Capitán Gosende atopa dúas mámoas en Castro entre restos forestais. A talla dun piñeiral permite a descuberta de dous novos xacementos
Calros Solla
O paseo en ascenso apenas superou os 900 m e os 100 m de desnivel. A pista, de xabre, percorre de sur a norte a valiña encaixada entre o monte da Eiriña (648 m) e o de Pedrouzos (vértice xeodésico: 680 m). Se dende Vilar nos prouguese acadar a pé as aldeas de Castro, o chamado Paso da Eiriña sería o itinerario máis dereito e axeitado para salvar ambos os dous accidentes orográficos.
Que se nos perdía aos de Capitán Gosende naquelas empinadas? Pois, cóntolles. Días atrás, un veciño de Vilar (anónimo) puxérase en contacto con nós (a través de Faro de Vigo) para avisarnos dunha talla de árbores que se estaba a levar a cabo nunha parcela de monte, perto do alto de Pedrouzos. Na parcela en cuestión había constancia da existencia de mámoas, é dicir, monumentos funerarios prehistóricos, tumbas megalíticas, xacementos arqueolóxicos duns 6.000 anos de antigüidade. A parcela, situada á beira esquerda da pista forestal que leva ao coto, ten forma de U e mide unhas 15’8 hectáreas e, até hai uns días, boa parte da súa superficie estaba ocupada por unha repoboación de piñeiro.
Consultados os nosos arquivos, verificamos a existencia naquel sitio de dous túmulos neolíticos, catalogados por Patrimonio coa denominación: “Mámoa 1 de Pedrouzos” (GA36011021) e “Mámoa 2 de Pedrouzos” (GA36011022). Había que ir alá.
Ao chegar á zona, comprobamos que o labor de talla rematara. As toradas xa foran retiradas da parcela. O chan, do que sobresaían moitos tocóns, estaba cuberto de ramallada e frouma, ora espallada ora amoreada por aquí e por alá. Recendía a resina. As rodeiras da maquinaria marcáranse fondas no lamazal.
Agardamos que o responsábel destes traballos aínda non os dese por concluídos. Urxe retirar os restos forestais, xa que, cando chegue a calor, a parcela se converterá nunha polvoreira. Pregamos para que os xestores daquel anaco de monte non estean pensando nun eucaliptar como plantío substitutivo.
Parcela dentro, axiña identificamos a primeira das mámoas. A Mámoa 1 de Pedrouzos (coordenadas.- X: 548.730; Y: 4.711.614; alt. 628 m) ten uns 20 m de diámetro. Localízase a uns 40 m, ao noroeste, da pista forestal; a uns 450 m, ao sudoeste, do cume de Pedrouzos; e a uns 650, ao nordés, do cume da Eiriña.
A uns 90 m cara ao nordés da Mámoa 1, identificamos a segunda das mámoas catalogadas. A Mámoa 2 de Pedrouzos (coordenadas.- X: 548.809; Y: 4.711.653; alt. 629 m) sitúase á beira da pista forestal (mellor, viceversa). Posúe uns 22 m de diámetro e un amplo cráter de violación.
Coidamos que os tractores respectaron a integridade dos xacementos catalogados. Cando dicimos “respectaron”, queremos dicir que non pasaron por riba deles. Non é chiste, esta circunstancia é frecuente no noso paisiño.
Decidimos non abandonar a zona sen antes dar unha volta polos arredores. Non fixo falla abandonar aquel terreo para descubrirmos outras dúas mámoas. A prodigalidade deste relanzo entre montañas inspirounos unha denominación máis acaída: a Chá de Pedrouzos.
A Mámoa 3 da Chá de Pedrouzos (coordenadas.- X: 548.752; Y: 4.711.641; alt. 629 m) localízase a uns 35 m, ao nordés, da Mámoa 1 e a uns 55 m, ao sudoeste, da Mámoa 2. A Mámoa 3 posúe uns 9 m de diámetro (mamoíña) e ten á vista dous bloques de pedra (probabelmente, ortostatos). Dimensións dos posíbeis ortostatos: 130x110x90 cm; 150x80x50 cm.
A Mámoa 4 da Chá de Pedrouzos (coordenadas.- X: 548.726; Y: 4.711.719; alt. 625 m) sitúase a uns 100 m cara ao norte da Mámoa 1 e a uns 100 m cara ao noroeste da Mámoa 2. A Mámoa 4 ten uns 8 m de diámetro (mamoíña). Presenta cráter de violación. As mámoas 1, 2 e 4 forman un triángulo isósceles. A mámoa 3, ocupando unha posición centrada, fica contida na figura xeométrica.
Coñecendo as querenzas das comunidades neolíticas, o lugar reúne moitas das condicións necesarias para ser elixido como necrópole: o perfil chan do terreo, a preeminencia, a proximidade a unha concorrida vía de comunicación (o Paso da Eiriña), a abundancia de material construtivo... A chá tumularia aparece flanqueada por dúas correntes de auga que, vertendo cara ao noroeste, son tributarias do regueiro das Valgadas; este, á súa vez, do río de Quireza.
Segundo a información facilitada polo visor de mapas da Xunta da Galiza, os túmulos da Chá de Pedrouzos atópanse a escasos metros da estrema interparroquial. Ou sexa, estas “tumbas de xentís” foron empregadas como fitos de deslinde dende tempo inmemorial. A Mámoa 2 situaríase en terra de Figueiroa. As outras tres, en terra de Castro. Estes marcos non son doados de mover.
Traballo feito. No tocante a mámoas, dubido que a administración local estea disposta a investir un peso na súa protección. Xa que logo, o da valorización é quimera.
Fagamos que as mámoas da Chá de Pedrouzos duren, cando menos, outros 6.000 anos. Confiemos en que neste tempo dea chegado unha promoción de gobernantes dotados das doses mínimas de sensibilidade e sentido común.