Ponte románica de Andón (Aciveiro)
Francisco Rozados Rivas
É, xunto coa Ponte Gomaíl, a de máis beleza e grandiosidade no concello. Son as dúas, por outra parte, as únicas románicas. Atribúese a creación desta ponte ó abade Gonzalo das Penas, logo canonizado, a quen tamén se atribúe a Ponte do Crego ou do Frade na freguesía de Dúas Igrexas. Sitúase a poucos metros do lugar de Andón e érguese cun só arco, apuntado como corresponde ó tempo no que foi construída –primeira metade do século XV–, de oito metros de luz e cinco dende o leito do río. O ancho da calzada da ponte é de dous metros e medio por un longo de trinta metros. Fíxose de perpiaño nos basamentos, dovelas do arco e varandas, e o resto con lousa e anacos de cantería. Ten importancia tamén no mundo máxico como unha das poucas pontes sobre o Lérez escolleitas para os ritos hídricos, entre os cales destaca o do enxebramento, que equivalía no mundo das tradicións ó bautizo anticipado ou bautizo dos non-natos, cando se temía pola vida dos nascituri. Tamén se coñecía este ritual como “rito de quebra de sino”. No caso desta ponte aínda tiña maior predicamento por estar case a carón do mosteiro de Aciveiro e tamén por se dar a circunstancia de estar precedida no curso do río por sete muíños, cando o sete foi sempre un número crucial no mundo dos vellos ritos. Tamén servía, nese mundo máxico tradicional, para curar o mal de aire ou enganido dos rapaces que o padecían e mais o aire de cobra, lagarto e arañón, segundo recollido o etnólogo Fermín Bouza Brey. Está recollida con texto e imaxe na fermosa publicación “As Pontes do Lérez” de Antonio Rodríguez Fraiz e Agustín Portela Paz, editada pola Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia no ano 1987. A primeira fotografía é unha vista aérea, a segunda unha con néboa e a terceira unha de día claro de verán.
* http://forcareiterra.blogspot.com.es/ [16 decembro 2013]7
* http://forcareiterra.blogspot.com.es/ [16 decembro 2013]7