Tras o seu cese, Campos Varela aínda recuperará o bastón de mando de xeito intermitente. O día 20 de febreiro, por mor dos resultados electorais, o socialista Emilio Martínez Garrido substitúe a Campos Varela na alcaldía.
Calros Solla
Y ya tenemos elevada al doble, gracias a ese heroico esfuerzo, la suma del drama. Y mientras tanto el pueblo paciente aguanta y paga.
En El Pueblo Gallego (7-7-1935), Campos Varela deféndese das anteriores acusacións, explicando a diferenza entre “pagos a justificar” e “pagos a formalizar”.
Alcalde e exalcalde intercambian reproches na prensa local. Salgado Urtiaga, en El Pueblo Gallego (19-7-1935), reitera as súas acusacións de irregularidades contábeis durante a xestión de Campos Varela.
En novembro, Campos Varela, en calidade de tenente de alcalde, asiste na Sociedade La Oliva a unha conferencia do doutor Iglesias titulada “La vida en el mar” (El Pueblo Gallego, 12-11-1935).
O 7 de xaneiro de 1936, El Pueblo Gallego publica un edicto da alcaldía no que se informa que o concello vai adquirir por concurso oitenta e cinco impermeábeis e vinte traxes de faena “(monos)” para o Servizo Municipal de Limpeza Pública. Campos Varela, que recuperara a alcaldía, asina o bando.
O mesmo xornal (8-1-1936) informa doutra reorganización levada a cabo polo Goberno Civil na corporación viguesa. Ánxel Campos Varela aparece na listaxe de concelleiros repostos, pertencentes á anterior corporación e que foran elixidos polo pobo. O mesmo día oito, no salón de sesións do concello, celébrase unha xuntanza presidida polo delegado gobernativo Alberte Martínez Tiscar co obxectivo de conformar a nova corporación. Tras as votacións, Manuel Hidalgo Rodríguez faise coa alcaldía e Ánxel Campos Varela é ratificado como primeiro tenente de alcalde (El Pueblo Gallego, 9-1-1936 e El Tea, 14-1-1936).
Alberte Martínez Tiscar será detido o 6 de setembro de 1936 por un fato de falanxistas, cívicos e membros da Garda Civil. Foi torturado, asasinado e fondeado en augas de Bueu.
Na sesión municipal celebrada o 10 de xaneiro de 1936, Campos Varela é escolleito para integrar a Comisión de Gobernación.
Por El Pueblo Gallego (26-1-1936) sabemos que Campos Varela, de novo en calidade de alcalde, recibira, procedentes de Madrid, o director do Colegio Nacional de Ciegos e mais o director do Colegio Nacional de Sordomudos. Despois visitaron a Escola Municipal de Cegos que o concello sostiña na rúa de Cervantes.
Os días 16 e 23 de febreiro de 1936 celebráronse no Estado as terceiras eleccións xerais da II República. O día 20, por mor dos resultados, remodélase a composición da corporación viguesa. Campos Varela cesa como alcalde. É substituído polo socialista Emilio Martínez Garrido, que recupera a alcaldía. Segundo o xornal pontevedrés El País (22-2-1936), Campos Varela non quixo parabenizar a nova autoridade.
Tras a sublevación fascista de xullo de 1936, Emilio Martínez Garrido foi detido, xulgado en consello de guerra e fusilado no cemiterio de Pereiró o 27 de agosto de 1936.
Concluída a súa vida política, Campos Varela dedicarase de cheo á avogacía, conxugando a súa profesión co seu cargo de xefe provincial da Sección Económica Sindical da Pesca e coa xestión da súa empresa de conservas “La Canidense”.
El Pueblo Gallego (3-3-1936) informa da voda entre Branca Cerqueira Pose e Luís Collado de Ozores. Casan na parroquial de Santiago de Vigo. Branca Cerqueira era filla de Antonio Cerqueira Domínguez “prestigioso fabricante de conservas” e sobriña política de Campos Varela, que asina na acta como testemuña da noiva.
Continuará...