Calros Solla
Agás honrosísimas excepcións, non é o de Cerdedo un pobo que se distinga coa xenerosidade da lembranza. Dende hai unha década, paliando a desmemoria, veño enchendo as páxinas de diversas publicacións con retrincos cerdedenses: feitos e dicires mundanos, cadros da feira mitolóxica, “xente de aquí e acolá”...
Neste muíño veceiro, tócalle moer arestora a quen, en opinión dos que o coñeceron ou que oíron falar del, foi o mellor mandatario de Cerdedo: o alcalde republicano Antonio Sueiro Cadavide. Verbo do segundo apelido, optei pola forma “Cadavide” (no canto das castelanizadas: “Cadavid” ou “Cadaviz”), pois a forma galega aínda está viva na fala dos máis vellos.
Achamos oportuna a publicación deste artigo, xa que, en 2016 cumpríronse 80 anos do golpe de Estado franquista que acabou, pola forza das armas e do terror, co réxime da II República (1931-1936). Amais, tamén en 2016, o concello de Cerdedo, 180 anos despois da súa constitución, deixou de existir por capricho persoal de quen pasará á historia cinguindo a bitola de alcalde terminal.
Antonio Sueiro Cadavide naceu no ano 1892 na aldea de Limeres, parroquia de Cerdedo. Fillo de Manuel e de Concepción (labregos), foi probabelmente o benxamín de varios irmáns, entre eles, Francisco (1868), Casimiro (1881), Camilo (1883) e Mariana (†1923), casada con Antón Márquez Iáñez, mestre canteiro de Meilide (os meus bisavós).
A casa matriz, hoxe arruinada, sitúase no quinteiro do Lagharto, de aí que Antonio Sueiro (el mais a súa familia) fosen coñecidos co sobrenome do lugar de orixe, Antonio do Lagharto, e mesmo, coa identificación absoluta: o Lagharto (de Limeres).
Antonio Sueiro debeu manifestar ben novo a súa inclinación polo saber e o seu afán pola instrución pública. Nado nunha aldea carente de escola, non só se preocupou de ampliar os seus coñecementos máis alá do básico (puro autodidactismo), senón que entendeu a educación como un dereito e unha necesidade social. Xa no seu rol de activista cultural, xa na súa faceta política, priorizou a erradicación do analfabetismo, pois era consciente que só deste xeito o pobo lograría atinxir maiores cotas de liberdade.
En 1918, con apenas 26 anos, promove, funda e preside a Sociedade de Recreo e Instrución de Limeres (Progreso, 15-2-1918), unha precursora iniciativa comunal que, amais de garantirlles a competencia lecto-escritora a todos os veciños (nenos e adultos, mulleres e homes), forneceu a aldea dunha moi notábel biblioteca. O seu irmán Camilo desenvolvería o cargo de vicesecretario.
Cómpre salientar que o devandito centro de ensino e lecer fíxose realidade grazas á largueza dunha veciñanza comprometida (diñeiro, materiais ou man de obra). A primacía do ben común fixo que Limeres fose coñecida daquela co sobrenome da “Pequena Rusia”. O pobo unido contra a adversidade, pois, nin a autoridade civil (usureira e corrupta) nin a autoridade relixiosa (integrista) vían con bos ollos a escolarización universal, pois na ignorancia da xente alicerzaban o seu predominio secular.
Na sede da Sociedade de Recreo e Instrución acabarase instalando no ano 25 a escola pública de Limeres. Non é casualidade que a súa apertura cadrase no tempo coa alcaldía doutro rexedor tan efémero coma meritorio: o mestre socialista Francisco Varela Buela, don Paco (1924-26), encarcerado e inhabilitado a perpetuidade tras a sublevación fascista de xullo do 36.
Antonio Sueiro Cadavide, acorporado e xovial, foi un home polifacético: labrego, canteiro, carpinteiro, músico (célebre gaiteiro con coñecementos de solfa)... Non se limitou Sueiro a desenvolver con habelencia e honestidade as súas múltiples ocupacións, senón que, testemuña activa do seu tempo, liderou os diversos movementos asociativos de xorne político e cultural que agromaron naquel Cerdedo vital do primeiro terzo do século XX.
Antonio do Lagharto, presidindo a Sociedade de Agricultores de Lourido, federada despois na Sociedade de Agricultores de Cerdedo, defendeu os intereses da clase obreira e labrega, erixindo este pequeno concello montañés nun dos referentes do movemento agrarista e da loita anticaciquil, en pugna co poder omnímodo do riestrismo. Por tales méritos foi sinalado como un dos “elementos destacados dentro de estas sociedades” polo cóengo de Compostela Manuel Silva Ferreiro (filofascista) no seu libro Galicia y el Movimiento Nacional (1938).
É ben significativo que na Federación agraria cerdedense, a parroquia de Cerdedo estivese representada por dous colectivos: o propio da capital e mais o de Lourido, unha pequena aldea, próxima a Limeres, localizada á beira esquerda do Lérez. Tentando contrarrestar a mentalidade minifundista cos valores da unión e da solidariedade, cara ao remate dos anos 10 ou comezos dos 20, na avantaxada aldea de Lourido botaría a andar unha pioneira cooperativa agrícola, por iniciativa, entre outros, de Antonio Sueiro Cadavide.
Sen dúbida, un dos feitos históricos máis relevantes deste período foi a “grandiosa” manifestación do 13 de xaneiro de 1916 que, convocada polas colectividades labregas, conseguiu que uns 3.000 cerdedenses (dun padrón de 5.000) baixaran a Pontevedra para esixirlle ao gobernador civil a fin da fraude electoral e do tiránico albedrío. O 22 de xuño de 1916, o xornal pontevedrés Progreso aínda titulaba en portada “El robo electoral de Cerdedo”. O pobo revoltado berra: “Hai que queimar Cerdedo!!”.
Tras unha década de frustrantes procesos electorais, mangoneados polo pezoñento “artigo 29” da Lei Maura (1907), o 11 de febreiro de 1917, os agrarios cerdedenses derrotan as candidaturas riestristras, encabezadas polo rico industrial e contratista Secundino Bugallo Sieiro, e invisten alcalde a Xosé Fentanes Barros, un labrego da parroquia de Pedre. En Cerdedo, a honorabilidade encarnábase por fin nun cargo público. Iniciábase en Cerdedo un breve período de rexeneración que dei en chamar “Trienio Agrarista” (1917-1920).
O 31 de decembro de 1917, nun acto celebrado no local social de Deán (Figueiroa), Antonio Sueiro asume a vicesecretaría do Gremio de Canteiros e Oficios Varios, no seo da Federación de Agricultores de Cerdedo presidida por Xosé María Nieto Varela. Benigno Valiñas, presidente saínte, exclama: ...año que realmente deben señalar con piedra blanca aquellos entusiastas y abnegados defensores, por haber afirmado durante él su predominio en el Ayuntamiento y haber expulsado victoriosamente al caciquismo local de los últimos reductos desde los cuales intentaba todavía defenderse (Progreso, 3-1-1918).
Consonte a lembranza do pobo, dous anos antes (1915), convidado pola Agrupación Socialista de Cerdedo, Pablo Iglesias Posse, o fundador do PSOE (1879), protagonizara no estrado de Deán un mitin multitudinario. Losada Diéguez, Castelao, Carbonell... engádenlle lustre a unha ampla nómina de oradores.
Na festa do 1º de Maio de 1918, as sociedades agrarias de Cerdedo, Figueiroa e Tomonde conflúen ás dez da mañá na ponte Valoutas. Á fronte da comitiva de Figueiroa vai Antonio Sueiro, en calidade de presidente dos agrarios de Lourido e, asemade, consumado gaiteiro. O chiar da gaita do Lagharto resoa eufórica na valiña. A multitude atravesa Cerdedo e na Fábrica (no alto de Cerdedo) súmanse ás colectividades de Parada, Forcarei, Soutelo, Pardesoa e Presqueiras. Xantar fraternal e arenga afervoada na carballeira de Cernados. O xornal Progreso (3-5-1918) non aforra eloxios á hora de cualificar o evento: Modelo de civismo, democracia y orden.
A por de acudir a Deán, entre mitin e xuntanza, Antonio Sueiro Cadavide coñece a Xosefa Bouzas Cortizo (nada en 1893). Namóranse e, sen legalizar á matenta a súa unión, traen ao mundo dous fillos: Camilo (nado en 1913) e Linauria. Na loita polos dereitos sociais, Cerdedo era, a comezos do pasado século, paradigma de modernidade.
En 1919, coa alcaldía de Cerdedo baixo o control dos seus correlixionarios e coa satisfacción do labor cumprido, un Antonio Sueiro de 27 anos fai a maleta (na que lle busca acomodo á gaita) e emigra a Estados Unidos arelando a mellora persoal e familiar. O seu irmán Camilo substitúeo na directiva do Gremio de Canteiros e Oficios Varios. O destino de Antonio do Lagharto será o estado de California, na costa leste. Fixa a súa residencia en Crockett, unha localidade do condado de Contra Costa, á beira do Pacífico (a case 9.000 km de Cerdedo). Probabelmente, o de Limeres escolleu a vila de Crockett, pois, malia os atrancos do idioma, en 1921 comezaría a funcionar a refinaría de azucre California and Hawaiian Sugar Company (C&H), unha cooperativa agrícola coa que se vinculará laboralmente case unha década. Coa primeira soldada, faise un par de fotos (quizabes, os seus primeiros retratos) no prestixioso Studio Martínez-Lumière, sito na avenida Columbus de San Francisco.
No verán de 1920, Antonio Sueiro acolle a seu irmán Camilo (37 anos) que, a bordo do buque “Mongolia”, arriba ao peirao de Nova York o 27 de xuño, tras once días de travesía transatlántica. Nos documentos da Foundation Liberty-Ellis Island asignáselle a profesión de “stone worker”, é dicir, “canteiro”. De leste a oeste, a Camilo aínda lle quedaban por diante máis de 5.000 km de camiño de ferro deica Crockett. Antonio agarda a súa chegada hospedado no Hotel Italiano. No mesmo barco tamén viaxa o seu irmán Francisco (“stone worker”, 52 anos), que prefire probar fortuna en Gary, no estado de Indiana. Tempo despois, o seu outro irmán, Casimiro (carpinteiro, nado en 1881), elixirá Brasil para “facer as Américas”.
En terra allea, Antonio Sueiro non se limitou a aforrar e a cumprir coas súas obrigas profesionais. En xullo de 1923, colabora na fundación da Unión Española de California (Beneficencia-Recreo-Instrución), cuxo lema era: “Todos para una y una para todos”. A UEC mesmo patrocinaba un equipo de “balompié”. En marzo de 1924, ingresa na Sociedad Española de Beneficencia, da que chegou a ser secretario: Que el objeto para el cual se ha formado esta Asociación (dende 1877) es la asistencia de nuestros miembros enfermos, el entierro de los que mueren, y la propagación de las ideas de unión y amor fraternal entre sus socios... Ambas as dúas sociedades, cuxa misión era “defender e orientar” a colonia de emigrantes hispanos, tiñan a súa central en San Francisco.
Como membro destas entidades, avogou por tecer redes solidarias con outras institucións semellantes, espalladas polo territorio norteamericano. Neste senso, Antonio Sueiro, á fronte dunha comisión, organiza en 1922 unha exitosa campaña de recollida de fondos en prol da Unión Benéfica Española, radicada en Nova York. El mesmo e mais o seu irmán Camilo encabezan a pródiga listaxe de doadores. O xornal neoiorquino La Prensa de novembro e decembro de 1922 ofrece testemuño desta loábel encomenda. Escusamos dicir que, alí onde conviña, a gaita de Antonio Sueiro (do obradoiro de Xosé Poceiro Maquieira, en Pontevedra) amenizou señardosa recibimentos e despedidas.
En 1924, Xosefa Bouzas Cortizo (31 anos) e Antonio Sueiro Cadavide (32 anos) contraen matrimonio “por poderes”. Xosefa Bouzas abandona a casa familiar e trasládase cos dous pequechos a Limeres. De 1919 a 1929, Sueiro reside en Estados Unidos de xeito ininterrumpido. A correspondencia persoal (mecanografada), ora remitida á súa muller ora, ao seu sogro (Xosé Bouzas Rodríguez), volve denotar a súa preocupación pola educación dos seus fillos e pola situación política de Cerdedo. Nunha carta (das poucas manuscritas) dirixida a seu fillo Camilo o 2 de setembro de 1924, escribe: Mi mayor gusto sería el mandarte al colegio de Cabanelas, para que allí pudieras adelantar más, pues allí no te cuesta nada la escuela y hay muy buenos maestros [...] y yo muy gustoso pagarte[?] allí la posada, aun cuando somos pobres, me sacrificaría por tenerte como los de más alto poder... No lugar de Laxedo (Covelo-A Lama), o filántropo Manuel Barreiro Cabanelas financiara a construción dun grupo escolar, hoxe en avanzado estado de abandono.
En febreiro de 1920, a dereita caciquil, representada arestora polo adiñeirado contratista, prestamista e recadador de impostos Serafín Sieiro Moreira, faise de novo coa alcaldía de Cerdedo. A argucia do “carallo 29” volve xogarlla aos agrarios. A Federación de Agricultores, Canteiros e Oficios Varios sofre a orfandade de liderado por mor do éxodo migratorio. O 13 de setembro de 1923, acontece o golpe de Estado de Primo de Rivera. A ditadura prolóngase deica xaneiro de 1930.
O crac da Bolsa de Nova York (outubro de 1929) e a crise subsecuente, impelen a Antonio Sueiro a abandonar os Estados Unidos. O Sueiro anglofalante que gozara dalgunha velada musical no impoñente Café Appolo (San Francisco) ou que, o 21 de maio de 1927, presenciara en directo a inauguración da magnífica ponte de ferro de Carquinez (Crockett-Vallejo), deixa atrás o soño americano e torna ao pesadelo de Cerdedo, un concello que a prensa da época compara con Las Hurdes (El Progreso, 27-6-1928), a misérrima comarca estremeña, inmortalizada polo cineasta Luis Buñuel no documentario: Las Hurdes, tierra sin pan (1932).
No ano 1929, o mestre Marcelino Domingo e o avogado Álvaro de Albornoz fundan o Partido Republicano Radical Socialista. Como expuxen no libro recén-publicado Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo (Ed. Morgante), a presenza no panorama político do PRRS foi indispensábel para a instauración da II República en España: O ideario dos radical-socialistas, contrapunto dos radicais de Alejandro Lerroux, alicerzábase no republicanismo de esquerdas: separación Igrexa-Estado, instrución primaria laica obrigatoria e gratuíta, reforma agraria, reforma militar (redución de efectivos), anticlericalismo (valeulles o alcuño de “xabaríns”) e pacifismo. Fernando Valera, un dos seus ideólogos, resumiría deste xeito o seu programa: “Toda la soberanía al pueblo, toda la libertad a la conciencia, toda la tierra a los campesinos, toda la dignidad al trabajo, toda la independencia a los hombres, a los municipios, a las regiones”.
Establecido en Limeres a carón da súa familia, Antonio Sueiro axiña axota as saudades do primeiro mundo. Canda a súa muller Xosefa (Pepa do Lagharto), restablécense das perdas económicas dimanadas da Gran Depresión (Antonio investira parte dos aforros en títulos de crédito), poñen a terra a producir e “encargan” outros tres fillos (Amelia, Purificación e Antonio).
Cumpría levar tino dos acontecementos, xa que logo, subscríbese o xornal El Pueblo Gallego, unha publicación que, nos seus inicios (anos vinte), se faría eco das teses progresistas, galeguistas e republicanistas. Reinicía a súa actividade política, estreitando a relación cos vellos camaradas: Luciano García Ventín (recén-retornado do Brasil), Manuel Gamallo Bugallo, Xosé Torres Paz, Pancho Varela, Secundino Bugallo Iglesias, os irmáns Bugallo Valiñas...; e coñece novos e influentes veciños coma o mestre Francisco Varela Buela.
Cando menos, Antonio Sueiro, Manuel Gamallo, Luciano García, Pancho Varela, Secundino Bugallo e os irmáns Bugallo Valiñas afilianse ao PRRS e xunta os candidatos do PSOE (Xosé Torres Paz, Francisco Varela Buela...) e mais os agraristas plántanlle batalla á dereita monárquica e caciquil nas eleccións municipais de abril de 1931. O PRRS de Cerdedo, liderado por Sabino Bugallo Valiñas, elixe a Antonio Sueiro para optar á alcaldía. O día 5 de abril de 1931, once concelleiros antimonárquicos (6 republicanos e 5 agraristas) conquistan o goberno de Cerdedo. Os representantes do cambio copan once das trece candidaturas posíbeis.
A nivel estatal, o éxito das candidaturas da Conxunción Republicano-socialista nos comicios do 12 de abril do 31 posibilitou o exilio de Alfonso XIII e a proclamación da II República. Nas eleccións constituíntes dese mesmo ano, o PRRS converteuse na terceira forza política das Cortes españolas.
Aínda que o PRRS non contemplaba o marxismo no seu ideario, os radical-socialistas cerdedenses sempre se posicionaron ideoloxicamente perto das teses daquel PSOE dos anos trinta. Isto explica, en Cerdedo, a cordialidade e boa sintonía existente entre os representantes das forzas políticas da esquerda. Alén das ideas, aquela colaboración, desinteresada e inmune ao devezo de poder (servir e non servirse), fundamentábase na amizade.
Instaurado o novo réxime, os once concelleiros republicano-agraristas proclamados en Cerdedo polo artigo 29 (é dicir, sen concurso electoral) non adiarán expresar o seu desacordo coa presenza na Corporación dos dous concelleiros monárquicos, representantes da vella política e contrarios ao novo réxime. Co Decreto de 13 de maio de 1931 (Gaceta de Madrid do día 14), o Goberno Provisional da República permitirá a repetición das eleccións municipais naqueles concellos onde se incoara expediente de protesta.
O 1º de maio de 1931, o Centro Republicano Radical-Socialista de Cerdedo organiza na localidade a Festa do Traballo. Ao berro de “Viva a República!!”, centos de homes e mulleres dirixen os seus pasos cara á aldea de Deán. Amais de bandeirolas e estandartes, moitas mulleres portan baloiras adobiadas na punta con acios de mazarocas de millo.
Ás portas da Casa do Pobo, tomaría a palabra Antonio Sueiro Cadavide. A piques de ser confirmado na alcaldía, Antonio do Lagharto, exhibindo con oufanía os estandartes agrarios, fala en representación dos radical-socialistas de Cerdedo e, asemade, como presidente do colectivo Recreo e Instrucción de Limeres: Nuestro estandarte está hecho girones por la lucha de muchos años en pro de la emancipación de las clases trabajadoras. Pido el concurso de todos para agruparnos en torno a nuestro emblema, para redoblar la potencia que da siempre la unión de los que luchan por emanciparse!!
El Pueblo Gallego do xoves 7 de maio de 1931 (páx. 9) engade: Al concluirse el mitin, el orfeón del Grupo Republicano, que dirige don Antonio Alonso (Ríos), interpretó con sumo gusto “La Internacional”, “La Commune” y el “Himno Socialista”, habiendo cosechado aplausos de entusiasmo. Contribuyó al lucimiento de este acto la afinada banda de música que dirige don Francisco Cerdeira que con todo desinterés se presentó a amenizar el momento, interpretando “La Marsellesa” y el “Himno de Riego”.
Símbolo do Cerdedo labrego, obreiro e artesán; do Cerdedo ceibe e irredutíbel, o local social de Deán, sufragado coas cotas dos residentes e mais dos emigrados e inaugurado en febreiro de 1907, foi espoliado e incendiado polos fascistas cerdedenses na enxurrada do 36.
O 31 de maio de 1931, repetiranse en Cerdedo as eleccións municipais. Os trece candidatos presentados polo Partido Republicano Radical Socialista son proclamados polo artigo 29 (tampouco houbo proceso electoral). Os radical-socialistas, liderados por Antonio Sueiro, faranse coa alcaldía de Cerdedo.
Os inapelábeis resultados colleitados polo PRRS nas eleccións municipais do 31 de maio de 1931, malia as manobras do caciquismo, propiciaron o cambio de rumbo no goberno cerdedense.
En El Pueblo Gallego do venres 12 de xuño de 1931 (páx. 9), atopamos a nova da toma do nomeamento de Antonio Sueiro Cadavide como alcalde de Cerdedo. Na alcaldía, Antonio Sueiro arrodeouse de xente experiente e de confianza como Luciano García Ventín e Manuel Gamallo Bugallo (tenentes de alcalde). Francisco Varela Garrido Pancho sería nomeado xuíz municipal. A xestión da economía confióuselle ao eficiente secretario Carlos González Estévez, oriúndo de Tui. A praza situada a carón da igrexa de Cerdedo (hoxe, dedicada ao crego Fernando García Leiro) pasa a denominarse praza da República. A ruela que, dende a estrada xeral, dá acceso á devandita praza bautizouse co nome de Fermín Galán, mártir pola causa republicana.
Antonio Sueiro Cadavide farase cargo do goberno de Cerdedo durante os períodos: xuño de 1931-decembro de 1932, abril de 1933-outubro de 1934 e febreiro-xullo de 1936.
Coa esquerda rexendo no Concello, e case sen acougo, os cerdedenses enfrontan con ilusión a nova xeira electoral. No horizonte albíscanse as eleccións xerais do 28 de xuño que, asemade, posúen o rango de constituíntes.
Consonte os datos publicados polo xornal El Pueblo Gallego (2-7-1931), o pobo de Cerdedo apoiou maioritariamente as candidaturas da Federación Republicana Galega~ORGA (organización autonomista de esquerdas na que, nesa altura, se integraba o Partido Republicano Radical Socialista) e mais as candidaturas do PSOE. 28 cerdedenses déronlle o seu voto a Afonso Rodríguez Castelao.
O 9 de decembro de 1931, após tres meses e doce días de intensos debates, as Cortes decretan e sancionan unha nova carta magna. Bota a andar a Constitución republicana de 1931.
A enchente de reformas que Manuel Azaña, á fronte do Consello de Ministros, dispón no principiar do ano 1932, reviran España coma un peúgo. No eido dos dereitos sociais, os cerdedenses, instalados aínda no Antigo Réxime, experimentan o vendaval da modernidade: secularización dos cemiterios (propiedade municipal das necrópoles), matrimonio civil, Lei do divorcio...
En maio de 1933, as Cortes promulgarán a Lei de confesións e congregacións relixiosas: “De acuerdo con la Constitución, la libertad de conciencia, la práctica y la abstención de actividades religiosas quedan garantizadas en España”.
Á fronte do consistorio e fiel aos seus principios, o alcalde Antonio Sueiro prioriza a educación, prodigándose na apertura de escolas, boa parte delas, mixtas: Cerdedo, Barro de Arén, Carballás, Pedre, O Serrapio, Figueiroa, San Martiño, Loureiro, Deán, Filgueira, Mamoalba...; porén, non esquece os necesarios investimentos en obras públicas: pontes, fontes, vías de comunicación... Baixo o seu mandato, concluirase a estrada de Presqueiras-San Domingos, o camiño de A Devesa-Cruceiro de Antas con rampla de acceso a Vilar...; e construirase a ponte de Arén que, xunto coas medievais de Cerdedo, Pedre e Parada, constitúen a arquitectura civil máis notábel de Cerdedo.
Práceme pensar que a magnífica ponte de Arén, construída pola cuadrilla de canteiros de Xosé Benito García (hoxe comesta pola matogueira), foi o xeito de concretar en Cerdedo a emoción que Antonio Sueiro experimentara ao contemplar as obras de Carquinez Bridge, no arredamento californiano. A ponte de Arén, sobre o río do Castro, facilitou a comunicación da parroquia cerdedense con Soutelo de Montes (feira de sona).
Coa axuda do secretario Carlos González Estévez, o alcalde Sueiro sanea a economía do Concello, desbaldida por décadas de xestión caciquil (léase o pontevedrés El País do 17 de febreiro de 1933). Coa axuda do xuíz municipal Pancho Varela, fai cumprir a legalidade constitucional e mantén a raia os dereitistas máis exaltados (de primeiras, cedistas; despois, falangistas). Coa axuda do mestre Francisco Varela Buela, créase o Centro de Colaboración Pedagóxica que, mediante charlas e conferencias itinerantes, vai conscienciando os pais da necesidade de mandar os fillos á escola. O CCPC tamén promove o teatro, a recitación, o cooperativismo agrícola, a cultura de noso... A través do Padroado das Misións Pedagóxicas, o alcalde xestiona en agosto de 1933 a recepción de catro bibliotecas escolares para os mestres de Quireza, Bugarín, Cerdedo e Folgoso... etc., etc.
Os resultados das municipais do 23 de abril de 1933, nas que por primeira vez se aplica en Cerdedo o sufraxio universal (é dicir, votaron as mulleres), ratifican a Antonio Sueiro no cargo. Maioría absoluta.
De calquera xeito, a dereita non se aviña ás novas regras do xogo. Arrogándose un mandado divino e escudándose na imaxe do Ecce Homo, teiman en boicotear a xestión de Sueiro. Di o pobo: “Antonio do Lagharto non era un alcalde de levita, os caciques tíñanlle unhas ghanas...”. Transcorridos trinta e seis meses de goberno exemplar, a oportunidade de vinganza chegaría.
O 8 de setembro, Azaña presenta a súa dimisión e o presidente da República, Alcalá-Zamora, encárgalle artellar goberno a Alejandro Lerroux, líder do Partido Republicano Radical (PRR). Durante o Bienio Negro, o goberno de dereitas paraliza as reformas emprendidas pola esquerda nos anos anteriores. Este período abranguerá dende as eleccións xerais de novembro de 1933 deica as eleccións xerais de febreiro de 1936.
En outubro de 1933, o alcalde Antonio Sueiro Cadavide, canda outros camaradas, abandona o Partido Radical Socialista (PRRS), integrándose no Partido Republicano Radical Socialista Independiente (PRRSI).
O 19 de novembro de 1933 celébranse as segundas eleccións xerais do período republicano. En Cerdedo, as mulleres acoden ás urnas por segunda vez. No Estado, os comicios outórganlles a maioría aos partidos da dereita, porén, en Cerdedo, o pobo secunda maioritariamente as esquerdas, inferíndolle unha severa derrota ao Partido Republicano Radical, tras cuxas siglas se agochaban os reaccionarios.
Agosto de 1934. No principiar do mes, os integrantes do PRRSI de Cerdedo (escisión pola esquerda do PRRS) intégranse en Izquierda Republicana (IR).
O día 5 de outubro, respondendo á entrada no goberno dos fascistas da CEDA e ás provocacións dos integrantes de Falange e mais das JAP (Juventudes de Acción Popular), estala a revolución. A folga xeral revolucionaria abrangue do 5 ao 19 de outubro.
Conforme a literatura procesual (tendenciosa), a esquerda de Cerdedo solidarízase coa revolta (que se recrúa en Asturias), organiza a súa versión do “Ejército Rojo” e, capitaneada polo alcalde, entra, supostamente, en acción.
Houber ou non conflito en Cerdedo, nos días sucesivos, Antonio Sueiro Cadavide, o seu fillo Camilo Sueiro Bouzas, Sabino Bugallo Valiñas, Carlos González Estévez, Francisco Varela Garrido, Xosé Torres Paz e Alfredo Iglesias Álvarez son detidos pola Garda Civil, trasladados á prisión de Pontevedra (no sitio do actual edificio da Audiencia Provincial), procesados e, finalmente, encarcerados. Imputóuselles promover un movemento subversivo en Cerdedo, montar unha barricada na estrada de Ourense (km 624), nas inmediacións de Pedre, e seren instigadores dunha suposta tentativa de asalto ao cuartel da Garda Civil.
Antonio Sueiro é acusado de tenencia de armas (era cazador, tiña unha escopeta, posuía licenza), tenencia de explosivos (era canteiro, estaba abrindo un pozo na súa casa, solicitara permiso) e, como alcalde, de negarse a publicar o bando declarando o estado de guerra (outra acusación falsa).
Após a lectura atenta do proceso, dexérgase que a dereita local aproveitou a excepcionalidade para, magnificando o acontecido, chimpar a esquerda do poder.
Tras pasaren dous meses en prisión, mediado decembro, os “revolucionarios” cerdedenses son postos en liberdade. Para acadaren a liberdade provisional, cada un dos detidos debeu aboar unha fianza de 1.000 pesetas. O 8 de marzo de 1935, examínase a causa e, por falta de probas concluíntes, dítase o seu sobresemento, agás no caso do alcalde Antonio Sueiro que, a maiores, é acusado de falsidade en documento público. O xuíz da Estrada Fermín Bouza Brey ábrelle un novo proceso, culpándoo de asinar un documento que recoñecía a Francisco Cerdeira Gil como director da banda de música municipal. Cerdeira precisaba o certificado para ingresar no corpo de directores de bandas de música. O escrupuloso Bouza Brey esíxelle a Sueiro 3.000 pesetas de fianza. Sabendo que Cerdeira era, amais de director dunha banda de música, un coñecido dereitista, decatámonos de que o alcalde favorecía a todos os veciños sen reparar na súa ideoloxía. Acoso e derruba.
Durante o ano 1935, o Concello fica nas mans dunha comisión xestora controlada pola dereita. Con Antonio Sueiro Cadavide afastado da alcaldía, os voitres non demoran botarlle as poutas á prea. A situación torna aos tempos do enchufismo e a corrupción. O novo e arribista goberno de Cerdedo, refractario á vontade maioritaria do pobo, fica ao arbitrio dos especuladores. A dereita local divide as súas forzas entre o filofascismo cedista e o corrupto Partido Radical de Lerroux e Iglesias. Os membros da Comisión Xestora, os gestivos, non actúan por conviccións, a súa única motivación é o reparto das farangullas do orzamento municipal e trábanse entre eles para acadar o mellor lote. A construción da nova casa-cuartel (o inmóbel localizado hoxe na intersección da estrada xeral e a rúa da Constitución) convértese na bicoca do resucitado caciquismo cuxa única preocupación era a pugna polas cadeiras de mando. O pobo volve ser vítima da vella política intimidatoria, aplicada de xeito especial cos abandeirados da causa republicana.
Os padecementos do alcalde democrático Antonio Sueiro (reclusión inxusta, sancións económicas, ostracismo...) foron somerxidas no piago do esquecemento. Probabelmente, a súa inhabilitación salvoulle a vida cando o golpe de Estado de xullo do 36. Por desgraza, moitos dous seus compañeiros (Francisco Varela Garrido, Xosé Torres Paz, Secundino Bugallo Iglesias, Francisco Arca Valiñas...) pagaron coa vida a defensa da liberdade.
A prensa da época transloce que a dereita local conspirara para desbancar a Antonio Sueiro Cadavide e ao seu equipo de goberno. Consonte as testemuñas orais e os testemuños escritos, Antonio do Lagharto foi o político máis honrado, ecuánime e democrático que ocupou a alcaldía Cerdedo. Dende logo, ao longo da súa existencia deixou mostras abondas da materialización do seu ideario: defensa dos desfavorecidos, fomento da educación e promoción da cultura.
A finais da década dos sesenta, Antonio Sueiro, home singular onde os haxa, sobreviviu a un raio que o atravesou de parte a parte. Como consecuencia da acometida, debeu levar o brazo dereito nunha estribeira até a fin dos seus días, empecéndolle a mobilidade e impedíndolle tocar a gaita, instrumento polo que sentía verdadeira devoción.
Antonio Sueiro Cadavide morreu o 19 de agosto de 1972 aos 80 anos de idade. No cemiterio de Cerdedo, a tumba do alcalde Limeres contrasta pola súa humildade cos panteóns da autoridade caciquil e franquista. Consonte comprobamos no Inventario do Arquivo do Concello de Cerdedo (2002), os expedientes de sesións e os libros de actas dos plenos, correspondentes ao Bienio Reformista (1931-33), foron cirurxicamente expurgados. Os herdeiros ideolóxicos da ditadura, a monotonía política que provocou o esvaecemento do concello, honraron cunha rúa o nome dun alcalde de infausto recordo. Na terra, a lápida de Antonio Sueiro, persoeiro insigne de Cerdedo, carece mesmo de inscrición. Non esquecemos!!