Cando Xosé Torres Paz se decatou de que a resistencia era en van, decidiu agocharse, canda outros compañeiros (entre eles Francisco Varela Garrido "Pancho"), no monte do Seixo (cova do Outeiro das Aveas). Nunha das súas fugaces visitas ao fogar, foi delatado por un veciño falanxista, detido e conducido ao cuartel da Garda Civil de Cerdedo. Á noitiña do 11 de agosto de 1936, membros da chamada Guardia Cívica, canda falanxistas de Cerdedo, conduciron a Xosé Torres Paz, a Xosé Cortizo González (veciño de Barro de Arén e militante socialista) e Manuel Garrido "o Negro" (veciño de Fondós-Quireza, militante socialista) a un punto fatídico da estrada Pontevedra-Compostela (á altura do lugar de Alba). Alí foron asasinados e os seus corpos abandonados nunha gabia da estrada. Deron por morto a Manuel Garrido, mais, prodixiosamente, deu sobrevivido ao transo (dende aquelas sería coñecido polo alcume "o Resucitado").
Para o acto do vindeiro sábado, estaba prevista a asistencia de Peregrina Torres, filla do homenaxeado, mais, por desgraza, Peregrina faleceu a madrugada do pasado domingo (31 de marzo). Os membros de Capitán Gosende queremos transmitirlle a familia as nosas máis sinceras condolencias. Debe consolarnos o feito de que a señora Peregrina abandonou este mundo sabendo que, 83 anos despois, a memoria do seu pai ía ser obxecto de reparación. Asistirán ao acto os fillos e netos da finada.
A inauguración da lauda comezará a iso das 12:00 h no dito lugar do Campo das Laudas. A lauda de XOSÉ TORRES PAZ (oficial do concello; asasinado) fincarase a carón das tres que a precederon: a de Xosé Otero Espasandín (mestre e poeta; exiliado), Antonio Sueiro Cadavide (alcalde republicano de Cerdedo; esquecido) e Francisco Varela Garrido (secretario do concello, fusilado). O conxunto escultórico estase facendo realidade grazas ao apoio desinteresado dos membros e simpatizantes de Capitán Gosende e, xaora, grazas á xenerosidade e mestría do escultor Marcos Escudero. O proxecto non se beneficia de subvención pública ningunha e é, polas súas características, unha iniciativa única en Galicia.