Colectivo Capitán Gosende. Quen somos?
O colectivo Capitán Gosende é unha asociación cultural galega, sen ánimo de lucro, libre e aberta, cuxo ámbito de actuación atinxe os lindes da histórica comarca de Terra de Montes. Fundada o 1 de abril de 2012 en Cerdedo polo filólogo, etnógrafo e escritor Calros Solla, a súa praxe inspírase na máxima martiana “Facer é o mellor xeito de dicir”.
O nome do colectivo lembra un célebre heroe cerdedés, o capitán Gosende, que en 1589 liderou as milicias de Montes que combateron e derrotaron na Coruña a armada do corsario Francis Drake.
Os membros da asociación fixaron os seus obxectivos na descuberta, estudo e promoción do patrimonio material e inmaterial de Cerdedo e Montes, concretados nas disciplinas da etnografía, a historia, a lingua e a literatura. Do seu labor de investigación provese a colección bibliográfica Cerdedo in the Voyager (ao coidado de Edicións Morgante) que, a día de hoxe, componse dos seguintes títulos:
Os devanditos vinte e tres volumes abordan o estudo do territorio atendendo á historia local (arqueoloxía, francesada, movemento agrario, memoria histórica...), a etnografía (costumes e ritualidades), a mitoloxía popular (monte do Seixo-Portalén, seres míticos, amuletos e obxectos de poder...), a arte e a arquitectura tradicional (capelas, igrexas, cruceiros, pontes, muíños, canastros, rueiros abandonados...), a lingua e literatura (fraseoloxía, literatura de tradición oral, o vervo xido, autores locais...)...
Algunhas das iniciativas culturais do colectivo Capitán Gosende son:
A maiores das publicacións en formato libro, o colectivo Capitán Gosende pon en coñecemento do público interesado todos os seus proxectos, actividades e descubertas a través do seu perfil público de Facebook e, entre outros, os seguintes medios de comunicación: a web Tabeirós-Montes, a web Historia de Galicia, o xornal Faro de Vigo, a web Galicia Encantada, a plataforma Galicia Digital, a revista dixital Pontevedra Viva...
A data do 22/2/2020, no eido da busca arqueolóxica, os exploradores do Capitán Gosende anotan no seu haber a descuberta de 46 gravados rupestre en Cerdedo e 77 na comarca de Montes, amais de castros, mámoas e outros elementos.
Que chova que vente, Capitán Gosende!!

- -Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral, 2002.
- -Cerdedo na obra do Padre Sarmiento, 2002.
- -Cerdedo in the Voyager I, 2004.
- -Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo, 2005.
- -Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica, 2007.
- -Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, 2008.
- -Cantares de Manuela de Barro. Achegas ao cantigueiro de Cerdedo, 2008.
- -Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo, 2009.
- -O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo (1916-1923), 2011.
- -O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo, 2011.
- -O código da vincha. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo, 2012.
- -Cantares de Manuela de Barro. Achegas ao cantigueiro de Cerdedo, 2012 (Edición especial).
- -O crime de Pardesoa, 2013.
- -As pedras da tribo. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo II, 2014.
- -Amuletos, talismáns e pedras da fartura. Obxectos de poder da Galiza tradicional, 2014.
- -A conxura dos Gosende. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo III, 2015.
- -Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo, 2016.
- -Ao saimento de nós. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo IV, 2017.
- -O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo, 2017.
- -A gran mortaldade, 2019.
- -Edición da obra narrativa do escritor cerdedés Santiago Gómez Tato (no prelo).
- -Edición d’O mestre de Quiroza, novela do escritor cerdedés Xosé Varela Buela (no prelo).
- -O embigo do becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V (no prelo).
Os devanditos vinte e tres volumes abordan o estudo do territorio atendendo á historia local (arqueoloxía, francesada, movemento agrario, memoria histórica...), a etnografía (costumes e ritualidades), a mitoloxía popular (monte do Seixo-Portalén, seres míticos, amuletos e obxectos de poder...), a arte e a arquitectura tradicional (capelas, igrexas, cruceiros, pontes, muíños, canastros, rueiros abandonados...), a lingua e literatura (fraseoloxía, literatura de tradición oral, o vervo xido, autores locais...)...
Algunhas das iniciativas culturais do colectivo Capitán Gosende son:
- -O Roteiro Sarmiento. Proxecto pioneiro en Cerdedo. Este itineraio, instituído en 2002 (“Ano Sarmiento”), conxuga a lembranza da vida e a obra do Padre Sarmiento, natural das Raposeiras (Meilide), coa divulgación da historia, da mitoloxía popular e dos elementos arquitectónicos e paisaxísticos da parroquia de Cerdedo. Promoción da localidade como destino turístico. Denuncia da ruína do pazo das Raposeiras, berce de Martiño Sarmiento.
- -O Roteiro da Montaña Máxica. Proxecto pioneiro na Galiza. O itinerario instituíuse en 2005, malia que a primeira visita guiada polos escenarios míticos do Seixo, entre eles Portalén, data de decembro de 2002. Oito rutas posíbeis deseñadas para vincular o monte do Seixo coas aldeas da redonda. Descuberta e promoción de Portalén, a porta ao Máis Alá. Divulgación do acervo mitolóxico da montaña e enxalzamento dos valores arqueolóxicos, paisaxísticos e ambientais do Seixo e da comarca. A día de hoxe, o número de participantes nos roteiros guiados acadou a cifra de 5.000. Deseño de mapas e trípticos e vídeo-documentais. Promoción da comarca como destino turístico. Repercusión internacional. Oposición ao parque eólico.
- -O Roteiro da Pantalla. Proxecto pioneiro na Galiza. Evento anual instituído en 2011 que ten lugar na noite de defuntos. Escenificación da Compaña (denominada Pantalla en Cerdedo) polas corredoiras aldeás; cea e velada de contos de medo. Conxuga a divulgación da mitoloxía popular coa promoción dos elementos arquitectónicos e paisaxísticos do concello de Cerdedo. Denuncia retranquiera do despoboamento e do inmobilismo caciquil.
- -O Roteiro polo Pedre milenario. Proxecto pioneiro na comarca. Este itinerario, instituído en 2013, ocúpase da divulgación da historia, da mitoloxía popular e dos elementos arquitectónicos e paisaxísticos da parroquia de Pedre. Descuberta e promoción da aldea vella de Vichocuntín. Difusión da parroquia como destino turístico. Oposición as centrais hidroeléctricas da conca do Lérez. Denuncia do despoboamento e do abandono do patrimonio arquitéctonico. Oposición ao trazado do TAV.
- -O Campo das Laudas. Proxecto pioneiro e único na Galiza. Inaugurado en 2016, este lugar da Memoria, sito nas Raposeiras (Meilide), estableceuse en lembranza e honra das vítimas da represión franquista en Cerdedo. As cinco laudas fincadas até o momento redimen do esquecemento a Xosé Otero Espasandín, Antonio Sueiro Cadavide, Francisco Varela Garrido, Xosé Torres Paz e Martiño Ferreiro Álvarez. Denuncia do incumprimento por parte das autoridades locais da Lei de Memoria Histórica.
- -O Roteiro Quireza arqueolóxica. Proxecto pioneiro na comarca. Itinerario instituído en 2020. Percorre os sitios arqueolóxicos da parroquia Quireza (petróglifos, mámoas e castros), moitos dos cales foron descubertos polo colectivo Capitán Gosende. Difusión da parroquia como destino turístico. Oposición ao proxecto do parque eólico.
A maiores das publicacións en formato libro, o colectivo Capitán Gosende pon en coñecemento do público interesado todos os seus proxectos, actividades e descubertas a través do seu perfil público de Facebook e, entre outros, os seguintes medios de comunicación: a web Tabeirós-Montes, a web Historia de Galicia, o xornal Faro de Vigo, a web Galicia Encantada, a plataforma Galicia Digital, a revista dixital Pontevedra Viva...
A data do 22/2/2020, no eido da busca arqueolóxica, os exploradores do Capitán Gosende anotan no seu haber a descuberta de 46 gravados rupestre en Cerdedo e 77 na comarca de Montes, amais de castros, mámoas e outros elementos.
Que chova que vente, Capitán Gosende!!
As aventuras do Capitán Gosende: crónica do 2019
Manuel Fortes
Caderno de bitácora da tropa dos Gosende. Ano sete da nosa era. Dicía Bouza Brey: "Hai unha tarefa que está á espera dun fato de mozos traballadores que a emprenda. Trátase de ir parroquia por parroquia e estudar cada unha de forma exhaustiva na súa historia, xeografía, etnografía, lingüística, ciencias naturais, etc". É esta unha máxima coa que nos sentimos totalmente identificados e que pomos en práctica.
Comezamos o ano como rematamos o anterior, é dicir, botándonos ao monte. O día de Reis localizamos cerca da aldea cerdedense de Biduído o gravado rupestre inventariado en Patrimonio como “petróglifo do Cotadoiro”, que renomeamos “petróglifo das Brañas II” por ser este o microtopónimo. Logo sen saír da parroquia dirixímonos a Carballás onde coas últimas raiolas do sol demos cun gravado cruciforme de época moderna nun laxeiro a carón da vella casa do pobo, na Cima do Lugar. Logo aínda houbo tempo para sacarse unha foto no petróglifo de Penasluces, descuberto o 30 de decembro a poñente da aldea. O apalpador viñera cargadiño de presentes.
Rexeitamos a celebración do Campionato Provincial de Caza do Raposo no noso territorio, celebrado o sábado día 12. No día seguinte descubrimos o primeiro gravado rupestre na parroquia cerdedense de Castro, unhas 50 coviñas que demos en chamar "petróglifo de Castro do Cabo".
Neste novo ano Fernando Salgado continuou coas presentacións do seu libro "1.306/36". A xira tivo a súa primeira parada do 2019 o xoves 24 á noitiña na Casa das Campás de Pontevedra. O noso compañeiro estivo acompañado polo historiador Pepe Álvarez e o xornalista Ramón Rozas.
O domingo 27 sumamos dous gravados máis á nosa lista de achados. Cara ao mediodía nas inmediacións da aldea de Carballás "petróglifo do Outeiro das Coenlleiras II": a día de hoxe son 4 as insculturas na pedra atopadas en Carballás. Pola tarde voltamos ao petróglifo de Castro do Cabo e contamos 22 coviñas máis, ascendendo o total a 72. Riu o peto verdeal. Despois exploramos a contorna e batemos con outro gravado que denominamos "petróglifo de Castro do Cabo II".
Xa no mes de febreiro, promovemos en Cerdedo unha conferencia sobre o canteiro cotobadés Ignacio Cerviño Quinteiro, a súa obra e a súa estadía en Cerdedo. O relator foi Anxo Coya, membro da nosa tropa e especialista neste arghina ao que atribúe a autoría do cruceiro do Hío. O acto tivo lugar no Meu Lar o día 9 ás 20:30 h.
Na seguinte fin de semana descuberta do petróglifo do Lombo da Serpe, na redonda de Castrodiz. É o terceiro gravado descuberto por nós en Castro. Resolvemos adicarlle o achado a Antonio Fraguas, cotobadés homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas.
O venres 22 Fernando presentou o libro na libraría Nós de Sanxenxo. Participaron tamén Pepe Alvárez e o libreiro Xaime Corral.
Luns de Entroido. Un particular anónimo puxérase en contacto con nós para avisar dunha tala de árbores perto do alto de Pedrouzos, nunha área onde constaba a existencia de dúas mámoas catalogadas por Patrimonio. Fomos comprobar o estado da situación: os dous xacementos non se viran afectados. Logo demos unha volta polos arredores e descubrimos outras dúas mámoas, non catalogadas, polo que consideramos oportuna a denominación deste relanzo como Chá de Pedrouzos.
Seguimos con mámoas. O domingo 10 de marzo desprazámonos ata as inmediacións do vértice interparroquial de Quireza (Cerdedo) e Codeseda-Sabucedo (A Estrada) co obxectivo de localizar a necrópole megalítica do Marco do Feal e dar testemuño do seu estado de conservación. Das seis medorras catalogadas, atopamos tres das catro de Quireza e as dúas de Codeseda. Constatamos que dous dos túmulos de Cerdedo foran arrasados e un da Estrada afectado. A apertura dunha pista forestal e as labouras de repoboación leváronos por diante.
O domingo seguinte comezamos a exploración das terras de Tras do Seixo. Non puido comezar mellor, pois recibiunos cun novo gravado para o noso fardel. Petróglifo de Ricovanca, Xirazga - Beariz. Primeiro atopado polo colectivo na provincia de Ourense e 60 na nosa conta total.
O día 24, ás 18.00 horas, Fernando presentou '1.306/36' na Sala das Cunchas da Casa Consistorial do Grove. Contou tamén coa intervención do poeta Queco Fresco.
O proxecto Montaña Máxica (posta en valor e divulgación do monte do Seixo) sumou unha nova achega: Moisés Barcia, aos mandos do Falcón Milenario, agasallounos cunha videogravación aérea inédita de Portalén.
Nestes últimos días do mes tivemos noticias pola prensa da presentación nos colexios de Tenorio, Carballedo e Cerdedo dun vídeo de animación para divulgar o patrimonio deste territorio, encargado polo Concello e realizado pola empresa pontevedresa Ab Origine. Despois do visionado da curtametraxe, non foron poucas as inexactitudes que atopamos na documentación: polo pan baila o can!!. No tocante á alcaldía, gastouse cartos de todos neste produto pouco rigoroso e que ademais pretende insistir na normalización da anomalía que é a fusión arbitraria e sen referendo entre Cerdedo e Cotobade: por se isto fose pouco, as presentacións tiveron lugar en plena campaña electoral. Como conclusión, opinamos que os nenos merecen coñecer dunha maneira o máis fiel posible a realidade do patrimonio e da historia.
O domingo 31 pechouse o mes explorando o territorio a nacente do monte do Seixo. A busca foi recompensada coa descuberta dun novo gravado rupestre, que Carlos deu en chamar "o petróglifo máis grande do mundo": a denominación pode ser pretenciosa ou esaxerada, mais todo ten o seu por qué: o día 1 de Abril é considerado o día dos enganos. Di o refrán que "no primeiro de abril van os burros onde non deben ir”. O petróglifo atopouse a 450 metros ao sur da aldea bearicense de Ricovanca, xa que logo foi bautizado co nome de "Ricovanca II", en terra estremeira entre as parroquias de Xirarzga e da Barcia do Seixo, polo tanto entre os concellos de Beariz e da Lama e á súa vez entre as provincias de Ourense e de Pontevedra. Con estes datos enténdese a ocorrente esaxeración da denominación oficiosa.
Abril veu cargado de actividade. Comezamos visitando na xornada do día 9 o Areal de Berres, incomparable entorno da Ulla Baixa, onde a compañeira Ana Santiso estaba a instalar un fermoso mural da súa autoría, encargado por Gañete, impulsor da recuperación e dinamización deste espazo.
Logo viñeron as homenaxes aos republicanos que foron asasinados e represaliados. No marco da II Semana da Memoria, o día 11 Fernando Salgado, acompañado por Pepe Álvarez, presentou no balneario de Caldelas de Tui "1.306/36". A mañá do sábado 13, na véspera do 88 aniversario da proclamación da II República, fincamos no Campo das Laudas a cuarta estela. Neste caso en lembranza e honra de Xosé Torres Paz, carpinteiro, concelleiro republicano e oficial do concello de Cerdedo, asasinado polos falanxistas o 11 de agosto de 1936 en Alba, na estrada Pontevedra - Compostela. No acto estiveron presentes fillos, netos, e bisnetos do homenaxeado. Xa pola tarde, botámonos ao monte para continuar esculcando "o corno de Beariz": baixo a chuvia, Alicia Garrido e o que lles escreve batemos nos montes de Xirazga con outro gravado, que denominamos "petróglifo de Correa". Anotei na miña conta o primeiro gravado, que fai o 61 do colectivo. Suma e segue!!
O día seguinte guiamos a un grupo polo monte do Seixo. Os 50 excursionistas viñeran a través do centro social pontevedrés O Quilombo ou do noso gaiteiro Xan López. Nunha mañá de néboa percorremos as estacións míticas do "Roteiro 1" dende Chan de Mamas ata o Marco do Seixo. O número de visitantes guiados pola Montaña Máxica ascendeu a 4.063. Xa pola tarde, a nosa axenda levounos ata o concello do Rosal: o motivo foi un concerto do coro Cantares do Brueiro, obradoiro de música tradicional dirixido con maestría polo cantautor guardés Tino Baz, que incluíu no seu repertorio o Himno do Antigo Reino da Galiza con letra do poema "Fronte ao mar", da autoría do noso membro Carlos Solla. Cun auditorio municipal ateigado, a actuación foi dunha calidade e emotividade sublimes. Agradecemos a Tino que nos convidara días antes a este evento e tamén o guiño cómplice da peza executada.
Empregouse a tarde do domingo 21 na localización dun manancial coñecido por “fonte de San Salvador” ou “fonte da Porreta". Informáranos da súa existencia unha veciña coa que levamos unha temporada traballando na recolla do patrimonio inmaterial da parroquia de Folgoso. Sobre o terreo, perto da aldea forcareicense de Acivedo, movéndonos sobre a divisoria Folgoso-Millarada, demos co illó. A Porreta non é unha fonte “de cano”, é un gurgullón que, cando chove, fai bulleiro. As súas augas, consideradas polo pobo como menciñeiras, aplicábanse na cura máxica do “anghinido” (debilidade infantil).
A fin de semana seguinte foi "movida". O venres pola tarde achegámonos a Vigo para festexar a inauguración dun novo mural, obra de Ana Santiso e Elara Elvira, no pavillón polideportivo de Bouzas. Como continuidade do creado en 2017 no muro norte con referencias ao patrimonio de Cerdedo e ás descubertas de Capitán Gosende, a parede leste encheuse en multicolor das insculturas da Laxa da Romaxe (Pedre) e do Outeiro do Mestre (Deán-Figueiroa), amais da sonda Voyager I (en recordo da colección literaria “Cerdedo in the Voyager” do noso membro e "comandante" Carlos). Brindamos in situ con viño do país mentres departimos coas autoras sobre a súa creación, que unha vez máis voltounos a engaiolar. "Gracias Universo". Graciñas, Santiso e Elara.
O sábado de mañá participabamos en Pontevedra na actividade “Na procura da orella de rato”. Promovida pola asociación ecoloxista Vaipolorío, colectivo irmán, o evento acadaba a súa terceira edición. Tralas dúas anteriores edicións de busca infrutuosa desta plantiña identificada polo Padre Sarmiento na ribeira do Gafos, nesta terceira foi a vencida. Pola tarde, colaboramos con Paz Castro, presidenta da asociación Monte Pituco de Marín, na busca de gravados rupestres polas lombas do Pornedo: non houbo sorte cos “petros”, mesmo fomos repelidos por unha colmea de abellas adoecidas, pero sobra vontade para voltar e apoiar a loita solitaria de Paz, que sempre difunde as nosas "aventuras".
Ao día seguinte, domingo, descubrimos un novo gravado rupestre nos montes de Xirazga. Por mor da súa localización, recibiu o nome de "Ricovanca III" (redenominado posteriormente como "Outeiro Bicudo" por indicacións dun informante local). O cuco, dende uns piñeiros na valgada, engalanou o achado co seu "cucú".
Non paramos. Xa no mes de maio Carlos participou na Estrada nunha mesa redonda na que se debateu a actividade de defensa de divulgación da riqueza patrimonial na bisbarra. O acto foi organizado pola Asociación Cultural “Vagalumes” con motivo do Día das Letras Galegas, adicadas a Antonio Fraguas, e tivo lugar o sábado 4 no MOME. No faladoiro tamén participaron Heitor Picallo e Carmela Sánchez Arines.
No mes das Letras a turné de Fernando e 1.306/36 botou amarras na Illa de Arousa o día 8. Na sala de exposicións do Auditorio municipal oiuse a historia de Pancho Varela.
O domingo 12 os exploradores do Capitán Gosende batemos no monte de Xirazga con outro gravado rupestre. Coñecemos naquel lugar a un veciño do lugar de Framia, Xosé Dopeso, quen nos explicou que aquela parte do monte é propiedade dos comuneiros da aldea de Framia e coñécese como O Recosto, polo que en consecuencia demos en batear o achado como petróglifo de Framia ou do Recosto. Componse de tres paneis onde se observan coviñas, cruciformes-antropomorfos, canles, un serpentiforme e outros símbolos. Os cruciformes-antropomorfos lembran aos da Laxa das Buratas, na parroquia veciña de Santa María de Presqueiras (Forcarei). Unha antena de televisión e o caseto que aloxaba o seu dispositivo foran instalados pola Xunta de Galicia sobre o laxedo do Recosto, vulnerando a integridade do xacemento (este extremo xa fora denunciado en 2012 pola asociación Verbo Xido). A porta de plástico e os fragmentos do dispositivo esparéxense polas inmediacións. O mastro da antena vella foi, tempo despois, tallado a rente do chan e retirado. A uns 20 m, cara ao noroeste, sen respectar as preceptivas cautelas, fincouse un novo repetidor e mais o enreixado que o acouta. Pero voltemos ás noticias agradables, esa tarde tamén coñecemos o Seixo Branco, sobre o cal o señor Xosé informounos do seguinte: "segundo din os vellos, se tres Marías soben xuntas ao monte e mexan enriba del, vólvese livián, podendo despois darlle a volta sen dificultade. Unha vez envorcado o penedo, exhumar o tesouro que agocha é tamén tarefa doada".
O Día das Letras Galegas Anxo Coya foi distinguido co PREMIO “IGNACIO CERVIÑO Á RECUPERACIÓN / PROMOCIÓN DO PATRIMONIO”, do Concello de Cangas. A gala de entrega celebrouse no auditorio municipal cangués.
O día 19 recuncamos en Xirazga. A xornada anterior descubriramos en Xosé un bo informante. Tamén nos dera referencias doutro veciño, que sabía moitas historias e moitos contos, con quen deberiamos falar. Xa que logo, fomos alá coa intención de atopalos. Sen máis referencias, estacionamos o "sotocarro" á beira da igrexa parroquial do San Salvador e, para facer tempo, decidimos visitar o conxunto. Lixeiros, subimos os chanzos de pedra da escalinata e entramos no adro: rodeado de tumbas terreiras érguese lanzal un cruceiro, en cuxo pedestal puidemos ler unha inscrición co seu ano de construción, 1896. Nun letreiro fóra do recinto lese "Cruceiro de Cerviño" (hai quen identifica este Cerviño como Xosé Cerviño García, "Pepe da Pena"). Mentres estabamos a contemplar aquela fermosa obra da escultura popular e a teorizar sobre a súa autoría, desde o cabo do camposanto achegouse camiñando, axudado dun bastón, un home maior. Logo dunhas palabras, informounos que ese cruceiro fixérao un tal Cerviño que veu de cara a Cerdedo e que súa nai, cando era nena, desde a casa da escola miraba como o facía. Inmediatamente asociamos Cerviño e Cerdedo con Ignacio Cerviño e con que Anxo Coya atopou un documento de 1896 (data da construción do cruceiro do San Salvador) que sitúa a Ignacio Cerviño como residente no Carballiño, vila non lonxe de Xirazga. O debate está servido. Mentres os outros da tropa quedaban charlando con aquel ancián, eu subín ao campanario da igrexa pola escaleira de caracol, feita toda en pedra, outra marabilla dos nosos arghinas. Empoleirado aló no alto, pensei nunha visita que fixera con meus pais ao mesmo lugar un día de verán nos anos da adolescencia, cadrando coa feira de Doade. Tempus fugit. Cando voltei ao adral, a conversa xa era máis animada: resultou que o señor Aurelio, o noso interlocutor, era de quen nos falara Xosé Dopeso. Logo de saber que andabamos tras de pedras riscadas, faltoulle tempo en ofrecerse a guiarnos ata uns "peciños de neno". No monte do Ceo demos cos petróglifos da regata de Arriba e cos do Outeiro da Carqueixa I, II e III. Outeiro da Carqueixa I foi danado cando se instalou a liña de alta tensión que ven da subestación do parque eólico do monte do Seixo, ao extraer parte da rocha para facer as zapatas dunha torreta. Sobran as palabras.
O domingo seguinte percorremos outras zonas do monte do Ceo na procura de novos gravados: non houbo sorte e voltamos coas mans baleiras. Nas eleccións municipais Cubela revalidaba a súa maioría absoluta. Foi un día aciago.
Un ano máis, a primeira fin de semana de xuño acudimos fieis ao curro de Torroña, un dos máis concorridos da serra da Groba. Nesta edición xuntaron máis de 700 cabalos, que foron desparasitados e identificados.
O vernes día 7 acompañamos a Fernando Salgado noutra presentación do seu libro. Desta vez, nun acto en conmemoración do día da memoria da Estrada, organizado por Vagalumes no MOME.
Xa no domingo volveron as nosas expedicións por terras de Beariz: Carlos falara dunhas pedras que na fotografía aérea lle pareceran merecentes de ser escudriñadas. Guiadiños, dirixímonos ás terras lindeiras entre as parroquias de Xirazga e de Baíste, polo tanto, límite intermunicipal de Beariz e Avión. Despois de deixar atrás unha piscina fluvial, seguimos a pé polas beiras do río Doade corrente abaixo e, pouco a pouco, foinos chegando o estrondo dun salto de auga. De súpeto, tras unha volta do cauce, abriuse diante de nós unha freixa, cun muíño na súa marxe dereita. Freixa e muíño da Caldeira: topónimo revelador. Pasmamos un bo cacho coa beleza do conxunto. Logo tiramos as pertinentes fotos. O voo fugaz dun melro rieiro a rentes do cadoiro completou a estampa.
A axenda levounos ao día seguinte ata Compostela. A cita era na Libraría Numax co gallo da presentación do álbum ilustrado "Cidade Cemento", de Ana Santiso. Nun animado coloquio ela falou sobre o proceso de creación, as fontes de inspiración e o significado da historia que se conta e os acompañantes deron a súa visión persoal do que lle transmitira a lectura do libro. Xunto á nosa compañeira, interviron súa sobriña Violeta, de 10 anos, a mestra Marga Alborés e, en representación da Editorial Galaxia, Carlos Lema. Dende Capitán Gosende recomendamos esta xoia de Santiso.
De libro en libro, o venres 14 voltamos ás terras da Estrada. En primicia mundial, Carlos presentaba "A gran mortaldade", obra coa que se estrea na narrativa de ficción e no que a portentosa imaxinación do compañeirón mistura feitos e personaxes reais con outros ficticios, adobiados con pingas de humor. O acto, celebrado na Galería Dispara, foi organizado por Vagalumes. Xunto ao autor interviron David Otero e a poeta Elvira Ribeiro.
Decidimos investir a tarde do domingo explorando o lugar de Framia. Arquitectura popular en ruinas, testemuña do esplendor doutrora e crónica do despoboamento que nos asola. Framia é rueiro de Xirazga. Dunha casa restaurada, sae ao noso encontro Víctor Gil, quen anda ao tanto das nosas andainas e gaba o noso labor: outra sorpresa agradable na parroquia. Tras un parrafeo, acudimos á cita co señor Aurelio: con hospitalidade e boa disposición, como nel é costume, axiña nos conduce ata "a pedra da parroquia", nas veigas de Xan Xil, entre Framia e A Correa. A pedra é un chanto que serviu historicamente como lindeiro e sospeitamos que, polas dimensións e forma, unha antiga pedrafita. Achamos acaído, consensuando a proposta co noso informante, denominar o marco como "a pedra de Xan Xil". O señor Aurelio, fonte inagotable de sabedoría popular e bo siso, continuou versando sobre a tradición oral local. Démoslle o remate á proveitosa xornada cunha pequena merenda na súa casa.
O venres 21 houbo presentación do libro de Fernando no Teleclube de Romai (Portas), organizada pola asociación cultural local "Josefina Figueroa".
Recuncamos en Xirazga na víspera do Xoán, día no que Aurelio facía 91 anos. Fascinados polos relatos das xornadas naquel territorio, outros compañeiros da nosa tropa e o can Mojito animáronse a acompañarnos. Chegamos á saída da misa de tarde e unha veciña, con retranca, preguntounos se viñamos bautizar o cadelo. Axiña soubemos que durante o oficio un lagarto arnal entrara na igrexa. Pasadas as anécdotas, visitamos o templo e o señor Aurelio quixo ensinarnos o camposanto primitivo, non lonxe dalí. A día de hoxe quedan os muros da cerrada e o interior foi colonizado pola vexetación. A continuación, achégamonos a Framia: os Gosende e un grupo de veciños de Xirazga (Señor Aurelio, Xosé Dopeso, Víctor, Poldo, Ana,..) percorremos xuntos a aldea e confraternizamos. Naquela terra fomos coñecer moi boa xente.
Entre as moitas historias das que nos tiña falado o señor Aurelio abrollara a das mámoas e a capela do Santo Domingo de Xirazga, de como a necrópole megalítica fora alterada coa construción do templo e co posterior achandado do terreo para maior comodidade da romaxe que se celebra os primeiros días de agosto na honra do santo. Contaranos que, segundo os vellos, naquel lugar houbera un campo de mámoas, do que aínda se podía ver unha, apreciar os restos doutra e tiña constancia de onde se ubicaba unha terceira. A tradición oral víase ratificada nos documentos: López Cuevillas deixou escrito que nunha das mámoas de Xirazga atopouse un machado de pedra puída (na actualidade se pode ver no Museo Arqueolóxico de Ourense) e no Inventario de Monumentos Megalíticos, publicado por Filgueira Valverde e García Alén no ano 1977, recolleuse "Capilla de Sto Domingo: en la divisoria de las provincias de Pontevedra y Orense, a unos 30 m.de la puerta principal de la capilla, hay una mámoa, asomando algo los ortostatos. Mide más de 10 m. por 1.30 m. de alto. Hay más mámoas, difíciles de situar por la vegetación". Cumpría referenciar in situ as indicacións do noso locuaz informante: na tarde neboenta do 30 de xuño, logo de que se gravara Framia a vista de dron, alá fomos acompañados del e de Víctor. Á beira da chamada mámoa 1, a máis coñecida, contounos como na década de 2000 unha pá mecánica que achandou o campo da festa levou por diante parte do cono do túmulo para facilitar o acceso ao camión que a transportaba. A continuación, seguindo as indicacións do señor Aurelio, a unhas decenas de metros ao sueste, demos coa localización da "Mámoa 2", desfeita polos vellos e remexida novamente pola padexadora (atopouse un "bolo de pedra"): malia todo, aínda se aprecian unhas laxas de xisto. Nesta altura quero poñer no coñecemento dos lectores que estes dous sepulcros prehistóricos foron inventariados nun traballo de catalogación arqueolóxica do municipio de Beariz, realizado no ano 1996 e subvencionado polo Consistorio, e a día de hoxe figuran no Visor de Aproveitamentos Forestais da Xunta de Galicia como xacementos arqueolóxicos catalogados: vexan vostedes que non hai lei que protexa ao patrimonio do desleixo. Volvendo á busca, quedábanos por situar a terceira mámoa: avanzando en dirección sueste pola carballeira chegamos ao punto. Non constatamos indicios do túmulo, pero esparexidos no chan hai seixos procedentes da coiraza. Seica noutro tempo habería ademais máis mámoas cara o sueste, hoxe desaparecidas. Para pór o ramo á xornada, escoitamos da boca do noso guía outro dos tesouros agochados no Santo Domingo: os Baños, manancial de augas mediciñais.
O mes de xullo comezou cunha noticia sen precedentes: a presenza dun voitre negro, Carrascalinho, no monte do Seixo obrigou á Xunta, por solicitude de SEO-Pontevedra, a ordenar a paralización do parque eólico polo alto risco para a ave de morrer alcanzada polas pás dos aeroxeradores: os eólicos estiveron detidos máis de quince días. Nunha taberna da contorna disque se ouviu: "aquí ven a parar canta merda hai". Cosas veredes, amigo Sancho.
Nós principiamos o mes de Santiago voltando á pedra de Xan Xil. Quedara pendente rozar as silvas que a rodeaban: unha vez liberada, a pedrafita lucía esplendorosa entre os verdes prados. Todo choio leva implícito mandarlle algo ao corpo para recuperar as forzas: Víctor, que nos axudara na labor, convidounos amablemente á súa casa. Mentres repoñiamos líquidos, o señor Aurelio sacou unha copla do seu repertorio.
Pero non todo vai ser pedras. O día de San Bieito sucamos as augas do río Miño dende Tui ata a foz a bordo da embarcación do Ferruxo: a travesía resultou unha delicia para os sentidos. Para completar o gozo, escoitamos a Tino Baz cantar por Rosalía de Castro no Encontro de Embarcacións Tradicionais da Guarda.
Seguimos explorando territorios. Reclamados polo David Mourelo, seguidor da nosa tropa, na segunda fin de semana do mes fomos á comarca de Sarria dar conta dunha parte de monte comunal pechada irregularmente para uso exclusivo dunha explotación gandeira. Pertiño dese lugar, guiounos tamén ata a Eira dos Mouros e a necrópole de Santa Mariña. Unha perdiz coa súa prole e máis un pedreiro cincento saíronnos saudar. Cando estabamos no medio e medio da chancela, abriuse o ceo e comezou un espectáculo épico de chuvia, tronos e lóstregos. Logo visitamos o castro de Formigueiros, a réplica dun mamut (nestas terras atopouse o único fósil en Galicia desta especie), a igrexa do San Salvador do Mao, característica polo seu adro cuberto e polas caveiras incrustadas nun muro, a tumba do poeta Lois Pereiro no cemiterio de Santa Cristina do Viso e o museo da Pedra de Buxán, cos meteoritos. Xa que estabamos pola zona, o día seguinte aproveitamos para ir visitar a Ana Santiso e o Inácio a Becerreá. De camiño fixemos parada no mosteiro de Samos, no que traballaron varios canteiros de Cerdedo ao longo das súas fases de construción En terras becerregas, os nosos amigos leváronos ver a aldea de Vilar de Cancelada, a ponte de Cruzul e Os Grovos, este último como sacado doutro mundo.
Tarde de verán do día 20, sol e moscas. Aldea das Antas, territorio compartido hoxe por tres concellos ourensáns (Beariz, Boborás e O Irixo) e dúas parroquias, a bearicense de Santa Cruz de Lebozán e a de San Pedro do Regueiro (Boborás e O Irixo). Propuxerámonos localizar a Mesa dos Tres Bispos (quizais en tempos fose un trilito) ou Marco das Tres Mitras, ambas denominacións relativas a ser fito onde converxían antano as derregas das dioceses de Santiago, Lugo e Ourense. Demos co chanto na parroquia de Lebozán, á beira esquerda da N-541, uns 15 m cara ao sur do vértice interparroquial.
A xornada vespertina do día seguinte, domingo, escollemos o monte a poñente de Xirazga para continuar explorando esta parroquia. Advertidos por Víctor e o señor Aurelio da presenza de fochas de labores mineiros abandonados avanzabamos por riba das pedras dunha crista metamórfica. Contra a tardiña chegamos no alto a carón dun afloramento prominente: o esforzo, aumentado desta vez pola bofa, voltaba a dar o seu froito. A parte leste da rocha estaba riscada con cruciformes, antropomorfos e/ou idoliformes, da mesma tipoloxía que os da Laxa das Buratas e o do Recosto I. Pola proximidade a este último (a uns 430 m. cara o sueste) e a semellanza nos motivos, denominamos ao novo achado "petróglifo do Recosto II, que é o décimo gravado descuberto por nós en Xirazga e número 68 na Terra de Montes.
28 de xullo. Fomos ver de localizar a Laxa do Home, lugar utilizado como mollón de demaracación dos concellos de Cerdedo e Forcarei: na acta de deslinde de 1942 rexistrárase asimesmo que había unha cara gravada na pedra. Non demos co marco pois a actividade forestal e a apertura de pistas modificara o terreo. Na busca localizamos o marco do Outeiro das Cruces, testeiro con cruces de época histórica e catalogado por Patrimonio. Logo porfiamos na rebusca e batemos, xa en monte de Ventoxo, con dous gravados rupestres inéditos, que pasamos a denominar petróglifo das Cruces II e Outeiro das Cruces III e fan 16 na nosa conta no concello de Forcarei.
Como cada 13 de Agosto rendemos homenaxe na Ponte do Barco a Secundino Bugallo e Francisco Arca, republicanos cerdedenses asasinados polo fascismo nese lugar.
A misión do domingo seguinte foi encontrar un gravado rupestre nas abas do Santo Domingo. Non houbo sorte, pero no canto dende o alto do Outeiro do Home, monte de Presqueiras, puidemos desfrutar dunha vista panorámica magnífica. Mentres contemplaba o extenso territorio sentinme insignificante e na miña mente apareceron aquelas palabras de Vicente Risco: "Ti dis, Galiza é ben pequena. Eu digoche: Galiza é un mundo, é o mundo inteiro. Poderás andala en pouco tempo de Norte a Sul, e do Este ao Oeste noutro tanto; poderás volvela a andar outra vez e outra, e outra aínda; non a has dar andada toda. E de cada vez que a andes, has atopar cousas novas, e outras has botar de menos".
Investimos a xornada do día 25 na busca da Pedra dos Mouros, no monte da Alén (Xirarga). Segundo o señor Aurelio, os mouros fincaran a pedrafita como recordatorio trala paz acordada logo dunha batalla cruenta entre dúas tribos mouras e, ao mesmo tempo, como límite dos eidos en disputa. A nosa expedición foi dura pola calor e pola toxeira: cando estabamos a piques de sucumbir, Víctor deu co pedrolo. Un miñato real sucou silandeiro a agra do luscofusco.
O primeiro de setembro a tropa reuniuse novamente cos veciños de Xirazga coa misión de atopar a Laxa da Ferradura. Segundo os nosos informantes nesta parroquia existen catro pedras distintas con este nome, asociadas ás pegadas do cabalo do apóstolo Santiago: seica lle bastaron catro choutos para atravesar Xirazga. Diríxomos aos prados da Neveira, ao sudoeste da aldea da Correa, preto dun dos pozos da neve da freguesía, de aí o microtopónimo: no lugar tamén son claras as evidencias da minaría do estaño e do volframio. Demos coa Laxa da Ferradura e coa cavidade de feitura non natural que o pobo identifica coa ferradura do cabalo. Nunha das pías da rocha atopamos en letarxia unha femia de limpafontes verde.
O domingo 15 cambiamos de territorio e eliximos o monte Costoa como destino das nosas andainas. Deixamos os coches na Portela de Lamas e camiñamos pendente arriba ata a divisoria entre Pardesoa (Forcarei) e Lebozán (Beariz). Alá arriba paramos a recuperar folgos sentados nunha laxa, na que a natureza esculpira caprichosamente regañas que talmente parecían os tolondreiros dun lavadoiro. Non houbo fortuna na descuberta de elementos de patrimonio, pero naquela tarde que ameazaba treboada un feixe de formigas aladas inzaban o alto do monte. Antes de emprender o camiño de volta pasmamos un intre vendo medios aéreos de extinción de incendios ir e vir ao aérodromo da Portela da Cruz.
O día 21 asistimos ao aniversario do noso amigo Ferruxo, que como de costume celébrase na serra portuguesa da Peneda e no que non falta un xantar con carne local de vaca cachena. Dende a branda de Santo António de Val de Poldros puxemos rumbo ao aeroporto de Lavacolla: tiñamos cita co Inazio Abrao na inauguración da súa exposición “De madeira, en recordo ás dezaseis árbores do Somme". Para terminar a xornada, en Cuntis recibíronos con fogos artificiais.
Logo viñeron xornadas de actividade frenética. O día 23 Carlos acompañou un grupo de mestres e mestras de Pontevedra ata Portalén e logo ao Campo das Laudas. O día 27 Fernando levaba a historia do seu avó Pancho a Moraña: a Casa da Cultura acolleu o evento, no que tamén invertiron o historiador Pepe Casal e o xornalista Iván Montáns. Decidimos voltar á parte de monte de Quireza que quedara por peneirar: no Pousadoiro de Cuíña descuberta de tres petróglifos os días 22, 28 e 29 de setembro respectivamente. O 4 de Outubro Fernando presentaba o libro en Lalín, acompañado do investigador local Manuel Igrexas. O día 6 revisitouse o Pousadoiro con máis membros da tropa, rexistrando testemuña audiovisual co "ollo de paxaro".
O sábado 12 no monte de Cuíña descobremos no medio dunha repoboación desordenada de piñeiros e eucaliptos unha mámoa. Non lonxe dalí un pelouro granítico agasállanos cun miradoiro excepcional das abas da Conla e do Montouto: por desgraza, os escopeteiros veñen empregando o lugar como campo de tiro ilegal. Centos de cartuchos ciscállanse polo chan. Para completar a fin de semana, a noitiña anterior Fernando fora de presentación á Biblioteca Municipal de Pontecesures, co escritor local Cándido Duro. O seguinte xoves xogou en casa: co maxistral acompañamento de Tere Suárez expuxo ao público reunido en Follas Novas Arousa Libros a historia de Francisco Varela Garrido, seu avó.
O domingo 20 de Outubro, homenaxe a Martiño Ferreiro no Campo das Laudas. Como de costume, a tarde anterior cavouse o burato e antes de comezar o acto colocouse a pedra no sitio. Hai que dicir que lauda a lauda, e xa van cinco, coa prática o choio sainos mellor, así como tamén o arghina Marcos Escudero nos sorprende en cada obra. Foi unha homenaxe ben emotiva, con Soto como maestro de ceremonias. Contamos coa presenza da familia de Martiño: un dos seus netos participou e leu un texto sentido e cheo de compromiso. Carlos deu lectura a unhas coplas inéditas do homenaxeado relatando a súa fuxida. Fernando e Marcos tamén dixeron unhas palabras.
Non faltou a música, da man do gaiteiro Xan López. Mentres o acto avanzaba, invadiume un sentimento de orgullo por este digno e tan necesario proxecto noso, polo que representa, por formar parte del e por cada persoa que o fai posible.
Fernando púñalle o peche por ese ano ás presentacións de “1.306/36” o día 25 na Casa da Cultura de Ponte Caldelas. O domingo pola tarde houbo descuberta dun gravado rupestre no monte de Mamoalba (Quireza): foise coa intención de comprobar o estado de conservación das mámoas do Castriño e mentres medíamos a primeira das medorras dous corzos cruzaron diante de nós. Deixamos o que estabamos facendo e seguimos o seu rastro. Os cérvidos, propiciatorios, guiaronnos ata o achado. Suma e segue!!
Na noite de Santos celebrouse a novena edición do Roteiro da Pantalla. Nunha noite de chuvia, percorremos a nacional vella dende Pedre ata Vichocuntín: as píntegas e os sapos saíron dos seus acochos para acompañar a procesión espectral. Logo de visitar o Vichocuntín vello a estadea fixo parada na de Isidro e Elena, onde se ceou un menú con produtos locais de temporada (boletus e terneira vianesa guisada, criadas en ecolóxico por eles mesmos). Na sobremesa sesión de contos de medo.
A tarde do domingo 3 de Novembro, desafiando á chuvia persistente da borrasca Amelie, visitamos o cemiterio parroquial de Quireza por ver de completar datos biográficos sobre Manuel Garrido "o resucitado" e Esperanza Barros, súa muller, os próximos homenaxeados cunha lauda. O reproductor de música do "sotocarro" escoulleu por unha banda sonora acaída para o día e soou o "Fisherman's blues" dos The Waterboys.
O xoves 7, á noitiña, Carlos presentou na libraría Paz de Pontevedra o seu último libro "Os espellos do pasado. A lenda dourada dos Gafos", que pon o lazo á súa triloxía en homenaxe a este río e aos seus valedores de Vaipolorío, asociación irmá. Interviu Gonzalo, seu presidente. A borrasca Bernardo quixo sumarse ao acto mandando a súa avanzada con chuvia e sarabia e xa na sua plenitude fíxonos cancelar os plans da fin de semana .
Noutra tarde gris e chuviosa, o sábado 16 de novembro botamos a andar un novo proxecto: propuxémonos inventariar a simboloxía franquista aínda existente en Cerdedo. Comezamos pola parroquia de Parada, onde localizamos cadansúa fonte pública con símbolos anticonstitucionais nos lugares de Framil e do Milladoiro e outra á que "chegamos tarde" na Insua, xa que a simboloxía foi ocultada en 2017 ao ser renovada a fonte polo Concello dentro do plan de mellora e acondicionamento de fontes e lavadoiros. Nese lugar tivemos noticia dun "proxecto novedoso e que pode resultar moi interesante" de Cubela e Balseiros.
O día 20 Fernando Salgado levou a nosa voz ao Parlamento Europeo. Na conferencia "Franquismo post Franco" do grupo de Memoria Histórica da Eurocámara expuxo a iniciativa do Campo das Laudas. O día seguinte, ás 20:30 horas, Follas Novas Arousa Libros de Vilagarcía acolleu a presentación de "A gran mortaldade". Carlos estivo acompañado de Tere e Fernando: o trío non defraudou.
Pechamos esa semana percorrendo Folgoso na tarde do sábado, a pesares das últimas gotas da borrasca Cecilia. Quen dixo medo!!. Moitos preferiron ir ver en masa o acendido da iluminación de Nadal de Vigo. Nós ao noso: primeiramente visitamos o camposanto, magnífica mostra de arquitectura funeraria. Desde o lugar da Quinta contemplamos ao lonxe unha freixa do rego de Ventoxo, afluente do río do Castro. Carlos puxo este caso como exemplo do desaproveitamento dos recursos naturais e patrimoniais da nosa terra: os demais asentimos. Permítanme confesarlles que este día estiven especialmente lúcido e fun eu quen atopou os dous elementos con símbolos franquistas, na fonte pública do lugar do Outeiro e na de Covas, esta última cando, dando por finalizada a xornada pola falta de luz, porfiei en alongar un chisco a busca e deixar toda a parroquia vista. "Quen busca, atopa".
A tarde do venres 29 fixemos o inventario de Pedre. Non houbo sorte, rachando así a estatística de dúas por parroquia. Seguía o coche abandonado na estrada vella e o río Lérez bótaba por fóra en Vichocuntín.
Investimos todo o venres 6 de Decembro en continuar o rexistro. Principiamos na parroquia de Quireza, encontrando simboloxía preconstitucional nunha fonte pública do lugar de Cuíña e en tres no lugar de Laxoso, que en tempos da República era coñecido pola "Rusia pequena". Nestas tres últimas o emblema da Falanxe foi aburxadado en 2004 por un veciño e enriba pintou respectivamente un galo, unha pomba da paz e dúas margaridas: esta acción seica non lles gustou ós veciños de dereitas. En Tresaldeas localizamos tres fontes con inscricións dos anos 1947 e 1949, pero sen simboloxía. O dia deu para seguir a angueira en Barbeira, lugar estremeiro con Quireza, xa en terras da parroquia de Tomonde. Alí demos con dúas fontes públicas máis con simboloxía.
A tarde chuviosa do sábado 14, preludio das borrascas Daniel e Elsa, seguimos esculcando os lugares da parroquia de Tomonde. Fraguas, fermosa aldea case deshabitada e mostra arruinada da arquitectura tradicional, paradigma do país. No Barral dúas "arañeiras" en fonte e lavadoiro. Na Outra Aldea a anécdota cómica da xornada ("Son ustedes os que veñen para a casa de Otilia?). Na Vilalén outra fonte na Aldea de Baixo. Mentres no CCC espectáculo folclórico lavándolle a cara ao PP.
A tarde do domingo da seguinte semana pola rematamos o varrido de Tomonde no lugar da Devesa, lindeiro con Quireza. Dúas fontes máis inventariadas. Tamén comezamos coa parroquia de Castro. Unha fonte no lugar de Castro do Medio.
O día dos Inocentes seguimos o inventario en Castro do Cabo e Bugarín (non houbo sorte). Pasamos á parroquia de Figueroa: no lugar de Deán a fonte do Agro, datada en 1949 pero sen simboloxía franquista, e unha fonte con inscrición dos ano 20, na época do agrarismo. Tamén peiteamos o San Martiño: no sotocarro soou o "Back in black" dos AC/DC. Rematamos a xornada coa cea anual do colectivo: deuse conta da presenza de Fernando Salgado, José Luiz Oubiña e Fernanda Cedrón na manifestación en contra dunha planta de incineración en Ponferrada.
Rematamos o ano a tarde do domingo 29 percorrendo os lugares de Figueiroa e Vilar na catalogación de simboloxía franquista. Resultado: rexistráronse catro fontes públicas en Figueiroa e unha en Vilar.
Como dixo José Martí: “facer é a mellor forma de dicir”. No 2019 descubrimos 23 gravados rupestres, 3 mámoas e dúas pedrafitas, fincamos dúas laudas, houbo máis de 20 presentacións de libros e outras actividades culturais, dúas saídas ao Seixo e 19 inmobles públicos con simboloxía franquista.
¡Que chova que vente, Capitán Gosende!