Fotografías da infamia
DIONISIO PEREIRA
“Amo as imaxes que merecen ser reproducidas”
Lou Reed & John Cale, “Images”
Hai varios anos, nunha desas recompilacións gráficas locais financiada con fondos públicos, se publicou unha fotografía que me causou un fondo desacougo. Arrodeada doutros “ecos de sociedade” nos que abundaban as visitas dos xerarcas franquistas e as crónicas daquelas misións que fanatizaban as parroquias, sen a penas rastro gráfico ningún das axitacións sociais (agrarismo, eclosión das esquerdas republicana e obreirista, galeguismo…) que tamén alucaron polas Terras de Montes no primeiro terzo do século XX e dos rebeldes que as alumearon, figuraba unha instantánea tomada en Forcarei no ano 1950 na que se recollía o “pago” do subsidio a unha veciñanza cansa e avellentada por parte do, daquela, Gobernador Civil da provincia, o xerezano José Solís Ruíz, considerado por algúns “la sonrisa del Régimen”. Ata eiquí nada fora do común, agás a normalidade con que este tipo de documentos se acolle por estes lares, como se non formaran parte da atafegante propaganda emitida por unha noxenta Ditadura tinxida de sangue. Mais a imaxe daquela entrega a un home xa maior, vestido de xeito moi humilde e cuxa faciana deixaba albiscar unha vida dura e, quizais, miserable, levaba un pe de foto que interioricei coma quen sinte, de súpeto, unha labazada. Velaí:
“Curioso contraste: o loitador agrario e extenente de alcalde Alfredo Iglesias recibe “o subsidio” de José Solís Ruiz, en 1950, seis anos antes da súa morte” .
De certo que aquel home era Alfredo Iglesias Álvarez, noutrora destacado cadro socialista de Santa Mariña de Presqueiras moi coñecido antes de 1936 por toda a provincia de Pontevedra, de quen, nunha recente publicación, escribimos estoutra semblanza:
Alfredo Iglesias Álvarez (Alfonsín): Dirixente da “Agrupación Socialista Obrera” e da “Sociedad de Oficios Varios `La Lealtad´” (UGT) de Presqueiras e canteiro de profesión, exerceu como líder agrario e obreiro no Concello de Forcarei dende os anos vinte do século pasado ate a Guerra Civil. Primeiro tenente de alcalde no Concello de Forcarei polo PSOE antes da Ditadura de Primo de Rivera, repetiu como concelleiro na Fronte Popular. Detido en Codeseda (A Estrada) tras o golpe militar, foi xulgado nun Consello de Guerra e condenado a cadea perpetua. Estivo preso sete anos en A Estrada, Pontevedra, San Simón, Penal de San Cristóbal (Pamplona), Villablino (nun “Batallón de Trabajadores”) e Colonia Penitenciaria de El Dueso (Santoña).1
Semblanza que continuabamos noutro artigo:
“... Alfredo, fora detido o 22 de xullo de 1936 en Codeseda (A Estrada), onde traballaba como contratista no vial de Vilapouca, e vira moi comprometida a súa situación na cadea de Pontevedra tras as acusacións deitadas polo párroco falanxista da Magdalena (Soutelo de Montes) Aquilino López Picón, que, de xeito inaudito, comandara á brava o asalto ao seu domicilio de Alfonsín levado a cabo por un remuíño de gardas civís e membros da Garda Cívica de Forcarei, na procura de probas de cargo. Semellante “razzia”, deu como resultado a incautación dun carné de cando andara, alá polos anos 20, Alfredo emigrado nos EEUU, afiliado á Masons´ Union (Unión de Albaneis) integrada na central sindical International Working & Ove Book, así como un escrito datado en xaneiro do ano 1932 asinado por numerosos veciños da súa parroquia, pedindo a clausura temporal da igrexa de Santa Mariña mentres non se reparara o tellado, pois estaba en mal estado e xa caera enriba dos fregueses en plena Misa. Daquela, obra e graza da mala entraña do cura Aquilino de infausta memoria na zona, no sumario do Consello de Guerra o carné sindical mudou en carné “masónico” e o inofensivo escrito nunha instigación en toda regra a clausurar as igrexas e a erradicar a relixión no que noutrora fora solar dos Churruchaos.
En definitiva, Alfredo Iglesias zafará por pouco da morte mercé o testemuño favorable doutro crego, o benquerido abade da súa parroquia e canteiro vocacional Manuel Fraíz Garrido (alcumado “O Morrón”, debido ao seu devezo polo arghina), e dalgún veciño solidario caso de quen ocupara a alcaldía de Forcarei durante boa parte da República, o avogado Sabino Mariño Pereira. O veredicto daquel xuízo-farsa foi, porén, reclusión a perpetuidade, condena que o canteiro de Presqueiras comezou a cumprir na Colonia Penal de San Simón a partir do mes de febreiro de 1937...”2.
A fotografía era explícita dabondo: un dos “vencidos” tras o golpe militar, que fora sometido a todo tipo de represalias e obrigado a sobrevivir na miseria a unha idade (60 anos no intre de saír da cadea; 67 no instante de recibir o subsidio) que, daquela, representaba xa a vellez completa, continuaba a ser atacado publicamente na súa dignidade e “derrotado” de maneira definitiva “a posteriori”, primeiro en 1950 e despois no 2005, sen que puidera tan sequera procurar a súa defensa. Por demais, a ferinte rexouba do pe de foto (“curioso contraste...” ) obviando a traxedia vital do vencido, a súa indefensión e a radical inxustiza que el e os seus compañeiros e compañeiras de infortunio sufriron, viña a se incorporar en clave menor e a destempo á morea de mentiras, menosprezos e calumnias, que o funesto réxime franquista deitou durante 40 anos sobre a memoria de todos e todas. Un vilipendio que, arestora, boa parte da dereita española representada no Partido Popular se empeña en reproducir de xeito desvergoñado, ao tempo que pretende asolagar a “memoria dos oprimidos” e revisar a propia esencia criminal da Ditadura.....
No resplandecente Limiar que Xosé Ramón Paz Antón escribiu para unha recente publicación, apúntase:
“…No referente aos procesos de Memoria Histórica, a Fotografía Social ofrece un novo marco de actuacións tanto para a investigación e a divulgación da represión franquista, como para os procesos de dignificación das vítimas e a reparación, entre outras cousas, da súa imaxe…”5.
Unha imaxe, engadimos, desvalorizada e manipulada como a de Alfredo Iglesias, para que, acompañada de moitas outras da mesma caste, perdamos toda esperanza en acadar un mundo máis libre e máis xusto; para que todos e todas teñamos o íntimo convencemento de que acabaremos “pasando polo aro”, tal e como xa o deberon facer os afoutos loitadores e loitadoras do pasado tras o escarmento franquista,….Esa é a deturpada imaxe da Humanidade adoecida que pretenden fixar e transmitir os epígonos da dereita, mesmo os que presumen da súa modernidade e amplitude de miras cultural e social.
Máis adiante, Paz Antón clarea que é o roteiro ético e ideolóxico das propias vítimas daquel tempo de ferro o que dignifica as súas humildes fotografías gardadas con devoción polos seus seres queridos; xusto o contrario do que acontece coa miserable fotografía propagandística do réxime de Franco, que debera ser cualificada como consciente e reiterativo modelo da infamia no canto de incorporala con toda naturalidade ao imaxinario colectivo gráfico, cunha sorte de continuidade que di ben pouco dos valores democráticos da vida municipal de moitas pequenas localidades do país.
Sabido é que as vítimas da Ditadura franquista seguirán a padecer un tratamento inxusto no futuro na pel dos seus achegados e dos seus valedores, en tanto en canto non se lles recoñeza xurídica, política e socialmente como tais. Nesta loita por desvelar o franquismo que nos condiciona, aínda, en múltiples aspectos, a Fotografía Social representa un novidoso campo de traballo que debe permitir a devolución ás familias dos represaliados e represaliadas e á sociedade enteira, as imaxes de quen fora escarnecido, maltratado ou masacrado, acariñadas por unha prezada auréola de dignidade e lexitimidade: para que nunca máis se lles ataque sen que se poidan defender; para que non se esqueza o seu exemplo liberador como proposta de futuro….
[Publicado no Terra e Tempo, 28-8-2011].
1 Pereira, Dionísio, “As vítimas do franquismo na Terra de Montes (1936-1953). Beariz, Cerdedo e Forcarei”, Vieiros da Memoria 1, Verbo Xido, Cerdedo, 2010.
2 Pereira, Dionísio, “Aníbal Otero e a Terra de Montes: lingüística e represión franquista”, in Revista A Xanela, nº 31, primavera de 2011, Asociación Cultural Eira Vella, Betanzos.
3 Paz Antón, X. R. e Pereira, D., “Facianas da represión franquista na Terra de Montes”, Vieiros da Memoria 2, Verbo Xido, Cerdedo, 2011.