Solicitude de apoio ao concello para lembrar aos 6 da Ponte do Regueiro e visita de Rosalía Boullosa á Estrada (10-06-08)
TEXTO DO ESCRITO DE COMISIÓN POLA MEMORIA "SIÑOR AFRANIO"
• Que a Asociación “Comisión pola memoria Siñor Afranio” que abrangue as Asociacións de recuperación da memoria histórica do norte da provincia de Pontevedra, leva varios anos traballando na investigación, restauración e divulgación da nosa historia así como dignificación e recoñecemento das vítimas da represión franquista. • Que a través deste traballo de recuperación da memoria histórica documentamos o feito de que na Estrada, o 9 de outubro de 1936, foron “paseados” 6 cidadáns provenientes de Concellos da contorna e que os seus cadáveres foron soterrados no cemiterio local. • Estas persoas son Severino García Teijeiro, José Domingo González Boullosa, Juán Bacariza Sánchez, Ramón Muíños Lorenzo, Manuel Guillán Abalo e Jesús Froiz Gómez. • Que o pobo da Estrada, e nomeadamente persoas de releve como o crego Nicolás Mato Varela e o xuíz Fermín Bouza Brey, amosaron un comportamento exemplar fronte este crime e aínda que as vítimas non son deste concello, é un feito histórico que compre lembrar para honra da dignidade dun municipio coma este que manifestou a súa solidariedade e apoio aos represaliados nun momento de especial perigo. POLO QUE SOLICITA: • Que se autorice colocar un monumento e se habilite un espazo na Ponte do Regueiro, a beira de onde foron executados estes demócratas en 1936. • Que se preste axuda institucional para as obras e os gastos que poidan ocasionar a colocación de dito monumento. Para que así conste, asina en A Estrada a 10 de xuño de 2008 |