Mapa dos lugares de Tabeirós-Terra de Montes
Daquela Terra que din Montes
Rita Iglesias Blanco
A Terra de Montes é unha comarca histórica, natural e cultural que esmorece coa axuda da administración política. Está conformada polas parroquias dos concellos de Beariz, Forcarei e do antigo Cerdedo, anque na orde xeográfica, eclesiástica ou histórica tamén se vinculan a esta comarca Sabucedo (A Estrada), Zobra (Lalín), Caroi (Cotobade), A Barcia do Seixo ( A Lama), Morillas e San Isidro de Montes (Campo Lameiro).
Aparecen referencias documentais a este territorio xa no século X, aínda que será no ano 1115, coa doazón da Raíña Urraca da metade da Terra Montes ó arcebispo Xelmírez, cando agrome a entidade histórica desta comarca. No ano 1176 o Rei Fernando engadía a outra metade de Montes á doazón, quedando constituída totalmente a xurisdición con centro de poder na Torre-Fortaleza de Castro de Montes (San Miguel de Presqueiras), trasladado a Soutelo de Montes a finais do século XVII.
No eido xeográfico, está ben delimitada polo Monte Seixo, os Montes do Testeiro, a Serra do Candán e Montouto. Trátase dun territorio de media montaña entre os 400 e os 1000 metros, que é o berce dos ríos Lérez, Umia e Verdugo. A pesar da súa riqueza natural, o pouco espazo agrícola motivou a desenvolvemento de oficios complementarios como o dos canteiros, os cereiros ou arrieiros. Estes, sumados á situación xeográfica estratéxica da zona con respecto a Santiago, Pontevedra e o Ribeiro levaron a unha gran mobilidade da súa poboación que enchoupada de intercambios culturais foi quen dar vida a un abondoso e rico patrimonio.
Hoxe a Terra de Montes atópase esfarelada en varios concellos e dividida en dúas provincias, o que da boa mostra do bo facer dos nosos gobernantes dende o século XIX, en canto a ordenación do territorio. A desfeita comezou hai 200 anos pero cada día afóndase un paso máis nela, mostra sexa a recente fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade.
Un dos golpes máis duros para esta comarca foi partila nas provincias de Pontevedra e Ourense, deixando a Xirazga, Lebozán e Beariz nesta última. A división comarcal de Galiza nos anos noventa non foi quen de saltar estes límites provinciais e vinculou a Terra de Montes pontevedresa á comarca de Tabeirós, coa que xa compartía partido xudicial dende a primeira metade do século XIX. Coas súas eivas para a Terra de Montes, esta comarcalización primou o desenvolvemento da área rural do interior e mellorou as comunicacións entre Cerdedo, Forcarei e A Estrada. Esta reorganización territorial que comezaba a asentarse quedou totalmente desfeita no ano 2016 coa fusión do concello de Cerdedo, pertencente á Terra de Montes, e o concello de Cotobade, na área de influencia de Pontevedra.
Nesta fusión municipal, para non variar, primaron os intereses partidistas e persoais de dous alcaldes do PP, fronte toda lóxica histórica, xeográfica, social ou administrativa. A pesar das promesas da inmutabilidade dos servizos, Cerdedo perdeu o Rexistro Civil e o Xulgado de Paz, que se centralizaron en Carballedo, e pasou a depender do Partido Xudicial de Pontevedra e da Oficina Agraria Comarcal Pontevedra, debilitando os servizos da área rural.
A pesares dos ataques que sufre a Terra de Montes, somos conscientes da nosa identidade e do potencial dos nosos recursos e seguiremos a loitar pola vida no rural, fronte a aqueles que queren acabar co noso porvir.
* 20-09-2018. Publicado no Sermos Galiza