Manuel Barros
A actividade estivo presidida polo emigrante e titular de “Fillos da Estrada”, Servando Oubel Feros, acompañado polos membros do seu executivo social (Gódula Rodríguez Señarís, vicepresidenta, Raimundo Mollinedo López, secretario social, e Dores Torres Pérez, tesoreira).
Durante o encontro informouse sobre o estado financeiro da sociedade, aprobouse o orzamento para o actual ano e a xunta directiva rendeu contas das súas actuacións en 2014. Tamén se aprobou o Plan de Actividades para o primeiro semestre de 2015, e para rematar, a Asemblea avalou co seu voto o outorgamento dos títulos de Honor, de Mérito e Diplomas de Recoñecemento “no ano do centenario” a colaboradores e veciños na A Estrada, así como a un grupo de asociados que se destacaron polo seu labor social nos últimos 10 anos.
Na actividade cultural participou o grupo de danzas “Sorrisos Cubanos”, dirixida pola profesora Ruth Díaz Babot e patrocinada por “Fillos da Estrada” na maior das Antillas, que interpretou varios números de danza tradicionais galegas, así como ritmos cubanos e universais. A actividade finalizou cunha merenda buffet.
Plan de traballo
Durante o primeiro trimestre de 2015, o grupo “Sorrisos Cubanos” estará presente nos tres festivais de música e danza española máis importantes que se celebrarán na capital cubana. En abril haberá unha degustación de pratos típicos galegos, en maio os asociados participarán no Día dás Letras Galegas, dedicado a autores estradenses, e o 5 de xuño terá lugar un recital en saúdo ao centenario na Praza de Armas do Centro Histórico, a cargo da Banda Nacional de Concertos, a que interpretará música do mestre Javier Comesañas Pereira, director da Coral Polifónica, o Conservatorio e a Banda de Música Municipal da Estrada. Así mesmo, e como parte das celebracións polo centenario, está prevista unha visita institucional do Concello da Estrada á capital cubana no segundo semestre do ano.