http://praza.com/cultura/6360/heitor-picallo-pola-bandeira-da-lingua/
A Asociación Cultural “Vagalumes” presenta o libro de Héitor Picallo “Coa lingua na Terra”. O libro publicado pola editorial Toxos Souto leva prólogo de Xosé María Lema Suárez e epílogo de David Otero. Nel recóllense, fundamentalmente, textos publicados no Diario de Arousa, Diario de Pontevedra e na Plataforma Prolingua, porén existen outros textos que non vén a luz até hoxe. Tamén se publican no libro varias caricaturas realizadas por Héitor Picallo, a maior parte inéditas, aínda que a de Lois Pereiro foi portada, no Día das Letras Galegas, no xornal Galicia Hoxe. A ilustración da capa (portada) é un graffitti que en Cuntis elaboraron os músicos e artistas plásticos Sokran e Mou (Dios Ke Te Crew), e que leva por título «Solta a túa Língua». A presentación terá lugar o vindeiro venres 4 de abril, ás 20:30 h. Na sala de exposicións de novagalicia banco da Estrada. Intervirán o propio autor, Héitor Picallo, o escritor David Otero e o profesor Cibrán Arxibai.
http://praza.com/cultura/6360/heitor-picallo-pola-bandeira-da-lingua/
0 Comentários
Con Xosé Otero Abelleira A Estrada ocupa un lugar relevante no xornalismo galego. Tabeirós Montes publica na súa páxina web unha biografía de Xosé Otero Abelleira, quen fora o director e promotor da publicación máis singular e lonxeva do noso Concello, a cal foi mesmo un referente de Galiza por ser unha publicación que poñía en contacto o mundo da emigración coa Terra e por expresamente definirse por unha orientación galeguista e anticaciquil. O xornal El Emigrado estivo durante 20 anos decisivos da historia da Estrada dando conta das angueiras e vicisitudes do noso Concello. A profesora Clara Iglesias Cortizo, presidenta da Asociación Cultural “Vagalumes”, elaborou esta biografía para dar conta de quen foi un dos persoeiros máis relevantes da nosa cultura, sendo quen nas páxinas dos seu xornal dou canle a expresión de moitos outros escritores (Manuel García Barros, Cabada Vázquez, Otero Pedrayo, Castro Dono, Bouza Brey...). Con esta publicación en formato dixital na web www.tabeirosmontes.com das Asociacións “Vagalumes” e “Verbo Xido” comeza unha xeira de títulos que darán conta da historia da nosa literatura comarcal. Pódese consultar esta biografía e descargala desde esta ligazón. A Asociación Cultural “Vagalumes” da Estrada, A Asociación Ecoloxista e Cultural “Verbo Xido” de Terra de Montes e a asociación de Mulleres “Espadela” coa presencia dunha representante da Plataforma Galega polo dereito ao aborto, convocan o sábado, Día da Muller, unha presentación da Plataforma e constitución na nosa comarca, para o cal convocamos a todas e todos os que queiran informarse e participar a nivel individual, así como asociacións, sindicatos e partidos políticos da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, ortganizando na nosa zona a Plataforma Galega Polo Dereito ao Aborto, para facerlle fronte á ofensiva do goberno contra os dereitos das mulleres para decidir sobre a súa maternidade. A xuntanza será o 8 de marzo ás 20:30 horas, na sala de exposicións de Novagalicia Banco da Estrada. Pola mañá terá lugar na praza da farola da Estrada unha recollida de sinaturas e reparto de información convocando á manifestación que terá lugar o domingo, día 9, en Santiago de Compostela. Que pedimos O Goberno Central e, máis concretamente, o Ministro de Xustiza Alberto Ruiz Gallardón, anunciou un cambio lexislativo en materia de Interrupcións Voluntarias do Embarazo que previsiblemente nos devolverá máis atrás de 1985 coa volta a un sistema de supostos. Iso quere dicir que as mulleres se verán obrigadas a alegar razóns para justificar a súa decisión. Aparece, ademais, unha posible revisión do suposto que recollía as malformacións graves do feto como razón para practicar este tipo de intervencións. Que recolle a actual Lei? A chamada “lei de prazos”, actualmente vixente, adoptada pola maioría dos países da nosa contorna, é unha norma xurídica que permite á muller embarazada, dentro dun prazo determinado (14 semanas no caso do Reino de España), realizar unha interrupción do embarazo, dentro do sistema público de saúde de maneira gratuíta e sen quedar supeditada na súa actuación á opinión ou ditame doutras persoas. E a Lei do 85? A Lei Orgánica 9/1985, despenalizaba a Interrupción Voluntaria do Embarazo só en tres supostos: se existía risco grave para a saúde física ou psíquica da muller embarazada nos casos de violación nos casos de malformacións ou taras, físicas ou psíquicas, no feto Requiríase un informe médico que certificase o cumprimento das condicións establecidas pola lei e nos casos de violación, a presentación dunha denuncia. Nos demais casos o Código Penal establecía diversas penas de prisión tanto para a nai como para o persoal sanitario que practicase abortos non amparados pola lei. Que supón a mudanza? Aborto diferente para ricas e pobres. A reforma da lei do aborto non só é un retroceso de máis 25 anos nos dereitos das mulleres, senón que supón volver a un tempo onde, as que podían económicamente, viaxaban ao estranxeiro para abortar ou o facían clandestinamente. Unha volta á minoría de idade das mulleres. Supón que miles de mulleres necesiten (necesitarán) o “permiso” dun ou dunha profesional ou do titor ou titora legal (no caso das menores de idade), para poder interromper a súa xestación. Caza de bruxas no século XXI. Que profesionais e mulleres se vexan implicadas e imputadas en múltiples xuízos, moitos deles con resultado condenatorio. O cuestionamiento das vidas das mulleres. Que a decisión das mulleres sexa obxecto de cuestión e investigación tras as denuncias levadas a cabo por terceiras persoas. En resumo, que a liberdade das mulleres para decidir sobre o seu propio corpo se vexa permanentemente axuizada por o mesmo goberno que está a promover uns recortes que fan que as nosas vidas se precaricen até extremos que pouco podiamos sospeitar. Motivos polos que nos opoñemos Aumento de abortos clandestinos e de risco. Porque nos sumariamos á lista de países onde o aborto está restrinxido ou penalizado pola lexislación, e onde se producen a gran maioría dos abortos clandestinos, obrigando especialmente a mulleres con poucos recursos e/ou mozas a interromper o embarazo de forma pouco segura. As leis non reducen o número de abortos. Porque as leis restritivas inflúen pouco ou nada no número de abortos que se realizan, pero si determinan se estes levan a cabo en condicións de risco ou non. Falta de prevención. Porque o éxito ou fracaso das políticas públicas preventivas é onde recae boa parte da responsabilidade dos embarazos non desexados; e a reforma da lei prevé eliminar a educación sexual e afectiva nas escolas. Dereitos humanos. Porque os dereitos sexuais e reprodutivos son dereitos humanos fundamentais e, como tales, a súa violación é sentida e sufrida por toda a sociedade. Nais por elección. Porque a maternidade debería ser consciente, escollida e digna e non un mandato gobernamental. O Goberno actual é ANTI-VIDA. Porque o Goberno que di protexer a vida, ao mesmo tempo elimina prazas en escolas infantís públicas, quere privatizar os servizos públicos, sométenos a recortes atroces en axudas á dependencia, educación e comedores escolares, o que fai imposible a conciliación da vida persoal e laboral. Sanidade Pública e de calidade. Porque se o aborto é unha intervención de carácter sanitario, ten que realizarse nas mesmas condicións que o resto de prestacións sanitarias: en centros públicos e garantindo a accesibilidade, calidade e confidencialidade, con todas as garantías sanitarias. Os feminismos somos PROVIDA. Porque ser “Pro-vida” é loitar por ter unha boa vida e non condenar ás persoas a situacións que fagan que esta non mereza a pena ser vivida. A lei elimina o suposto de malformación grave fetal ao mesmo tempo que arrasa co investimento en políticas relacionadas coa dependencia. O Goberno do PP fala de protexer a vida durante as semanas de xestación, pero abandona á súa sorte ás persoas unha vez que chegaron ao mundo. E eu… que podo facer? Infórmate: le, escoita, busca información, achégate a algún colectivo feminista da túa contorna, pregunta e despois… Mobilízate: suma ás concentracións, difunde as convocatorias, fala coas túas compañeiras, amigas, veciñas…; asina os manifestos, ofrece a túa colaboración aos grupos que emprendan accións para oporse a que a Lei mude. Esixe: ás túas e aos teus representantes políticos que dean a cara, se opoñan á nova Lei, defendan os teus dereitos, loiten por garantir a túa liberdade para decidir. Defendamos o dereito das mulleres ao seu corpo e esixamos ao goberno que cumpra coa súa responsabilidade de garantir o aborto legal, seguro e accesible. |
Un proxecto de:Colaboracións
Tudo
Estamos en:Histórico
Novembro 2024
Tabeiros Montes (Portal cultural de Tabeirós-Terra de Montes) de Asociación Cultural "Vagalumes" e Asociación Cultural e Ecoloxista "Verbo Xido" ten unha licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial 4.0 Internacional. Con base nunha obra dispoñíbel en http://www.tabeirosmontes.com/. Os permisos alén do foco desta licenza pódense atopar en http://www.tabeirosmontes.com/colabora.html. |