MEAVÍA: é un topónimo viario, é dicir, fai referencia a vías de comunicación. Deriva de media vía, facendo alusión ao lugar no medio entre dous puntos equidistantes, un ao comezo e outro ao remate, dunha vía ou camiño antigo. Neste caso, refírese ao chamado “camiño vreeiro”, que era unha unha ruta medieval utilizada polos arrieiros para levar o viño do Ribeiro a Compostela, pero na súa orixe está ademais unha das rutas de peregrinación máis utilizada polos camiñantes que se dirixían a Santiago desde o norte de Portugal. O Vreeiro entra na Terra de Montes polo lugar presqueirense de Alfonsín, pasa por San Miguel e Morgade, e colle despois dirección ao concello de Cerdedo, cara o lugar de Folgoso. Atravesa o Lérez pola ponte de Parada. De alí, vai á de Lama Ferrada, ao Vieiro, a Liñares e á Mámoa. Desde a Mámoa, segue por Cima da Costa ata as Baiucas e colle logo cara a Quintillán e a Rúa, xa en Meavía. Pasa entón o río Umia pola ponte de San Amaro e segue ao lugar do Cruceiro. En terras da Estrada transcorre polas parroquias de Pardemarín, Olives, Curantes, Ancorados e Riobó, até a súa chegada á ponte de Sarandón para cruzar o río Ulla e introducirse xa nos arredores de Compostela.
Capela de San Amaro
Vídeos de San Amaro (23-3-2017)
|
|