O colectivo Capitán Gosende conclúe o inventario dos reloxos de sol de Cerdedo sumando tres cuadrantes na parroquia de Folgoso
Calros Solla
O paseo pola parroquia de Parada (lugares de Parada, A Mouteira, Milladoiro, Insua e Framil) non deparou resultados positivos. Da nosa visita á parroquia de Folgoso (lugares de Covas, Cachofés, O Casal, Outeiro, Quinta, A Esbarrela e Vilariño) obtivemos noticia doutros tres cuadrantes.
Parroquia de Folgoso
Cachofés:
–A Santa Bárbara.
Á beira da estrada nacional, encol da clave dun portal arcado, pousa unha imaxe en pedra da santa Bárbara, padroeira de canteiros, mineiros, artilleiros ou aqueloutros profesionais manexadores de explosivos. Efeméride: 4 de decembro.
Bárbara de Nicomedia foi unha mártir cristiá (sécs. III-IV). Filla do sátrapa Dióscoro, que a pechou nun alxube casteleiro para forzar un casamento de comenencia e para evitar a súa conversión ao cristianismo. A súa reclusión foi en van; daquela, o pai ordenou o seu tormento, que tamén foi inútil. O propio Dióscoro acabaría cortándolle a cabeza á filla.
Iconografia da santa Bárbara de Folgoso: moza sen coroa, acaroada a unha torre na que se abren tres ventás (os vans simbolizan a Santísima Trindade). Á escultura fáltalle a man dereita, coa que podería termar dunha palma, símbolo do martirio. A imaxe asenta sobre pedestal cuadrangular. Na cara frontal e mais nas laterais do pedestal lese, enmarcada, a inscrición “S-BARBARA”.
No reverso da torre (orientación sueste), tallouse o reloxo de sol. Cuadrangular e antropomorfo. O limbo é circular. Gnomon metálico triangular.
O reloxo de sol da santa Bárbara foi consignado no libro Relojes de piedra en Galicia (1986, páx. 55, fotografías 7 e 8) de Xosé Luís Basanta.
O Casal:
–O reloxo de sol da casa de Cota.
Sitúase nunha das paredes da vivenda que dá cara a un patio ou curral interior. O testemuño dunha veciña serviunos para anotar que o cuadrante é de tipoloxía cuadrangular. O gnomon, de ferro, é triangular.
Vilariño:
–O reloxo de sol da casa de Carme Barros.
Desapareceu do seu postoiro hai sesenta ou setenta anos. Pousaba nas sobrepenas dunha casa do rueiro denominado O Medio do Lughar. Orientación sur. Tallado en pedra de gran. Tipoloxía cuadrangular. A peza tiña a parte superior arredondada e asentaba nunha pequena plataforma. O gnomon era unha variña metálica.
Tras o escrutinio das parroquias de Parada e Folgoso, engadimos 3 reloxos de sol á nosa listaxe, xa definitiva. Polo tanto, tras semanas de traballo, nas parroquias de Cerdedo, Pedre, Castro, Quireza, Figueiroa, Tomonde, Parada e Folgoso documentáronse un total de 41 reloxos de sol, dos cales, que saibamos, só se conservan 19. É dicir, en cincuenta anos (aprox.), Cerdedo viu diminuír o seu patrimonio etnográfico en 22 reloxos de sol. A parroquia máis damnificada foi a de Cerdedo.
Desagregando os reloxos de sol por parroquias: Na de Cerdedo conservaríanse 4 cuadrantes de 13; na de Pedre, 3 de 4; na de Castro, 3 de 6; na de Quireza, 4 de 9; na de Figueiroa, 0 de 2; na de Tomonde, 3 de 4; e na de Folgoso, 2 de 3. Na parroquia de Parada non nos deron razón da existencia presente ou pasada deste mobiliario.
Ordenando os datos recadados nesta investigación:
Os 41 cuadrantes cerdedeses son (ou eran) verticais e ortomeridianos. Os reloxos están (ou estaban) tallados en pedra (xeralmente, granito). Apenas 1 (de recente colocación) é de metal.
Dos 19 cuadrantes existentes, uns 11 cumpren a súa función. Os máis, ou carecen de gnomon ou están mal orientados.
Dos reloxos documentados, 3 adobían igrexas, 3 enfeitan (ou enfeitaban) canastros e, os máis (35), son (ou eran) aderezo das vivendas.
Segundo a información obtida, 6 cuadrantes están (ou estaban) embutidos nas paredes das construcións; 5, penduran (ou penduraban) das paredes; 6 asentan (ou asentaban) sobre peañas saíntes; 5, álzanse (ou alzábanse) encol do pinche de casas ou canastros; 9 pousan (ou pousaban) nas sopenas das vivendas; e 4 sobre as lumieiras ou arcos de portais. Ignórase a disposición de 6.
Segundo a información obtida dos reloxos documentados, 15 ou 16 teñen (ou tiñan) o limbo rectangular, mentres que 12 ou 13 teñen (ou tiñan) o limbo circular. En 13 casos (todos eles desaparecidos), ignórase a fasquía do limbo.
Segundo a información obtida dos reloxos documentados, 7 ou 8 son (ou eran) antropomorfos.
Segundo a información obtida dos reloxos documentados, 8 presentan numeración horaria: 4 en romanos e 4 en arábigos.
Segundo a información obtida dos reloxos documentados, 17 teñen (ou tiñan) gnomon triangular e 6 teñen (ou tiñan) gnomon de variña. En 18 casos (vulnerados ou desaparecidos), ignórase a fasquía do gnomon.
No tocante á autoría dos reloxos, só demos recadado o nome de 3 dos canteiros artífices.
E até aquí, da man do colectivo Capitán Gosende, o capítulo dedicado aos cuadrantes cerdedeses. Os farois, os reloxos e os amores, en por alto. Traballo feito non corre présa. Vulnerant omnes, ultima necat.