Calros Solla
O verán de 1942, o enxeñeiro xefe da 3ª brigada topográfica da provincia de Pontevedra dependente do Instituto Geográfico y Catastral convocou as comisións dos concellos de Cerdedo e Forcarei co obxectivo de recoñecer o itinerario da liña de deslinde e sinalar os mollóns comúns aos respectivos termos municipais.
Segundo consta na acta da operación, ambas as dúas comisións debían reunirse ás 9 da mañá do xoves 13 de agosto de 1942 no sitio denominado Areal Pequeno (no monte do Seixo), punto de converxencia das estremas parroquiais de Cerdedo (Cerdedo), Caroi (Cotobade) e Sta. Mariña de Presqueiras (Forcarei). Xaora, para este particular tamén foi citada a comisión de Cotobade.
A acta principia do seguinte xeito: Reunidos el día trece de agosto de mil novecientos cuarenta y dos en el sitio denominado Areal Pequeno, los señores que con sus respectivos cargos y representación abajo se expresan [...], para dar cumplimiento a lo que dispone la ley, para la publicación del Mapa, de treinta de Septiembre de mil ochocientos setenta y la de veintitrés de Marzo de mil novecientos seis, sobre formación del Catastro parcelario de España... O xefe de brigada nomeou a Rafael Castellano Gallego, “topógrafo axudante principal de Xeografía”, para que levase a cabo o traballo e actuase na súa representación. O topógrafo valeuse dunha búsola Breithaupt e, cousa boa, non fixo por castelanizar a nosa microtoponimia.
Consonte a devandita acta: Concurrieron al acto en representación del Ayuntamiento de Cerdedo los señores cuyos nombres y cargos se detallan a continuación: D. Luis Toimil Ferrer, alcalde; D. Secundino Bugallo Sieiro, secretario; D. Manuel Gutiérrez Torres, teniente alcalde; D. Antonio Brandón Monteagudo, teniente alcalde; D. Manuel Camba Peleteiro, concejal y D. Arturo Viéitez González, práctico.
En representación de los Ayuntamientos de Cotobad [Cotobade] y de Forcarey [Forcarei] no concurrió comisión alguna, a pesar de haber sido citados oportunamente [...], por lo cual, después de transcurrida una hora, se procedió al reconocimiento del primer mojón por la comisión presente del Ayuntamiento de Cerdedo y se continuó la operación.
O primeiro mollón recoñecido pola comisión de Cerdedo foi o situado no Areal Pequeno (propiedad del común de vecinos de Cerdedo-Caroi-Presqueiras); o segundo mollón recoñeceuse no Paso do Castro (Cerdedo-Presqueiras), o terceiro, en lo alto del cerro denominado Castro Grande (Cerdedo-Presqueiras); o cuarto, na Subida ao Xestido (Cerdedo-Presqueiras); o quinto, tamén na Subida ao Xestido (Cerdedo-Presqueiras); o sexto, na Fontefría (Cerdedo-Presqueiras); o sétimo, en lo alto del cerro denominado Outeiro do Vento (Cerdedo-Presqueiras); o oitavo, en lo alto del cerro denominado Outeiro do Coto (Cerdedo-Presqueiras): Hay que hacer la observación de que este mojón tiene grabada una cruz cuyas aspas miden veinte centímetros; o noveno, en lo alto del cerro denominado Outeiro Redondo (Cerdedo-Presqueiras): Hay que hacer observación de que este mojón tiene grabadas cuatro cruces cuyas aspas miden veinte centímetros); o décimo, no Outeiro de Monleán (Cerdedo-Presqueiras); o undécimo, na intersección do río de Carballás e do regato de Monleán (Monleán) (Cerdedo-Presqueiras); e o duodécimo e aux., na intersección do río de Carballás co camiño vello de Presqueiras (Pozo do Cervo) (Cerdedo-Presqueiras).
A xornada do 13 de agosto non deu para máis. O topógrafo e a delegación de Cerdedo reanudarían os traballos ao día seguinte (14 de agosto, venres) ás 9 da mañá. De novo, os representantes de Forcarei non fixeron acto de presenza.
O mollón décimo terceiro recoñeceuse no Cotiño Bidueiro (Cerdedo-Presqueiras); o décimo cuarto, tamén no Cotiño Bidueiro (Cerdedo-Presqueiras); o décimo quinto, na intersección do río de Carballás e o río do Castro (Ponte do Porto) (Folgoso-Presqueiras); o décimo sexto e aux., no río do Castro á altura da Fonte da Cova do Lobo (Folgoso-Presqueiras); e o décimo sétimo, no Outeiro das Cruces (Folgoso-Ventoxo).
A seguir, o topógrafo e a comisión de Cerdedo recoñeceron e sinalaron o décimo oitavo mollón no lugar denominado Laxa do Home (Folgoso-Ventoxo). Así consta en acta:
Se reconoció como tal una piedra empotrada de forma aproximadamente paralepipédica cuyas dimensiones máximas visibles son: largo: un metro setenta centímetros; ancho: cincuenta centímetros; alto: un metro veinte centímetros y su materia granítica.
Está situado en el paraje denominado “Laja do Home” [Laxa do Home], en terreno de monte bajo de tojo y pastos, propiedad del común de vecinos de las parroquias de Folgoso y de Millarada. [O topógrafo debera escribir “de Folgoso y de Ventoxo”].
Desde él se ve en dirección N.O. el pueblo de Folgoso, en dirección N.E., el de Ventojo [Ventoxo] y en dirección O., el de Presqueiras.
El mojón anterior [o mollón 17º] se ve en dirección O. a una distancia aproximada de cien metros.
La línea de término entre este mojón y el anterior es la recta que los une.
O topógrafo e a comisión de Cerdedo empregarían aínda a xornada do día 15 de agosto (sábado) para completar a operación de recoñecemento e sinalización dos marcos de deslinde entre os concellos de Cerdedo e Forcarei. Os representantes de Forcarei tampouco acudiron á cita.
A estrema Cerdedo-Forcarei trazaríase atendendo a un total de corenta e sete mollóns, entre eles os demarcados polos ben coñecidos sitios arqueolóxicos-mitolóxicos: Areal Pequeno (Ventá do Areal) (Cerdedo-Caroi-Presqueiras; mollón 1); Castro Grande (Cerdedo-Presqueiras; mollón 3); Fontefría (Cerdedo-Presqueiras; mollón 6); Outeiro do Coto (Cerdedo-Presqueiras; mollón 8); Laxa do Home (Folgoso-Ventoxo; mollón 18); Capela do Santo (Folgoso-Millarada; mollón 27); A Porreta (Folgoso-Millarada; mollón 28); Pozo Mouro-Río Lérez (Parada-Castrelo; mollón 32 aux.); Coto da Roda (Parada-Castrelo; mollón 33); Outeiro dos Corvos (Tomonde-Castrelo; mollón 41); Lagoa do Medio (Tomonde-Castrelo; mollón 43); Monte da Lagoa (Tomonde-Castrelo; mollón 44), e Alto da Chaira dos Augadeiros (Tomonde-Castrelo; mollón 45).
Volvendo ao mollón 18, sito no predio da Laxa do Home, no apartado “Croquis y notas”, amais do bosquexo, na acta engádese o seguinte apuntamento: Piedra empotrada granítica de 1’7 x 0’5 x 1’2 con una cara grabada. Sitio “Laja do Home”.
Con estas indicacións, o día 28 de xullo os exploradores de Capitán Gosende percorremos a penela estremeira do Outeiro das Cruces (o coto do outeiro elévase por riba dos 630 m). No sitio onde agardabamos atopar o marco da Laxa do Home, localizamos o marco do Outeiro das Cruces (coordenadas.- X: 554.863; Y: 4.709.245; alt. 620 m), un testeiro de xisto no que converxen os lindes das parroquias de Folgoso, Ventoxo e Presqueiras (San Miguel). No pedrón do Outeiro das Cruces graváronse en época histórica unhas dez cruces (tip.: cruz latina). O petróglifo catalogouse en xullo de 2004 (clave de identificación: GA36018109). A descrición que consta no informe de Patrimonio é a seguinte:
O petróglifo utiliza como soporte unha laxe metamórfica de 1.10 m de altura x 1.80 m de ancho x 0.30 cm de grosor, fincada no terreo a xeito de “marco” que se localiza no extremo superior da ladeira norte do Outeiro das Cruces.
As gravuras distribúense en dous paneis verticais:
No panel oeste: distínguense alomenos 7 cruciformes, todos eles de tipoloxía latina, dispostos fundamentalmente na súa metade superior. As dimensións medias dos motivos acóutanse ás seguintes dimensións: 14x5 cm; 5x4 cm e 7x5 cm.
No panel leste: distínguense alomenos 3 cruciformes latinos, dispostos no eixo central do panel. As dimensións medias dos motivos acóutanse ás seguintes dimensións: 8x4’5 cm; 5’5 x 5 cm.
Todos eles posúen suco con sección en V de entre 1 e 0’5 cm de anchura, pouco erosionado.
Afanámonos na busca polos arredores, mais, por desgraza, non demos co marco da Laxa do Home nin coa súa “cara grabada”. Cremos que a intensa actividade forestal desenvolvida na zona puido ser a causa da súa desaparición. O chamadeiro “Laxa do Home” e as evidencias documentais lévannos a pensar que, en época recente, se destruíu naquel predio unha rocha gravada con motivos antropomorfos. Na fotografía do “Voo americano” (1956-7), vese que o lugar aínda non se destinara á actividade silvícola nin se cuarteara con pistas.
Porén, non tornamos do Outeiro das Cruces co fardel baleiro, pois, na rebusca, batemos con dous gravados rupestres inéditos. Sen desbotar a posibilidade de dedicarlle outra xornada á localización do petróglifo da Laxa do Home, decidimos denominar as novas descubertas petróglifo do Outeiro das Cruces II e Outeiro das Cruces III. Ambas as dúas atópanse en territorio da parroquia de Ventoxo (Forcarei).
O petróglifo do Outeiro das Cruces II sitúase no punto máis alto do colado (coordenadas.- X: 554.927; Y: 4.709.173; alt. 635 m). O gravado rupestre, composto de cinco coviñas, tallouse na parte superior dun afloramento metamórfico en forma de crista duns 3 m de lonxitude e 50 cm de largura. A coviña meirande, que tamen é a máis profunda, ten uns 8 cm de diámetro. A coviña máis pequena acada os 3 cm de diámetro. As concavidades alíñanse de norte a sur (no andar da pedra), e 3 delas arrodean unha bacía, probabelmente natural. O gravado rupestre atópase a uns 50 m, cara ao leste, da estrema coa parroquia de Presqueiras.
O petróglifo do Outeiro das Cruces III sitúase a uns 50 m, cara ao sudoeste, do petróglifo do Outeiro das Cruces II (coordenadas.- X: 554.907; Y: 4.709.125; alt. 633 m). O gravado rupestre componse de 3 coviñas en arco duns 4 ou 5 cm de diámetro. Tallouse nunha laxa metamórfica cuxa superficie visíbel é duns 2’5 m2. O gravado rupestre atópase a uns 15 m, cara ao leste, da estrema coa parroquia de Presqueiras.
As estacións petroglíficas do Outeiro das Cruces arrodéanse de piñeiros (repoboación recente) e monte baixo (carrasco, carqueixa e toxo) e sitúanse a pouco máis de 1 km, cara ao sudoeste, da aldea de Ventoxo (Forcarei); a pouco máis de 1 km, cara ao oeste, da aldea de San Marcos (Pardesoa-Forcarei); a pouco máis de 1 km, cara ao nordés, da aldea de Morgade (Presqueiras-Forcarei); a 1’5 km, cara ao sueste das aldeas do Outeiro e Quinta (Folgoso-Cerdedo); e a uns 600, cara ao leste, da madre do río do Castro, afluente do Lérez.
Coa descuberta dos petróglifos do Outeiro das Cruces II e III, o colectivo Capitán Gosende anótase no concello de Forcarei 16 gravados rupestres (Presqueiras (3), Castrelo (1), Pereira (10) e Ventoxo (2)), e 75 na comarca de Montes. Nesta conta engadiuse o petróglifo da Laxa das Buratas (Alfonsín-Presqueiras), localizado polo colectivo en 2013, xa que, malia ter a consideración de Monumento Histórico-Artístico (1974) e BIC, non figura no catálogo de Patrimonio. Abráiense.
Polo que respecta ao concello de Forcarei, agardamos que a nova corporación municipal reciba esta noticia coa ledicia coa que nós lla transmitimos e faga todo o necesario para protexer e divulgar o seu tesouro rupestre, unha mostra de arte prehistórica tan fermosa coma enigmática.
Haz clic aquí para editar.