Fervenza da Graña
A fervenza da Graña, no río Porto, é un impresionante salto de auga, situado moi preto da aldea da Graña, na parroquia da Madanela (Forcarei). O Porto é un pequeno río, que nace nos montes do Testeiro e que verte as súas augas no Deza. Polo camiño que conduce á fervenza podemos observar un antigo encoro, unha canle e mais unha curiosa construción de pedra; no seu día, estes elementos formaron parte do complexo industrial dunha central hidroeléctrica, cuxas ruínas aínda se conservan un pouco máis abaixo da fervenza.