Limiar
Xurxo Esquío
Facer autostop é un medio de transporte, ou mellor dito é un xeito de transportarse dun lugar a outro, que foi moi importante nunha época, e que na actualidade é moito menos frecuente debido a diversos motivos. Un deles podería ser que a xente nova ten acceso de xeito máis doado a un medio de transporte propio, cousa que hai uns cantos anos era impensable. Tamén o medo é un importante factor; o medo da xente a recoller a alguén que resulte ser un ladrón ou algo peor. Nesta percepción seguramente terá moito que ver o cine, en maior medida o norteamericano. Quen non viu unha película na que un autostopista resulta ser un perigoso asasino psicópata, un violador...etc. Tamén ocorre á inversa; un rapaz ou rapaza recollido na estrada resulta agredido, desaparece, róubanlle os órganos... a lista de maldades pode ser infinita.
Esta historia ocorreume hai uns anos, e quero dala a coñecer co obxectivo de romper unha lanza a prol deste xeito de viaxar. Estou seguro de que considerándoo en global, haberá moitos máis casos positivos que negativos; xente que recolle autostopistas que resultaron unha agradábel compaña durante a viaxe, ou que axudaron a reparar o vehículo despois dunha malfadada picada, ou infinidade doutras posibilidades. Pero que ten iso de shock? Que ten iso de impresionante para a maioría da poboación occidental do século XXI? E moito máis impresionante para a masa, e polo tanto queda gravado no noso inconsciente colectivo, un autostopista asasino ou violador, ou a maldade que toque -tamén á inversa, unha persoa que recolle a xente con malfadadas intencións-. Estes casos si que transcenden fronteiras de todo tipo, ata o punto de que feitos que só ocorreron no maxín dalgún guionista de Hollywood, poden chegar a formar parte das lendas urbanas que moita xente considera reais, e deste xeito inflúen decisivamente no seu comportamento cotián. Decídome pois a escribir a miña experiencia, coma un pequeno gran de area na balanza a prol do costume de facer autostop. Un gran de area que pese no lado positivo, sabendo que faría falla dar a coñecer milleiros de casos similares -en canto a experiencia positiva-, para equilibrar a balanza e que este xeito de viaxar, senón que fose percibido coma algo bo en si mesmo -que non ten porque selo-, polo menos non tivese a auréola perigosa que actualmente ten para moita xente. Isto non quere dicir que esta historia remate ben ou mal, sinxelamente para min foi unha experiencia positiva, e a vida vén sendo iso, unha serie de experiencias que independentemente de que no seu momento sexan percibidas coma malas ou boas, co paso do tempo poden chegar a ser positivas ou negativas no conxunto dunha traxectoria vital.