A Saleta de Bugarín: a creación dun lugar de peregrinación en Cerdedo
Calros Solla
A aldea de Bugarín, hoxe adscrita á parroquia cerdedesa de Castro, pertenceu canda Cuíña e até o ano 1870 á parroquia de Montes (Santo Isidro) e concello de Campo (Lameiro). En decembro de 1828, o mestre de obras Xoán Torres, natural de Bugarín, rematou a construción dunha capela que, edificada nun montículo do fondo do lugar e perto do río Quireza, instituíuse baixo a advocación de Santa Tareixa. Cincuenta e tres anos despois, o mestre de Instrución primaria Bonifacio Alonso Torre promoveu e coordinou as obras de ampliación do templo. Na solaina oeste da capela, unha placa de mármore branco aclara moitas dúbidas: “A esta obra se le dio principio el año de 1881 y se terminó en 1894. Fue construida por limosnas, administradas por D. Bonifacio Alonso Torre, profesor de I. P. en este lugar y vecino del mismo”. O resultado final foi un edificio de muros de perpiaño, planta de cruz grega e dúas solainas: unha aberta na portada, baixo bóveda de canón, e outra na fachada norte do transepto. No eido arquitectónico, a pequena espadana é o único vestixio da capela orixinal, alzada nun asento pensado para un campanario maior.
Coas agregacións de Vilarchán e Cuíña (na actualidade, aldeas da freguesía de Quireza), Bonifacio Alonso Torre aspiraba a que Bugarín se convertese en cabeza parroquial, aínda que fose como entidade anexa á de Castro. Xa que logo, cumpría un templo cuxas dimensións e padroado estivesen acordes coas pretensións. Cando se lle deu principio á construción da igrexa de Bugarín, a aparición da Virxe en La Salette-Fallavaux (Francia) e o relato dos seus portentos levaban máis de tres décadas espallándose por todo o orbe. As obras de construción da basílica de Notre-Dame de La Salette remataron en 1879. Bonifacio Alonso viaxou aos Alpes, probabelmente entre 1880 e 1882, e, impresionado pola experiencia, quixo implantar en Cerdedo os pormenores da nova devoción.
Mélanie Calvat e Maximin Giraud, dous pastorciños de quince e once anos de idade, relataron que arredor das tres da tarde do sábado 19 de setembro de 1846 se lles aparecera unha “bela dama” mentres alindaban o seu gando no monte Planeau, próximo a La Salette-Fallavaux, lugar pertencente ao departamento de Isère, na antiga rexión francesa de Rhône-Alpes. A aparición tivo lugar catro días antes da festividade da Nosa Señora das Dores.
Ao parecer, a fermosa e rutilante muller, “máis brillante ca o sol”, dirixiuse a eles en francés e mais en patois (en concreto, nun dialecto do occitano), a lingua que falaban os nenos, que amais de pobres eran analfabetos. De primeiras, a dona encantada, sentada nunha rocha, tapaba a cara coas mans, chorando amargamente; despois, incorporouse, pediulles aos nenos que se achegasen e fíxoos sabedores de cadanseu segredo. A Virxe prohibiulles revelalos até o ano 1858 (ano no que se deron a coñecer as aparicións de Lourdes). Porén, o 2 de xullo de 1851, os videntes de La Salette foron cominados polo bispo de Grenoble Philibert de Bruillard a poñer por escrito o contido das mensaxes e a remitirllas ao papa Pío IX.
En resumo, as mensaxes marianas transmitidas polos pastorciños seica agoiraban inminentes pragas, malas colleitas e fame negra se a humanidade non se aviña á palabra de Deus e facía penitencia polos seus pecados. Ao parecer, a Virxe faloulles con dor da crise espiritual da Igrexa, da corrupción dos seus ministros: A natureza clama vinganza e tremerá de espanto, agardando o que debe suceder na Terra, enchoupada de crimes. Roma perderá a fe e converterase na sede do Anticristo...
A vidente Mélanie Calvat fixo públicas dúas versións discordantes do seu segredo (en 1851 e 1879). A segunda versión é argüída polos católicos sedevacantistas para afirmar que o papa Xoán XXIII (promotor do Concilio Vaticano II) e os seus sucesores non son lexítimos herdeiros da cadeira de Pedro.
Esta controversia obrou en detrimento do misterio de La Salette e en beneficio dos de Lourdes ou Fátima que copiaron, mutatis mutandis, o seu formato e cuxos santuarios atraen anualmente un número maior de fieis. Lemos na web da Fundación Cari Filii (23-4-2019): Los dos videntes han estado siempre perseguidos por estos famosos secretos. A veces ensombrecidos y juzgados precisamente por sus contenidos. Una sombra que los ha envuelto también después de su muerte. Tanto es así que, aún hoy, su causa de beatificación (legítimamente promovida como se hizo para los videntes de Fátima y la vidente de Lourdes) está parada a causa, precisamente, de estos secretos, sobre los que incumbe un misterio que ha durado más de 170 años.
O 19 de setembro de 1851, o bispo de Grenoble proclamou a autenticidade da aparición mariana en La Salette e autorizou o seu culto. Un ano despois, o papa Pío IX outorgáballe o visto e prace do Vaticano. A construción do santuario de Notre-Dame de La Salette iniciouse en 1852 e finalizou en 1879, o ano da súa consagración. O templo edificouse a 1.800 m de altitude, no cordal dos Alpes. É o segundo dos santuarios franceses dedicados á veneración da Virxe en volume de visitantes, recibindo anualmente arredor de trescentos mil peregrinos.
En 1858, doce anos despois da aparición de Notre-Dame de La Salette, consignáronse as dezaoito aparicións de Notre-Dame de Lourdes, presenciadas pola pastora Bernadette Soubirous na cafurna de Massabielle (departamento francés de Hautes Pyrénées). De primeiras, Bernadette, nena pobre e analfabeta de 14 anos, referiríase á máxica muller como Aquerò (“Aquilo”, en dialecto occitano). En 1862, a Igrexa autorizou o seu culto. O santuario de Lourdes recibe uns seis millóns de devotos ao ano.
En 1917, setenta e un anos despois das aparicións de La Salette, tiveron lugar as de Fátima (Portugal), no lugar da Cova da Iria, testemuñadas polos pastoriños Lúcia dos Santos (10 anos) e os seus curmáns Francisco (9 anos) e Jacinta Marto (7 anos), tamén pobres e analfabetos. Os meniños, a semellanza dos pegureiros de La Salette, describiron a aparecida como unha muller “máis brillante ca o sol”. Cada ano, seis millóns de romeiros visitan o santuario portugués.
Todos tres lugares, escenarios do prodixio, teñen en común o agromo dun manancial salutífero e as curacións milagrosas de persoas desafiuzadas. La Salette e Fátima tamén comparten o episodio das mensaxes, segredos ou misterios participados pola Virxe aos videntes escolleitos.
Outras devocións marianas que tiveron a súa orixe en aparicións da Virxe son El Pilar (Zaragoza, c. 40 d. C.), Mount Carmel (Cambridge, 1251), Guadalupe (Cidade de México, 1531)...
Tres curacións extraordinarias aconteceron nos anos sucesivos mercé da devoción de Notre-Dame de La Salette: a de Antoinette Bollenat, muller de 33 anos, ocorrida o 12 de novembro de 1847 e dada por milagre por Mellon Joly, arcebispo de Sens; a do crego de menores Martin, de 22 anos de idade, ocorrida o 1 de abril de 1849 e tomada por milagrosa por Louis Rossat, bispo de Verdún; e a curación da señora Bonnet, ocorrida o 12 de xaneiro de 1855 e confirmada por Clément Villecourt, bispo de La Rochelle e Saintes.
Consonte os testemuños, o consumo da auga do manancial das aparicións foi elemento coadxuvante nas curacións.
A capela da Nosa Señora da Saleta de Bugarín (parroquia de Castro) localízase no fondal da aldea, nun outarelo nomeado O Coto, a uns 300 m, ao leste, da estrada O Serrapio-Fondós e a uns 260 m, ao oeste, do curso do río Quireza. O edificio, cuxa portada se orienta cara ao oeste, ocupa unha superficie aproximada de 234 m2 (coordenadas.- X: 545.898; Y: 4.710.691). O terreo acoutado circunstante abrangue unha superficie de aproximadamente 1.130 m2, contiguo a unha zona arborada: a carballeira de santa Tareixa, padroa primixenia. A planta de cruz grega orixinal foi desfigurada ao lle engadir ao edificio o cubículo da sancristía.
Facer da capela da Saleta un centro de peregrinación converteuse na angueira do mestre xubilado Bonifacio Alonso Torre. Os traballos de construción do novo templo foron sufragados grazas ás achegas dos veciños e a xenerosas doazóns dalgún particular. Casimiro Peleteiro Fernández, coadxutor de Santo Isidro de Montes, tomou as rendas do proxecto cando a saúde de Bonifacio decaeu. Casimiro Peleteiro pagou do seu peto a feitura do muro que arrodea o adro, cos tres accesos en banzos de escaleira. A señora Hermosinda Barros Ovelleiro carrexou do monte coa súa xugada a terra necesaria para nivelar o recinto. De se cumpriren as aspiracións, o adro empregaríase como camposanto da nova parroquia de Bugarín, evitándolles aos veciños ter que transportar os defuntos a través dun camiño costento e tortuoso até o camposanto da Santa Baia, distante uns dous quilómetros. Consonte a lenda, a media costa, no lugar coñecido polos Corticiños, adoita manifestarse a Moura en forma de serpe.
Bonifacio Alonso Torre, tras 45 anos de docencia, solicitara a xubilación por idade en decembro de 1894 (El Magisterio Gallego, 5-12-1894). Exerceu o maxisterio en Bugarín cando menos dende o ano 1879. Concedéuselle o retiro en marzo de 1895 (Revista de Ciencias Pedagógicas, 21-3-1895). En 1897 cobraba unha pensión anual de 600 pesetas e ocupaba o cargo de tenente de alcalde do concello de Cerdedo. En 1898 figuraba como tenente de alcalde en funcións de alcalde. Foi alcalde de Cerdedo durante o período 1905-6. En 1909, Bonifacio Alonso colaborou con 2 pesetas na subscrición en prol do monumento que, na vila de Pontevedra, se lle erixiu aos heroes de Ponte Sampaio. A desfeita que, cen anos antes, os franceses causaran nos Castros (Quireza) e Filgueira (Castro) aínda estaba viva na memoria da xente.
O xornal pontevedrés Progreso do 13 de setembro de 1914, baixo o titular “Fiestas en Bugarín”, informa: El día 19 del corriente mes, como en años anteriores, se celebrarán hermosas fiestas en honor a la Virgen de La Saleta en el pintoresco y espacioso campo donde está enclavada la iglesia, denominado “Coto” ... Dichos festejos fueron organizados por el exalcalde de Cerdedo don Bonifacio Alonso.
Na romaxe da Saleta non faltaba de nada: na procesión desfilaban canda a Santa dous xigantes (home e muller), estoupaban bombas de palenque e foguetes “de aire y plaza”, tanxían as bandas de música de Cerdedo na compaña de afamados gaiteiros, celebrábase xantar campestre na carballeira da Santa Tareixa, ambientado con “iluminación a la veneciana” (faroliños de cores)...
En xaneiro de 1915 (Progreso, 13-1-1915), Bonifacio Alonso e Casimiro Peleteiro, integrando unha comisión de veciños de Quireza, baixan a Pontevedra para entrevistarse co deputado en Cortes Raimundo Riestra (electo polo distrito da Estrada). Os quirezáns solicítanlle ao primoxénito do marqués o seu apoio á construción dun camiño veciñal duns 8 km de lonxitude, co obxecto de comunicar os lugares de Laxoso, Piñeiro, Tres Aldeas, Os Castros, Outeiro, Fondós e Bugarín, amecendo no Serrapio. É dicir, a estrada que, na actualidade, atravesa de norte a sur a parroquia de Quireza, unindo a PO-2201 coa PO-230. En marzo de 1916 recuncan na misión petitoria (La Correspondencia Gallega, 1-3-1916).
Bonifacio Alonso Torre faleceu en Bugarín (Cerdedo) o 11 de marzo de 1926 aos 92 anos de idade (El Diario de Pontevedra, 13-3-1926; El Pueblo Gallego, 17-3-1926).
Casimiro Peleteiro Fernández faleceu o 21 de agosto dese mesmo ano. Hermosinda Barros Ovelleiro sobreviviunos 41 anos, morrendo o 17 de decembro de 1967 aos 99 anos de idade.
Os de Bugarín, como ben puidemos comprobar hai uns días, aínda recordan a devota señora Hermosinda recadando porta a porta as esmolas para as obras do templo ou pedindo a berros rogativas á Saleta cando era de librar a aldea da seca pertinaz: “Virxe da Saleta, axúdanos, que morre todo o millo da Cerdeira!!”. Testemuñan os veciños cos que falamos que, tras estes actos de relixiosidade popular, sempre acababa chovendo.
Hermosinda Barros está soterrada no camposanto da Santa Baia de Castro. Unha placa de mármore branco, inscrita e engastada nunha lápida terreña, lembra o seu paso por este mundo.
Bonifacio Alonso Torre, encomendándose á Saleta, creu factíbel facer de Bugarín un centro de peregrinación, máis alá dos festexos propios da efeméride (o 19 de setembro). A advocación da Nosa Señora da Saleta substituíu naquel apoxeo a Santa Tareixa, a padroeira primitiva que, paseniño, mortos os entusiastas patrocinadores, volveu recuperar a titularidade. A conversión da capela en igrexa, o gran balcón da portada, o espazoso adro, o cruceiro presidente e a dupla escalinata de 9 chanzos estaban pensados para acoller unha grande afluencia de fieis e para a celebración de populosas homilías. Bonifacio Alonso viu na Salette dos Alpes os exvotos que, en forma de relato ilustrado, adobiaban as paredes da basílica; agasallos dos enfermos terminais que sandaran milagrosamente.
No interior da capela da Nosa Señora da Saleta de Bugarín, á esquerda do altar maior, atopeime cun exvoto semellante, oferta dunha moza do Serrapio, restablecida do seu mal incurábel grazas á intermediación da Virxe. Velaquí o texto que acompaña a ilustración e, asemade, a evidencia que inspirou este artigo:
Rosa García Parada, joven de catorce años, del lugar del Serrapio en la parroquia de San Estevan de Pedre, en prueba de gratitud, y para más gloria de María Santísima, quiere hacer público un señaladísimo favor que por su intercesión alcanzó del cielo.
—— • —--
En el mes de Agosto de 1883, fue acometida de una violenta enfermedad que en breve la hizo conocer que la hora de su muerte se acercaba. Fortalecida con los Santos Sacramentos y recibidos hasta los últimos ausilios y consuelos que la religión presta a los moribundos, cuando la ciencia, no teniendo ya recursos, había perdido toda esperanza, se acordó de invocar a la Santísima Virgen de la Saleta, y habiéndosele administrado unas gotas del agua de la fuente milagrosa, comenzó desde aquel momento a sentir alivio a su dolencia, viniendo ella misma al poco tiempo a depositar sus ofrendas ante la imagen de la Santísima Virgen.
Non existe nas inmediacións da capela un manancial ao que atribuírlle calidades prodixiosas (a fonte actual verte auga da traída), polo que, quizais, as pingas de auga subministradas á moza doente, ou ben proviñan dunha fonte común e se bendiciron na pía da Saleta de Bugarín, ou ben procedían da fonte milagreira de La Salette, a 1.658 km de distancia; auga envasada e traída á aldea polo propio Bonifacio. Tentar tentouse. Hogano, o único foco de peregrinación da comarca de Montes, laico e sen ánimo de lucro, é o soarego de Portalén. Desculpen a inmodestia.
Rosa García Parada aínda estaba viva en outubro de 1936, colaborando con 5 pesetas en prol do “Movimiento salvador” (El Diario de Pontevedra, 25-10-1936).
Non se pode salvar a quen non quere ser salvado.