Tabeirós Montes publica na súa páxina web unha biografía de Xosé Otero Abelleira, quen fora o director e promotor da publicación máis singular e lonxeva do noso Concello, a cal foi mesmo un referente de Galiza por ser unha publicación que poñía en contacto o mundo da emigración coa Terra e por expresamente definirse por unha orientación galeguista e anticaciquil.
O xornal El Emigrado estivo durante 20 anos decisivos da historia da Estrada dando conta das angueiras e vicisitudes do noso Concello.
A profesora Clara Iglesias Cortizo, presidenta da Asociación Cultural “Vagalumes”, elaborou esta biografía para dar conta de quen foi un dos persoeiros máis relevantes da nosa cultura, sendo quen nas páxinas dos seu xornal dou canle a expresión de moitos outros escritores (Manuel García Barros, Cabada Vázquez, Otero Pedrayo, Castro Dono, Bouza Brey...).
Con esta publicación en formato dixital na web www.tabeirosmontes.com das Asociacións “Vagalumes” e “Verbo Xido” comeza unha xeira de títulos que darán conta da historia da nosa literatura comarcal.
Pódese consultar esta biografía e descargala desde esta ligazón.