Apuntamentos sobre a biografía de Ramón de Valenzuela
Manuel Igrexas
Pretendemos facer unha aproximación á figura do político e escritor Ramón de Valenzuela, centrándonos sobre todo nos primeiros anos da súa vida, cando desenvolve o seu labor na comarca de Deza.
Nace Ramón de Valenzuela Otero no Pazo da Viña, na parroquia silledense de Abades, o 3 de outubro de 1914. De familia fidalga, é fillo de José Valenzuela Ulloa, e neto por liña paterna de Gerardo Valenzuela Baamonde e Mauricia Ulloa Villar, dos Ulloa de Lalín. A súa nai, Dolores Otero García, era filla de Gumersindo Otero, quen fora presidente da Deputación de Pontevedra e gobernador civil de Ourense.
O pai, o popular médico José Valenzuela, foi un dos iniciadores do movemento agrarista en Silleda nos primeiros anos da década de 1920 e chegou a ser proclamado candidato para as eleccións a deputados provinciais de 1921, aínda que non saíu elixido.
Ramón estuda o bacharelato en Compostela para matricularse no curso 1931/1932 en Dereito. Ao ano seguinte farao en Filosofía e Letras. En 1933 marcha a Pontevedra para ingresar na Escola Normal, aínda que continúa como alumno libre das facultades de Dereito e Filosofía e Letras. Rematados os tres cursos de Maxisterio, destínano a Vigo como mestre, cargo que non chegou a exercer polo comezo da Guerra.
Aínda sen rematar o bacharelato, desenvolve unha intensa actividade de difusión cultural na súa parroquia de Abades: en 1930, crea, nunha casa do pai, unha escola para adultos na que dá clases en galego. No verán de 1933 forma con outros mozos un cadro teatral que chamaron Alborada, co ánimo de recadar fondos para a difusión cultural, chegando a representar algunhas obras na Bandeira e Silleda.
De 1933 datan os seus primeiros escritos. Trátase dunha serie de Cartas a Alfonso d’Outeiro, asinadas como Ramón da Viña e aparecidas no periódico lalinense Razón, dirixido polo agrarista Xesús Iglesias Surribas. Nelas trata de convencer o seu correspondente (en realidade o seu curmán Alfonso, daquela estudante en León) da necesidade da autonomía para avanzar na liberación de Galicia:
Non sentes derrota, porque sabes que, se non é hoxe é mañá; o noso pobo ha espertar dese soño en que parece sumido; porque co traballo dos que estudiamos para darlle unha organización forte e potente hanse decatar de quen son, onde viven, dos seus deberes, pero tamén dos seus dereitos.
Convéncete, o único camiño é aquela cativa autonomía estatutista, porque nela é posible que podamos cimentar a idea de LIBERDADE.
Tamén en Razón, aparece a súa primeira obra literaria, trátase do conto O billete de ida e volta, un relato de traza popular no que un mozo labrego debe coller o tren en Santiago: a súa ignorancia do que é o ferrocarril dá lugar a situacións chocalleiras. Semellantes a este eran probablemente os contos que, co pseudónimo de Pepe dos Cestos, narraba nos anos 1934 e 1935 en Radio Pontevedra, en teatros e festivais (como o de música galega celebrado en Pontevedra en outubro de 1935) e nalgunha feira da Bandeira. Tamén actuou no teatro do Casino de Lalín en novembro de 1934, acompañando o coro Airiños da Ulla. Valenzuela abandonaría finalmente esta actividade por considerar que non contribuía a formar unha conciencia galega e podía dar unha visión ridícula do labrego.
Temos novas da súa actividade política desde marzo de 1932, cando participa no primeiro mitin do Partido Galeguista na Bandeira. Valenzuela, a quen a prensa cualifica como un dos máis activos organizadores do galeguismo na comarca, presenta os oradores: Fernández del Riego, López Durán e Antón Alonso Ríos. Froito deste labor créase o Grupo Galeguista de Abades que, baixo a dirección de Ramón Amigo Quintela, agrupa xentes das parroquias de Abades, Manduas, Moalde e Lamela. Os galeguistas de Abades tiñan a súa sede no edificio da escola fundada pola Sociedad Pro-Escuelas da Bandeira de Bos Aires, coa que mantiñan estreita relación. De feito, cando a sociedade bonaerense decide pechar a escola da Bandeira no verán de 1934, deixa en mans do Grupo de Abades a xestión do local e da súa biblioteca para “que sirvan como de casas do pobo, donde se poidan realizar xuntanzas, conferencias e canto se relazoe co melloramento de Galiza”.
Os galeguistas de Abades inician unha campaña de propaganda, coa organización de actos nas parroquias de Cira e Camanzo, onde volve tomar a palabra Valenzuela xunto a Fernández del Riego:
Valenzuela, entusiasta traballador pola causa autonomista, dixo que o grupo de Abades, ao contribuír coa súa aportación á intensa campaña que o Partido Galeguista está realizando en Galicia, faino coas miras postas tanto na liberación política como na mellora económica e dignificación espiritual do labrego galego. Rebate algúns dos tópicos que se esgrimen contra a autonomía e propugna a organización agraria, posto que os labregos asociados son os únicos que poden conseguir a súa propia liberdade.
O grupo de Abades, que non parou de medrar desde a súa creación, chegou a contar con oitenta militantes en 1936, na súa maioría labregos, incorporando mesmo algunhas mulleres.
Valenzuela intervén tamén na festa escolar do primeiro de maio de 1933 na escola do Marco da parroquia de Siador con Suárez Picallo e Alonso Ríos. A celebración fora instituída polos emigrados da sociedade Hijos de Silleda en 1924 (en plena dita- dura de Primo de Rivera) como un xeito de reunir os alumnos das tres escolas fundadas por eles e conmemorar esa emblemática data.
O 15 de agosto de 1933 participa na Pelegrinaxe ao Candán, un acto de afirmación galeguista que se desenvolve na cima deste monte, en homenaxe ao vinte e cinco aniversario da Sociedad Hijos de Silleda. No programa de actos figuraban Otero Pedrayo, Vicente Risco, Suárez Picallo, Blanco-Amor e Alonso Ríos. Así nos describe Blanco-Amor a súa intervención:
Valenzuela Otero, case un neno, canta á mocidade, e o penacho celta do seu pelame, arde como unha chama vermella.
Intervén na campaña electoral das eleccións de novembro de 1933 e no acto que se organiza na Bandeira faino por primeira vez xunto a Castelao.
A súa vinculación co Partido Galeguista formalízase en 1934, ao incorporarse ás Mocidades Galeguistas. Na IV Asemblea do Partido, celebrada en Santiago en 1935, elíxeno conselleiro en representación da zona Lalín-A Estrada. Emprende entón o labor de organizar os galeguistas na comarca: visita os grupos xa constituídos e pro- move unha campaña de propaganda para crear novos. O seu proxecto de reorganización (que apareceu n’A Nosa Terra) consistía en crear unha estrutura baseada en células parroquiais de cinco membros, que enviarían un representante á Asemblea Comarcal:
Nas comarcas de Deza, Trasdeza e Ulla débense constituir células parroquiaes. Cada célula comporase de cinco membros ou irmáns e cada unha d-élas terá un voto nas asambreias ou conferencias periódicas que se teñan que celebrar.
En cada parroquia poden constituirse varias ou de ser unha soia total, terán voto igualmente cada agrupamento ou fraición de cinco irmáns.
As células de cada unha das tres comarcas formarán agrupacións que serán dirixidas por un segredario e un presidente. Cada tres meses celebrarán reunións xeraes as que asistirá un representante de cada célula. En todas as reunións xeraes renovaranse ou reelixiranse os cárregos direitivos ou sexan o presidente e segretario citados.
Durante os tres meses que dura a función nos cárregos dos indicados direitivos, os das tres comarcas constituirán un Consello superior que estará presidido polo Conselleiro ou suprente da zona e reunirase todos os meses.
O Conselleiro ou suprente son os encarregados de representar a totalidade das agrupacións comarcaes no seo do Partido.
Viñan funcionando na comarca algúns grupos como o xa mencionado de Abades e o grupo galeguista de Botos (Lalín), animado polo mestre de Soutolongo Manuel González. O 23 de xaneiro de 1934 constitúese o Grupo Lalín, no que se inscriben Xosé María Calviño Mariño, carteiro e correspondente de El Pueblo Gallego, o mesmo Xesús Iglesias Surribas, Fernando Goyanes, o impresor e periodista Celso Carrón e Xosé Otero (Laxeiro), que actuaba como bibliotecario.
A principios de 1935 incorpóranse o mestre Xesús Golmar Rodríguez (que será elixido presidente e, a partir de abril de 1936, designado alcalde de Lalín), Enrique Vidal Abascal e Fernando Calviño.
Créanse tamén grupos noutras dúas parroquias lalinenses: Moneixas, arredor dos gaiteiros Os Dezas, que acaban converténdose nos animadores dos mitins do partido grazas ao empeño doutro militante das Mocidades Galeguistas, o periodista Xesús Froiz; e outro en Santiso, arredor tamén doutro grupo de gaiteiros: Os Cántigas.
En resumo, no Partido Galeguista, xunto a Ramón de Valenzuela, está a elite intelectual do Lalín da época e os principais promotores e colaboradores da prensa.
Con este labor non é de estrañar o éxito dos mitins do Partido Galeguista que se celebran a finais de 1935 e principios do 36 (nas vésperas das transcendentais eleccións de febreiro): no de Lalín, en setembro de 1935, volve intervir Valenzuela con Castelao (a primeira aparición deste, logo do exilio en Badaxoz) e no da Estrada, en xaneiro de 1936, con Víctor Casas e Castelao.
Ramón era moi apreciado como orador, pola súa amenidade e simpatía, e o carácter alegre e humorístico dos seus discursos, do que unha boa mostra son os cualificativos que lles aplica ás Juventudes de Acción Popular, teoricamente a rama xuvenil do dereitista e antiautonomista partido de Gil Robles, no que a maioría dos militantes pasaban dos 25 anos:
O nome auténtico que debían levar era este: Senectudes de Reacción Antipopular.
Logo da vitoria da Frente Popular en febreiro, os galeguistas lánzanse á preparación do plebiscito para o Estatuto de autonomía. Valenzuela participa activamente na campaña, levando as propostas do PG:
Facerlles ver aos campesiños e traballadores das vilas non quen somos senón que son eles e onde viven; ensinarlles que a súa terra rica e farturenta serve para os facer escravos cando puidera servir para lles dar unha vida con ilusións, con poesía e con pan. Levar a súa conciencia ao noso programa que non é inventado de hoxe para mañá senón ergueito na ciencia da Economía e da Política e cimentado na realidade de Galicia.
Que non imos verificar unha experiencia senón seguir un camiño que outras nacionalidades europeas remataron con éxito e sobre todo meterlles no corazón o convencemento de que en todas as horas e máis aínda nas presentes, Galicia a súa nai chama por todos os fillos porque se olla aldraxada pois un goberno de fóra quere doarlle a fame en troques da súa personalidade.
Pero o labor de Valenzuela non está só na comarca de Deza. Mentres segue os estudos de Maxisterio en Pontevedra convértese en profesor do Instituto Kosmos da capital, dirixido polo republicano Gonzalo Martín March. Intégrase na Federación de Juventudes Culturales Recreativas e dá algunhas conferencias sobre temas históricos nas parroquias pontevedresas como a de Mourente o 27 de outubro de 1935 sobre Os celtas en Galicia, acompañando a Martín March que falaba sobre A orixe da humanidade.
En maio de 1936 convértese en presidente da Federación de Juventudes Culturales de Pontevedra propoñendo un ambicioso programa de extensión cultural, para facer- lles chegar ás parroquias rurais do concello o teatro, conferencias, bailes, excursións...
Cústanos traballo facer espertar á aldea, non o dubidamos, non contamos con grandes fondos materiais para acometer o que queremos; pero en cambio posuímos un almacén de cariño á nosa Terra e un espírito de sacrificio, que nos permitirá chegar ata onde sexa necesario.
Valenzuela colabora tamén co Seminario de Estudos Galegos na sección de Etnografía e Folclore, de onde lle naceu o seu interese pola historia de Galicia e a conciencia da necesidade do seu coñecemento e divulgación para sermos un pobo libre:
O pobo galego foi creador de moitas máis cousas das que hoxe están á vista e que andan en todas as artes, en todas as ciencias políticas e sociais. Ás veces foi un pobo submiso, pero tamén se soubo erguer. Soubo domearse ao señor pero tamén lle soubo queimar a casa cando este abusou.
En 1928 os membros do Seminario iniciaron as súas “xeiras” ou campañas de investigación na Terra do Deza, que rematarían en 1935. O obxectivo era facer un estudo integral da comarca, máis completo ca o da Terra de Melide, e ía ser publicado en 1936. Pouco dese traballo puido ser salvado da destrución das hordas falanxistas que asaltaron a imprenta de Casal en Compostela. Valenzuela publicaría en 1945, na revista Galicia Emigrante, un artigo co título de “Lalín” que constitúe unha fermosa descrición literaria de Deza, o escenario no que se desenvolve a maior parte da súa obra literaria, que reflicte o seu profundo coñecemento histórico e antropolóxico da comarca.
Toda esta actividade de Ramón de Valenzuela é bruscamente cortada polo Golpe de Estado do xeneral Franco. O 27 de xullo detéñeno na Bandeira canda o seu curmán José Carnero Valenzuela (que era a quen viña prender a patrulla militar enviada desde Compostela) e encérrano na prisión de Silleda. Conducido á de Compostela, sae o 1 de agosto logo de prestar declaración ante o xuíz militar, e queda como detido gobernativo. Con todo e ante a inseguridade de andar fuxido, ingresa como voluntario no exército franquista, no Quince Regimiento Ligero de Artillería, xa coa intención de cambiar de bando á menor oportunidade. Destinado en Cáceres, o 8 de decembro de 1937, pasa a territorio da República e incorpórase ao cuartel xeral da división que manda Enrique Líster.
En Barcelona, onde están instaladas as institucións políticas republicanas, colabora cos galegos da zona leal uníndose á Solidariedade Galega Antifascista, da que é nomeado secretario de Información e Prensa. Intégrase tamén na Dirección do Partido Galeguista, desempeñando os cargos de secretario xeral e secretario de organización.
Escribe na revista Nova Galiza. Boletín Quincenal dos Escritores Galegos Antifeixistas, onde publica algúns artigos en galego (“Os enemigos d’o pobo son os enemigos das liberdades rexionais” e “Xente que naceu cansada”). Aparecen tamén en Nova Galiza outros textos en castelán asinados cos pseudónimos Tras-Deza e Ramón Trasdeza de Abades que corresponden evidentemente a Ramón de Valenzuela.
En 1939, trala conquista de Cataluña polos franquistas, pasa a Francia cos restos do exército republicano. Intérnano no campo de concentración de Argeles-sur-Mer. Logo pasa ao de Saint-Cyprien, onde recibe axuda da Sociedad Pro Escuelas na Bandeira de Bos Aires. Xa en liberdade, colabora co 2° Boureau do exército francés como oficial republicano. Alí coñece a que había ser a súa muller, María Victoria, filla do deputado Elpidio Villaverde. O estoupido da Segunda Guerra Mundial levou a familia Villaverde a marchar á Arxentina, pero Valenzuela permanece en Francia, para continuar a loita contra o fascismo.
Cando os alemáns ocupan Francia, a Gestapo préndeo e entrégallo á policía política franquista. Xúlgano en Ávila e condénano a vinte anos e un día, que empeza a cumprir na mesma prisión de Ávila.
En 1944, sae do cárcere en liberdade vixiada e con inhabilitación para a docencia. Instálase en Vilagarcía, onde traballa como axente comercial e dirixe unha explotación de arxila.
Casa con María Victoria Villaverde en xaneiro de 1945. Nese ano retoma os estudos universitarios e no 47 licénciase en Filosofía e Letras, sección de Historia.
En 1949, despois de conseguir o indulto que o libera do réxime de prisión atenuada, marcha a Bos Aires coa súa familia.
Na capital bonaerense traballa en actividades comerciais e entrégase ao labor político e cultural. Colabora como secretario de Castelao e participa con el na Irmandade Galega. Pronuncia múltiples conferencias en institucións galegas da Arxentina e Uruguai. É membro da Agrupación Galega de Universitarios e Artistas (AGUEA) onde dá clases de xeografía galega.
Non esquece o seu papel de publicista e, ao pouco de chegar á Arxentina, en 1951, xa aparecen colaboracións súas n’A Nosa Terra. Anos despois, en xuño de 1955, inicia, no mesmo xornal, unha serie baixo o título de “Estampas” na que vai narrando diversos episodios da historia de Galicia, en relación moi probablemente coas clases que ofrece na AGUEA: As inquedanzas de Idacio. Godos e mouros, Don Diego Xelmirez.
A súa primeira novela Non agardei por ninguén publícase en 1957, na editorial Citania. Nela relata os acontecementos de 1936 ata o seu paso á zona republicana.
Exerce a crítica literaria no periódico La Gaceta de Tucumán, onde publica tamén algúns contos ilustrados por Laxeiro. Colabora en Galicia Emigrante, a revista de Luís Seoane e na audición de igual nome en Radio Libertad. Os relatos publicados en Galicia Emigrante e as versións galegas dos que aparecen en La Gaceta serían despois recuperados por Ramón para incluílos no libro O Naranxo.
Dirixe o Ateneo Curros Enríquez, da Federación de Sociedades Galegas, no derradeiro esforzo por conseguir unha escola de teatro estábel que continúe as directrices do Teatro Popular Galego de Blanco-Amor. Ademais de participar como actor, traduce ao galego A camisa de Lauro Olmo e O casamento do latoeiro de John M. Synge. A súa única peza teatral, As bágoas do demo, estréase en agosto de 1964 no Teatro Castelao do Centro Galego de Bos Aires, dirixida por Blanco-Amor.
Tamén en 1960, cos integrantes da Compañía Maruxa Villanueva, que representaran Os vellos non deben de namorarse, participa nunha lectura da obra de Castelao, no décimo cabodano do seu pasamento.
Parece que é sobre 1962 cando decide ingresar no Partido Comunista, aínda que sen abandonar o ideal galeguista que sempre impulsou a súa práctica política.
Retorna en 1966 para instalarse en Madrid, onde traballa como mestre no Colexio Cisneros e ensina Xeografía e Historia de Galicia no Círculo de Estudios Gallegos que funciona no Club de Amigos da UNESCO.
En 1974 aparece o libro de relatos O Naranxo editado polo grupo Brais Pinto.
Nestes anos pronuncia numerosas conferencias sobre temas galegos; nunha delas, celebrada en 1976 na Facultade de Económicas de Compostela, desata unha forte polémica. Logo sería publicada por Akal co título “Historia do Galeguismo Político”.
En 1978 é rehabilitado como mestre e incorpórase á Escuela Nacional Jovellanos de Madrid, para trasladarse ao ano seguinte ao Colegio Nacional Piloto Virgen del Cerro.
Preséntase como candidato polo PCG nas eleccións xerais da primavera de 1979.
No ano 1980 publícase a súa segunda novela, Era tempo de apandar, tamén autobiográfica, na que narra os acontecementos posteriores da Guerra Civil.
Nese ano descóbreselle o cancro de pulmón que lle había segar a vida en Portonovo, o 27 de outubro.
* Extraído das actas da Homenaxe a Alonso Ríos e Ramón de Valenzuela
BIBLIOGRAFÍA DE RAMÓN DE VALENZUELA
-- Non agardei por ninguén. Citania, 1957. Bos Aires; Akal, 1976; Xerais, 1989 (edición de Modesto Hermida).
-- O Naranxo. Brais Pinto, 1974 (con ilustracións de Xaquín Marín); Asociación Cultural O Naranxo, 1998 (edición de Manuel Igrexas e Mario Pereira).
-- Historia do galeguismo político: Conferencia na Facultade de Económicas de Santiago. Akal, 1976.
-- Era tempo de apandar. Akal, 1980; A Nosa Terra, 1997.
-- As bágoas do demo. Do Castro, 1996 (edición de Luís Pérez Rodríguez).
PRENSA:
La Gaceta de Tucumán
Galicia Emigrante.
Bos Aires
A Nosa Terra.
Compostela
Nueva Galicia. Barcelona
El País. Pontevedra
El Pueblo Gallego. Vigo
El Emigrado. A Estrada
Razón. Lalín