DIONÍSIO PEREIRA
Semella incríble pero define ben os tempos atordoados nos que estamos: en Soutelo aínda non se pode falar en alto, en sitios públicos, das persoas que foron represaliadas pola Ditadura. Polo que nos contan, os seus achegados aínda teñen medo a ser obxecto de recriminacións por parte doutros veciños. E, sen embargo, en Soutelo todo o mundo sabe que “O Rolo de Vilapouca”, “O Pernas”, “O Velliscos” e tantos outros e outras (eiquí, unha lembranza especial ás mulleres que foron rapadas e obxecto de malos tratos) eran boas persoas, que só facían ben á comunidade. Entón, ¿por qué estas actitudes escurantistas?. Uns, polo medo que aínda existe, outros polo seu vencello familiar aos antigos represores ou polos “intereses creados” no réxime franquista. Non obstante, todo o mundo debería concordar en que este silencio é unha noxenta inxustiza que, ademáis, é perigosa para unha sociedade que se dí aberta e democrática, pero que, polo contrario, rexeita e pretende esquecer aqueles veciños que deron a súa vida polas liberdades públicas. Noutros países, estas vítimas do franquismo serían honradas públicamente, os seus familiares compensados e os defensores da barbarie deslexitimados e avergoñados.
En aberta rebelión contra este segundo pasamento que algúns teñen decretado para os que “morreron pola liberdade”, aí van unhas poucas letras para lembrar quen foi José María Taberneiro, máis coñecido polo “Rolo da Vilapouca”.
Taberneiro, nado na parroquia da Madanela a fins do século XIX, formou parte daquela xeración liderada polo canteiro Alfredo Iglesias Álvarez que consolidou, alá polos tempos da Iª Guerra Mundial, o agrarismo temperán xurdido en Forcarei coa nova centuria, da man doutro canteiro: Francisco Valiñas Caramés. Por aquel entón, segundo D. Antonio Rodríguez Fraiz, Taberneiro acompañou a Iglesias, a José Valiñas, a José Campos e a outros moitos na teima por espallar o exemplo da primixenia “Sociedad Agraria y Ganadera” de Forcarei (1901) por Presqueiras, Pardesoa, Soutelo, Millerada, etc., de maneira que, a comezos dos anos 20, no Concello se puido organizar unha vizosa “Federación de Agricultores y Oficios Varios”, composta por dez sociedades e influenciada polas ideas socialistas.
Este desenvolvemento organizativo foi acompañado, a partir de abril do ano 1922, pola presenza na Corporación municipal dunha minioría socialista composta por Iglesias, Valiñas, Campos e Taberneiro, a quen algunhas fontes atribúen daquela simpatías comunistas. Logo, as tirapuxas co alcalde riestrista Saturnino Monteagudo polo control das contas municipais, e a chegada da Ditadura de Primo de Rivera, obrigaron a Iglesias e aos seus compañeiros a tomar a vía da emigración. Como tantas outras xentes de Forcarei, Taberneiro, arribou nun principio a Cuba e, logo, pasou a EEUU para traballar como mineiro no norte dos USA, na zona dos Grandes Lagos. Alí, segundo nos contan, ratificouse no seu ideario de esquerdas.
Coa IIª República, Alfredo Iglesias e José Mª Taberneiro regresan outra volta a Forcarei, abrindo este último cos seus aforros unha tenda en Vilapouca. Pai de varios fillos (coñecémoslle cando menos tres), Taberneiro reintegrouse daquela á vida política do Concello, militando no PSOE e retornando á Corporación municipal como segundo tenente de alcalde, logo da vitoria da Fronte Popular no mes de febreiro de 1936.
Co golpe militar, Taberneiro fuxe de contado á aldea de Grovas, no Candán, tras ser perseguido e tiroteado perto do seu domicilio por varios falanxistas souteláns. Non obstante, o 11 de agosto decide se presentar en Vilapouca, diante das garantías que un significado simpatizante dos facciosos lle da á súa muller conforme non lle vai pasar nada. Esa mesma noite, os falanxistas invaden o seu domicilio e báixano nunha camioneta a Pontevedra, acompañado doutro conveciño, Jesús González “Pernas”, e de catro persoas internadas no Cuartel da Garda Civil de Cerdedo. Ao día seguinte, aparecen mortos na estrada Pontevedra-Santiago, no lugar de Alba, Taberneiro, “Pernas” e dous daqueles veciños cerdedenses, José Torres e José Cortizo.
Anos andados, tras a execución en Soutelo do mestre falanxista José Couceiro a mans dunha partida guerrilleira, abríuse unha Causa contra varios dos seus presuntos colaboradores. Daquela, nese Sumario 377/51 instruído no ano 1951 polo Tribunal Militar IV, figuran uns papeis incautados á guerrilla, conforme “se le achacaba mucha culpa” do que lle acontecera a Taberneiro a un coñecido ex-párroco da Madanela afeito a manexar o vergallo e a un feixe de sinalados falanxistas souteláns.
Aínda hoxe, os achegados ao “Rolo” non saben onde está soterrado, nin teñen constancia rexistral da súa morte; Taberneiro é un dos moitos que (os) “desapareceron” daquela e por iso a súa familia non puido dispór dos seus bens, debendo malvender a tenda da que vivían. Tras a chamada “Transición democrática”, ninguén lles pedíu perdón, ninguén tentou reparar (se cabe) o dano, ninguén lles fixo xustiza.
E falando diso, ¿para cando o recoñecemento do Concello de Forcarei co que fora concelleiro e segundo tenente de alcalde da Corporación, José MaríaTaberneiro Fraiz, vilmente asasinado?.
* Faro de Vigo, Ed. Deza-Tabeirós-Montes, o 8/9/2009.