O colectivo Capitán Gosende prosegue o seu estudo etnográfico do río de Quireza. A xornada deparounos o achado dun petróglifo e a verificación dun xacemento castrexo na parroquia.
Calros Solla
Río de Quireza arriba, tras a ponte e o muíño de Bugarín, na marxe dereita da corrente fluvial, facíannos a espera as ruínas do muíño Marzal, que, en tempos, funcionou como muíño de maquía. A pequena industria localízase na parroquia de Castro. O muíño Marzal componse de dúas construcións encostadas. O edificio destinado á moenda é de inferiores dimensións (7’20 m de longo x 4 m de largo x 2’80 m de altura max.). Paredes de cachotaría e cuberta a dúas augas, hoxe desaparecida. O muíño tampouco conserva a moa e o pé, nin trazas da parede oeste. O propulsor hídrico accedía ao inferno a través dunha ampla calexa. A xambaxe da porta do muíño (196 cm de alto x 90 cm de ancho) adobíase con media ducia de riscos cruciformes, símbolos profilácticos tallados tanto nas caras frontais das pedras coma nas laterais. No interior da parede oeste, ábrese unha lacena.
A dependencia do muíño comunica co edificio anexo por unha porta medianeira. Sobre o cargadeiro da porta (parede sur do anexo) concertouse co propio cachotado un arco de descarga. Esta construción posúe unhas dimensións meirandes (5’40 m x 4’90 m x 6 m de altura max.). Paredes de cachotaría e cuberta a dúas augas (tamén desaparecida). En tempos, o espazo distribuíase en dous andares. A porta medianeira daba acceso ao andar inferior (almacén), mentres que no sobrado se instalaba a vivenda do muiñeiro. Na parede norte ábrese unha porta alzada (ao nivel do sobrado), pola que, valéndose dunha escada, se accedía ao habitáculo. Amais, a edificación abre unha ventá cara ao leste, outra ventá cara ao oeste e un bufardexo cara ao río (leste). Dúas lacenas no interior da parede sur. O tellado do muíño é transverso ao tellado da vivenda contigua.
Cen metros río arriba, construíuse o encalco do muíño. A uns quiñentos metros da presa do muíño Marzal, atravesa o río a ponte Daquelcabo que, xacando, comunicaba as aldeas de Fondós (Quireza) e Castro do Cabo (Castro). Dende aquí, o río establece a fronteira interparroquial.
A ponte Daquelcabo
Ponte de pedra de cinco ollos, sen antepeitos. Taboleiro recto sostido por catro piares. Cada piar enfronta a corrente aguzando a cachotaría (tallamares). Cada un dos cinco tramos da ponte componse de cinco trabes (25 trabes en total). A ponte mide 13 m de longo, 2’64 m de largo (4’75 m até o bico do tallamar), e ten unha altura de 1’50 m.
O muíño da Varcia
En chegando á altura de Fondós, o río de Quireza, como querendo asexar o casarío, traza unha revolta, deixando na súa marxe esquerda un amplo terreo anegábel. Velaquí a varcia, que cae do lado de Castro. E na frondosidade da varcia, atopamos o muíño.
Muíño dunha moa (conserva a moa e o pé) e calexa. Paredes de cachotaría. A parede oeste, de mesuño rachuído. Cuberta a dúas augas. A porta do muíño sitúase na parede leste (157 cm de alto x 97 cm de ancho). A luz cóase a través de dous bufardexos: un aberto na parede norte e outro na sur. Dimensións exteriores do edificio: 5’80 m de longo x 3’90 m de largo x 2’85 m de altura max.
Na parede leste, á esquerda porta, sobresae un pousafoles. Na súa vertical, unha das sobrepenas voa ben fóra do muro a xeito de trabatel. O beirado gorecía a foleca do cereal (mundo ou por moer) da chuvia.
A ponte do Cabaleiro
Atrás deixamos a Varcia e, percorridos uns trescentos metros, o río de Quireza galla formando unha insua. Neste lugar poñémoslle punto e seguido ao noso labor exploratoiro, non sen antes facer referencia aos vestixios da ponte do Cabaleiro, fidalgo promotor que tamén lles deu nome ás leiras inmediatas (Os Cabaleiros).
O sitio arqueolóxico dos Castrelos
Coa promesa do pronto retorno, afastámonos do manseliño Quireza avantando polos Cabaleiros arriba na dirección do lugar do Outeiro. Anotaramos na axenda outro asunto pendente de resolución: deveciamos por confirmar se nas leiras denominadas Os Castrelos se agochaba un xacemento da Idade do Ferro. A nosa visita aos Castrelos non era a primeira. Xa en 2009, na Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (páx. 38), deixei consignado que, no tocante á parroquia de Quireza, amais dos sitios arqueolóxicos catalogados da Roda do Castro e Castro de Baixo, os microtopónimos O Castriño (entre Mamoalba e Fondós) e Os Castrelos (entre Fondós e O Outeiro) denotaban a oculta existencia de xacementos prehistóricos.
A nosa esculca, auxiliada agora co mapeo lídar, lévanos a afirmar que baixo o baloco dos Castrelos, a parroquia de Quireza agocha outro depósito arqueolóxico. Os artífices do PXOM de Cerdedo (2014), cuxo inventario arqueolóxico se elaborou empregando como guía a devandita e providencial Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (2009), non foron quen de situar correctamente o xacemento dos Castrelos. O sitio dos Castrelos localízase 200 m ao sur do punto sinalado no visor de Aproveitamentos forestais (mapas.xunta.gal), e a pouco máis de 400 m ao sur da croa do xacemento do Castro de Abaixo (GA36011003). As coordenadas certas do sitio arqueolóxico dos Castrelos son as seguintes.- X: 546.212; Y: 4.712.484.
Ao longo dos anos, pecorrendo o territorio de Cerdedo, o colectivo Capitán Gosende deu a coñecer un bo número de castros inéditos (empregamos “castro” como denominación xenérica), entre eles: O Castro Segón (na parroquia de Cerdedo), A Roda da Ameixoada (en Figueiroa), O Castriño e Os Castrelos (en Quireza), o Coto do Castro (en Tomonde) e A Mouteira e O Coto da Roda (en Parada). Léase v.g.: “Capitán Gosende descobre seis castros en Cerdedo”, Faro de Vigo, 29-3 e 23-4-2015).
Descuberta dun petróglifo en Fondós
Xa de retirada, un dos meus presentimentos empurroume a abandonar a estrada Bugarín-Fondós (onde estacionaramos o vehículo) e a internarme nun lombelo ben revestido de matogueira espiñenta. Na primeira volta do camiño, dei cun laxedo que apenas sobresaía do chan. Na parte alta do afloramento granítico, albisquei un pequeno gravado rupestre, moi desgastado. A inscultura componse (cando menos, a parte visíbel) dun conxunto de 13 coviñas, distribuídas en tres grupos (5, 6 e 2). Descoñecendo o chamadeiro do lugar, escollemos o topónimo As Murteiras para a sua catalogación, por figurar no Topográfico a escasa distancia do achado.
O petróglifo das Murteiras (coordenadas.- X: 545.830; Y: 4.711.715; alt. 349 m) sitúase a uns 350 m, cara ao sur, da aldea de Fondós; a uns 50 m cara ao oeste do linde coa parroquia de Castro, e a uns 240 m, cara ao nordés, do petróglifo de Vilarchán, descuberto polo colectivo Capitán Gosende o 30 de agosto de 2015.
As mámoas da Pena da Cruz e a mámoa de Covas
De Quireza a Folgoso. Póñolle remate a este artigo ocupándome unha miga do patrimonio megalítico da parroquia de Folgoso, ao que tamén lle emprestamos atención estes días pasados.
Unha das mámoas de Folgoso que figura no catálogo de Patrimonio é a chamada mámoa das Chairas. A mámoa das Chairas (GA36011034) integra a necrópole neolítica da Pena da Cruz (catro túmulos, tres catalogados con ese nome). A necrópole da Pena da Cruz é, dende tempo inmemorial, un dos fitos empregados para deslindar a parroquia cerdedesa de Folgoso da forcareiesa de Millarada. É dicir, unha das mámoas da necrópole cae do lado de Cerdedo (a “das Chairas”) e tres, do lado de Forcarei (as “da Pena da Cruz”).
Porén, o nome empregado para a catalogación desta mámoa de Folgoso é erróneo, pois co topónimo “As Chairas” os veciños de Acivedo (Millarada-Forcarei) nomean no seu monte un predio coincidente, no arqueolóxico e no megalítico, co sitio “Capela do Santo”, situado a uns 500 m de distancia, cara ao noroeste, do sitio “Pena da Cruz” (consúltese: Aproveitamentos forestais (mapas.xunta.gal)).
Polo que respecta á mámoa de Covas (GA36011051), situada a escasa distancia do casarío, a súa altura e os seus 35 m de diámetro convértena, 6.000 anos despois, no monumento megalítico máis impoñente de Cerdedo.
Nin a canadiña da santa Mariña, nin o xerro na man do san Queitán, nin o caldeiro penzo do san Lourenzo lle acudiron ao río de Quireza. Agardemos pola ola de Nosa Señora, xa que pouca máis auga leva o río que pra que a troita lave os pés.