Simboloxía franquista en Cerdedo (II)
Calros Solla
- Fonte pública do Outeiro
Concello: Cerdedo.
Parroquia: Folgoso.
Lugar: O Outeiro.
Coordenadas: X: 553.642; Y: 4.709.816
Inmóbel: Perpiaño de pedra de gran con inscrición preconstitucional, fragmento da cabeceira da antiga fonte pública do Outeiro. Orixinalmente, o inmóbel constaba de fonte e pío; despois engadíuselle un lavadoiro. A pedra inscrita (coa inscrición cara a arriba) pousa, a xeito de sentadoiro, na parte superior dun valo de pouca altura, que acouta o espazo que antes ocupaban a fonte e mais o lavadoiro. A fonte, da que só fican vestixios, localízabase a uns 6 m doutro lavadoiro tradicional. A fonte fora inaugurada no ano 1950, cadrando coa alcaldía de Manuel Gutiérrez Torres, o terceiro alcalde da ditadura en Cerdedo. Os sucos do emblema de Falanxe (xugo e frechas) aínda conservan restos de pintura vermella. Parte do material construtivo da fonte foi reutilizado no muro dunha vivenda adxacente. Identificamos entre a cachotaría do valo, a peza coa inscrición “Outeiro”, que coroaba a cabeceira do inmóbel. As siglas J.A.M. correspóndense a “Juntas de Ayuda Municipal”. No arquivo do colectivo Capitán Gosende gárdase unha foto da fonte que data da súa inauguración. En 2011, a escasos metros cara ao sur, instalouse unha nova fonte pública.
Aditamento ilegal:
Elemento: Inscrición.
Dimensións: Dimensións do soporte: 100 cm de longo x 47 cm de largo x 12 cm de fondo. Dimensións da inscrición: 66 cm x 35 cm.
Texto e/ou emblema:
[Símbolo de Falanxe (centrado)]
AÑO 1950
J. A. M.
Accións pendentes: Abuxardado da pedra inscrita.
- Fonte pública de Covas
Concello: Cerdedo.
Parroquia: Folgoso.
Lugar: Covas.
Coordenadas: X: 553.070; Y: 4.710.456
Inmóbel: Fonte pública con inscrición memorativa na cabeceira. Inaugurada no ano 1952, cadrando coa alcaldía de Manuel Gutiérrez Torres, o terceiro alcalde da ditadura en Cerdedo. Na actualidade, o inmóbel consta de fonte, pío e lavadoiro cuberto. A cabeceira da fonte consta de tres perpiaños de pedra de gran. Na peza intermedia, rectangular, talláronse o emblema de Falanxe (xugo e frechas) e debaixo a data de construción. Os sucos do emblema de Falanxe aínda conservan restos de pintura negra. Na superior, de menores dimensións, rectangular cos vértices superiores achafranados, talláronse o nome da aldea “Cobas” (grafado con “b”) e debaixo as siglas J.A.M. As siglas J.A.M. correspóndense a “Juntas de Ayuda Municipal”. No arquivo do colectivo Capitán Gosende gárdase unha foto da fonte que data da súa inauguración.
Aditamento ilegal:
Elemento: Inscrición.
Dimensións: Dimensións da inscrición inferior: 40 cm x 32 cm. Dimensións do soporte superior: 58/29 cm de longo x 34 cm de alto.
Texto e/ou emblema:
COBAS
J. A. M.
[Símbolo de Falanxe (centrado)]
1952
Accións pendentes: Abuxardado da pedra inscrita.
Continuará...