A riqueza dunha vida breve
Xosé Manuel Martínez Oca
Mentres escribo estas liñas teño diante unha carta do meu primo David García Insua, datada en Moreira o 24-05-82, que di: “Niste mesmo intre, catro da tarde, danme a triste notiza do pasamento de Xosé Manoel Mosquera ... Foi un dos poucos, pouquiños, que eu tiña pra conversar. Gardáballe todo o que atopaba e il traíame todo o que mercaba...”
Pouco máis dun ano antes chegara á casa dos meus avós, en Berres, o propio David, acompañado dun rapaz de Moreira que quería falar comigo despois de ter lido as miñas primeiras novelas. Así foi como coñecín a Xoseme e como desde o primeiro momento se me evidenciou a necesidade de comunicación que irradiaba del, así como a urxencia por saber e por compartir todo o que levaba dentro de si. Guiado por el fun percorrer o castro de Barbude e a Penadona, ou o lugar de Mamuela, en Ancorados, á percura de restos prehistóricos que daquela lle andaban a dar voltas na cabeza. Del recibiría unha copia do libro de Pedro Varela, “La Estrada”, que se apurou a mandarme cando soubo que non o coñecía. El proporcionaríame información sobre as inquietudes da xente máis nova dA Estrada nas poucas ocasións que tivemos de nos ver, porque o mal que o levaría xa cerraba a cada paso máis o cerco arredor seu. Hoxe aínda revivo a angustia que me premeu a gorxa cando nunha visita que lle fixen, xa no leito, me dixo que sabía que había morrer novo. Mireino ós ollos e non fun capaz de atopar unha palabra coa que lle dar ánimos. Pouco despois, creo lembrar que unha mañá de domingo, ía dA Estrada a Berres e vino diante da porta sentado nun coche co seu pai. Parei para saudalo e díxome que marchaba ó hospital. Desexeille sorte e quedámos en que cando volvese pasaría pola súa casa para falarmos outra volta. Xa non puido haber máis visitas. Da calidade humana de Xoseme fala mellor que cousa ningunha o cariño que nos que o coñeceron soubo sementar. E como mostra dese cariño, gracias ós seus amigos temos hoxe aquí esta edición dos seus versos, coa que conservar mellor a súa lembranza entre nós. |