Tal e como afirmaron os membros das Irmandades da Fala, cuxo centenario celebramos este ano, a lingua é a maior creación colectiva dun pobo, a expresión máis evidente da súa forma de entender o mundo. Non é posíbel a prosperidade dun país mentres a situación da súa lingua sexa de minorización e exclusión social.
Segundo os últimos datos, o galego xa non é a lingua habitual da maioría da poboación (nos menores de 24 anos tan só dun 28%) e a familia perdeu, en grande medida, o seu papel de transmisora da lingua ás novas xeracións; na xustiza, administración e servizos públicos o uso do galego é reducido ou nulo; os galego-falantes son discriminados en infinidade de circunstancias cotiás e vivir completamente en galego é pouco menos que imposíbel.
No momento en que máis cumpriría unha actuación institucional decidida a favor da nosa lingua, acontece o contrario: nos últimos anos o goberno do Partido Popular na Xunta, que ten a obriga legal de promover e defender a lingua galega, foi o principal promotor do retroceso do noso idioma. Pensemos, por exemplo, no “decretazo” para o ensino do ano 2010, polo que se reduce de forma brutal a presenza da lingua galega no sistema educativo, prohibindo, por primeira vez na etapa democrática, a utilización do noso idioma como vehicular nas materias científicas do currículo escolar e expulsándoo case por completo das aulas de infantil, como antesala da estranxeirización da lingua galega no seu propio país. Coa súa actuación, a Xunta contravén acordos asumidos por todas as forzas políticas, como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004 ou, recentemente, a Declaración de Unidade a prol da Normalización da Lingua Galega que, en xullo de 2015, impulsou a Mesa pola Normalización Lingüística. De igual maneira, moitos concellos, como é o caso do Concello da Estrada incumpren reiteradamente a lexislación lingüística, tanto no ámbito da relación oral cos cidadáns e cidadás, como no ámbito escrito: cartaces informativos en castelán, lendas nos sinais de tráfico, toponimia deturpada…
Por iso, ten que ser a sociedade a que manifeste a súa vontade de que o galego ocupe o papel que lle corresponde, como lingua propia e plenamente oficial en Galiza. De feito, todos os avances que se teñen logrado para a nosa lingua foron sempre conquistas sociais.
É fundamental, polo tanto, a nosa presenza o 17 de maio en Compostela., pois como di Manuel María, poeta a quen este ano se dedica o Día das Letras. :
“O idioma é a patria
a esencia máis nosa,
a creación común
máis grande e poderosa.”