Como se forxou a lenda do monte do Seixo?
Calros Solla
En resposta á pregunta que con amábel frecuencia se me plantexa, propúxenme finalmente dedicarlle unhas liñas para respondela con fundamento; obrigándome por tal a facer memoria. Tempus fugit.
Na actualidade, son innúmeras as publicacións -en formato impreso ou electrónico- que se fan eco da existencia na comarca de Montes do monte do Seixo, coa súa ben gañada reputación de enclave mítico, de montaña sagrada. As referencias a Portalén, o sanctasanctórum, son aínda máis numerosas. Aledámonos moito. Non obstante, ningunha das publicacións aludidas -quizais por esquecemento, quizais por descoñecemento- lle dedican espazo a explicar como, da nada, sen contar aínda hoxe cunha mínima infraestrutura, o monte do Seixo se chegou a converter no parque temático por antonomasia da nosa mitoloxía popular. Decidido a iluminar un esforzado e entusiasta labor de anos, enfío a liña temporal dos feitos.
O fenómeno cultural do monte do Seixo-Portalén ten data de inicio: abril do ano 2002. As primeiras referencias escritas verbo do patrimonio inmaterial do monte do Seixo apareceron no libro Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral, publicado por Edicións Cardeñoso nos sobreditos ano e mes. No eido mitolóxico, o capítulo VI, intitulado “Pedra de gran. Litonimia, arqueoloxía e lenda en terra cerdedense”, emprega 54 páxinas (523-577) para enumerar e describir con brevidade os froitos do traballo de campo que realicei a finais da década dos noventa na parroquia de Cerdedo e a súa contorna, lar dos meus devanceiros e indelébel paisaxe infantil. No tocante á mitoloxía, moito do material recollido remitíame inelutabelmente ao monte do Seixo. Cumpría, pois, profundar no asunto.
Aplicando o método adquirido nas aulas de Compostela e provisto dun caderno de notas e unha gravadora Philips D6280, pateei de novo aquelas aldeas durante os meses seguintes, petando en canta porta se me ocorreu ou me aconsellaron, preguntando e repreguntando, con paciencia, con respecto; até recadar dos meus informantes (mormente, octo e nonaxenarios) unha valiosa información que a piques estivo de marchar con eles para a tumba. Ao mesmo tempo, a construción do parque eólico (1999-2000) devastaba a malfadada paisaxe da serra do Cando e os seus vestixios arqueolóxicos. Pelexouse, mais, todo o que se fixo por preservar a integridade da penechaira foi insuficiente. Non obstante, case vinte anos despois, fortalecidas coas evidencias as nosas reclamacións, seguimos estando por aquí; non desfalecemos.
Entre outros lemas mitolóxicos do Seixo e arredores, no capítulo VI do Inventario xeral deuse primicia da Almofadiña de Pirocha (a Moura doncela), do ar da Penadaiga, das Brañas Rubias, do Campo do Boi, da Casa da Neve, do Castro Grande (galiña dos pitos de ouro, rato Rabisaco), do Castro Pequeno, de Cavaladrós, do Chan de Mamas, dos Coios Brancos, da Cruz do Seixo, da Feira Vella, da fonte de Sanabarrigas, da fonte dos Belberichos, da Fontefría, do Home Longo (ou da Legua), das lagoas de Xestido, da Laxa Mosqueira, da Laxamoura (a Moura vella), do Marco do Vento, do Ollo de Bouciga, do Outeiro da Cama, do Outeiro das Lúas Novas, do Outeiro do Coto, dos outeiros da Penadrosa, da Penadaiga, do pozo da Muller Morta, do pozo Sangoento (serpe Bichoca, besta branca ou cabalo unicornio), da regueira de Picamillos, da santa Mariña, do Tecelán de Carballás, da Trampa do Lobo, de Trentinán (ou Trintinán), da Urceira de Graubuliña, da Ventá do Areal... Así mesmo, dedicóuselle unha entrada ao propio monte do Seixo (páxs. 553-4).
Dos corenta personaxes e lugares consignados apenas existía bibliografía de sete: o Castro Grande (catálogo arqueolóxico; galiña dos pitos de ouro), o Castro Pequeno (catálogo arqueolóxico), Chan de Mamas (catálogo arqueolóxico), as lagoas de Xestido (cita do Padre Sarmiento en Viaxe a Galiza de 1745), a Laxa Mosqueira (citas do Padre Sarmiento en Viaxe a Galiza de 1745 e Colección de voces y frases gallegas, 1746-1770); cita de Cabeza Quiles en Os nomes da terra, 2000) e o Marco do Vento (cita de Rdez. Fraíz, 1961).
Dei por concluída a achega do Inventario xeral da parroquia de Cerdedo, proxectando animoso a elaboración dunha triloxía cerdedense. Sen me decatar, nacía a colección “Cerdedo in the Voyager” (e alá van 18 volumes). Ordenada e redactada unha pequena parte daqueles iniciáticos e primeirizos apuntamentos e horas de gravación, entreguei o papelorio á editorial a comezos de 2002, cadrando co meu ingreso na asociación cultural e medioambiental Verbo Xido de Terra de Montes.
A directiva de Verbo Xido, da que formei parte, encargoume a organización dos actos na honra e lembranza do Padre Sarmiento, autor ao que, en 2002, se lle dedicaba o Día das Letras Galegas (véxase a memoria de actividades do colectivo 2001-2003). Amais dalgunha charla e un feixe de artigos aquí e acolá, deseñei o Roteiro Sarmiento de Cerdedo, conxugando nun itinerario as dúas rutas descritas polo relixioso na súa obra Viaxe a Galiza de 1745. Sarmiento visitara Cerdedo en 1710 e 1745. A primeira edición do noso Roteiro Sarmiento data de maio de 2002. Con inicio e remate na vila de Cerdedo, os participantes naquel paseo de estrea fixemos, xaora, un alto explicativo perante as ruínas do pazo das Raposeiras (Meilide). Xa por aquel entón intuía, sen probas, que o Padre Sarmiento, tataraneto do capitán Gosende, viñera ao mundo ao abeiro daqueles muros. As investigacións do profesor Santos Puerto (2008) virían corroborar que non andabamos desencamiñados.
No mes de xullo de 2002 presentei en Cerdedo o libro Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Ben seguro, na relación das estacións míticas do monte do Seixo, os lectores botan de menos a hogano célebre Portalén. A porta do Outro Mundo non se rexistra no Inventario xeral, porque, aínda contando con alusións abondas, non foi até o verán de 2002 cando, por fin, dei xuntado no alto do monte unha delegación dos meus informantes, coa misión de identificar entre o amplo mostrario de afloramentos graníticos aquel que se asociaba coa tradición de ultratumba e que eu consideraba de relevancia excepcional (léase Faro de Vigo-Terra de Montes, 7-1-2012). Entre outros impedimentos e dilacións, os petrucios non disimulaban o seu fastío por subir ao Seixo e atestar in situ a desfeita provocada pola instalación do parque eólico: “Este xa non é o noso monte”, dicían. E razóns non lles faltaban.
Apurando o Ano Sarmiento, en decembro de 2002 presentouse un outro libro, Cerdedo na obra do Padre Sarmiento, cuxa edición contou co patrocinio de Verbo Xido. Rememorando a visita do frade beneditino á casa natal das Raposeiras (decembro de 1745), houbo tempo para organizar a segunda edición do Roteiro Sarmiento. Para esta quenda invernal, propuxen en asemblea que, dende a localidade de Cerdedo e seguindo os pasos do frade, os participantes ascendésemos deica a cimeira do Outeiro do Coto (1.015 m), pola costa da Galgareta arriba. Devecía por transmitirlles aos nosos visitantes aquilo que os vellos me transmitiran a min; ansiaba revelarlle ao mundo a existencia de Portalén. Di o monte do Seixo: “Se es o meu amigho verdadeiro, venme ver de vrau e mais de inverno”. En conclusión, no mes de Nadal de 2002 realizouse a primeira visita guiada ao monte do Seixo. Faro de Vigo-Terra de Montes (12-12-2002) titulaba: “Verbo Xido inaugura la segunda ruta Padre Sarmiento con una marcha por el Seixo”. A cobertura que a prensa local lle deu ao evento, a capacidade difusora da incipiente Internet e o infalíbel boca a boca puxeron en marcha este formato pioneiro de intervención cultural sobre o terreo. Os segredos agochados no Seixo revertían xa as lombas da montaña.
Ao pouco, a alcaldía de Cerdedo apropiouse da iniciativa cultural do Roteiro Sarmiento e contratou unha empresa para deseñar un trazado alternativo (ano 2004). De puro electoralismo, a cacicaxe deixou caer o pazo das Raposeiras e acabou desvirtuando e cubrindo de piche o legado literario do frade ilustrado (léase Faro de Vigo-Terra de Montes, 4-11-2012 e 16-11-2012).
Dende o comezo, as visitas guiadas ao monte do Seixo non se limitaron ao realce do patrimonio ambiental, arqueolóxico ou inmaterial da montaña, senón que tamén se aproveitaron para lembrar a sarta de ilegalidades e despropósitos cometidos tras a decisión caciquil de transformar aquela porción de Rede Natura en solo industrial, e, para máis inri, en troco de pírricos beneficios para a comunidade. Sermos fieis á verdade, nadar a contracorrente do pensamento gregario supuxo gañar a animadversión do poder político local e, asemade, ser obxectivo da súa estratexia de silenciamento. Por desgraza, en Terra de Montes ninguén se move se non o ordena o señor feudal.
Porén, excursión tras excursión, os seareiros do monte do Seixo ían en aumento. As mensaxes de apoio, chegadas por canles diversas, motiváronme nos anos sucesivos a seguir organizando e guiando visitas aos santos lugares. A súa frecuencia incrementábase na tempada de verán. Como mostra de respecto pola tradición, xamais acompañei roteiro ningún no mes de Santos, data na que os sabios da tribo sinalaron a permeabilidade de Portalén: “Só debe acudir quen o necesita”.
En outubro de 2005 saíu do prelo Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (Ed. Cardeñoso). Nesta edición, abordei de novo o asunto do Seixo e dos seus penedos con lenda, deixando por vez primeira constancia escrita de Portalén e das tradicións vinculadas co Máis Alá. O traballo de campo realizado durante o trienio 2002-05 arrequecía o xa publicado en 2002: o Almadraque de Pirocha (a Moura doncela), a Bichoca, o Campo do Boi, a Casa da Neve, o Castro Grande (galiña dos pitos de ouro, a cova do Castro, o Castro Pequeno, o rato Rabisaco, a Moura casadeira, a Pedra do Talle, a besta branca), Cavaladrós, Chan de Mamas, o Coto dos Chirimelos (Porta do Alén ou Portalén), a Cruz do Seixo, a fonte de Sanabarrigas, as Brañas Rubias, a fonte dos Belberichos, a Fontefría, o Home da Legua (outeiro das Lúas Novas), as lagoas de Xestido (Trentinán, santa Mariña, pozo da Muller Morta), a Laxa Mosqueira, a Laxamoura (a Moura vella, o arco da vella), o Marco do Vento, o Ollo de Bouciga, o Outeiro do Coto, Coios Brancos, Chan de Mamas (Tecelán de Carballás), o Moreo das Pedras, os outeiros da Penadrosa, a Penadaiga (paxaro Aigoto, ar da Penadaiga), a Ventá do Areal, a regueira de Picamillos, Trampa do Lobo, a Urceira de Graubuliña... Asemade, fun dando novas doutro filón inexplorado da nosa mitoloxía popular: os obxectos de poder, unha chea de amuletos e talismáns revelados nas miñas entrevistas (véxase Almanaque de encantos, páxs. 117-126, 2ª ed.).
A presentación á prensa do Almanaque de encantos en Cerdedo completouse, xaora, cun roteiro polo Seixo. Licenza de Thomas Mann, decidín por aquel entón adobiar o topónimo co apelativo de “Montaña Máxica”. La Voz de Galicia-Deza (6-12-2005) titulaba: “A montaña máxica de Cerdedo”; Faro de Vigo-Terra de Montes (12-12-2005): “Os míticos vixías do monte Seixo”; Diario de Pontevedra (8-1-2006): “Patria de lenda: Máis alá do monte Seixo. A reivindicación da montaña máxica”. Dende 2005, levo a conta precisa dos visitantes guiados.
No Almanaque, cun verniz lírico, mais fidel aos testemuños recadados nos meus encontros e conversas, Portalén ficaba retratada para a posteridade do seguinte xeito:
Xérmolos do alcouve pétreo do monte Seixo. Petoutos furados, rachados, regañados, gretados, fendidos, lañados... Pedras faladoras.
Chirimelos: oráculo do Samaín, correo dos que xa non están entre nós.
Calquera mortal pode achegarse á pedreira. Calquera, no mes de Santos, pode escoitar a resposta dos que habitan o Outro Mundo. Calquera pode atinxir as súas voces aboiando no abalo e devalo do vento.
De pretendermos novas do Máis Alá haberemos satisfacer a fame e sede dos defuntos. Cómpre achegar ao abrigadoiro da pena unha codia de pan e un copo de viño. Pousada a oferta, aqueles que todo o saben non adiarán a resposta.
O mesmo resultado obteremos se, no canto do pan e do viño, abeiramos unha candea. Aos mortos tamén lles sabe a luz.
O aquelado na Porta do Alén é segredo. Aquel que revele a fala dos antergos viraráselle rouca a voz.
No ano 2006, deseñei para Verbo Xido un tríptico das rutas polo Seixo: “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”. Este folleto empregouse como programa de man e agasallo de lembranza, repartíndose de balde centos de exemplares entre os nosos visitantes. Portalén e o rato Rabisaco compartían protagonismo na lapela da portada. A denominación “Roteiro da Montaña Máxica” era xa unha marca consolidada.
En abril de 2007, na cimeira do Outeiro do Coto, lin perante o público alí congregado a “Alternativa ecolóxica para o monte do Seixo”, arranque do Proxecto Montaña Máxica que defendín sen éxito perante a Administración, ao crelo merecente das atencións do Agader. Velaquí, arrouto de inxenuidade, a primeira dunha vintena de esixencias: “Retirar os aeroxeradores do circo máxico da montaña ou diminuír considerabelmente o seu número”. Naquela altura, calquera acto desenvolvido no monte do Seixo contaba con espazo abondo nos xornais. Faro de Vigo-Terra de Montes (20-4-2007) titulaba: “Unha montaña máxica en Cerdedo”. A cadea de transmisión da sabenza popular vía reforzados os seus elos.
Roteiro a roteiro, ensinando e aprendendo, foron moitas as persoas que me solicitaron xa non un folleto, senón unha publicación que, no formato do libro de peto, puidese ser empregada como complemento, ben para ilustrar a experiencia en directo, ben para evocala dende a distancia. Xa que logo, froito da insistencia, en 2007, editouse Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (Ed. Cardeñoso). Nesta obra, amais de escolmar da mitoloxía cerdedense as lendas do Seixo, sumei voces amigas na tarefa de apontoar o quefacer divulgativo e a irrenunciábel tarefa de denuncia. Os exemplares da primeira edición esgotáronse axiña. No ano 2010, ao coidado de Edicións Morgante, reeditaríase o Almanaque de encantos e, en 2011, vería a luz unha versión refundida da Reivindicación da Montaña Máxica.
Colectivos e asociacións seguían demandando roteiros. Provenientes dos catro puntos do país e de fóra das nosas fronteiras, milleiros de persoas, coma pingueira incesante, se foron dando cita no alto do monte.
O ano 2008 supuxo un punto de inflexión no labor promocional e de posta en valor do acervo da montaña. Coma sempre, sen axuda institucional ningunha, elaborouse e publicouse Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas. En opinión dunha agarimosa maioría, O santuario (168 páxinas a cor prologadas por Antonio Reigosa) é un libro necesario, útil, digno e mesmo fermoso. Esta publicación esixiu redobrar esforzos. Ao tempo que se ía dando a coñecer, recuperábase o moito diñeiro investido. Vendéronse centos e centos de exemplares, xa a pé de obra, xa en innúmeras presentacións por toda a nosa xeografía. Belamente retratada, Portalén ocupaba as páxinas 140-145.
No Santuario anovouse o escaparate mitolóxico do Seixo, engadindo un mapa pormenorizado, oito posíbeis roteiros e novos textos dedicados á analise do enraizado mito da fin do mundo e do contexto histórico-mítico de Portalén (A Legua do Frade); todo isto, resultado de novas investigacións e achádegos. Afondouse nas calidades de antigo lugar asembleario, santuario rupestre (oenach), salientando a figura da Moura (na súa tripla manifestación) e do seu correlato cristiá, a santa Mariña, consonte o maxisterio dos admirados arqueólogos Blanca García Fdez.-Albalat e André Pena Granha.
Recuperado o investimento, os cartos obtidos coa venda directa do Santuario tamén se destinaron a fornecer o labor cultural desenvolvido pola asociación Verbo Xido (até 2010) e polo colectivo Capitán Gosende (dende 2012).
Tamén en 2008 decidín darlle forma a un blog “O Embigo do Becho”, bitácora persoal coa que, entre outras inquedanzas, compartín fotografías e reflexións sobre o Seixo en forma de notas ou artigos que, en paralelo, sempre atopaban oco na prensa local e nos máis diversos recunchos da Internet. Entrementres, no seo do colectivo Serpe Bichoca, escribín e codirixín o documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica, adaptando os textos aparecidos na Reividincación e mais no Santuario. O documental estreouse con éxito no Teatro Principal de Pontevedra en novembro de 2009. Foi emocionante inmortalizar na filmación o testemuño dos sabios da tribo. Diante das cámaras falaron, entre outros, as señoras Manuela de Barro e Pura de Cavenca; e mais os señores Xosé da Fonte e Vinicio da Cavadosa. A señora Manuela legounos a lenda do Tecelán de Carballás e o señor Xosé, os prodixios de Portalén.
Tamén, por aquelas datas, mandáronse imprimir as primeiras camisolas adobiadas co reclamo de Portalén e outros motivos promocionais.
En abril de 2011, en Narón, co gallo do congreso “Os celtas da Europa Atlántica” (III Congreso Internacional sobre a Cultura Celta), defendín diante dunha nutrida e douta concorrencia os méritos do monte do Seixo. O xornal El País (16-4-2011) titulaba: “El monte do Seixo, en Cerdedo, es el particular Olimpo del celtismo”.
O 27 de agosto de 2011, dez anos despois da posta en funcionamento do parque eólico, a confraría da Montaña Máxica deuse cita no alto do monte para esixir a pronta retirada dos aéroxeradores. Puxando do adival, a derruba simbólica dunha das tarabelas foi o máis retratado da xornada.
Ao longo dos anos seguintes, integrando a colección Cerdedo in the Voyager, a Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (2009) e a serie Retrincos nutríronse de artigos que abordaban dende perspectivas diversas a singularidade do noso monte. En O código da vincha (2012), As pedras da tribo (2014), A conxura dos Gosende (2015) e Ao saimento de nós (2017), incluíronse ítems coma os seguintes: “A Leghua dos Mouros”, “De cando rei Artur acadou os cumes do Seixo”, “E se o monte do Seixo for o mons Medulius?”, “María Diz: nome e apelido da céltica Deusa Nai en Terra de Montes”, “Ano 10 despois de Portalén (10 d. P.): O irrefreábel atractivo da Montaña Máxica”, “Ara a Mercurio. Vestixios dun altar votivo no alto do Seixo”, “As pedras guiadas do Castro Grande”, “Xenealoxías míticas”, “O rato Rabisaco no cartafol da lúa chea”, “Cerdedo e o solsticio de verán III”, “O monte do Seixo: Trece anos de abandono”, “O IES de Forcarei visita o monte do Seixo”, “O colexio de Cerdedo visita o monte do Seixo”, “Capitán Gosende fai historia en Cerdedo”, “As sete marabillas de Cerdedo I”, “Os doce traballos de Capitán Gosende”, “Romeiros do Alén”, “Romeiros do Alén, xente boa e xenerosa”, “Reminisencia do rato Rabisaco” etc., etc.
No ano 2016, o monte do Seixo volvía atraer a atención do gran público, advertido a través dos xornais, das publicacións na Web e das redes sociais. A chaira da Santa Mariña converteuse en escenario da XXXIX Romaxe de Irimia. Coorganizado polo colectivo Capitán Gosende, o evento xuntou na montaña a uns 2.000 romeiros. O acto, celebrado o segundo sábado de setembro, non tivo precedentes.
Prodigueime nas radios, atendín á chamada das canles de televisión, respondín a toda canta entrevista se me plantexou. Tentei, na medida das miñas posibilidades, manter o monte do Seixo afastado do frikismo e negueime a colaborar cos que pretendían lucrarse coa galiña dos pitos de ouro.
O monte do Seixo cativou o ánimo de moitos curiosos que ao longo deste anos -ora a través das miñas publicacións, ora de oídas- gustaron de reproducir nos seus libros, blogs ou webs os consabidos valores da montaña: uns con máis fortuna ca outros; uns con máis xenerosidade ca outros; uns coa loábel intención de servir, outros coa única intención de servirse. O “copiaapega” tamén contou con adeptos. Algúns nos agasallaron coa cortesía da cita, outros, por omisión, asumiron o mérito.
A piques de rematar 2018, dezaseis anos despois da dar a coñecer o acervo do monte do Seixo e mais de Portalén; dezaseis anos depois de preservar coa fala e coa escrita o tesouro inmaterial do monte do Seixo e superando a cifra dos 4.000 visitantes guiados, expreso a miña satisfacción polo labor desenvolvido. Nunca tanto se acadou con tan poucos medios. Deuse revivido un dos nosos santuarios ancestrais, atraendo por vía directa a máis de 6.000 persoas; por vía indirecta, o número é incalculábel. Isto foise facendo realidade sen pedirlle un peso aos concellos repercutidos e sen desfalecer fronte ao derrotismo inoculado na xente polo impúdico caciquismo. Nada pedimos, nada agardamos. E nada obteremos por xustiza, mentres aquel pobo permaneza prisioneiro dos seus medos e dos seus prexuízos. Da fonte do problema xamais poderá manar a solución.
A reivindicación da Montaña Máxica esixiume vinte anos de dedicación e un innegábel sacrificio persoal. Dounos por ben investidos. Nalgures afirmei que a descuberta de Portalén e a defensa do monte do Seixo danlle sentido a unha vida. Ao meu carón, moita xente turrou e segue turrando do carro. Os roteiros que o colectivo Capitán Gosende enxeñou e promove en Cerdedo (Sarmiento, Montaña Máxica, Pedre milenario e A Pantalla) déronme a oportunidade de coñecer e trabar amizade con ducias e ducias de persoas afervoadas e xenerosas. Camiñando á súa beira, constatei que a salvagarda da nosa cultura se apontoa apenas no cerne dos colectivos e das asociacións. Teño a esperanza de que cando haxa que ceder o testemuño, algún dos moitos iniciados prosiga a tarefa.
Nada cae do ceo, nada se consegue sen esforzo. Que difícil é facer agromar a maxia dunha paisaxe asoballada pola especulación. Os milleiros de persoas que canda min patearon o Seixo e os milleiros que o fixeron atraídas polo resón dos nosos pasos conseguiron forxar a lenda do monte do Seixo. Portalén é, hoxe por hoxe, destino obrigado da galeguidade. Oxalá esta nova condición sexa determinante para, en breve prazo, librar o monte da chatarra eólica.
Vémonos no Seixo, na soleira do Outro Mundo.