claras pegadas en determinados poemas de Vagalumes, mais que se manifestará máis plenamente en poemas posteriores á aparición desta súa escolma de versos (de comezos do ano 1931). Así, por exemplo, nos seguintes poemas (posteriores a Vagalumes): Festa en San-Iago, Pantasía nupcial, Soñei contigo, A noite era un cadaleito, Nos dondos brazos da noite, etc.2
De todo isto pode deducirse, polo tanto, que houbo unha evolución na súa poesía desde as formas máis tradicionais da meirande parte dos poemas presentes en Vagalumes ata a paulatina introdución das novas formas poéticas.
En calquera caso, e en relación xa máis directa co acto que estamos hoxe a celebrar, a meirande parte dos poemas de Cabada Vázquez fanme lembrar moito Rosalía. A Rosalía tradicionalmente admitida, a da saudade e con esta a da súa proximidade á alma das xentes galegas. Esas xentes que sofren, aman, pensan, soñan e viven nun mundo específico e propio que forma ou constitúe parte alomenos relevante do que chamamos a nosa “cultura” popular.
Cabada Vázquez está sen dúbida ben próximo a Rosalía no seu común sentimento, na súa fonda intuición dos intereses e dos soños deste pobo que formamos entre todos. Foron neste sentido diversos os lectores dos poemas de Cabada Vázquez que se decataron desta proximidade súa a Rosalía. E coido que neste contexto é moi significativo o feito de que o poema que hoxe lembramos aquí publicamente e que leva como título “No Día de Galicia” estea dirixido directamente a Rosalía e fose ademais pronunciado diante da súa estatua compostelá trala magna concentración das xentes de Santiago no primeiro “Día de Galicia” celebrado nesta terra nosa trala proclamación da República no ano 1931.
Para o noso poeta, e segundo o texto deste poema, Rosalía é a “cantora de Galicia”, mais unha cantora que precisa aínda, ela mesma, das nosas propias voces (poéticas e políticas) para deixarmos atrás pretéritos e enervantes comportamentos. Por iso lle pide el, o poeta, a ela, á poeta Rosalía, que se erga en pé e que cante pra se converter, xunto con todos nós, en inspiradora e alentadora dunha futura Galicia, libre e dona de si mesma.
Porque para Cabada Vázquez a perda ou o pasamento de Rosalía é resurrección e vida para cantos a admiran e queren. En tal sentido e en realidade, ela non se foi senón que continúa misteriosamente en todos e todas nós. Por iso Rosalía é para o noso poeta aquela forza simbólica interior que nos converte en “cabaleiros” das “liberdades sacras da Terra”, da nosa Terra.
Ben dicía nalgunha ocasión Murguía, o compañeiro de Rosalía sobre a súa dona que esta era como “lume” e “raio” que “abrasa” ou tamén que a súa dona pasara a súa vida “co pé sobre a brasa”. Quizais tamén por iso mesmo formulaba Cabada Vázquez en termos de lume e “fogo”, neste seu poema, a seguinte petición á nosa santa laica e comunal:
“Queremos, Rosalía, que hoxe acendas
no noso peito as roxas labaradas
que outrora os teus Cantares
e as túas Follas Novas inspiraran.
Nas chamas dese fogo sacrosanto
temprar vimos prá loita as nosas armas,
e a recoller alentos
e folgos pra seguir a roita sagra
que ti nos amostrache nos teus versos”.
Cómpre naturalmente ter en conta que nesta altura o poeta de Codeseda, a pesar de só ser un mozo de vinte e nove anos, era xa ademais de poeta un avezado político que neste mesmo ano, dentro só de poucos meses, estaría presente e ben activo na fundación do Partido Galeguista en Pontevedra. Debido a isto, non deixará de aproveitar esta magna ocasión pra xuntar os seus versos coa necesidade da acción política en clara liña de continuidade co significado histórico e simbólico de Rosalía. De aquí a súa apelación ás “notas fortes e barís” da nosa gaita, á busca da “liberdade ansiada” e, sobre todo, o berro que pecha este seu poema:
¡Galicia!... ¡Nai Galicia!... ¡Terra a nosa!...
¡Caiamos por Galicia na batalla!
Nesta súa actuación pública está, xa que logo, Rosalía no centro mesmo do pensamento de Cabada Vázquez, mais pódese dicir tamén que ela está tamén no fondo e no sosegado interior doutros poemas e escritos seus. De feito, nalgún momento puiden eu mesmo comprobar que na súa biblioteca persoal, e despois de transcorridos xa moitos anos do seu pasamento, permanecían aínda polo menos o primeiro volume (do ano 1909) das Obras Completas de Rosalía e ademais unha edición do ano 1929 das Poesías da nosa eximia poeta.
Polo demais, nos propios poemas de Cabada Vázquez aparecen tamén de cando en vez explícitas referencias a Rosalía. Por exemplo: “Falarvos hoxe quero [...] Na fala melosiña da excelsa Rosalía, / que en "Follas Novas" quixo a i-alma nos deixar” (no poema Na fala meiga do noso poeta).
Cando no ano 1926 Cabada Vázquez contaba con 24 anos, foi el presentado polo seu amigo García Barros (“Ken Keirades”) no Salón “Novedades” da Estrada pra un recital de poemas seus e tamén doutros poetas. Entre eles figuraban naturalmente poemas de Rosalía. Rosalía será aínda no ano seguinte para o noso poeta a “divina Rosalía”, tal como el se expresará nunha crónica escrita por el para o xornal “El Emigrado” co título La Fiesta Escolar de Tabeirós.
Non é neste sentido nada estraño que un tan notábel poeta como Aquilino Iglesia Alvariño, escribise no "Faro de Vigo" do 12 de marzo de 1931, pouco despois de saír á luz o libro Vagalumes, o seguinte: "Por cualquier aspecto que consideremos este libro, nos revela un gran poeta, un poeta que llega a los repliegues más escondidos del alma, como Rosalía”.
Así pois -xa pra rematar- e tal como me felicitaba a min miña nai nos meus aniversarios, quero dicirlle tamén o mesmo a Rosalía neste día no que lembramos conxuntamente a luminosa data do seu nacemento. Unha felicitación por certo que tamén Rosalía textualmente nos lembra no seu longo e popular poema de Follas novas que leva como título “A probiña, que está xorda...! Esta é, pois, a miña felicitación a Rosalía, a mesma de miña nai e mais da propia Rosalía: “De hoxe nun ano”!
* Codeseda (A Estrada), 24 de febreiro de 2020

- Pode verse a lista completa dos volumes da biblioteca do poeta estradense en M. Cabada Castro, Fondos bibliográficos da biblioteca do poeta Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936): "A Estrada. Miscelánea histórica e cultural" (Fundación Cultural da Estrada - Museo Manuel Reimóndez Portela), 2000, nº 3, p. 237-308.
- Ver Xosé Manuel Cabada Vázquez. Obra Completa. Poemas e outros escritos. Edición, introdución e notas de Manuel Cabada Castro (A Estrada, Fundación Cultural da Estrada, 2001).
Xosé Manuel Cabada Vázquez no galeguismo
Manuel Cabada Castro
Tal día coma hoxe, queridos amigos, deixaba este mundo o 2 de abril de 1936, ás 21’00 horas, en terras de fóra de Galiza un estradense coma nós, nado na parroquia de Codeseda, no lugar de Barro. Na lápida da súa sepultura en Linares —que no ano 1962 foi traída xunto cos seus restos ó cemiterio de Codeseda— figura a data do 3 de abril, ou sexa, a de mañá. Pero esta data é en realidade a do seu enterro, non a do seu pasamento, que ocorreu no día anterior, é dicir, tal día coma hoxe. Así aparece no certificado oficial de defunción e noutras documentacións.
Xosé Manuel Cabada Vázquez tiña só 34 anos cando morreu. Era polo tanto aínda un mozo. ¿Por que morreu tan mozo? O bo amigo e médico estradense Alfonso Varela deume un día a explicación: “morreu porque eu non estaba alí”. Eran outros tempos e o Hospital Municipal de Linares non debería de estar moi preparado para atallar os problemas derivados da súa apendicite. Xosé Manuel levaba en Linares só ano e medio como profesor e director do Instituto Nacional de Linares. Ata a súa morte traballara arreo, coa súa acción e a súa pluma, a prol de Galiza.
A Linares viaxou seu pai desde Codeseda para levarlle o agarimo familiar e as lembranzas da súa terra. Pero nin a presenza familiar nin os amores e desvelos da súa noiva linarense, María Luísa, puideron evitar o inevitábel.
Tampouco lle chegou a póla do piñeiro, ó que tan sentidamente cantara no seu coñecido poema “Salve, irmán piñeiro”, para lle converter o cadaleito en berce de agarimos. O poema, publicado por Xosé Manuel cando só tiña 23 anos, empezaba así:
¡Ouh vello piñeiro, lanzal e barudo,
que te ergues altivo cabo a miña eira!
Noutro millor sitio pórte Dios non pudo,
porque dende aí ti atendes, mudo,
ó que pasa ó lonxe e ó que pasa á beira.
E, despois dalgúns versos, continuaba así:
¿Cantos anos tes? Cóntame. Encomeza.
¿Quen te puxo aí? Dime. ¿Onde naciche?
¿Descendes quizaves dalgunha realeza?
Baixo a soma augusta da túa redondeza,
¿cantas cativeces —di— facer non viche?
¡Canto n'adoeceches ó ver certos feitos!...
Poida que pensases con carraxe e frebe,
polo chan as leises, polo chan os dreitos
vendo, e á costa duns os outros ergueitos:
se che isto é xusticia, que xuncras me leve.
[...]
Vai das estreliñas o brilo amainando;
xa o día está preto, meu lanzal piñeiro,
quédaste soíño, soio, contemprando
como o tempo fuxe, como vai chegando
o día tamén pra min derradeiro.
E o sentido poema remataba, por fin, deste xeito:
¡Salve, irmán piñeiro, outo pino forte!
Gardo teu recordo na hucha do peito.
Soio che hoxe prego que, ó collerme a morte,
—¡Salve, irmán piñeiro! ¡Salve, pino forte!--
¡unha ponla dones pra meu cadaleito!...
Cabada Vázquez foi fiel ó galeguismo, que reflicten estes versos, ata a morte. Nos seus derradeiros momentos, segundo informou a súa noiva, dixéralle a ela: “Só sinto que o meu corpo non sexa enterrado na miña querida Galiza” [1].
Seguramente a primeira nova do seu pasamento e do seu afervoado galeguismo deuna a revista "A Nosa Terra", semanario que levaba como subtítulo desde febreiro de 1932 o de "Boletín do Partido Galeguista" (trala fundación deste partido en decembro de 1931). Era lóxico, pois non só era militante do Partido Galeguista, senón que fora tamén cofundador do Partido trala súa anterior pertenza ás Irmandades da Fala. No mesmo día do seu enterro “A Nosa Terra” dicía sobre o poeta e político de Codeseda:
"En Linares, onde exercía o cárrego de director do Instituto, acaba de morrer o gran poeta galego e querido irmán noso Xosé Cabada Vázquez. Outro irmán máis que nos deixa. Outro faro senlleiro da nosa lírica que se apaga para sempre. Como Manuel Antonio e Amado Carballo, Cabada Vázquez morre novo, mozo e cando había de aportar á nosa literatura inxentes páxinas prodoito da súa extraordinaria cultura e inspiración. A fada que sóbor dos nosos homes e novos valores pesa de xeito teimante lévanos agora a Cabada Vázquez"2.
O "outro irmán" ó que fan referencia as "Liñas de loito" é Antón Villar Ponte, que morrera só un mes antes e que fora xunto co seu irmán Ramón cofundador e alma das "Irmandades da Fala".
No día seguinte, o xornal "El Pueblo Gallego" —de orientación galeguista, republicana e liberal-esquerdista— publica tamén en primeira páxina a nova da desaparición de Cabada Vázquez con estas palabras, entre outras:
"Déixanos en plena xuventude, lonxe da terra á que consagrou os seus mellores entusiasmos [...] Cabada Vázquez era un galego que honraba ó seu país"3.
Pero o "Heraldo de Galicia", moi ligado tamén ó galeguismo, expresarase, algúns días despois, de modo aínda máis explícito e directo, sobre o seu galeguismo militante. Velaquí o que se di no semanario ourensán:
"Unha nova e sensible baixa nas filas do renacemento galego [...] Moi mozo aínda, con sólidos estudios clásicos e filosóficos, latinista, coñecedor profundo da lingua galega, que escribía co dominio e soltura dos mellores autores consagrados, cun corazón cheo de fe nos altos destinos de Galiza e de esperanza no seu trunfo, Cabada Vázquez tivo xa unha actuación literaria e incluso política destacada [...] Pero, ademais, era daqueles que, concibindo o galeguismo como un apostolado de cada hora, de cada momento, no perdía ningunha ocasión nin ningún pretexto, por pequeno e insignificante que puidese parecer, no que puidese conseguir unha manifestación do espírito da nosa terra, da nosa raza, do noso idioma. Admirable labor calado para ser realizado por un poeta. Dediquemos aquí un recordo emocionado a este outro amigo que nos deixa, levándose tódalas esperanzas que podiamos pór no labor futuro dunha das intelixencias mellor dotadas e das máis puras sensibilidades do galeguismo"4.
Volverá aínda o xornal "El Pueblo Gallego" o 23 de abril de 1936, tres semanas despois da morte de Cabada Vázquez, a salientar a relevancia deste cunha ampla colaboración de Ramón Villar Ponte, ó que no mes anterior, o día 4 de marzo, lle morrera tamén seu irmán Antón. O devandito cofundador das “Irmandades da Fala” dinos aquí:
"A racha da disgraza continúa apouvigando aos 'bos e xenerosos'. Como decote, a escolma dos destinados á ausenza definitiva sigue antre aqueles que polos seus anos aínda podían render á terra nai escolleitos e vizosos froitos que valorizasen cada vegada máis o seu vivire. A 'pálida' sabe escoller. E como sabe escoller, busca con preferenza ós que, a través dunha vida relativamente breve, souberon ofrescer un xurdio exempro de capacidade prena e de patriotismo insuperábel, prometedor de risoñas espranzas axiña truncadas. Tal o caso de Cabada Vázquez. Con el de novo cúmprese o dito antergo de que os preferidos dos deuses deveñen axiña malogrados. E contra o fado que nos persigue non valen decisións, non sirven procedimentos.
Alonxado da patria que el soubo amare co amor acaso que soio sinten os mozos que levan na fronte a estrela e no bico o cantar de que falou o mestre, Cabada Vázquez ollou apagárese a súa vida sen ter o consolo de sentir no intre fatal o aloumiño do seu ambente nativo [...]"5.
Permítome engadir aquí aínda que, remexendo non hai moito nos xornais da época, atopeime en primeira páxina do “El Compostelano” do 30 de abril de 1936, algo menos dun mes polo tanto do pasamento de Cabada Vázquez, coa nova seguinte, que non deixa de ser significativa e interesante:
“Unión Radio Galicia. Emisiones Extraordinarias. Mañana, 1 de maio, a las tres y media de la tarde Unión Radio Galicia hará la emisión literario-musical a la memoria del poeta gallego José Manuel Cabada Vázquez, con arreglo al siguiente programa: Verbas limiares por Manuel Beiras García. Biografía do poeta mozo, por Casimiro Cubela García, presbítero. Recital de poesías escogidas de su obra “Vagalumes”, por José Mosquera Pérez (O vello dos contos). Meu filliño, melodía gallega de Abad Aldas, por la Orquesta Sumatra. Jota Gallega, de Abad Aldas, por la misma Orquesta. Adiós Mariquiña, Orquesta Sumatra, cantado por la Sta. Aparicio. O sentimento de patrea en Cabada Vázquez, por Vidal Rey. Recital de poesías de Cabada Vázquez, por José Mosquera Pérez (O vello dos contos). Lembranza a Cabada Vázquez, del poeta Iglesia Alvariño”.
Mágoa que non poidamos dispor dos contidos concretos desta simpática emisión radiofónica póstuma de hai 75 anos!
¿Como foi realmente en vida o galeguismo de Cabada Vázquez?
Aínda que interrompidos durante algún tempo, fixo os seus estudos no Seminario de Santiago (que daquela tiña a categoría de Universidade Pontificia). Os eclesiásticos eran alí en xeral de tendencia conservadora e pouco afíns ó galeguismo, seguindo a tradición normal da, desde había séculos, castelanizada igrexa galega. Pero Cabada Vázquez estaba ó tanto da situación social de Galiza, das súas xentes e tamén da súa historia. Por iso, cada vez íaselle facendo máis difícil compatibilizar a súa pertenza ó estamento eclesial ou clerical co seu compromiso, tanto poético como político, co galeguismo, entendido este alomenos como liberación social e política dunha situación na que a emigración, o caciquismo, etc. afectaban a grandes continxentes da poboación galega. Cabada Vázquez era moi sensible a esta situación e, tanto literaria como politicamente, amosara xa en máis dunha ocasión a súa maneira de pensar.
Sintonizaba de maneira especial, por exemplo, co grande poeta cívico Curros Enríquez, ben coñecido polos seus enfrontamentos, ideolóxicos e biográficos, coas autoridades eclesiásticas. Así, concretamente, o 11 de novembro de 1926 celebrouse aquí na Estrada, no "Salón Novedades", unha velada a prol dos damnificados de Cuba. Nela actuou —presentado por García Barros— Cabada Vázquez (daquela aínda non cumprira 25 anos) e recitou poemas seus e mais doutros poetas galegos, empezando, segundo o testemuño de García Barros6, co “Noiturnio” de Curros. Curros seguirao acompañando anos despois. No verán de 1933 atópase en Barcelona, con colegas vascos e cataláns, preparándose para os exames de selección do profesorado de ensino secundario. Un dos colegas vascos, Echave-Sustaeta, lémbrase así del:
"Levo a alma cargada de recordos dunha tarde de solaz a través das avenidas de Montjuïc. A seducción da súa charla gañábanos por enteiro. Subiamos á montaña por los sendeiros tortuosos [...] Por un momento apagáronse os rumores da cidade [...]. El fálábamos, acendido de lirismo, de Curros Enríquez. E a súa voz tremante angustiouse na dor do 'Nouturnio' do inmortal poeta galego. Aínda resoa no meu oído:
Da aldea lexana fumegan as tellas;
detrás dos petoutos vai póndose o sol;
[...]
Un vello, arrimado nun pau de sanguiño,
o monte atravesa de cara ó piñar.
Vai canso; unha pedra topou no camiño
e nela sentouse pra folgos tomar.
'¡Ai! —dixo—, ¡que triste,
que triste eu estou!'
E o sapo, que oía,
repuxo: ¡Cro, cro!
[...]
Soliños estamos entrambos na terra,
mais nela un buraco ti alcontras e eu non;
a ti non te morden os ventos da serra,
e a min as entranas e os ósos me rôn.
[...]
Transfigurárase á nosa vista. Na súa garganta, nunha escala de tonalidades rebeldes anelábanse as ansias de liberación dunha raza, por nós daquela incomprendidas"7.
Pero non era só Curros. O seu coñecemento literario doutros poetas galegos e galeguistas (tal como se deduce dos fondos da súa biblioteca), a súa estreita relación coa política galeguista, etc. ían impulsando a Cabada Vázquez cara a un compromiso, cada vez máis directamente político, co galeguismo.
Por outra parte, Cabada Vázquez foi durante algún tempo secretario particular de Ángel Amor Ruibal. O grande cóengo compostelán tiña en xeral simpatías co galeguismo lingüístico e cultural. De feito, prometéralle ademais ó poeta de Codeseda escribirlle o Limiar para o seu próximo libro de versos “Vagalumes”, que se publicaría a comezos do ano 1931. Pero Amor Ruibal morreu algúns meses antes da publicación de “Vagalumes” e non puido ser. Con isto o daquela diácono atoparíase seguramente un pouco só no seo do estamento eclesial. Para el fora en realidade Amor Ruibal un inapreciable apoio na súa loita pola galeguización no interior da igrexa galega e agora non podía contar xa coa súa axuda e o seu prestixio.
Este desaxuste entre a súa situación real e os seus ideais políticos galeguistas parece amosarse de maneira clara nunha longa carta que lle escribe o 23 de maio de 1931 (só tres meses antes, polo tanto, de deixar definitivamente a carreira eclesiástica) ó seu amigo Camilo Díaz Baliño. O pai de Isaac Díaz Pardo atopábase por estas datas facendo unha xira coa Coral “De Ruada” por diversos países de América:
"Aquí isto anda todo revolto. Por Galicia adiante anda unha manchea de 'bos e xenerosos' chamando ás concencias da xente. Inda que traballamos, temo que non academos o froito cobizado. A min, os da miña banda —xa sabes de quenes falo— xa me teñen fichado. Mais non importa. "8
Sen dúbida, os que aquí Cabada Vázquez chama "os da miña banda" son os que daquela tiñan e exercían o poder xerárquico eclesial, dos que ata entón dependía el.
En calquera caso, Cabada Vázquez tanto antes coma despois do seu abandono da carreira eclesiástica foi un galeguista fiel a si mesmo. El estivo sempre, literaria e politicamente, comprometido coa súa terra, co seu país.
Isto xa o advertira Otero Pedrayo cando saudou a aparición de “Vagalumes” a comezos de 1931, comentando textualmente que o libro "siñifica un compromiso ca Galicia" e que o seu autor se converte así en "troveiro de redenzón e da pureza espirtoal da nosa Pátrea"9. Dun sitio e doutro, o político estradense foi visto así como un entusiasta amador da súa terra. Así o viu, por exemplo, Ramón Villar Ponte10. O seu compañeiro vasco de Barcelona, Echave-Sustaeta, pola súa parte, dicía que tiña, ademais, a capacidade de facer que outros amasen tamén a Galiza, dado que posuía "coma ninguén o don de facer admirar e amar as virtudes do seu pobo"11.
En realidade, Cabada Vázquez soubo unir de maneira persoal e efectiva a súa actividade literaria coa praxe política, non sendo para el a unha independente da outra. Polo que se refire ós seus escritos (poemas sobre todo) que teñen como tema principal o problema social e político de Galiza como entidade cultural e humana, o poeta de Codeseda é moi explícito na súa demanda de toma de conciencia desta realidade, facendo de diversos modos unha crítica literaria decidida a modos de comportamento social, cultural e político non conformes coas esixencias do momento histórico. O seu pensamento móvese aquí no contexto ideolóxico do movemento agrario (que tan forte pulo tivo en Galiza desde finais do século XIX e durante todo o primeiro tercio do século XX), do anticaciquismo e do galeguismo, adquirindo este último cada vez máis entidade e autonomía ó incluír en si ós dous anteriores.
Moi ó comezo da súa actividade literaria, con só vinteún anos, publica nun mesmo día os poemas Na fala galega12 e Na tumba de Murguía13, sendo o primeiro unha loa poética da lingua galega e o segundo expresión do sentimento pola perda que significa para Galiza a recente desaparición do grande persoeiro galego. Pero só un par de meses despois adoptará unha postura máis radical. Isto é o que ocorre co seu poema A loitar, publicado no “El Emigrado” de aquí da Estrada, no que se atopan estrofas coma estas:
¡Ánemo, galegos!
¡Todos a loitar!
[...]
¡Pillémo-las fouces!
¡Marchemos á liza
sega-las cabezas daqueles treidores
que tantos escarnios fixeron
da nosa Galiza!
¡Seguemos sen medo
pra logo acabar!...
E quede dende hoxe pra sempre o galego
liberto de tales larpeiros!...
¡Sexamos hirmáns! [...]14
Pero despois de pouco máis de dous meses de publicar este poema, a mediados de setembro deste ano 1923 as circunstancias políticas cambian co inicio da Ditadura de Primo de Rivera, que vai durar ata finais de xaneiro do 1930. O poeta ten, pois, alomenos de momento, que frear o seu entusiasmo autonomista e galeguista, para transformalos en algo máis sentimental e abstracto e publica entón, un mes despois do comezo da Ditadura, o seu poema A Galicia15.
De todos modos é ben sabido que os galeguistas, entre outros, recibiron ó principio cunha certa esperanza e benevolencia a Ditadura, porque polo menos nas declaracións formais falábase da posibilidade dunha determinada descentralización administrativa e do uso das linguas rexionais, criticándose ademais o caciquismo, etc. Só a finais do 1923 ou comezos do ano seguinte tiveron o convencemento de que a Ditadura non quería saber nada de nacionalismos e, polo tanto, de que estaba en contra de toda clase de galeguismo político, ó exercer, entre outras cousas, ferreamente a censura previa contra as súas publicacións.
Por iso, o galeguismo de Cabada Vázquez terá, desde comezos de 1924 ata que remate a Ditadura un carácter sobre todo social ou agrarista, na liña do anticaciquismo e da pretendida supresión ou "redención" definitiva dos foros, que de feito se levará a cabo legalmente co decreto de finais de xuño do 1926. Así, no seu longo poema Os banqueiros do demo, publicado en outubro de 192516, o poeta fará unha dura crítica á usura e á idolatría do diñeiro duns poucos, que provoca a emigración ou a situación de "misérrimos caseiros" dos máis. Está escrito na forma dun animado diálogo do rico e prepotente usureiro que chega ás portas do Ceo, atopando a oposición do porteiro San Pedro e tendo que dirixirse, en consecuencia, cara ó inferno, no que hai seguramente, segundo se di no poema, "marqueses e ministros". O poeta anceia e clama, pois, por unha Galiza mellor, unha Galiza "resucitada" dunha precaria situación
En marzo do ano seguinte, 1926, poucos meses antes do decreto-lei de Primo de Rivera polo que se declara a redención de foros, o poeta publica aínda o poema Berros de loita, que dedica a R. Cabanillas. Cabada Vázquez fai aquí unha chamada á loita labrega contra a "xauría de lobos", tal como son calificados cantos asoballan ós labregos con impostos e cargas imposibles de aturar. Ó final de cada unha das tres partes nas que se divide o poema aparecen estas enérxicas chamadas á resistencia labrega contra "a xauría de lobos famentos":
¡Upade, mociños;
petrucios, ergueivos,
e á loita aprestaivos
con paus e fungueiros!
[...]
¡Pillade as forcadas!
Soltade, lixeiros,
os cans, e apurrádeos.
¡Á loita, labregos!
[...]
¡Upade, mociños;
petrucios, ergueivos!
¡Que o sol do porvir alumee
ó probe labrego xa ceibo!...17
En realidade, neste poema ecoan e reciben novo pulo as mobilizacións públicas que se ían sucedendo na sociedade galega a prol da eliminación da renda foral. Hai que recoñecer que o decreto de Primo de Rivera respondeu de feito neste senso a moitas das esperanzas postas nel por sectores maioritarios da sociedade galega, concretamente a rural.
Aínda que a redención efectiva dos foros se fixo pouco a pouco, a loita dos labregos, secundada por políticos e poetas, entre eles o noso homenaxeado, tivo éxito.
Á Ditadura réstanlle aínda varios anos para chegar á súa fin. Entrementres, Cabada Vázquez seguirá coa súa teima a prol da xustiza social e dos dereitos culturais, lingüísticos e políticos de Galiza. Así, por exemplo, e xa de volta a Santiago, recitará en maio de 1928, perante o novo arcebispo Zacarías Martínez, o seu poema Na fala meiga, reivindicando nel a dignidade lingüística e cultural da "fala de Galicia":
Falarvos hoxe quero na léngoa dos Chariños,
dos Pontes, Airas Núñez e Alfonso, o sabio rei;
Feixóo, Sarmiento, Andrade, Cernadas e os Camiños,
Macías, Martín Códax, Rodríguez e Camoens.
Na léngoa en que nos falan "As musas das aldeas",
os "Aires da terriña" e "A Virxe do Cristal";
na que, eisilado, Añón chorou bágoas a cheas,
e ós pinos rumorosos oeu queixar Pondal.
Na fala melosiña da excelsa Rosalía,
que en "Follas Novas" quixo a i-alma nos deixar18.
E, aínda que na Ditadura a dimensión política do galeguismo está constrinxida, esta non pode menos de aparecer dunha forma ou doutra. Así, no seu poema Primaveira, de abril do 1929, os primeiros versos sobre o "esbrochar das roseiras" primaverais únense logo, case inesperadamente, o pensamento, máis ou menos explícito, da liberdade política de Galiza:
¡Xuventude...! ¡Galicia...! ¡Primaveira...!
Novas roitas abertas, e a bandeira
frameando da santa Redención... [...]19.
A Ditadura rematou a finais de xaneiro de 1930, un ano antes da aparición de Vagalumes. E a proclamación da República ocorrería só algúns meses despois da publicación de Vagalumes. Por iso poderán xa ter cabida neste volume de versos algúns que levan xa en si unha determinada carga política, como o breve poema titulado ¡Galego!, que é unha decidida exaltación patriótica de Galiza:
Máis que ás mulleres todas,
quero á nai miña;
máis que a tódalas terras,
quero a Galicia.
Máis que a tódalas patrias
a nosa patria,
máis que tódalas falas
a nosa fala.
Máis que as bandeiras todas
nosa bandeira,
máis que tódalas terras
¡a miña terra!20
Como ben sabedes, os dous últimos versos da segunda e terceira estrofa deste poema están inscritos na placa de granito que se colocou sobre a tumba do poeta en Codeseda o 14 de xaneiro de 2001 co gallo da inauguración do ano cultural, dedicado polo concello estradense a Cabada Vázquez, coincidindo co centenario do seu nacemento.
Coma no poema anterior, outro tanto ocorre co poema ¡Moitas gracias!, no que se inclúen determinados versos de contido xa claramente político e galeguista, non só anticaciquista. O poeta prega nel, en efecto, con "ardente pregaria" [...]
“pola Galicia ceibe
con libertade sagra,
por tódolos valentes loitadores
que forman nestos tempos a cruzada
dos escollidos bos e xenerosos
que loitan pola Terra e pola Fala [...]21
Mais as posibilidades de que Galiza avantase na conciencia de si mesma a nas capacidades de autogoberno adquiren unha nova perspectiva coa proclamación da República en abril de 1931. Este acontecemento foi moi importante na biografía de Cabada Vázquez e tivo sen dúbida tamén un forte influxo na súa cada vez máis estreita implicación política co galeguismo, da que axiña falarei. Neste contexto, aludirei despois ó importante e programático poema “No Día de Galicia”, lido polo seu autor neste día do ano 1931 perante a estatua compostelá de Rosalía.
Naturalmente, a proxección literaria do seu galeguismo tiña unha base ideolóxica que foi tomando corpo nel na medida da súa temperá e cada vez máis intensa implicación política cos movementos de signo galeguista, que levarían á fundación do Partido Galeguista a finais deste mesmo ano 1931.
O comezo da súa explícita actividade política está unido á súa relación coas "Irmandades da Fala", que teñen o seu inicio coa fundación en 1916 da primeira Irmandade na Coruña polos, xa mencionados, irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, que manterían sempre con el unha estreita relación de amizade e de afinidade ideolóxica. Pois ben, a V Asemblea das Irmandades celebrouse na Coruña os días 18 e 19 de marzo de 1923. E paréceme que é arredor da celebración desta Asemblea coruñesa cando Cabada Vázquez -daquela seminarista en Santiago con vinteún anos- entra en relación coas Irmandades e fai propios os ideais culturais e políticos das mesmas. Sospeito incluso (por razóns que non é posible indicar aquí en detalle) que asistiu persoalmente a esta V Asemblea. De feito, é pouco despois da celebración desta V Asemblea cando publica os xa aludidos poemas Na fala galega, Na tumba de Murguía e A loitar.
O abandono provisional dos seus estudos na Universidade Pontificia de Santiago vén coincidir coa publicación deste ultimo poema A loitar. Ó longo dos catro anos da súa ausencia de Santiago vaise enfortecendo nel o compromiso galeguista co seu contacto coa prensa galeguista, especialmente co xornal galeguista vigués “Galicia”, e coas súas colaboracións en “A Nosa Terra”, a revista das Irmandades.
Pero a volta, a comezos do curso 1927-28, á Universidade Pontificia de Santiago non significa unha ruptura co seu compromiso galeguista, senón que este acadará máis ben renovado pulo. Que a súa postura galeguista era clara e dicidida amósao tamén o feito da súa relación co xornal vigués "El Pueblo Gallego" desde que este comezou a publicarse en xaneiro de 1924. Unha relación que pasou de ser entusiasta ata se converter despois en cautelosa e distante, cando o xornal empezou a dar mostras de ambigüidade respecto do galeguismo. Así o comenta incidentalmente Cabada Vázquez en xaneiro de 1930:
"Foi certo que nos seus comenzos e nos seus tempos millores lía eu ise preódico e inda algunha vez colaborei nil; mais, cando me decatei dos seus miúdos cámbeos de chaqueta, de que os seus fins eran torcidos, de que era todo menos o que debía ser, xa que por un ichavo era capaz de renegar hastra de Galicia, e, finalmente, de que 'os bos e xenerosos' se arredaban dil, tamén o quixen fuxir"22.
En cuestións de fidelidade ó galeguismo, o decidido temperamento de Cabada Vázquez non pasaba por estas componendas.
Hai xa, por outra parte, constancia da súa asistencia en abril de 1930 á VI Asemblea das Irmandades, a derradeira Asemblea das Irmandades. Aquí puido contactar cos outros galeguistas asistentes á Asemblea, como, entre outros, Víctor Casas, Antón Villar Ponte, Anxel Casal, Xosé F. Lesta Meis (delegados do grupo da Coruña), Vicente Risco (do grupo de Ourense), Valentín Paz Andrade (do de Vigo), Ramón Villar Ponte (do grupo de Viveiro), Alfonso R. Castelao, Antón Iglesias Vilarelle e Xosé Filgueira Valverde (os delegados do grupo de Pontevedra), Xosé Núñez Búa (grupo de Vilagarcía), Manuel Lugrís Freire (grupo de Sada), Camilo Díaz Baliño, Antón Fraguas, Sebastián González (do grupo de Santiago), etc.
Pero as problemáticas e cuestións tratadas nesta asemblea non atoparían axeitada solución ata a fundación do Partido Galeguista nos comezos de decembro do ano seguinte. Ata entón houbo, aquí e alá, distintos intentos e ensaios de organización galeguista a teor das novas posibilidades autonómicas abertas pola República.
Xorde así, concretamente, en abril de 1931, só unha semana despois da proclamación da República, e grazas entre outros a colaboración de Cabada Vázquez, a "Agrupación Nazonalista" de Santiago. O Comité provisional desta Agrupación estivo constituído por Francisco Vázquez Enríquez, como presidente; Juan Jesús González, como secretario; Luis Seoane López, como vocal contador; e Sebastián González xunto con Cabada Vázquez como vocais23. Este Comité, do que formaba parte Cabada Vázquez, tiña como misión a organización efectiva desta “Agrupación Nazonalista”.
Xa poucos días despois, o 3 de maio, celebra aquí na Estrada a “Agrupación Nazonalista” de Santiago un importante acto a prol da autonomía de Galiza, tal como se dá conta logo na prensa: “Ás cinco da tarde comeza o acto, enchéndose completamente o espacioso Teatro Constenla. Da 'Agrupación Nazonalista' de Santiago acudiron con este motivo á Estrada os señores Banet Fontenla, Tobío Fernández, Cabada Vázquez e outros destacados membros"24.
Un par de meses despois, o sábado 25 de xullo, celébrase por primeira vez desde a proclamación da República o Día de Galiza. Na antevéspera da festividade do Apóstolo, o alcalde Raimundo López Pol fixo un chamamento ós santiagueses para facer unha ofrenda a Galiza ante a estatua de Rosalía25. Foi aquí, perante a estatua de Rosalía e coa asistencia de autoridades, institucións e un numeroso público, onde o noso político e poeta leu o acendido poema “No Día de Galicia”, no que se reflicte claramente a decidida actitude política do seu autor. Coido que paga a pena escoitalo unha vez máis, case oitenta anos despois:
No Día de Galicia
¡Cantora de Galicia,
esperta do teu sono! ¡Erte!... ¡Canta!...
Chegamos en romaxe á túa beira,
nesta magna Diada,
nas mans coa ofrenda sagra dunhas rosas,
nos beizos a emoción dunha pregaria.
Non vimos a chorar a túa perda,
de abondo xa chorada,
nin a enxoitar tampouco as bágoas nosas.
Outra minsión máis outa e máis honrada
traguemos que cumprir os eiquí xuntos
ó pé da túa estatua:
Queremos ser cruzados de Galicia;
queremos afincar a fe na Causa,
e vimos para armarnos cabaleiros
nesta cibdade santa,
gardadora das cinzas de Santiago,
e verdadeiro altar da nosa patria;
cabaleiros de Cristo e de Galicia,
defensores das libertades sagras
da Terra, e da Fe ardente
que eiquí o Santo Apóstol predicara.
Queremos, Rosalía, que hoxe encendas
no noso peito as roxas labaradas
que outrora os teus Cantares
e as túas Follas Novas inspiraran.
Nas chamas de ise fogo sagrosanto
temprar vimos prá loita as nosas armas,
e a recoller alentos
e folgos pra seguir a roita sagra
que ti nos amostrache nos teus versos
e a miúdo amoleceche coas tuas bágoas.
Repara en derredor,
esperta, nosa Santa,
e escoita as notas fortes e bariles
que vén ceibando ó vento a nosa gaita.
Non chora, cal dinantes nos dixeras,
non chora, non, que canta:
¡canta o rexurdimento dunha terra,
o despertar glorioso dunha raza,
o abrente dunha data que se achega,
o trunfo dunha loita que se agarda!
Galicia xa desperta
do sono en que dormira escravizada,
e a voz dos xenerosos
exténdese por montes e valgadas
chamándonos á loita que escomeza
pra conquerir a libertade ansiada.
Mais hainos que están xordos,
e n'oien a chamada,
e cegos, e non ven o que lle ofrecen,
e coxos ou varados, e non andan.
Por ises malpocados
tamén nosa pregaria:
Que a gracia de El Señor lles abra os ollos,
que anden e que escoiten nosa fala;
que prenda o amor da terra nos seus peitos
e abrase a cobardía das suas almas.
¡Galicia!... ¡Nai Galicia!... ¡Terra a nosa!...
¡Caiamos por Galicia na batalla!26
O feito de ser editado o poema na revista "NÓS"27 e tamén nun dos seus Suplementos amosa, por unha banda, a estima que de Cabada Vázquez tiñan os homes de "NÓS" e, por outra, deu a coñecer a un público aínda máis amplo có que asistiu ós actos de Santiago a crecente faciana política do poeta de Codeseda.
Desde comezos de outubro deste ano 1931 deica o verán de 1933 residiu en Vigo, dedicado fundamentalmente á docencia en diversos colexios. Durante os primeiros meses da súa estancia nesta cidade entra xa en contacto co denominado "Grupo Autonomista Galego" de Vigo, fundado en 1930 e presidido por Valentín Paz-Andrade. Éste e Cabada Vázquez formarían parte pronto do grupo de galeguistas vidos de Vigo á asemblea constituínte do Partido Galeguista de Pontevedra.
Nesta asemblea fundacional do Partido Galeguista, que tivo lugar nos días 5 e 6 de decembro de 1931 en Pontevedra, Cabada Vázquez desempeñou unha activa función, participando persoalmente nos debates28. Concretamente, en relación co apartado do programa relacionado coa Política Fiscal. Xunto con outros, defendeu, efectivamente, o carácter “preceptivo” do imposto fiscal “progresivo” (non simplemente “proporcional”) sobre a renda. Tratábase dunha emenda ó articulo terceiro (que logo pasou a ser cuarto) e que finalmente foi aprobada29. Convén engadir que as intervencións progresistas e avanzadas de Cabada Vázquez en relación con este tema fiscal foron recibidas con satisfacción e entusiasmo, de tal maneira que, segundo as crónicas, “foi ovacionado”30. Nesta cuestión, como refire outra crónica, “o señor Cabada Vázquez levou ós debates o espírito de cordialidade”31.
Respecto, por outra parte, da cuestión da chamada “Dereita Galeguista”, convén engadir que foi Cabada Vázquez, xunto con algúns outros, quen se opuxo, na temática do imposto fiscal, ós defensores do primitivo texto da ponencia, que eran García Vidal e Filgueira Valverde. Eran, pois, estes dous os que representaban, ó defender o texto da ponencia, unha postura conservadora ou dereitista. Por iso non parece nada casual que fosen precisamente Filgueira Valverde e García Vidal os que, tres anos e medio despois (o 25 de maio de 1935) redactasen e asinasen (xunto con algúns máis) o manifesto polo que se constituía unha nova agrupación denominada "Dereita Galeguista de Pontevedra"32, afastándose así da disciplina do Partido Galeguista.
Pero o nome de Cabada Vázquez non figurará nesta nova agrupación dereitista, nin nas que, seguindo o exemplo da de Pontevedra, se formaron posteriormente en Ourense33 ou Santiago34. É posible supoñer que el —que con tanta ilusión e entrega persoal traballara polo galeguismo tanto na súa dimensión cultural como política— non vería con bos ollos estes intentos de romper a unidade política dun partido que chegara a ser tal co esforzo e a cooperación dos galeguistas das máis diversas tendencias ideolóxicas.
Volvendo ós acontecementos que seguen ó remate da asemblea fundacional do Partido Galeguista (a I Asemblea do partido formalmente constituído), Cabada Vázquez proseguirá en Vigo a súa actividade política galeguista, ó formar parte en decembro de 1932, como "Secretario de actas", da nova directiva do Grupo Galeguista de Vigo, que viña a ser a continuación do Grupo Autonomista Galego da mesma cidade, anterior á fundación do Partido Galeguista. A verdade é que o Grupo Galeguista vigués se constituíu nun activo movemento de concienciación galeguista na cidade galega, a base sobre todo de conferencias de relevantes persoeiros do galeguismo.
A relación do político de Codeseda co galeguismo non se limitou, con todo, despois da súa participación na asemblea fundacional do Partido Galeguista, á súa pertenza á directiva do Grupo Galeguista de Vigo, senón que tomou aínda parte na primeira asemblea posterior á fundacional, a II Asemblea do Partido Galeguista. Cabada Vázquez foi un dos representantes do Grupo Galeguista de Vigo nesta II Asemblea, que se celebrou en Santiago nos días 10 e 11 de decembro de 1932. Entre os delegados que asistiron estaban, entre outros, Casal, Fernández del Riego, Sebastián González (Santiago); Carlos Pardo Ciorraga (A Estrada); Ramón Villar Ponte (Viveiro); A. Alonso Ríos (Federación de Sociedades Galegas Agrarias e Culturais: República Arxentina), etc. Asistiu, naturalmente, o Consello Executivo do partido en pleno, constituído polos secretarios Basanta, Bóveda, Núñez Búa e Filgueira Valverde e mais polos conselleiros Lugrís Freire, Banet Fontenla, Víctor Casas, Plácido R. Castro, Carballo Calero, V. Risco e Martínez López. Os deputados do Partido, Castelao, Otero Pedrayo e Suárez Picallo estiveron tamén presentes nesta Asemblea.
Despois da lectura das actas da primeira asemblea constituínte do Partido (a de Pontevedra), procedeuse á elección da mesa definitiva, da que formaría parte, unha vez máis, Cabada Vázquez, como secretario de actas35.
Pero a escuramente imposta ausencia de Galiza de Cabada Vázquez desde o verán do ano 1933 ata a súa morte impediulle estar presente nas seguintes asembleas do Partido Galeguista. Así, cando se celebra a III Asemblea do Partido en Ourense en xaneiro de 193436, o político de Codeseda atópase exercendo as súas funcións como docente e director no Instituto Elemental de Medina de Rioseco (Valladolid). E, así mesmo, cando se reúne en Santiago a IV Asemblea nos días 20 e 21 de abril do ano seguinte37, Cabada Vázquez reside aínda máis lonxe, en Linares (Jaén), como profesor e director do Instituto desta localidade.
Sen embargo, por esta época a súa mente seguía estando posta en Galiza, na súa liberación cultural, social e política de imposicións centralistas, caciquís ou de calquera outro xénero. Así, por exemplo, o 12 de agosto de 1933, cando está a facer en Barcelona os "Cursillos" previos ó acceso como profesor para os novos centros docentes creados pola República, escribiralle a Filgueira Valverde, que por entón se atopaba facendo o mesmo en Madrid, deste xeito: "¿Que tal marchades todos eses bos amigos que vivides no cubil dos centralistas?"38.
Desde a distancia, seguirá despois, en canto pode, en terras castelás ou andaluzas, os vaivéns da política galega. En contacto epistolar cos seus amigos galeguistas e aledándose coas victorias do galeguismo ou partidos afíns. Ofrezo aquí só dúas mostras deste seu entusiasmo galeguista. Unha máis ben indirecta (a carta-resposta do seu amigo Díaz Baliño) e outra directa (a que lle escribe o propio Cabada Vázquez a Antón Alonso Ríos). Ámbalas dúas son do ano 1936.
Díaz Baliño contesta do seguinte modo, o 18 de xaneiro de 1936, á previa felicitación de Nadal do seu amigo:
“Amigo Cabada:
Ben e moi ben que te lembres dos amigos e irmáns. Mais ¿cando me mandas a nova da túa voda?
Cómpre que o fagas. Xa non tes impedimento; que a laboura do home na vida é o primeiro facer homes ... ou mulleres.
Un fillo teu, ou unha filla, ten que ser por forza un patriota.
Agardando esa nova e agardando sempre a libertade da Terra, libertade compreta, libertade no senso enteiro da verba, abrázate teu irmán na causa e na Libertade”39.
A segunda mostra é a carta que lle escribe Cabada Vázquez, tamén desde Linares, desde o "desterro" (tal como el di), pouco máis dun mes antes da súa morte, a Antón Alonso Ríos. Como ben saberedes, o silledense Alonso Ríos foi un importante agrarista e galeguista de esquerdas, que nas eleccións do 16 de febreiro de 1936 foi elixido deputado, como candidato da Coalición de Esquerda Republicana (a Fronte Popular) e que logrou sobrevivir despois durante a Guerra civil facéndose mendigo co nome de “siñor Afranio” . Pois ben, con motivo da súa elección como deputado, escríbelle o político de Codeseda:
“Meu bo amigo e irmán: Chega hasta min a ledicia da Terra polo trunfo acadado nas urnas. No desterro experiméntase unha fonda emoción ó saber que Galicia vai ter outra vez quen a represente dinamente e quen seipa interpretar as súas necesidades raciaes e as súas arelas de libertade ante a Cámara española.
Coa noraboa do trunfo unha estreita aperta de
José M. Cabada Vázquez “40
Pouco máis dun mes despois de enviada esta carta a Antón Alonso Ríos, morría Cabada Vázquez en Linares, hai agora 75 anos, con só 34 anos. Podemos aplicarlle a el o dito latino: “Consummatus in brevi, implevit tempora multa”. Consumido en breve, encheu moitos tempos...
* Conferencia no 75 cabodano do seu pasamento na A. C. Vagalumes

NOTAS
1 "Faro de Vigo", 2 outubro 1962, p. 7.
2 "A Nosa Terra", nº 408 (3 abril 1936).
3 "El Pueblo Gallego", 4 de abril 1936, p. 1.
4 "Heraldo de Galicia" (Ourense), 6 abril 1936.
5 R. Villar Ponte, Door e sentimento: “El Pueblo Gallego”, 23 abril 1936, p. 1. O “mestre” do que aquí fala Villar Ponte é Curros, o autor do poema “A Rosalía” co gallo do traslado dos seus restos mortais en 1891 de Adina a San Domingos de Bonaval. Efectivamente, o poema, que empeza cos versos “Do mar pola orela /Mireina pasar, / Na frente unha estrela, / No bico un cantar”, remata así mesmo deste xeito: “¡Ai, dos que levan na frente unha estrela! / ¡Ai, dos que levan no bico un cantar!” (Cf. Rodríguez,Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Asociación Socio-Pedagóxica Galega, 2011, p. 536-537).
6 M. García Barros, A miña lembranza ó pòeta Xosé Manuel Cabada Vázquez (manuscrito de 1962). Ver X. R. Freixeiro Mato, Cos pés na terra. Personalidade e obra inédita ou esquecida de Manuel García Barros (A Estrada, Asociación Cultural “A Estrada” – Ed. Fouce, 1999)106.
7 X. Echave-Sustaeta, In memoriam. José M. Cabada Vázquez: “Faro de Vigo”, 6 maio 1936, p. 6.
8 Ver X. M. Cabada Vázquez, Obra completa. Poemas e outros escritos (A Estrada, Fundación Cultural da Estrada, 2001)333-334.
9 Cf. R. Otero Pedrayo, "Vagalumes". Versos galegos por Cabada Vázquez: “El Pueblo Gallego”, 26 febreiro 1936, p. 1.
10 Cf. "El Pueblo Gallego", 23 abril 1936, p. 1.
11 Cf. X. Echave-Sustaeta, In memoriam. José M. Cabada Vázquez: “Faro de Vigo”, 6 maio 1936, p. 6.
12 "Vida Gallega", 20 abril 1923 (X. M. Cabada Vázquez, Obra..., 38).
13 "Vida Gallega", 20 abril 1923 (X. M. Cabada Vázquez, Obra..., 39).
14 "El Emigrado", 30 xuño 1923. Ver o texto completo do poema en X. M. Cabada Vázquez, Obra..., 42.
15 "Vida Gallega", 15 outubro 1923 (X. M. Cabada Vázquez, Vagalumes. Versos galegos, Santiago, Seminario C. Central, 1931, pp. 47-50. X. M. Cabada Vázquez, Obra...., 61-62).
16 Cf. "Vida Gallega", 5 outubro 1925 (X. M. Cabada Vázquez, Obra..., 135-141).
17 "Vida Gallega", 31 marzo 1926 (X. M. Cabada Vázquez, Vagalumes, 41-44. X. M. Cabada Vázquez, Obra..., 156-157). O poema foi recollido e adaptado polo cantante Benedicto García Villar nunha das súas cancións.
18 "El Compostelano", 24 maio 1928 (X. M. Cabada Vázquez, Vagalumes, 17-23. X. M. Cabada Vázquez, Obra..., 188-190).
19 "Acción" (Pontevedra), 30 abril 1929, p. 5 (X. M. Cabada Vázquez, Vagalumes, 75-76. X. M. Cabada Vázquez, Obra..., 197).
20 X. M. Cabada Vázquez, Vagalumes, 329-330 (X. M. Cabada Vázquez, Obra..., 235).
21 Cf. X. M. Cabada Vázquez, Vagalumes, 309 (X. M. Cabada Vázquez, Obra..., 229-230).
22 X. M. Cabada Vázquez, Moxenas [II] (X. M. Cabada Vázquez, Obra..., 305).
23 Cf. "El Compostelano", 22 abril 1931, p.1; "El Eco de Santiago", 22 abril 1931; "El Pueblo Gallego", 23 abril 1931, p. 12; "Faro de Vigo", 23 abril 1931, p. 8; "La Voz de la Verdad", 25 abril 1931, p. 1; "Vida Gallega", nº 484 (10 maio 1931).
24 Cf. "Faro de Vigo", 5 maio 1931, p. 10; "El Pueblo Gallego", 6 maio 1931, p. 7.
25 Cf. "El Eco de Santiago", 23 xullo 1931.
26 "Nós", 25 xullo 1931 (Día de Galiza do 1931). Ver X. M. Cabada Vázquez, Obra..., 244-245.
27 Cf. "Suplemento Gratuito de NÓS" de agosto 1931 (Fascículo XXXIII) pp. 10-12.
28 Ver nº 291 de "A Nosa Terra", p. 3.
29 Cf. "El Pueblo Gallego": 8 decembro 1931, p. 9 e 11 decembro 1931, p. 12.
30 "El Ideal Gallego", 8 decembro 1931, p. 8.
31 "El Ideal Gallego", 9 decembro 1931, p. 3.
32 O texto (en galego) deste manifesto galeguista pontevedrés apareceu no nº 370 (15 xuño 1935) de "A Nosa Terra". Algúns días antes publicárase a versión castelá do manifesto no "Faro de Vigo", 9 xuño 1935, p. 5.
33 No "Heraldo de Galicia" do 10 de febreiro de 1936 aparece outro manifesto, Dereita Galeguista á opinión galega, asinado por algúns galeguistas ourensáns, sendo Vicente Risco o primeiro dos asinantes.
34 Co título de Á Opinión Galega aparece en "El Compostelano" (3 de abril 1936, p. 1), "El Eco de Santiago" (3 de abril 1936, p. 1) e no "Heraldo de Galicia" (6 de abril 1936, p. 1) outro manifesto —que se fai eco explícito do de Ourense— de determinados galeguistas de Santiago, asinado en primeiro lugar por Banet Fontenla (que na asemblea fundacional do Partido Galeguista fora elixido presidente da mesa).
35 Cf. "Heraldo de Galicia", nº 110, 12 decembro 1932.
36 Cf. "El Pueblo Gallego", 17 xaneiro 1934, p. 10.
37 Cf. "El Pueblo Gallego", 24 abril 1935, p. 9.
38 Cf. M. Cabada Castro. Novos escritos de Xosé Manuel Cabada Vázquez: “A Estrada. Miscelánea histórica e cultural”, p. 152.
39 As cartas dirixidas por Cabada Vázquez a Díaz Baliño nos anos 1931 e 1935 pódense ler en X. M. Cabada Vázquez, Obra..., 333s, 343s.
40 Ver X. M. Cabada Vázquez, Obra..., 345. Para unha información máis detallada sobre o galeguismo de Cabada Vázquez, remito ó meu escrito Paixón poética e militancia galeguista. Estudio biográfico sobre Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901- 1936) (Sada – A Coruña, Ed. Do Castro, 2001).