Clara Iglesias Cortizo
Mais, para chegar a iso, temos que partir do primeiro e máis esencial, a lingua galega, que está situada neste momento histórico nunha encrucillada en que se xoga o seu destino. O galego está nunha situación de perda acelerada de falantes novos, que son os que poden asegurar o futuro da lingua. Os propios datos oficiais mostran que se está a producir unha quebra na súa transmisión xeracional como nunca antes se producira; que, por primeira vez na historia, o galego non é a lingua maioritaria en Galiza; ademais, continúan a pesar sobre ela os vellos prexuízos que nunca chegaron a desaparecer, como a idea de que é unha lingua un tanto rústica e rural, polo tanto ineficaz e inadecuada para a vida urbana e moderna. De feito, os datos sobre o uso do galego entre a rapazada das cidades galegas son estarrecedores, pois mostran que está nunha situación practicamente residual.
E perante isto, nun momento tan crucial, cando sería fundamental termos unha política verdadeiramente normalizadora, con medidas para frear esta sangría constante de falantes, as institucións que teñen a obriga de implementala miran para outro lado. Ou ben, opóñense directamente a calquera medida que poida incidir nunha mínima recuperación do galego, como é o caso da nova lei de educación, que está en trámite parlamentar. O presidente da Xunta de Galiza súmase ás críticas lanzadas polo seu partido á reforma educativa presentada polo Ministerio, acusando ao goberno español de querer eliminar o castelán da educación. Sería para rir se non fose un asunto serio e ben triste. Aquí, no noso Concello, vivimos aínda hai moi pouco tempo o caso da prohibición expresa de utilizar a nosa lingua nos proxectos que se presentaren para a remodelación da praza na feira. En fin, o galego está sendo perseguido e acurralado polas propias institucións encargadas de promovelo e normalizalo. E o galego, a nosa lingua, é o instrumento que nós, os galegos e galegas, fomos construíndo ao longo de séculos de historia, para expresar a nosa visión do mundo, a nosa particular maneira de aprehender a realidade; en fin, a nosa cultura.
Como dixo Castelao, “o galego non é unha obra de arte; é matriz inesgotábel de obras de arte”. Sen o galego, Galiza non existiría; por iso, todo o traballo que realizamos na Asociación Cultural Vagalumes, co obxectivo de posta en valor do patrimonio, de recuperación e difusión dos nosos escritores, de coñecemento da nosa historia, da memoria da represión e das vítimas do franquismo..., está inserido na defensa e reivindicación do maior valor que posuímos, a nosa lingua.
Agradecemos á Asociación Cultural O Brado o premio San Martiño de Normalización Lingüística e esperamos que o recoñecemento que este premio supón sirva para contribuír a avanzar nos obxectivos que ten a nosa asociación; e, para nós, é un incentivo para continuar con máis forza no noso traballo, no que convidamos a participar a todas as persoas que sintan amor polo noso país.