Pedro J. Peón Estévez
Nin os máis velhos do lugar o acordaban pero cando abrolhou, aló nos terreos dos Horros en Arnois (A Estrada), xa Boabdil deixaba Granada entre saloucos, pero aínda ninguén arribara ó novo mundo. Disque a landra que a pariu caeu da boca dun corvo e a piques estivo de nacer un pouco máis ó norte na provincia da Corunha, na beira do Ulla e a tiro de pedra do Pico Sacro e tamén que gozaron da sua sombra o profesor estradense Manuel Garcia Barros ( Kenkeirades ), Castelao e outros cinco un certo día cando ían caminho do tal Pico Sacro en Boqueixón. Para moitas xeracións de estradenses, e innumerábeis alheos, foi conhecida como A Sobreira de Valboa e tínhase pola máis velha de Galiza, irmá maior daqueloutra de Valiñas -tamén na Estrada- e parenta lonxana dos sobreiros de Extremadura e o Alentejo que viran, cada vez menos, en rolhas de garrafa e máis en arte,moda e complementos. E por ende, as suas landras crían uns porquinhos ben bonitos.
O seu tronco estaba oco desde o chan ata case a copa, ó parecer causado por un lume que lhe achegaron por mor de escorrentar un enxamio…que xa fai falta ser besta! Contan que aquel espazo foi ocupado por familias enteiras de trasnos. E sería. Contan que era algo presumida e agradecía que a chamasen polo seu nome "fino": Quercus Suber.
En resumo; coa perda da Sobreira de Valboa, todos perdimos algo de noso, "é o país que se nos vai polo sumidoiro" dixo alguén. Quédanos o consolo de saber que, polo menos, esta vez foi a natureza abatendo a natureza e non a ignorancia, a prepotencia e a corrupción galopante arrasando os nosos recursos naturais, culturais e históricos. Se ben a corticeira foi arrincada pola enerxía eólica, por unha vez non foi unha mineira-político-enerxética a autora do crime. A sobreira de Arnois nunca será biomasa celuleira, quilovátios biofóbicos.
Lamento fondamente a perda dese monumento natural co seu fermoso porte, o verdor vizoso da sua ramaxe, a beleza irrepetíbel de obra de arte natural coas nobres enrugas da sua pel enxebre. Igual que os profesores estradenses David Otero e Xoán Carlos Garrido. Uno a minha dor á deles nunha aperta solidaria.