Con Campos Varela na alcaldía, Vigo recibe a visita do presidente da República Niceto Alcalá-Zamora. En recoñecemento ao seu labor, o alcalde é condecorado coa Orde da República. Por mor dos sucesos revolucionarios de outubro, Campos Varela cesa nas súas funcións tras sete meses de exercicio.
Calros Solla
O 17 de xullo, o mesmo xornal informa da presenza do alcalde na botadura do buque-tanque “Campaláns”, construído nos estaleiros de Barreras e destinado ao servizo de Campsa.
O mesmo xornal (24-7-1934) publica que o alcalde Campos Varela recibira no seu despacho o célebre violinista Rómulo Ribera, quen convidou a autoridade municipal ao seu concerto no teatro García Barbón.
O mesmo xornal (28-7-1934) informa que o periódico fora convocado a unha xuntanza co alcalde Campos Varela para intercambiar impresións respecto aos actos que se debían organizar co gallo da visita a Vigo do presidente da República Niceto Alcalá-Zamora.
O mesmo xornal (29-7-1934) publica que o alcalde Campos Varela é nomeado socio honorario da Agrupación García Barbón, formada por exalumnos da Escola Municipal de Artes e Oficios.
A cidade de Vigo debía lucir esplendorosa a ollos da máxima autoridade do Estado. El Pueblo Gallego (31-7-1934) reproduce un edicto da alcaldia na que Campos Varela ordena adoptar todas aquellas medidas que contribuyan a la higienización, urbanización y aseo de nuestra ciudad. Os propietarios dos inmóbeis teñen un prazo de quince días para realizar o branqueo interior das vivendas e, así mesmo, o encalado de tapias e paredes exteriores, agás cando estas sexan “de sillería”, é dicir, de pedra.
O martes 7 de agosto de 1934, El Pueblo Gallego publica unha alocución do alcalde Campos Varela con motivo da visita do presidente da República: Vigueses!: Mañana miércoles será nuestro huesped el Jefe del Estado [...] Vuestro alcalde, que por serlo conoce y siente orgullo de la nobleza de sentimientos del pueblo que rige, abriga la ciega confianza de que para recibir a S. E. todas las clases sociales y todas las ideas sabrán fundirse en una sola emoción. Campos Varela recibirá a Alcalá-Zamora á unha da tarde na confluencia das rúas Lepanto e García Hernández (antes e agora, Urzáiz). Despois: revista ás tropas, paseo até a casa do concello, recepción, banquete oficial no pazo de Castrelos, subida ao Castro...
El Pueblo Gallego (10-8-1934), en portada, publica a foto da despedida que o pobo de Vigo lle dedicou ao presidente da República tras a súa visita á cidade. Na instantánea, Campos Varela acompaña a Alcalá-Zamora e o seu séquito até o embarcadoiro do Club Náutico vigués. Segundo o parecer maioritario, a visita fora todo un éxito.
O mesmo xornal (14-8-1934), co gallo do “Día de Portugal en Vigo”, informa que, coa presenza do alcalde Campos Varela, fora inaugurado na viguesa praza de Portugal o monumento ao poeta portugués Camões, agasallo do Comité Organizador da Exposición Colonial de Porto.
Por El Pueblo Gallego do 18 de agosto de 1934 sabemos que o alcalde Campos Varela era, asemade, presidente accidental da Caja de Ahorros y Monte de Piedad Municipal de Vigo.
Polo mesmo xornal (26-8-1934) sabemos que o alcalde Campos Varela, parente de conserveiros e salgadores, mediara no conflito da industria do ramo. A representación obreira propón incrementar o salario das mulleres 75 céntimos e o dos homes 50 céntimos. A representación da patronal non acepta a proposta. Campos Varela solicita a transixencia das partes. Remata a xuntanza sen acordo. A representación obreira anuncia que fará uso do dereito de folga. Seis días despois, o 1 de setembro de 1934, El Pueblo Gallego informa que a arbitraxe do gobernador civil ponlle fin ao conflito. Os salarios das mulleres reflectirán unha suba de 40 céntimos e os dos homes, un incremento de 35 céntimos.
Polo mesmo xornal (28-8-1934) sabemos que o alcalde Campos Varela asistira ao banquete popular en homenaxe ao deputado galego do Partido Republicano Radical Emiliano Iglesias, celebrado no parque de Castrelos. Xuntáronse uns 2.000 comensais.
Polo mesmo xornal (5-9-1934) sabemos que o artista coruñés Ramiro Díaz Baliño expón as súas siluetas e paisaxes no salón de Faro de Vigo. Entre os retratos expostos figura a do alcalde Campos Varela (ídem en Vida Gallega, 10-9-1934).
El Pueblo Gallego do 13 de setembro de 1934 informa que o alcalde e o secretario do concello de Vigo son condecorados polo Goberno da República. A Campos Varela concedéuselle a encomenda con placa da Orde da República e a Juan Baliño Ledo o título de cabaleiro da mesma Orde. Segundo lemos no xornal: La condecoración del señor Campos Varela es la segunda, dentro de la graduación que establecen los estatutos de la Orden de la República ... Dentro del régimen republicano constituyen el más preciado galardón que puede otorgarse por el poder público.
Estas distinciones no constituyen unas más dentro de la siembra a voleo que suele hacerse al paso por los pueblos de las visitas oficiales. Se han apreciado en los condecorados condiciones de organización, dotes de talento, desvelos por el afianzamiento del régimen que han culminado en los brillantes grandiosos actos celebrados con motivo de la venida a Vigo del Jefe del Estado, en los que el señor Campos Varela ha logrado comunicar su férvido entusiasmo a las frías masas de Vigo, hasta el extremo de que toda la ciudad se lanzó a la calle para aplaudir fervorosamente a la más alta magistratura del país, y a los ministros que le acompañaban.
Y estos trabajos de enaltecimiento de la patria y de sus instituciones tuvieron una magnífica continuación en las fiestas hispano-portuguesas que con motivo de la inauguración del monumento al gran épico Camões, se celebraron en nuestro pueblo con asistencia del embajador de Portugal, señor Mello Barreto y de otras altas autoridades del país vecino. (Tamén en Vida Gallega, 10-10-1934).
O mesmo xornal informa da apertura dunha subscrición para que o pobo de Vigo agasalle os condecorados con senllas insignias. Como adoita acontecer, as “consumicións” ían por conta do pobo.
Por El Pueblo Gallego (10-10-1934) sabemos que o alcalde Campos Varela encabezaba a Comisión Pro Publicación de “La Escuadra de Plata”, libro da autoría do cronista vigués Avelino Rodríguez Elías, obra que versaba sobre a historia dos galeóns de Rande. Ábrese unha subscrición popular. Tras o golpe de Estado fascista de xullo do 36, o xornalista e escritor Rodríguez Elías viuse obrigado a fuxir de Vigo, exiliándose en Paraguai, onde faleceu.
Por mor dos sucesos revolucionarios, na sesión municipal do día 13 de outubro, o gobernador civil Emilio Fernández Gómez suspende das súas funcións os concelleiros socialistas da corporación viguesa, entre eles o excalcalde Emilio Martínez Garrido. Elíxese novo alcalde e noméanse concelleiros interinos. El Pueblo Gallego do 14 de outubro de 1934 informa do cesamento de Campos Varela. Substitúeo na alcaldía o arquitecto Emilio Salgado Urtiaga, presidente do Partido Radical de Vigo, porén, o incombustíbel Campos Varela fica de primeiro tenente de alcalde (ídem en Vida Gallega, 20-10-1934 e El Tea, 24-10-1934).
O 16 de outubro de 1934, El Pueblo Gallego informa que, tras sete meses exercendo de alcalde, o primeiro tenente de alcalde Campos Varela presentaba agora unha moción co obxectivo de pórlle fin á grave situación na que se achaba a Facenda municipal.
No mesmo xornal (25-10-1934) lemos que Campos Varela é elixido para integrar a Comisión de Beneficencia e Sanidade.
O mesmo xornal (13-11-1934) informa que Campos Varela acudira aos actos de homenaxe ao vigués Camilo Molins Carreras, ascendido a contralmirante da Armada Española. O 23 de xuño de 1939, o mesurado e leal Molins Carreras foi fusilado en Cartaxena pola cegueira fascista.
Polo mesmo xornal (1-12-1934) sabemos que Campos Varela colaborou con 25 pesetas na homenaxe ao doutor Casas (Xosé Casas Comesaña), médico municipal coñecido como “o pai dos pobres”. No ano 1934 erixiuse un monolito coa súa efixie en bronce no barrio de Bouzas (ant. concello), onde exerceu.
No mesmo xornal (20-2-1935) lemos que Campos Varela, en calidade de alcalde accidental, asistira ao sepelio da sogra de Fernando Villamarín Rodríguez, deputado a Cortes.
Por El Pueblo Gallego (27-2-1935) sabemos que Campos Varela fora dado de baixa na sociedade agraria á que pertencia (Sociedade de Agricultores de Coruxo) e, xa que logo, na Federación Agraria de Vigo (ídem en El Tea, 4-3-1935).
Continuará...