Pola mañá terá lugar na praza da farola da Estrada unha recollida de sinaturas e reparto de información convocando á manifestación que terá lugar o domingo, día 9, en Santiago de Compostela.
Que pedimos
O Goberno Central e, máis concretamente, o Ministro de Xustiza Alberto Ruiz Gallardón, anunciou un cambio lexislativo en materia de Interrupcións Voluntarias do Embarazo que previsiblemente nos devolverá máis atrás de 1985 coa volta a un sistema de supostos. Iso quere dicir que as mulleres se verán obrigadas a alegar razóns para justificar a súa decisión.
Aparece, ademais, unha posible revisión do suposto que recollía as malformacións graves do feto como razón para practicar este tipo de intervencións.
Que recolle a actual Lei?
A chamada “lei de prazos”, actualmente vixente, adoptada pola maioría dos países da nosa contorna, é unha norma xurídica que permite á muller embarazada, dentro dun prazo determinado (14 semanas no caso do Reino de España), realizar unha interrupción do embarazo, dentro do sistema público de saúde de maneira gratuíta e sen quedar supeditada na súa actuación á opinión ou ditame doutras persoas.
E a Lei do 85?
A Lei Orgánica 9/1985, despenalizaba a Interrupción Voluntaria do Embarazo só en tres supostos:
se existía risco grave para a saúde física ou psíquica da muller embarazada
nos casos de violación
nos casos de malformacións ou taras, físicas ou psíquicas, no feto
Requiríase un informe médico que certificase o cumprimento das condicións establecidas pola lei e nos casos de violación, a presentación dunha denuncia. Nos demais casos o Código Penal establecía diversas penas de prisión tanto para a nai como para o persoal sanitario que practicase abortos non amparados pola lei.
Que supón a mudanza?
Aborto diferente para ricas e pobres. A reforma da lei do aborto non só é un retroceso de máis 25 anos nos dereitos das mulleres, senón que supón volver a un tempo onde, as que podían económicamente, viaxaban ao estranxeiro para abortar ou o facían clandestinamente.
Unha volta á minoría de idade das mulleres. Supón que miles de mulleres necesiten (necesitarán) o “permiso” dun ou dunha profesional ou do titor ou titora legal (no caso das menores de idade), para poder interromper a súa xestación.
Caza de bruxas no século XXI. Que profesionais e mulleres se vexan implicadas e imputadas en múltiples xuízos, moitos deles con resultado condenatorio.
O cuestionamiento das vidas das mulleres. Que a decisión das mulleres sexa obxecto de cuestión e investigación tras as denuncias levadas a cabo por terceiras persoas.
En resumo, que a liberdade das mulleres para decidir sobre o seu propio corpo se vexa permanentemente axuizada por o mesmo goberno que está a promover uns recortes que fan que as nosas vidas se precaricen até extremos que pouco podiamos sospeitar.
Motivos polos que nos opoñemos
Aumento de abortos clandestinos e de risco. Porque nos sumariamos á lista de países onde o aborto está restrinxido ou penalizado pola lexislación, e onde se producen a gran maioría dos abortos clandestinos, obrigando especialmente a mulleres con poucos recursos e/ou mozas a interromper o embarazo de forma pouco segura.
As leis non reducen o número de abortos. Porque as leis restritivas inflúen pouco ou nada no número de abortos que se realizan, pero si determinan se estes levan a cabo en condicións de risco ou non.
Falta de prevención. Porque o éxito ou fracaso das políticas públicas preventivas é onde recae boa parte da responsabilidade dos embarazos non desexados; e a reforma da lei prevé eliminar a educación sexual e afectiva nas escolas.
Dereitos humanos. Porque os dereitos sexuais e reprodutivos son dereitos humanos fundamentais e, como tales, a súa violación é sentida e sufrida por toda a sociedade.
Nais por elección. Porque a maternidade debería ser consciente, escollida e digna e non un mandato gobernamental.
O Goberno actual é ANTI-VIDA. Porque o Goberno que di protexer a vida, ao mesmo tempo elimina prazas en escolas infantís públicas, quere privatizar os servizos públicos, sométenos a recortes atroces en axudas á dependencia, educación e comedores escolares, o que fai imposible a conciliación da vida persoal e laboral.
Sanidade Pública e de calidade. Porque se o aborto é unha intervención de carácter sanitario, ten que realizarse nas mesmas condicións que o resto de prestacións sanitarias: en centros públicos e garantindo a accesibilidade, calidade e confidencialidade, con todas as garantías sanitarias.
Os feminismos somos PROVIDA. Porque ser “Pro-vida” é loitar por ter unha boa vida e non condenar ás persoas a situacións que fagan que esta non mereza a pena ser vivida. A lei elimina o suposto de malformación grave fetal ao mesmo tempo que arrasa co investimento en políticas relacionadas coa dependencia. O Goberno do PP fala de protexer a vida durante as semanas de xestación, pero abandona á súa sorte ás persoas unha vez que chegaron ao mundo.
E eu… que podo facer?
Infórmate: le, escoita, busca información, achégate a algún colectivo feminista da túa contorna, pregunta e despois…
Mobilízate: suma ás concentracións, difunde as convocatorias, fala coas túas compañeiras, amigas, veciñas…; asina os manifestos, ofrece a túa colaboración aos grupos que emprendan accións para oporse a que a Lei mude.
Esixe: ás túas e aos teus representantes políticos que dean a cara, se opoñan á nova Lei, defendan os teus dereitos, loiten por garantir a túa liberdade para decidir.
Defendamos o dereito das mulleres ao seu corpo e esixamos ao goberno que cumpra coa súa responsabilidade de garantir o aborto legal, seguro e accesible.