No mes de abril, o colectivo Capitán Gosende encadeou unha chea de actos e descubertas en prol do noso patrimonio histórico, artístico e cultural
Calros Solla
O sábado 13 de abril, a tropa de voluntarios ergueuse cedo para, canda o escultor Marcos Escudero, fincar a cuarta estela no Campo das Laudas (As Raposeiras-Meilide). A inscrición da pedra lembra a Xosé Torres Paz, carpinteiro e concelleiro republicano de Cerdedo, asasinado polos falanxistas o 11 de agosto de 1936 en Pontevedra. Ao acto de homenaxe acudiron -agradecidos e emocionados- os fillos, netos e bisnetos do mártir. Non puido asistir Peregrina Torres, unha das fillas, xa que por desgraza, falecía uns días antes. Peregrina levaba 83 anos agardando xustiza para o seu pai. Nos, humildemente, cumprimos; outros aínda seguen en débeda.
Tras o xantar, e aínda que a tarde ameazaba chuvia, os Gosende botámonos ao monte. Esparexémonos de novo polos cómaros noroccidentais da parroquia de Xirazga (Beariz). Inspirándonos no Topográfico, este frutuoso territorio de busca foi renomeado “O Corno de Beariz”. Horas despois, os compañeiros Alicia Garrido e Manuel Fortes, batían cun novo gravado rupestre. Coma sempre, Juan Soto fixo as fotos. O petróglifo, que denominamos “petróglifo de Correa”, componse dun conxunto de 11 coviñas talladas nunha crista metamórfica preeminente (coordenadas.- X: 554.991; Y: 4.702.639; alt. 726 m). O sitio arqueolóxico localízase a uns 800 m, en liña recta e cara ao sudoeste, do lugar de Correa e a pouco máis dun quilómetro, cara ao noroeste, da aldea de Doade. Mollados coma pitos, mais coa satisfacción de quen leva con honra o nome de Cerdedo polo mundo adiante, anotabamos na nosa conta o gravado rupestre número 61.
A mañá do 14 de abril, domingo, os de Capitán Gosende recibimos en Cerdedo un nutrido grupo de excursionistas que guiamos pola Montaña Máxica ao longo e ao través das estacións míticas do “Roteiro 1”. Entre a néboa corriqueira, os camiñantes cubrimos a distancia existente entre a necrópole megalítica de Chan de Mamas e o binomio Portalén-Marco do Vento: a lenda do Tecelán de Carballás, a moura Pirocha, a vila asolagada de Trentinán, o cortello lobeiro, a porta ao Outro Mundo, a pedra onde os ventos dan a volta... Algunhas das 50 persoas que formaban o fato de camiñantes tiñan por común amigo ao gaiteiro Xan López (fundador de Treixadura e membro de Capitán Gosende); outras, vinculábanse ao centro social pontevedrés O Quilombo. Compartimos con todos eles unha xornada inesquecíbel. O número de visitantes guiados polo monte do Seixo ascendeu a 4.063.
Pola tarde, recuperadas as forzas, o colectivo desprazouse até o concello do Rosal. Foramos convidados días antes polo cantautor guardés Tino Baz, pois o coro Cantares do Brueiro, agrupación que dirixe con sublime mestría, incluía no seu repertorio o Himno do Antigo Reino da Galiza con letra do poema “Fronte ao mar” (Pan pros crocodilos, 2010), da autoría dun de Cerdedo. A actuación, que encheu o auditorio municipal ao tope, foi dunha calidade e intensidade extraordinarias.
Empregouse a tarde do domingo 21 na localización dun manancial coñecido por “fonte de San Salvador” ou “fonte da Porreta”, na faixa de monte comprendida entre os lugares de Vilariño e Acivedo. Informáranos da súa existencia unha veciña coa que levamos unha temporada traballando na recolla do patrimonio inmaterial da parroquia de Folgoso. Sobre o terreo, perto da aldea forcareicense de Acivedo (Forcarei), movéndonos sobre a divisoria Folgoso-Millarada, demos co illó (coordenadas.- X: 554.066; Y: 4.711.565; alt. 600 m). A Porreta non é unha fonte “de cano”, é un gurgullón que, cando chove, fai bulleiro. As súas augas, consideradas polo pobo como menciñeiras, aplicábanse na cura máxica do “anghinido” (debilidade infantil). Hai apenas unhas décadas, non era raro atopar os bordos do groto cubertos de roupiña de neno. Críase que para obrar a curación cumpría abandonar as roupaxes do enfermo no sitio, para que o mal non volvese para a casa. Segundo din os vellos, á fonte debíase ir por un camiño e vir por outro. Durante o traxecto non se lle podía dirixir a palabra a ninguén. En Folgoso coñécese a fonte milagreira como “fonte do San Salvador” e asóciase cunha capela próxima, hoxe desaparecida, cuxa advocación honraba un dos apelativos de Cristo (“Salvador”). O manancial burbulla nun planalto, cara ao leste da valgada pola que discorre a rega da Pardiña da que A Porreta é, xaora, tributaria. Naquela zona, aínda que mal situados, o Topográfico recolle os seguintes topónimos: Tras da Porreta, Capela do Santo e As Chairas.
Cinco días despois, asistiamos en Vigo á inauguración dun novo mural da autoría das artistas Ana Santiso e Elara Elvira. O inmóbel beneficiado era o pavillón polideportivo de Bouzas (Pablo Beiro). Os de Cerdedo non o saben, pero xa en 2017 o muro norte se ateigaba cunha morea de referencias á cultura de Cerdedo: os petróglifos da Laxa das Filloeiras e da Laxa da Romaxe (Pedre), o serpentiforme de Limeres (Cerdedo), Portalén (monte do Seixo). En abril de 2018, a parede leste do pavillón encheuse en multicolor das insculturas da Laxa da Romaxe (Pedre) e do Outeiro do Mestre (Deán-Figueiroa), amais da sonda Voyager I (en recordo da colección literaria “Cerdedo in the Voyager”). Brindamos in situ con viño do país. Agradecemos a deferencia e a sensibilidade de Ana Santiso que lle dedicou o seu traballo aos Gosende, colectivo do que forma parte, aínda que o imposibilismo de Cerdedo a obrigase a buscar outro lugar de residencia.
Seis días despois, o sábado 27, de mañá, participabamos en Pontevedra na actividade “Na procura da orella de rato”. Promovida pola asociación ecoloxista Vaipolorío, o evento acadaba a súa terceira edición. A semellanza do Padre Sarmiento que, en 1755, identificou a plantiña (Myosotis discolor) na ourela do río do Gafos (ENIL, 2019), os participantes non debían afastar a vista do chan até dar co minúsculo vexetal que enrodela o seu acio floral coma rabo de camaleón. Sarmiento, nado no pazo das Raposeiras de Cerdedo no ano 1695, describiu o espécime corenta e dous anos antes ca o botánico sueco Johann Andreas Murray (15ª edición do Systema Vegetabilium, 1797). Tras dúas edicións de busca infrutuosa, á terceira foi a vencida.
Pola tarde, colaboramos con Paz Castro, presidenta da asociación Monte Pituco de Marín, na busca de gravados rupestres polas lombas do Pornedo. Paz Castro, altofalante do noso labor, leva anos loitando en solitario contra a opinión desatinada e maioritaria de converter o Pornedo (“o balcón da ría”) nun groseiro polígono industrial. Non houbo sorte cos petros, pero sobran folgos para a recunca.
Ao día seguinte, o domingo 28, percorrendo de novo o territorio de Xirazga, o colectivo Capitán Gosende descubríu outro gravado rupestre (coordenadas.- X: 554.312; Y: 4.702.874; alt. 767 m), tallado nun saínte metamórfico. Anótese na conta de Alicia. Por mor da súa localización (a uns 950 m cara ao leste da aldea de Ricovanca), a inscultura recibiu o nome de “petróglifo de Ricovanca III”. Componse de varios agrupamentos de coviñas, acadando un total de 25. Co petróglifo de Ricovanca III, a tropa de exploradores deixa a súa marca de achados en 62.
Non hai acougo. O día 4 de maio, convidados pola asociación Vagalumes, falaremos na Estrada (no MOME) sobre a defensa do noso patrimonio. Non concibimos mellor xeito de honrar a Antón Fraguas e non concibimos outra maneira de vivir Cerdedo, senón estudando e coñecendo a súa historia e gozando en plenitude do seu patrimonio material e inmaterial. A maioría entretense vendo pasar os coches.
Os resultados electorais debuxaron un horizontes de cambio para o país. En Cerdedo non.